Venezuela na Rede (V e final): As eleccións do 26-S

O fin de semana comezou cunha choiva de mal agoiro para o movemento vermello. Despois de pasar todo o ano á espera dun diluvio que solucionara a crise eléctrica, tivo que ser o sábado 25 o día que as nubes tronasen para levarse por diante a vida de 8 persoas, tendo que desaloxar a centos de familias en todo o territorio nacional. Os máis amantes das teorías conspiranóicas comezaron a avisar dun ataque do Sistema HAARP.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

O fin de semana comezou cunha choiva de mal agoiro para o movemento vermello. Despois de pasar todo o ano á espera dun diluvio que solucionara a crise eléctrica, tivo que ser o sábado 25 o día que as nubes tronasen para levarse por diante a vida de 8 persoas, tendo que desaloxar a centos de familias en todo o territorio nacional. Os máis amantes das teorías conspiranóicas comezaron a avisar dun ataque do Sistema HAARP.

Sen embargo, o domingo funcionou todo con normalidade. Na capital e en distintas cidades do país, os desprazamentos en autobús foron de balde, nunha de tantas medidas que caracterizan as xornadas de votación venezolanas, que unha vez máis amosaron ser un episodio de calidade democrática, na perspectiva histórica e rexional, e no contexto dun proceso político que se chama democrático e revolucionario, como no seu día se autodefiníu tamén a Unidade Popular de Allende en Chile, ou máis recentemente, o programa político de Zelaya en Honduras e a Revolución Cidadá de Correa en Ecuador. Tamén na participación electoral, que chegando ao 66,45%, conquire a maior mobilización social nunhas eleccións desta natureza. Unha ditadura nin realiza eleccións nin perde votos.

Os resultados tardaron en chegar máis do prometido, o que avisaba dunhas votacións axustadas que pese a ser anunciadas por todos os sondeos, non o puideron ser máis. O país partido reforzou a súa propia imaxe. Máis de once millóns de votantes sairon ás rúasdeixando 5 millóns de votos para os polos en batalla, favorecendo claramente ao oficialismo no reparto de escanos polos efectos da lei electoral, que sobrerrepresenta as provincias do interior e apuntala o bipartidismo, ao igual que en tantos outros sistemas electorais de solidez histórica. Desta maneira, a nova Asamblea Nacional, máis animada e deliberativa, contará con 98 curules para os membros do PSUV, 65 para a Mesa da Unidade, e 2 para a terceira vía, os recentemente escindidos da alianza bolivariana, o Patria para Todos, que anunciou xa que non se aliñea nin coa MUD nin co PSUV.

Os discursos de vitoria estiveron na boca de todos durante as primeiras horas posteriores ao anuncio dos resultados definitivos do CNE. Máis alá das matemáticas selectivas e creativas, e nunha lectura tradicional, a primeira consideración debe ser que o PSUVgañou as eleccións, consolidándose como primeira forza política do país. A segunda, que a oposición ao proceso conformado pola MUD e os seus 32 partidos políticos, realizou o mellor segundo posto desde que o proceso bolivariano comezase en 1998. E a terceira, e como conclusión a estas dúas afirmacións, que o chavismo erosiona como proceso con vontade hexemónica, sobretodo, cando non é Chávez quen directamente participa na batalla electoral, avisando ao Presidente de que a boliburguesía, a ineficiencia, a corrupción, e a mala xestión, acaban pasando factura, deixando tras de sí interesantes debates sobre qué papel debe xogar o partido da revolución fóra e dentro das institucións estatais.

Mais en Venezuela, a lectura tradicional dos resultados electorais das democracias liberais racha coa realidade social do país, que de batalla en batalla electoral avanza ou retrocede na superación do capitalismo e da democracia representativa liberal, na procura de novos horizontes de organización humana. Se a sensación emocional é a da derrota do chavismo, ten que ver con que á vía electoral para a construción do socialismo do século XXI non lle valen as vitorias pírricas nin de aritmética parlamentaria. Polo que non ter conseguido nin sequera a maioría de 3/5 para sacar adiante Leis Habilitantes deixa aos revolucionarios nun obrigado punto de inflexión, co escenario das Presidenciais de 2012 ao lonxe, cheo de incertezas e novos retos, que poden significar grandes dificultades ou novas oportunidades segundo como sexan xestionados estes novos datos electorais. 

Mentres tanto, a oposición que atopou a converxencia para estas lexislativas deberá aproveitar a súa reactualización para afianzar un liderado que poida competir co carisma de Chávez. Isto será así se como parece a democracia protagónica da Constitución de 1999 non é activada por medio dun referendo revogatorio antes do 2012, nin desactivada por outro métodos menos democráticos exercitados no pasado.

Finalmente, o intento de golpe de Estado en Ecuador unha semana despois das eleccións venezolanas voltan situar a ALBA no punto de mira da dereita rexional, nunha coincidencia de calendario que cando menos pode ser interpretada como sospeitosa. En Brasil, a sucesión de Lula xógase este fin de semana, e mentres, todas as fichas da xeopolítica mundial seguen en movemento complexo.