Unha terceira vía para Taiwan?

Tsai Ing-wen, a nova presidenta taiwanesa, non sorprendeu no seu discurso de investidura. As súas palabras foron as esperadas e delas cabería destacar varias impresións. A primeira, que o seu mandato terá unha forte carga interna, con atención aos problemas domésticos e económicos, e reparadora polo menos en dous sentidos: un relacionado con lograr un mellor desempeño da xustiza social, outro coa memoria histórica non só no que incumbe ao legado da ditadura do KMT senón á dignidade debida ás comunidades aborixes. 

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Tsai Ing-wen, a nova presidenta taiwanesa, non sorprendeu no seu discurso de investidura. As súas palabras foron as esperadas e delas cabería destacar varias impresións. A primeira, que o seu mandato terá unha forte carga interna, con atención aos problemas domésticos e económicos, e reparadora polo menos en dous sentidos: un relacionado con lograr un mellor desempeño da xustiza social, outro coa memoria histórica non só no que incumbe ao legado da ditadura do KMT senón á dignidade debida ás comunidades aborixes. 

A segunda, que aspira a establecer un novo equilibrio a través do Estreito. Como se vaticinou, non houbo recoñecemento explícito do Consenso de 1992, o “compás máxico que acouga os mares”, aínda que asegurou a continuidade dos mecanismos de diálogo existentes, circunstancia que non só depende da vontade de Taipei.

A terceira, que aspira a máis apoio desa comunidade internacional que di profesar os valores democráticos, en especial dos seus dous grandes aliados oficiosos, Estados Unidos e Xapón. Desde Washington encomiouse a actitude coidadosa de Tsai e o PDP espera que unha maior comunicación faga valer o seu peso como “socio vital” e como “compoñente clave” da estratexia estadounidense en Asia-Pacífico. Tsai sinalou a EUA como a máis alta prioridade na súa política exterior e espera compensar a probable perda de aliados diplomáticos coa intensificación dos vínculos con estes e outros aliados nun escenario de agravamento da confrontación estratéxica global con China. Algúns movementos en EUA apuntarían nesa dirección.

Para Beijing, o escenario é complexo. O seu principal aliado na illa, o KMT, sérvelle de ben pouco tendo en conta a súa perda de influencia en todos os chanzos do poder. Por outra banda, unha xestión máis hábil e próxima de Tsai pode granxearlle máis apoio cívico e leste podería verse reforzado de optar o continente por un precipitado endurecemento das accións que presente a Tsai como unha vítima da intransixencia do PCCh. Tralo discurso de investidura, a súa avaliación de Tsai e do PDP non variou: dígase como se diga, ambos son inimigos da política de achegamento aplicada nos oito últimos anos. Ignórase si Tsai vai observar o Consenso sen recoñecelo expresamente ou si ese non recoñecemento expreso será a coartada para aplicar unha política de facto de afastamento. A China non lle vale o respecto en abstracto e demandará feitos concretos.

Tsai non seguirá o rumbo de Chen Shui-bian (2000-2008). Non baseará o seu goberno no populismo nin fomentará a división interna nin buscará o enfrontamento aberto. A base do seu partido pode axudarlle a consolidar un perfil de dirixente centrista e centrada si é capaz de manter a recado os chamamentos dos partidarios da independencia que apelan á vitoria para camiñar por dita senda. O anunciado compromiso coa preservación do statu quo esixiralle pasos na dirección contraria.

Poden as vagas palabras de Tsai seducir a Beijing? Pode Tsai resolver os problemas de Taiwan en conflito con China continental? China non é nin será ambigua con Tsai. É verdade que ten un mandato claro da cidadanía e que dispón de maiorías contrastadas e suficientes, pero tamén o é que China dispón de importantes pancas para incidir no curso da illa. A anunciada política cara ao Sur -xa intentada por Chen Shui-bian-, co reforzamento dos vínculos cos países de ASEAN e India, entre outros, para diluír a dependencia do continente, pode acabar, outra vez, en fracaso. Algúns sectores empresariais xa o avisaron.

Aínda que a ambigüidade é unha arte nas terras de Oriente, unha terceira vía dificilmente poderá hipnotizar ás partes en litixio e ambas poderían verse abocadas, máis cedo que tarde, a un escenario de maior complexidade e retroceso. China ata podería ver máis perigo na calculada actitude de Tsai e por iso non deixará pasar a mínima oportunidade de deixar en evidencia as súas contradicións. Para lograr a unificación precisa erosionar a súa credibilidade.