Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"

Xulio Ríos, o espírito internacionalista dun galego de nación, por Francisco Rodríguez

Coñecino no Instituto de Cangas do Morrazo, no curso 1974-1975.  El tiña 17 anos, a min faltábame pouco para cumprir 30. Aqueles rapaces e rapazas, con vigor e proclividade a se sentiren galegos e galegas de nación, responderon, de forma entusiasta, ao ensino en lingua galega que un grupo de profesores practicamos como compromiso ineludíbel. Contamos co activismo multiplicador de Rafael, o bedel, bo amigo e orientador de mozas e mozos.  Era tamén o proceso de mutación da conciencia sobre a propia realidade. Algo moi positivo aconteceu alí entón. E tivo secuelas positivas logo en moitos aspectos. Sempre teño na miña mente unha imaxe borrosa, produto da tristeza e da impotencia, tamén da moita emoción afectiva que aquelas rapaces e rapaces me producían: velos saír do Instituto en ocasións baixo vixiancia da Garda Civil.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave IGADI Xulio Ríos Galicia
Idiomas Galego

Coñecino no Instituto de Cangas do Morrazo, no curso 1974-1975.  El tiña 17 anos, a min faltábame pouco para cumprir 30. Aqueles rapaces e rapazas, con vigor e proclividade a se sentiren galegos e galegas de nación, responderon, de forma entusiasta, ao ensino en lingua galega que un grupo de profesores practicamos como compromiso ineludíbel. Contamos co activismo multiplicador de Rafael, o bedel, bo amigo e orientador de mozas e mozos.  Era tamén o proceso de mutación da conciencia sobre a propia realidade. Algo moi positivo aconteceu alí entón. E tivo secuelas positivas logo en moitos aspectos. Sempre teño na miña mente unha imaxe borrosa, produto da tristeza e da impotencia, tamén da moita emoción afectiva que aquelas rapaces e rapaces me producían: velos saír do Instituto en ocasións baixo vixiancia da Garda Civil.

Alí estaba Xulio, co seu sorriso natural e ponderado, coa súa observación atenta das persoas e das condutas, cunha madurez precoz, e coa súa disciplina organizativa. El era unha das esteas básicas para impulsar a mutación da conciencia dos compañeiros e compañeiras desde dentro do seu propio ambiente e relacións, e, a un nivel máis claramente político, para organizar a moitas persoas mozas na conciencia de Galiza ser unha nación e os seus dereitos como pobo. Tendo en conta a vórtice en que vivín entón, non é de estrañar que sexa incapaz de saber se foi alumno meu de aula ou se foi constante compañeiro e interlocutor de corredor. O caso é que a súa imaxe téñoa omnipresente, como a da súa compañeira Lina, expansiva na expresión das súas emocións, igualmente observadora, madura, e sempre muller comprensiva e galega consciente. Cando coñecín a nai e o pai de Xulio, comprendín que os fillos, tamén Lois, respondían, en boa maneira, a unha educación familiar que, dentro da súa mentalidade popular de persoas traballadoras, os encarreirara na identificación con Galiza, no interese pola política como forma de actuación para mellorar a sociedade, na importancia do traballo e do acceso ao estudo.

Infelizmente, non mantiven unha relación constante con Xulio após a nosa convivencia de dous anos por terras do Morrazo. Logo seguín, desde a distancia, a súa evolución. A vida política na Galiza sempre é dura, difícil, para quen persegue que sexamos un país con conciencia de si, con dignidade e defensa dos seus intereses. Se nos últimos anos do franquismo, entre 1972 e 1976, intentouse organizar o noso pobo nunha perspectiva e cuns obxectivos que garantisen o exercicio dunha vontade política propia, o certo é que, coa implantación do actual réxime constitucional,  o grao de introdución social desde esa perspectiva non era suficiente para os resultados políticos electorais e institucionais seren os mellores posíbeis para o pobo galego. Aliás, as forzas que pactaron a mutación do vello franquismo na nova monarquía parlamentaria, fixeron todo o posíbel para Galiza se manter no seu papel tradicional dentro do Estado español. Non foi nada fácil o camiño entre 1977 e 1985, en especial, para o nacionalismo galego e para quen tiver unha conciencia clara de Galiza ser un pobo diferente que merecía ser existente. Imaxino que Lois tivo que pasar aqueles anos con incertezas, inseguridades, e tamén fidelidade a principios básicos. A súa capacidade de resistencia, organizativa e de planificación, e o seu interese pola política, callaron en obra positiva, contra toda dificultade e como proba de esperanza. Especialmente desde 1991volvín ter noticia máis puntual da súa actividade. E algúns encontros esporádicos ao longo deses anos fixéronme saber que aquel mozo, de fina capacidade diplomática, sorrinte e observador, xa home, estaba empeñado en dotar o seu país dun Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), para suplir así a atonía, indiferenza, descoñecemento e falta de perfil propio que a Xunta e tamén a Universidade Galega demostran nesta cuestión. Este obxectivo foi acompañado dun cada vez maior coñecemento, en particular, dun país emerxente, hoxe a punto de se converter na primeira potencia mundial, no económico, tecnolóxico e científico, cando menos, a China. A ela dedicou estudos imprescindíbeis, recoñecidos e valorados por se tratar de aproximacións de suma utilidade para quen pretenda comprender a realidade chinesa con veracidade, honestidade, e cos matices necesarios e os contrastes que a caracterizan. Lendo o seu último libro, A metamorfose do comunismo na China (2021), tiven a sensación de que só unha persoa de conviccións socialistas, consciente de pertencer a unha nación pequena e negada, e ao mesmo tempo capaz de analizar a dialéctica internacional, valorando o máis positivo para o conxunto dos pobos do mundo, para alén de posuír un grande coñecemento e amor por aquel país, podía facer unha análise tan obxectiva, contrastada, desacougante e crítica, á vez que diáfana, subliñando o positivo e digno de admiración no complexo modelo chinés.

Pasados tantos anos, admiro, e celebro, a obra informativa e analítica de Xulio sobre política internacional, en especial sobre China e a súa evolución, e a consolidación dun organismo como o IGADI, con 30 anos de existencia e actividade, para alén do seu papel impulsor e dinamizador da sinoloxía no Estado español e América Latina. Albisco en todo o seu traballo a pegada da súa finura diplomática, da súa observación realista e ponderada, e do seu compromiso e identificación cuns ideais, sen obviar o xuízo crítico e sincero. Nun país como Galiza onde construír algo sólido e ao seu servizo é tarefa dura, para vontades de ferro, o IGADI é unha realidade ben útil, e con potencialidades das que, entre outros, un goberno galego que acredite no país, deberá facer uso na procura de relacións internacionais beneficiosas. Unha Galiza en marcha necesita un mundo multipolar e de relacións multilaterais e pacíficas, como as que Xulio, galego de nación, sempre alentou.

 

Sobre o autor, Francisco Rodríguez: (Serantes-Ferrol, 1945), catedrático de Instituto, xubilado, Doutor en Filoloxía Románica, especialista en clásicos da literatura galega (Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Blanco Amor...), foi pioneiro no uso da lingua galega como vehicular no ensino, xa en tempos do franquismo, desde 1971. Entre 1996 e 2008 foi portavoz do BNG no Congreso dos Deputados

Podes acceder directamente ao Libro Homenaxe "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal" ou "De Galicia a China: Donde hay voluntad hay un camino"