Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 2 de Abril de 2014 Ríos

Un novo pensamento

O G7 está de volta trala exclusión de Rusia do G8 en represalia pola súa anexión de Crimea. O chanceler Lavrov respondeu sinalando con retranca que tal feito non era unha “grande traxedia” para o seu país. Pero o certo é que as percepcións occidentais de Rusia mudaron sensiblemente a resultas da súa actitude na crise ucraína. Se ben non pode descartarse un retorno á “normalidade”, este non parece próximo, especialmente polo feito de que a actitude de Moscova non é tanto un feito puntual como a expresión dun xiro estratéxico na súa política exterior, como sinalou o ex embaixador de EUA en Moscova, Michael McFaul, a cada paso máis maduro. Moscova pareceu concluir que as súas posibilidades de confirmación como actor autónomo no escenario internacional dependen proporcionalmente da súa disposición a tomar distancias con respecto a Occidente. De feito, a participación no G8 nunca se traduciu nun maior protagonismo internacional senón nunha dilución efectiva por asimilación.

Resta por saber agora se o acontecido pode dar lugar en efecto a unha nova guerra fría ou a reacomodos menores na política mundial. Nun momento en que tantas especulacións abundan sobre presuntos plans de invasión, refundación de alianzas, concesión de préstamos millonarios, etc., haberá que agardar a concreción de decisións para determinar o sentido último do novo rumbo.

O que non cabe agardar a curto prazo son mudanzas significativas de posición: nin Occidente vai renunciar a Kiev, nin Rusia a Crimea. Se a isto unimos a psicose en torno aos conflitos relacionados co status das minorías rusas en Moldova ou o Báltico, mesmo pode imaxinarse un empeoramento. Nese sentido, moitos confían na capacidade das relacións comerciais para amortecer calquera agravamento, en especial multiplicando sancións de certo porte. A adopción de medidas duras de resposta por calquera das partes só pode levar consigo unha escalada de represalias mutuas dunha gravidade acumulativa que non se pode subestimar, mesmo sen descartar guerras comerciais se das sancións ás persoas, fase na que agora estamos, se pasa ás sancións ás empresas.

Mais problemática semella a redución da dependencia enerxética de Rusia, cando menos a curto prazo. Nas crises de 2006 (pola interrpución do subministro de gas ruso) e 2008 (guerra con Xeorxia) escoitáronse as mesmas lerias, pero todo quedou en nada. Agora dise que a cousa vai en serio. Veremos.

A posición de China neste xogo cada vez mais tripolar (ver a edición 2013-2014 do IGADI ANNUAL REPORT) importa especialmente. O Der Spiegel, avaliando as consecuencias desta crise, sinalou recentemente que China e Rusia poden mudar o equilibrio de poder mundial se son capaces de reforzar a súa cooperación política, económica e militar. Beijing abstívose na votación do Consello de Seguridade da ONU sobre a resolución a propósito de Crimea, pero o PCCh, a través das súas voces oficiosas nos medios afíns, amosou menos inhibición ao postular esa aproximación como base irrenunciable para acadar unha estabilidade global que poida servir de parapeto fronte aos reiterados fiascos occidentais.

Segundo o Global Times, do grupo do Diario do Pobo, onde se cualificaron a EUA e a UE como “tigres de papel”, China ve con bos ollos a disposición rusa a defender os seus intereses centrais, unha vontade claramente subestimada por Occidente.

Regresar a unha política de bloques, unha dinámica á que parece obrigar a políticas de contención dos rivais estratéxicos de Occidente, non é, con todo, o mais desexable. Se algo demostra a crise de Ucraína é que coa aplicación da mentalidade da guerra fría nos tempos actuais non hai vencedores. Lamentablemente, o rastro dos impulsos “humanitarios” de Occidente en Iraq, Libia, ou Afganistán é o da desolación. A estabilidade non está nin moito menos garantida en Kiev. Esta situación podería repetirse nos próximos anos noutros escenarios. A resposta de Rusia alentando o reforzamento da cooperación militar no patio traseiro de EUA amosa unha reciprocidade de moi curto percorrido.

O que realmente se precisaría é transcender esas vellas dinámicas. Unha nova orde mundial non pode xurdir simplemente de mudanzas nas correlacións de forzas, un proceso sen retorno, ou da eclosión e declive das grandes potencias, senón dun novo pensamento que aborde as crises (políticas, ambientais, económicas, etc.) cunha perspectiva que sitúe as persoas no epicentro das relacións internacionais. Non pode haber mundo novo nin orde nova con pensamento non vello, rancio.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais