Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 27 de Febreiro de 2017 VV.AA.

Violencia e vitimización: menores migrantes na Ruta Norte

(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC)
frontera_norte.jpg

Os cambios acontecidos nas dinámicas da ruta de migración cara os EUA, ligados ao aumento da securitización, produciron unha maior exposición dos grupos migrantes ás organizacións de crime organizado. A reorientación dos fluxos cara rutas controladas por estes actores, a súa vez, supuxo o aumento das súas capacidades operativas e económicas, así como da súa infiltración nos organismos e institucións estatais. Deste xeito, a introdución dos desprazados neste sub-mundo condenábaos a unha dramática relación de dependencia/abuso cos grupos transnacionais. Isto explícase dada a obrigatoriedade de utilizar os “servizos” que ofertan ditas organizacións para lograr o pase a través do territorio, mentres estas xigantescas mafias podían explotar un filón de enorme valor.

En zonas de espera preto da rede ferroviaria ou nas áreas de descanso, comezou a seleccionarse aos migrantes segundo as posibilidades que ofertaban: extorsións, secuestros, trata etc. Deste xeito, produciuse unha “mercantilización” deste colectivo e ditas áreas tornáronse un lugar onde “detectan, clasifican e distribúen aos migrantes pola súa circunstancia(1).

Neste escenario repleto de riscos e perigos, sobresae un grupo especialmente vulnerable: os menores non acompañados. O incremento do seu fluxo, motivado principalmente pola inxerencia das maras e a pola fragmentación familiar, a súa vez derivada das migracións das últimas décadas, supuxo unha alza no número de secuestros e desaparicións, especialmente en zonas “quentes” da fronteira entre México e Guatemala.

Dito tránsito tornouse un fenómeno “masivo” (de 4.000 detidos en 2011 a 35.000 en 2015 segundo o Instituto Nacional de Migración de México INM), aumentando dramaticamente o número de menores que caeron nas mans das redes criminais e conformando unha situación de risco a que non sempre se lle presta a debida atención.

Secuestro, captación e traballo forzado

Case dende o inicio dos seus traxectos concentran a atención dos grupos criminais, cunha máis que habitual complicidade de funcionarios estatais, sendo clasificados segundo as posibilidades que ofertan.

No caso de menores que viaxan con motivo de reunificación familiar, na maioría dos casos sufragados polos parentes xa asentados no destino, convértense nas vítimas predilectas de secuestro. Isto explícase dada a posibilidade de obter rescates de forma sinxela e rápida, a través de xiros enviados polos seus familiares, e súa escasa cobertura xurídico/administrativa.

Máis dramática e a situación dos menores con menor dispoñibilidade de recursos, sendo raptados ou “captados” e véndose abocados cara funestos destinos: traballar coma “mulas” de drogas e de armas, colaborar en actividades ilícitas (venda ao por menor ou sicariato) ou ben ser “transferidos” coma man de obra semi-escrava.

Nesta última situación recaen un alto número destes menores (mexicanos e centroamericanos), forzados á mendicidade nas grandes urbes mexicanas e nos principais destinos turísticos, ao traballo no comercio informal, fincas agrícolas,  servizo doméstico, “xiros negros”, industrias téxtiles ou en diversos sectores da economía clandestina.

Trata sexual

Os adolescentes entre os doce e os dezasete anos son o grupo de maior risco, especialmente as rapazas, aínda que son numerosos os reportes recrutamentos de nenos e nenas aínda menores. É difícil establecer cifras concretas, pois as estimacións oficiais mais conservadoras falan de en torno a 16.000 menores vítimas da trata sexual, mentres organizacións de dereitos humanos e ONG´s reportan entre 50.000 e 70.000 casos. As zonas máis quentes sitúanse en rexións fronteirizas de México e Guatemala e nos principais destinos turísticos(2) do sur de México: Acapulco, Cancún e Puerto Vallarta.

Xogan un papel esencial na captación figuras como as denominadas “enganchadoras”. Seleccionando nas rutas ou nas comunidades de orixe (antes de emprender o traxecto) e convencendo tanto aos menores como as familias sen recursos, conseguen que se contraia unha débeda destinada a sufragar a viaxe cara un destino onde supostamente esperan oportunidades laborais prefixadas (servizos domésticos, hostalería, modelaxe etc.)

Independentemente da estratexia utilizada (captación “voluntaria” ou forzada),  unha vez baixo o xugo destas organizacións, son despoxados de toda clase de documentación que acredite a súa identidade e forzados a traballar no sector para sufragar unhas inasumibles e impostas débedas, loitando por satisfacelas e condenados a unha situación de servidume.

O destino destes menores tamén varía, existindo status e redes clientelares diversas. Por unha banda, dáse un fenómeno de carácter máis exclusivo, para clientes VIP (políticos, empresarios ou narcotraficantes), por encargo e pagando altas sumas monetarias. Doutra banda, a inmensa maioría abarrotan os locais ou pequenos bares da franxa fronteiriza, principalmente nas áreas de Tapachula (Chiapas), onde moitas adolescentes vense forzadas a manter relacións con “ata trinta clientes ao día(3).

Marco xurídico

Se ben nos últimos tempos produciuse un certo avance na promulgación de marcos xurídicos vinculantes coa situación mostrada, a súa repercusión encóntrase moi limitada. Á focalización en medidas de securitización, en detrimento de estratexias que garantan os dereitos do colectivo, súmase unha falta de recursos e unha endémica corrupción dentro das institucións e corpos migratorios.

Por outro lado, a propia condición de menor de idade deriva nun certo limbo xurídico, no que moitas veces non poden decidir sobre temas legais nin recorrer ao asesoramento pertinente(4). En consecuencia, dáse unha falta de acceso e descoñecemento sobre os trámites de asilo e protección. Así, con frecuencia, terminan recluídos e acenados en superpoboados centros migratorios, mentres se tramita a súa situación que soe rematar nunha deportación (so un 1% é recoñecido coma refuxiado, segundo Human Rights Watch).

Nos principais riscos, explicados anteriormente, pese a promulgación e reformulación de marcos xurídicos específicos,como a Lei Xeral de Nenos, Nenas e Adolescentes (México, 2014)(5) ou a Lei Contra a Violencia Sexual, Explotación e Trata de Persoas (Guatemala,2009)(6), as carencias existentes para aplicalos de forma efectiva (falta de recursos, corrupción etc.) lastran as súas posibilidades de éxito.

Esta dramática situación parece reclamar unha maior implicación de axentes rexionais e internacionais, tamén públicos e privados. Debendo ser abordada dende diversos espazos, dada a complexidade que presenta, abarcando o ámbito social (cunha maior concienciación), xurídico (marcos lexislativos específicos) e económico (dotar de recursos as institucións pertinentes). Non só está en xogo o futuro desa xeración, senón das que lle precedan, pois o lastre desta violencia e vitimización pode converterse nunha “bola de neve” que arrastra o que atopa no seu camiño.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado  en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas:

(1) RODOLFO CASILLAS: “Los Migrantes Indocumentados: su vulnerabilidad y la nuestra”, Migración y Seguridad: nuevos desafíos en México. Colectivo de Análisis de Seguridad y con Democracia (CASEDE) 2011 pp. 148 http://www.casede.org/PublicacionesCasede/MigracionySeguridad/cap8.pdf

(2)ELENA AZAOLA: “Infancia robada: niños y niñas víctimas de explotación sexual en México”, UNICEF, 2000 pp. 47-65 https://www.unicef.org/mexico/spanish/mx_resources_infancia_robada.pdf

(3) INTERNATIONAL CRISIS GROUP: “Presa fácil: violencia criminal y migración en Centroamérica” Report Nº 57/LatinAmerica&Caribbean, Xullo 2016 pp.15 https://d2071andvip0wj.cloudfront.net/057-easy-prey-criminal-violence-and-central-american-migration-spanish.pdf

(4) ACNUR “Arrancados de raíz: causas que originan el desplazamientotransfronterizo de niños, niñas y adolescentes no acompañados y su necesidad de protección” 2014 pp. 59,60http://www.acnur.org/fileadmin/scripts/doc.php?file=fileadmin/Documentos/Publicaciones/2014/9828

(5)http://www.cinu.mx/minisitio/juventud_2015/ley_general_ninasninosyadolescentes.pdf

(6)https://goo.gl/2I6fKD

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais