Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 12 de Abril de 2013 Ríos

Unha obra sempre actual

A Arte da Guerra de Sun Zi, en lingua galega

O verdadeiramente interesante e sorprendente de A Arte da Guerra de Sun Zi, o clásico chinés que damos a coñecer estes días na nosa lingua galega nunha coidada presentación de Teófilo edicións, é que a pesares de contar con máis de dous mil anos de antigüidade segue a ser unha obra plenamente actual.

Éo pola acertada contundencia dos seus numerosos aforismos pero, sobre todo, porque forma parte dese legado cultural da milenaria civilización chinesa que exerce unha poderosa influencia na conduta política e na mentalidade dos dirixentes da potencia que está chamada a confirmarse como un dos países centrais do sistema internacional do presente século. Entre outras cousas tamén porque os dirixentes deste país conceden ao coñecemento da historia un papel central na súa formación gobernando cunha man no presente e outra no pasado. Por iso, para comprender ese país, que tanta importancia pode chegar a ter nos próximos anos, é indispensable mergullarse nesta obra.

Sun Zi é un autor clásico que viviu na época previa a Confucio –algúns din que foi coetáneo del-. Se quixeramos sintetizar a esencia do seu pensamento habería que resaltar a aposta polo uso de métodos non violentos para acadar a vitoria nun conflito. A arte da guerra fundaméntase no engano, deixou escrito, e sempre é mellor gañar sen loitar. Gran parte da cultura estratéxica de China asenta na idea de que non é a forza material a clave do poder – o cal non quer dicir que sexa irrelevante- senón a moralidade, a intelixencia. E é a atracción cultural a forza máis eficaz para dobregar calquera hostilidade.  Por iso a construción dunha civilización espiritualmente superior a todas as demais é o principio de calquera posición invencible e o fomento do seu poder sedutor a mellor garantía para unha convivencia en paz. ¿Quen se dixo que inventou o poder brando?....

Se esta é unha obra de todos os tempos, obxecto de estudo nas academias militares de todo o mundo, en universidades e escolas de negocios, do punto de vista das relacións internacionais reviste o máximo interese nun momento de transición global como o actual.

Son moitos os que en China comparan a fluidez do tempo presente coa época dos Reinos Combatentes (séculos V a III ane.) cando este libro tivo moita prédica, unha etapa onde diversos reinos pugnaban na China por facerse co poder central, a inmediatamente posterior a Sun Zi (Período da Primavera e o Outono) e previa á fundación de China por Qin Shihuangdi. Aquela viña sendo unha China internamente multipolar e o xogo de relacións e conflitos entre os actores emerxentes que non estaban aínda en condicións de superar o poder hexemónico suxire hoxe o estudo das súas accións para intuír e orientar os vectores de conformación da orde da posguerra fría. É por iso que os estrategos chineses levan anos estudando a conciencia aquel período histórico tratando de deducir as claves aplicables ao presente.

A propia escola do PCCh e do seu Exército é ben debedora desta obra de Sun Zi. Mao recoñecía abertamente a súa influencia nas estratexias que lle permitiron vencer a un exército tan infinitamente máis poderoso como era o do KMT. Outro tanto podemos adiviñar cando Deng Xiaoping facía fincapé na súa principal contribución á política exterior da China post-maoísta: non hai que apresurarse, hai que agardar o momento. Esa paciencia, cultivada coas alianzas, é o que permite gañar no último momento. Observar a política exterior de China e contrastala coa Arte da Guerra de Sun Zi ilumina os seus contornos e axuda a entender mellor a razón e sentido último de moitos comportamentos.

Nunca trece breves capítulos deron tanto de si. Que agora poidamos gozalos na nosa lingua galega é un motivo de satisfacción adicional.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais