Venezuela na Rede: as eleccións do 26-S (IV)

A historia venezolana da primeira década do século XXI deberá rastrearse no futuro empregando obrigatoriamente os puntos vermellos que nos calendarios xeran as  xornadas electorais que desde a institucionalización da democracia protagónica na Constitución de 1999 celébranse como auténticas demostracións de acción colectiva.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A historia venezolana da primeira década do século XXI deberá rastrearse no futuro empregando obrigatoriamente os puntos vermellos que nos calendarios xeran as  xornadas electorais que desde a institucionalización da democracia protagónica na Constitución de 1999 celébranse como auténticas demostracións de acción colectiva. 

Nesta ocasión, a batalla do domingo, a do 26-S, é polo poder lexislativo, pola Asemblea Nacional, a cámara representativa da nova arquitectura institucional que o proceso trouxo tras de sí, e que tralo boicot da oposición nas eleccións de 2005 vivíu baleira de contido. 

A Asemblea Nacional electa terá cinco anos de vixencia, representando a un censo total de 17. 575.975 votantes. O resultado será o marco perfecto da fotografía que acompañe o camiño ás eleccións presidenciais de 2012, a nai de todas as batallas electorais do proceso bolivariano. 

A campaña do 26S darase por finalizada na medianoite do xoves. Os psuvistas, na súafesta total en Caracas non poderán sacar da cabeza a lenda que impulsou o Presidente Chávez ao comezo das primeiras eleccións primarias do PSUV: “Con las bases me la juego. Mentres, a Mesa da Unidade, e a súa aposta discursiva contra o fin da violencia en Venezuela producíu unha popular campaña dentro da súa mobilización xuvenil“Queremos vivir en paz”. Tan só a visualización dos cartazes, e os esforzos audiovisuais dos dous bandos confrontados definen imaxinarios a base de simplificacións, que non por iso poden obviar o confronto de clase e orixes do país petroleiro. 

Mentres que os dous bandos enfrontados preparan a xornada decisiva, o Poder electoral, vixente na división de poderes da Constitución da V República, (por medio do CNE), comezou a recibir xa aos 150 observadores internacionais que acompañarán a xornada de votación, entre os que se atopan observadores da OEA, e parlamentarios e senadores dos USA, Europa, Africa ou Asia. Activado está tamén xa o Plan República, que coa participación do Exército venezolano por medio de 250.000 militares ofrece apoio á loxística da xornada, que deberá cubrir 12.433 centros de votación, acollendo un total de 36.563 mesas electorais. Finalmente, o Ministerio do Poder Popular para as relacións interiores e a xustiza, dirixido por Tareck El Aissami, anunciou a Lei seca ata o martes 28 de setembro. 

As enquisas continuan igual que estaban hai dez días. Fálase, tanto desde GISXXI como desde diversos centros de estudos de opinión vinculados á oposición, dunha participación sempre superior ao 60%,  podendo alcanzar até o 75%, e dunha distribución do 52% a 48% a favor do PSUV; que polos equilibrios territoriais da nova lei electoral podería confirmar a maioría de 3/5 para a aprobación de Leis Habilitantes, sen descartar a desexada maioría cualificada de 2/3. 

Como en moitas das eleccións pluripartidarias, estes resultados deixarían a todos vitoriosos. O PSUV afianzado como partido da revolución, máis experto e rodado, e con maioría na Asemblea para seguir lexislando en prol do proceso. Da outra banda, a Mesa da Unidade coa visibilización do seu discurso nas institucións centrais do Estado, contando cun caudal de votos representativo reclamará lexitimidade a nivel nacional, lexitimidade que será defendida polos potenciais candidatos opositores ás presidenciais de 2012, entre outr@s: María Corina Machado, expresidenta de SÚMATE, Henry Falcón, líder do PPT ouHenrique Capriles Radonsky, Gobernador de Miranda polo partido Primero Justicia. 

Mais non todo está pechado. As sorpresas desde o punto de vista estatístico aínda poden acontecer, máis cando o factor Nin-Nin parece tan explicativo e relevante. Hai outra sorpresa que non se agarda pero da que se fala e escribe, a posibilidade dunha reacción de última hora por parte da Mesa da Unidade denunciando o proceso electoral e rexeitando os resultados oficiais do Poder Electoral. Por último, haberá quen diga que hai unha sorpresa oculta, que trala volta opositora á Asemblea Nacional a mesma sirva de trampolín golpista para o 2012, ao modo hondureño, o smart power do norte. Haberá que ler a Eva Golinger en inglés. 

Pase o que pase o luns día 28 o proceso bolivariano continuará, os seis millóns de militantes do PSUV (e as súas diferentes familias internas) seguirán existindo, e a oposición seguirá sendo un actor complexo sen demasiadas certezas unificadoras, máis alá do rexeitamento visceral ao oficialismo actual e a figura do seu líder. 

Así as cousas e de aquí ao 2012 a oposición a Chávez continuará a conspirar democraticamente nos seus foros de encontro máis populares, e algún deles tamén, rirá coa edición alternativa de Globovisión, o mellor remedio para calquer bolivariano desilusionado.