Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 9 de Xaneiro de 2014 Mansilla Blanco

Un diálogo con Cuba

O ministro holandés de Exteriores, Frans Timmermans (esquerda) saúda ao seu homólogo cubano Bruno Rodríguez na Habana.

O pasado 7 de xaneiro, o ministro holandés de Exteriores, Frans Timmermans, visitou a illa caribeña para subscribir co seu homólogo cubano Bruno Rodríguez un acordo bilateral orientado a focalizar un proceso de diálogo entre Holanda e Cuba. Nese sentido, Timmermans instou á Unión Europea a actualizar e adoptar unha posición aperturista con Cuba, superando o actual nivel de estancamento, afirmando que “en Cuba estanse producindo feitos interesantes(1).

A apertura holandesa cara Cuba non pode pasar inadvertida, especialmente pola certificación dese nivel de estancamento nas relacións UE-Cuba e, particularmente, polo notorio e paulatino silencio da diplomacia española, tradicional actor de influencia sobre a estratexia europea cara a illa caribeña, derivada da Posición Común de 1996 impulsada polo entón presidente español José María Aznar, e que condiciona as relacións europeas coa illa á posibilidade de cambios políticos internos.

Dende o punto de vista diplomático, Holanda é un país tradicionalmente sensible aos asuntos relativos á defensa dos dereitos humanos e a pluralidade política, un tema que normalmente provoca tensións e friccións nas relacións cubano-europeas. Curiosamente, o ministro de Exteriores holandés felicitou ao goberno cubano polos seus esforzos por “resolver os conflitos da rexión”, en clara alusión ás negociacións de paz entre o goberno colombiano e a guerrilla das FARC que se levan a cabo na Habana desde finais de 2012.

Con todo, a visita de Timmermans, a primeira dun alto cargo holandés á illa caribeña dende a Revolución de 1959, tivo un marcado cariz económico e comercial, tomando en conta a prolífica presenza de empresarios holandeses nesta misión,  coincidindo co momento das reformas e de actualización do modelo económico establecidas polo presidente Raúl Castro desde 2008.

Este aspecto vese consolidado ante o feito de que o porto holandés de Rotterdam corresponde a un punto estratéxico de recepción e distribución cara outros países de exportacións cubanas, principalmente do níquel(2).  Incluso, o propio Timmermans asistiu á apertura dunha clínica futbolística na Habana realizada polo club holandés Feyenoord de Rotterdam, un feito inédito en Cuba. E en perspectiva está a posibilidade de investimentos holandeses na Zona Especial de Desenvolvemento de Mariel (ZEDM), ao oeste da capital cubana.

A visita de Timmermans coincidiu igualmente coa adopción do goberno cubano dun sistema de arredendamento privado para a empresa estatal CUBATAXI, ampliando así a dinámica das reformas que permitan a apertura de “contapropistas” cara diversos sectores de servizos. Esta liberalización igualmente está ampliándose cara outros sectores como o automobilístico (especialmente da compra e venda de coches usados) así como da Internet, aspectos que provocan unha prolífica actividade por parte da mocidade cubana a través das redes sociais(3). Outras reformas inclúen a ampliación do traballo privado, a creación de cooperativas de servizos, a redución das nóminas de traballadores estatais e a concesión de terras en usufrutos, así como está en discusión a posibilidade de liberalizar o Peso Cubano Convertible.

En novembro pasado, no marco da XXXI Feira Internacional da Habana, Rodrigo Malmierca, ministro de Comercio Exterior e dos Investimentos Estranxeiros (MINCEX) e membro do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, adiantou oficialmente que a apertura da ZEDM está prevista para xaneiro de 2014, como motor de impulso para os investimentos estranxeiros na illa, principalmente en materia tecnolóxica e de xestión(4).

Neste marco, China, Brasil, Rusia, Canadá, Reino Unido e Francia lideran as opcións de posicionarse con maior forza entre os países con maior capacidade de investimentos na ZEDM. Por tanto, a recente visita de Timmermans ampliou esta perspectiva de investimentos e oportunidades que, no marco europeo, estancado pola crise económica e a parálise de estratexias bilaterais cara Cuba, debe observar con maior atención e mesura.

 

 



(1) “Ya es tiempo de que la UE actualice sus relaciones con Cuba”, Granma Internacional (Cuba), 7 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.granma.cu/espanol/internacional/7enero-ya-es.html

(2) “Holanda rompe filas con la UE y abre diálogo político con Cuba”, Deutsche Welle en español, 7 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.dw.de/holanda-rompe-filas-con-ue-y-abre-di%C3%A1logo-pol%C3%ADtico-con-cuba/a-17346952

(3) Un portal particularmente activo é OnCuba: http://www.oncubamagazine.com/, radicado en EEUU pero acreditado en Cuba polo Centro de Prensa Internacional, e que permite observar as novidades e tendencias que marcan pautas relevantes do momento que vive a illa caribeña. Paralelamente, Cuba vive unha conxuntura sumamente prolífica nas redes sociais, a través de diversos blogs de participación inclusiva, como Bloguea, Plataforma de Xornalistas Cubanos (http://bloguea.cu/), que ofrecen diversas perspectivas, debates e discusións sobre os cambios que vive o país.

(4) “Conferencia sobre la Zona Especial de Desarrollo del Mariel abrirá tercera jornada de FIHAV”, Cubadebate (Cuba), 5 de novembro de 2013. Ver en: http://www.cubadebate.cu/noticias/2013/11/05/conferencia-sobre-la-zona-especial-de-desarrollo-del-mariel-abrira-tercera-jornada-de-fihav/

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais