Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
29 de Setembro de 2019 Alejo

Universidade e Persoas Refuxiadas en Santiago de Compostela

https://unintegra.usc.es/

A situación contemporánea das persoas que buscan protección internacional por desprazamento forzado xera novos desafíos sociais e institucionais para garantir a convivencia harmónica entre comunidades locais e aquelas que buscan refacelas súas vidas en Europa. Ante isto, as cidades son nodos centrais para procesar axendas como os Pactos Globais para a migración e o refuxio. Isto lévanos á necesidade de reflexionar sobre como as cidades de Galicia forman parte de este proceso. Intérnome pois na experiencia de Santiago de Compostela e nun dos seus alicerces institucionais: a súa universidade.

O réxime global para as persoas refuxiadas está cambiando o seu enfoque humanitario asistencial a unha perspectiva de desenvolvemento que atenda integralmente ás persoas en situación de desprazamento forzado; este cambio de mirada sitúa aos potenciais novos habitantes ante procesos de integración que aínda se están a implementar nos lugares aos que están chegando a vivir. Entre os distintos campos en transformación está a educación. É coñecido o amplo desenvolvemento e mellora nos programas de educación primaria ou secundaria para persoas en situación de desprazamento forzado. Pero recentemente a Estratexia de Educación da Axencia para os Refuxiados de Nacións Unidas  incorporou a educación superior como un compoñente das solucións duradeiras e de protección para as persoas refuxiadas.

A sociedade compostelán sábese parte dun complexo urbano que atrae diferentes procesos da globalización contemporánea xeradores de beneficios sociais e económicos, que teñen que ser distribuídos da mellor maneira, pero a urbe compostelá convértese tamén nun polo de atracción de impactos non desexados que require reformular a maneira en como se organiza a cidade para beneficio dos seus habitantes habituais, para aqueles habitantes temporais, e para os visitantes que, durante uns días, viven as súas rúas pero que, moitas veces, non son conscientes das situacións negativas que deixa na localidade a súa maneira de estar.

Santiago de Compostela afronta os seus propios desafíos globais, e as solucións veñen dos diferentes actores que dan vida e sentido á vida cotiá da cidade. Entre os alicerces da cidade está a súa universidade que, con mais de 500 anos de existencia, é un referente global de produción científica e de coñecemento; á vez, esta universidade conta con especificidades que a fan atractiva internacionalmente nunha contorna española e europea: o seu patrimonio cultural, a calidade de vida e a seguridade que ofrece á súa comunidade universitaria.

O cuarto artigo do estatuto da universidade expresa que unha das súas funcións sociais é apoiar o desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega a partir do coñecemento científico e técnico que produce. As actividades aquí expostas reflicten unha universidade comprometida coa sociedade, o que a dota de vida cotiá; a universidade é compoñente fundamental para comprender a cidade e a sociedade compostelá; polo que resulta indispensable observar e acompañar as accións que a universidade desprega, nos ámbitos culturais, empresariais e na vida diaria da cidade, sen esquecer o seu rol social de xeradora de coñecemento crítico.

Perante os desafíos da mobilidade humana contemporánea; Como a Universidade de Santiago está a contribuír na recepción e inclusión na cidade de persoas en situacións de desprazamento forzado?  Como parte de este réxime global para as persoas en situación de desprazamento forzado a Universidade de Santiago de Compostela leva realizado diversas accións concretas que, de acordo ao seu campo de actuación na sociedade contribúen a que as persoas con status de refuxiado poidan retomar, desenvolver e concluír os seus estudos universitarios; isto, xunto coa sensibilización e concienciación da sociedade compostelá sobre as situacións que experimentan as persoas con status de refuxio ou na busca del.

No marco da estratexia de internacionalización e cooperación da Universidade de Santiago de Compostela, dende a Vicerreitoría de Internacionalización, coordínase o proxecto UNINTEGRA. Con apoio do Fondo de Asilo, Migración e Integración da Comisión Europea, e en colaboración coas universidades nacional e Kapodistriaca (Grecia), Minho (Portugal), e as fundacións ACSAR (Francia) e Balmes (España), desenvolven accións para a integración de persoas refuxiadas. Cunha perspectiva integral, o proxecto atende aspectos emocionais, educativos e académicos das persoas refuxiadas; e xera capacidades para as entidades sociais e profesionais que traballan directamente con esta poboación refuxiada; buscando así contribuír a que as persoas refuxiadas se incorporen á sociedade compostelán.

As actividades que a universidade organizou co Consello da Cultura Galega serían outras das accións da universidade perante as persoas refuxiadas. Unha foi o evento “Persoas Refuxiadas Conciencia” en 2018 que tivo por obxecto reflexionar dende un ambiente científico sobre a situación das persoas refuxiadas; con miradas históricas e contemporáneas de expertos da migración galega, española e a migración que chega cara Europa salientouse e evidenciouse a capacidade de axencia científica das persoas en movemento; para enriquecer estas reflexións aportouse a voz de mocidade científica e estudantes que se benefician dos programas para estudantes de Medio Oriente da Universidade de Santiago de Compostela. A segunda actividade foi o Ciclo “Europa Fortaleza: Fronteiras, Valados, Exilios e Migracións” que se deu entre 2016 e 2017. Contou coa presenza de académicos recoñecidos internacionalmente; a partir de diferentes tradicións de pensamento e un achegamento interdisciplinario o público asistente recibiu un coñecemento plural sobre os desafíos da mobilidade humana contemporánea.

Durante a sección de preguntas e respostas na conferencia de Nira Yuval-Davis, ela deu a resposta que sintetiza o fin último de estes espazos de reflexión e que clarifican a función social da universidade que non se debe esquecer ante os desafíos da mobilidade humana contemporánea. Un asistente, coa emoción de quen chama á mobilización preguntou: Que facer fronte os avances xenófobos ou racistas no mundo? a Dra. Yuval-Davis respondeu: “hai que comprender”.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais