Venezuela: a crise sen fin

Tras dous meses de intensas confrontacións nas rúas en contra do goberno de Nicolás Maduro, impulsada principalmente por sectores universitarios e opositores ao “chavismo” cun saldo de 37 mortes, máis de 500 feridos e de 2.000 detidos, así como de mutuas acusacións de represión, sabotaxe, torturas e tentativas golpistas e insurreccionais, Venezuela apréstase a unha nova fase da súa interminable crise, motivada pola incesante polarización social e os pulsos derivados da lexitimidade política, contextualizado pola peor crise económica dos derradeiros anos (escaseza de produtos básicos e elevada inflación). No fondo, a renovación da violencia política augura un arriscado pulso dentro da Venezuela “post-Chávez”, cuxo termómetro medirá a consistencia da presidencia de Maduro, a fortaleza e equilibrio institucional (en particular do papel da Forza Armada), o peso que terán a súbita reaparición de liderados máis radicais dentro da heteroxénea e fracturada oposición así como do “chavismo de base” e, paralelamente, a influencia da comunidade internacional  como mediador da crise, particularmente ante a recente misión da UNASUR a Caracas.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Tras dous meses de intensas confrontacións nas rúas en contra do goberno de Nicolás Maduro, impulsada principalmente por sectores universitarios e opositores ao “chavismo” cun saldo de 37 mortes, máis de 500 feridos e de 2.000 detidos, así como de mutuas acusacións de represión, sabotaxe, torturas e tentativas golpistas e insurreccionais, Venezuela apréstase a unha nova fase da súa interminable crise, motivada pola incesante polarización social e os pulsos derivados da lexitimidade política, contextualizado pola peor crise económica dos derradeiros anos (escaseza de produtos básicos e elevada inflación). No fondo, a renovación da violencia política augura un arriscado pulso dentro da Venezuela “post-Chávez”, cuxo termómetro medirá a consistencia da presidencia de Maduro, a fortaleza e equilibrio institucional (en particular do papel da Forza Armada), o peso que terán a súbita reaparición de liderados máis radicais dentro da heteroxénea e fracturada oposición así como do “chavismo de base” e, paralelamente, a influencia da comunidade internacional  como mediador da crise, particularmente ante a recente misión da UNASUR a Caracas.

Un informe de Amnistía Internacional de comezos de abril de 2014 (1) afirmou dun “uso excesivo da forza” e dunha persistente violación dos dereitos humanos en Venezuela desde que a mediados de febreiro pasado se iniciaran unha serie de intensas protestas e confrontacións nas rúas, definidas estas a través de barricadas coloquialmente denominadas “guarimbas”.

Este informe de Amnistía Internacional secunda outros realizados por Human Rights Watch (HRW), o Parlamento europeo e a ONU, onde insta ás autoridades venezolanas e aos sectores opositores a iniciar un diálogo político que evite un eventual e incontrolable espallamento da espiral de violencia.

Con todo, a crise actual define variables xa coñecidas sobre o acontecer venezolano, sendo a principal a visible polarización social e política. Non obstante, o pasamento de Hugo Chávez (marzo de 2013) e o ascenso do seu sucesor Nicolás Maduro, pode definir unha variable máis notoria e non menos arriscada, motivada polo pulso constante pola lexitimidade política dentro do “chavismo post-Chávez” así como dunha oposición tan heteroxénea como fracturada, que semella estar dando paso a sectores cada vez máis radicalizados, as cales aparentemente comezan a desestimar a opción electoral para “saír do chavismo” a favor de mecanismos de confrontación radical nas rúas. Todo isto sen menoscabar o emerxente protagonismo que comeza a verificarse noutros actores, tales como os sectores estudantís, movementos sociais e un que pode ser identificado como o “chavismo social de base”(2).

Dende o goberno de Maduro persiste a perspectiva en focalizar esta confrontación e a violencia política como a eventual antesala dunha conspiración orientada a fraguar un hipotético golpe de Estado contra o seu goberno, rememorando así os violentos sucesos acaecidos entre o 11 e 13 de abril de 2002, que levaron á breve remoción e posterior retorno do ex presidente Chávez.

Neste sentido, o goberno venezolano afirma ante a opinión pública nacional e internacional da existencia de eventuais redes “paramilitares” de apoio a sectores radicais da oposición, presuntamente habilitadas dende a veciña Colombia e EUA, coa finalidade de desestabilizar ao seu goberno. Unha visión que fortalece a perspectiva de crear situación de inestabilidade ante as incertezas que se apremian para o “chavismo post-Chávez”.

Outra perspectiva se focaliza dende a oposición, que acusa ao goberno de Maduro de presunto “autoritarismo” e “totalitarismo”, de activar unha política sistemática de represión contra a disidencia e de incapacidade para solucionar problemas tan sensibles como a crise económica (a inflación no 2013 superou o 50%), a escaseza de produtos básicos (diversas fontes privadas venezolanas estiman en 60% do sector produtivo) e a inseguridade cidadá.

O factor chave: o pulso pola lexitimidade política “post-Chávez”

Independentemente do impacto que a renovación da violencia política, a crise económica e as recentes medidas gobernamentais (depreciación monetaria, etc) poidan ter dentro do goberno de Maduro e da sociedade venezolana en xeral, o contexto actual non semella, cando menos de forma aparente, descifrar unha erosión ou desgaste significativo para Maduro dentro do “chavismo” así como da institucionalidade estatal, en particular no caso da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) e do gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV).

Salvo algunhas protestas realizadas polo gobernador “chavista” José Vielma Mora no estado Táchira (fronteirizo con Colombia), en particular ante a represión contra os manifestantes, a erosión política e as voces diverxentes provén, máis ben, dentro das filas da oposición. Deste modo, o test político mais importante para esta crise semella focalizarse na integridade política dunha Mesa da Unidade (MUD) cuxos cimentos aparentemente comezan a desequilibrarse.

Tras perder consecutivamente contra Maduro e o PSUV as eleccións presidenciais e municipais (abril e decembro de 2013), aínda que nestas últimas lograron gañar importantes bastións urbanos, a MUD atopase cada vez máis fracturada en canto a liderados e estratexias políticas, cuestionando así o liderado da súa principal figura, Henrique Capriles Radonksi.

Nun 2014 sen eleccións á vista, en particular á espera dos comicios lexislativos pautados para decembro de 2015, a MUD semella esvaecerse politicamente. Un sector máis radical, aparentemente promovido polo ex alcalde Leopoldo López e a recen destituída deputada María Corina Machado, están impulsando unha maior radicalización no accionar da MUD, en clara contraposición coas estratexias de Capriles, estigmatizado como un “brando” e “moderado”. Aparentemente, Capriles centra as súas estratexias en evitar unha radicalización nas rúas, a fin de non reproducir os violentos sucesos acaecidos tralas eleccións presidenciais do pasado 14 de abril de 2013.

Os móbiles de actuación destes sectores mais radicais ampáranse en premer á cidadanía para protestar contra a ineficacia gobernamental á hora de atallar unha crise económica imparable, ante a elevada inseguridade cidadá (entre 39 e 79 homicidios anuais por cada 100.000 habitantes, segundo cifras oficiais e de diversas ONGs) e as acusacións de represión (principalmente por parte dos Servizos Bolivarianos de Intelixencia Nacional, SEBIN, a policía e da Garda Nacional Bolivariana, GNB) e da activación dunha presunta censura informativa, amparado nos problemas de abastecemento de papel impreso ou na cancelación de transmisión dunha canle estranxeira, neste caso da colombiana NTN 24.

Dentro deste contexto, a radicalización da confrontación cobrou especial intensidade trala detención de Leopoldo López(3) e, con incerta expectativa, trala destitución oficial de María Corina Machado da súa condición de deputada. Precisamente, Machado ven activando unha forte campaña internacional, vía OEA, EUA e UNASUR (especialmente Brasil) para denunciar a represión e violación de dereitos humanos.

Con todo, esta loita pola lexitimidade política tanto no “chavismo” como dentro da oposición semella albiscar a aparición (ou reaparición) doutros actores, así como de escenarios e expectativas. Nalgúns sectores do “chavismo social de base” están aparecendo críticas contra o “triunvirato” colexiado visiblemente en mans de Maduro, do presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello e do ministro de Enerxía e presidente de Petróleos de Venezuela, Rafael Ramírez, aos que se engaden os estamentos de poder da FANB e das elites burocráticas do PSUV. Neste sentido, as bases sociais do “chavismo” comezan a observar con receo a orientación económica e política de Maduro, así como a preponderancia de elites políticas e económicas dentro do goberno.

A través de diversas redes sociais(4), algúns dos sectores máis “revolucionarios” acusan a Maduro de presuntamente reproducir un modelo “aburguesado”, cuestionando incluso o seu liderado como sucesor do legado de Chávez, en particular de cara a acelerar na construción dun Estado socialista.

Neste sentido, a crise actual persuade a Maduro a afrontar o seu reto político máis estratéxico, orientado a consolidar o seu liderado dentro do “chavismo” así como de cara a sectores opositores cada vez más radicalizados e que persisten en descoñecer a súa lexitimidade presidencial, en particular ante a contestada elección de abril de 2013 e a pesar do maioritario triunfo de Maduro e do “chavismo” nas eleccións municipais de decembro pasado. Con este contexto en xogo, Maduro e o “chavismo post-Chávez” enfróntanse ao seu principal reto.

Un perigoso péndulo“rupturista”

A renovación da violencia nas rúas nestas derradeiras semanas intensifica a magnitude deste desafío. Con todo, a mutua desconfianza entre os diversos actores políticos da realidade venezolana da pe para especular sobre os verdadeiros intereses existentes.

Dentro e fóra de Venezuela, ao goberno de Maduro se lle acusa de propiciar un clima de represión policial e militar contra manifestantes civís, aparentemente amparando a presunta utilización de grupos armados existentes dentro do “chavismo”, xenericamente denominados “colectivos”, así como da creación a partir de 2007 dunha Milicia Nacional Bolivariana (MNB), o que para moitos sectores opositores certificaría a entronización dunha especie de “garda pretoriana”, independente do control estatal e militar.

Ó carón da cooperación estratéxica establecida entre Venezuela e Cuba desde 2000, diversos sectores da oposición constantemente acusan a Maduro e ao seu goberno  de presuntamente ampararse na utilización de “militantes cubanos” a nivel policial, militar e institucional, nas tarefas de represión. Esta realidade intensifica aínda máis as perspectivas de confusión e incluso de síntomas de anarquía política, que poden igualmente minar os factores de lexitimidade política (especialmente para Maduro), incluso cando esta confrontación utiliza o delicado tema da soberanía nacional.

O pulso pola lexitimidade e a utilización de canais de confrontación como móbil político constitúe unha perspectiva igualmente visible dentro dunha oposición claramente atomizada e radicalizada. Neste sentido, a posición levemente mais conciliadora de Capriles co goberno de Maduro vese contrariada pola opción “rupturista” emanada do partido Vontade Popular de López e Machado, do que igualmente forma parte o recen elixido alcalde metropolitano do Distrito Capital Antonio Ledezma, e persuadidos na tarefa de intensificar as “guarimbas” e protestas a través dun lema sumamente expresivo: “La Salida”.

As fracturas dentro da oposición determinan e condicionan ese factor de lexitimidade política. A posta en marcha en febreiro pasado por parte de Maduro dunha Conferencia Nacional para a Paz, na que participaron sectores empresariais, sociais, sindicais e a propia Conferencia Episcopal, entre outros, foi finalmente desestimada por unha MUD atomizada, desconfiada por esta oferta de diálogo gobernamental, correndo así o risco de “auto” excluírse como un actor lexítimo de negociación, en particular ante a persistencia da opción radical e “rupturista”.

Igualmente, como móbil de confrontación e de polarización, está o tema da comunicación política, amplamente radicalizada durante esta década e motorizada por unha mutua cacofonía de epítetos de descualificación, que en nada contribúe á concreción de espazos de consensos.

Neste sentido, a sociedade venezolana asiste a un ritual diario de mutuas descualificacións (“fascistas”, “castristas”, “escuálidos”, “golpistas”, “cubanización”, etc), aderezado nalgúns casos de complexos de carácter “clasista” e incluso racial, que dilúe a capacidade de consenso entre os diversos actores, radicalizando o espazo público de comunicación. Este factor confirma igualmente a escasa capacidade de recoñecemento mutuo, motorizada pola arriscada mobilización de identidades de carácter político, social e ata racial, que procrea unha dicotomía de polarización tendente a obstaculizar e, principalmente, radicalizar os canais de lexitimidade política.

Máis ben, esta radicalización da comunicación política confirma a capacidade, permanente ou transitoria, de unificación interna dentro das filas de “chavistas” e “opositores”, os cales interpretan o espazo político como un marco de confrontación cada vez que se senten “ameazados”, e que escapa incluso ao poder de actuación e de persuasión por parte do tecido institucional.

Se ben a turbulencia e a polarización seguirán moi probablemente definindo o contexto da crise venezolana, non se deben desestimar outros factores. Tras quince anos de “chavismo” no poder, en Venezuela comezan a emerxer outros actores sociais con cada vez maior capacidade de mobilización e, transitoriamente, de lexitimidade política.

Aquí identifícanse sectores estudantís, tanto opositores como “chavistas”, cunha notable capacidade de mobilización, así como movementos sociais, de carácter civil e independente, inseridos en diversas capas sociais, e na que moi probablemente destaque o que se pode denominar como o “chavismo social de base”, politicamente integrados nos Consellos Comunais como berce estrutural do “Socialismo do Século XXI” e do Estado Comunal.

A pesar da polarización e da radicalización política do actual contexto venezolano, a emerxencia desta diversidade de actores e sectores políticos “alternativos” suxire a eventual definición dun novo escenario, contextualizando un novo reto no marco da lexitimidade política, e que repercutirá progresivamente de cara ao poder do establishment actualmente existente e da presión e emerxencia destes novos sectores.

A polarización exterior

A prolongación da crise venezolana implicou a participación de organismos hemisféricos, principalmente a OEA e a UNASUR, con resultados diverxentes. A instigación de Panamá e moi posiblemente de Washington, a discusión da crise venezolana na OEA polarizou o ambiente político, en particular grazas aos apoios obtidos por Maduro principalmente por parte dos países da ALBA (particularmente Nicaragua, Bolivia, Ecuador) e doutros con intereses en Venezuela, como son os casos de Brasil, Colombia e Arxentina.

A tensión na OEA incrementouse ante o apoio panameño ás denuncias de Machado, que levaron á ruptura de relacións con ese país anunciada por Maduro en febreiro pasado.

Polarizada a OEA, restaba a posición da UNASUR, decidida a enviar unha misión a Caracas para este mes de abril, coa finalidade de asesorar a posibilidade dun diálogo político entre Maduro e a oposición. Impulsada por Brasil e Chile, esta misión é igualmente observada con desconfianza polo sector radical da oposición venezolana, en especial López e Machado, a pesar de que a MUD reuniuse cos chanceleres deste organismo. Pola súa banda, Maduro aceptou reunirse cos líderes opositores en presenza dos representantes de UNASUR.

Neste marco de actuación, a UNASUR propuxo a mediación do Vaticano na crise venezolana, un aspecto que pode ser explicado polo peso cada vez máis preponderante da Conferencia Episcopal Venezolana na busca de mecanismos de diálogo entre Maduro e a oposición, a pesar da confrontación verbal existente.

Con todo, a UNASUR ten en Venezuela un reto político estratéxico no cometido de fortalecer a súa imaxe e o seu peso rexional, un aspecto que certifica aínda mais en qué medida os factores de lexitimidade política explican a intensidade da crise venezolana. Coa polarización política en constante tensión, este pulso pola lexitimidade supón unha confrontación transversal que escapa da tradicional dicotomía entre “chavistas” e “opositores” que ven definindo o mapa político e social venezolano dos derradeiros anos.

 

 

 



(1) “Venezuela: Los derechos humanos en riesgo en medio de protestas”, Amnistía Internacional, 1º de abril de 2014. Ver en: http://www.amnesty.org/es/library/asset/AMR53/009/2014/es/e0e7b6f6-d0c6-449c-90a5-52207cc9f454/amr530092014es.pdf (en castelán).

(2) Unha conceptualización do “chavismo social de base” e das estruturas de poder e institucións existentes dentro do “chavismo” e que moi probablemente definirán unha nova etapa para a política venezolana, pode consultarse no artigo de MANSILLA BLANCO, Roberto; “El Legado de Chávez. Estructuras de poder e institucionalidad en la Venezuela post-Chavista”, IGADI, 25 de marzo de 2014. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/el-legado-de-chavez-estructuras-de-poder-e-institucionalidad-en-la-venezuela-post-chavista

(3) Tras unha manifestación en Caracas realizada o pasado 18 de febreiro, Leopoldo López entregouse ás autoridades venezolanas, en particular ante o presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello. A  Fiscalía Xeral da República acusouno formalmente a comezos de abril de instigación á violencia, disturbios, mortes e lesións, estando recluído no penal de Ramo Verde, ás aforas de Caracas. O seu caso está en mans da Comisión Xudicial do Tribunal Supremo, constantemente acusada pola oposición como un presunto apéndice do poder político do “chavismo” dentro das institucións públicas venezolanas, o cal imprime ao “caso López” dun simbolismo político visiblemente rupturista para os sectores opositores máis radicalizados, en particular á hora de deslexitimar e cuestionar o liderado de Capriles e do sector máis moderado da MUD.

(4) Resulta notoria a proliferación de artigos críticos dentro das redes sociais do “chavismo” e de sectores simpatizantes coa Revolución Bolivariana e o Socialismo do Século XXI, en particular ante as políticas económicas do goberno de Maduro, a inseguridade e a escaseza de alimentos. Portais como Aporrea (http://www.aporrea.org/) e movementos como Marea Socialista e a Fronte Nacional de Clase Media Socialista veñen impulsando varias destas críticas e, incluso, protestas cívicas contra as políticas gobernamentais e as elites “chavistas” enriquecidas no poder. Consultar: “Grupo Socialista venezolano admite chavistas también protestan contra Maduro”, Infolatam, 7 de abril de 2014. Ver en: http://www.infolatam.com/2014/04/07/grupo-socialista-venezolano-admite-chavistas-tambien-protestan-contra-maduro/. Outros sectores do “chavismo de base” advirten da presunta infiltración de sectores radicais da oposición dentro do “chavismo” para crear confusión e inestabilidade, en particular no cometido de deslexitimar a autoridade de Maduro e da nova dirixencia do “chavismo post-Chávez”.