Distribuir

Distribuir contido
Praza 12 de Marzo de 2021 Ríos

Xi Jinping non falaría galego

xi-jinping-2017-07-07-311787d.jpeg

O líder chinés Xi Jinping participou estes días nas macro sesións parlamentarias que cada marzo acostuman a se reunir na capital Beijing. Unha das súas primeiras actividades neste evento foi a participación nun encontro con deputados da rexión autónoma de Mongolia Interior, unha das cinco existentes na China e, cronoloxicamente, a primeira de todas elas, fundada en 1947, antes mesmo da proclamación da República Popular. Nese encontro apelou a promover o chinés estándar falado e escrito e a impulsar o uso dos libros de texto compilados a nivel central.

En liña co seu afán recentralizador, dunha banda, e apelando ao “sentido de comunidade da nación chinesa”, Xi revirábase contra as protestas desatadas hai cousa de medio ano contra o intento de impoñer o mandarín como lingua vehicular nas escolas para algunhas materias nun plan a varios anos coa incorporación progresiva de literatura, historia e ética, que serían impartidas en mandarín, mantendo as demais en mongol. Daquela, as protestas, de profesores, pais e alumnos non foron menores, chegándose a censurar a única rede social en mongol dispoñible na China, Bainnu, para conter unha reacción que sorprendeu.

As escusas que se dan para ir acurralando o mongol son familiares: facilitar a integración social, a inclusión no mercado laboral e ata unha maior comprensión dos coñecementos científicos e culturais modernos. En 2022, todas as escolas en Mongolia Interior deben ensinar varias materias en mandarín, xeralizando a utilización de libros de texto nesa lingua. Pouco a pouco, o chinés pasará a ser o principal idioma no ensino quedando relegado o mongol a unha materia mais. Con menor resistencia, a mesma política estase a introducir nas zonas de nacionalidades minoritarias en provincias como Gansu, Qinghai, Sichuan ou Jilin.

O PCCh cualificou este torpe empeño de “misión política clave” e, como é costume, a dilixencia na súa aplicación fai que en moitas escolas o mongol estea a retroceder a un ritmo maior incluso do esixido nas sacrosantas directrices. O sistema tende cara o ensino do mandarín como lingua absolutamente dominante nun entorno en que ningún nativo tivo problemas ata agora para se expresar nunha ou noutra lingua.

A raíz do problema, como ben sabemos aquí, é política: no fondo, crese que a diversidade lingüística é un obstáculo para forxar un forte sentido de pertenza á nación, chinesa e claramente identificada coa maioría Han (o 92 por cento da poboación). O modelo de autonomía chinés, só parcialmente baseado no soviético, transita así pola vía de facto cara un segundo tempo no que a ecuación lingua-autonomía-identidade-separatismo-seguridade, devén no impulso dun modelo monocultural que suxire a homoxeneización étnica  como ideal do rexurdir civilizatorio chinés.

As tensións territoriais que rodean a política chinesa (de Xinjiang a Tibet, Hong Kong ou Taiwán) derivan na disposición dunha blindaxe acusada como resposta que sitúa a identidade cultural como alicerce básico da unidade nacional. Este xiro político agrava a situación, de por si difícil, das linguas e culturas minoritarias, ninguneadas e folclorizadas.

Os mongois constataron nas últimas décadas como o seu estilo de vida foi minguando. O auxe da minaría acabou coa tradición do pastoreo. O nomadismo derivou en reasentamentos co argumento de acelerar a superación da pobreza extrema. A inmigración Han acurrala a poboación orixinaria. As tensións arredor da lingua escenifican para moitos o golpe final á identidade mongola.

Baseada nestes parámetros, a harmonía étnica que predica Xi, e que lembrou aos deputados de Mongolia Interior, é unha triste ficción. Cando en 2014 visitou o Consello de Europa gabou a importancia da diversidade lingüística e cultural, pero na China actual non é un valor a fomentar. No “país grande” do seu soño, as “linguas pequenas” son un estorbo. Por iso, cabe imaxinar que Xi nunca falaría galego.  

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais