Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 9 de Setembro de 2012 Oki

Xapón-Corea do Sur: tensións territoriais no Leste asiático

Nas últimas semanas, o Leste asiático atópase en estado de tensión debido a problemas de carácter territorial. Esta tensión comezou o pasado mes de xullo, cando o primeiro ministro ruso Dmitri Medvédev visitou as illas Hoppo Ryodo (denominadas por Rusia como illas Kuriles), cuxa soberanía é reclamada por Moscova. Ao cabo dun mes, o presidente de Corea do Sur, Le Myung-bak, visitou a illa Takeshima (Dokdo en coreano). Pouco despois, un grupo de activista de Hong Kong e Taiwan desembarcou nas illas Senkaku (Diaoyutai en chinés), izando respectivamente as bandeiras de China e Taiwan.

Xa que logo, Xapón ten na súa contra a todos os países veciños do Leste asiático ao redor destes problemas territoriais, afectándose moi seriamente a súa relación con Corea do Sur. Pola súa banda, Rusia e China observan de lonxe o desenvolvemento dos acontecementos neste estado de antagonismo entre Xapón e Corea do Sur. Vexamos, entón, como se desenvolven estes acontecementos.

O pasado 10 de agosto celebrouse o partido de fútbol pola medalla de bronce dos Xogos Olímpicos de Londres 2012 entre Xapón e Corea do Sur, un acontecemento que provocou un gran entusiasmo e expectativas en ambos os países. Tras a vitoria surcoreana, un xogador desa selección, Park Jong-Woo, axitou unha bandeira surcoreana na que rezaba que “Dokdo é o noso territorio”. Por esta acción, que politiza o acontecemento deportivo e que, xa que logo, viola o espírito olímpico, o Comité Olímpico Internacional prohibiulle que participase na cerimonia de concesión de galardóns, razón pola que non puido recibir a medalla de bronce.

Por que Park Jong-Woo portou esta bandeira nese momento? Unhas horas antes do partido recruara o antagonismo político entre Xapón e Corea do Sur pola visita do presidente Lee Myung-bak á illa Takeshima. Lee Myung-bak é coñecido en Xapón como unha persoa prudente, que antepón manter unha boa relación entre Xapón e Corea do Sur para favorecer o desenvolvemento económico entre ambos os países aos problemas pendentes, talles como as reclamacións de soberanía por Takeshima, o santuario de Yasukuni e os libros de texto de historia. Outro aspecto que reforza esta sensación é que Lee Myung-bak viviu en Xapón durante a súa infancia, sendo recoñecido como amigo de Xapón en comparación con outros ex presidentes surcoreanos. De feito, estes últimos anos logrou manter unha boa relación entre ambos os países tanto a nivel político como cidadán.

Con todo, o 10 de agosto, Lee Myung-bak visitou de súpeto a illa de Takeshima, sendo o primeiro presidente surcoreano en realizar esta visita. Lee Myung-bak explicou que, durante o cume entre ambos países celebrada en decembro de 2011 en Kyoto, Xapón non tomou novas medidas para resolver o polémico problema da escravitude sexual promovida polo exército imperial xaponés durante a II Guerra Mundial, razón pola que xustificou a súa visita a Takeshima.

No entanto, poida que tivese outra razón: o partido Saenuri, actualmente no poder en Seúl, elixiu a Park Geun-hye como candidato para as eleccións presidenciais de decembro próximo. Ela é filla do ex presidente Park Chung-hee, quen restableceu as relacións entre Xapón e Corea do Sur en 1965. Por iso, propiciar unha campaña antixaponesa provocaría unha desvantaxe política e electoral para ela, aínda que nestes momentos as enquisas parecen outorgarlles un maior apoio con respecto aos demais candidatos do partido na oposición. Así, Park Geun-hye terá que mostrar unha postura antixaponesa para manter estes apoios.

Atizando a campaña antixaponesa

Neste contexto, resulta clave preguntar por que Lee Myung-bak cambiou a súa postura prudente cara a outra máis antixaponesa. É posible que Lee Myung-bak buscase obter o apoio xeral dos surcoreanos antes de retirarse, intentando así acougar o enfado do seu pobo. No momento da visita a Takeshima en xullo pasado, o nivel de popularidade de eLe Myung-bak estaba moi baixo. Ademais, o irmán e o achegado máis próximo de Lee Myung-bak foron arrestados por recibir “diñeiro sucio”, razón pola que o achegado máis próximo de Lee Myung-bak foi interrogado pola policía.

Xa que logo, a campaña antixaponesa é a última carta política e electoral destinada a aumentar o apoio popular á presidencia en Corea do Sur. Os problemas pendentes entre Xapón e Corea do Sur sempre estimulaban o sentimento nacional e foron útiles para aumentar as adhesións xerais. De feito, tras a visita de Lee Myung-bak a Takeshima, a taxa de apoio ao presidente subiu do 25,7% ao 34,7%.

Aparte da visita de Takeshima, Lee Myung-bak impulsa con maior afán a campaña antixaponesa. O pasado 14 de agosto, o presidente surcoreano dixo que se o Emperador de Xapón desexa visitar o seu país, debe pedir perdón en Corea do Sur aos surcoreanos mortos na loita pola independencia. Lee Myung-bak intentaba así gañarse máis apoio do pobo coreano.

No entanto, as súas accións enfrontáronse cunha situación imprevista. A retórica hostil cara ao Emperador de Xapón estimula o sentimento nacional dos xaponeses. O primeiro ministro de Xapón, Yoshihiko Noda, inmediatamente reclamou a retirada destas palabras consideradas ofensivas. Noda tamén está perdendo popularidade nun momento en que está producindo un cisma político dentro do Partido Democrático de Xapón, razón pola que tiña que tomar medidas rigorosas. Ademais, Xapón propuxo levar o problema de Takeshima á Corte Internacional de Xustiza. Xa que logo, é moi probable que Lee Myung-bak non esperase unha reacción tan forte por parte de Xapón.

O pasado 17 de agosto, Noda entregou a Lee unha carta manuscrita do primeiro ministro informando de que lamentaba o ocorrido sobre Takeshima e que levaría este problema á Corte Internacional de Xustiza. Con todo, Corea do Sur negouse a recibir a carta, e devolveuna a Xapón o pasado 23 de agosto. Considérase estraño este procedemento, xa que altera o costume diplomático. O Ministerio de Asuntos Exteriores de Xapón negouse a recibir a carta reexpedida, aínda que finalmente recibiuna un día despois. Ese mesmo día foi aprobada na Cámara Baixa de Xapón unha resolución de protesta contra a visita a Takeshima e as palabras de Lee Myung-bak cara ao Emperador de Xapón. Na actualidade, ambos os países afrontan unha situación difícil nas súas relacións e comunicacións diplomáticas.

Ante esta conxuntura, é moi probable que Corea do Sur cambie a súa postura. Un momento clave pode ser a expiración en outubro próximo do acordo de swap monetario entre Xapón e Corea do Sur. Seúl pedía unha prórroga do prazo, pero agora Xapón di que quere retornar esta discusión ao seu comezo. Se Xapón non prorroga o acordo, Corea do Sur, coa súa elevada débeda exterior, afrontaría un serio risco de inestabilidade financeira. Desde o punto de vista económico, Corea do Sur non pode menosprezar o mercado xaponés, polo que debería superar o antagonismo antes de outubro. Se non, a controversia continuará por moito tempo, polo menos ata as próximas eleccións presidenciais de Corea do Sur.

En todo caso, quedará o problema territorial de Takeshima. É moi raro que Xapón adopte unha actitude severa na súa política exterior, sobre todo en canto ao problema territorial. Ao mesmo tempo, Rusia e China están observando de lonxe o desenvolvemento dos acontecementos, especialmente a posición xaponesa. Aínda que o antagonismo contra Xapón non é favorable para Rusia e China, están apuntando cara a outras illas aproveitando esta oportunidade. Polo momento, os países do Leste asiático poden estar lixeiramente tranquilos á espera de propiciar unha resolución do problema da soberanía territorial.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais