Letreiro do Republican Sinn Féin, un dos dous partidos políticos que se sitúan na disidencia republicana.

Violencia outra vez na Irlanda do Norte

Desde os anos 80, o pulso entre vía política e armada para a consecución dos obxectivos do nacionalismo norteirlandés veu cedendo en favor da primeira. O formidable desgaste que conleva calquera conflito armado facía crecer o número de persoas que desexaban traballar na procura de solucións pacíficas. E, pouco a pouco, as diversas partes envolvidas ían forzando espazos para o encontro e diálogo.

Apartados xeográficos Nacionalismos
Idiomas Galego

Letreiro do Republican Sinn Féin, un dos dous partidos políticos que se sitúan na disidencia republicana.Desde os anos 80, o pulso entre vía política e armada para a consecución dos obxectivos do nacionalismo norteirlandés veu cedendo en favor da primeira. O formidable desgaste que conleva calquera conflito armado facía crecer o número de persoas que desexaban traballar na procura de solucións pacíficas. E, pouco a pouco, as diversas partes envolvidas ían forzando espazos para o encontro e diálogo. Neste proceso, e como non podía ser doutro modo, tanto o aparato militar, o IRA Provisorio, canto o político, o Sinn Féin, ían facendo concesións. E desas concesións viñeron as escisións, militares e políticas, con programas maximalistas.

Esas partes escindidas reciben hoxe o nome de republicanismo disidente, tendo en común a persecución dunha Irlanda unida nun único paso. Rexeitan, por iso, o Acordo de Belfast de 1998; un paso intermedio innecesario e contraproducente, do seu punto de vista. No apartado político, as organizacións disidentes son o Republican Sinn Féin e o 32 County Sovereignty Movement; no apartado militar, o Continuity Irish Republican Army (CIRA), o Real Irish Republican Army (RIRA) e os Óglaigh na hÉireann (ONH), xa eles mesmos unha escisión do CIRA no ano 2006.

O republicanismo disidente adquiriu especial relevancia nas últimas semanas, após unha vaga de accións violentas, incluíndo a colocación de diversos artefactos explosivos, que motivaron unha ampla resposta de rexeitamento de institucións e forzas políticas. Cabe destacar aquí, pola importancia que as súas voces poden ter no conxunto da cidadanía da illa, as declaracións do viceprimeiro ministro norteirlandés, Martin McGuinness, que foi membro activo do IRA Provisorio, e da Presidenta da República da Irlanda, Mary McAleese.

A campaña violenta conseguiu resucitar a pantasma da Irlanda do Norte máis violenta, con rumores de futuros ataques en territorio inglés. Mesmo diversos gobernos internacionais recomendan non viaxar ao territorio ou facelo adoptando especiais precaucións. Posiblemente a concentración nos últimos tempos deste tipo de accións teña que ver co intento de chamar a atención para a causa da disidencia, aproveitando a presenza de turistas internacionais. Sen perder de vista a posibilidade de capitalizar o descontentamento e tensión, xerados pola época das marchas oranxistas e polos crecentes índices de desemprego entre a xente nova, tentando recrutar novos militantes e soldados.

O certo é que o apoio social que os republicanos disidentes reciben é completamente marxinal, a xulgar polos resultados electorais das súas forzas políticas e polas recentes declaracións ao Irish News, neste punto ben sorprendentes, dun membro dos ONH. A poboación da Irlanda do Norte está cansada de violencia e quere, na inmensa maioría, dar unha oportunidade á vía pacífica aberta polo Acordo de Belfast de 1998.

É certo que o Acordo de Belfast asume a división da illa e a pertenza da Irlanda do Norte ao Reino Unido. Pero, do mesmo modo, tamén é certo que establece a posibilidade da unificación e completa independencia do Reino Unido, se así é decidido, en referendo, por unha maioría no norte. De darse o caso, o Reino Unido tería que aceptar o resultado. Por outro lado, cabe lembrar que o texto foi apoiado de maneira ben clara pola poboación das dúas partes da illa en referendo.

Os disidentes non loitan só contra o Reino Unido, senón contra máis da metade da poboación da Irlanda do Norte, católicos incluídos, que non quere independizarse nin crear un novo Estado para toda a illa. Loitan mesmo coas persoas que, querendo o mesmo que elas e eles queren, optan exclusivamente pola vía política. E trátase de persoas que até non hai moito apoiaban ou, no mínimo, mostrábanse comprensivas e comprensivos coa violencia, por considerala a única vía posible. Son moitos inimigos para vencer coas armas. Non son demasiados para a persuasión dialéctica.