Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
El Periódico 21 de Xaneiro de 2016 Ríos

Un novo rumbo en Taiwan

Trala humillante vitoria de Tsai Ing-wen e o Partido Democrático Progresista (PDP) en Taiwan, moitas voces clamaron de inmediato a favor do acougo nas relacións a través do Estreito. E é que, aínda que esperado por todos, o cambio de rumbo na política de Formosa abre un horizonte inevitable de incertezas. A propia Tsai fixo valer en campaña a súa mensaxe de compromiso co status quo, pero a súa propia vitoria é unha derrota en toda regra dun estado de cousas marcado pola interlocución case exclusiva do seu rival, o Kuomintang, no diálogo co continente. 

Hai dúas principais interpretacións do status quo. A que comparten o Partido Comunista de China (PCCh) e o Kuomintang (KMT), que alude á integración das propostas dun e outro. Dos “tres nons” do KMT (non unificación, non independencia, non violencia) á fórmula “un país dous sistemas” do PCCh, o Consenso de 1992 (só existe unha China aínda que cada parte difire na interpretación) estableceu o mínimo común denominador aceptable para ambas partes. Sobre esa base avanzouse desde 2005, e sobre todo desde 2008, no establecemento dun terceiro espazo de construción dunha identidade común baseada na interacción progresiva a todos os niveis. O propósito de ambos partidos consistía en ir ensanchando aos poucos ese espazo.

A vitoria do PDP dá ao traste con ese procedemento que apunta á unificación de feito como vía para resolver o problema histórico da separación, primeiro no século XIX e despois no XX. O status quo de Tsai non é o status quo do tándem PCCh-KMT. Si para estes trátase dun punto de partida, para Tsai trátase máis ben dun límite. Comprometerse co statu quo significa para Tsai declarar que non se van a dar pasos en dirección á independencia pero é previsible que tampouco en dirección á unificación. Fronte a un concepto dinámico do status quo, o que ofrece Tsai é un concepto estático. Por iso, a incerteza rodea ata o futuro inmediato dos acordos e negociacións recentes onde se estableceron algúns complexos avances. Por outra banda, a implementación completa de acordos xa asentados podería experimentar algúns reveses á vista do protagonismo parlamentario que se avizora en todas as cuestións relativas ao diálogo a través do Estreito.

A figura dun mediador que poida contribuír inicialmente a tender pontes entre ambas partes foi evocada durante a campaña. James Soong, o líder do Partido o Pobo Primeiro, formación de signo nacionalista escindida do KMT e con tres deputados, ben recibido en Beijing, podería desempeñar algún papel neste sentido. Nos últimos anos, os intentos de formalizar un diálogo PCCh-PDP a través da vía local ou académica, que persisten, non se viron coroados do todo polo éxito. 

Si as cousas están complicadas no plano institucional, a situación non é mellor a outros niveis. A mensaxe transmitida polo electorado taiwanés en relación á unificación é que nin quere nin ten présa, contrariamente ao manifestado por Xi Jinping no continente quen aseverou que este problema non se pode deixar pendente de xeración en xeración. O estudantil Movemento Xirasol, na primavera de 2014, catalizou as alarmas, aglutinadas agora singularmente por eses cinco deputados do Partido Novo Poder, propiciando un espectacular xiro da sociedade taiwanesa que noqueou ao KMT. Cos recambios queimados nestas eleccións, levaralle o seu tempo recuperarse.

Beijing precisa altura de miras. Para o continente, Taiwan é casus belli. Por iso mesmo ten que demostrar cintura suficiente para recoñecer de facto as novas autoridades taiwanesas e traballar con elas si ansía vencer as resistencias sociais na illa. Respectar a democracia multipartidista existente en Taiwan obrígalle a ter en conta todas as forzas. Por outra banda, Tsai debe ter presente que durante o mandato de Chen Shui-bian (tamén do PDP), entre 2000 e 2008, os esforzos de Taipei por abrirse a outros espazos económicos foron baldíos. Malia a vocación criptoindependentista de Chen, a dependencia económica de Taiwan respecto ao continente acentuouse. 

Tsai Ing-wen debe facer fronte a unha situación económica estancada, feito que tamén pesou na derrota nacionalista. A integración nos bloques rexionais en formación espéralle, pero deberá contar coa anuencia continental que detenta importantes capacidades para obstaculizala. Por outra banda, iso esixiralle tamén a adopción de medidas liberalizadoras e impopulares. A súa presidencia, nacida con tan boa estrela e tan amplo apoio, non será coser e cantar.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais