Votar coa carteira

A menos de cen días das próximas eleccións estadounidenses, a máxima preocupación dos principais candidatos non semella estar tanto nas indicacións das sondaxes electorais, que tamén, naturalmente, como no saldo das contas correntes das respectivas campañas.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

A menos de cen días das próximas eleccións estadounidenses, a máxima preocupación dos principais candidatos non semella estar tanto nas indicacións das sondaxes electorais, que tamén, naturalmente, como no saldo das contas correntes das respectivas campañas.

Os demócratas de Obama non disimulan a súa preocupación pola vantaxe recadatoria do republicano Romney. En xuño, este superaba a Obama por segundo mes consecutivo embolsándose 106 millóns de dólares. A reacción de Obama foi instar aos responsables da súa campaña e aos donantes lembrándolles a importancia de aumentar o ritmo da recadación para manter a dianteira na carreira polos fondos, unha variable clave, senón a máis determinante, no resultado das eleccións.

Sheldon Adelson, o magnate de Las Vegas que desolla a margarida entre Madrid e Barcelona para o seu xigantesco bordel, ofreceu ao republicano un apoio inquebrantable. En xuño, Adelson doou dez millóns de dólares a Romny. Ao parecer, Adelson estaría disposto a chegar ata os cen millóns de dólares en doazóns aos republicanos con tal de que Obama non recuncase na Casa Branca. Adelson está sendo investigado na China por prácticas corruptas na nova meca do xogo, Macau, onde realizou fortes investimentos nos últimos anos.

Pese ao avultado dos recursos republicanos, as enquisas ofrecen unha lixeira vantaxe a Obama (49 fronte a 43), que podería ir medrando. As acusacións de que o fondo de investimento Bain Capital, fundado por Romney en 1984, está directamente relacionado con prácticas deslocalizadoras que afectaron moi negativamente á preservación do emprego en EEUU poden facer efecto  nun electorado moi sensible a esta cuestión. Por outra banda, na súa xira por Gran Bretaña, Israel e Polonia, non pode dicirse que teña acreditado marxe algunha de confianza na súa política exterior, revelando profundas lagoas que derivaron nunha ausencia de impacto se a comparamos coa visita realizada por Obama en 2008. Nin tan sequera sumou adhesións claras dos sectores mais belixerantes de Israel nin resultou especialmente atractivo en Polonia para os partidarios do escudo antimísiles.

A esas carencias cómpre engadir a nebulosa que rodea o seu patrimonio económico, con contas en Suíza e en varios  paraísos fiscais, o que unido á súa negativa a publicar as declaracións da renda anteriores a 2010, brinda argumentos aos demócratas para fustrigar a súa falta de transparencia, paradoxalmente nun dos países máis opacos do mundo en materia financeira.

Quedan meses por diante, pero a suma de feblezas e vulnerabilidades do candidato republicano ofrece unha clara oportunidade a Obama para renovar mandato pese ao desencanto que acompañou a súa xestión no seu conxunto. Nunha segunda oportunidade tampouco cabe agardar grandes mudanzas.