Venezuela na Rede: as eleccións do 26-S (III)

A proximidade das eleccións lexislativas intensifica as mensaxes contra o proxecto político bolivariano, tendo como primeira referencia a situación de extrema violencia da sociedade venezolana. O problema, que creceu exponencialmente nos últimos anos aos ollos de todos os observadores; non pode máis que explicarse por unha sucesión de variables enredadas, con fortes raigames no pasado e novos e variados estímulos nacidos da polarización social que un proceso revolucionario (cando menos no discursivo, e pese ao novísimo do modelo) parece historicamente conlevar.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A proximidade das eleccións lexislativas intensifica as mensaxes contra o proxecto político bolivariano, tendo como primeira referencia a situación de extrema violencia da sociedade venezolana. O problema, que creceu exponencialmente nos últimos anos aos ollos de todos os observadores; non pode máis que explicarse por unha sucesión de variables enredadas, con fortes raigames no pasado e novos e variados estímulos nacidos da polarización social que un proceso revolucionario (cando menos no discursivo, e pese ao novísimo do modelo) parece historicamente conlevar. 

Vinculado a esta afirmación, a parapolítica e o paramilitarismo parecen variables novidosas imprescindibles para contextualizar o malestar da sociedade venezolana, variables con indicios de xenética tan interna como externa, e dirixida á erosión do propio Estadobolivariano. 

Na blogosfera de Venezuela atopamos testemuños que nos permiten aproximar a lente ávida cotiá, máis alá de agregados dramáticos de cifras, principalmente negativos para a continuación do proceso revolucionario. 

O blog de Carola Chávez resulta especialmente suxerente, ao non abusar das categorías explicitamente políticas, e acudir máis ao relato coidado dunha autoconfesada “rojita”. Do outro lado da estrada, Martha Comenares lidera o ránkig de visitas da blogosfera opositora, onde tamén son especialmente populares o debuxante Jofe, os pensamentos éticos de Emeterio Gómez, ou o non moi actualizado, mais de histórico valor grupal, blog do ex xeneral Raul Baduel, para uns preso político e para outros probado traidor edelincuente. Para tod@s, o seguro é que Internet xa é unha realidade, algo accesible, non unha tecnoloxía futurista. 

O uso de Internet despegou durante esta primeira década do século XXI no mundo (con contrastes e fendas dixitais ben explicativas incluídas). A evolución suramericana do seu uso pódese consultar no Latinobarómetro, no Informe 2008, onde a Venezuela bolivariana se coloca no primeiro posto en canto a número de usuarios na rexión, nunha progresión ascendente desde o 2002 digna de ser presentada como un éxito. 

Este incremento proporcional na conectividade venezolana ao respecto da América do Sur, relaciónase, primeiramente, co ciclo de crecemento económico permanente do país entre o 2004 e o 2008 que, como é normal, reflíctese en indicadores tecnolóxicos actuais como este. Mais en segundo lugar, e como especificidade venezolana na rexión, é obrigado mencionar o Proxecto Infocentro, que iniciou o seu percurso no 2001 coa instalación de 240 centros comunitarios de acceso ás novas tecnoloxías. 

Na actualidade, son xa 664 instalacións funcionando, que desde o 2007, por medio daFundación Infocentro, traballan enredados desde este núcleo central na construción de redes de información popular, outorgándolle desde o Goberno un rol específico na configuración socioprodutiva dos núcleos de desenvolvemento endóxeno, elementos estratéxicos básicos do novo Estado Comunal. Desta maneira, actualmente, o proxecto Infocentro atópase na súa terceira etapa, transferindo o control dos Infocentros aos Consellos Comunais máis avanzados, como o de Juan Germán Roscío

Desde os Infocentros pódense consultar blogs de todo tipo, de corte urbano e musical, como Saber y Poder, o blog do galego e Ministro de Cultura, Farruco Sesto, ou visitar a diario Ensartaos, unha ácida crítica á IV República e aos novos “ensartaos”, que axudan a non perder de vista como era a Venezuela dos anos 90. 

Finalmente, e por saír de novo do monodiscurso sobre o populismo en Venezuela, ás voltas  todo o tempo co talento artístico do Presidente e nunca cos proxectos que defende e polos que él e o proxecto que representa son votados, deberíamos agregar que os InfoCentros non só permiten conectarse e procurar información, senón que son plataformas de empoderamento cidadán, de inclusión social, ao permitiren aos que non posúen computador privado a creación dunha conta electrónica, seguir o programa de alfabetización tecnolóxica e mesmo ser guiados nos usos do goberno electrónico en Venezuela. Segundo datos gobernamentais, preto do 30% dos usuarios totais da Rede en Venezuela conéctanse por medio dos Infocentros. 

Mentres tanto, as enquisas continuan a dar resultados dispares para o 26-S, recaendo sempre a maioría nos representantes do PSUV, mais en marxes de vitoria limitados, lonxe dos obxectivos definidos polo oficialismo. Ao tempo, hai que darse só un paso pola Rede opositora para percatarse que outra vez, tras dez anos de procesos electorais continuos, a alternativa observa ao chavismo moribundo e en descomposición.