Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 8 de Xullo de 2016 Ríos

Xi en Belgrado: dunha advertencia a outra

026.jpg

No transcurso da recente visita a Serbia, en xuño último, o presidente Xi Jinping inaugurou un monumento no lugar da antiga embaixada chinesa, bombardeada “accidentalmente” en 1999 polas tropas da OTAN. Hoxe sabemos que aquela acción non foi un erro senón unha acción deliberada que perseguía neutralizar unha estación de radio e certos dispositivos que China acubillaba prestando apoio ao goberno de Slobodan Milosevic sen que estean do todo claro as contrapartidas recibidas a cambio.

O xesto de Xi, honrando a memoria dos tres cidadáns chineses falecidos naquela ocasión, levaba implícita unha dobre advertencia: China non esquece as humillacións, naquel momento non estaba en condicións de responder pero agora si está preparada para reaccionar ante unha situación similar. 

O sucedido na antiga Iugoslavia, como tamén a guerra de Iraq, tivo un gran impacto nunha dirixencia ata entón polo xeral cauta no manexo das cuestións relativas á defensa e empeñada en eludir calquera rumbo de colisión cos países occidentais. É a partir dese momento cando a modernización das súas capacidades defensivas comeza a adquirir velocidade de cruceiro. Desde que asumiu funcións (2012), Xi Jinping abordou a cuestión militar auspiciando unha operación anticorrupción sen precedentes e a maior reestruturación que se recorda na historia do Exército Popular de Liberación. O obxectivo confesado: prepararse para librar batallas e gañalas. 

O xesto de Belgrado non é alleo ás tensións que circundan a Beijing. A problemática do Mar de China meridional podería agravarse nas próximas semanas a resultas do inminente ditame da Corte Permanente de Arbitraxe da Haia, instado de forma unilateral por Filipinas. Por outra banda, Washington aumenta a pasos axigantados o seu peso militar no sueste asiático, á vez que anuncia un acordo con Corea do Sur para despregar un sistema antimísiles na península. A escusa é Corea do Norte pero outros apuntan que o verdadeiro obxectivo é China. A visita do presidente Obama a Rota (España) ten como pano de fondo, entre outros, certificar a mellora das dotacións desta base para enfrontar a competencia xeopolítica con China en África. 

A militarización da contorna das augas e illas disputadas -e o seu espazo aéreo- é xa unha realidade. As operacións das diferentes armadas dos países ribeiregos e de EUA pero tamén de Reino Unido ou Francia aumentan exponencialmente os riscos de confrontación. Os exercicios militares sucédense un día si e outro tamén. Os incidentes reitéranse con Xapón no Mar de China oriental. Recentemente, ao parecer de forma accidental, a Armada taiwanesa disparou un mísil supersónico provocando a morte dun pescador e tres feridos nas inmediacións das illas Penghu. O mísil non tiña capacidade para chegar ás costas de China continental, pero en Beijing e Taipei, coas comunicacións suspendidas desde o pasado 20 de maio, disparáronse as alarmas agravándose a situación de seguridade no Estreito de Taiwan. O acontecido é unha advertencia.

A contención e cerco de China infírese da estratexia Pivot to Asia do Pentágono que quere preservar o control das arterias económicas da rexión, un asunto tamén de vital importancia para o xigante asiático que nos últimos anos embarcouse en operacións de alargamento de illas e incremento da súa presenza na zona. Nun contexto de desconfianza estratéxica ao alza, a falta de estruturas rexionais de seguridade complica a xestión dos diferendos. 

Non parece que o Partido Comunista estea disposto a mirar cara outro lado, baixar a cerviz e renunciar ao que define como intereses vitais. O de Belgrado soa a advertencia. China, esta vez, chegado o caso, responderá, parece insinuar Xi Jinping. No entanto, deixarse enredar nunha dinámica destas características sen propoñer opcións diplomáticas máis audaces das formuladas ata hoxe, pode ter fatais consecuencias. Para todos. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais