Venezuela 2015

O pasado 28 de decembro, nun acto institucional que contou coa participación da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), o presidente Nicolás Maduro asegurou que o 2015 será o “ano da paz” en Venezuela, tras un convulso 2014 trazado polas secuelas da peor crise socioeconómica acaecida nos derradeiros anos no país e a proliferación de tumultos de inestabilidade política que afectan seriamente a consistencia do seu goberno. De cara a un 2015 que se anuncia moito mais convulso e tenso, co horizonte das eleccións lexislativas pautadas para setembro próximo, Maduro anunciou a creación dun “Estado Maior” para a recuperación económica así como do despregue das Áreas de Defensa Integral a nivel territorial, escenarios onde os efectivos militares terán a responsabilidade de garantir os mecanismos de pacificación e soberanía nacional. 

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave crise Venezuela 2015
Idiomas Galego

O pasado 28 de decembro, nun acto institucional que contou coa participación da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), o presidente Nicolás Maduro asegurou que o 2015 será o “ano da paz” en Venezuela, tras un convulso 2014 trazado polas secuelas da peor crise socioeconómica acaecida nos derradeiros anos no país e a proliferación de tumultos de inestabilidade política que afectan seriamente a consistencia do seu goberno. De cara a un 2015 que se anuncia moito mais convulso e tenso, co horizonte das eleccións lexislativas pautadas para setembro próximo, Maduro anunciou a creación dun “Estado Maior” para a recuperación económica así como do despregue das Áreas de Defensa Integral a nivel territorial, escenarios onde os efectivos militares terán a responsabilidade de garantir os mecanismos de pacificación e soberanía nacional. 

Estas variables indicarían en qué medida a etapa “postchavista” iniciada en abril de 2013 terá un momento decisivo de definición neste convulso 2015 que se anuncia para Venezuela. Esta convulsión, reiteradamente anunciada nos mass media internacionais, vería determinada polos estragos dunha crise económica trazada polos desaxustes na produción, no faraónico peso do Estado na actividade económica e na excesiva dependencia dun sector petroleiro en horas baixas, afectado pola preocupante caída na cotización do barril venezolano (US$ 50).

Dilemas da era post-petroleira

Esta perspectiva incrementa o nivel de preocupación de cara ás estratexias en curso no mercado “postpetroleiro” global, en particular ante os dilemas existentes dentro da OPEP polo presumible cambio na xeopolítica enerxética global establecido polo fracking estadounidense.

Especúlase así en cómo estes factores poden alterar os compromisos internacionais adoptados pola estratexia petroleira venezolana, en particular PETROCARIBE e o subministro estratéxico con Cuba(1), sen esquecer desequilibrios internos como a falta de investimento na infraestrutura enerxética venezolana, provocando frecuentes distorsións do subministro eléctrico a nivel nacional.

Neste sentido, o 2015 anuncia as perspectivas de afondamento da recesión económica e síntomas de hiperinflación(2), agravada pola escaseza de produtos básicos, un confuso sistema cambiario a diversas bandas que reflicte o nivel de depreciación da moeda venezolana e a escaseza de divisas estranxeiras, provocando distorsións e serias complicacións no panorama económico e financeiro. Diversas perspectivas e análises dende o exterior especulan con excesivo énfase na eventual configuración de escenarios de posible bancarrota financeira e hipotética explosión social en cernes, rememorando así o caos establecido polo “Caracazo” de 1989(3). O descontento social veríase igualmente motorizado polas secuelas sociais traducidas nunha inseguridade cidadá aparentemente incontrolable e con visos de penetración dentro do tecido institucional e social venezolano.

Polarización a diversas bandas

Con isto, a xa crónica polarización da crise venezolana intensificarase o próximo ano, tomando en conta o paulatino clima de confusión e incerteza sobre o futuro do “postchavismo”.

Os violentos enfrontamentos que se levaron a cabo en Venezuela entre febreiro e abril pasados, particularmente impulsados por un sector radical da oposición liderado polo actualmente encarcerado Leopoldo López, así como a forte represión gobernamental a través dos efectivos policiais e de seguridade estatal, erosionaron a imaxe exterior dun Maduro que veuse constantemente na obriga de remodelar o seu gabinete ministerial, intensificando esa sensación de confusión sobre a solidez do seu goberno.

Por tanto, a polarización existente no panorama político venezolano afecta por igual tanto ao goberno de Maduro como ao “chavismo” e ás diversas faccións igualmente existentes dentro da oposición. No apartado gobernamental, este contexto moi probablemente inflúe nos frecuentes e constantes cambios ministeriais observados no gabinete venezolano durante 2014.

Así como a destitución de Jorge Giordani como ministro de Planificación en xuño pasado, o cambio máis significativo no tren gobernamental ten que ver coa sinuosa “degradación política” de Rafael Ramírez, considerado durante anos como o “zar” da economía venezolana, quen desde setembro pasou de ser o presidente da estatal petroleira PDVSA e ministro de Economía e Finanzas a ministro de Exteriores e, a mediados de decembro, embaixador venezolano ante a ONU.

A finais de outubro, Maduro debeu ceder ás presións dos sectores mais esquerdistas e radicais do “chavismo” para destituír ao entón ministro de Interior, Miguel Rodríguez Torres, considerado un aliado do presidente da Asemblea Nacional e vicepresidente do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), Diosdado Cabello. Se a destitución de Giordani foi observada como unha concesión cara a denominada “boliburguesía”, a posterior “defenestración” de Ramírez e Rodríguez Torres eventualmente suporía un freo por parte de Maduro de cara aos sectores económicos instalados nas cúpulas de poder, controlados polo propio Ramírez e Cabello.

Este contexto indicaría unha constante correlación de forzas e faccións de poder existentes dentro do “postchavismo”, e de cómo as mesmas inflúen nas decisións gobernamentais. Nesta perspectiva debe incluírse igualmente aos denominados “colectivos”(4), actores de gran mobilización e con cada vez maior peso político de actuación e influencia, fortalecidos pola aposta de Maduro de constituír as bases do “Estado Comunal” socialista en Venezuela para o 2019, a través da instauración legal e institucional dos “consellos comunais”(5).

Pero a polarización alcanza igualmente a unha oposición fragmentada dentro da plataforma da Mesa da Unidade Democrática (MUD). Neste sentido, o liderado de Henrique Capriles Radonski vese constantemente desafiado polo ascenso dun sector radical aparentemente liderado polo xa mencionado López, a deputada María Corina Machado e o gobernador de Caracas, Antonio Ledezma, entre outros.

Esta correlación de forzas dentro da oposición entre sectores aparentemente “moderados” e outros mais radicais, organizados en torno ao movemento “La Salida” e con forte influencia na violencia política acaecida entre febreiro e abril pasados, dirimirá igualmente o pulso político interno nunha MUD que ansía desbancar ao PSUV da maioría na Asemblea Nacional nos comicios parlamentarios de finais de 2015.

Tanto como os reiterados cambios ministeriais no goberno de Maduro identifican a loita de poder entre as faccións do “postchavismo”, a oposición vese igualmente contrariada pola presión das súas propias divisións internas. A renuncia de Ramón Guillermo Aveledo como secretario xeral da MUD en xullo pasado, e a súa substitución polo comunicador Jesús “Chúo” Torrealba, identifica unha aposta por tentar ampliar o seu radio de actuación cara os sectores populares, así como traduce unha loita de poder interna entre os sectores controlados por Capriles e as estratexias mais radicais, algunhas delas con fortes conexións exteriores, como son os casos de López e Machado.

A FANB como equilibrio institucional

Este contexto coloca no centro de atención o papel político que eventualmente xogaría unha FANB claramente observada como o factor institucional con maior capacidade de influencia e de actuación. Neste sentido, a FANB amosa unha posición de unidade institucional en torno a Maduro ante a profusión de sórdidas loitas de poder entre faccións políticas dentro do “postchavismo” inseridas na estrutura burocrática e administrativa estatal así como no gobernante PUSV, que se xoga a súa maioría parlamentaria nos comicios lexislativos pautados para setembro de 2015.

Non obstante, e cos efectos cada vez mais patentes da grave crise socioeconómica e da polarización constante da política venezolana, a FANB podería verse persuadida a xogar un papel político mais activo, a fin de fortalecer a estabilidade institucional.

Con todo, o estamento militar non escapa dos efectos políticos establecidos pola configuración de faccións e cúpulas de poder instaladas no PSUV, no gabinete de Maduro e no estamento económico e empresarial do “chavismo”, así como da elevada fragmentación da estrutura de seguridade venezolana, contextualizada nunha confusa estrutura da que forman parte o Exército, a Armada, a Forza Aérea e a Garda Nacional, o Servizo Bolivariano de Intelixencia Nacional (SEBIN), o Corpo de Investigacións Científicas, Penais e Criminalísticas (CICPC), as forzas policiais de carácter estatal e municipal e estruturas “paramilitares” como a Milicia Bolivariana e os “colectivos”(6).

O diálogo Obama-Castro

O escenario venezolano estará igualmente determinado pola xeopolítica hemisférica trazada polo recente acordo entre EUA e Cuba de restablecer as relacións bilaterais. Todo isto coloca ao goberno de Maduro nun estado de maior incerteza, confusión e incluso fraxilidade de cara a un proceso electoral que pode resultar decisivo non só para o seu futuro político senón para un “postchavismo” fagocitado polas diversas faccións internas e a presión exterior.

Os efectos da apertura cubana de Obama crearán escenarios de magnitudes impredicibles para Maduro, xerando un eventual punto de inflexión para o “postchavismo”  igualmente determinado polos intereses internos e externos orientados a erosionar e propiciar a súa caída política e electoral. Sen menoscabar as incertezas da apertura entre A Habana e Washington, o escenario de derrube na cotización do barril venezolano afectará seriamente a perdurabilidade na relación estratéxica cubano-venezolana, razón que moi probablemente influíu na progresiva diplomacia “baixo corda” que desde 2013 ven trazando o presidente cubano Raúl Castro para normalizar a relación con Washington.

Este aspecto cobrará maior intensidade de cara á celebración do Cumio nas Américas previsto para abril próximo en Panamá, onde se espera a histórica inserción hemisférica cubana así como os primeiros pasos para o restablecemento das relacións entre A Habana e Washington e, eventualmente, da claudicación do anacrónico embargo estadounidense. Deste xeito, o fin da “guerra fría” entre Cuba e EUA repercutirá directamente na crise venezolana e nas expectativas do “postchavismo”, actualmente contrariadas polo anuncio por parte do goberno de Obama de sancións contra altos cargos do goberno venezolano, acusados de presunta corrupción e violación dos dereitos humanos durante a violencia política de comezos de ano.

Coas dificultades económicas en curso, resultará igualmente difícil para Maduro reactivar un gasto público social expansivo orientado a afrontar o novo reto electoral establecido a mediano prazo. En perspectiva, o 2015 dirimirá o desafío político mais decisivo non só para un “postchavismo” anclado no burocratismo e a inercia senón para unha sociedade venezolana saturada e contrariada pola constante confrontación e polarización política.



(1) Diariamente, Venezuela envía 100.000 barrís de cru a Cuba, no marco da Acordo Estratéxico iniciado en 2000 e posteriormente ampliado ata o 2020. Estes envíos equivalen a US$ 5.000 millóns anuais. Coa recente caída dos prezos do petróleo así como a excesiva dependencia venezolana do seu sector petroleiro (cubre o 96% das exportacións venezolanas), o país perdería aproximadamente US$ 720 millóns anuais, toda vez a perspectiva de recesión económica, que algúns analistas calculan nun 10% de contracción para o 2015, suporía para Venezuela unha serie de preocupantes desequilibrios na súa balanza de pagos, que repercutirían na perda de US$ 25.000 millóns en ingresos por exportación. Para maior información, consultar “Maduro pierde las riendas”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 919, 22 de decembro de 2014, páxina 7.

(2) Indicadores do The Economist Intelligence Unit estiman un crecemento do PIB do -0,5% para o 2015, así como índices de inflación superiores ao 50%. Outras estimacións calculan que no 2014, a inflación venezolana rematará no 65%, a mais elevada a nivel mundial.

(3) ORTIZ, Román, “Venezuela: la tormenta perfecta”, Infolatam, 22 de decembro de 2014. Ver en: http://www.infolatam.com/2014/12/23/venezuela-la-tormenta-perfecta/

(4) O asasinato do deputado Robert Serra (27 anos) en outubro pasado supuxo un duro golpe para os denominados “colectivos”, considerados como órganos de propagación e mobilización revolucionaria con enorme importancia nos sectores populares “chavistas”, particularmente nos barrios de 23 de Enero en Caracas. Os “colectivos” mais coñecidos son os Tupamaros, Alexis Vive, Carapaicas e a Fronte Francisco de Miranda, da que era líder o propio Serra. Moitos observan a estes “colectivos” como grupos armados de contextura paramilitar, observados con forte receo desde o estamento militar e diversos sectores da sociedade venezolana. O asasinato de Serra provocou unha forte mobilización destes sectores, demandando a Maduro a posterior destitución de Rodríguez Torres e premendo pola defenestración de Cabello e Ramírez do entorno de poder, provocando así a crise política interna de maior envergadura para Maduro.

(5) Unha perspectiva sobre os “Consellos Comunais” ofrécese no artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto, “Los Consejos Comunales. Una aproximación a las estructuras de poder del ´chavismo´ en Venezuela”, IGADI, 21 de agosto de 2014. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/los-consejos-comunales-una-aproximacion-a-las-estructuras-de-poder-del-chavismo-en-venezuela

(6) ORTIZ, Román, “Venezuela: la tormenta perfecta”, op.cit.