Arco Atlántico: Pays de la Loire (Francia)

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A rexión económica e administrativa do País do Loira sitúase no centro xeográfico do Arco Atlántico, isto é, no centro da fachada atlántica europea: o esteiro do río Loira francés. Dentro do Arco, País do Loira está especialmente vencellada á nosa Terra a través dun protocolo de cooperación coa Xunta de Galicia que se ten materializado en accións tales como o intercambio de funcionarios, promoción turística, participación no foro "Idiomas para Europa", e actuacións en medio ambiente, cultura e educación.

A rexión, de 32.082 Km2 e 400 Km de costa, abrangue 5 departamentos de moi diversas características: Loire-Atlantique, Maine-et-Loire e Sarthe, que contan coas maiores aglomeracións urbanas e a maior actividade económica, mentres que Mayenne e Vendée conservan un marcado carácter rural que define unha traxectoria de menor vitalidade económica e maiores taxas de desemprego.

A poboación total, de 3.222.061 habitantes, presenta un crecemento do 5% na última década, moi superior á media francesa (3,4%), e caracterízase polo brío da súa mocidade, tendo o 36% do total menos de 25 anos.

A armazón urbana do País do Loira amosa un axeitado equilibrio cidades medias-pequenas vilas rurais que favorece o desenvolvento de funcións estratéxicas territoriais. As principais metrópoles do grande oeste, a encrucillada capital Nantes-Saint Nazaire (un dos tres portos máis grandes da fachada atlántica europea) concentran no esteiro a máis de .000 habitantes, colocándose á cabeza do desenvolvemento interrexional. Angers e Le Mans, as outras dúas grandes aglomeracións, e máis unha quincena de cidades medias completan un tecido urbano que privilexia a cooperación intermunicipal, moi desenvolvida por máis de 133 agrupamentos de concellos.

A cuarta rexión industrial de Francia concentra no seu territorio un bo número de filiais do ramo da industria agroalimentaria, material mecánico, electricidade, informática e tecnoloxías da información, aeronáutica, naval e moda, que lle dan emprego ó 26% da poboación e contribúen grandemente ó P.I.B rexional, que representa un 4,7% do total nacional.

Un subrepresentado sector terciario, que ocupa o 64% da poboación activa, non acada a media nacional, especialmente no que atinxe ós servicios ás empresas e actividades de alto valor engadido. O gran predominio da man de obra, a menor externalización dos servicios, e o frecuente recurso á interinidade contribúen tamén ó déficit do terciario. Malia todo, a evolución dos últimos anos é notable e apóiase na atracción turística do seu medio natural e patrimonio artístico, os balnearios do litoral e a boa imaxe comercial, a nivel nacional e internacional, do rural, que a converten na terceira rexión nacioanl do sector.

Pola contra, a adicación á agricultura segue a ser maior que no resto do país. A segunda rexión agrícola francesa dá emprego ó 13% da poboación e fornece o 22% das exportacións rexionais gracias a unha producción moi diversificada e á vigorosa industria madereira. O sector pesqueiro, que representa o 15% nacional, ten na producción acuícola e no polo loxístico do transporte do porto Nantes-Saint Nazaire e a súa actividade naval, o seu mellor valedor.