Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2019-2020 "Da guerra comercial á Coivd19"

Xeración Igualdade: Unha política exterior feminista para un mundo máis seguro.

Xa entrados no 2020, ningún país do mundo, nin tan sequera os máis avanzados, lograron pechar a fenda de xénero, particularmente polo que respecta aos ámbitos político e económico. A discriminación contra as mulleres segue a ser persistente en todo o planeta, especialmente nos países menos desenvolvidos. Ademais, as crises sempre teñen efectos moito máis devastadores sobre as mulleres, xa sexa esta unha crise económica como a de 2008, onde as mulleres son as primeiras en perder os seus traballos debido á súa precariedade, ou sanitaria, como a actual pandemia do COVID-19, debido a que as mulleres son as que exercen en maior medida labores de asistencia sanitaria, limpeza ou venda en supermercados e, por ende, están máis expostas a un posible contaxio. Todo iso á vez que soportan o coidado de toda a familia.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Xa entrados no 2020, ningún país do mundo, nin tan sequera os máis avanzados, lograron pechar a fenda de xénero, particularmente polo que respecta aos ámbitos político e económico. A discriminación contra as mulleres segue a ser persistente en todo o planeta, especialmente nos países menos desenvolvidos. Ademais, as crises sempre teñen efectos moito máis devastadores sobre as mulleres, xa sexa esta unha crise económica como a de 2008, onde as mulleres son as primeiras en perder os seus traballos debido á súa precariedade, ou sanitaria, como a actual pandemia do COVID-19, debido a que as mulleres son as que exercen en maior medida labores de asistencia sanitaria, limpeza ou venda en supermercados e, por ende, están máis expostas a un posible contaxio. Todo iso á vez que soportan o coidado de toda a familia.

Pero a situación das mulleres é aínda máis complicada en contextos de conflito. No ano 2000, a Resolución 1325 marcou un fito recoñecendo que as mulleres son as principais vítimas dos conflitos armados e subliñando o papel esencial que estas xogan tanto na prevención e na resolución dos conflitos como no mantemento e a consolidación da paz. A participación das mulleres en negociacións de paz provoca que a probabilidade de que os acordos fracasen diminúa nun 64%. Ao mesmo tempo que contribúe a que o acordo teña un 35% máis de probabilidades de que dure, ao menos, 15 anos.[1]

A política exterior feminista promove unha redefinición da política exterior tradicional situando no centro do debate a discriminación por xénero, a redución das desigualdades e a violencia, pero tamén a falta de representación feminina nos centros de poder.[2] A incorporación dun punto de vista feminista na política exterior dun Estado non implica unicamente a introdución dun corpo normativo de reorientación da política exterior vinculada a principios éticos de paz, xustiza global, dereitos humanos e desenvolvemento sostible, senón que cando falamos de política exterior feminista referímonos á idea de situar a igualdade de xénero como o verdadeiro obxectivo estratéxico no plano internacional. A única xustificación necesaria para poñer en marcha unha política exterior feminista é que as mulleres son a outra metade da poboación mundial, polo que mellorar a súa situación beneficiaría a toda a sociedade.

O nacemento dunha política exterior feminista vincúlase directamente ao intenso traballo que durante décadas os Estados e a Sociedade Civil fixeron arredor da axenda mulleres, paz e seguridade.[3] Polo que non é sorprendente que a política exterior feminista se orixinase en Suecia, un Estado líder no compromiso coa igualdade de xénero. Sen embargo, contrariamente á axenda mulleres, paz e seguridade, non existe un texto acordado, resolución ou tratado, que proporcione a base para que os diferentes países elaboren as súas políticas exteriores feministas. Os diferentes Estados son libres de determinar que entenden por política exterior feminista e que aspectos queren destacar.[4] Tanto Suecia (2014) como Canadá (2017) destacan por ser pioneiros en definir a súa política exterior coma feminista, pero tamén por defender dúas aproximacións diferentes á hora de loitar pola igualdade de xénero no escenario internacional.

A política exterior feminista desenvolvida por Suecia entende a igualdade de xénero como un fin en si mesmo orientado a defender os dereitos das mulleres e das nenas. Non responde unicamente a un marco no que alcanzar a paz, a seguridade e o desenvolvemento sostible, senón que persegue unha axenda transformadora á vez que entende que as persoas teñen diferentes condicións de vida, niveis de influencia e necesidades. Ao mesmo tempo, destaca que hai un vínculo moi forte entre a maior participación das mulleres na política global e a paz sostible. En concreto, a política exterior feminista de Suecia céntrase en alcanzar tres elementos fundamentais (as tres Rs en inglés): (Rights) os dereitos das nenas e das mulleres incluíndo a loita contra a violencia de xénero; (Resources) a redistribución dos recursos naturais e económicos mundiais; (Representation) e o fomento da participación e o impacto das mulleres nos procesos de toma de decisións, fundamentalmente nos procesos de paz. Todo isto á vez que teñen en conta a súa realidade diferenciada.[5] No caso do Canadá, o obxectivo principal que perseguen coa súa política exterior feminista é erradicar a pobreza. O goberno de Canadá entende que a promoción da igualdade de xénero e o empoderamento das nenas e das mulleres é o medio máis eficaz para alentar e soster o desenvolvemento económico no mundo. Destacan que na medida en que as mulleres e as nenas teñen as mesmas oportunidades que os homes á hora de alcanzar o éxito, estas poderán mellorar as súas economías locais beneficiando o desenvolvemento económico do resto dos países. Este obxectivo tamén requeriría a inclusión das mulleres en procesos de toma de decisións.[6]

Como conclusión, cabe destacar que aínda que non teñamos unha definición acordada de que entendemos por política exterior feminista, nin unha folla de ruta de como esta se debe orientar, incluír a perspectiva de xénero na política exterior dos países como obxectivo prioritario e transversal é esencial para conseguir vivir nun mundo máis xusto e seguro.  Cada vez máis Estados están definindo as súas políticas exteriores como feministas, poñendo ao individuo - en vez do Estado - no foco principal das súas actuacións cara ao exterior. Aos pioneiros Suecia e Canadá xa se uniron Francia, México e recentemente España. O século XXI debe ser o século da igualdade de xénero.        

Esta peza é parte do IGADI Annual Report 2019-2020, podes descarregalo aquí. 


[1] Cfr.org “Women’s Participation in Peace Processes” 30 Xaneiro 2019 https://cutt.ly/etoq8S6 Visitado 9 Marzo 2020. 

[2] Aggestam, K., Bergman Rosamond, A. and Kronsell, A. (2019) “Theorising feminist foreign policy”. International Relations, Vol 33, Issue 1, pp, 23-39; pp, 24-26.

[3] Aggestam, K., Bergman Rosamond, A. and Kronsell, A. (2019) “Theorising feminist foreign policy”. International Relations, Vol 33, Issue 1, pp, 23-39.

[4] Thomson, J. (2020) “The Growth of Feminist (?) Foreign Policy”. E-International Relations. Feb, 10th . https://cutt.ly/stowOjw Visitado 9 Marzo 2020.

[5] Government Offices Sweden. Handbook Sweden’s feminist foreign policy. August 2018. https://cutt.ly/WtowCou

[6] Global Canada. (2017) Assistance Feminist International Canada’s Policy: #hervoiceherchoice. https://cutt.ly/xtoeGEQ Visitado 9 Marzo 2020.