Venezuela na Rede: as eleccións do 26-S (I)

Venezuela é un dos países do mundo onde suceden máis episodios relacionados coa política. En ano electoral, a rede zumega esa realidade máis ca nunca. A batalla de ideas é permanente, e con maior ou menor finura, os discursos posicionánse na rede, aos ollos de todo o mundo as 24 horas do día, posibilitándonos saír do monodiscurso que os medios de comunicación occidentais xeran sobre a Presidencia de Hugo Chávez.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Venezuela é un dos países do mundo onde suceden máis episodios relacionados coa política. En ano electoral, a rede zumega esa realidade máis ca nunca. A batalla de ideas é permanente, e con maior ou menor finura, os discursos posicionánse na rede, aos ollos de todo o mundo as 24 horas do día, posibilitándonos saír do monodiscurso que os medios de comunicación occidentais xeran sobre a Presidencia de Hugo Chávez.

Un primeiro achegamento pasa pola lectura dos seus xornais. Se comezáramos polo imaxinario chavista, entre os primeiros deberíamos visitar o Diario do Orinoco, o célebre revival do xornal independentista impulsado por Simón Bolívar. Tamén, coa Axencia Venezolana de Noticias. Cunha ollada ao Diario VEA coñeceremos o lado vermello da axenda política oficial da revolución.

Para comprender algo máis destas eleccións á Asamblea Lexislativa do 26 de setembro, debemos tamén visitar a nova páxina do PSUV, que nos ofrecerá todos os datos da próxima batalla electoral, guiada polas Unidades de Batalla e as Patrullas Bolívar 200, a estratexia de desdobramento popular das bases do partido para achegar a mensaxe bolivariana casa por casa: a estratexia operativa da Campaña Admirable, que está a piques de entrar na súa terceira fase: o arrase.

Mais en Venezuela, o imaxinario da democracia liberal máis occidentalizada continua vivo após dez anos de revolución. As enquisas estiman con seguridade que un mínimo do 30% do electorado votará pola Mesa da Unidade, a plataforma opositora ao proceso que concentra o esforzo de 20 partidos políticos de ben diferente orixe e discurso, dos clásicos cuartorepublicanos -AD e COPEI- a vellos partidos prochavistas -MAS ou La Causa R- pasando por partidos renovados, de novos discursos para novos tempos, comoPrimero Justicia. Esta heterodoxia ten causado problemas cara adentro, e témese entre os opositores que sexa motivo de desmobilización, dunha oposición que non acaba de conseguir líderes carismáticos.

Calquer antichavista escollerá entre os seus xornais El Nacional, para visitar o que viron na clásica cabeceira de papel. Logo, non deixarán pasar o Tal Cual do excomunista e ex vicepresidente T. Petkoff. Tampouco deixarán de acudir aos xornais dixitais Noticias 24 ouNoticiero Digital, onde poderán atopar unha sección de opinión transversal de toda a prensa opositora que sempre derrama seguridade abraiante nos criterios, nos xuizos, e nos adxectivos. Sempre será estimulante ver un videoblog de Franceschi, por exemplo.

Unha das sorpresas do programa e da sociedade opositora ao proceso é a falta de autocrítica pública, falando sempre do presente en Venezuela en clave de inseguridade e crise social, como se non tivera existido un pasado. Deste xeito, o programa de 100 medidas da Mesa da Unidade procura converxer con todo o electorado venezolano desafecto á revolución, non só cos tradicionais votantes da dereita máis conservadora, senón con todos aqueles sectores populares que discrepan co singular proceso revolucionario. Isto implícalle indirectamente asumir moitos dos logros obxectivables de inclusión social do proceso chavista (que avalan Nacións Unidas), reapropiándose da Constitución do 1999, e do concepto de democracia participativa, asumindo as Misións como obxectivos mellorables desde a eficiencia na xestión. Será mellor, tarde que nunca.

Ao tempo que sorprende esta ausencia de autocrítica no imaxinario opositor, o actual imaxinario dos revolucionarios venezolanos atópase, como no resto dos procesos progresistas da rexión, nun debate intenso sobre a relación entre os movementos sociais e os políticos que xestionan as cotas de poder que os mesmos impulsan desde as bases. Deste xeito, no movemento bolivariano destaca especialmente Aporrea, abandeirado da horizontalidade no dereito a opinar, e que diariamente publica críticas constantes ás eivas revolucionarias, visibilizando en moitas ocasións denuncias públicas con nomes e apelidos. O proceso de crítica pública entre os vermellos está a ser motivo de debate; tanto dentro do partido como nos diferentes movementos sociais do proceso, tendo alcanzado o seu éxtase durante as primarias do PSUV, podendo por como data de inicio do proceso de crítica pública o seminario de verán do 2009 organizado polo Centro internacional Miranda:Intelectuais, democracia e socialismo.

Conceitos como dereita endóxena (a socialdemocracia do PSUV), V columna (burocracia e infiltrados), ou boliburguesía (os novos enriquecidos), sinalan as desviacións máis evidentes do discurso socializante do novo Estado. Este proceso de discusión xera tensións no bando vermello, sendo fortemente atacada pola dirección do PSUV a chamada posición dos -chavistas sen Chávez, que vai desde os máis radicalizados anarquizantes do proceso socialista, aos do PPT, que recentemente se descolgaron indirectamente del. Un grano de Maíz, do xa non anónimo Antonio Aponte, é o azoute máis popular dos revolucionarios críticos co proceso oficial.

Aparentemente, a unidade que converxe na figura de Chávez segue a ser sólida; sen embargo, será esta unidade (non tan consistente como podería resultar nunhas eleccións Presidenciais) á hora de acudir a votar o 26 de setembro, unha das variables que decidirán a victoria ou a derrota dos deputados propostos polo PSUV, situada en palabras do Presidente, na consecución de 2/3 da Asamblea, a maioría cualificada, 110 “curules” sobre un total de 165.

Outra variable fundamental serán os Ni-Ni (nen chavistas nen opositores): segundo as enquisas, entre o 30 e o 50% da sociedade venezolana, que determinarán a consecución ou non dos obxectivos propostos para a profundización do proceso revolucionario, ou a volta á axenda política diaria e nacional da oposición ao proceso.