Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 3 de Novembro de 2022 Ríos

Xi Jinping apura o paso da China

thumbnail_1667333095422.jpg

Tralo XX Congreso do Partido Comunista de China (PCCh), o xigante oriental entra nunha nova fase. Xi Jinping, quen lidera o país dende 2012, asegurouse un novo mandato que anticipa unha prolongación do seu poder mesmo mais aló de 2027, se a saúde llo permite, ante a falta dun sucesor claro. Esa persistencia da figura de Xi á fronte do Partido, pero tamén do Estado e do Exército –extremos a confirmar en marzo próximo- asegura igualmente a continuidade da súa política que neste congreso acentuou os límites co denguismo (1978-2012) precedente.

Para a historia quedará a sorprendente imaxe da contrariada saída do ex presidente Hu Jintao (2002-2012), máximo expoñente do denguismo tardío, obrigado a abandonar a mesa presidencial na clausura do evento. Fronte á tese oficial dunha repentina indisposición, conforme avanzan os días colle forza a interpretación que apunta á pública manifestación dunha fenda no liderado. A causa sería a quebra da busca do consenso e da integración das diferentes correntes que habitan no seo do PCCh. Ao día seguinte do incidente, trala primeira reunión do novo Comité Central, o anuncio dos integrantes dos máximos órganos de dirección, revelou a liquidación total dos afíns á corrente asociada a Hu, os tuanpai (Li Keqiang, Wang Yang, Hu Chunhua….). Xi presentou un equipo de fieis, sen concesións.

Na institucionalidade trazada por Deng Xiaoping para evitar a personalización e concentración do poder asociados ao maoísmo e as súas crises, Hu Jintao é un exemplo destacado. Foi sinalado polo propio Deng antes da súa morte (1997) para asumir a dirección do Partido e do país. Jiang Zemin (1989-2002), respectou esa decisión a pesares de non ser o seu candidato. Hu asumiu os dous mandatos quinquenais instituídos e cedeu o testemuño a Xi Jinping coa maior corrección e lealdade que se lembra na China contemporánea. A diferenza de Jiang Zemin, quen aínda se resistiu un tempo a ceder o mando castrense, Hu entregoullo a Xi ao mesmo tempo que a xefatura do Partido e do Estado.

Tamén en virtude desa institucionalidade denguista, a designación cruzada de líderes como mecanismo sucesorio viña a establecer que a sucesión de Xi en 2022 debera incorporar as preferencias consensuadas con Hu Jintao. Este apostara de inicio por Sun Zhengcai, quen foi defenestrado por Xi nun asunto de corrupción en 2017. A outra figura relevante, Hu Chunhua, que agora debera substituír ao primeiro ministro Li Keqiang, foi neste congreso apartado do Buró Político, para favorecer no seu lugar a Li Qiang, quen fora xefe de gabinete de Xi cando este era xefe do Partido na provincia de Zhejiang. Deste xeito, Xi non só desautoriza a certas figuras doutras sensibilidades senón que finiquita de vez os contralumes dispostos por Deng para evitar unha reiteración das tendencias á concentración do poder que no maoísmo estaban na orixe de moitos e graves problemas políticos. Os perfís do tempo que se abre na gobernanza do PCCh son, polo momento, unha incógnita.

Dáse o paradoxo de que algúns aspectos estruturais sobresaíntes das políticas de Xi foron sinalados previamente durante o mandato de Hu Jintao. Se hoxe Xi fala de “prosperidade común”, por exemplo, cabe dicir que esta non deixa de ser unha nova versión da “sociedade harmoniosa” defendida por Hu; a reconciliación expresada en tempo de Hu co pensamento tradicional, vilipendiado ata o extremo no maoísmo, non foi invalidada por Xi senón reforzada incorporando o lexismo (a idea da gobernanza a través da lei) ao corpus ideolóxico do PCCh; a insistencia nun modelo económico coa propiedade pública como principal e a defensa do control dos sectores estratéxicos por parte do Estado-Partido, arranca, como formulación e como dique fronte a unha deriva hiperliberal, tamén de Hu. Aínda así, os matices doutrora en asuntos como o papel do mercado ou da economía privada semellan partir augas, afectando tamén ao tipo de relación a manter cos EUA e Occidente. Xi non quere dúbidas nin vacilacións. E os que estean con el estarán ao cento por cento coa súa política.

Por tanto, tralo XX Congreso podemos esperar unha China moito mais determinada a conseguir os seus obxectivos históricos, iso que Xi chama o “soño” da “revitalización nacional”. Estes pasan, conforme ao esquema xiísta, por acelerar o tránsito da modernización cun primeiro chanzo en 2035 e a súa culminación en 2049, cando se celebre o primeiro centenario da República Popular.

Xi pretende imprimir mais velocidade a ese proceso, acentuando o alcance dos vectores de poder de proxección a nivel global, o que debe influír exponencialmente en ámbitos singulares como a economía, a tecnoloxía, ou a defensa. Pero tamén, no plano interno, alentando unha fonda corrección do marco das desigualdades e desequilibrios que atribúe ás políticas denguistas, moi descoidadas neste aspecto.

É moito, sen dúbida, o conseguido por esta China convertida na segunda potencia económica do mundo (en 1976, á morte de Mao, era a trixésimo segunda), pero tamén os custos foron elevados: o índice de Gini en 1976 era de 0,16 ascendendo en 2017 a 0,46; en termos de IDH, China ocupa a posición 85. O primeiro ministro Li Keqiang recordaba en 2020 que uns 600 millóns de chineses sobreviven con 1.000 iuáns ao mes (algo máis de 130 dólares) a pesar de terse logrado a erradicación completa da pobreza extrema. A renda per cápita superou os 11.000 dólares pero é seis veces inferior á dos EUA, país ao que ven de superar en esperanza de vida (78,2 anos). Para 2035, o obxectivo é triplicala, equiparándoa á de Taiwán (por riba dos 35.000 dólares). Segundo o Credit Suisse, en 2020, o 1 por cento da poboación posuía na China o 30,6 por cento da riqueza fronte ao 20 por cento de hai 20 anos.

Sobran motivos, por tanto, para introducir un forte correctivo no eido social na China actual e resulta en extremo esaxerado cualificar esta política de regreso ao igualitarismo maoísta. E si, probablemente requira dunha forte determinación para implementala de xeito significativo.

Compréndese igualmente que China tome nota da reacción occidental á súa emerxencia e non renuncie á modernización despois de dous séculos desa decadencia na que se precipitou de forma brutal tralas guerras do Opio. Ese sentido da humillación pesa hoxe tamén na exhibición dunha firme vontade nacionalista por parte do PCCh, asegurando que só el pode conducir a China á recuperación da grandeza perdida e que ademais farao en base a un modelo propio, fincando nas propias forzas e reafirmando o seu ideario fundacional, o que explica o rexurdir do marxismo nesta China de Xi  como marca ideolóxica relevante. A invocación do “espírito de loita” como consigna para toda a militancia suxire a convicción de que os riscos desta etapa son en extremo elevados. E no seu transcurso, non cabe esperar reformas políticas substanciais que abunden nunha liberalización democratizadora. A hexemonía política do PCCh e o seu nivel de ocupación cívica só pode ir en incremento como mecanismo principal para mobilizar á sociedade na dirección marcada.

O que dispón, por tanto, este XX Congreso é, fronte aos agoreiros que un día si e outro tamén anuncian o colapso do país,  unha reafirmación, primeiro, da irreversibilidade do proceso histórico de modernización de China e que no tránsito restante, o PCCh non abdica de liderar o proceso de conformidade cos parámetros da súa idiosincrasia ideolóxica de orixe. Ademais, que os seus mais de 96 millóns de membros actuarán de forma acupuntural en todos os sectores da vida do país como determinantes da aceleración deste longo impulso modernizador final.

Oportunidade estratéxica

Este rumbo é consecuencia non só das reflexións e debates internos sobre que modelo seguir para conseguir a culminación da modernización senón tamén da caracterización do momento internacional. En dous sentidos. Primeiro, que o mundo liberal desenvolvido está en franca decadencia, co seu poder económico en declive, sistemas políticos en crise, sociedades desgarradas polas desigualdades, ansiedade estratéxica pola marxinación progresiva na condución dos asuntos globais erosionada polo ascenso de China.

Segundo, a fin da posguerra fría abre unha oportunidade estratéxica que China debe aproveitar para pasar por diante. E para iso compre contar cunha burocracia altamente  cohesionada e determinada que unha vez mais estea disposta a realizar os sacrificios precisos. A ausencia de controis e contrapuntos a esta dinámica pode derivar en dramas que dabamos por superado, pero o tempo dirá se no século XXI este esquema, en esencia bastante simple, abonda para un obxectivo desa envergadura. E prezos e secuelas que diso se derivan.

Tralo XX Congreso do PCCh e aínda coa pandemia e os seus efectos condicionando a vida dos chineses, todo semella disposto no discurso para que China apure o paso para erixirse na economía máis poderosa e vangardista do mundo e para recuperar centralidade na gobernanza global.  

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais