Venezuela: crise de lexitimidade a 20 anos da revolución bolivariana

Un país, dous presidentes reclamando a súa lexitimidade. No transfondo, unha grave crise humanitaria, escaseza alimentaria e de menciñas, protestas multitudinarias, enfrontamentos violentos, case tres millóns de emigrantes fuxindo do país e un constante pulso de intereses xeopolíticos exteriores. Non é Siria, nin Iemen nin Libia. É Venezuela.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave crise Venezuela chavismo
Idiomas Galego

Un país, dous presidentes reclamando a súa lexitimidade. No transfondo, unha grave crise humanitaria, escaseza alimentaria e de menciñas, protestas multitudinarias, enfrontamentos violentos, case tres millóns de emigrantes fuxindo do país e un constante pulso de intereses xeopolíticos exteriores. Non é Siria, nin Iemen nin Libia. É Venezuela.

Reducir a análise da actual crise política unicamente enfocando en sendas e  controvertidas manobras de lexitimidade presidencial, supón un exercicio por demais simplista e incompleto. Afírmanse aquí, basicamente, o xuramento presidencial de Nicolás Maduro o pasado 10 de xaneiro de 2019 para un novo período de goberno ata 2025, vía Tribunal Supremo de Xustiza. Toda vez, a consecuente reacción opositora traduciuse nunha case inmediata proclamación presidencial de Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional realizada o pasado 23 de xaneiro de 2019, amparándose en prerrogativas constitucionais.

Non obstante, a crise de lexitimidades existente en Venezuela ten longo percorrido no tempo, trazada por unha incesante tensión que ven dinamitando perigosamente a súa estrutura institucional, política e constitucional.

A república fragmentada

En decembro de 2015, a oposición venezolana, entón reunida na plataforma Mesa pola Unidade Democrática (MUD), obtivo a súa maior vitoria electoral gañando dun xeito abafante os comicios lexislativos que lle deron a maioría parlamentaria na Asemblea Nacional (AN). Así, a incesante polarización social e política que ven presentando Venezuela desde a chegada do “chavismo” ao poder en 1999, certificábase agora dentro da súa estrutura institucional e legal: unha presidencia “post-chavista” en mans do sucesor de Hugo Chávez, Nicolás Maduro, cun Parlamento controlado agora maioritariamente pola oposición.

A eventual convivencia desta bicefalia no poder non auguraba mais que tensión, tomando en conta que a oposición víanse mais fortalecida polo seu control lexislativo, en particular á hora de fiscalizar o labor do goberno. Despoxado da maioría parlamentaria, Maduro enfocouse nunha estratexia anteriormente utilizada por Chávez: gañar tempo a través da creación de estruturas paralelas de poder, que permitiran amortecer a presión opositora e dos seus aliados internacionais, particularmente EUA.

Pouco antes de asumir a nova dirección da AN en xaneiro de 2017, a súa anterior directiva, entón presidida por Diosdado Cabello, considerado o “número 2” do goberno de Maduro, decretou unha recomposición do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX), con maxistrados afectos ao goberno. Esta manobra denotaba unha aposta política estratéxica para Maduro: equilibrar o poder político a través do TSX, reducindo marxes de actuación da AN opositora, e abrindo o camiño para próximas estratexias, enfocadas no terreo constituínte.

O pulso entre Maduro e a AN foise intensificando durante 2016 e 2017, en particular ante a perspectiva do goberno por derrubar calquera tentativa opositora de apartalo do poder, neste caso dun referendo revogatorio. Toda vez, os escasos canais de negociación entre goberno e oposición fluían en sentido intermitente de activación/desactivación, dependendo do contexto existente.

Durante este período comezou a acelerarse unha crise socioeconómica lastrada pola erosión do aparato produtivo, os ineficaces controis económicos estatais, a caída dos prezos do petróleo, a crise alimentaria motivada pola escaseza de produtos básicos e de menciñas, unha hiperinflación rampante e constantes procesos de depreciación dunha moeda nacional, o Bolívar Forte, xa practicamente sen valor. O resultado: mais de tres millóns de venezolanos fuxindo do país, principalmente vía terrestre por Colombia e Brasil, nunha crise humanitaria que comezou a preocupar principalmente aos países veciños de Venezuela.

O punto de tensión chave ocorreu entre decembro de 2016 e febreiro de 2017. Un acordo de Maduro coa estatal petroleira rusa Rosneft para evitar a creba financeira de Citgo, a filial de Petróleos de Venezuela (PDVSA) en EUA, foi denunciada pola AN como “fraudulenta” por non ser sometida a discusión no hemiciclo parlamentario. Maduro non tardou en recargar as baterías. Vía TSX, declarou á AN “en desacato”, abrindo a tensión política ao nivel institucional.

Isto provocou unha ruptura incluso dentro do TSX, en particular trala denuncia realizada pola ex Fiscal Xeral da República, Luísa Ortega (febreiro 2017) de considerar como “anticonstitucional” esta manobra de Maduro. Coa fractura manifestada nun TSX afecto a Maduro e outro de cariz opositor (hoxe apostado nun exilio en países como Colombia, Panamá e EUA), a tensión levou ás manifestacións e protestas nas rúas.

Entre febreiro e maio de 2017, Venezuela reviviu os seus peores momentos de crise política, cun centenar de mortos e de detencións, a maioría de universitarios, que se ben foi infrutuoso na tarefa de desaloxar a Maduro do poder, deixou gravemente erosionado tanto o seu piso político como o da oposición.

O desenlace desta renovación da confrontación nas rúas foi un inédito proceso constituínte impulsado por Maduro, de dubidosa legalidade constitucional. A votación vía referendo (agosto de 2017) de representantes dunha nova entidade, a Asemblea Nacional Constituínte (ANC), realizouse sen ampararse na prerrogativa establecida na Constitución da República Bolivariana de Venezuela (1999) de realizar unha previa consulta popular de aprobación dun novo proceso constituínte.

Cunha ANC afecta, agora presidida por Diosdado Cabello, e un Consello Nacional Electoral (CNE) acusado pola oposición de favorecelo, Maduro alcanzaba dúas manobras políticas estratéxicas de longo alcance: contrarrestar á AN a través dun novo poder lexislativo “paralelo”, neste caso a ANC, e con iso potenciar a través dela, do TSX e do CNE, o camiño para a reelección presidencial nos comicios pautados para 2018.

Incapacitada no seu cometido de desaloxar a Maduro do poder, a MUD dividiuse politicamente, toda vez a súa dirixencia aceptou a apertura de negociacións de diálogo co goberno, realizados en República Dominicana baixo a anuencia do goberno dominicano de Darío Medina e do mediador ex presidente español José Luís Rodríguez Zapatero. O fracaso da negociación en Santo Domingo (febreiro 2018), en particular pola negativa opositora a recoñecer a controvertida legalidade da ANC, acelerou as expectativas de adianto dos comicios presidenciais para maio dese ano, baixo o formato establecido pola ANC.

O boicot opositor deses comicios do 20 de maio de 2018, que lle deron a vitoria a Maduro cunha abstención superior ao 50%, levou a un marcado descoñecemento internacional do proceso electoral, argumentando a falta de garantías e transparencia.  Só países aliados de Maduro, como Rusia, China, Cuba, Turquía, Irán, Bolivia e Nicaragua, entre outros, avaliaron este proceso, incluso enviando observadores.

Con escuros incidentes de insurrección policial e militar mediante (agosto de 2018)  e unha forte presión internacional, a crise venezolana tiña outra data na mente: o 10 de xaneiro de 2019, cando Maduro xuramentara vía TSX o seu novo mandato presidencial ata 2025. Antes, o 5 de xaneiro, baixo un procedemento rutinario anual, a AN designaba a un novo presidente: Juan Guaidó, de 35 anos, deputado polo partido Vontade Popular (VP).

Quen é o verdadeiro presidente?

Co case absoluto descoñecemento internacional ao seu novo mandato, e salvo o recoñecemento de aproximadamente 20 países, Maduro xuramentou o seu cargo presidencial no TSX. A consecuencia, un politicamente descoñecido Guaidó(1), recen elixido presidente da AN, advertiu da ilegalidade deste procedemento.

Guaidó mantivo o pulso na rúa, coa celebración de “cabildos abertos”, asembleas cidadás onde se dirimían temas de interese nacional. Nese marco, e ante convocatorias multitudinarias de cabildos a nivel nacional, Guaidó trazaba igualmente a “folla de ruta” a seguir, toda vez erixíase claramente como o novo líder da oposición.

Coa tensión no ambiente e protestas previas a nivel nacional, outro pouco aclarado conato de insurrección militar e violentos enfrontamentos nas rúas entre manifestantes opositores e os organismos de seguridade estatal, a data chave traspasouse para o pasado 23 de xaneiro de 2019, simbólica para a historia contemporánea venezolana por conmemorar o 61º aniversario da caída da ditadura de Marcos Pérez Ximénez (1952-1958) e a posterior restauración democrática.

Ese día, Guaidó, en calidade de presidente da AN, invocou o artigo 233 da Constitución Bolivariana para xuramentarse como presidente da República de xeito interino, aducindo da presunta “usurpación do poder” por parte de Maduro e un contexto de “baleiro de poder”. Se ben ten esa facultade constitucional, o acto de “proclamación” aduce de interpretacións non menos controvertidas a nivel internacional.

As reaccións exteriores foron inmediatas: vía Twitter, ferramenta cada vez mais “refinada” de instrumentalización política, chegou o inmediato recoñecemento por parte de Donald Trump e de países hemisféricos como Arxentina, Brasil, Perú, Colombia, Ecuador e Chile, entre outros. A lista de recoñecementos a Guaidó ampliouse con Israel, Australia, Xeorxia, Cosova, Albania e Ucraína. Toda vez, México e Uruguai pedían unha solución pacífica e democrática, pero dando a entender que recoñecían a lexitimidade presidencial de Maduro.

A Unión Europea, polarizada no seu principio, estableceu subitamente vía Alemaña, Francia, Gran Bretaña e España un inédito ultimato a Maduro (25/01/2019) para anunciar a celebración de novas eleccións nun prazo de oito días, so pena de recoñecer a lexitimidade presidencial de Guaidó. Toda vez, Washington elevaba vía Asemblea Xeral da OEA e Consello de Seguridade da ONU a urxente discusión da crise venezolana, en aras de focalizar un contexto exterior decisivo e favorable para Guaidó.

Con Trump ocupado polo peche técnico de goberno en Washington, a retórica cada vez mais intransixente da Casa Branca foi impulsada polo secretario de Estado, Mike Pompeo, ex director da CIA. Neste contexto, Pompeo non tardou en anunciar unha axuda humanitaria para Venezuela, valorada en US$ 20 millóns, a través dunha ONG estadounidense con conexións coa oposición venezolana.

Ante este panorama, Maduro recibiu o inmediato apoio da Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), toda vez rompía relacións diplomáticas con Washington. Paralelamente, Rusia erixiuse como o seu principal avaliador internacional, toda vez China, tradicional aliado de Maduro, mantén unha pragmática postura de prudencia, instando a unha solución “pacífica”. Isto pode persuadir a que Pequín estea manexando a posibilidade de converterse nun mediador chave na crise venezolana.

Bolivia, Nicaragua, Turquía, Siria, Irán, O Salvador, Cuba e San Vicente e as Granadinas completaron ese apoio internacional a Maduro. O mandatario venezolano rexeitou claramente o ultimato da UE e argumentou da existencia dun presunto “golpe de Estado” en proceso, apoiado dende Washington. Emprazou a Guaidó a que a crise se dirimira non con eleccións senón “vía TSX”.

O contexto nas rúas en Venezuela reforzou a tensión. As incesantes protestas e multitudinarias manifestacións “anti-Maduro” deron paso tamén a enfrontamentos violentos cos corpos de seguridade estatal, cun saldo ata a presente data (28/01/2018) de 26 mortos. Moitas destas protestas foron realizadas en sectores populares, tradicionais bastións de apoio do “chavismo”. Neste sentido, a fragmentación dentro do “chavismo” tamén é palpable, aínda que non signifique un automático apoio a Guaidó: os colectivos populares, moitos deles estruturas paramilitares, comezaron a enfrontarse a organismos de seguridade estatal, en particular a Garda Nacional Bolivariana (GNB).

Paralelamente, Guaidó instou á FANB a asumir o seu “compromiso histórico” e “constitucional” de descoñecer a Maduro, lanzando unha Lei de Amnistía claramente orientada a gañar apoios dentro do estamento militar. Con iso, Guaidó practicamente está asumindo funcións presidenciais “en paralelo”, labrando unha especie de gabinete interino ante a presunción dunha transición post-Maduro e dunha próxima convocatoria presidencial, con observadores internacionais e cun novo CNE.

A “guerra fría” entre Washington e Moscova

O confuso e trepidante panorama venezolano non pode igualmente entenderse sen a profusión de intereses xeopolíticos exteriores establecidos nun país coas maiores reservas de petróleo e de gas natural a nivel mundial, rico en minerais e cunha posición estratéxica. E aquí existe un visible pulso entre EUA e Rusia.

Na recomposición de alianzas xeopolíticas globais, Maduroten apostado claramente polo “eixe euroasiático” liderado por Rusia, Turquía e Irán, así como coa anuencia de China. Así, estaba claro que, para este 2019, Venezuela ía inserirse como un actor non tan periférico do pulso xeopolítico internacional entre EUA, Rusia e China(2).

Por outra banda, o desenlace dos acontecementos na actualidade semella reconstituír, cando menos aparentemente, un “eixe atlantista” entre EUA e a UE, coa OTAN na recámara, en apoio á lexitimidade presidencial de Guaidó. O inmediato recoñecemento de Washington á proclamación de Guaidó, de seguido polo ultimato e a presión europea contra Maduro, da a entender as raíces destes intereses xeopolíticos.

Neste contexto, Rusia, xunto con China e Cuba, é o país con maiores intereses económicos, militares e xeopolíticos en Venezuela(3). Isto explica porque o Kremlin constitúe actualmente o apoio exterior mais frontal e decidido de Maduro.

Moscova impulsa en Venezuela unha especie de “acuse de recibo” contra Washington. Como sucedera co apoio “atlantista” nas crises de Ucraína (2003 e 2013-2014) e Xeorxia (2008) en aras de reducir a influencia rusa no seu espazo periférico euroasiático, Moscova interpreta en Venezuela unha recomposición destes pulsos e equilibrios, xogando con forza dentro do propio contexto hemisférico de Washington. A tensión existente entre Washington e Moscova desde a crise de Crimea (2014) acelera e intensifica estes pulsos.

Toda vez, o presidente ruso de Vladimir Putin non descarta abrir canais de negociación, ofrecendo como mediador da crise venezolana a Aleksandr Schetinin, director para asuntos de América Latina no Ministerio de Exteriores ruso.  Ante a radicalización, incluso de retórica “pre-belicista” por parte de Washington, e reforzando vía Maduro as posicións rusas en América Latina e o Caribe, Putin xoga claramente as súas cartas, sen desestimar iniciativas pragmáticas.

Como China, Rusia sabe que pode igualmente constituírse nun mediador chave na crise venezolana, particularmente ante a posibilidade de que a caída de Maduro sexa practicamente irreversible. Moscova e Pequín saben que poden ser o factor de equilibrio da situación, toda vez os outros apoios exteriores de Maduro (Turquía, Irán, Bolivia) son mais ben de carácter colateral.

No caso de Cuba, aliado estratéxico de Venezuela desde 2000, se ben mantén o seu apoio a Maduro, observar con prudencia a situación. As experiencias anteriores de implicación hemisférica cubana e posteriores reveses (Chile 1973, Grenada 1981, Panamá 1989) persuaden á Habana de actuar conxuntamente con Moscova e Pequín no caso venezolano.

Pola súa banda, Washington traza un eixe rexional “anti-Maduro” con Brasil, Arxentina, Colombia, Perú e Chile. A asunción presidencial de Jair Bolsonaro en Brasil (1º de xaneiro de 2019) é significativa neste sentido, tomando en conta a súa implicación na crise venezolana. O apoio a Guaidó por parte do presidente ecuatoriano Lenín Moreno confirma esa desarticulación dun eixe rexional outrora favorable a Maduro.

Qué pode suceder?

O contexto luce confuso e difícil de predicir. Maduro confía en dilatar a crise ata agostala, como xa sucedera en anteriores ocasións (2017), confiando en reducir marxe de manobra de Guaidó e Washington.

A estrutura de poder “madurista” está institucionalmente acicalada vía FANB, TSX, ANC e CNE, así como nas redes burocráticas do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e de colectivos populares afectos ao “chavismo”. Pero é precisamente nas clases populares “chavistas” onde comeza a erosionarse ese apoio a Maduro, a tenor da rampante crise económica, da corrupción sistematizada e das ocasional represión gobernamental. Toda vez, Maduro aínda confía na efectividade de programas sociais (caixs CLAP de alimentos) e mecanismos de control social e político (Carnet da Patria) para seguir mantendo eses apoios populares.

Non obstante, a chave está na FANB. O Alto Mando militar comandado polo ministro de Defensa, Vladimir Padrino, xa manifestou o seu irrestrito apoio a Maduro. Pero o contexto da crise socioeconómica que vive Venezuela tamén afecta a mandos medios dentro do estamento militar, aspecto que reforza o malestar contra Maduro e síntomas de represións impopulares no seo da FANB. Isto manifestouse recentemente na GNB, onde comezan a abrirse certas fisuras de descontento, tomando en conta que varios efectivos rexeitaron reprimir as protestas.

Pola súa banda, Guaidó convértese probablemente no líder opositor venezolano con maior apoio e recoñecemento internacional. Subitamente, logrou recompoñer á oposición venezolana, toda vez ampárase no crecente descontento popular contra Maduro, nas multitudinarias protestas e principalmente nos seus sólidos apoios exteriores, principalmente dende EUA, Colombia, Brasil, Arxentina e previsiblemente da UE.

No obstante, e a pesares das súas tentativas de atracción de apoio por parte da FANB (Lei de Amnistía), é unha incógnita se Guaidó ten influencia decisiva dentro do estamento militar. Se o paso dos días non presenta solucións “efectistas” para a saída de Maduro do poder, Guaidó corre o risco de esgotarse politicamente, esfumándose progresivamente as expectativas colocadas ao seu favor.

O 2 de febreiro de 2019, o “chavismo” conmemorará o 20º aniversario da súa chegada ao poder (1999). O ambiente non é festivo senón delicado, con posibilidades serias de perder o poder. Este contexto interpreta unha metáfora simbólica que explica  estas dúas décadas de polarizada “revolución socialista bolivariana”. Como metafórico epílogo, moi distinto do que soñaba Chávez en 1999, Venezuela fragméntase nun cada vez mais radical pulso sobre lexitimidades presidenciais, presións exteriores e unha crise humanitaria nunca antes vista.