Un modelo turco para o mundo árabe?

Diversos sectores de opinión e analistas reflexionan sobre a posibilidade de que Turquía se converta nun modelo viable dentro do actual contexto de cambios políticos no mundo árabe. Compre considerar algunhas variables importantes neste sentido: o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, foi un dos líderes máis críticos co réxime exipcio de Hosni Mubarak unha vez acaeceron as protestas no Cairo.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Diversos sectores de opinión e analistas reflexionan sobre a posibilidade de que Turquía se converta nun modelo viable dentro do actual contexto de cambios políticos no mundo árabe. Compre considerar algunhas variables importantes neste sentido: o primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, foi un dos líderes máis críticos co réxime exipcio de Hosni Mubarak unha vez acaeceron as protestas no Cairo.

Paralelamente, o movemento dos Irmáns Musulmáns, actor clave na inevitable transición post-Mubarak en Exipto, amosou a súa inclinación a seguir o “modelo islamita moderado” do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP polas súas siglas en turco), no poder en Turquía desde 2002.

Referencia histórica clave na formación dos movementos políticos islamitas en Oriente Próximo desde a súa creación en 1928, os Irmáns Musulmáns constitúen igualmente un modelo para outros actores rexionais, como o palestino Hamás e o libanés Hizbulah, aínda que a influencia iraniana tamén é evidente nestes e noutros movementos islamitas na rexión.

Seguindo co modelo turco, o propio Mohammed ElBaradei, ex Premio Nobel da Paz, ex secretario xeral da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e actualmente promovido por EEUU na tentativa (probablemente infrutuosa) de impoñelo como figura política central na transición exipcia, eloxiou abertamente o modelo turco, que compatibiliza unha especie de “Islam laico” nunha sociedade fortemente sometida a un proceso de occidentalización e laicización republicana.

A proxección rexional do AKP turco

A pesar da presión do poderoso estamento militar turco e dos nacionalistas e sectores republicanos máis reaccionarios, o AKP ven sendo lexitimado con ampla maioría popular a través de diversas eleccións nos últimos anos, abordando a posibilidade dunha nova reelección no 2012, que o consolidaría como o auténtico partido hexemónico do escenario político turco.

Deste modo, a “revolución silenciosa” do AKP, orientada a equilibrar a herdanza islámica e laica dentro dunha sociedade ansiosa por alcanzar cambios progresistas, está configurando unha serie de mudanzas e progresos nun país cada vez máis emerxente no plano internacional. Turquía é actualmente a 17º potencia comercial a nivel global, mentres multiplica a súa presenza como actor clave na diplomacia e na economía euroasiática e de Oriente Próximo. Como a Turquía republicana de Atatürk na década de 1920, a Turquía do “islamismo laico” de Erdogan e do AKP está abrindo novas perspectivas para un país con claras pretensións de “potencia emerxente”.

Obviamente, a xeopolítica dos cambios que actualmente están acontecendo no Magreb e en Oriente Próximo, obriga a diversos actores a buscar modelos de referencia, non automaticamente viables en diversos contextos. En primeiro lugar, a proxección turca no mundo árabe non resulta exactamente favorable, en parte pola herdanza do pasado imperial otomán e ante o feito de que Turquía fora o primeiro país musulmán en recoñecer a existencia do Estado de Israel en 1949, que deu paso a partir de 1996 a unha estreita alianza xeopolítica, militar e comercial entre ambos países.

Non obstante, as rebelións e transicións políticas en Tunisia e Exipto poden ponderar a viabilidade do modelo turco. Inmersas nun forte proceso de occidentalización e laicización nas últimas décadas, as sociedades tunecina e exipcia tamén albergan importantes cotas de clases populares con forte arraigo relixioso musulmán, un escenario a ter en conta por parte dos actores involucrados nas respectivas transicións neses países.

Máis no caso exipcio ca no tunecino, a ausencia de equilibrios de poderes nesta incerta etapa de transición pode espallar unha radicalización do islamismo político que, notoriamente, afectaría a capacidade de influencia do pretendido modelo turco. Velaí a posibilidade dun achegamento entre o AKP turco e os Irmáns Musulmáns exipcios, que permita abrir unha nova perspectiva para o islamismo político rexional, cunha variante mais moderada, menos integrista e catalizadora dunha serie de demandas progresistas que vertebren a diversas capas socioeconómicas.

Non obstante, compre salientar algunhas diferenzas nos casos tunecino e exipcio con respecto a Turquía. Os Irmáns Musulmáns e o movemento tunecino islamita Ennahda(Renacemento), foron ilegalizados, co cal cargan cunha pesada herdanza de marxinalidade política que pode provocar unha maior radicalización das súas bases.

Se ben o AKP turco é herdeiro do tamén islamita (e moitas veces ilegalizado) Partido do Benestar (Refah Partisi), o islamismo turco xa tivo períodos de inclusión dentro do sistema político dese país, incluso alcanzando brevemente o poder entre 1996 e 1997, posteriormente deposto por un golpe de Estado realizado polas elites laicas e militares, coa total anuencia occidental.

Tensións dunha nova xeopolítica

Nun plano rexional, a EEUU, Europa e Israel conviríalles a propagación do modelo turco dentro do mundo árabe, por provir dun país tradicionalmente aliado e coa  clara intención por obstaculizar unha deriva islamita antioccidental no mundo árabe, así como a posible penetración iraniana nos movementos islamitas rexionais, moito máis clara no caso libanés co Hizbulah e a través da alianza de Teherán con Siria.

Nas súas declaracións públicas, os Irmáns Musulmáns exipcios tentan afastarse de calquera referencia cara Irán pero a favor do “modelo AKP” turco. O temor occidental ante o eventual ascenso do islamismo político tralos acontecementos en Tunisia e Exipto, marcaría un arriscado pulso de prioridades que, inevitablemente, involucraría a países como Turquía, Irán, Arabia Saudita, EEUU e Israel dentro dos procesos de cambio no mundo árabe.

Pode que os modelos islamita turco e iraniano entren eventualmente en colisión ante as súas respectivas pretensións por ofrecerse como referencias viables para o islamismo político no mundo árabe. Non obstante, os imperativos da realpolitik internacional alteran levemente este escenario: a mediados de 2010, o islamita moderado Erdogan abriu unha importante xanela de relación con Irán, a través dun pacto nuclear que inclúe a Brasil, coa clara pretensión de minorar o illamento internacional de Teherán, intensificado polas presións políticas e das sancións da AIEA de cara ao programa nuclear iraniano.

Ao mesmo tempo, o distanciamento entre Turquía e Israel é notorio desde 2009, a raíz das fortes críticas de Erdogan cara a agresión israelí no territorio palestino de Gaza, un aspecto que tamén abriu unha fenda nas relacións entre Ankara e Washington, obviamente aproveitada por Teherán. Deste modo, o AKP está necesariamente “redescubrindo” un mundo árabe e islámico anteriormente imposibilitado pola férrea occidentalización da sociedade turca, sometida tamén aos imperativos xeopolíticos e militares de EEUU e Israel.

No actual contexto, é posible que as crises tunecina e exipcia permitiran a Erdogan abrir as portas dunha maior implicación turca na política do mundo árabe e no complicado xadrez xeopolítico de Oriente Próximo. A penetración económica turca é sobradamente importante en Iraq, e serve como territorio de paso dos gasodutos e oleodutos dende Iraq e o Mar Caspio ata Occidente.

De cara ás eleccións de 2012, o AKP non só afirma o seu interese por hexemonizar o escenario político turco senón por ampliar as perspectivas rexionais de actuación e influencia. Pero está por ver se o modelo turco realmente será unha referencia viable para un mundo árabe actualmente convulsionado por unha serie de rebelións populares e incertos cambios políticos.

Ao mesmo tempo, debe observar con atención ata qué punto a década no poder do AKP permitiu transformar a sociedade turca e cal será o futuro político deste partido, acosado por un reiterado pulso interno entre diversos sectores reaccionarios que acusan a Erdogan de tentar impoñer unha “axenda islámica oculta”. Aínda así, a actual implicación de Ankara nos sucesos do mundo árabe constitúe unha variable sumamente innovadora na xeopolítica rexional.