IgadiPaper

 

IgadiPaper nº55

A independencia de Sudán do Sur:
outra evidencia de “dobre moral” internacional?

a) Introdución

A eventual aparición dun novo Estado en África, denominado “Sudán do Sur”, a raíz da probable vitoria do Movemento Popular de Liberación de Sudán (MPLS) no referendo celebrado o pasado 9 de xaneiro de 2011, salienta un relevante exemplo de autodeterminación pacífica e democrática que, dende diversas perspectivas, coloca no tapete a falta de uniformidade de criterios por parte da comunidade internacional para acometer os casos de secesión.

Este referendo de autodeterminación no Sur de Sudán observa os parámetros estipulados no Acordo de Paz subscrito en 2005 polo goberno sudanés de Omar al-Bashir e o Movemento Popular de Liberación do Sudán (MPLS), actualmente liderado por Salva Kiir, sucesor do histórico precursor da independencia do Sur sudanés, John Galtung, falecido nun accidente aéreo en 2005.

Desde a perspectiva da pacificación interna en Sudán, país que sufriu unha prolongada guerra civil e crise humanitaria que afectou, aproximadamente, a 4,6 millóns de persoas na rexión de Darfur, este referendo e, incluso, a posible secesión de Sudán do Sur, poden constituír unha solución preliminar ao conflito interno entre o Norte do país, maioritariamente islamita e proclive á aplicación da lei islámica (Sharia), e o Sur sudanés, con maioría de relixión animista e cristiá.

Sen menoscabar o feito de que a fragmentación territorial sudanesa pode igualmente incrementar as tensións internas, o Sudán do Sur independente afrontaría a súa andaina con amplas probabilidades de desenvolvemento, especialmente a través dun notable tecido institucional e a concentración do 80% da produción petroleira sudanesa, un aspecto que motiva os intereses estratéxicos de potencias estranxeiras como EEUU e China.

Do mesmo xeito, a secesión de Sudán do Sur terá importantes repercusións no contexto africano, na medida en que concreta unha referencia viable, pacífica e democrática cara outras reivindicacións secesionistas no continente. Ao mesmo tempo, o seu caso certificará tamén a dobre moral das potencias internacionais á hora de acometer os casos de secesión de diversos territorios e comunidades, especialmente no caso de EEUU, favorable á aparición deste novo Estado africano pero que, ironicamente, non mantén a mesma política en casos igualmente próximos, como o do Sáhara Occidental.

b) O perfil dun novo Estado africano

Sudán do Sur pode converterse no 54º Estado de África. O eventual triunfo do Movemento Popular de Liberación do Sudán (MPLS) no histórico referendo iniciado o pasado 9 de xaneiro, cunha votación que se prolongará durante sete días para eventualmente ofrecer resultados definitivos o próximo 14 de febreiro, abriría unha nova perspectiva sobre a materialización dunha secesión realizada por medios pacíficos e democráticos.

Esta transición e secesión democrática intensifica a súa relevancia tendo en conta a pesada herdanza colonial británica en Sudán, o país de maior territorio en África (2.500.000  km2) que igualmente sufriu a guerra civil máis prolongada do continente (acaecida en dúas etapas, entre 1956-1972 e 1983-2005), orixinando unha grave crise humanitaria na rexión de Darfur (2002-2005).

Deste modo, o Sudán do Sur independente contaría con, aproximadamente, 8.800.000 habitantes (datos de 2006), nun territorio de 619.745 km2 conformado por 10 provincias, de maioría relixiosa animista e cristiá. Deste xeito, Sudán do Sur albergaría un importante mosaico étnico e tribal, manifestado pola presenza das comunidades dinka, shilluk, baggara, anwak, nuer.

 

(Fonte:blogspot.com)

Paralelamente, este territorio posúe importantes reservas acuíferas, alimentarias (trigo e sorgo) e minerais (ferro, ouro, prata, cobre), así como unha relevancia petroleira manifestada por concentrar o 80% da produción de cru sudanesa, un aspecto que certifica o interese enerxético de países como EEUU e China.

Trala sinatura dos Acordos de Paz de 2005 entre o goberno sudanés de Omar al-Bashir e o Movemento Popular de Liberación de Sudán (MPLS), constituíuse o Goberno do Sur de Sudán (GOOS), baixo a Constitución Provisional de Sudán do Sur. Dende entón, o Sur de Sudán practicamente funcionou como un “Estado de Feito”, cunha viabilidade institucional manifestada na elección do seu actual Presidente, Salva Kiir, quen tamén ocupa os cargos de Xefe do Estado, Xefe do Goberno e Comandante en Xefe do Exército de Liberación do Pobo Sudanés (ELPS), organismo antecesor do actual MPLS.

Ao mesmo tempo, cabe sinalar a existencia dunha Asemblea Lexislativa unicameral de 170 membros elixidos por sufraxio popular, encargados igualmente de elixir aos representantes dunha Corte Suprema de Xustiza, oficialmente independente. O seu sistema bancario e financeiro está igualmente conectado cos países da rexión, especialmente Quenia e Etiopía, países con directos intereses económicos en Sudán do Sur.

c) A xeopolítica de Sudán do Sur

Mentres prosegue o referendo, Sudán do Sur afronta diversos escenarios sobre a viabilidade deste novo Estado en pleno corazón de África Oriental, principalmente á luz da xeopolítica rexional e dos intereses estranxeiros.

c.1) O contexto rexional

Compre observar ata qué punto a independencia de Sudán do Sur, baixo parámetros democráticos e pacíficos, pode constituír unha solución do conflito interno no resto do Estado sudanés. Días antes do referendo de secesión, o presidente sudanés Omar al-Bashir, tradicionalmente oposto á secesión do Sur, avaliou o proceso electoral polo seu carácter pacífico.

Non obstante, no caso de afianzáranse as posicións intransixentes, principalmente por parte do gabinete sudanés, un escenario a tomar en conta sería a reactivación do conflito armado entre o goberno de Khartum (capital sudanesa) e a nova entidade estatal, con capital na cidade de Juba. Diversas fontes estiman que, nos últimos tempos, tanto o goberno de al-Bashir como o MPLS rearmaron as súas respectivas milicias ante un posible escenario de rexurdir da violencia, eventualmente no caso de que Sudán do Sur declarara de forma unilateral a súa independencia. Días antes do referendo rexistráronse máis de 20 mortes por violentos choques políticos e tribais.

A eventual independencia de Sudán do Sur debuxaría novos escenarios na estratéxica e volátil rexión do Corno de África. En primeiro lugar, un retorno de refuxiados sudaneses a este territorio dende países limítrofes como Etiopía e Quenia, que suporía un reto ineludible para as autoridades de Juba. Polo tanto, un equilibrio nas relacións entre Sudán do Sur, Etiopía e Quenia serviría tamén para garantir a viabilidade e estabilidade deste novo ente estatal.

Compre igualmente observar cómo a secesión de Sudán do Sur influirá noutras comunidades de países africanos que buscan, igualmente, a súa autodeterminación. Algúns casos próximos son Ogadén (provincia somalí dentro de Etiopía), Cabinda (Angola), Puntlandia (Somalia) ou incluso en Nixeria, onde as tensións entre musulmáns (norte do país) e cristiáns (ao sur) poden tamén ilustrar un escenario similar ao sudanés.

Outros casos notorios nos que Sudán do Sur pode constituír unha referencia secesionista viable son o de Somalilandia, un “Estado de Feito” desde 1991, e o Sáhara Occidental, este último territorio que busca insistentemente a súa autodeterminación a través dun referendo.

Paralelamente, compre ter en conta que Sudán do Sur limitaría con países marcados por prolongadas guerras civís e crises humanitarias, como son os casos de Uganda, a República Democrática do Congo e a República Centroafricana, un factor que podería alterar o de por si complicado mapa rexional.

c.2) China e a“dobre moral” de EEUU

Outro aspecto a considerar son os intereses de potencias estranxeiras, especialmente China e EEUU. A penetración de Beijing en África ten en Sudán un aliado estratéxico clave, especialmente en materia enerxética, unha influencia contestada reiteradamente á luz da crise en Darfur. Non obstante, á vista da preponderancia petroleira de Sudán do Sur, os lazos chineses co réxime de Omar al-Bashir poderían verse seriamente alterados en favor do novo Estado. China enviou a Sudán observadores da consulta que cualificaron de “pacífica e ordenada”, ofrecendo o seu respaldo aos resultados.

A implicación estadounidense en Sudán manifesta diversas vertentes: dunha banda, unha porción considerable da opinión pública estadounidense denuncia constantemente o xenocidio cometido polo réxime de al-Bashir en Darfur e a súa presunta anuencia con grupos islamitas radicais e núcleos terroristas no Corno de África, que afectarían os intereses estadounidenses nesa rexión, especialmente de cara a Oriente Próximo e o Océano Índico.

Deste modo, diversos lobbies premen en Washington para que o goberno estadounidense recoñeza a secesión de Sudán do Sur. Non se debe esquecer que EEUU, xunto a Gran Bretaña e Noruega, son garantes dos Acordos de Paz de 2005.

Paralelamente, Washington tamén recea da implicación chinesa en Sudán do Sur, especialmente en materia enerxética, razón pola que non vería con malos ollos a creación dun “Estado-tapón” que afiance diversos intereses xeopolíticos para EEUU. Unha perspectiva moi similar á anteriormente existente no caso de Cosova nos Balcáns, onde Washington propiciou o recoñecemento para favorecer os seus intereses en rexións de alto valor estratéxico.

Non obstante, esta visión confirmaría a escasa uniformidade de criterios dentro da comunidade internacional e en potencias como EEUU, á hora de afrontar casos de secesión territorial. Os exemplos favorables por parte de Washington ao recoñecer as secesións e independencias de Cosova ou Sudán do Sur contrastan notoriamente coa súa visión contraria a recoñecer outros casos similares, como Sáhara Occidental ou Palestina, escenarios determinados pola “realpolitik” de Washington a favor dos seus intereses con aliados estratéxicos como Marrocos ou Israel.
            
c.3) Israel, un actor inédito

Un caso particularmente relevante (e igualmente contraditorio) dentro do eventual recoñecemento de Sudán do Sur o constitúe Israel. O primeiro ministro Benjamín Netanyahu iniciou recentemente contactos cos representantes de Sudán do Sur para a posible apertura de relacións diplomáticas, así como a activación de negocios relativos á construción de proxectos inmobiliarios e de hoteis de luxo. Igualmente, estúdase a apertura dunha ruta aérea entre a capital israelí Tel Aviv, a capital de Sudán do Sur, Juba, e a capital de Quenia, Nairobi, xestionada pola liña aérea israelí El Al.

A implicación israelí no Sur de Sudán ten longa data xa que, durante as décadas de 1960 e 1970, Tel Aviv proveu de armamentos e loxística á anteriormente existente milicia secesionista sudanesa Anyanya, unha das antecesoras do actual MPLS. No contexto actual de posible secesión de Sudán do Sur, o lobby israelí en EEUU premeu insistentemente o goberno de Barack Obama para que defendera a lexitimidade deste referendo secesionista. Nos últimos anos, milleiros de sudaneses desta rexión recibiron o status de refuxiados políticos en Israel.

Igualmente, Tel Aviv segue con interese a instrución da Corte Penal Internacional (CPI) contra o presidente sudanés Omar al Bashir polo xenocidio en Darfur (2002-2005). Ao mesmo tempo, Israel intensifica o illamento internacional do réxime sudanés a quen acusa de apoiar e albergar células terroristas islamitas. Polo tanto, non se descarta que, a curto prazo, Israel e Sudán do Sur establezan relacións diplomáticas, políticas, comerciais e ata militares, intensificando a contraditoria visión dos “Estados-tapón”, manifestada por Washington.

c.4) A ONU e a Unión Africana

Finalmente, compre salientar a influencia da ONU no eventual Estado de Sudán do Sur, principalmente a través da Misión das Nacións Unidas en Sudán (UNMIS, polas siglas en inglés) con 10.000 efectivos desde 2005. Esta misión está completada con outra da ONU e da Unión Africana, conformada por 20.000 integrantes, apostados na rexión de Darfur e no Sur de Sudán desde 2007.

A grandes trazos, a ONU validaría unha secesión pacífica aceptada por Khartum, circunstancia que podería influír na situación de illamento internacional do réxime sudanés ante as denuncias tramitadas ante a Corte Penal Internacional. Non obstante, diversas fontes na propia ONU recean sobre unha posible reactivación da violencia en Sudán, procreando un “Estado fracasado” que dificulte a misión de paz da ONU.

A ONU acusa a mesma falta de criterios e coherencia ante os casos de secesión territorial. Resulta así contraditorio que a ONU aprobe o referendo de secesión de Sudán do Sur mentres elude premer a Marrocos para instar a realización do plebiscito no Sáhara Occidental. Unha contradición agrandada polo silencio ante a recente represión marroquí nos campamentos de refuxiados saharauís en El Aaiún.

Pola súa banda, a Unión Africana (UA), creada en 2001, atópase ante un importante reto político no caso da eventual creación de Sudán do Sur. A razón principal debese á cláusula principal deste organismo, que rexeita as secesións territoriais nos actuais Estados africanos. O último caso factible de secesión territorial en África foi o de Eritrea con respecto a Etiopía, en 1993, anos antes da creación da UA.

Non obstante, a UA deberá ponderar con maior equilibrio e coherencia, o impacto que supón unha secesión territorial baseada nun proceso electoral democrático e, ata agora, pacífico. Así, a UA deberá acometer a curto prazo os novos escenarios que se presentan cun Sudán do Sur independente, especialmente nunha conxuntura marcada pola posible reactivación da guerra civil en Côte d´Ivôire, trala crise política suscitada polos resultados das eleccións presidenciais de decembro pasado.

Tralo probable resultado afirmativo do referendo, Sudán entrará nun período de transición de seis meses no que as autoridades do norte e do sur negociarán asuntos moi delicados, como a demarcación de fronterias, o estatus da rexión de Abyei, rica en petróleo, e a distribución das débedas estatais e os ingresos derivados do petróleo.

IGADI, 13 de xaneiro de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº55278.01 KB

IgadiPaper nº56

Portugal: eleccións presidenciais e crise económica

a) Introdución

Enmarcado nun contexto de presión por parte da Unión Europea e dos mercados financeiros internacionais cara o desempeño económico portugués e baixo un clima de escasa expectación social, o próximo 23 de xaneiro de 2011 están convocadas as eleccións presidenciais para a República Portuguesa, na que acude á reelección o actual mandatario Aníbal Cavaco Silva, do Partido Social Demócrata (PSD), de centro-dereita.

Nestes comicios, un total de 9,6 millóns de cidadáns portugueses deberán elixir entre seis candidatos que, segundo a Constitución portuguesa, deberán superar o 50% mais un voto para vencer en primeira volta. Desde 1974, caída da ditadura salazarista e coa transición democrática, os tres presidentes da República portuguesa foron reelixidos, cando menos, unha vez, un aspecto que incrementa as perspectivas de reelección para Cavaco Silva, electo en 2006. De ser este o caso, daríase continuidade á cohabitación política entre unha presidencia conservadora e un goberno socialista baixo o mando do primeiro ministroJosé Sócrates.

O principal rival de Cavaco Silva é o candidato socialista Manuel Alegre, quen tentará reducir a vantaxe do actual presidente para afrontar unha segunda volta electoral. As recentes enquisas amosan unha clara superioridade para Cavaco Silva (53,1%) en relación con Alegre (29,7%).

A campaña electoral presidencial atópase polemizada polo escándalo de presunto tráfico de influencias de Cavaco Silva, acusado de beneficiarse en 2001 dunha compra de accións da sociedade propietaria Banco Portugués de Negócios (BPN). En 2008, o BNP foi intervido polo Estado ante o risco de creba técnica, levando á prisión ao seu ex presidente José de Oliveira e Costa, quen anteriormente fora secretario de Estado de Asuntos Fiscais no primeiro goberno de Cavaco Silva (2006-2011).

b) Todos contra Cavaco

Con claras perspectivas de reelección, o actual presidente portugués Aníbal Cavaco Silva afronta con certa comodidade os comicios presidenciais do próximo domingo 23 de xaneiro. Esta sensación semella practicamente consolidada dentro do escenario político portugués, só levemente alterada ante a eventual posibilidade dunha segunda volta electoral, onde Cavaco Silva enfrontaríase hipoteticamente ao seu rival e histórico líder socialista Manuel Alegre.

Para legalizar as súas respectivas candidaturas presidenciais, cada candidato debeu reunir entre 7.500 e 15.000 sinaturas no Tribunal Constitucional (TC), que finalmente admitiu o pasado 29 de decembro de 2010 as seguintes candidaturas:

  • Aníbal Cavaco Silva (71 anos): apoiado por Partido Social Demócrata (PSD), o Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS-PP) e o Movimento Esperança Portugal;
  • Manuel Alegre (74 anos): Partido Socialista (PS), Bloco de Esquerda (BE) e Partido Democrático do Atlântico (PDA);
  • Defensor Moura (65 anos): independente, aínda que é membro e deputado polo Partido Socialista;
  • Francisco Lopes (55 anos): Partido Comunista Português (PCP) e Partido Ecologista “Os Verdes”;
  • José Manuel Coelho (58 anos): Partido da Nova Democracia (PND). Actualmente deputado por Madeira;
  • Fernando Nobre (59 anos): independente. Presidente da Assitência Médica Internacional (AMI).

As sondaxes das principais enquisas portuguesas (Aximage, Intercampus, Eurosondagem, Marktest, Universidade Católica e Euroexpansão) amosan un claro favoritismo para a reelección de Cavaco Silva. Entre o 19 de decembro de 2010 e o 15 de xaneiro de 2011, a tendencia favorable a Cavaco Silva practicamente duplicaba a do seu rival socialista. Como media, Cavaco Silva transita entre o 53-55% de intención de voto, por 29-30% do seu rival Manuel Alegre.

A aposta de Manuel Alegre polas políticas sociais e o Estado do Benestar, recollida nos carteis de campaña, non está a dar os froitos desexables. Dun lado, o electorado de centro déixase levar pola omnipresente mensaxe pro-austeridade, mellor representada por Cavaco. Doutro, o electorado da esquerda non parece disposto a votar nun candidato dun partido socialista que, desde o goberno, promove medidas contraditorias cos seus principios ideolóxicos tradicionais. Isto último a pesar das naturais distancias que en relación ao seu propio partido marca a súa sólida imaxe de crítico, e tamén a pesar do apoio do BE, que debería contribuír no mesmo sentido. A única esperanza para o candidato poeta reside nun voto oculto no seu favor que prefira disimular o apoio ao partido que está a sufrir o desgaste da xestión da crise.

Non obstante, nas últimas semanas, rexistráronse leves caídas de popularidade para Cavaco Silva, á vez que se manifestaron críticas na súa contra vertidas polo goberno de Sócrates e, particularmente, polo ministro de Defensa, Santos Silva, sobre un eventual intervencionismo de Cavaco Silva dentro do goberno socialista, no caso de ser reelixido como presidente.

As críticas intensificáronse unha vez Cavaco Silva afirmou que, de ser reelixido, dará paso a unha “maxistratura activa” para encamiñar a Portugal cara “un rumbo certo”, esgrimindo que a súa experiencia política e económica constitúen garantías válidas para superar a desconfianza nos mercados financeiros internacionais sobre a economía portuguesa. Por tanto, o eventual escenario de renovación da “cohabitación política”, cun segundo período presidencial de Cavaco Silva xunto ao goberno socialista, podería incrementar a tensión política baixo un crítico panorama económico.

Pola súa banda, o socialista Alegre tenta influír no debate político asegurando que as próximas eleccións presidenciais constitúen unha “dura proba para a democracia portuguesa”, en especial ante a perspectiva de reelección de Cavaco Silva. Noutros temas, Alegre defende un gran debate nacional sobre o tema da “regionalização”, en especial ante o que considera os seus desaxustes territoriais e de desenvolvemento socioeconómico.

A marcada atomización política e electoral da esquerda portuguesa afecta as perspectivas electorais de Alegre. A esquerda portuguesa presenta catro das seis candidaturas: o propio Alegre, Lopes, Moura e Nobre. Igualmente, é notorio o distanciamento político entre Sócrates e Alegre, cuxa candidatura independente nas presidenciais de 2006 provocou fortes tensións internas dentro do PS. Por outro lado, Sócrates intensifica os contactos co actual presidente de cara a manter o consenso político ante a crise, o que dá a entender cales son as súas previsións de cara ao resultado.
Outro factor a considerar é o clima de escasa expectativa no electorado e na opinión pública portuguesa de cara ás eleccións presidenciais do próximo domingo 23 de xaneiro, e como isto influirá na abstención electoral, que se prevé elevada atendendo os temores manifestados polos respectivos candidatos.

Igualmente, cómpre observar como influirán estas eleccións presidenciais dentro do mapa político portugués, especialmente de cara á estabilidade do goberno socialista de Sócrates e ante a perspectiva da eventual renovación da “cohabitación” política con Cavaco Silva para o período 2011-2016, con eleccións lexislativas, de non se produciren adiantos, previstas para 2013.

Nas eleccións lexislativas de 2009, o Partido Socialista alcanzou unha maioría de 91 deputados dos 230 do Parlamento portugués, mentres o PSD mantén 81 escanos. Pola súa banda, a CDS-PP posúe 21 deputados e o Bloco de Esquerda, 16 escanos. A raíz da crise económica, a finais de 2010, goberno e oposición pactaron politicamente os Orzamentos 2011 a través dun drástico plan de axuste financeiro e económico.

c) O escándalo BPN

Tanto como a crise económica e a apatía social, a campaña electoral presidencial en Portugal está dominada polo escándalo do Banco Portugués de Negócios (BPN), que salpica directamente ao presidente Cavaco Silva. Este escándalo remite a unha compra de accións por parte de Cavaco Silva ao BPN que, presuntamente, significou unha plusvalía de ganancias para o actual presidente, valoradas ata 147.500 euros (140%) entre 2001 e 2003.

A prensa portuguesa revelou a principios de 2011 como Cavaco Silva presuntamente se beneficiou de tratos favorables na compra destas accións do BPN por parte do seu entón presidente José Oliveira e Costa, quen foi secretario de Estado para Asuntos Fiscais entre 2006 e 2008, cando o BPN foi nacionalizado por presuntas irregularidades financeiras e risco de creba técnica, tras descubrirse un oco fiscal de 700 millóns de euros. Oliveira e Costa está actualmente en prisión.

Baixo un contexto de crise e precariedade económica, a oposición a Cavaco Silva monopoliza electoralmente o escándalo do BPN, provocando ao mesmo tempo certa inquietude no electorado “cavaquista”, incrementada ante a intensificación das críticas e ataques, principalmente por parte dos candidatos Alegre e Moura. Ao mesmo tempo, as recentes e desconcertadas reaccións de Cavaco Silva ante estes ataques prexudicaron levemente a súa imaxe electoral.

O actual presidente portugués reforzou nos seus últimos actos electorais o perigo dunha crise política, lastrada polo agravamento das condicións económicas e unha posible ruptura do consenso social sobre o sistema político portugués. O candidato socialista Alegre, pola súa parte, reivindica a unión de forzas da esquerda portuguesa para “vencer” á dereita, a quen responsabiliza da actual crise económica e financeira do país.

d) A crise económica de 2011

O clima de desconfianza nos mercados financeiros internacionais e na Unión Europea de cara ao desempeño da economía portuguesa, fan temer un rescate financeiro por parte de Bruxelas e do Fondo Monetario Internacional (FMI).

Na primeira quincena de xaneiro de 2011, o Tesouro portugués colocou os seus primeiros bonos ante os mercados internacionais por valor de 1.250 millóns de euros, superando así a primeira “proba de fogo” sobre o estado económico do país.

De feito, China comeza a erixirse como o principal comprador de bonos da débeda pública portuguesa e un socio financeiro primordial para Lisboa. En decembro pasado, o presidente chinés Hu Jintao visitou este país, amosando o interese de Beijing por comprar débeda pública portuguesa. Posteriormente, o ministro portugués de Finanzas,Teixeira dos Santos, viaxou a China para solicitar axuda financeira e investimentos chineses.

A escasa confianza dos mercados internacionais cara Portugal opaca igualmente os anunciados logros do goberno Sócrates de redución do déficit público do 9 ao 7,3% do PIB e dun crecemento económico do 1,4% no 2010. Para 2011, estímase unha sensible diminución do gasto social do goberno de Sócrates, un elemento que incrementará a presión política e social a través dos sindicatos, afondando a fenda política existente entre o PS cos outros partidos de esquerda, especialmente o Bloco de Esquerda (que paradoxalmente apoia a Alegre nas próximas presidenciais) ou o Partido Comunista Portugués.

Portugal precisa de 20.000 millóns de euros para facer fronte a responsabilidades de pago de débeda pública en 2011, o cal aumenta as previsións fatalistas por parte de analistas económicos e medios de comunicación dentro e fóra de Portugal. Diversos medios europeos especulan con que Alemaña e Francia presionarán o goberno de Sócrates para solicitar inmediatamente un plan de rescate financeiro á UE, seguindo o exemplo de Grecia e Irlanda en 2010, en caso de que Portugal volte a ter problemas para conseguir financiamento exterior.

No caso da relación entre Galicia e Portugal neste contexto de crise económica e eleccións presidenciais en Lisboa, o panorama loce complicado por causa da difícil situación económica e os recortes orzamentarios do goberno de Sócrates en materia de obras públicas, en especial para cumprir os prazos de finalización do AVE Vigo-Porto, agora prorrogado ata o 2015.

 

IGADI. 19 de xaneiro de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº56255.77 KB

IgadiPaper nº57

Primavera anticipada no mundo árabe?
Consecuencias das rebelións en Tunisia e Exipto

a) Introdución

A perspectiva dunha revolución política no Magreb e no mundo árabe está alargando o seu radio de acción trala rebelión popular acaecida a comezos de 2011 en Tunisia, que acabou co autocrático presidente Zine El Abidine Ben Alí, e os actuais acontecementos en Exipto, cunha riada interminable de protestas e mobilizacións populares contra o presidente Hosni Mubarak, no poder desde 1981. Especúlase así coa posibilidade de expansión das revoltas populares cara outros países árabes como Alxeria, Xordania, Iemen e Marrocos.

Con este panorama, a posibilidade dunha caída de Mubarak e, incluso, dunha incerta transición en Exipto, suporía un cambio transcendente dentro do taboleiro xeopolítico do Magreb e de Oriente Próximo, por constituír este país un aliado estratéxico clave para EEUU, Europa e Israel, así como un mercado financeiro emerxente e un paso comercial xeoestratéxico a través da Canle de Suez.

Non obstante, e se ben estas mobilizacións supoñen a maior contestación social e a peor crise política para Mubarak, as mesmas non clarifican de todo a posibilidade de caída do seu réxime, como sucedeu co veciño tunecino Ben Alí. A actual rebelión exipcia semella reproducir un escenario similar ao de Irán a mediados de 2009, con fortes mobilizacións populares tras unhas eleccións presidenciais consideradas como presuntamente fraudulentas pola oposición iraniana e Occidente.

A falta de definir a posición do poderoso estamento militar exipcio, aparentemente condescendente coas demandas das protestas, Mubarak tenta gañar tempo manobrando unha transición “tutelada”. Mentres, a inicial cautela de EEUU e Europa comeza a decantarse a favor dunha transición pacífica, unha posición que verifica a súa falta de previsión e reacción de cara aos acontecementos que están sacudindo ao Magreb e o mundo árabe.

Cos seus incertos escenarios a curto e medio prazo en canto á transición democrática e a estabilidade, as rebelións tunecina e exipcia dirimirán unha necesaria transformación dos seus sistemas e actores políticos, onde os partidos islamitas poden xogar un papel decisivo non só nas respectivas transicións senón na ampliación de marcos de participación popular e democrática, un factor que Occidente deberá inevitablemente tomar en conta nas súas relacións co mundo árabe.

b) Unha revolución á espreita

Desde o pasado 25 de xaneiro, Exipto vive un convulso escenario de político e social contra o goberno de Hosni Mubarak (82 anos) que, de forma preliminar, reproduce os acontecementos presentados dúas semanas atrás en Tunisia, e que levaron á caída da autocrática presidencia de Zine El Abidine Ben Alí.

Tunisia percorre unha etapa de transición con incertas consecuencias, onde o primeiro ministro Mohammed Ganuchi tenta moderar unha evolución que se presume complexa. Diversos actores e grupos de poder provenientes do Reagrupamento Constitucional Democrático (RCD), o partido hexemónico do réxime de Ben Alí, seguen presentes no actual goberno tunecino, mentres as masas populares demandan activamente unha ruptura política co pasado, ante a expectante mirada do estamento militar.

Ademais da rebelión popular, a caída de Ben Alí moi probablemente impulsouse a través dunha especie de “golpe palaciano”, onde diversos líderes e elites do RCD preferiron a caída do ex presidente para garantir a súa supervivencia política nunha Tunisia post-Ben Alí. Esta circunstancia pode derivar en novos episodios de convulsión, especialmente ante a perspectiva de iniciar un necesario proceso constituínte.

Cun escenario moi similar ao presentado anteriormente en países da Europa do Leste e do espazo ex soviético, o mundo árabe semella estar carburando unha revolución política popular e democrática. Trala caída de Ben Alí en Tunisia e á espera do que finalmente poida suceder en Exipto, o escenario actual suxire un inédito mapa xeopolítico no Magreb, na zona mediterránea e en Oriente Próximo, impulsado por un explosivo cóctel de crise económica, frustración social ante a falta de perspectivas profesionais e demandas de apertura política e democrática.

Os casos tunecino e exipcio non son os únicos: Albania viviu fortes protestas pola alza dos prezos dos alimentos, colocando nunha delicada posición ao goberno de Alí Berisha. Outros países como Alxeria, Iemen, Xordania e Líbano presentaron protestas nas rúas, aínda que no caso libanés baixo parámetros de carácter político interno.

Mentres Exipto protestaba masivamente contra Mubarak, o monarca xordano Abdalá IIveuse na obriga de destituír ao seu goberno e nomear un novo primeiro ministro co fin de desactivar unha serie de protestas polas medidas económicas.  Paralelamente, o presidente de Iemen anunciou que non se presentaría á reelección. Deste modo, a faísca contestataria pode igualmente espallarse tanto no Magreb como no Golfo Pérsico e, incluso, ata Paquistán, escenarios sumamente estratéxicos para os intereses europeos e estadounidenses.

A perspectiva dunha “primavera democrática árabe” comeza a cobrar forma en diversos países. Resulta evidente que a crise económica e a necesidade dunha apertura política en réximes sumamente autocráticos e represivos, algúns deles estratéxicos aliados occidentais, son factores que persuaden á rebelión popular en diversos países árabes.

O exemplo tunecino convértese nunha referencia ata agora impensable para o resto do Magreb e do mundo árabe, así como un enigma aparentemente indescifrable para EEUU e a Unión Europea, incapaces de reaccionar cun peso político decisivo e, incluso, adoptando contraditorias posicións sobre os cambios que están acontecendo no Magreb: mantendo a cautela, probablemente para non perder aliados imprescindibles como Mubarak, mentres que instan á “comprensión” coas protestas e demandas populares. 

c) A importancia de Exipto

Se a rebelión exipcia finalmente acaba co réxime de Mubarak como sucedera en Tunisia con Ben Alí, a súa caída suporía un golpe estratéxico para Occidente e Israel, que observan a Exipto como un aliado xeopolítico e militar de gran importancia dentro do mundo árabe, así como un actor clave para repeler o ascenso político e electoral do islamismo.

Tras Israel, Exipto é o segundo país en recibir maior asistencia exterior por parte de EEUU, en total US$ 3.000 millóns en cooperación militar e económica, factores que potencian o seu peso político como aliado occidental e un liderado importante dentro do mundo árabe.

En todo caso, o descontento social contra Mubarak vense manifestando a través de rebelións populares nos últimos anos. En 2005 e 2008, o réxime exipcio reprimiu con forza unha serie de revoltas a raíz do aumento da pobreza e da fame. En 2009 e 2010, igualmente observáronse fortes protestas de cara á posible sucesión política en mans do seu fillo Gamal Mubarak (47 anos), así como polas constantes prohibicións de participación electoral do ilegalizado movemento dos Irmáns Musulmáns.

Ante o levantamento popular actual, onde os manifestantes lanzaron un ultimato a Mubarak para que renunciara antes do venres 4 de febreiro, o presidente exipcio vese obrigado a dar curso a un inédito e necesario proceso de reformas e de inmediata apertura política, que podería obstaculizar o proxecto de renovación do seu réxime a instancias do seu fillo Gamal, especialmente de cara ás próximas eleccións presidenciais previstas para setembro.

A eventual transición exipcia asómase complexa e incerta, moi similar á que actualmente está acontecendo en Tunisia. Non obstante, Mubarak semella ter marxe de manobra, especialmente á vista da falta de liderado político unificado por parte das masas populares e das clases medias que se mobilizan de forma espontánea nas protestas. Neste sentido, poucos observan con claridade a posibilidade de que o ex Premio Nobel e director da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), Mohammed ElBaradei, poida liderar unha eventual transición post-Mubarak.

Outros sectores inclínanse a considerar ao xeneral Sami Enan, xefe do Estado Maior, como o eventual líder da transición exipcia, o cal atribúe ao estamento militar un papel clave para garantir a estabilidade institucional. A presión política dos militares cara Mubarak (incluso baixo instigación de EEUU), podería influír nos contactos que o presidente exipcio anunciaría con novos actores políticos opositores, así como ante un eventual adianto electoral. En todo caso, Mubarak tenta gañar tempo para negociar unha transición “tutelada” polos sectores militares e as elites do oficialista Partido Nacional Democrático (PND), mentres aposta polo debilitamento das protestas.

Neste sentido, o escenario exipcio tería similitudes co acaecido en Irán tralas eleccións presidenciais de xuño de 2009, onde a reelección do actual mandatario Mahmud Ahmadíneyad deu paso a unha prolongada riada de protestas en Teherán e noutras cidades, apoiadas dende Occidente, ante un presunto fraude electoral. A pretendida rebelión contra o réxime teocrático entón esvaeceuse ante a represión oficial, a falta de unidade da oposición iraniana e a ineficacia das multitudinarias manifestacións.

d) A xeopolítica da rebelión árabe

Os cambios en Tunisia e Exipto traducirán importantes consecuencias xeopolíticas e estratéxicas para o Magreb, Oriente Próximo e o arco mediterráneo, un escenario que inevitablemente obrigará a Europa e EEUU a modificar as súas pautas de relación con estes países e diversos réximes aliados de corte autoritario.

Un eventual Exipto post-Mubarak sacudido por unha rebelión popular con demandas de apertura democrática suporía unha referencia importante noutros países da rexión, especialmente en Alxeria, aínda que con posible menor impacto en países como Libia e Marrocos. Con escenarios similares ao tunecino e exipcio en canto a crise económica e frustración social, a riada de rebelións populares podería afectar seriamente ao presidente alxerino Abdelaziz Bouteflika pero resultaría pouco clara a súa reprodución nos contextos libio e marroquí, ante os sólidos niveis de lexitimidade e control político por parte dos seus respectivos gobernantes, o libio Muammar Gadafi e o monarca marroquí Mohammed VI.

Pero é en Oriente Próximo onde se observarían os maiores efectos dunha eventual transición política en Exipto. Baixo diversos parámetros, Xordania e os territorios  palestinos podería presenciar importantes protestas populares. Pola súa banda, Israel perdería en Mubarak a un aliado estratéxico dentro do mundo árabe (non se debe esquecer que Exipto foi o primeiro país árabe en recoñecer en 1978 a existencia do Estado israelí), mentres o aliñamento entre Tel Aviv e O Cairo permite unha contención xeopolítica clave ante a eventual influencia iraniana en Oriente Próximo, así como de cara a repeler aos movementos islamitas, en especial o palestino Hamas.

Sorprendidos pola axitación popular en Tunisia e Exipto, EEUU e Europa tentan subitamente desmarcarse de Mubarak, incluso tentando moderar unha eventual transición política en mans do anteriormente mencionado ElBaradei, con consecuencias incertas sobre a fortaleza destes novos actores e liderados opositores.

Pola contra, son os movementos e partidos políticos islamitas os que poden recoller importantes ganancias políticas, especialmente no eventual escenario dunha caída de Mubarak. En Xordania, Turquía, Líbano, Exipto, Alxeria e Marrocos, os diversos movementos islamitas manifestan unha forza política esencial para a estabilidade dos seus respectivos gobernos, ao mesmo tempo que reclaman maiores posibilidades de participación política. Compre igualmente observar o ascendente protagonismo do primeiro ministro turco, o islamita moderado Recep Tayyip Erdogan, pedindo unha “transición pacífica” en Exipto, un aspecto que pode revitalizar as perspectivas de Turquía por converterse nun influente actor rexional.

Deste modo, Occidente e Israel deberán analizar con maior pragmatismo e celeridade a perspectiva dunha transformación política no mundo árabe onde os partidos islamitas convértanse en actores políticos esenciais, xunto a estamentos de clases medias e populares que reclaman un modelo político mais democrático e aperturista.

Tal e como ocorrera coa infrutuosa rebelión iraniana de 2009, as actuais revolucións tunecina e exipcia permiten igualmente ilustrar a influencia das redes sociais (Twitter e Facebook) e de telefonía móbil á hora de dinamizar as protestas, un aspecto evidente tanto polo seu importante papel mobilizador como pola inmediata represión oficial de Internet.

Resta observar se Tunisia e, eventualmente, Exipto continuarán a vaga de rebelións populares que anteriormente acabaron con réximes autoritarios en Serbia (2000), Xeorxia (2003), Ucraína (2004) e Quirguicistán (2005 e 2009), se ben o realmente importante estriba en comprender se as sociedades árabes que hoxe se mobilizan están en verdade comprometidas cunha necesaria reforma política que achegue máis dereitos e máis benestar ao conxunto da cidadanía.

IGADI. 02 de febreiro de 2011

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº57257.93 KB

IgadiPaper nº58

Haití: caos humanitario e tensións preelectorais

a) Introdución

Tralos comicios presidenciais e lexislativos do pasado 28 de novembro de 2010, que deron paso a marcados enfrontamentos políticos e acusacións de presunto fraude electoral, Haití finalmente celebrará unha segunda volta electoral o próximo 20 de marzo, na que rivalizarán as candidaturas da ex senadora Mirlande Manigat e do popular cantanteMichel Martelly. O gañador non se coñecerá oficialmente ata o próximo 16 de abril, tras abrirse unha fase de presentación de apelacións e análise da votación.

A segunda volta electoral ven precedida por unha forte polémica política. Os resultados preliminares divulgados o pasado 7 de decembro de 2010 certificaron o primeiro lugar para Manigat (31% dos votos) seguido de Jude Celestin, candidato gobernamental (22%) e Martelly (21%). Tras denunciar presuntas irregularidades electorais, os simpatizantes de Martelly protestaron masivamente en contra da votación alcanzada por Celestin.

A Organización de Estados Americanos (OEA) e os gobernos de EEUU e Francia premeron ao presidente haitiano René Preval para continuar co calendario electoral, substituíndo a Celestin por Martelly de cara á segunda volta. Pero a comezos de 2011, a polémica política avivouse coa inesperada visita a Haití do ex ditador Jean-Claude Duvalier, así como ante o permiso gobernamental para o retorno do tamén ex presidente Jean-Bertrand Aristide, derrocado en 2004.

Paralelamente, o panorama haitiano reflicte unha situación de emerxencia e descontento social derivada das secuelas do terremoto de xaneiro de 2010 (que deixou 230.000 mortos) e do posterior brote de cólera a mediados do ano pasado, que cobrou a vida de 4.000 persoas. Diversas ONGs veñen denunciando unha grave falta de coordinación e corrupción na xestión das axudas internacionais, que colocan nunha difícil posición ao presidente Preval e á Misión de Estabilización da ONU en Haití (MINUSTAH).

Neste contexto de crise humanitaria e sanitaria, con severos danos na súa  infraestrutura física e administrativa, o proceso electoral presidencial abordaba a posibilidade de afianzar en Haití un necesario nivel de estabilización política. Pero a frustración social e a inoperancia dos organismos oficiais para satisfacer as necesidades básicas da poboación, son factores que ameazan con abrir unha fase prolongada de polarización e tensión política, incrementadas ante o descontento popular pola polémica xestión da MINUSTAH e o peso dos intereses de países como EEUU e Francia.

b) Baixo o espectro do fraude electoral

Segundo o calendario inicialmente previsto polo Consello Electoral Provisional (CEP), o presidente haitiano René Preval debía deixar a presidencia o pasado 7 de febreiro. Pero as acusacións de fraude nos comicios celebrados o pasado 28 de novembro de 2010, xunto aos fortes enfrontamentos políticos suscitados dende entón, persuadiron aos poderes públicos haitianos e á CEP da necesidade de prorrogar ata abril próximo o mandato de Preval.

Deste modo, o pasado 2 de febreiro, a CEP anunciou a celebración dunha segunda volta electoral, finalmente prevista para o próximo 20 de marzo, que dirimirá o liderado político destinado a substituír ao actual presidente Preval. Tras eliminarse a candidatura de Jude Celestin, abandeirado do oficialista Partido da Esperanza, os  contrincantes electorais para a presidencia haitiana serán Marlinde Manigat (Asemblea de Demócratas, Progresistas e Nacionalistas, ADPN) e Michel Martelly (Partido Resposta Campesiña, RC).

A remoción de Celestin respondeu á presión realizada nas rúas polos simpatizantes de Martelly, esixindo a anulación destes comicios argumentando un presunto fraude electoral a favor de Celestin para competir con Manigat na segunda volta. Tras publicar un duro informe no que se documentaba a falta de transparencia dos comicios de novembro de 2010, a Organización de Estados Americanos (OEA) premeu ao presidente Preval para que recoñecera o fraude electoral e para prescindir da candidatura de Celestin a favor de Martelly, de cara á segunda volta electoral. 

A prórroga ata abril de 2011 do mandato de Preval por parte da CEP está dando paso a unha riada de manifestacións públicas na súa contra. Diversos sectores políticos e da opinión pública recean dos manexos que o presidente haitiano podería estar realizando para garantir unha transición política favorable ao seus intereses. Ante as evidencias emanadas polo informe da OEA, a desconfianza cara o sistema electoral haitiano aumenta as perspectivas de falta de transparencia nos comicios que elixirán ao sucesor de Preval.

c) O retorno do pasado: de Duvalier a Aristide

Pouco antes da decisión da CEP de realizar a segunda volta en marzo entre Manigat e Martelly, outros acontecementos ocuparon a concentración da atención política en Haití. O retorno á illa antillana de personalidades políticas do pasado recobraron subitamente a súa presenza dentro da actual realidade haitiana. O caso mais significativo foi a breve e sorprendente visita do ex ditador Jean-Claude Duvalier (1971-1986), quen retornou ao país a mediados de xaneiro, tras 25 anos de exilio en Francia.

Coa presumible anuencia do actual presidente Preval, Duvalier visitou o país moi probablemente coa finalidade de tentar quedar libre de cargos das acusacións que a xustiza haitiana verte sobre el por corrupción e enriquecemento ilícito. Un aspecto particular de gran interese para Duvalier, ante a decisión suíza de conxelar unha das súas contas persoais, con fondos de US$ 5 millóns.

Non obstante, se estima que as acusacións sobre a falta de transparencia e a corrupción da xustiza haitiana incrementan as probabilidades de que as acusacións contra Duvalier finalmente prescriban. O veredicto xudicial non se coñecerá ata dentro de tres meses, xusto despois da segunda volta electoral presidencial e lexislativa.

Alcumado “Baby Doc”, Duvalier é acusado polo Instituto para a Xustiza e a Democracia en Haití, a Oficina de Avogados Internacionais, Amnistía Internacional e Human Rights Watch, de cometer torturas e asasinatos durante a súa prolongada ditadura, así como de enriquecerse con fondos do erario público valorados, segundo diversas fontes, entre US$ 300 e 1.000 millóns. Entre 1957 e 1986, e co total apoio de Washington, a dinastía dos Duvalier (iniciada por “Papá Doc” François Duvalier e continuada polo seu fillo), impuxo a súa ditadura en Haití, onde diversas ONGS estiman a desaparición de aproximadamente 50.000 opositores e disidentes políticos.

Trala polémica visita de Duvalier, diversos sectores políticos especularon coa posibilidade do regreso a Haití do ex presidente Jean-Bertrand Aristide, derrocado por unha rebelión militar en 2004 e actualmente exiliado en Sudáfrica. Estas especulacións cobraron forza unha vez o actual goberno haitiano ditara, o pasado 31 de xaneiro de 2011, o permiso para que o ex presidente puidera retornar á illa antillana. Dende Sudáfrica, o propio Aristide declarou publicamente a súa disposición para retornar en breve á illa antillana, unha vez reciba o pasaporte diplomático emitido polo actual goberno haitiano.

O breve regreso de Duvalier a Haití e o eventual retorno de Aristide nos próximos meses intensifican as especulacións sobre unha calculada estratexia política por parte do actual presidente Preval, orientada a desviar a atención electoral e restar protagonismo ás candidaturas de Manigat e Martelly. Incluso, outros sectores observan a man de EEUU e Francia no retorno de Duvalier, como arma de presión política cara Preval.

É probable que as razóns de Preval e doutros círculos de poder de permitir o regreso de Duvalier e, eventualmente, de Aristide obedezan a unha reacción gobernamental tralas presións emanadas da OEA para substituír ao candidato oficialista Celestin, así como ante a publicación do anteriormente mencionado informe da propia OEA sobre un presunto fraude electoral nos comicios de novembro pasado.

Se ben o regreso de Duvalier retrotraeu a unha época marcada polos claroscuros en Haití, en especial porque diversos sectores sociais e políticos identifican esa etapa como a de “orde e estabilidade” a pesar da corrupción e das violacións de dereitos humanos, amósanse contraditorias sensacións ante un eventual retorno de Aristide, tendo en conta que o seu derrocamento en 2004 aínda presenta feridas abertas dentro da sociedade e a política haitianas.

Non está claro se o eventual retorno de Aristide contribuirá a aliviar a imaxe internacional do goberno de Preval, á vista de determinados índices de simpatía e popularidade do ex presidente derrocado. Pero, por outra banda, a eventual presenza de Aristide é rexeitada por diversos sectores políticos e milicias armadas que contribuíron ao seu derrocamento. EEUU expresou a súa “preocupación” por considerar “inconveniente” o retorno de Aristide antes de celebrarse a segunda volta electoral.

Un caso aparte merece o pasado político do candidato Martelly, aparentemente vinculado con determinados sectores golpistas que anteriormente derrocaran a Aristide en 1994 e, posteriormente, durante o seu segundo mandato unha década despois. O eventual retorno de Aristide podería así complicar as perspectivas electorais de Martelly, e intensificar unha polarización social e política que agrava a sensación de existencia dun arriscado baleiro de poder  en Porto Príncipe.  

d) Caos humanitario e intereses externos

Retorno do pasado aparte, o contexto político haitiano intensifica as incertezas sobre o seu futuro. Sexa quen sexa o gañador, a próxima presidencia haitiana, así como o novo Parlamento, deberán encarar unha grave crise humanitaria e sanitaria, con 1.300 campamentos que albergan a 1,3 millóns de damnificados, azoutados polas secuelas do terremoto e do brote de cólera que se estendeu por 10 departamentos da illa.

O caótico panorama de infraestruturas derruídas, as carencias sanitarias e de auga potable, os estragos na propagación do cólera e as denuncias sobre corrupción e a descordinación nos labores de reconstrución ante a multitude de actores e ONGs involucrados, son factores que prexudican directamente a imaxe do presidente Preval e a xestión da MINUSTAH, actualmente presidida polo diplomático guatemalteco Edmond Mulet. O panorama social é igualmente preocupante, ante o imparable aumento da pobreza, o desemprego e as denuncias de violacións de mulleres nos campamentos de damnificados.

As críticas tamén diríxense cara a Comisión Interina de Recuperación de Haití, creada en 2010 para viabilizar a reconstrución tralo terremoto. Conducida polo ex presidente estadounidense Bill Clinton e polo actual primeiro ministro haitiano Jean-Max Bellerive, esta comisión instalou unha Oficina de Desempeño e Anti-Corrupción, pero diversas ONGS como Intermon Oxfam denunciaron a finais do ano pasado que o seu labor “non logrou mellorar a coordinación na loita pola transparencia electoral, así como o desenvolvemento dunha infraestrutura estatal nin a reconducción dos esforzos dos doantes internacionais e do goberno haitiano para orientar un eficiente proceso de reconstrución”.

No apartado da axuda internacional, poucos países cumpriron coas súas obrigas de transferir os respectivos fondos de doazón para Haití, valorados en US$ 10.000 millóns pola Conferencia para Doantes de Haití celebrada a comezos de 2010 en República Dominicana. Segundo a Oficina do Enviado Especial da ONU para Haití, a fines de 2010 achegouse só o 63% dos US$ 2.010 millóns comprometidos para o ano pasado, mentres o Banco Mundial asegurou que ata agora só se achegaron US$ 1.200 millóns dos US$ 5.300 millóns prometidos para 2011.
 
A descoordinación na xestión das axudas humanitarias contribúen a incrementar as suspicacias sobre desvíos de fondos para intereses políticos. Haití tamén sofre o contexto da crise económica internacional: cunha renda per cápita de só US$ 661, un 78% dos haitianos viven con menos de US$ 2 ao día. O país ocupa o posto 145 entre 169 países avaliados no Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) elaborado pola ONU. Este caótico panorama contribuirá a fomentar a apatía social de cara á segunda volta electoral de marzo próximo.

Pero Haití segue a ser un peón estratéxico para os intereses xeopolíticos de países como EEUU, que conta con 12.000 marines presentes na illa antillana, da ex metrópole colonial Francia, de Brasil (un dos líderes principais da MINUSTAH), e de Cuba e Venezuela, estes últimos a través da Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA), da que Haití é membro observador desde 2009. Precisamente, a cooperación sanitaria cubana permitiu sortear o caótico panorama traducido tralo brote de cólera a mediados de 2010, ante a total inoperancia da MINUSTAH e do goberno de Preval.

IGADI. 14 de febreiro de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº58276.16 KB

IgadiPaper nº59

Cosova: un “Estado fracasado”?

a) Introdución

O pasado 17 de febreiro de 2011, Cosova celebrou tres anos da súa declaración unilateral de independencia. Dende entón, o novo Estado, enclavado na estratéxica rexión dos Balcáns, está recoñecido por 75 países, entre os que se inclúen EEUU, 22 dos 27 membros da Unión Europea (excluíndo a España) e outros 53 países membros das Nacións Unidas, organismo no que Cosova pretende ingresar como o 193º país membro.

Non obstante, o tránsito da independencia cosovar amosa un panorama claroscuro, abrindo unha preocupante perspectiva sobre o seu futuro. A pesar dos esforzos de Washington e da UE, as negociacións entre Cosova e Serbia (que segue cualificándoa como unha “provincia autónoma” propia) para clarexar algúns aspectos específicos do seu actual status, permanecen temporalmente paralizadas. Paralelamente, os esforzos cosovares por conseguir un maior recoñecemento internacional obstaculízanse ante o feito de que países cun peso decisivo no concerto internacional, como son os casos de China, Rusia, Brasil e India, entre outros, obstínanse en rexeitar o recoñecemento.

Tamén medran as preocupacións exteriores, principalmente na ONU e na Unión Europea, ante a complicada estabilidade interna en Cosova, especialmente trala ruptura en setembro de 2010 do pacto gobernamental entre os dous principais partidos políticos, o Partido Democrático de Cosova (PDK) e a Liga Democrática de Cosova, así como ante as acusacións de irregularidades e fraude nas eleccións lexislativas de decembro pasado.

A maiores, a credibilidade das Misións de Estabilización da ONU (MINUK) e da OTAN (KFOR) en Cosova, así como a política de EUA como principal impulsor da independencia cosovar, vense seriamente afectadas ante a revelación, en decembro pasado, dun contundente informe no que presuntamente se constatan as innumerables acusacións de corrupción e vínculos co crime organizado do actual primeiro ministro cosovar, Hashim Thaci.

b) Mafias e inestabilidade política

En decembro de 2010, o relator do Consello de Europa, o xuíz suízo Dicky Marty, elaborou un informe sobre o estado actual de Cosova que tivo un duro impacto na opinión pública internacional. Neste informe acusábase á antiga guerrilla do Exército de Liberación de Cosova (UCK, polas súas siglas en albanocosovar), liderada desde 1998 polo actual primeiro ministro Hashim Thaci, de colaborar co narcotráfico e coa rede criminal “Drenica”, que operaba dende Albania na extracción de órganos a presos serbios.

Este informe tamén denotaba o elevado nivel de corrupción existente nas instancias administrativas cosovares, penetradas por diversas mafias que presuntamente estarían orientando a Cosova cara os parámetros dun “Estado fracasado”, tal e como incluso chegou a aseverar durante unha entrevista a comezos de 2010 o propio embaixador estadounidense en Prístina, Christopher Dell. No informe de Marty descríbese a Thaci como un “actor clave” da mafia e do crime organizado en Cosova, cualificándoo como “o máis perigoso dos padriños da criminalidade da UCK”, un aspecto que “era coñecido pola OTAN e outros gobernos”.

O pasado 27 de xaneiro, a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa e a EULEX, a misión policial da UE para Cosova, solicitaron a Marty que presentara probas da veracidade das revelacións e acusacións vertidas neste informe, relativos á implicación das actuais autoridades cosovares nas redes de crime organizado e da corrupción. Incluso o propio presidente serbio Boris Tadic pediu investigar e, eventualmente, procesar a Thaci nos tribunais internacionais, pola súa presunta implicación no tráfico de órganos de prisioneiros serbios durante a guerra en Cosova en 1999.

Alén do escándalo provocado por este informe, o panorama político cosovar denota unha situación de inestabilidade e de certa anarquía que, a grandes trazos, cuestiona os esforzos da MINUK, a KFOR, EUA e os países que recoñecen a independencia cosovar, á hora de consolidar un Estado viable e seguro.

En setembro de 2010 colapsou a alianza entre os dous principais partidos políticos, o Partido Democrático de Cosova (PDK) do primeiro ministro Thaci, e a Liga Democrática de Cosova, levando á dimisión de Fatmir Sedju, o primeiro presidente da Cosova independente. Dende entón, ocupa o cargo un presidente interino nomeado pola ONU, Jakup Krasniqi, quen dende 2007 exercía como presidente da Asemblea de Cosova, a única cámara lexislativa existente.

A crise política acrecentouse trala celebración das primeiras eleccións lexislativas cosovares o pasado 12 de decembro de 2010, que foron denunciadas por presuntos casos de irregularidades e acusacións de fraude electoral. Neses comicios, o PDK obtivo 34 dos 120 escanos parlamentarios.

Coa finalidade de albiscar solucións urxentes para esta crise política, o primeiro ministro Thaci e o PDK iniciaron unha serie de negociacións con outros actores políticos para formar un novo goberno, como foi o caso de Behgiet Pacolli, líder do partido Nova Alianza de Cósova (AAK) e considerado o home máis rico do país. Pacolli, ata agora o único político cosovar que se postulou como candidato presidencial para substituír a Sedju, é acusado por diversos sectores de corrupción e trato coas mafias.

Nestes comicios lexislativos, a AAK obtivo 12 escanos, un factor que puido espertar no PDK o interese por formalizar unha alianza co partido de Pacolli para garantir un goberno viable. Non obstante, a Liga Democrática de Cosova, con 27 escanos, e o Partido Autodeterminación, con 14 escanos, xa declararon publicamente que non negociarían con Thaci ningún pacto político para formar un novo goberno, incrementando así a tensión en Prístina ante a perspectiva dun baleiro de poder.

c) A polémica legalidade internacional de Cósova

Mentres a crise política dilúe a Cosova nun manto de inestabilidade, o panorama sobre o seu recoñecemento oficial internacional segue a provocar fortes polémicas. En 2010, un total de 8 países recoñeceron a Cosova, moi probablemente instados polos esforzos da diplomacia estadounidense para outorgarlle lexitimidade internacional ao novo Estado.

Cosova é recoñecida actualmente por 75 países membros da ONU, o cal constitúe só un 39% dos membros totais deste organismo. A posición doutros países con respecto ao status de Cosova está determinada polo que eventualmente ditamine o Consello de Seguridade da ONU á hora de adoptar unha posición definitiva sobre o status cosovar. Non obstante, o presumible veto de Rusia e China obstaculizarían as pretensións cosovares de converterse nun membro mais da ONU.

O foco de atención segue centrado na polémica suscitada pola decisión da Corte Internacional de Xustiza (CIX) do pasado 22 de xullo de 2010, unha opinión consultiva emitida a petición da Asemblea Xeral da ONU, na que argumentaba a legalidade da declaración de independencia de Cosova. A CIX argumentou que a mesma “non vulnera o Dereito Internacional” e constitúe un “caso excepcional”. Obviamente, esta decisión foi amparada por EEUU e a maioría dos países europeos, sendo rexeitada por Serbia, Rusia, China e outros países.

Pola súa banda, a UE está premendo ás autoridades cosovares para reiniciar unha serie de diálogos e negociacións con Serbia, a fin de acordar aspectos específicos sobre o actual status cosovar. Para Bruxelas, este aspecto resulta igualmente esencial á hora de consolidar as negociacións de admisión serbia cara a UE. Non obstante, a ausencia dun novo goberno en Cosova trala renuncia do ex presidente Sedju e as acusacións de vínculos de Thaci coas redes criminais, son aspectos que  paralizan a posibilidade de negociación con Belgrado.

Neste panorama, a UE aínda non axilizou o proceso de liberalización de visados para Cosova, sendo este territorio o único dos Balcáns en non obter este recoñecemento europeo. Unha razón válida para Bruxelas pode explicarse polo temor a que a liberalización de visados impulse aínda mais o labor das mafias albanesas e cosovares cara Europa.

Outros aspectos dificultan a normal existencia de Cosova como Estado independente. Dende o punto de vista comunicativo, Cosova segue a utilizar os códigos de prefixos telefónicos de Serbia, Mónaco e Eslovenia, mentres os seus deportistas non pode participar oficialmente en ningunha competición internacional.

d) A crise económica e rebelión social

Débese igualmente apreciar a posibilidade de que a crise económica e, incluso, os efectos da rebelión política no Magreb que acabou con presidencias autocráticas en Tunisia e Exipto, podan dalgún xeito reproducirse en Cosova, un dos países mais pobres de Europa.

A finais de xaneiro de 2011, na veciña Albania tiveron lugar unha serie de fortes protestas contra a alza dos prezos dos alimentos, colocando nunha delicada situación ao seu primeiro ministro Sali Berisha. A crise económica e a frustración política tamén están detrás das recentes protestas en Serbia contra o goberno de Tadic. Por tanto, a posibilidade de rebelións populares nos Balcáns son factores que poden ter consecuencias importantes para Cosova.

A pesar do constante apoio financeiro e loxístico da ONU, a situación socioeconómica en Cosova é sumamente complexa, existindo factores que poden espallar a frustración social: un país cun ingreso per cápita de aproximadamente US$ 1.500 anuais, sen tecido industrial relevante, sumamente dependente da axuda internacional e cun escenario económico dominado polas mafias, o tráfico ilícito de mercancías, armas e persoas e o narcotráfico. En determinadas rexións cosovares, o desemprego ascende ao 40% da poboación economicamente activa.

Cosova igualmente adoece dunha infraestrutura física acorde para o funcionamento viable dun Estado sólido e efectivo. Desde 2007, a MINUK impulsa un proceso de descentralización política e administrativa que está encarando serios obstáculos en materia de capacitación profesional, transparencia administrativa e na convivencia normal entre as minorías nacionais e étnicas existentes, especialmente a serbia. Por tanto, existen evidentes claroscuros sobre a pretensión da ONU por asentar unha “democracia multiétnica”, aparentemente inviable.

A única esperanza de desenvolvemento económico para Cosova asóciase á minería, en especial polas súas importantes reservas de carbón, níquel, cinc e ouro. Pero esta posibilidade dilúese ante a falta de estabilidade institucional e política, o deficiente desenvolvemento socioeconómico e o peso das mafias e do narcotráfico.

Ademais de cuestionar o labor da MINUK e da KFOR, a perspectiva de Cosova como “Estado fracasado” supón un escenario que igualmente mina a credibilidade de EEUU e dos seus aliados no empeño por recoñecer e consolidar novas entidades estatais, unha visión que non se aplica noutros casos territoriais, como o saharauí e o palestino, por citar dous casos coñecidos.

IGADI. 21 de febreiro de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº59273.53 KB

IgadiPaper nº60

A política occidental ante a rebelión árabe:
Desconcerto e “dobre vara de medir”

a) Introdución

O ata agora hexemónico peso xeopolítico de EUA e dos seus aliados europeos e israelí nos asuntos de Oriente Próximo comeza a observar inesperados escenarios de cambio ante a sucesión de protestas e rebelións dentro do mundo árabe, principalmente tralas caídas dos autócratas presidentes Zine El Abidine Ben Alí en Tunisia e Hosni Mubarak en Exipto, ambos considerados como estreitos aliados occidentais.

A falta de saber qué sucederá coa Libia de Muammar al Gadafi, sacudida actualmente por unha brutal represión oficial e as perspectivas dunha guerra civil, as revoltas actualmente en curso no Magreb e Oriente Próximo certifican unha notoria perda de peso e influencia, así como de ausencia de alternativas, por parte de EUA e dos seus aliados occidentais á hora de observar a política rexional baixo perspectivas diferentes e inflexibles, determinadas polos parámetros xeopolíticos e de seguridade. Este aspecto resulta relevante debido a que dificulta a pretensión occidental de cara a influír decisivamente nas incertas transicións en países cun importante valor estratéxico, en especial no caso exipcio. 
          
Esta falta de previsión ante os acontecementos actuais e a ausencia de políticas alternativas intensifican unha posición de “dobre vara de medir” por parte de Washington e dos seus aliados á hora de interpretar o alcance dos cambios políticos no mundo árabe e islámico. A ambigüidade de EUA e Europa ante as caídas de Ben Alí e Mubarak contrasta notoriamente coa súa firme posición favorable a que estas protestas se reproduzan en países cunha posición tradicionalmente antioccidental, como son os casos de Irán, Libia ou Siria, afectando así seriamente aos seus respectivos réximes.

Paralelamente, Washington non atende nin alenta con igual entusiasmo as demandas de apertura e reformas democráticas en países aliados e estratéxicos como Arabia Saudita ou as monarquías petroleiras do Golfo Pérsico, unha postura que desacredita aínda mais a súa pretendida posición de erixirse como un actor de influencia dentro desta estela de cambios no mundo árabe.

b) Democracia para uns, continuísmo para outros

A revolución política que actualmente está observándose no mundo árabe, que levou á caída presidencial en Tunisia e Exipto, á actual inestabilidade en Libia, a un importante pulso político por reformas democráticas en Bahrein e á estela de protestas e mobilizacións noutros países como Iemen, Marrocos, Irán e Xordania, abre un escenario absolutamente inédito e inesperado para a política occidental, e particularmente estadounidense, nos asuntos do Magreb e de Oriente Próximo.

A ambigüidade da reacción occidental contradí as advertencias por parte de diversos centros de investigación occidentais sobre as posibilidades de explosión social e política no Magreb e no mundo árabe. En xuño de 2008, o Laboratorio Europeo de Anticipación Política (LEAP), un “think tank” independente, prognosticou que algúns réximes árabes prooccidentais atoparanse na deriva debido a que existía “un 60% de risco de explosión social e política no eixe Exipto-Marrocos”. Para finais de 2010, o “Failed States Index Magreb” da publicación estadounidense Foreign Policy, pertencente ao influínte centro Carnegie Endowment for International Peace, vaticinou que Exipto e Tunisia eran os dous países máis deslexitimados da zona, con alto risco de inestabilidade interna.

Pola súa banda, o semanario británico The Economist tamén auguraba a comezos de 2011 un elevado risco de inestabilidade en países como Iemen, Libia e Exipto. Os polémicos cables da diplomacia estadounidense revelados pola organización Wikileaks tamén dan conta de cómo Washington tramitaba información de alto nivel sobre os síntomas de descontento e posible inestabilidade no mundo árabe, en especial ante a corrupción das súas elites, a represión política e os efectos da crise económica global, con especial consideración ante o paulatino empobrecemento das súas clases medias profesionalmente cualificadas.

Coa turbulencia en pleno desenvolvemento en Tunisia e Exipto, EEUU, Europa e Israel manifestaron un expectante silencio que, no caso de Washington, foi traducíndose nunha paulatina implicación a fin de influír nas súas respectivas transicións. Non obstante, a caída de Mubarak e a incerta transición dun peón estratéxico como Exipto, considerado tras Israel o segundo maior receptor internacional de axuda financeira e militar de EUA, con US$ 1.000 millóns anuais, persuadiu a Washington para fomentar as súas expectativas de reproducir estas mobilizacións populares noutros contextos de igual interese estratéxico pero determinado por réximes incómodos para os seus intereses, como son os casos de Irán, Libia ou Siria.

Deste modo, e seguindo o exemplo tunecino e exipcio, a reactivación das protestas e mobilizacións populares en Teherán deron paso á falta de prudencia estadounidense (co presumible beneplácito israelí e europeo) no cometido de demandar a caída do réxime iraniano e, particularmente, do seu presidente Mahmud Ahmadíneyad, complicando así as perspectivas de recomezar as negociacións entre Teherán e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) sobre o programa nuclear iraniano.

No caso israelí, o seu silencio ante o que actualmente sucede no mundo árabe confirma unha política de ausencia de previsión e alternativas viables que intensifica a tensa expectación dos acontecementos. A caída de Mubarak e o espectro de inestabilidade na veciña Xordania suporían igualmente importantes reveses estratéxicos para Tel Aviv, por constituír ambos os únicos países árabes que recoñecen a Israel. Ao mesmo tempo, o goberno dereitista de Benjamín Netanyahu permanece expectante ante a eventualidade dunha reprodución da rebelión popular en países tradicionalmente inimigos como Libia, Siria e Irán.

EUA e Europa evitan alentar esta “expansión democrática” do mundo árabe cara aliados enerxéticos e xeopolíticos como as monarquías petroleiras do Golfo Pérsico, neste caso Arabia Saudita, Catar, Emiratos Árabes Unidos e Kuwait. Con diferenzas en cada un destes escenarios, o ascenso de movementos islamitas e partidos de oposición nestes países determinan a posibilidade de reproducirse neles os exemplos tunecino e exipcio. Por tanto, a política occidental segue a configurarse en torno a imperativos de defensa e seguridade: con Libia camiño da inestabilidade, o primeiro ministro británico David Cameron realizou unha xira por Oriente Próximo e o Golfo Pérsico cunha comitiva de forte peso das empresas de armamentos.

Contrario ao que defende para Irán, Siria ou Libia, Occidente pasa por alto as demandas populares de propiciar aperturas e reformas democráticas no Golfo Pérsico, probablemente á espera do que suceda en Bahrein, cuxa irradiación de demandas democráticas pode espallarse no contexto rexional, alterando a correlación de forzas e os intereses e resortes de poder occidentais.

c) O temor ao islamismo

Ao mesmo tempo, Occidente recea do verdadeiro impacto e peso que poidan ter os movementos e partidos islamitas no actual curso das revolucións populares árabes. De novo, imponse a preocupación cara Exipto, en especial polo ascenso do islamitas Irmáns Musulmáns, un exemplo que pode influír en Tunisia, Alxeria, Marrocos e o Golfo Pérsico, con presenza de núcleos islamitas radicais, algúns deles pertencentes á rede de Al Qaida e do “yihadismo salafista”.

Esta perspectiva dunha radicalización islamita, non exactamente verídica nun contexto global do mundo árabe, potencia a pretensión occidental por fomentar no Magreb e Oriente Próximo a hipotética viabilidade do modelo turco de “islamismo moderado” personificado no Partido para a Xustiza e o Desenvolvemento (AKP). Pero con ou sen implicación islamita, as transicións das revolucións populares árabes poden igualmente presentar un escenario de “antioccidentalización” dende diversos sectores sociais, ante a identificación de EUA e os seus aliados occidentais cos réximes autocráticos árabes.

A actual crise en Libia tamén revela esta dobre vara de medir occidental. A inmediata reacción estadounidense e europea denunciando a brutal represión por parte do réxime de Muammar al Gadafi contrasta cun notorio desconcerto e temor ante a inestabilidade dun importante socio petroleiro e de gas natural, tendo en conta que Libia produce 1,5 millóns de barrís diarios de cru.

Occidente teme que os acontecementos libios afecten seriamente a apertura petroleira cara as multinacionais estranxeiras propiciada por Gadafi a partir de 2004, unha vez EUA, Europa e a ONU levantaron as sancións internacionais contra Libia polo atentado terrorista de Lockerbie (Escocia) de 1986. Os curtes de subministro petroleiro e de gas natural cara Europa e a actual inestabilidade política en Libia son factores que repercuten directamente no mercado petroleiro, cun barril cotizado á alza en torno aos US$ 110.

Este temor occidental increméntase ante a eventualidade dunha vaga de inmigración ilegal do Magreb ás costas mediterráneas europeas, así como dun posible avance do islamismo político nunha hipotética Libia post-Gadafi.

d) Está Occidente perdendo ao mundo islámico?

Independentemente do curso e alcance dos cambios políticos no mundo árabe, Washington tenta equilibrar ao seu favor esta vaga de rebelións con escenarios  incertos a futuro, redeseñando unha política que reconfigure un novo contexto xeopolítico dende o Magreb ata o Golfo Pérsico.  

Pero esta perspectiva complícase ante os cambios de orientación xeopolítica neste rexión, que alteran sensiblemente a preponderancia dos intereses occidentais. O mundo árabe e islámico comeza apostar por unha política máis multipolar e multilateral, matizada co ascenso de potencias autóctonas (Turquía e Irán) e a implicación doutros actores externos (Brasil, Venezuela, China e Rusia), que permitiron diminuír o illamento occidental cara países como Siria ou incluso a propia Libia. Esta orientación multipolar concrétase ante a formación, a partir de 2007, do Foro América do Sur e Países Árabes (ASPA).

Esta visión multipolar no mundo árabe e islámico non só resta marxe de manobra á preponderancia occidental senón que ilustra un escenario sumamente difícil para Washington á hora de erixirse como o baluarte dos cambios políticos e hipoteticamente democráticos que actualmente acontecen no mundo árabe, principalmente porque o sentimento antioccidental e antiestadounidense segue palpable nas sociedades árabes ante o seu tradicional e irrestrito apoio a ditaduras como as de Ben Alí, Mubarak e as monarquías petroleiras.

Deste modo, a ausencia dun pensamento estratéxico plural e de alternativas viables de cara ao que está sucedendo no mundo árabe e islámico traducirá a interpretación dunha nova xeometría de poder no Magreb e Oriente Próximo, con consecuencias probablemente inesperadas para EUA e os seus aliados occidentais.

IGADI, 1 de marzo de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº60277.6 KB

IgadiPaper nº61

Xapón: Fukushima e a reformulación da estratexia nuclear global

a) Introdución

A persistencia dunha fuga radioactiva na central nuclear de Fukushima, tras o terremoto de 9 graos na escala Richter que azoutou Xapón o pasado 11 de marzo, así como as tensións no mercado enerxético internacional ante a crise en Libia, inseriu subitamente na axenda pública a discusión sobre a viabilidade e os riscos da enerxía nuclear como fonte de subministro enerxético futuro.

Os efectos do terremoto en Fukushima, localizada a 250 km da capital Tokio, retrotrae a alarma mundial suscitada pola radiación e o perigo de escapes nucleares xurdidos a consecuencia do accidente na central ucraína de Chernobyl en 1986, entón na Ucraína soviética, un aspecto que recobra importancia precisamente agora que en abril próximo se cumprirán 25 anos desta catástrofe. Segundo datos da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), organismo dependente da ONU, Xapón é o terceiro país con maiores centrais nucleares, tras EEUU e Francia.

O temor ao impacto da radiación da central de Fukushima está provocando a aplicación de medidas urxentes por parte doutros países que contan con centrais nucleares. A chanceler alemana Ánxela Merkel anunciou o peche por tres meses de sete das súas 17 centrais nucleares con 30 anos de antigüidade. Tanto o primeiro ministro xaponés Naoto Kan como o responsable francés de Exteriores, Alain Juppé, advertiron que o perigo nuclear por Fukushima resulta “extremadamente elevado”.

Pola súa banda, o presidente ruso Dmtri Medveded tamén considerou a revisión da política nuclear e enerxética rusa mentres China anunciou a suspensión do proceso de aprobación de novas plantas nucleares. A Unión Europea tamén anunciou “probas de resistencia” cara as súas 143 centrais nucleares, a fin de comprobar a súa seguridade. Os gobernos de Brasil, Arxentina e México, únicos países latinoamericanos con reactores nucleares, reconsiderarán a súa estratexia nuclear, e o mandatario venezolano Hugo Chávez anunciou que suspendería temporalmente o desenvolvemento do seu programa atómico.

O accidente nuclear de Fukushima obrigará a unha mesurada reformulación da estratexia nuclear global, en especial ante a súa utilización como subministro enerxético, así como no relativo ao equilibro e a proliferación atómica, un tema especialmente preocupante ante crises abertas na península coreana, Irán, India e Paquistán. Por outra banda, os movementos sociais contrarios ao desenvolvemento da enerxía nuclear intensificarán as súas demandas, advertindo dos prexudiciais efectos ecolóxicos, políticos, sanitarios e sociais emanados do escape de radiación da central de Fukushima.

b) Cal é o alcance da crise nuclear

Mentres as autoridades xaponesas loitan por disipar os efectos radioactivos da fuga na central atómica de Fukushima, tentando arrefriar os seus reactores ante o cúmulo de explosións ocorridas nos últimos días, diversas perspectivas se abordan sobre o alcance real deste accidente, o peor da historia contemporánea xaponesa desde o lanzamento das bombas atómicas por parte de EEUU sobre Hiroshima e Nagasaki en 1945.

A Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) asegurou que os efectos da crise nuclear suscitada pola súa radiación só terían unha repercusión estritamente local, mentres a Organización Mundial da Saúde (OMS) considerou que aínda son baixos os riscos para a saúde, indicando que non podía compararse co sucedido en Chernobyl.

Non obstante, e tralo decreto de emerxencia nuclear do pasado 11 de marzo a instancias do primeiro ministro xaponés Naoto Kan, diversos expertos sobre enerxía atómica estimaron como elevado o perigo da liberación á atmosfera dos gases radioactivos e a súa expansión rexional, principalmente no continente asiático.

Coa activación dun amplo e eficaz plan de continxencia despois do terremoto, que permitiu unha rápida reconstrución da rede de comunicacións de autovías e pontes para permitir unha mellor asistencia ás poboacións afectadas, o goberno xaponés precisou publicamente de axuda internacional unha vez se manifestara a crise nos reactores de Fukushima. O voceiro do goberno xaponés, Yukio Edano, pediu a cooperación, incluso militar, de Corea do Sur e EEUU, tanto para as labores de axuda humanitaria como de prevención da fuga radioactiva.

Sen embargo, e a pesar da rapidez e eficacia da axuda humanitaria, diversos sectores da opinión pública xaponesa critican a falta de transparencia informativa do goberno de Kan e, incluso, da Empresa de Electricidade de Tokio (TEPCO), responsable da seguridade da planta de Fukushima, sobre a veracidade do alcance real da fuga radioactiva. A pesar das urxentes medidas de emerxencia para evitar unha fusión nuclear no reactor que tería consecuencias catastróficas, a sensación da opinión pública xaponesa e, incluso, internacional, interpreta que o accidente de Fukushima está case absolutamente fora de control para o goberno xaponés.

Outra das maiores preocupacións se focaliza no impacto que terá este desastre nuclear na economía e nas finanzas globais. Xapón é actualmente a terceira economía mundial, tras EEUU e China, e experimentou unha lixeira recuperación económica nos últimos meses, tras anos de recesión. O seu sistema financeiro e crediticio está valorado entre os mais importantes, así como a fortaleza de sectores como o automotriz, o I+D+i e as novas tecnoloxías.

A fin de paliar os efectos económicos da catástrofe natural, o Banco Central de Xapón anunciou unha inxección de US$ 700.000 millóns para reactivar a súa economía, e tamén para manter o seu importante sistema crediticio. Pero o problema estriba en que a débeda pública soberana xaponesa equivale aproximadamente ao 200% do seu PIB, mentres Tokio constitúe o segundo acredor de bonos estadounidenses, valorados en US$ 900.000 millóns. Financiar a súa reconstrución trala catástrofe con estes bonos tería un forte impacto inflacionario que complicaría a Washington o financiamento do seu elevado déficit.  

c) Remodelando o mapa nuclear mundial

Segundo datos da AIEA, a nivel global existen 442 reactores nucleares operativos repartidos en 29 países. EEUU lidera esta lista con 104 reactores, seguido de Francia (58), Xapón (54), Rusia (32), Corea do Sur (21), India (20), Reino Unido (19), Canadá (18), Alemaña (17), Ucraína (15) e China (13). Países como Francia son case absolutamente dependentes da enerxía nuclear, tendo en conta que o 75% da electricidade que consume provén dos seus reactores nucleares.

Pola súa banda, España ocupa a 13º posición con oito reactores, mentres outros países con importante peso estratéxico, como Paquistán, Sudáfrica, Brasil ou Arxentina, posúen dous reactores cada un. Noutros contextos, Irán está inmerso nun prolongado pulso coa AIEA polo desenvolvemento do seu programa nuclear, con apoio ruso e chinés. Desde 2007, Corea do Norte iniciou un proceso de desmantelamento do seu principal reactor nuclear, baixo supervisión da AIEA, pero foi suspendido ante a persistencia de diversas crises na península coreana.

O accidente da central de Fukushima repercutirá notoriamente nas decisións que se adopten con respecto ao proceso de ampliación de novas centrais atómicas, así como da proliferación nuclear nos próximos anos. Segundo a Asociación Mundial Nuclear (AMN), na actualidade están construíndose 60 novos reactores, que se estiman incrementar a 150 na próxima década e a 200 máis para o período 2020-2030. De forma oficial, se recoñecen a cinco potencias declaradas nucleares (EEUU, China, Francia, Gran Bretaña e Rusia), mentres que hai outras catro “non oficialmente declaradas” (Corea do Norte, India, Paquistán e Israel).

Aínda que suspendeu a aprobación de novas centrais nucleares e a revisión dos estándares de seguridade das actuais, China está construíndo 10 reactores e planea outros 30 a longo prazo. Pola súa banda, a India aspira a construír 20 máis na próxima década e Rusia prevé duplicar a súa actual capacidade de reactores para os próximos 10 anos. Incluso, en plena crise pola central de Fukushima, Rusia e Bielorrusia asinaron un convenio para construír unha planta nuclear. Outros países en desenvolvemento, como Nixeria, Bangladesh ou Vietnam, están impulsando a idea de desenvolver os seus propios programas nucleares.

No contexto latinoamericano, Brasil, Arxentina e México tamén estudan ampliar a súa actual capacidade mentres outros países como Chile e Venezuela ansían desenvolver os seus propios programas, implicando a EEUU e Rusia respectivamente, pero que tralo accidente de Fukushima vense momentaneamente paralizados. O caso chileno é significativo por ser, como Xapón, un país sísmico con problemas de subministro enerxético.

No plano político, as repercusións do accidente de Fukushima intensificarán igualmente o pulso entre os gobernos e as empresas interesadas en desenvolver a enerxía nuclear, por considerala máis económica e ecoloxicamente segura, e os movementos e grupos ambientais a nivel global, que consideran os reactores nucleares como fontes de enerxía sucia e perigosa.

Este pulso reabrirá o debate sobre o futuro enerxético mundial, en especial ante os vaivéns do mercado petroleiro, o fomento dunha conciencia ecolóxica, a viabilidade doutras formas de subministro enerxético máis custosas como a eólica, e a implicación de gobernos e empresas por afianzar os seus intereses enerxéticos, independentemente do custe ambiental, social e incluso político.

Pero no fondo está o debate sobre a necesidade e os riscos da enerxía nuclear e sobre o mapa do equilibrio atómico no mundo. En EEUU, o accidente de Fukushima está dando curso a unha forte polémica política entre o gobernante Partido Demócrata e o opositor Partido Republicano, que pode alterar o tácito pacto político entre ambos partidos no Congreso dos Representantes estadounidense.

Washington comeza a observar con preocupación a posibilidade de sufrir un accidente nuclear similar ao de Fukushima, principalmente porque 35 dos seus 104 reactores nucleares están localizados en zoas xeográficas sísmicas e posúen sistemas de seguridade similares ao do reactor xaponés. Coa mirada centrada na posibilidade dunha expansión da onda radioactiva da planta de Fukushima, Beijing anunciou a suspensión do proceso de aprobación de novas centrais nucleares, a fin de someter a revisión os estándares de seguridade das súas 13 plantas nucleares actuais.

IGADI, 21 de marzo de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº61273.23 KB

IgadiPaper nº62

Perspectivas tralo VI Congreso do Partido Comunista de Cuba

a) Introdución

A recente celebración do VI Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC), realizado entre o 16 e 19 abril de 2011, marcará o futuro do acontecer político e económico da illa caribeña. Tras o último congreso do PCC celebrado en 1997, onde se institucionalizou a sucesión política a favor do actual presidente Raúl Castro, (certificada oficialmente despois da renuncia do seu irmán Fidel en xullo de 2006 e coa posterior elección presidencial de Raúl en febreiro de 2008 por parte da Asemblea Nacional do Poder Popular), o contexto actual sinala varias expectativas sobre a posibilidade de reformas políticas e económicas en Cuba aínda que, polo momento, sen notorio relevo político e xeracional.

Este Congreso do PCC certificou a necesidade de aplicar unha serie de reformas e aperturas no eido económico recollidas anteriormente no “Proxecto de Liñas da Política Económica e Social”, aprobado en setembro de 2010, e que autoriza o emprego “por conta propia”. Ao mesmo tempo, estas reformas están enmarcadas no recorte de 500.000 empregos estatais (un 20% da forza laboral cubana) iniciado en marzo pasado e que paulatinamente vense prorrogando por tempo indefinido. Cunha notable presenza de tecnócratas, o goberno de Raúl Castro acordou igualmente axilizar a recadación tributaria, a fin de dotar ao Estado de maior liquidez financeira.

Non obstante, á vista da composición do actual Comité Central do PCC, este congreso desestimou como prioridade as expectativas xeradas en torno á posibilidade dun cambio xeracional que propicie eventuais reformas políticas. Dentro do “momento crucial” para “garantir a supervivencia do sistema socialista” definido polo presidente Raúl Castro durante este congreso, a perspectiva básica céntrase en asegurar a viabilidade institucional e política ante a desaparición física dos principais líderes históricos da revolución cubana. Pero, a medio e longo prazo, a dinámica e preponderancia das reformas económicas moi probablemente premerá por unha necesaria apertura política, con novas caras nos cadros dirixentes do PCC e da estrutura estatal.

b) Apertura económica sen relevo político

O indiscutible peso político do presidente Raúl Castro (79 anos) confirmouse no recentemente celebrado VI Congreso do PCC, onde o actual mandatario cubano impulsou o seu proxecto de reformas económicas coa finalidade de modernizar o aparentemente anquilosado modelo socialista da illa caribeña.

Deste modo, este VI Congreso do PCC, que reuniu a 1.000 delegados a nivel nacional, acreditou o discurso recollido no “Proxecto de Liñas da Política Económica e Social” establecido polo actual goberno cubano en setembro de 2010. No mesmo se establece a posibilidade de dar curso a actividades económicas “por conta propia”, concedéndose 170.000 permisos para empregos privados que poderán ser ampliados proximamente a outras 250.000 licenzas. Este proxecto foi sometido a un intenso debate popular a nivel nacional, no que participaron, segundo fontes oficiais, máis de 7 millóns de cubanos a través de demandas, propostas e suxestións que, segundo as mesmas fontes, permitiron a reforma de dous terzos dos 291 parágrafos inicialmente contidos neste programa.

Este proceso ven precedido polo recorte burocrático estatal, a través da supresión de 500.000 empregos públicos, dos que o goberno cubano espera absorber unhas 200.000 persoas a través de cooperativas que se crearán con empresas operadas polo Estado. Igualmente, o goberno cubano concedeu unha serie de empréstitos bancarios para os novos “pequenos empresarios”, incluso outorgando a posibilidade de que os mesmos poidan vender os seus produtos ao Estado.

Por tanto, o VI Congreso do PCC apostou pola necesidade de dar curso a unha inédita reforma de mercado dentro do modelo socialista cubano instaurado desde 1959, incluso retrotraendo o breve lapso de apertura económica tralo “período especial de crise” de comezos da década de 1990, unha vez desaparecera a ex URSS. No marco deste congreso, Raúl definiu o actual momento como o de “actualización”, de “rectificación de erros” e de “cambios estruturais de concepto” dentro do modelo económico socialista, concibindo a “batalla económica” como “centro de traballo ideolóxico” para os 700.000 afiliados ao PCC e á Unión de Mozos Comunistas (UMC), dos que dependerá a “sostibilidade e preservación” do socialismo cubano.

Pero esta preponderancia na paulatina apertura económica desprazou considerablemente calquera iniciativa de renovación dentro dos máximos órganos de dirección, incluíndo os 15 altos cargos do Buró Político do Comité Central do PCC, especialmente a través do relevo xeracional da “vella garda” revolucionaria. Deste modo, Raúl substituíu ao seu irmán Fidel Castro (84 anos) como primeiro secretario do PCC, mentres o actual primeiro vicepresidente do goberno, José Ramón Machado Ventura (80 anos) relevou a Raúl no posto de segundo secretario do PCC.

Este congreso afianzou o poder da “vella garda revolucionaria” e do aparato militar do Estado, confirmando nos seus altos cargos a Ramiro Valdés Menéndez (78 anos), Comandante da Revolución e vicepresidente dos Consellos de Estado e de Ministros;Alberto Colomé Ibarra (71 anos), Xeneral de Corpo do Exército, ministro do Interior e vicepresidente do Consello de Estado; e Julio Casas Regueiro (75 anos), Xeneral de Corpo do Exército, vicepresidente do Consello de Estado e ministro das Forzas Armadas Revolucionarias (FAR). Igualmente, resalta a continuidade de Ricardo Alarcón de Quesada (73 anos), actual presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular.

Os únicos cargos nos que se manifestaron certo nivel de renovación política e xeracional foron os casos de Miguel Díaz-Canel Bermúdez (50 anos), actual ministro de Educación Superior; e Marino Murillo Jorge (51 anos), actual vicepresidente do Consello de Ministros e Xefe da Comisión Permanente para a Implementación e o Desenvolvemento. Non obstante, no discurso de clausura deste congreso, o presidente Raúl Castro asegurou que posiblemente novas caras formarán parte do Comité Central do PCC a partir do 2012, cando o partido gobernante volva a realizar unha importante reunión a nivel nacional.

Diversos analistas especularon con que o principal perdedor, á vista da composición do actual Comité Central do PCC, foi Abel Prieto (62 anos), actual ministro de Cultura e un dos mais prominentes representantes da denominada “batalla polas ideas” instaurada desde 1999. Considerado un político moi popular entre a mocidade cubana, especialmente tendo en conta o seu estilo crítico, informal e xuvenil, moitos esperaban que Prieto escalara posicións dentro do PCC.

Non obstante, compre considerar algunhas medidas adoptadas neste congreso, como o de limitar a dous períodos consecutivos a titularidade dos cargos de maior relevancia así como establecer a posibilidade de realizar os congresos do PCC cada cinco anos, polo que o próximo estaría inicialmente previsto para 2016. Entre outras das 300 medidas adoptadas neste congreso, imponse tamén a proposta de legalizar a venda de propiedades privadas, un aspecto que reduciría sensiblemente o enorme peso do sector estatal no ámbito inmobiliario.

c) Qué modelo tralo congreso

Dende unha perspectiva política, e a pesar do seu carácter histórico, poucos cambios se esperaban deste VI Congreso do PCC no eido da renovación da estrutura política cubana, aínda que a preponderancia da apertura económica privada constitúe un factor inédito que alterará sensiblemente a estrutura socioeconómica cubana.

Oficializadas as reformas económicas a través do principal organismo dirixente do país, compre ponderar qué escenarios se presentan a medio prazo en Cuba. En primeiro lugar, os alcances e efectos a nivel social da aplicación de  iniciativas privadas na estrutura económica cubana. Segundo un informe de abril de 2011 do ministerio de Traballo cubano, actualmente existen un total de 301.033 traballadores inscritos “por conta propia” para as 178 actividades autorizadas para exercer de forma autónoma que, en gran medida, constitúen oficios propios de pequena empresa, como vendedores ambulantes, perruqueiros, etc.

Nun panorama de recesión económica, a limitada apertura privada permitiría un maior nivel lucrativo para as familias cubanas, así como unha importante recadación tributaria para o Estado cubano. Non obstante, diversos cubanos cun elevado perfil universitario e profesional observan complicacións para inserirse neste novo mercado de traballo: entre 1996 e 2008 graduáronse en Cuba un total de 350.398 universitarios, cuxas perspectivas para integrarse neste novo mercado se reducen ante os recortes burocráticos.

Estas medidas deberán pulsar o seu impacto ante outros decretos e regulamentos económicos que eventualmente poden adoptarse a medio e longo prazo, tales como a adopción do dólar como moeda corrente, eliminando o actual sistema de dualidade cambiaria que propicia un prolífico “mercado negro”; a eliminación gradual de subsidios estatais como a cartilla de racionamento; ou a posibilidade de privatización no rural cubano, permitindo maiores investimentos estranxeiros en materia tecnolóxica, que se ampliarían ante o beneplácito do goberno cubano para recibir investimentos foráneos nos sectores turístico, petroleiro e das industrias exportadoras estratéxicas, como a biotecnoloxía e o níquel. Neste apartado, o presidente Raúl Castro deberá cotexar en qué medida pode adaptarse en Cuba a súa aparentemente pretendida preferencia polos modelos chinés e vietnamita, que propician unha apertura económica privada cun Estado como principal actor económico.

A viabilidade destas reformas dentro do modelo socialista intensificarán, igualmente, a necesidade da Habana de ampliar os seus eidos de inserción no contexto rexional e internacional que, paulatinamente, diminúan o illamento hemisférico propiciado dende Washington. Deste modo, países como China, Brasil e Venezuela, este último a través do eixe da Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), cumpren un factor esencial para ampliar estas marxes de apertura exterior para Cuba.

Non obstante, o aspecto principal segue a estar centrado na evolución das relacións entre Cuba e EEUU, principalmente ante o actual escenario político en Washington cun Congreso dominado polo Partido Republicano e de cara á posibilidade de reelección en 2012 do actual presidente demócrata Barack Obama. Pouco antes da celebración do VI Congreso do PCC, o ex presidente estadounidense Jimmy Carter visitou Cuba, nun momento de tensión entre La Habana e Washington polo xuízo contra o contratista estadounidense Alan Gross, detido en Cuba en 2009 tras ser acusado polas autoridades cubanas de presuntos “delictos contra a seguridade do Estado” a través da distribución ilegal de equipos de comunicación satelital baixo o paraugas da Axencia Estadounidense para o Desenvolvemento Internacional (USAID).

Os tímidos esforzos de achegamento entre Cuba e EEUU baixo os gobernos de Raúl Castro e Obama influirán igualmente na mediación da Igrexa católica cubana ante a liberación de disidentes políticos na illa, a implicación da Unión Europea na transición cubana e a posible intensificación de demandas de apertura política, impulsadas a través da ampliación dun intenso debate popular fortalecido pola apertura económica adoptada desde finais de 2010.

Segundo o artigo 5º da Constitución cubana de 1976, o PCC constitúe “a forza dirixente superior da Sociedade e do Estado, que organiza e orienta os esforzos comúns cara os altos fins da construción do socialismo e o avance cara a sociedade comunista”. Compre observar se, dentro da perspectiva de “actualización” e “rectificación de erros” do modelo socialista estipulada polo presidente Raúl Castro, o recen celebrado VI Congreso do PCC permitirá abrir unha nova etapa para a illa caribeña. En todo caso, o reforzamento político da “vella garda revolucionaria” dentro das máis elevadas instancias do PCC aparca momentaneamente a perspectiva do “postcastrismo” e do relevo xeracional en Cuba, afirmando certa sensación de parálise contida e expectación.

IGADI, 27 de abril de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº62276.35 KB

IgadiPaper nº63

Escocia: independencia en tempos de crise?

a) Introdución

As eleccións municipais celebradas o pasado 5 de maio en Gran Bretaña e autonómicas en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, abriron un novo panorama político que, no caso escocés, suxire importantes cambios políticos.

Foi precisamente en Escocia onde se traduciu o maior impacto destas eleccións. O ata agora partido gobernante en minoría en Edimburgo, o nacionalista Scottish National Party (SNP), liderado por Alex Salmond, obtivo unha inesperada e histórica maioría absoluta que lle permitirá gobernar en solitario no período 2011-2015. Dun total de 129 escanos no Parlamento de Holyrood en Edimburgo, o SNP obtivo 69, ampliando en 23 os alcanzados nas eleccións de 2007. Por contra, a maior derrota electoral correu a mans do Partido Liberal-Demócrata, que perdeu 12 dos seus 17 escanos en Holyrood, así como o Partido Laborista, que quedou como segunda forza con 37 asentos, 7 menos ca nos comicios precedentes. Pola súa banda, os conservadores perderon cinco escanos, quedando con 15 representantes parlamentarios.

Deste modo, o SNP logrou un importante triunfo electoral que revitaliza con maior forza, as súas demandas de autogoberno con respecto a Londres, principalmente orientadas á eventual celebración dun referendo independentista en Escocia. Abordando este envite electoral en clave local, o SNP logrou situar estas eleccións fóra da marxe de influencia de Londres, en detrimento das opcións laboristas e dos conservadores británicos, os cales recibiron un severo correctivo electoral e político.

O triunfo do SNP suxire tamén unha contundente resposta aos recortes do estado do benestar manifestados no mantemento da política neoliberal aplicada desde Londres polo actual primeiro ministro conservador David Cameron, claramente identificada cos tempos da ex primeira ministra Margaret Thatcher (1979-1990). Unha resposta que tamén afectou electoralmente ao seu socio gobernamental, o partido Liberal-Demócrata. Deste modo, en tempos de crise económica, a alternativa política do SNP potenciará o seu proxecto de referendo independentista, moi probablemente a celebrarse na segunda metade do seu próximo mandato, após 2013.

b) A hora do SNP

Independentemente do fracaso electoral do laborismo, dos conservadores e dos liberal-demócratas, a contundente vitoria electoral do Scottish National Party (SNP), alcanzando a maioría absoluta nas eleccións autonómicas escocesas celebradas o pasado 5 de maio, consolida a esta formación como a principal forza política e electoral en Escocia, dando a entender un proceso de madurez política traducido nunha imaxe de seriedade e capacidade de xestión administrativa, anteriormente acreditada durante o seu mandato no período 2007-2011, cando gobernou en minoría.

 Así, neste novo período de goberno ata o 2015, o SNP, co seu primeiro ministro Alex Salmond, intensificará as demandas cara Londres dun maior autogoberno, expostas tralo proceso de Devolución iniciado en 1997 e que deron paso, dous anos despois, á celebración das primeiras eleccións autonómicas ao Parlamento escocés. Nas eleccións de 2011, o SNP logrou superar a intención de voto inicialmente favorable aos laboristas e, incluso, practicamente monopolizar o voto do terzo de indecisos que as principais enquisas estimaban de cara a estes comicios autonómicos.

Por tanto, neste novo período 2011-2015, o SNP poderá ampliar diversos aspectos primordiais do seu programa político, como a defensa do idioma gaélico, en contra da imposición histórica do inglés, así como do acervo cultural, universitario e industrial escocés. Paralelamente, o programa do SNP implica a defensa doutros intereses escoceses, especialmente en materia enerxética, de seguridade e política exterior, tales como a reivindicación de controlar financeira e economicamente os beneficios do petróleo situado en augas escocesas no Mar do Norte, o rexeitamento da presenza dos submarinos nucleares británicos nas costas escocesas e, incluso, a discusión sobre o mantemento de Escocia dentro de organismos internacionais como a OTAN e a Unión Europea.

Non obstante, Salmond e o SNP exhiben unha posición igualmente pragmática no que atinxe ás competencias de autogoberno para Escocia. A súa idea de independencia pasa por controlar a execución de todas as competencias gobernamentais e os recursos económicos escoceses, pero aínda manténdose baixo a autoridade estatal da monarca británica Isabel II.

No seu próximo período, a axenda de Salmond e o SNP barallarán as diferentes opcións para celebrar a consulta independentista, sen descoidar a busca de mecanismos de solución á crise económica. Durante a campaña electoral, anunciou a conxelación dos impostos municipais ata 2016 e unha reforma do sistema enerxético escocés, coa finalidade de potenciar o consumo de enerxías renovables na próxima década.

No caso do referendo sobre a independencia, que o SNP non conseguiu levar adiante durante a anterior lexislatura pola súa condición de goberno en minoría, cabe sinalar que nesta oportunidade o SNP dispón dos mecanismos parlamentarios suficientes para levalo a cabo, con toda probabilidade na segunda metade deste mandato, a partir do 2013. Amparado na súa maioría electoral, o SNP espera tamén gañar os apoios necesarios a través de Margo MacDonald, líder dos independentes ex-SNP, así como cos dous escanos parlamentarios dos ecoloxistas dos Verdes, como mínimo.

Non obstante, a limitación de poderes do Parlamento escocés con respecto a Londres será un factor primordial a tomar en conta polo SNP, en especial no relativo á aprobación de emendas constitucionais relativas á Acta de Unión de Escocia e Inglaterra de 1707, así como en aspectos chave deste Tratado de Unión que non poderán ser emendados polo Parlamento de Holyrood. No documento de proposta de referendo de independencia elaborado polo SNP en xaneiro de 2010 estipúlanse dúas opcións: unha maior amplitude da “devolución” de poderes iniciada en 1999; ou ben considerar se esta “devolución de poderes” poderá alargarse ata conseguir a independencia de Londres.

c) Castigo a liberais e conservadores

Por contra, e ante o acerto do SNP de encarar estes comicios autonómicos en clave “plenamente escocesa” e non británica, esta sempre tendente a favorecer os intereses de Londres, os auténticos perdedores destas eleccións escocesas foron o Partido Conservador de David Cameron, actualmente gobernante na capital londinese pero practicamente “marxinado” no contexto político escocés.  Igualmente, os seus socios de goberno en Londres, os liberal-demócratas liderados por Neil Clegg, recibiron un forte golpe electoral que, potencialmente, obrigaranlles a reformular o seu programa e as súas alianzas políticas como socios de Cameron.

Nestas eleccións, os liberal-demócratas manifestaron un marcado “divorcio” entre a súa cúpula e as bases, moi probablemente mais viradas cara a esquerda, en aberta oposición ao programa económico neoliberal e de recortes sociais defendido por Cameron, de marcada inspiración “thatcherista”. O fracaso liberal supuxo o seu peor resultado electoral dende a súa fundación en 1980, coa perda de 600 concelleiros nos comicios municipais en Inglaterra, así como de 13 parlamentarios nas eleccións autonómicas de Escocia e un en Gales. Particularmente notoria foi a perda de circunscricións electorais tradicionalmente votantes dos liberais, como a inglesa Sheffield, onde Clegg é representante parlamentario. Noutros enclaves, como Bristol ou Hull, practicamente desapareceron do mapa político.

Este apoio dos liberal-demócratas aos conservadores, en especial no caso das controvertidas reformas educativa e sanitaria impulsadas por Clegg, pasáronlle unha forte factura electoral. Cabe sinalar que estas reformas foron rexeitadas tras unha consulta interna ás bases deste partido. Paralelamente, o fracaso liberal foi máis acentuado no caso da súa pretendida reforma do sistema electoral para adecualo a un sistema máis representativo, unha proposta firmemente impulsada por Clegg e que foi sometida a votación nestas eleccións: un cómputo global de 68,6% dos votos en Escocia, Gales, Inglaterra e Irlanda do Norte, rexeitaron esta reforma electoral, o cal practicamente sepulta esta proposta a curto e medio prazo.

No caso do laborismo, liderado dende Londres por Ed Miliband e que actualmente constitúe a única alternativa de goberno ao SNP en Escocia, obtén neste territorio o seu peor resultado desde a Devolución de poderes en 1999, un proceso político do que os propios laboristas amosaron pouca confianza durante a súa campaña electoral,  apostando por un discurso elaborado en clave “británica”, con claras pretensións de orientalo a un eventual retorno ao poder en Londres. Deste modo, o laborismo fracasou estrepitosamente á hora de axitar a pantasma do medo escocés ao conservadorismo e, incluso, ao independentismo, un aspecto que probablemente supuxo un estímulo para votar ao SNP.

Non obstante, no contexto das eleccións municipais inglesas, o laborismo logrou recuperar distritos anteriormente perdidos, principalmente polo rexeite popular ante o apoio do ex primeiro ministro laborista Tony Blair ás guerras en Iraq e Afganistán. Minimizando a derrota laborista en Escocia, Miliband logrou imprimir un discurso de “resurrección” do laborismo en Inglaterra, probablemente mobilizado pola crise económica. Diversas sondaxes consideran que a repartición de poderes tras as eleccións municipais británicas amosa certa recuperación dos laboristas, os cales alcanzaron un 37% dos votos, dez puntos porcentuais máis ca nas eleccións xerais de 2010. Pola súa banda, o Partido Conservador mantén un 35% dos votos nas municipais, mentres os seus socios liberal-demócratas caerían ata o 15% dos votos.

A clave económica constituíu claramente un factor primordial á hora de explicar o contundente triunfo electoral do SNP. A progresiva política de recortes sociais iniciada desde 2009 por parte da coalición conservadora e liberal-demócrata gobernante en Londres, instadas polo discurso da crise económica e das recomendacións das autoridades económicas e financeiras internacionais e a Unión Europea, terá unha forte oposición por parte do SNP en Escocia, oposición que pode viabilizar socialmente a súa demanda independentista como alternativa política eficaz para remontar a crise económica.

d) Coalicións en Gales e Irlanda do Norte

Consolidado o SNP en Escocia, outros escenarios políticos e electorais se presentaron nos comicios autonómicos en Gales e Irlanda do Norte. No caso galés, os laboristas conservaron o seu goberno, alcanzando 30 escanos parlamentarios, aínda que un menos con respecto ás eleccións anteriores. Deste modo, o líder laborista galés, Carwyn Jones, salientou a necesidade de buscar aliados e socios de goberno en Cardiff.

Pola súa banda, o partido nacionalista galés, o Plaid Cymru, non logrou o mesmo éxito ca o seu similar escocés, perdendo catro escanos e quedando con 11 parlamentarios. Se ben os conservadores quedaron como a segunda forza política en Cardiff, con 14 parlamentarios, gañando dous escanos, o seu principal líder Nick Bourne non foi elixido. Mentres, os liberal-demócratas confirmaron o seu fracaso electoral, perdendo un escano para quedar con cinco parlamentarios. A líder dos liberais galeses, Kirsty Williams, manifestou o seu apoio a un goberno de coalición cos laboristas.

En Irlanda do Norte, e a pesar dun elevado abstencionismo estimado en torno ao 60%, os comicios autonómicos nos 18 distritos electorais evidenciaron a hexemonía política do unionista e protestante Partido Democrático Unionista (DUP), do actual primeiro ministroPeter Robinson con 28 deputados; e dos nacionalistas católicos do Sinn Fein, con 19 deputados, ambos socios no goberno da Asemblea Autónoma de Stormont en Belfast. Nalgúns importantes distritos electorais, o Sinn Fein incluso superou en número de votos e de escanos ao DUP.

IGADI, 12 de maio de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº63271.8 KB

IgadiPaper nº64

Perú: a hora de Ollanta Humala

a) Introdución

Por vez primeira na historia electoral peruana, un candidato vencedor na primeira volta volve a impoñerse no ballotage dunha segunda volta. Foi o caso do candidato Ollanta Humala Tasso (48 anos), da tolda política “Gana Perú”, quen co 51,18% dos votos venceu o pasado 5 de xuño a súa contrincante Keiko Fujimori Higuchi, do movemento “Fuerza 2011”, segundo datos oficiais da Oficina Nacional de Procesos Electorais (ONPE).

A pesar da estreiteza do resultado, o triunfo de Humala foi contundente nas rexións administrativas do Centro e da zona Sur peruanas, principalmente rurais e selváticas, mentres Keiko obtivo o seu triunfo no Norte do país e na capital Lima, de maior compoñente urbana. Deste modo, Perú apréstase a experimentar unha etapa de transformación política, cun presidente ideoloxicamente orientado cara o nacionalismo progresista e que xa estivo a piques de gañar a presidencia nunha segunda rolda electoral en 2006. Dende entón, Humala adoptou unha posición mais centrista, a fin de apuntalar a súa imaxe política.

Precisamente, a atención está centrada na definición do signo da transformación política de Perú con Humala de presidente, especialmente dentro do contexto xeopolítico que actualmente se vive en América do Sur. Cun pasado de apoio ao golpismo militar e acusado constantemente de recibir apoio financeiro e político do controvertido presidente venezolano Hugo Chávez, unha vez oficializado como candidato electoral, Humala orientou a súa posición cara o centroesquerda, dotándose de asesores electorais e políticos pertencentes ao Partido dos Traballadores (PT), actualmente gobernante en Brasil, principalmente por parte do seu ex presidente Lula da Silva.

Esta conversión política de Humala, quen recibiu apoio de numerosos movementos indixenistas, sindicais e de partidos da esquerda, deberá significarse de cara aos retos que esperan a Perú, o país con maior crecemento económico do último lustro en América Latina (con taxas lixeiramente inferiores ás de China), cunha bonanza que deberá encarar as diferenzas socioeconómicas, o combate á pobreza (calculada nun 35% da poboación) e as presións políticas de cara á privatización ou o control estatal dos recursos naturais. No período presidencial 2011-2016, Humala contará con maioría parlamentaria no Congreso peruano que lle permitirá concretar lexislativamente o seu programa de reformas, aínda que dentro dun escenario politicamente atomizado.

b) Entre Lula e Chávez

O próximo 28 de xullo, Ollanta Humala substituirá ao actual mandatario Alán García, o seu rival electoral nos comicios de 2006, como presidente da República de Perú para o período 2011-2016. Fundador do Partido Nacionalista de Perú (PNP), Humala conformou en 2010 a alianza electoral Gana Perú, conformada polo Partido Socialista, o Partido Comunista de Perú, o Partido Socialista Revolucionario, o Movemento Político Voz Socialista e movementos indixenistas, plataforma que finalmente levárono á presidencia na segunda rolda electoral celebrada o pasado 5 de xuño.

Coa súa vitoria nas eleccións máis polarizadas dos últimos anos no país andino, Humala podería alcanzar a maioría parlamentaria no unicameral Congreso peruano mercé ao apoio político que hipoteticamente obtería do ex candidato e ex presidente Alejandro Toledo, líder do partido Perú Posible. Trala primeira volta electoral celebrada o pasado 10 de abril, o movemento de Humala obtivo 47 dos 130 escanos do Congreso peruano, precisando 66 escanos para alcanzar a ansiada maioría parlamentaria. Unha maioría que podería outorgar o partido de Toledo, que alcanzou 21 deputados, e que poderían darlle o apoio a Humala con 68 deputados en total.

Deste modo, Humala apréstase a gobernar con certa comodidade pero dentro dun marco politicamente atomizado, onde os tradicionais partidos políticos peruanos, como o actualmente gobernante, a Alianza Popular Revolucionaria Americana (APRA) de Alan García, víronse abertamente superados por novas forzas e liderados políticos. Con 37 escanos, a súa rival Keiko Fujimori, abandeirada do movemento Fuerza 2011 que reúne a maior parte dos apoios políticos do denominado “fujimorismo”, tentará impulsar unha forte oposición ás reformas de Humala, moi probablemente contando co apoio doutros partidos políticos con representación parlamentaria pero derrotados na primeira volta, como é o caso do ex ministro de Economía, Pedro Pablo Kuczynski.

Nesta conxuntura, o próximo presidente peruano gobernará seguido moi de preto polos mercados internacionais, tendo en conta que o seu programa electoral estipula o mantemento do crecemento económico e das privatizacións pero baixo unha óptica de inclusión social, especialmente das clases populares e indíxenas. Coa súa vitoria electoral, Humala consolídase politicamente dentro do escenario político peruano, pero a súa afiliación nacionalista e de esquerdas, moi identificada dentro do seu movemento político, probablemente orientarase cara unha posición máis centrista.

Precisamente, esta conversión política de Humala, pasando de ser un inicial admirador do modelo “socialista bolivariano” do presidente venezolano Hugo Chávez a promover unha versión máis centrista con referencia no modelo de Lula en Brasil, explícase pola necesidade de atraer o apoio dunha clase media polarizada, tranquilizar aos mercados financeiros e afastarse da controvertida e presunta influencia de Chávez, un aspecto moi remarcado polos seus detractores durante a campaña electoral.

A presenza de asesores do “lulismo” e do Partido dos Traballadores (PT) actualmente gobernante en Brasil na campaña electoral de Humala, levou ao agora próximo presidente peruano a reunirse co propio Lula e coa actual mandataria brasileira Dilma Roussef. En perspectiva, a implicación brasileira e “lulista” na campaña de Humala pode reflectir o evidente peso e interese de Brasilia nos asuntos peruanos, en especial ante o sólido desenvolvemento económico do país andino (con espectaculares díxitos de crecemento no último lustro) e especialmente ante o interese que ofrece o seu mercado mineiro para as multinacionais estranxeiras, aspecto que xunto ao espiñento tema do Amazonas constitúe unha baza fundamental clave nas relacións entre Lima e Brasilia.

Pero moitos sectores políticos e sociais en Perú recean das intencións de Humala, a quen aínda consideran como un admirador de Chávez, un aspecto que pode reconducir as relacións entre Caracas e Lima, moi fracturadas nos últimos tempos, principalmente durante o goberno de Alán García (2006-2011). Coa evidente intención de evitar ver reproducido en Perú o modelo “chavista” a través da candidatura de Humala, o goberno de Alán García converteuse no principal detractor rexional de Chávez, incluso outorgando asilo político a rivais políticos do presidente venezolano, como é o caso do ex gobernador e ex candidato electoral Manuel Rosales. Non obstante, cabe prever que Humala tentará conciliar as relacións bilaterais peruano-venezolanas, cun maior achegamento cara Chávez.

Tampouco resulta clara cal será a posición de Humala con respecto ao posible indulto ao seu irmán Antauro Humala, en prisión desde 2005 por rebelión militar. Como sucede no caso da súa rival electoral Keiko con respecto ao seu pai e ex presidente Alberto Fujimori (condenado en 2009 a 25 anos de prisión por crimes de lesa humanidade e por corrupción), o peso do legado familiar na imaxe política de Humala constitúe un factor relevante que pode cobrar significación durante o seu mandato. Precisamente, días antes da segunda volta electoral do pasado 5 de xuño, diversos xuristas peruanos denunciaron que o Tribunal Constitucional favorecía ao partido Fuerza 2011 de Keiko Fujimori, para dilatar a decisión de habeas corpus a favor do seu pai.

c) O contexto rexional

Analizando a vitoria electoral de Humala dentro do contexto político rexional, estímase que o seu triunfo revitaliza as opcións electorais da esquerda latinoamericana, tralas recentes vitorias da dereita liberal en Chile e Panamá. A clave de apoio do próximo goberno peruano parece máis asegurada na influencia que terá Brasil nos asuntos do país andino, probablemente coa perspectiva de evitar unha posible influencia “chavista” que propicie situacións de inestabilidade nun Perú politicamente atomizado.

Non obstante, resulta probable que Humala se achegue ao denominado “eixe da ALBA”, en especial cos mandatarios boliviano Evo Morales, o ecuatoriano Rafael Correa e o propio Chávez, aínda que non é segura unha inclusión peruana dentro deste grupo. A presenza de apoios indixenistas dentro do movemento de Humala identifica igualmente unha maior empatía con Evo Morales, revitalizando as opcións políticas do indixenismo dentro do contexto político andino.

Pola contra, resultará unha incógnita coñecer a evolución das relacións bilaterais de Humala co conservador presidente chileno Sebastián Piñera, á vista das históricas rivalidades e reclamacións territoriais entre Lima e Santiago. A pesar de recibir as felicitacións do presidente chileno, as friccións poden intensificarse se as demandas dos sectores nacionalistas se incrementan durante o mandato de Humala.

Igualmente, deberá medirse con nitidez a evolución das relacións entre Perú, EEUU e Colombia, a tenor dos acordos de libre comercio subscritos polo actual mandatario peruano Alán García con Washington e Bogotá. A pesar de moderar a súa tradicional retórica nacionalista e esquerdista, Humala segue sendo un especial crítico cos tratados de libre comercio e coa globalización, un aspecto que pode cobrar relevancia dentro do actual contexto de crise económica a nivel mundial.

Desde diversas ópticas, Humala afrontará un escenario fortemente atomizado no período presidencial 2011-2016, confiando en materializar a súa axenda reformista e de transformación política, social e económica de Perú. Pero estes complexos equilibrios dirimirán un escenario condicionado pola necesidade de evitar controversias cos mercados e investidores estranxeiros ao mesmo tempo que poden intensificarse as presións por parte dos sectores máis esquerdistas e indixenistas (en especial ante casos extremadamente sensibles como a explotación mineira no Amazonas), dando curso a unha maior conflitividade sociopolítica no país andino que afecte á estabilidade do seu goberno.

IGADI, 7 de xuño de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº64273.7 KB

IgadiPaper nº65

Portugal: Passos para o rescate

a) Introdución

A vitoria da dereita nas eleccións lexislativas portuguesas celebradas o pasado 5 de xuño, proxectando ao líder do Partido Social Demócrata (PSD), Pedro Passos Coelho cara a xefatura do goberno en Lisboa, remata o ciclo de dominio do Partido Socialista (PS) iniciado en 2005 co ata agora primeiro ministro José Sócrates, desta vez varrido polos efectos da crise económica e dun rescate financeiro internacional valorado en 78.000 millóns de euros.

Cun goberno do PSD practicamente establecido e próximo á maioría absoluta, en gran medida fortalecido polo apoio que terá na Asemblea da República doutro partido da dereita, o CDS-PP, sumando 129 deputados dun total de 230 escanos, así como polo respaldo da Presidencia da República en mans do histórico líder conservador Aníbal Cavaco Silva, o próximo primeiro ministro Passos Coelho afrontará un escenario político máis favorable para negociar coa denominada troika que xestiona os designios da economía portuguesa, conformada polo Banco Central Europeo (BCE), a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional (FMI).

Esta troika observa con beneplácito a vitoria da dereita portuguesa, en especial á hora de aprobar os plans de axuste macroeconómico e de recortes no gasto público, un escenario dificilmente posible ante a perspectiva dun goberno minoritario con Sócrates como primeiro ministro. Precisamente, o propio Cavaco Silva urxiu a Passos Coelho a formar inmediatamente un novo goberno, con preferencia antes do vindeiro 23 de xuño.

Un próximo goberno do PDS/CDS-PP deixa nunha complexa situación á esquerda portuguesa, con 97 escanos parlamentarios repartidos entre o PS, a Coligaçao Democrática Unitaria (CDU)-Partido Comunista Portugués (PCP) e o Bloco de Esquerda. Ao mesmo tempo, a elevada abstención, cifrada nun 41,1%, certifica a sensación de cansazo social e de distanciamento da clase política dos cidadáns, sumamente preocupados polos efectos da recesión económica e da desocupación laboral, estimada en 12,6% a finais de abril de 2011. En clave política, esta elevada abstención tamén constitúe un factor a ter en conta polo próximo goberno portugués.

b) Passos Coelho abre un novo ciclo

Tras as eleccións lexislativas do pasado 5 de xuño, o mapa político portugués mudou de forma considerable para o período de goberno 2011-2015. O  centrodereita do Partido Social Demócrata (PSD), liderado por Pedro Passos Coelho, alcanzou o 38,3% dos votos, con 105 deputados, o seu mellor resultado só superado polas maiorías absolutas alcanzadas polo seu histórico líder e actual Presidente da República portuguesa, Aníbal Cavaco Silva, nas eleccións de 1985 e 1991.

Pola súa banda, o ata agora gobernante Partido Socialista (PS) do primeiro ministro José Sócrates, sufriu unha importante caída con respecto aos comicios de 2009, alcanzando o 28,05% dos votos, cun total de 73 deputados, o peor resultado deste partido desde 1991. O dereitista Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS-PP) liderado por Paulo Portas, alcanzou o 11,74% dos votos, con 24 deputados. Outros partidos, na esquerda, como a Coligaçao Democrática Unitaria (CDU)-Partido Comunista Portugués (PCP) e o Bloco de Esquerda, alcanzaron respectivamente o 7,94% (16 deputados) e o 5,19% (8 deputados).

Deste modo, o novo panorama político portugués sinala unha clara hexemonía da dereita na Asemblea da República, a través dunha coalición PSD/CDS-PP que permitirá abordar un período de maior estabilidade política, en particular á hora de dar curso ao draconiano programa económico de axuste esixido pola denominada troika que xestiona a economía portuguesa desde marzo pasado. Cun rescate financeiro valorado en 78.000 millóns de euros, esta troika precisaba dun goberno maioritario en Lisboa que permitira a aprobación inmediata das reformas económicas estipuladas, razón pola que recibiron con beneplácito a vitoria de Passos Coelho.

Obviamente, estes comicios certificaron unha gran derrota para Sócrates e o PS, afectados polo nivel da crise económica e unha errática andaina política nos derradeiros meses, que levaron a dimisión do goberno e ao adianto electoral. Tras os resultados do domingo 5, a dimisión inmediata de Sócrates como secretario xeral do PS confirma igualmente o seu desprazamento político. Xunto a el, o outro gran derrotado da cita electoral é o Bloco de Esquerda, liderado por Francisco Louça, que perde a metade dos seus deputados con respecto aos comicios de 2009, pasando de 16 escanos a 8. Non obstante, o óptimo resultado alcanzado pola CDU-PCP, liderado por Jerónimo de Sousa, matiza en gran medida o fracaso deste segmento político e ideolóxico, sendo o único partido da esquerda en crecer eleitoralmente, gañando un deputado con respecto aos comicios de 2009. 

Caso aparte merecen dous factores políticos aparentemente periféricos, como son a elevada abstención (41,4%), un índice histórico polo seu elevado nivel en eleccións lexislativas; e a aparición do fenómeno do Movemento 12 de Marzo (M12M), popularmente coñecido como Geraçao á rasca, con síntomas de descontento cidadán similares ao Movemento 15 de Maio no Estado español.

Como sucedera co 15/M nas eleccións municipais españolas do pasado 22 de maio, o M12M en Portugal tentou chamar a atención respecto ás súas demandas e protestas, con relevante intensidade, manifestada nunha abstención electoral que certifica o nivel de distanciamento e descontento cidadán coa súa clase política. Días antes das eleccións, o M12M presentou un documento no que demandaba un referendo popular para decidir sobre as medidas do rescate financeiro, así como o remate coas listas electorais pechadas.

c) Un draconiano programa de axuste

Con este panorama, o goberno dereitista de Passos Coelho cumprirá cos acordos establecidos no Memorando de Rescate adoptado polo goberno de Sócrates coa Unión Europea e o FMI en marzo pasado. As reformas macroeconómicas e a redución do gasto público moi probablemente darán paso aos grandes recortes en materia de infraestruturas (principalmente das liñas de Alta Velocidade Lisboa-Madrid e Vigo-Porto). Tamén está en perspectiva un amplo plan de privatizacións de empresas e entidades con participación estatal, como son os casos do banco Caixa Geral, do xestor Aeroportos de Portugal (ANA), da liña aérea portuguesa TAP Air Portugal, Correos de Portugal (CTT) e das participacións estatais nas empresas eléctricas Energías de Portugal (EDP) e da Rede Eléctrica Nacional (REN). O novo goberno portugués espera recadar aproximadamente 6.000 millóns de euros a finais de 2011, que servirán para cumprir pagamentos da débeda pública portuguesa.

Durante a campaña electoral, o propio Passos Coelho recoñeceu que o Memorando datroika cumpre cos postulados do programa político do PSD, especialmente en materia de regulación do mercado laboral e empresarial, das reformas no sistema xudicial, no mercado inmobiliario, da sanidade, educación, servizos públicos e dimensións do sector público, entre outros. Velaí en gran medida a satisfacción causada pola súa vitoria tanto en Bruxelas como no FMI, así como nos investidores estranxeiros e na leve caída da prima de risco da débeda portuguesa, no luns 6 posterior ás eleccións.

Paralelamente, diversas fontes financeiras especulan con que o Goberno de China e investidores deste país asiático poderían converterse en fortes compradores dos bonos que o Mecanismo de Estabilidade Financeira (EFSF polas súas siglas en inglés) emitirá este mes de xuño para financiar o rescate portugués. Beijing posúe cantidades significativas de débeda soberana portuguesa e grega. China tamén participou en xaneiro pasado na oferta de financiamento do rescate irlandés, aínda que sen desvelar a cantidade.

Non obstante, o panorama socioeconómico dista moito de xerar óptimas expectativas. A Oficina de Estatística da UE e o Instituto Nacional de Estatística (INE) portugués estimaron o desemprego en 12,6% da poboación economicamente activa en abril de 2011. En maio de 2011, o INE calculou que un 20% da poboación, un total de dous millóns de persoas, viven baixo o limiar da pobreza, a metade delas persoas con máis de 70 anos. Igualmente, o FMI estimou un crecemento cero da economía portuguesa en 2011, incluso coa predición dunha caída estimada en 2% para 2012, escenario que certifica unha prolongada etapa de recesión económica para Portugal, xusto no período de goberno de PDS/CDS-PP.

d) Galicia tras as eleccións portuguesas

Resulta indubidable que o novo mapa político portugués repercutirá considerablemente en Galicia, principalmente no aspecto económico aínda que tamén se manteñen paralelismos de carácter político e electoral, a tenor da recente e contundente vitoria do Partido Popular de Galicia (PPdG) nas eleccións municipais celebradas o pasado 22 de  maio.

Un goberno de Passos Coelho e da coalición PSD/CDS-PP en Lisboa certificará un retraso máis prolongado da finalización do AVE entre Vigo e Porto, en principio previsto para finalizar en 2015. Paralelamente, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e o Eixo Atlántico, solicitaron unha inmediata reunión con Passos Coelho para considerar as consecuencias negativas no comercio transfronteirizo derivadas da posta en marcha do cobro nas autovías SCUT portuguesas desde outubro de 2010 no Norte de Portugal, e que se estenderon en abril pasado ao resto do país, no marco do pacto de goberno estipulado polo ex primeiro ministro Sócrates co PSD.

Precisamente, o Eixo Atlántico advertiu recentemente da caída dun 14 e 20% do tráfico entre as autovías portuguesas A-27 e A-28, respectivamente, así como unha caída do 50% do comercio transfronteirizo. O novo panorama político portugués e a persistencia da crise económica igualmente influirán noutras entidades de cooperación transfronteiriza, como a Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) entre Galicia e o  Norte de Portugal, así como na recen constituída Rexións do Suroeste Europeo (RESOE) entre Galicia, Norte de Portugal e Castela e León.

IGADI, 9 de xuño de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº65270.75 KB

IgadiPaper nº73

Un Estado palestino na ONU?

a) Introdución

O próximo 23 de setembro, o presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP),Mahmud Abbas, elevará ante a ONU a lexítima petición palestina de ser recoñecida como unha entidade estatal independente e con asento permanente na ONU “dentro das fronteiras de 1967”, neste caso os territorios de Xerusalén Oriental, Cisxordania e Gaza. O momento, por tanto, anúnciase histórico para Palestina.

Non obstante, a conxuntura actual presenta un escenario polarizado dentro do Consello de Seguridade da ONU, tanto por parte dos seus membros permanentes como dos membros rotatorios, á hora de votar o eventual recoñecemento dun Estado palestino. A pesar do voto a favor de China e Rusia, e sen saber cal será finalmente a posición de Francia e Gran Bretaña, o recen anunciado veto de EE.UU moi probablemente dirixirá a disputa polo Estado palestino cara a Asemblea Xeral da ONU, onde unha maioría simple podería aprobar a resolución de “estatus elevado de observador” para a ANP ante a ONU. Así e todo, a posición de Washington é a que xera maior controversia e tensión, tendo en conta a súa necesidade de gañar credibilidade cara un mundo árabe convulsionado polos cambios políticos e que votará en masa a favor dun Estado palestino na ONU.

Pola súa banda, e nunha conxuntura marcada pola ausencia de negociacións de paz coa ANP, Israel amósase illada dentro do novo contexto rexional, en especial ante o cambio de orientación xeopolítica de aliados tradicionais de Tel Aviv como Turquía e Exipto, razón pola que deixará en mans de EE.UU a posibilidade de boicotear a proclamación do Estado palestino. Sexa cal sexa a decisión final na ONU sobre o estatuto palestino, o escenario posterior experimentará a renovación das tensións e crises políticas nun Oriente Próximo sumamente convulsionado polos actuais cambios políticos.

b) O poder do veto estadounidense

Tras a Declaración de Independencia palestina de 1988 e ata o momento actual, un total de 124 dos 193 países membros da ONU recoñecen a legalidade do Estado palestino. Igualmente, a ANP ten representacións permanentes en máis de 70 países, así como mantén estatus de observador en entidades como a Organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), a Organización Mundial da Saúde (OMS) e é membro permanente do Movemento de Países Non Aliñados, da Conferencia Islámica, do Grupo dos 77 e da Liga Árabe.

Tras un prolongado período de paralización das negociacións de paz entre Israel e Palestina nos últimos anos, en setembro de 2010 se retomaron as conversacións entre o goberno conservador israelí do primeiro ministro Benjamín Netanyahu, e o presidente da ANP, Mahmud Abbas, fomentadas polo denominado “Cuarteto de Paz para Oriente Próximo”, conformado pola ONU, EE.UU, Rusia e a Unión Europea. Nesas conversas, fixouse para setembro de 2011 a posibilidade de votación e eventual proclamación dun Estado palestino na ONU, razón pola que a ANP intensificou a súa actividade diplomática no período 2010-2011 ante a necesidade de obter o recoñecemento de diversos países, especialmente latinoamericanos.

No contexto actual de cambios no mundo árabe iniciado coas revolucións políticas en Tunisia e Exipto a comezos de 2011, o debate sobre o Estado palestino adquire un rol preponderante para afianzar un novo escenario en Oriente Próximo. En abril pasado, o partido laico palestino Al Fatah e o movemento islamita Hamas acordaron subitamente a creación dun goberno de unidade nacional na ANP, a fin de pechar momentaneamente a crise política e a leve “guerra civil” instalada desde 2007, en aras de acudir “unidos” á ONU para reclamar o Estado palestino.

Paralelamente, a recente xira do primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan por Exipto, Tunisia e Libia, intensificou a necesidade de crear unha especie de eixe rexional que permita premer na ONU pola lexítima proclamación do Estado palestino. Anteriormente, a finais de agosto, o enviado especial chinés para Oriente Medio, Wu Sike, anunciou durante a súa visita a Ramala (Cisxordania) o apoio de Beijing á reclamación palestina, con capital en Xerusalén Oriental e con base nas fronteiras territoriais de 1967 previas á Guerra dos Seis Días.

Non obstante, a votación anúnciase polarizada no seo do Consello de Seguridade da ONU, principalmente entre os seus membros permanentes (EE.UU, Rusia, China, Francia e Gran Bretaña) e os seus actuais membros non permanentes e rotatorios ata finais de 2011 e 2012. A semana pasada, o presidente estadounidense Barack Obama anunciou que Washington vetará na ONU a proclamación do Estado palestino, un factor que desequilibra a balanza e intensifica a polarización e as controversias, colocando a Washington nunha posición sumamente delicada ante o mundo árabe, principalmente pola súa pretensión de “lavar a súa faciana” e gañar credibilidade no contexto de cambios no Magreb e Oriente Próximo.

Mentres Rusia e China xa anunciaron os seus respectivos apoios ao Estado palestino, Francia e Gran Bretaña aínda non aclararon a súa posición, que pode finalmente declinarse cara a abstención, unha inhibición que reforza a polarización interna no seo da Unión Europea sobre o estatuto palestino. Entre os membros non permanentes e rotativos que actualmente forman parte do Consello de Seguridade da ONU, só Brasil e Líbano amosaron o seu apoio ao Estado palestino, mentres Alemaña e Colombia votarán en contra e Portugal formula a posibilidade de absterse.

Pero é precisamente o veto estadounidense o que, con case total probabilidade, levará ao fracaso esta moción sobre o Estado palestino, abrindo así unha próxima crise política no seo da ONU e, colateralmente, nos territorios palestinos de Cisxordania e Gaza e en Oriente Próximo ante a frustración que xerará tal decisión. Incluso, diversos lexisladores en Washington pediron ao goberno de Obama que suspenda a axuda financeira estadounidense á ANP, valorada anualmente en US$ 500 millóns, como evidente medida de presión e persuasión cara Abbas a fin de que este non continúe coa reclamación dun Estado palestino na ONU.

Ratificado o veto estadounidense, barállase a posibilidade de dirixir a reclamación palestina cara a Asemblea Xeral da ONU, onde o voto da maioría simple podería outorgarlle o rango de “estatuto elevado de observador”, similar ao existente con respecto ao Vaticano. Diversos países da UE liderados por Francia persuaden, igualmente, á ANP para que acepte esta posibilidade, con claras pretensións de desactivar momentaneamente o debate e retomar eventualmente as negociacións de paz entre Israel e a ANP.

c) Unha crise á vista

Sexa cal sexa a votación na ONU, o escenario posterior sinala a eventual renovación das tensións en Oriente Próximo, unha rexión xa de por si inflamada polos conflitos, actualmente contextualizados pola “Primavera árabe” que levou ás caídas das presidencias autocráticas de Zine el Abidine Ben Alí en Tunisia e Hosni Mubarak en Exipto, así como á actual guerra civil con intervención da OTAN en Libia, e a práctica caída do réxime de Muammar al Gadafi.

Aínda que a maior parte da sociedade israelí semella a favor dunha solución de “dous Estados”, o goberno de Netanyahu considera a reclamación palestina ante a ONU como unha “decisión unilateral”, incluso ameazando aos palestinos con “perigosas consecuencias”. As tensións están intensificándose entre os colonos xudeus en Cisxordania: segundo a Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCAH), a violencia dos colonos xudeus en Cisxordania está aumentando nos últimos meses, contribuíndo ao desprazamento de varias comunidades palestinas.

Estimase que uns 500.000 colonos xudeus viven en asentamentos ilegais en Cisxordania e Xerusalén Oriental, entre unha poboación palestina de 2,5 millóns de habitantes. Diversos activistas de dereitos humanos informan que en Cisxordania se están formando patrullas de defensa dos colonos xudeus, armados dende Israel,  a fin de actuar na véspera da eventual proclamación dun Estado palestino. Esta inmensa rede de colonias ilegais de xudeus, a presenza militar israelí, a apropiación do 50% dos recursos acuíferos en Cisxordania e a persistencia do ilegal Muro de Contención construído a partir de 2002, fragmenta a xeografía física e humana dos territorios palestinos que, a grandes trazos, dificulta a viabilidade e normal operatividade dun eventual Estado palestino.

Paralelamente, diversas faccións palestinas asentadas en Damasco (Siria), anunciaron o pasado 19 de setembro a súa oposición á decisión da ANP de buscar o recoñecemento do Estado palestino ante a ONU baixo as fronteiras de 1967, por considerar que esta decisión carece “dun consenso nacional” en Palestina e que “cancelaría os dereitos da Palestina histórica”, perpetuando a “colonización sionista” israelí.

Este escenario complicaría o acordo político alcanzado por Al Fatah e Hamas en abril pasado, debido a que poderían renovarse as tensións ante as reclamacións do movemento islamita de non recoñecer ao Estado israelí e de recuperar as fronteiras da Palestina histórica anterior á guerra de 1948 e da entón proclamación do Estado de Israel. Para Abbas, o recoñecemento da ONU dun Estado palestino supón un factor político decisivo que relanza as opcións do seu partido Al Fatah de cara aos próximos comicios presidenciais e lexislativos, previstos inicialmente para 2012.

Paralelamente, Israel tentará manobrar ao seu favor o fait accompli dun non recoñecemento oficial do Estado palestino na ONU, amparado polo veto e a presión política de Washington, como unha medida que reste presión ao seu repentino illamento no contexto rexional de Oriente Próximo, especialmente ante o distanciamento manifestado por dous aliados xeopolíticos e estratéxicos como Turquía e Exipto.

Paralelamente, e a pesar de manterse expectante e pouco ilusionada ante a votación na ONU, a perspectiva dun fracaso sobre o estatuto palestino na ONU intensificaría a frustración na sociedade palestina, sen descartar a posibilidade de renovación dunha “Intifada” ou levantamento popular en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Oriental, unha perspectiva igualmente condimentada polas convulsións derivadas da Primavera árabe.

IGADI, 22 de setembro de 2011

AnexoTamaño
IgadiPaper nº73280.11 KB

IgadiPaper nº74

Eleccións presidenciais na Arxentina: Vitoria esperada de Cristina K

a) Introdución

O próximo domingo 23 de outubro celebraranse comicios presidenciais en Arxentina. As enquisas practicamente amosan un consenso sobre a eventual reelección da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, quen gobernaría así nun segundo período presidencial, 2011-2015. A única incógnita electoral céntrase en coñecer se a anunciada vitoria de Cristina K se realizará con maioría absoluta, evitando a celebración dunha segunda volta electoral prevista para o próximo 20 de novembro.

Segundo a lei electoral arxentina, a candidatura vencedora obtería a presidencia na primeira volta en caso de alcanzar un mínimo do 45% dos votos ou ben un 40% pero cunha vantaxe de dez puntos porcentuais con respecto ao seu rival máis inmediato. As enquisas favorecen comodamente á presidenta Cristina K, con aproximadamente 50-53% da intención de voto, seguida do candidato socialista e actual gobernador da provincia de Santa Fe, Hermes Binner, cun 40% de intención de voto.

Se ben un segundo período presidencial de Cristina K consolidaría a hexemonía do “kirchnerismo” na política arxentina, o mapa político nacional seguiría igualmente atomizado, con elevadas expectativas en torno ao próximo período gobernamental e os comicios presidenciais de 2015. Moitos especulan co posible ascenso político do candidato de centrodereita Mauricio Macri, actual gobernador da provincia de Bos Aires e que non participará nas eleccións deste próximo domingo coa intención de consolidar a nivel nacional o seu movemento Proposta Republicana (PRO). Acérrimo opositor do “kirchnerismo”, Macri espera erixirse como a alternativa política clave para confrontar politicamente coa presidenta Cristina K no período 2011-2015.

b) As claves da reelección

A presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner camiña decididamente cara un segundo período presidencial na Casa Rosada. A práctica totalidade das enquisas e consultoras de opinión lle outorgan un promedio do 52-53% da intención de voto nas eleccións presidenciais do próximo domingo 23 de outubro, un factor que certificaría a súa maioría absoluta en primeira volta.

Durante este mes de outubro, as principais enquisadoras arxentinas (OPSM, Poliarquía, Consultora eQuis, Aresco, Giacobbe&Asociados, CEOP e Management&Fit), manteñen o consenso sobre a preferencia electoral de Cristina K, con índices que van dende o 49,1% ata o 53,3%. As claves desta reelección de Cristina K semellan centrarse na súa sólida popularidade, en especial tras a morte do seu esposo e ex presidente Néstor Kirchnerprecisamente hai un ano, xa que cumprirase o cabodano o próximo 27 de outubro, catro días despois da elección presidencial. Como herdeira do “kirchnerismo”, Cristina K logrou manter con habilidade os importantes apoios políticos na ala esquerdista do peronismo e nas clases populares, xunto a outros factores como unha notable xestión económica, que permite á Arxentina manter sólidos niveis de crecemento, e diversos programas sociais que benefician ás clases populares.

Cristina K concorre ás eleccións baixo a fórmula electoral Fronte para a Vitoria (FpV), que a levou á presidencia nos anteriores comicios de 2007. Nesta ocasión, o seu compañeiro de fórmula electoral é o ministro de Economía, Amado Boudou, con quen espera concretar un tándem político sólido para o próximo período gobernamental 2011-2015, evitando así as fendas presentadas con anteriores ex vicepresidentes na Casa Rosada.

Dun total de 14 candidaturas presidenciais, o principal rival electoral de Cristina K é o gobernador da provincia de Santa Fe, Hermes Binner, quen lidera o Fronte Amplo Progresista (FAP), unha coalición de centroesquerda na que se inclúen o Partido Socialista e outras agrupacións de corte socialdemócrata e progresista. A única incógnita electoral cífrase en considerar se Binner logrará evitar unha aparentemente incontestable vitoria de Cristina K por maioría absoluta, forzando a unha segunda rolda electoral a finais de novembro na que espera materializar outros apoios políticos e electorais.

Segundo as enquisas, o resto dos candidatos presidenciais aparentemente posúen escasas posibilidades de confrontar con forza a Cristina K e Binner. Son os casos da Unión para o Desenvolvemento Social (UDS), liderada polo deputado da dereitista Unión Cívica Radical (UCR), Ricardo Alfonsín, fillo do falecido ex presidente Raúl Alfonsín. Outra é a centroesquerda Coalición Cívica (CC) liderada por Elisa Carrió, unha relevante figura no panorama político arxentino.

Finalmente están a Unión Popular (UP) do ex presidente peronista Eduardo Duhalde, o Compromiso Federal (CF) do tamén ex presidente e peronista Alberto Rodríguez Saá, e o candidato da Fronte de Esquerda e dos Traballadores (FIT), Jorge Altamira. Todas estas candidaturas presidenciais se lexitimaron a través dun proceso de eleccións primarias realizado por vez primeira na historia electoral arxentina o pasado 14 de agosto.

c) Nova etapa para o “kirchnerismo”

A eventual vitoria electoral de Cristina K certificará a hexemonía política e electoral do “kirchnerismo” (no poder desde 2003) como a principal variante esquerdista dentro da ampla plataforma de partidos e movementos peronistas. Cos seus diversos matices ideolóxicos e políticos, o peronismo ven gobernando na Arxentina desde 1989, salvo o breve período gobernado pola centrodereita UCR entre 1999 e 2001, co ex presidenteFernando de la Rúa, e que levou á crise económica e social do tristemente célebre “corralito”.

A pesar de erixirse como a sucesora do proxecto político iniciado en 2003 polo seu falecido marido e ex presidente Néstor Kirchner, Cristina K logrou nos últimos tempos impoñer o seu selo político persoal, afirmando un liderado que lle permite alcanzar importantes cotas de popularidade e unha maior empatía social. Un factor que explica a actual consolidación de Cristina K dentro do “kirchnerismo” relaciónase coa súa capacidade para superar a derrota da FpV nas eleccións das provincias de Bos Aires e Santa Fe en xullo pasado, e que concretaron a aparición dunha nova figura para a oposición política arxentina, neste caso nas mans do centrodereitista Mauricio Macricomo gobernador da Provincia de Bos Aires.

Tras este revés electoral, Cristina K logrou manter a súa hexemonía obtendo unha contundente vitoria como candidata da FpV nas eleccións primarias de agosto pasado. Fortalecida politicamente, a atomización e división dunha oposición política que acude electoralmente fragmentada constitúe igualmente un factor político que beneficia aínda máis a candidatura de Cristina K.

Un novo mandato presidencial do “kirchnerismo” baixo Cristina K no período 2011-2015 moi probablemente derivará nunha maior intervención estatal na economía arxentina, un escenario que pode provocar friccións cos investidores e organismos financeiros internacionais. Non obstante, e en momentos de crise económica internacional onde se cuestiona a viabilidade dun modelo de capitalismo especulativo e financeiro que tanto afectou no pasado recente á Arxentina, a intervención estatal na economía serviu tanto a Néstor como a Cristina K para manter un notable crecemento económico nacional, así como para ampliar unha serie de programas sociais cara as clases populares que fortalecen a súa popularidade.

Resta por observar cal será a relación de Cristina K cos actores hemisféricos, en especial con EE.UU, neste segundo período presidencial. Descóntase que solidificará a relación de Bos Aires cos procesos de integración rexional, en especial cara a Unión de Nacións Sudamericanas, UNASUR (da que o seu esposo Néstor foi secretario xeral ata a súa morte en 2010) e a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA), en especial pola súa excelente relación co seu impulsor, o presidente venezolano Hugo Chávez. Igualmente estratéxica será a relación con Brasil, tendo en conta os importantes lazos económicos de integración entre Bos Aires e Brasilia, que poden ampliarse ante a empatía de xénero presentada pola presenza de dúas mulleres de esquerda na presidencia de ambos países, no caso brasileiro coa mandataria Dilma Roussef.

d) 2015: esperando a Macri?

Descontada a vitoria presidencial de Cristina K, na oposición todas as cartas políticas e electorais semellan cifrarse no hipotético ascenso de Mauricio Macri e a súa plataforma política, a Proposta Republicana (PRO), como alternativa política da oposición contra Cristina K e o “kirchnerismo”.

Tras ser reelixido como gobernador da Provincia de Bos Aires en xullo pasado, derrotando ao candidato “kirchnerista” Daniel Filmus, Macri anunciou a súa intención de non presentarse aos comicios presidenciais do próximo 23 de outubro coa finalidade de consolidar ao PRO como un movemento político a nivel nacional. Por tanto, Macri ven realizando unha ampla mobilización a nivel nacional e, incluso, exterior, coa vista obviamente colocada nos comicios presidenciais de 2015, onde todas as variables anuncian que se presentará como candidato presidencial.

Publicamente coñecido por ter presidido o popular equipo de fútbol Club Atlético Boca Juniors e desde 2007 como gobernador da Provincia de Bos Aires, Macri tenta agora unificar ao seu favor unha oposición atomizada e dividida, incluso xogando as súas cartas políticas dentro do propio escenario peronista disidente co “kirchnerismo”. Macri impulsa actualmente unha especie de pre-campaña electoral nas rexións e provincias arxentinas, a fin de atraer o apoio de diversos gobernadores peronistas disidentes, moitos deles opostos á preponderancia política outorgada polo ex presidente Néstor e a actual mandataria Cristina K á corrente xuvenil “La Cámpora”, fundada en 2003 e tradicional escola e bastión militante de apoio para o “kirchnerismo” dentro da mocidade peronista. Estes disidentes acusan ao “kirchnerismo” de presuntamente orquestrar unha rede de favoritismo político e corrupción.

Considerar o “factor Macri” como alternativa opositora ao “kirchnerismo” para os comicios presidenciais de 2015 constitúe na actualidade unha incógnita dentro do incerto mapa político arxentino, aínda que a súa figura aparece como unha variable non menos insignificante. Todo dependerá da xestión gobernamental de Cristina K no seu segundo período presidencial e da capacidade de Macri para aglutinar unha oposición atomizada e electoralmente derrotada.

Paralelamente, o “kirchnerismo” deberá ponderar nos próximos tempos cal será a súa candidatura presidencial para o 2015, un aspecto que pode concentrar a atención e enerxía política da presidenta Cristina K a medio e longo prazo. Constitucionalmente, Cristina K non pode presentarse para outro período presidencial alén do 2015, mentres diversos senadores e deputados “kirchneristas” xa aseguraron que non está prevista a posibilidade de instar unha reforma constitucional durante o próximo período lexislativo, que eventualmente lle permita á actual presidenta arxentina presentarse a outras eleccións.

IGADI, 19 de outubro de 2011.

AnexoTamaño
IgadiPaper nº74288.83 KB

IgadiPaper nº75

Centroamérica tralas eleccións en Nicaragua e Guatemala

a) Introdución

O pasado domingo 6 de novembro realizáronse eleccións presidenciais en Nicaragua e Guatemala, con resultados políticos disímiles en canto ao perfil ideolóxico e político. Tras unha forte polémica xudicial e constitucional pola súa postulación como candidato presidencial así como críticas dende diversos sectores sobre presuntas irregularidades electorais, en Nicaragua foi reelixido o actual presidente Daniel Ortega, da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN), con case o 63% dos votos, o cal consolida a este partido, de orientación de esquerdas, como a formación política hexemónica deste país centroamericano para o período 2012-2017.

Por outra banda, e tras celebrarse unha segunda volta electoral, Guatemala elixiu como novo presidente ao ex xeneral Otto Pérez Molina, do dereitista Partido Patriota, cun 53% dos votos para o período 2012-2016. O traspaso de poder guatemalteco permitirá a Pérez Molina substituír ao actual presidente socialdemócrata Álvaro Colom. Mentres Nicaragua consolidou a hexemonía política da esquerda personificada en Ortega e o FSLN, a “dereitización” de Guatemala é un proceso evidente tanto na vitoria de Pérez Molina como na consolidación como líder opositor do seu rival electoral, o empresario Manuel Baldizón, do partido Liberdade Democrática Renovada (LÍDER).

A pesar das diverxencia de orientación política e ideolóxica, Nicaragua e Guatemala confrontan problemas comúns e posicións levemente similares de cara aos procesos de integración e cooperación rexional.  Os elevados índices de pobreza, a proliferación do crime organizado e do narcotráfico como vías de ruta cara outros mercados como EE.UU, fan de Nicaragua e Guatemala países estratéxicos e prioritarios para a axuda internacional e da cooperación antidrogas, neste caso por parte de Washington.

Do mesmo xeito, ambos países están inseridos dentro da área de libre comercio impulsada por EE.UU, aínda que no caso nicaraguano resulta decisivo o peso e influencia do eixe da Alternativa Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA). Así mesmo, e sen esquecer a importancia da relación con Washington, tanto Ortega como o novo presidente guatemalteco Pérez Molina observan a China como un socio comercial clave para os seus respectivos países. Outro factor de coincidencia estriba en que Peréz Molina será o primeiro ex xeneral en América Latina en converterse en presidente elixido democraticamente, mentres Ortega é o primeiro ex guerrilleiro que obtén democraticamente a presidencia en tres eleccións presidenciais (1984, 2006 e 2011).

b) Nicaragua: a hexemonía do FSLN

O actual presidente Daniel Ortega e a Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) consolidaron a súa hexemonía política en Nicaragua, ao obter a reelección presidencial o pasado domingo 6 de novembro, con aproximadamente o 63% dos votos que, segundo estimacións do Consello Supremo Electoral (CSE) e doutros organismos e medios de comunicación, lle outorgarían a maioría absoluta parlamentaria con máis de 60 dos 92 deputados no poder lexislativo.

Non obstante, esta incontestable hexemonía do FSLN, que traza un mapa político menos atomizado de cara ao período presidencial 2012-2017, non está exento de polémicas e acusacións de presunto fraude desde diversos sectores. Se ben avaliaron a “madurez democrática” do proceso electoral, a Organización de Estados Americanos (OEA) e a Unión Europea (UE) argumentaron algunhas irregularidades en diversos distritos electorais do rural nicaraguano, incluso denunciando que as autoridades electorais non lles permitiron ingresar observadores no 20% dos centros electorais totais a nivel nacional. O rival electoral de Ortega, Fabio Gadea, do Partido Liberal Independente (PLI), e outras agrupacións, non recoñecen a vitoria de Ortega.

A polarización do clima político nicaraguano intensificouse desde 2008, cando Ortega trazou unha estratexia política dentro do CSE e a Corte Suprema de Xustiza (CSX) orientada a posibilitar legalmente a súa candidatura presidencial no 2011, cando constitucionalmente estaba imposibilitado para presentarse a un novo período presidencial. Os sectores opositores acusan ao CSE e á CSX de estar integrados por membros e simpatizantes do FSLN, os cales presuntamente legalizarían esa nova candidatura de Ortega.

Polémicas aparte, Nicaragua abre un novo compás político coa reelección de Ortega e do FSLN.  O país centroamericano é membro da ALBA desde 2007, o cal lle permite recibir fondos financeiros calculados anualmente en US$ 500 millóns, segundo cifras do Banco Central de Nicaragua. Estes fondos lle permiten ao goberno nicaraguano levar adiante diversos programas sociais de carácter sanitario, desenvolvemento rural e construción de infraestruturas. Ideoloxicamente crítico coa política internacional de EE.UU, Ortega mantén un aliñamento político e estratéxico co goberno de Venezuela e o eixe da ALBA, así como mantén fluídas relacións comerciais e incluso militares con Rusia e Irán. Non obstante, segue mantendo o recoñecemento diplomático de Taiwán en detrimento da República Popular China

O clima de tensión con Washington pode intensificarse ante o ata agora silencio do goberno de Barack Obama á hora de recoñecer a reelección de Ortega e as demandas no Congreso estadounidense da lexisladora republicana de orixe cubano-americana Ileana Ros-Lethinen, de instar á Casa Branca a non recoñecer ao novo goberno do FSLN, argumentando un presunto fraude electoral. Tralas eleccións municipais de 2008, Washington e diversos gobernos europeos, especialmente Suecia, Dinamarca e Noruega, cancelaron as súas axudas en cooperación ao desenvolvemento con Nicaragua, argumentando un presunto fraude electoral cometido polo FSLN.

Desde o seu retorno ao poder en 2006, Ortega tamén promoveu unha relación pragmática e realista con Washington. Nicaragua forma parte do Sistema de Integración Centroamericano e conserva un Tratado de Libre Comercio (TLC) con EE.UU, aspectos que igualmente lle permitiron nos últimos anos observar un relevante crecemento económico e de taxas de investimentos externos.

A pesar das tensións bilaterais diplomáticas (que recentemente se intensificaron coas críticas de Ortega polos asasinatos do ex líder libio Muammar al Gadafi e de Alfonso Cano, líder da guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), o presidente nicaraguano concretou con Washington importantes acordos de cooperación antidrogas e de combate á inmigración ilegal e o crime organizado, así como aplicou internamente políticas de carácter conservador como a penalización do aborto.

No seu próximo período presidencial ata 2017, Ortega moi probablemente deberá equilibrar unha axenda política non exenta de fortes presións internas e externas. É posible unha maior polarización política no plano interno, ante as constantes críticas dos sectores opositores, secundadas por Washington e outros organismos internacionais, sobre o “deterioro da democracia nicaraguana” ante unha presunta deriva autoritaria “populista e clientelar” por parte de Ortega e do FSLN, en especial ante a súa sintonía co mandatario venezolano Hugo Chávez. No entanto, o pragmatismo realista pode igualmente persuadir a Ortega a manter un canal de relación fluído e constante con Washington, especialmente ante a preservación do TLC e dos acordos de cooperación antidrogas e contra o crime organizado.

c) A “dereitización” de Guatemala

Mentres a esquerda se consolida en Nicaragua, outro país centroamericano, Guatemala, elixiu un novo presidente, neste caso proveniente do sector militar, na figura de Otto Pérez Molina, líder do dereitista Partido Patriota (PP). Este aspecto é sumamente relevante tendo en conta que Guatemala sufriu un prolongado conflito armado entre 1960 e 1996, que deixou máis de 200.000 mortos e desaparecidos.

Egresado da polémica Escola das Américas, Pérez Molina foi director de intelixencia durante a ditadura militar guatemalteca que durou ata 1986, sendo acusado de perpetrar torturas e matanzas contra opositores, membros da guerrilla esquerdista e a poboación indíxena, que representa aproximadamente o 45% da poboación guatemalteca. En 1983, o entón oficial do Exército Pérez Molina apoiou un golpe militar contra o xeneral e presidenteEfraín Ríos Montt.

A vitoria electoral de Pérez Molina na segunda volta presidencial do pasado 6 de novembro confirma unha marcada orientación “dereitista” na política guatemalteca, un país considerado entre os mais violentos a nivel mundial, segundo unha recente enquisa da Declaración de Xenebra sobre Violencia Armada e Desenvolvemento, que sitúa ao país centroamericano entre os seis primeiros dunha lista de 14 países cualificados entre os de maior índice de delincuencia e violencia cidadá no mundo. A debilidade institucional e o peso do narcotráfico e do crime organizado constantemente planean sobre Guatemala e a súa consideración como “Estado fracasado”.

Cunha taxa de homicidios de 40 por cada 10.000 habitantes, en Guatemala operan poderosas mafias e organizacións de crime organizado e narcotráfico, tales como a “Mara Salvatrucha” e o cartel mexicano da droga “Os Zetas”, que participan no tráfico humano e de drogas cara EE.UU, tendo en conta a proximidade fronteiriza guatemalteca con México.

O programa electoral de Pérez Molina baseouse na concreción de fortes medidas de seguridade nacional como aspecto prioritario da súa xestión, a través dun plan de “man dura” contra a delincuencia e as mafias. Tanto Pérez Molina como o seu rival electoral Manuel Baldizón apoian a legalización da pena capital, asegurando non ter vontade algunha de rastrear no polémico pasado da ditadura militar guatemalteca no relativo ás violacións de dereitos humanos durante a guerra civil.

Guatemala presenta graves problemas de desnutrición infantil, elevado desemprego, desigualdade socioeconómica e unha pobreza xeral que afecta a máis do 50% da súa poboación, onde un 17% vive con menos dun dólar ao día, segundo datos do PNUD. Os programas de asistencia social así como a necesaria reforma agraria (un 2% da poboación guatemalteca conserva o 65% da tenencia da terra cultivable) foron drasticamente reducidos e paralizados durante a xestión do actual presidente socialdemócrata Álvaro Colom, unha tendencia que seguramente se reproducirá durante o mandato de Pérez Molina en aras de preservar a política de “man dura” e de seguridade nacional, a través dunha ampliación orzamentaria e de persoal cara os organismos de seguridade estatais.

Paralelamente, a corrupción administrativa e a infiltración das mafias e do narcotráfico no tecido político, económico e institucional guatemalteco constitúen unha problemática dificilmente superable nos próximos anos. A xestión presidencial de Colom estivo moi fortemente determinada por este problema, incluíndo un confuso caso de asasinato con pretensións golpistas. Ao mesmo tempo, os intentos de Colom de preservar o seu poder a través da polémica candidatura da súa ex esposa Sandra Torres, finalmente vetados polo Tribunal Supremo, evidenciaron esta loita de grupos de poder dentro do aparato político, administrativo e institucional guatemalteco.

Se ben a orientación “dereitista” de Pérez Molina achegará estreitamente a Guatemala cara a axenda hemisférica de Washington, o próximo presidente guatemalteco igualmente anunciou unha aproximación cara China como socio comercial prioritario (oficialmente recoñece a Taiwán). Ao mesmo tempo, a necesidade de concretar políticas de cooperación antidrogas e de combate contra a delincuencia fomentará igualmente un maior nivel de cooperación no contexto centroamericano.

Non obstante, a crise económica será un serio desafío para o goberno de Pérez Molina: os compromisos de débeda pública representan o 25% do PIB guatemalteco. Un aspecto que moi probablemente propiciará un draconiano programa de axuste fiscal, coa consecuente redución dos urxentes programas sociais. Para iso, Pérez Molina deberá concretar diversas alianzas parlamentarias que porán a proba a consistencia do seu goberno.

Pero o retorno dun militar á presidencia en Guatemala e a reelección dun ex guerrilleiro na presidencia nicaraguana é observado por diversos analistas como un retroceso da democracia en Centroamérica, así como un arriscado “retorno ao pasado” que evidencia a insatisfacción cidadá ante a alternativas de novos liderados políticos. Cun cariz político e ideolóxico máis pragmático, as presidencias de Ortega e Pérez Molina deberán calibrar estes retos democráticos nunha rexión sacudida pola pobreza e a violencia cidadá.

IGADI, 9 de novembro de 2011

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº75286.71 KB

IgadiPaper nº76

O islamismo político aséntase no Magreb

a) Introdución

Como unha auténtica “revolución política” na dinámica de cambios derivada da “Primavera árabe”, o ascenso ao poder dos partidos islamitas no Magreb confirma un novo escenario, principalmente tralas súas recentes vitorias electorais en Tunisia e Marrocos, así como o seu previsible ascenso no prolongado proceso electoral constituínte en Exipto e a posibilidade de inserción de elementos islamitas, algúns deles de carácter máis radical, na Libia post-Gadafi.

Por anos perseguidos, ilegalizados e reprimidos polos réximes políticos do Magreb e estigmatizados dende Occidente ante unha presunta “radicalización” que, a grandes trazos, ocultaba o temor polo crecente ascenso da aceptación social e a popularidade destes movementos, o islamismo político no Magreb ocupa actualmente o rol protagónico máis decisivo que outorga un novo cariz á denominada Primavera árabe. Este papel relevante do islamismo político ten as súas referencias máis inmediatas nas vitorias electorais do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP) en Turquía, no poder desde 2002, e confirmáronse co triunfo do movemento islamita Hamás nas eleccións lexislativas da Autoridade Nacional Palestina en 2006. De feito, os partidos islamitas no Magreb sinalan ao AKP turco como a súa referencia política mais importante.

No caso magrebí, os casos máis emblemáticos son o movemento Ennahdha en Tunisia e o Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (PXD) en Marrocos, ambos vencedores das respectivas eleccións constituíntes e lexislativas neses países; e a exipcia Irmandade Musulmá, movemento precursor desde a súa fundación en 1928 do islamismo político no Magreb e Oriente Próximo, e que encamíñase a desempeñar un papel relevante no proceso de transición constituínte que actualmente lévase a cabo no Exipto post-Mubarak, un país envolto nas últimas semanas nunha serie de tensións políticas e sociais contra o réxime militar transitorio no poder.

Aínda que está por ver qué sucedera ante a repentina aparición de elementos “islamitas radicais” actualmente no poder en Libia, este avance electoral do islamismo político no Magreb non pode considerarse exclusivamente como unha tendencia política orientada cara a “islamización” do Norte de África, senón máis ben como a confirmación destes movementos como actores progresistas e democráticos nunhas sociedades tradicionalmente configuradas en torno ao autoritarismo do poder e, tanxencialmente, á preeminencia política dos factores tribais e sectarios. Un escenario que obrigará necesariamente a Occidente a modificar o seu tradicional rexeitamento do islamismo político, observándoo como un actor clave nos procesos de transición política no mundo árabe.

b) O exemplo tunisiano

O pasado 23 de outubro, o partido islamita Ennahdha (Renacemento) obtivo un espectacular triunfo electoral nos comicios á Asemblea Constituínte en Tunisia, trala caída en xaneiro pasado da autocracia do ex presidente Zine el Abidine Ben Alí. Foi precisamente en Tunisia onde emerxeu a faísca revolucionaria que actualmente se desenvolve no mundo árabe.

O partido Ennahdha obtivo o 40% dos votos, alcanzando 89 dos 217 constituíntes requiridos para elixir unha nova Asemblea Nacional, que en diversos estamentos da opinión pública non dubidan en cualificar como as bases para a construción da IIº República tunisiana trala independencia obtida en 1957. De formación conservadora e cunha base electoral e política basicamente rural, Ennahdha sufriu a represión e persecución política da man dos presidente Habib Bourguiba e Ben Alí, ambos contando co expreso aval occidental.

Non obstante, o partido islamita tunisiano transitou desde a década de 1980 dende unha concepción política labrada polo integrismo relixioso a outra de maior concreción pragmática, a fin de inserirse no sistema político tunisiano. En particular, o islamismo político tunisiano (e por conseguinte no Magreb e no mundo árabe) solidificou a súa popularidade a través da concreción de redes de asistencia social (sanitaria, educativa, etc.), principalmente nos segmentos rurais e populares, tradicionalmente desasistidos pola autoridade estatal.

Trala súa vitoria electoral, o Ennahdha convértese na forza política máis importante de Tunisia, baixo o mando do seu líder e próximo primeiro ministro Rashid Ganouchi, un político condenado a prisión na década de 1980, posteriormente exiliado en Gran Bretaña e que regresou a Tunisia trala caída de Ben AlíEnnahdha formará agora unha coalición de goberno cos partidos Congreso para a República e Ettakatol, dentro dunha atomizada Asemblea Constituínte que incluirá outras formacións políticas como o Partido Comunista, o Partido Progresista Democrático e o Polo Democrático Progresista, e que estará encargada de redactar unha nova Constitución.

O ascenso electoral do Ennahdha intensificou as preocupacións, principalmente en Occidente, sobre unha presunta axenda islamita que contrastaría coa tradicional andaina secular e laica da Tunisia contemporánea. Non obstante, o acontecer actual semella considerar que o pragmatismo de Ennahdha permite abordar unha importante posición favorable á inclusión da muller na vida pública tunisiana, tendo en conta que a perspectiva de xénero ven sendo un baluarte importante na concreción do progreso social e democrático na Tunisia post-Ben Alí e, particularmente, polo relevante papel das mulleres tunisianas na denominada “Revolución de Xazmín”.

Pero resta por observar cómo evolucionará este pragmatismo de cara á discusión constitucional sobre outros asuntos máis polémicos como o uso do velo, a relación entre o Estado e o Islam ou a educación pública. Un escenario que Ennahdha deberá tomar en consideración á vista da atomización política na Asemblea Constituínte tunisiana, que moi probablemente dará curso a negociacións e equilibrios de poder coas demais forzas políticas.

c) Un islamita no poder en Marrocos

Alentado pola vitoria da Ennahdha en Tunisia, o islamismo político en Marrocos, a través do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (PXD) alcanzou un histórico triunfo electoral nos comicios lexislativos celebrados o pasado 25 de decembro, ao obter 80 dos 395 escanos da Cámara de Representantes. Esta histórica votación permitiu que o PXD superara amplamente a outras formacións políticas como Istiqlal, a Reunión Nacional de Independentes (RNI), o Partido Autenticidade e Modernidade (PAM), a Unión Socialista, o Movemento Popular e a Unión Constitucional.

A fin de aplacar as demandas democráticas derivadas das protestas populares do Movemento 20 de Febreiro (M20F) ao carón da Primavera árabe, o monarca marroquíMohammed VI anunciou en abril pasado a creación dunha Comisión Consultiva de Revisión da Constitución (CCRN), encargada de redactar un novo texto constitucional que foi posteriormente aprobado por referendo popular en xullo pasado. Nesta nova Constitución, o monarca conserva amplos poderes menos o seu veto en eleccións lexislativas. Por tanto, e trala vitoria do partido islamita, o rei Mohammed VI recoñeceu a vitoria do PXD, nomeando ao seu secretario xeral Abdelilah Benkirán, como o novo primeiro ministro marroquí.

Como no caso de Gannouchi e do Ennahdha en Tunisia, Benkirán e o PXD marroquí deberán agora concretar pactos políticos parlamentarios a fin de garantir un goberno estable, tendo en conta que as forzas políticas máis nacionalistas e promonárquicas, como Istiqlal, RNI e PAM, constituiranse como as principais forzas da oposición ao islamismo político. Baixo o mesmo prisma que no caso tunisiano, Benkirán deberá tamén sortear a discusión de asuntos que poden intensificar a polémica política, como a vestimenta feminina ou a tolerancia cara o consumo de alcohol e a homosexualidade.

A pesar da súa histórica vitoria, o PXD deberá afrontar unha realidade inevitable: que o sistema político marroquí favorece a atomización do voto, a fin de evitar maiorías absolutas parlamentarias, unha perspectiva moi probablemente labrada a fin de evitar unha eventual hexemonía do PXD. Defendendo un programa centrista e pragmático que lle permitiu atraer o voto das clases medias, o PXD deberá igualmente sortear a mobilización do M20F que nestas eleccións instou ao boicot por considerar que o sistema electoral marroquí está “viciado e é fraudulento”. A participación electoral foi do 45%, se ben superior á rexistrada nas anteriores eleccións parlamentarias de 2007 pero denotando un nivel de descontento popular e fastío da sociedade marroquí cara o seu sistema político e electoral.

d) Antagonismos en Exipto, Alxeria e Libia

Nos outros tres países do Magreb (Exipto, Alxeria e Libia), as perspectivas políticas para o islamismo político e, por conseguinte, en relación aos seus futuros escenarios, dilúense nun mar de contradicións, antagonismos e incertezas.
Desde o pasado 27 de novembro, Exipto leva a cabo un complexo e prolongado proceso electoral dividido en tres fases durante seis semanas, para elixir unha Asemblea Constituínte encargada de redactar unha nova Constitución e elixir unha nova presidencia antes de xuño de 2012. Os resultados preliminares na primeira fase da votación outorgan un 40% dos votos ao movemento islamita da Irmandade Musulmá, considerado o partido político máis importante do país.

Non obstante o favoritismo da Irmandade Musulmá, no Exipto post-Mubarak increméntanse as tensións e confrontacións nas rúas entre os movementos populares que levaron a cabo a denominada “revolución de febreiro”, e a Xunta Militar transitoria, presidida polo comandante Mohammed Hussein Tantawi, e que deixaron algúns mortos e feridos nas semanas previas ao proceso electoral. Estes movementos acusan aos militares e a líderes do Partido Nacional Democrático (PND) do ex presidente Mubarak, de orquestrar un presunto “pacto político” coa Irmandade Musulmá, a fin de repartirse o poder na próxima Asemblea Nacional resultante do proceso constituínte.

Pola súa banda, en Alxeria, ata agora inmune aos cambios políticos no Magreb, o escenario tórnase incerto de cara aos comicios lexislativos previstos para febreiro de 2012. Moitos observan nestes comicios a materialización da ruptura parlamentaria presidencial xestada desde 2004 polo islamita Movemento da Sociedade e pola Paz (MSP), liderado por Bougerra Soltani; dos nacionalistas da Fronte Nacional de Liberación (FNL), no poder desde a independencia alxerina en 1962; e da Reunión Nacional Democrática (RND), partido do actual primeiro ministro Ahmed Ouyahia, aliado político do presidenteAbdelaziz Bouteflika.

O espectro do islamismo político rememora os sucesos máis dolorosos para a sociedade alxerina contemporánea: a Fronte Islámica de Salvación (FIS) gañou as eleccións lexislativas de xaneiro de 1992, sendo descoñecidas inmediatamente pola Xunta militar a través dun golpe de Estado. Isto deu paso a unha prolongada guerra civil que culminou coa derrota do Grupo Islámico Armado (GIA) en 2002 e que deixou aproximadamente 200.000 mortos.

Trala instauración dunha Comisión Nacional de Reconciliación, o islamismo político alxerino concentrouse en torno ao MSP, cunha militancia máis pragmática e menos radical. A carón da Primavera árabe, especúlase que o MSP pode alcanzar importantes cotas parlamentarias nos comicios de febreiro de 2012, aínda que o escenario político alxerino amósase politicamente atomizado.

Finalmente, a Libia emanada da intervención militar da OTAN e da ONU contra o réxime do asasinado coronel Muammar al Gadafi, a través do seu apoio ao enigmático movemento insurxente do Consello Nacional de Transición (CNT), está ofrecendo un escenario inédito nun país onde os movementos islamitas foron case exterminados por Gadafi durante a década de 1990.

A mediados de outubro pasado, o presidente do CNT, Mustafá Abdel Jalil, anunciou a instauración da sharía ou lei islámica como fonte legal inspiradora dun Estado islámico en Libia, incluso permitindo a poligamia e anunciando a prohibición do divorcio. A inexistencia de partidos políticos e, por conseguinte, a case desaparición dos movementos islamitas en Libia intensifican a posibilidade dunha radicalización do seu escenario político, a tenor da presión de diversos líderes de faccións militares dentro do CNT con ideoloxía islamita radical.

O pasado 22 de novembro instaurouse o novo goberno libio do primeiro ministroAbderrahim el-Kib. Non obstante, a preeminencia dos insurxentes armados na CNT, algúns deles pertencentes a movementos islámicos radicais incluso con presuntas conexións co grupo Al Qaeda no Magreb, ameazan con atomizar a fraxilidade estatal en Libia, un escenario absolutamente inesperado para os obxectivos de EE.UU e de Europa, así como da ONU, os principais doantes de axuda internacional á “nova Libia”. Precisamente, o primeiro ministro el-Kib saíu ileso dun atentando recentemente perpetrado en Trípoli, un acontecemento que incrementa as tensións e as incertezas sobre a estabilidade libia.

Se a eventual radicalización na Libia post-Gadafi se traduce nunha violencia sectaria onde os elementos islamitas radicais poden sacar proveito político, confirmarase o fracaso occidental na pacificación deste país e a certificación dun foco de inestabilidade no Magreb, que complicaría o labor político dos movementos islamitas moderados en Tunisia, Marrocos e Exipto. Un escenario que moi probablemente obrigaría a Occidente a mudar o seu enfoque, ante a necesidade de considerar ao islamismo político moderado como un actor fundamental para a democratización e o progreso social do mundo árabe.

IGADI, 30 de novembro de 2011

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº76309.82 KB

IgadiPaper nº77

“Xogos de guerra” entre Irán e EUA

a) Introdución

A tensión actual no Estreito de Ormuz ante os exercicios militares levados a cabo pola Armada da República Islámica de Irán, incluíndo importantes ensaios con mísiles de longo alcance, así como a inmediata reacción de Washington apostando por ampliar as sancións contra as exportacións petroleiras iranianas, abre un novo pulso na prolongada confrontación entre Irán e Occidente que, tendo en conta a súa escenificación actual entre o Golfo Pérsico e o Estreito de Ormuz, afectaría sensiblemente aos prezos mundiais de hidrocarburos nunha conxuntura de crise económica global.

Polo Estreito de Ormuz transita, aproximadamente, o 40% do tráfico marítimo petroleiro global, especialmente cara Europa, Oriente Medio e Asia. As advertencias (ata agora incumpridas) por parte de Teherán de pechar o paso marítimo deste estreito podería incrementar nun 20% o prezo mundial do cru, que actualmente cotiza a 108 dólares por barril.

Baixo presión dos republicanos con maioría no Congreso estadounidense, o presidenteBarack Obama asinou o pasado 31 de decembro de 2011 unha lei que busca endurecer as sancións financeiras contra Teherán, especialmente as súas exportacións de petróleo e dificultar o avance do seu programa nuclear. Un factor esencial tendo en conta que Irán é o cuarto produtor mundial de petróleo. Aínda así, os exercicios militares iranianos e as súas intencións de proceder ao bloqueo do  paso no Estreito de Ormuz corresponden mais ben a unha política de disuasión cara EUA e a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA). Teherán anunciou recentemente a súa disposición a recomezar as negociacións sobre o seu programa nuclear.

Non obstante, a tensión vense incrementando nos derradeiros meses. Os anuncios públicos por parte de Israel de ultimar plans de ataque contra as instalacións nucleares iranianas “con ou sen o apoio de EUA”, así como ante a recente captura en Irán dun avión espía estadounidense non tripulado, de presuntos espías británicos e de diversos sucesos internos no país persa, como as explosións en instalacións militares, que poden máis ben corresponder a accións de desestabilización dende o exterior, principalmente Israel e EUA, constitúen evidencias claras. Este contexto altera sensiblemente o escenario rexional, convulso pola evolución da denominada Primavera árabe, con especial énfase nos procesos electorais en Exipto, Marrocos e Alxeria, a incerta transición libia e o agravamento da crise política en Siria.

b) Tensando a corda

Durante dez días, entre finais de 2011 e comezo de 2012, a República Islámica de Irán realizou unha serie de exercicios militares navais no estratéxico Estreito de Ormuz, que linda co Golfo Pérsico e o Golfo de Omán, considerados de carácter disuasivo e persuasivo por parte de Teherán, principalmente cara EUA, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e Israel, xunto a Washington o seu principal rival militar e político en Oriente Próximo.

Os exercicios militares iranianos probaron incluso o lanzamento de mísiles de maior alcance, calculado en 200 quilómetros. Esta manobra foi inmediatamente denunciada por Israel como unha ameaza clara. Tel Aviv advertira anteriormente da posibilidade dun ataque militar “preventivo” por parte das forzas armadas israelís contra as instalacións nucleares iranianas. Durante días, especulouse con que o almirante iraniano Mahmud Musavi anunciara un peche do tráfico marítimo no Estreito de Ormuz, o cal provocaría unha inmediata crise enerxética internacional e unha posible reacción militar e política por parte de Washington, presente na zona a través da súa V Flota.

Polo estratéxico paso do Estreito de Ormuz transita aproximadamente 
o 40% do transporte marítimo mundial de petróleo.

A cuestión de fondo é o futuro  do programa nuclear iraniano, trala paralización en 2011 das negociacións entre Teherán e o denominado “Grupo dos Seis” dentro da AIEA, sendo estes os cincos países membros do Consello de Seguridade da ONU (EUA, Francia, Gran Bretaña, China e Rusia) mais Alemaña. Con catro roldas de sancións por parte da AIEA aplicadas contra Teherán nos últimos cinco anos, o pasado 31 de decembro de 2011, o presidente estadounidense Barack Obama anunciou unha ampliación das mesmas, prexudicando as exportacións petroleiras iranianas e a aquelas entidades financeiras públicas ou privadas que negocien co Banco Central de Irán. Por tanto, estas sancións poderían estenderse cara países aliados de Teherán, como Siria e Venezuela.

Tras un período de advertencia, estas sancións de Washington poderían aplicarse nos próximos 60 ou 180 días, ao mesmo tempo que a Unión Europea estuda implementar un embargo ás importacións petroleiras iranianas, un factor que afectaría sensiblemente á esmorecida economía do país persa, sumamente dependente das súas exportacións petroleiras e de gas natural e que amosa un serio panorama de recesión e crise desde 2009. Paralelamente, o eventual peche do Estreito de Ormuz por parte de Teherán dispararía de inmediato (e con cálculos de ata un 20%) os prezos internacionais do cru, un aspecto aínda mais sensible nunha conxuntura de crise económica global. O prezo actual do barril está calculado en aproximadamente 108 dólares.

Neste contexto, Teherán calcula estratexicamente cada paso desta crise, oscilando entre unha política de disuasión e outra de “radicalización” que dende Israel apresuráronse en interpretar como un “síntoma de debilidade” do réxime iraniano. Ao mesmo tempo, o presidente Obama opera un cambio abrupto de posición cara Teherán, principalmente baixo a presión da maioría republicana no Congreso estadounidense, e coa mirada posta nas perspectivas de reelección nos comicios de novembro próximo.

c) Un pulso hexemónico no Golfo Pérsico

Sen sepultar a súa oferta de retornar ás negociacións coa AIEA, Teherán tenta disuadir a Occidente cunha posición de forza que lle permita gañar terreo no escenario diplomático, no eventual suposto de recomezo das negociacións nucleares. O contexto amósase igualmente delicado pola intensificación dunha crise diplomática con Londres e Washington dende decembro pasado, tralo derrube en territorio iraniano dun avión espía estadounidense non tripulado e tralos ataques contra a embaixada británica en Teherán, unha vez as autoridades iranianas capturaran a presuntos axentes británicos infiltrados no seu país.

Desde 2010 son evidentes diversos focos de desestabilización interna en Irán cunha moi posible implicación exterior, presuntamente da man dos servizos secretos israelí e estadounidense. Estes incidentes relaciónanse con diversas explosións en bases militares iranianas no último trimestre de 2011. A presenza militar naval de Washington no Golfo Pérsico e de tropas estadounidenses en países fronteirizos con Irán, como son os casos de Iraq e Afganistán (a pesar dos respectivos anuncios de retiradas militares en curso por parte de Washington) son factores que igualmente intensifican un cerco exterior contra Teherán, moi probablemente manobrado por Washington e Tel Aviv, e con implicación dos seus aliados rexionais, principalmente dos emiratos petroleiros do Golfo Pérsico.

Precisamente, atizar a sensación do perigo provocado pola “ameaza iraniana” supón un aliciente político considerable para “petromonarquías” como Arabia Saudita, Bahrein, Emiratos Árabes Unidos, Kuwait ou Omán, dependentes de Washington en materia de seguridade e apoio militar. Así, estes emiratos buscarían blindar a súa rexión fronte a posible expansión da vaga de cambios políticos orixinada pola Primavera árabe dende o Magreb ata o Golfo Pérsico.

Esta sensación é maior en países como Bahrein, cunha predominante comunidade xiíta (maioritaria en Irán), onde os disturbios de febreiro de 2011, brutalmente reprimidos pola monarquía, contaron co apoio militar saudita e o implícito aval estadounidense. Doutra banda, a contención de Irán é un aspecto clave da seguridade nacional de Arabia Saudita, con especial énfase no equilibrio xeopolítico e militar entre Riad e Teherán no Golfo Pérsico.

Esta perspectiva de contención igualmente cabe referila á actual crise política siria, cuxo presidente Bashar al Asad, un aliado incondicional de Teherán, vese cercado por EUA, Europa e boa parte da comunidade internacional ante a brutal represión levada a cabo polos seus organismos de seguridade contra os sectores opositores desde febreiro de 2011 e que, segundo diversos servizos informativos e ONGs sirias e occidentais, provocaron decenas de miles de mortos. Esta crise aparentemente mantén a Teherán fora de acción no escenario sirio, polo que a eventual caída do réxime de Bashar constituiría unha perda xeopolítica clave para Irán. Velaí porqué Teherán prepárase para un hipotético escenario post-Bashar en Siria.

Pero alén da retórica e dos exercicios militares, resulta pouco probable que Teherán cumpra coas súas advertencias de peche do Estreito de Ormuz, ante a perspectiva de dar curso a unha crise que podería resultar incontrolable e contraproducente. A súa mensaxe semella mais ben marcada pola necesidade de persuadir a Occidente a tomar en serio a potencialidade do programa nuclear iraniano, especialmente ante a actual necesidade occidental de centrar a súa atención en Corea do Norte, trala recente morte do seu líder Kim Jong-Il e as incertezas ante a sucesión a favor do seu fillo Kim Jong-un.

Por outra banda, a implicación chinesa na crise do Estreito de Ormuz e, en menor medida, dunha Rusia actualmente convulsionada polas protestas políticas, contribuiría á resolución desta crise. China e Rusia son socios enerxéticos e militares esenciais para Teherán e amosan unha posición crítica e contraria ás sancións da AIEA e de EUA contra o país persa. Pero crises como estas seguramente se reproducirán a medio prazo, en tanto Washington non asuma unha óptica diferente que non sexa a de intensificar o seu cerco contra Irán, contando co obvio beneplácito israelí e saudita.  

IGADI, 4 de xaneiro de 2012.

IgadiPaper nº78

Eleccións en Taiwán:
A reelección de Ma Ying-jeou e a política de distensión con China

a) Introdución

As eleccións presidenciais e lexislativas taiwanesas, celebradas o pasado 14 de xaneiro, confirmaron a consolidación (non exenta de tensións) da política de distensión e consenso entre a oficialmente denominada República de China e a súa veciña, a República Popular de China (RPCh). A reelección para os próximos catro anos do actual presidente Ma Ying-jeou (61 anos), líder do partido Kuomintang (KMT) por diante da súa rival Tsai Ing-wen,candidata do Partido Democrático Progresista (PDP), confirmou a preferencia da maior parte da sociedade taiwanesa en apoiar a postura política de Ma de avanzar no consenso con Beijing.

Igualmente, estes comicios intensificaron os dilemas de Taiwán á hora de afrontar o problema da súa identidade (común ou independente con respecto a China), así como o seu actual status quo, en especial de cara ao recoñecemento internacional e o eventual peso da súa relación con China, sendo esta o seu principal socio comercial. Considerado como un Estado de Feito (EDF), Taiwán é actualmente recoñecido por só 23 países membros da ONU.

Esta perspectiva planea constantemente sobre a vitoria de Ma e do KMT (líder da coalición “azul” que agrupa aos partidarios da unificación con China) sobre o PDP (líder dos denominados “verdes”, tonalidade que identifica aos independentistas, contrarios á unificación con China), e como a mesma influirá no futuro político e diplomático da illa taiwanesa. A identidade nacional constitúe o tema central e neurálxico da política taiwanesa e cobrará maior impacto na medida en que se aceleren as estratéxicas relacións con China continental.

Recibida a súa vitoria con beneplácito en Beijing e Washington, Ma deberá igualmente acometer outros temas de transcendente importancia para a estabilidade socioeconómica taiwanesa. Situada entre as 20 principais economías a nivel mundial, Taiwán rexistrou en 2011 un óptimo nivel de crecemento económico, estimado en 4,5%, un dato relevante tomando en conta a conxuntura de recesión global, pero sensiblemente inferior ao de 2010 (10,82%). Pero a persistencia dunha crónica corrupción administrativa e dunha ascendente desigualdade socioeconómica son factores sensibles que obrigarán a Ma a aplicar importantes reformas, abrindo curso a diversos equilibrios políticos internos e externos, moi estreitamente orientados na estabilización das relacións con China e EUA. 

b) A irreversible distensión con China

Taiwán afrontou o pasado 14 de xaneiro uns cruciais comicios presidenciais e lexislativos que permitiron a reelección do actual mandatario Ma Ying-jeou para un novo período de goberno 2012-2016. Estas foron as quintas eleccións presidenciais en Taiwán dende a transición democrática iniciada na illa en 1987. As primeiras eleccións presidenciais directas celebráronse en 1996.

A reelección de Ma e do seu partido Kuomintang (KMT) obtívose por unha relativa estreita marxe, cun 51,6%, por riba do seu rival Tsi Ing-wen (55 anos), líder do opositor Partido Democrático Progresista (PDP), quen obtivo un 45,6% dos votos. A diferenza en votos foi de case 800.000 votos, pero mentres o PDP gañou 648.629, o KMT perdeu 768.875. Tras esta derrota, Tsi presentou a súa dimisión como presidenta do PDP. No apartado da composición do Parlamento taiwanés, o KMT mantivo a súa maioría absoluta, con 64 dos 113 escanos parlamentarios, aínda que perdeu 17 escanos con respecto ás anteriores eleccións de 2008. Nas eleccións presidenciais dese ano, o KMT gañou pola ampla marxe de 17 puntos porcentuais.

Se ben a maioría da poboación taiwanesa, superior aos 23 millóns de habitantes, decantouse finalmente pola reelección de Ma e do KMT, os resultados electorais amosan igualmente unha notoria polarización sociopolítica con respecto ao tema central e neurálxico da política taiwanesa: a cuestión da identidade nacional, especialmente de cara a China continental, o principal socio comercial taiwanés. Por tanto, os comicios taiwaneses foron seguidos con estreito interese por China e EUA, os dous actores exteriores máis involucrados no contencioso taiwanés.

Tras a súa vitoria en 2008, confirmada coa actual reelección, Ma e o KMT intensificaron unha diplomacia de achegamento e distensión con China continental, marcando os pasos para eventualmente establecer unha vía de unificación pacífica. A oposición do PDP a esta política propicia que este partido defenda a opción nacionalista e independentista taiwanesa con respecto a China, aínda que sen rexeitar os seus valores culturais comúns. Por tanto, e ante a estreita marxe de reelección de Ma e do KMT así como as tendencias que apuntan as preferencias do electorado, non se descarta unha intensificación da polarización sobre o tema da identidade nacional, toda vez o actual goberno en Taipei acelere os mecanismos de achegamento con Beijing, unha política a todas luces irreversible.
            
Ma conta con importantes avais para avanzar na súa política de consenso e distensión con Beijing. Actualmente, China continental é o principal socio comercial da illa, recibindo máis do 40% das exportacións taiwanesas, un dato sensiblemente superior ao comercio bilateral de Taiwán con outros socios clave como India, EUA ou Xapón. Igualmente, o estratéxico comercio con China fortalece economicamente a Taiwán, un país cun PIB per cápita estimado en US$ 19.188 (2010) e que é actualmente o 16º maior exportador a nivel mundial (con especial énfase na tecnoloxía punta), a cuarta economía de Asia Oriental e a sétima a nivel da rexión de Asia-Pacífico, ocupando incluso o posto 22 a nivel mundial en Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). A radiografía económica taiwanesa ofrece, por tanto, un óptimo balance nun mundo sacudido pola recesión e a crise: sen débeda externa, as reservas de divisas estranxeiras de Taiwán lle confiren a cuarta posición a nivel mundial.

Todas estas variables inflúen estratexicamente no avance das relacións de distensión entre Taiwán e China. Tras décadas de enfrontamento, especúlase con que no seu próximo período de goberno, Ma asinará con Beijing un armisticio que acelere a superación das tensións. Tras asinar con China o Acordo Marco de Cooperación Económica en 2010, que recortou os aranceis para produtos taiwaneses, intensificou o aumento do turismo chinés á illa taiwanesa e disparou o aumento dos voos e o comercio bilateral, Beijing aprobou recentemente un programa de desenvolvemento na rexión situada ao Oeste do Estreito de Taiwán, que abarca as provincias de Fujian, Zhejiang, Jiangxi e Guangdong, como mecanismo clave de cooperación económica con Taiwán.

Polo tanto, intensificar o consenso con Beijing constitúe un factor estratéxico irreversible para Taipei, unha política que igualmente lle outorga facilidades adicionais a Taiwán á hora de participar e integrarse en foros internacionais.

c) Os dilemas da identidade taiwanesa

Non obstante, compre sinalar outros factores que poden moderar o achegamento entre Taiwán e China, así como incrementar a polarización dentro da sociedade taiwanesa ante este eventualmente irreversible proceso de distensión.

Con case un 47% dos votos, a opción nacionalista e independentista do PDP fortalece a súa base electoral, especialmente con respecto aos anteriores comicios de 2008. Sexa ou non irreversible o achegamento con China, a sociedade taiwanesa desexa conservar un sistema político democrático e representativo, internacionalmente homologable e que, a pesares dos casos de corrupción administrativa, é valorado pola súa transparencia. Taiwán non contempla a opción de renunciar ao seu sistema democrático nun eventual proceso de interacción e integración con China, aspecto que, por outra banda, a propia China acepta no marco da coñecida fórmula “un país, dous sistemas”.

Desde o polémico mandato do ex presidente do PDP Chen Shui-bian (2000-2008), condenado en 2010 a 17 anos de cárcere por corrupción, a sociedade taiwanesa experimentou a consolidación dunha opción de “novo nacionalismo” que acentúa a aposta  pola separación e diferenciación perpetua con respecto a China continental, especialmente en materia de símbolos políticos, do sistema democrático e aperturista taiwanés e da súa pretendida multiculturalidade. A pesar da reelección de Ma e do KMT, non queda politicamente sepultada a consistencia desta tendencia nacionalista en Taiwán, un factor que incrementa a sensación de falta de consenso social e político interno con respecto ás súas relacións con China.

Estas variables tamén inflúen nun eventual cambio de posición de Ma e do KMT con respecto á identidade taiwanesa, transcendendo as diversas acusacións de  “ambigüidade” tanto á hora de conciliar o seu pragmatismo cara China continental como de defender certos postulados da identidade taiwanesa. Esta ambigüidade do KMT moi probablemente se derive do temor a minguar os apoios electorais nas zonas tradicionalmente controladas polo PDP.

d) A tensión militar

A seguridade no Estreito de Taiwán cobra unha importancia capital, especialmente no referente á rivalidade entre China e EUA, extensiva cara o contexto rexional en Asia-Pacífico, e o valor igualmente estratéxico outorgado por Tokio. O Estreito de Taiwán é un punto neurálxico e crucial de eventual enfrontamento militar a nivel global, con Beijing e Washington no centro de atención, un aspecto que inflúe (e entorpece) considerablemente as relacións sino-taiwanesas.

En 2011, Taipei realizou compras militares por valor de US$ 6.400 millóns e segue a ser un aliado político, comercial e militar estratéxico para Washington. Por tanto, un achegamento mais que pragmático entre Taipei e Beijing constituiría unha significativa alteración dos intereses xeopolíticos estadounidenses no Estreito de Taiwán e en Asia-Pacífico.

Un escenario que igualmente obriga a considerar cómo observa Beijing a súa relación con Taiwán trala reelección de Ma e do KMT. Desde 2002, o presidente chinés Hu Jintao(quen deixará o seu cargo no XVIII Congreso do Partido Comunista Chinés previsto para finais de 2012) ven levando a cabo unha política pragmática con Taipei: se ben aprobou a Lei Antisecesión de 2005, que permite a China proclamar o uso da forza militar para evitar a independencia de Taiwán, tamén é certo que a partir dese ano, Pequín intensificou o seu achegamento con Taipei, cun diálogo directo entre o PCCh e o KMT sobre a base de aceptación do principio de “unha soa China”.

A maioría absoluta de Ma alcanzada nas eleccións de 2008 acelerou aínda mais este proceso de pragmatismo e distensión que, presumiblemente, continuará trala súa recente reelección presidencial. Pero as tensións políticas e militares seguirán presentes no Estreito de Taiwán, toda vez non se concilien as presións por parte do sector castrense en China ante a eventualidade dunha confrontación militar, a ambigüidade do KMT con respecto á identidade taiwanesa, así como a política de “dobre vara de medir” de Washington, apoiando o achegamento sino-taiwanés pero a súa vez incrementando as vendas militares a Taipei.

O previsto cambio na cúpula de poder no próximo Congreso do PCCh en Beijing e as eleccións presidenciais estadounidenses previstas para novembro próximo, son eventos que igualmente dirimirán, a medio e curto prazo, o estado do contencioso taiwanés e o seu statu quo. A reelección de Ma clarifica e aporta unha certeza básica para facer avanzar o pragmatismo nas relacións sino-taiwanesas baixo a atenta  mirada de Washington (e  Tokio).

IGADI, 18 de xaneiro de 2012

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº78296.28 KB

IgadiPaper nº79

Siria e o futuro do réxime de Bashar al Asad

a) Introdución

A prolongación da violencia e a crise política que vive Siria desde comezos de 2011 abre portas a un escenario de guerra civil con características sectarias, á vista da preeminencia de factores de índole étnica e relixiosa, similares ao conflito acontecido no veciño Líbano entre 1975 e 1990. Este clima de pre-guerra civil se traduce nos actuais choques entre as Forzas Armadas Sirias e de seguridade fieis á autoridade do presidenteBashar al Asad, e os grupos rebeldes e desertores agrupados en torno ao recen formado Exército Libre de Siria (ELS), nos suburbios da capital Damasco, nas cidades do interior Hama e Homs (reduto orixinal dos rebeldes e opositores ao réxime de Bashar), así como nas provincias de Deraa e Idlib, fronteirizas con Turquía.

Segundo fontes occidentais, de ONGs e de grupos afectos aos opositores sirios, aproximadamente 6.000 persoas morreron e unhas 15.000 persoas están detidas por razóns políticas a raíz da represión activada polo réxime de Bashar desde que comezaron as protestas en febreiro de 2011. Ademais da rebelión política derivada da denominada Primavera árabe, os factores que explican o conflito sirio se traducen en pulsos de poder sectarios derivados do mosaico de comunidades relixiosas e confesionais, especialmente a política e militarmente dominante comunidade alauíta á que pertence o clan presidencial Al Asad (10% da poboación); a maioritaria comunidade sunnita (80% da poboación); e as comunidades xiíta, cristiáns, drusos, maronitas, etc, sen esquecer a presenza de kurdos e asirios.

A diferenza do caso libio, a comunidade internacional, especialmente liderada por EUA e a Unión Europea, descarta unha intervención militar exterior en Siria a través da OTAN ou da ONU, tendo en conta que Rusia e China vetarían calquera iniciativa en contra de Damasco no Consello de Seguridade da ONU. Paralelamente, o fracaso diplomático da Liga Árabe traduce unha situación de extrema complexidade que impulsa os factores de conflito dentro de Siria. Neste sentido, a xeopolítica rexional da conta da implicación dunha diversidade de actores e intereses externos enclavados no conflito sirio, sendo estes principalmente Turquía, Irán, Israel, EUA, Francia, Gran Bretaña, Arabia Saudita e Qatar. Un eventual espallamento rexional da crise siria implicaría igualmente focos de inestabilidade en Líbano, Iraq e Palestina.

Neste contexto, dende o exterior téntase dirimir o futuro sirio e do “clan Asad”. Estas presións se centran en impulsar un posible levantamento militar contra o réxime de Bashar; negociar unha incerta “solución á iemenita” a través dun asilo exterior, tal e como sucedeu co ex presidente Abdullah Saleh; ou ben unha “solución exipcia” na que Bashar e a súa familia comparezan ante a xustiza do seu país, como acontece actualmente no caso do ex presidente exipcio Hosni Mubarak.

b) A “libanización” de Siria

Existe un notable nivel de confusión e incerteza á hora de observar o que realmente sucede en Siria. Tras un ano de protestas e cruenta represión oficial, con milleiros de civís mortos e decenas de miles de detidos segundo diversas fontes, o réxime de Bashar al Asad segue no poder, incluso tentando manterse a través da aprobación de cosméticas reformas constitucionais e dunha pouco crible apertura política e electoral.

Non obstante, a súa lexitimidade vese seriamente afectada e contrarrestada ante a configuración de milicias armadas opositoras cada vez máis activas, agrupadas en torno ao Exército Libre de Siria (ELS); da certificación de perda de poder político e militar en diversas localidades do país, como Homs e Hama; e da forte condena e presión da comunidade internacional, liderada por EUA, Europa e os seus aliados árabes, coa notable excepción de países aliados ao réxime de Bashar como Rusia, China, Irán e Venezuela.

Á vista do complexo mosaico de confesionalidades relixiosas existente en Siria, a eventual certificación dunha guerra civil neste país ofrecería certas similitudes coa prolongada guerra civil libanesa (1975-1990). Ironicamente, foi precisamente a presenza militar siria nese país (con 35.000 efectivos militares apostados desde 1990 ata a súa retirada en 2005), o factor que contribuíu ao mantemento dun notable nivel de estabilidade e pacificación no Líbano, a pesar da impopularidade que esta presenza militar siria tiña en diversos sectores da sociedade libanesa.

Por tanto, a reprodución dunha “libanización” en Siria implicaría importantes riscos para a seguridade e a xeopolítica en Oriente Próximo. Existe a presunción, principalmente en Occidente, de que a represión oficializada por Bashar finalmente acabará coa súa lexitimidade presidencial. Pero resulta igualmente unha incógnita a potencialidade do ELS e dos grupos opositores para cumprir cun acordo de unidade nacional que dea paso á estabilización do país nun hipotético escenario post-Bashar. Así, a crise siria pode diluírse nunha situación similar á actualmente acontecida na Libia post-Gadafi, aínda que sen intervención militar exterior.

Diversas informacións aseguran que diariamente se observa unha riada de desercións nas Forzas Armadas sirias, nos organismos de seguridade e no corpo administrativo ata agora fiel ao clan Asad. Non obstante, Bashar aínda posúe importantes bazas ao seu favor, basicamente concentradas na comunidade alauíta inserida nas Forzas Armadas, no gobernante Partido Ba´ath (de orientación socialista e panarabista) e na burguesía comercial e burocrática, principalmente asentada en Damasco, amplamente beneficiada do proceso de liberalización económica instaurado polo actual presidente sirio desde 2001. Incluso, Bashar semella ter o tácito apoio do Gran Muftí de Siria, Sheij Ahmad Badr al-Din Hassun,  líder da comunidade musulmá sunnita, temeroso de que unha Siria post-Bashar derive nun desequilibrio confesional co predominio de sectores radicais relixiosos, principalmente xiítas.

A isto se suma o tácito apoio exterior a Bashar de aliados militares e económicos como Rusia (Siria é o destino do 10% das vendas globais de armamento ruso, con contratos militares valorados en US$ 15.000 millóns), China, Irán (o aliado xeopolítico rexional de Bashar, con importante influencia dentro da comunidade xiíta siria) e Venezuela. En termos xeopolíticos, Bashar está convencido da súa dependencia do apoio ruso e chinés.

Pola súa banda, a confusión informativa, que leva a sospeitar da relativa certeza respecto ao que realmente sucede, da conta dun ELS que posúe aproximadamente 20.000 efectivos, moitos deles incluso desertores da comunidade alauíta. Pero os grupos opositores, agrupados no denominado Consello da Revolución, inclúen a diversos colectivos sunnitas, xiítas, laicos e membros de importantes grupos políticos contrarios ao dominio do clan Asad, tales como o panislamista Movemento da Irmandade Musulmá (IM), e a Xunta Nacional Democrática (XND), de adscrición laica e esquerdista. Tanto a IM como a XND son históricos inimigos políticos dos Asad, desde que este clan achegarase ao poder en 1971 baixo a presidencia de Hafez el Asad, pai de Bashar.

Estes grupos aprobaron en xuño de 2011 en Antalya (Turquía) un programa político que culminaría nun Goberno Provisional baseado en tres principios: unidade nacional; democracia e parlamentarismo; e republicanismo laico, co obxectivo de convocar eleccións libres inmediatas trala eventual caída do réxime de Bashar. A pesar dos avances das milicias do ELS, a súa consistencia política e o cumprimento deste programa resultan unha total incógnita.

c) Os intereses exteriores

A realización en Turquía desta reunión dos grupos opositores sirios confirma a implicación de Ankara na crise siria e o seu cambio de actitude, tomando agora posición a favor dos rebeldes. Desde 2004, o goberno turco do primeiro ministro Recep Tayyip Erdoganampliou contactos co réxime de Bashar (principalmente económicos), na súa pretensión de liderar un proceso de paz en Oriente Próximo entre Damasco e Tel Aviv. Pero a actual represión en Siria, que levou a que miles de sirios se refuxiaran na fronteira turca, amosaron o distanciamento de relacións de Ankara e Damasco, moi probablemente por instigación de Washington.

Pola súa banda, Occidente e os seus aliados árabes abren o compás de plans orientados a propiciar a caída do réxime sirio. O pasado 30 de xaneiro, diversas informacións advertiron dun posible levantamento militar contra Bashar, cun Golpe de Estado aparentemente instigado dende EUA, Gran Bretaña, Francia, Turquía, Arabia Saudita, Xordania e Qatar. Incluso, especúlase con que estes actores están negociando unha posible “solución iemenita” no caso de desaloxo do poder do clan A           sad, buscando asilo exterior para o actual presidente sirio e a súa familia como aconteceu en novembro pasado co ex presidente iemenita Abdullah Saleh.

Ante esta profusión de rumores e con combates nos suburbios de Damasco que dan a entender a ampliación das actividades do ELS, o presidente Bashar ordenou o pasado 31 de xaneiro unha inmediata purga na Garda Revolucionaria Siria, nomeando ao seu irmánMaher Asad ao fronte das mesmas, a fin de garantir a lealdade castrense.

Paralelamente, é apreciable o fracaso da Liga Árabe por atopar unha solución diplomática e política á crise siria, incluso recibindo unha dura crítica dende Rusia por  aparentemente instigar un cambio de goberno de Damasco. Ao mesmo tempo, e a pesar de impulsar resolucións na ONU de condena contra a represión en Siria, EUA e a Unión Europea aparentemente desestiman unha intervención militar, coñecendo de antemán o veto que impulsarían Rusia e China no Consello de Seguridade da ONU en contra dunha intervención en Siria que, obviamente, alteraría o mapa xeopolítico rexional a favor dos intereses occidentais.

Trala intervención militar da OTAN e da ONU en Libia, que contou co aval ruso e chinés única e exclusivamente para a aplicación dunha zona aérea exclusiva e non dunha intervención militar, Moscova e Pequín semellan agora convencidos de non reproducir en Siria o mesmo exemplo.

Finalmente, países árabes aliados de Occidente como Arabia Saudita e Qatar, observan no escenario sirio un importante espazo de intereses económicos (igualmente reproducidos na veciña Líbano), así como a velada intención de abortar ou moderar ao seu favor calquera posibilidade de reprodución da Primavera árabe nos autocráticos réximes do Golfo Pérsico. Pola súa banda, e a pesar de manter publicamente o seu apoio ao réxime de Bashar, Irán, tradicional aliado xeopolítico sirio en Oriente Próximo, observa con certo distanciamento a actual conxuntura, tendo en conta as súas tensións militares propias con EUA e Israel, especificamente no Estreito de Ormuz, e do pulso nuclear que Teherán mantén coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA).

A práctica certificación dunha guerra civil en Siria e a incerta caída do réxime de Bashar al Asad, abriría o curso dunha inestabilidade rexional, con especial atención cara os escenarios libanés, iraquí e palestino. Aquí entraría en xogo Israel, cuns intereses que vense contraditoriamente afectados coa actual crise siria. Se ben o réxime dos Asad é un tradicional inimigo político e militar israelí, Tel Aviv amosa unha posición de distanciamento (ironicamente similar á do seu tamén rival Teherán), ante o temor a que unha eventual caída de Bashar dea paso a un réxime nacionalista, progresista e democrático, ou hipoteticamente do fortalecemento dun movemento islamita en Damasco.

Co distanciamento de antigos aliados israelís como Turquía e Exipto, Israel vería igualmente alterados os seus intereses no caso dunha eventual caída do réxime de Bashar, confirmando así a escasa capacidade de reacción e a atomización de intereses de Tel Aviv ante os cambios políticos que están ocorrendo na rexión.

IGADI, 03 de febreiro de 2012

AnexoTamaño
IgadiPaper nº79293.82 KB

IgadiPaper nº80

Eleccións presidenciais Rusia 2012

a) Introdución

O próximo domingo 4 de marzo, Rusia celebrará eleccións presidenciais nas que por vez primeira elixirase un mandatario para un período de seis anos. O ex presidente e actual primeiro ministro Vladimir Putin (partido Rusia Unida) lidera comodamente as enquisas e apunta ao seu retorno presidencial ao Kremlin, tras anteriormente ocupar este cargo no período 2000-2008. Os seus principais rivais serán Gennadi Ziugánov (Partido Comunista da Federación de Rusia); Mikhaíl Mirónov (partido Rusia Xusta);  Vladimir Zhirinovski(Partido Liberal-Demócrata); e o empresario Mikhail Prójorov, quen participa como candidato independente sen partido con representación parlamentaria. Así e todo, ningún deles semella posuír a fortaleza electoral suficiente para vencer a Putin.

Non obstante, estes comicios electorais veñen precedidos pola inédita vaga de protestas cidadáns que nos últimos meses se celebran na capital Moscova e noutras localidades rusas, cunha mobilización contra un presunto fraude electoral cometido nos comicios lexislativos de decembro de 2011 e que, segundo acusan diversos sectores opositores, podería volver a cometerse este próximo domingo. Resta, por tanto, observar cal será o efecto real destas protestas traducida en eventuais cambios políticos e se a mesma logrará vertebrarse nunha alternativa política crible no futuro, ante un cadro de presunta falta de democratización e restrición de liberdades políticas na Rusia actual.

Co fait accompli traducido no eventual retorno de Putin ao Kremlin, os retos e prioridades do seu programa político identifican a necesidade de recuperar a fortaleza e potencialidade internacional de Rusia, especialmente no apartado militar. Mentres se anuncia un ambicioso plan de modernización das Forzas Armadas, nas derradeiras semanas e a través de diversos artigos de opinión, o propio Putin ven trazando sutilmente unha liña política tendente a potenciar o nacionalismo e patriotismo ruso, a criticar unha presunta implicación occidental na política interna (en clara referencia ás manifestacións cidadáns) e cuestionar severamente a política occidental no escenario internacional (Siria, Irán, Corea do Norte).

Pero o escenario 2012 revela igualmente un mapa moito mais complexo que en anos anteriores. A pesar dos aínda forte índices de popularidade, apréciase un esgotamento cidadá respecto a preponderante figura de Putin e unha erosión da lexitimación do seu discurso. Ao mesmo tempo, intensifícanse os temores sobre unha eventual deriva autoritaria en Rusia, á vista dos presuntos proxectos de hexemonía política de Putin e Rusia Unida e a perspectiva de que se entronice no poder alén do 2024.

b) Putin: acto segundo

A maioría das enquisas electorais e dos medios de comunicación, tanto rusos como internacionais, coinciden en afirmar que Vladimir Putin retornará comodamente á presidencia rusa para un novo período, esta vez de seis anos, entre 2012 e 2018. Ata agora, os períodos presidenciais rusos eran de catro anos pero unha emenda constitucional aprobada pola Duma ou Parlamento (con abafante maioría do partido gobernamental Rusia Unida) determinou ampliar a seis anos o período presidencial, mantendo o requisito de superar a barreira do 50% da votación para gañar en primeira volta.

As enquisas, desde mediados de febreiro, son claras neste sentido. O Centro Levada estima que a popularidade e intención de voto para Putin sitúase en torno ao 66% dos cidadáns, moi lonxe do pretendido 15% adxudicado ao comunista Ziugánov ou o 8% do populista e ultranacionalista Zhirinovski. Este mesmo centro considera que un 80% dos rusos cren que Putin volverá á presidencia mentres a metade dos enquisados sinalan que as eleccións serán “libres e transparentes”.

Pola súa banda, outra enquisa da firma independente Opinión Aberta é un pouco menos favorable para Putin, adxudicándolle un 48% de intención de voto, mentres Ziugánov e Zhirinovski oscilan entre o 6-8%. Finalmente, o Centro de Estudo da Opinión Pública, entidade vinculada á administración presidencial, identifica a intención de voto para Putin nun 58,6%.

Esta sensación de “vitoria anunciada” para Putin veuse repentinamente alterada coa profusión de diversas manifestacións e protestas que vive o país desde decembro pasado, trala realización de eleccións lexislativas. Nas mesmas, reunindo nas últimas  semanas a miles de cidadáns tanto en Moscova como noutras cidades rusas,  criticouse duramente a presunta falta de transparencia electoral, a corrupción administrativa e a eventual consolidación dun proxecto autoritario e hexemónico en mans de Putin. Estas manifestacións contaron coa presenza de diversos líderes e sectores opositores, en especial do liberal Grigori Yavlinski, legalmente imposibilitado para concorrer aos comicios presidenciais, instando ao boicot electoral o próximo domingo 4 de marzo.

Non obstante, a figura mais popular detrás dos manifestantes é a de Alexéi Navalni, quen dirixe un proxecto de observación electoral e frecuentemente crítico contra a corrupción e a falta de transparencia electoral no país. A través de diversos blogs, Navalni e outros sectores opositores veñen denunciando unha recente arremetida gobernamental contra os medios críticos, así como a restrición de liberdades cívicas e políticas e as arbitrariedades do sistema electoral, que presuntamente afianzarían a hexemonía de Putin e Rusia Unida. Pero poucos cren que, polo de agora, a consistencia destas inéditas protestas e mobilizacións permitan tecer unha alternativa política capaz de contestar a evidente hexemonía gobernamental.

Pola súa banda, desde sectores oficiais vense intensificando unha ampla campaña orientada a reforzar a popularidade da imaxe de Putin baixo slogans como “un líder forte e nacionalista” do que “Rusia precisa para evitar caer na anarquía e afianzar o seu lugar no mundo”. O mesmo Putin ven adiantando nos medios oficiais unha serie de artigos de opinión coa pretensión de dar a coñecer, progresivamente, as liñas matrices do seu próximo programa de goberno.

Rememorando o caos político existente nos anos de goberno do falecido ex presidenteBoris Ieltsin (1992-1999), estes temores oficiais sobre unha presunta “anarquía” sen Putin acompáñanse, incluso, da presunta proliferación de ameazas contra a seguridade nacional rusa: o pasado 26 de febreiro, a TV estatal denunciou un aparente intento de asasinato contra Putin, con arrestos de presuntos implicados na localidade ucraína de Odessa. Os medios non dubidaron en apuntar á posible man de Doku Umarov, o coñecido “Señor da Guerra” de Chechenia.

c) A “modernización” de Rusia  

En todo caso, Rusia prepárase para o retorno oficial presidencial de Putin ao Kremlin, rematando así o ciclo de goberno en mans de Dmitri Medveded (2008-2012), popularmente considerado como o seu “delfín político” e que eventualmente retornaría ao cargo de primeiro ministro. En diversos sectores políticos e de opinión pública se confirma a concreción dun proxecto político no que Putin e Rusia Unida asegurarían a súa hexemonía política, como mínimo, durante unha década máis.

Este eventual escenario confirmaría a Putin como o líder mais decisivo e relevante da Rusia post-soviética, precisamente co pretendido obxectivo de “modernizar” a Rusia afastándoa do seu pasado soviético pero, ao mesmo tempo, tentando recuperar (ata agora case infrutuosamente) a súa posición de potencia global. Simbolicamente, un momento clave estaría centrado na celebración en Rusia do Mundial de Fútbol 2018, no que Moscova ansía potenciar a modernización e creación de novas infraestruturas e ofrecer a imaxe dun país rico e puxante. Ese ano, Putin e Rusia Unida buscarían unha nova reelección presidencial, coa utilización política deste evento deportivo como un forte bastión electoral.

Para acicalar o proxecto da “nova Rusia”, o presidente Medveded e altos cargos do goberno ruso declararon o pasado 23 de febreiro, durante un acto militar, a necesidade de modernizar e repotenciar ás Forzas Armadas rusas cara 2020, elevando o seu orzamento do 15% actual ao 70%, en total mais de 20 billóns de rublos (500 mil millóns de euros).

Nas últimas semanas, Putin, Medveded e altos cargos militares veñen afianzando a idea de modernizar o Exército e a Mariña rusas para “adecualas ás ameazas e desafíos da seguridade nacional”, un aspecto que moi probablemente intensificará a medio prazo as friccións e o pulso con Occidente, en especial ante a pretensión rusa de afastarse do predominio euroatlántico no escenario internacional. Non obstante, e con este reforzamento do sector militar, Putin busca asegurar o apoio político das elites militares rusas, incluso deseñando unha estratexia política de seguridade nacional a través da inserción e achegamento de Rusia Unida aos sectores militares.

Paralelamente, no plano político interno, estimase que Putin consideraría leves e cosméticas reformas políticas, ofrecendo un iluso pragmatismo destinado a abortar calquera avance dos movementos opositores así como de novas elites de oligarcas que, eventualmente, supoñan un obstáculo político a longo prazo que ameace a hexemonía política de Rusia Unida.

Así mesmo, Putin comeza a trazar as novas prioridades da política exterior rusa, orientadas a manter unha posición de forte crítica da hexemonía de EUA, tal e como ven evidenciándose desde decembro pasado cando acusou a Washington de estar detrás das protestas cidadáns. Deste xeito, Putin busca igualmente identificar unha “conspiración exterior” contra Rusia, acusando sutilmente a pretensión occidental de reproducir en Rusia as “revolucións de cores” acaecidas no espazo ex soviético desde 2003, e que levaron a cambios de goberno en Ucraína, Xeorxia e Kirguizistán. Precisamente, os sectores opositores acusan a Putin de evitar por todos os medios esta reprodución en Rusia das vagas de cambios políticos neste espazo ex soviético.

Nos últimos días, Putin elevou duras críticas cuestionando e denunciando a actuación occidental no transcurso da Primavera árabe, principalmente en Libia e Siria, así como en temas sensibles para a seguridade internacional, en especial no apartado nuclear, como son os casos de Irán e Corea do Norte. Resulta, por tanto, moi posible que Putin tente potenciar as alianzas estratéxicas “euroasiáticas” de Rusia con China e Irán así como, levemente e en menor medida, con outros actores emerxentes no sistema global, tales como a India, Brasil e incluso Turquía.

Paralelamente, esta visión buscará asegurar zonas de predominio rusas dentro do espazo ex soviético (Ucraína, Bielorrusia, Cáucaso e Asia Central), na “periferia estadounidense” dentro do hemisferio occidental (Venezuela e o eixe da ALBA), e manter unha posición de prudente observación dentro do escenario europeo, en especial no relativo aos intereses enerxéticos rusos e ante o momentaneamente paralizado proceso de ampliación da UE e da OTAN cara as fronteiras rusas.

Así e todo, os retos que esperan a Rusia para os próximos anos dirimirán unha serie de inéditos pulsos entre as pretensións de lexitimación dun proxecto hexemónico coas cada vez mais crecentes demandas de maior democratización e liberdades cívicas e políticas, todo isto inserido nunha sórdida loita de poder entre diversas elites incrustadas nas estruturas políticas, administrativas e militares, así como do crecente poder da mafia e do crime organizado con importantes conexións internacionais.

Non se debe igualmente esquecer o efecto social que terían os embates da crise económica global nun país aínda dependente das materias primas (petróleo e gas natural), con escasa diversificación do seu tecido industrial, toda vez a caída dos índices demográficos e o ascenso da fenda socioeconómica son factores que revelan importantes síntomas de debilidade na Rusia actual, deixando abertos diversos e incertos escenarios de conflitividade e tensión social.

IGADI, 28 de febreiro de 2012

AnexoTamaño
IgadiPaper nº80295.27 KB

IgadiPaper nº81

Eleccións presidenciais en Timor Leste:
entre a polarización e a estabilidade

a) Introdución

Baixo un tenso clima político, a República Democrática de Timor Leste celebrará o próximo 17 de marzo a súa terceira elección presidencial para un período de cinco anos, tras a proclamación da súa independencia de Indonesia en 1999 e o seu recoñecemento formal internacional en maio de 2002. En xuño próximo, Timor Leste celebrará eleccións lexislativas.

O décimo aniversario da independencia timorense vese salpicado pola polarización electoral derivada das fortes rivalidades políticas. Na actual contenda  enfrontaranse o actual presidente José Ramos-Horta (63 anos), cunha candidatura independente, tendo como principal rival ao líder opositor Francisco Guterres (popularmente coñecido como“Lu Olo”, de 58 anos), candidato da Fronte Revolucionaria para un Timor Leste Independente (FRETILIN).

O cadro electoral presidencial timorense complétase coas candidaturas do xeneral José María Vasconcelos, popularmente coñecido como “Taur Matan Ruak” (56 anos), ex comandante do FALINTIL-Forças de Defesa de Timor Leste (F-FDTL),  quen tamén se presenta como independente. Outras candidaturas son as de Fernando de Araújo (“La Sama”, de 49 anos), presidente do Parlamento Nacional de Timor Leste e do Partido Democrático; e José Luís Guterres (“Lugo”, de 58 anos), viceprimeiro ministro e líder da Fronte Mudança, unha fracción escindida do FRETILIN.

Parcialmente afastado da atención internacional, a andaina política independente de Timor Leste da conta dun melloramento da súa estabilidade e fortalecemento institucional pero tamén dos imperantes retos de superación das desigualdades socioeconómicas nun dos países cos índices de pobreza máis elevados de Asia-Pacífico. Na actual conxuntura electoral, a tensión política rebrotou en diversas localidades da capital Dili e do interior do país, con ataques ás dependencias da Comisión Electoral e que levaron ao goberno de Ramos-Horta a solicitar a intervención de forzas internacionais da ONU, con medio milleiro de efectivos.

Precisamente, a presenza militar da ONU como garante da estabilidade timorense constitúe un tema clave a curto prazo, e mais no actual contexto de renovación da tensión e da violencia política. A ONU mantén máis dun milleiro de policías e militares na illa e ten prevista a súa retirada o próximo 31 de decembro, tal e como decidiu en febreiro pasado o seu Consello de Seguridade. Pero tanto o presidente Ramos-Horta como o seu primeiro ministro Xanana Gusmão (Consello Nacional da Reconstrução de Timor Leste, CNRT), son partidarios de que a retirada militar e policial da ONU se efectúe antes de rematar 2012.

b) Polarización electoral no décimo aniversario da independencia

En 2012, Timor Leste celebrará dous importantes procesos electorais: os comicios presidenciais previstos para o próximo 17 de marzo; e os comicios lexislativos en xuño. Ambos procesos coinciden coa conmemoración do décimo aniversario da independencia de Timor Leste, tras converterse no 191º Estado membro da ONU en setembro de 2002.

Paralelamente, ao finalizar 2012 rematará a Misión Integrada de Nacións Unidas en Timor Leste (MINUT), cunha permanencia constituída como garante principal da estabilidade do país e cun mandato que expirará o próximo 31 de decembro. Tralos violentos disturbios políticos e étnicos de 2006 (que incluíu unha rebelión militar), a MINUT, que conta con 1.397 efectivos militares en Timor Leste, a maioría provenientes de Australia, Nova Zelandia, Portugal e Malaisia, impulsou a partir de 2007 a creación da Policía Nacional de Timor Leste (PNTL), órgano principal de seguridade do país e garante da estabilidade dos próximos comicios presidenciais e lexislativos.

Se ben a estabilidade timorense mellorou notablemente trala violencia política de 2006, o escenario electoral de 2012 da conta dun contexto de profundas rivalidades persoais que non só condicionan o panorama político senón que anuncian unha eventual atomización parlamentaria como resultado dos comicios lexislativos de xuño próximo, alterando así o marcado bipartidismo trazado nesta última década entre o Consello Nacional da Reconstrução de Timor Leste (CNRT) e a Fronte Revolucionaria para un Timor Leste Independente (FRETILIN).

Esta atomización política vese manifestada pola proliferación de candidaturas independentes presidenciais (trece en total) a pesar de que varias delas contan co apoio explícito ou tácito de diversos partidos e movementos políticos. Así mesmo, un total de 24 partidos e formacións políticas están rexistrados para presentarse nos próximos comicios lexislativos. As súas posibilidades electorais van depender igualmente dos resultados previamente alcanzados por estes partidos políticos nos comicios presidenciais.

De cara ás eleccións presidenciais do próximo 17 de marzo, a preferencia electoral semella centrarse na confrontación política entre o actual presidente José Ramos-Horta, candidato independente elixido nos anteriores comicios presidenciais de 2007 con apoio da CNRT; e o líder opositor Francisco Guterres (Lu Olo), principal candidato da FRETILIN, aínda que este partido comparece coa limitación engadida da candidatura de José Luís Guterres (Lugo), líder da facción Fronte Mudança.

A candidatura do FRETILIN pode verse igualmente condicionada pola do popular xeneralTaur Matan Ruak, ex comandante do FALINTIL-Forças de Defesa de Timor Leste (F-FDTL), quen se presenta tamén como independente. Retirado das Forzas Armadas en outubro de 2011, Taur Matan Ruak mantén aínda unha sólida base de apoio político en diversos estamentos do FRETILIN así como entre os militares veteranos da loita independentista contra Indonesia (1975-1999), un factor clave para definir os apoios e simpatías no actual panorama político timorense.

Esta polarización política CNRT-FRETILIN define en gran parte a radiografía sociopolítica do Timor Leste independente. A CNRT constitúe unha especie de “paraugas” de partidos e movementos historicamente ligados á figura do actual primeiro ministro Xanana Gusmão. Conta actualmente co apoio de diversas clases medias e empresariais beneficiadas polos contratos gobernamentais (especialmente na explotación de petróleo e gas natural) así como de diversos estamentos sociais simpatizantes coa integración en Indonesia, e que finalmente mantivéronse leais a Gusmão unha vez este instaurara a Comisión de Reconciliación Nacional tras a independencia. Por tanto, a base electoral da CNRT ten na capital Dili e nas provincias centrais os seus referentes esenciais  e pode que os seus votantes se decanten pola reelección presidencial de Ramos-Horta, tal e como ocorrera nos anteriores comicios de 2007.

Pola súa banda, o FRETILIN conserva o legado histórico da loita revolucionaria e independentista timorense contra o dominio indonesio, mantendo unha forte simpatía política nas provincias do Leste do país. Neste sentido, o legado da loita revolucionaria e independentista constitúe unha credencial política clave nun FRETILIN fragmentando e erosionado por diversos liderados con forte arraigo popular, como son os casos dos actualmente candidatos Lu OloTaur Matan Ruak e Lugo.

Finalmente, compre salientar a posibilidade de que o candidato Fernando de Araújo (La Sama), actual presidente do Parlamento Nacional de Timor Leste e líder do Partido Democrático (PD), se configure nunha especie de “candidatura bisagra” entre Ramos-Horta e Lu Olo. De cara á conformación do próximo Parlamento Nacional, e tendo en conta a proliferación de partidos e formacións políticas, a diversidade de coalicións albíscase como vía mais certeira para redefinir o mapa político timorense para os próximos anos.

c) Marcando os retos para o futuro

Se ben as próximas eleccións presidenciais e lexislativas timorenses, así como a retirada da misión da MINUT, condicionarán o mapa político inmediato do país, outros factores de carácter económico e social terán unha influencia clara na súa estabilidade.

A falta de definir este novo mapa político, o país debe considerar importantes retos a curto e medio prazo que influirán na súa estabilidade institucional e social. Ademais da seguridade e da fortaleza institucional, un destes retos é o relativo aos aínda relevantes índices de pobreza, as desigualdades socioeconómicas xeradas pola reconstrución nacional e un elevado desemprego que, principalmente, afecta á mocidade timorense, en especial na capital Dili. Incluso en diversos estamentos sociais da capital aprécianse alarmantes datos de desnutrición infantil e analfabetismo.

Timor Leste é un dos países máis pobres da área de Asia-Pacífico. No Índice de Desenvolvemento Humano 2010 elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), o país situouse no posto 120 entre 169 países. Segundo datos do Banco Mundial, a agricultura representa o 30% do PIB timorense e o 75% do emprego nacional. Non obstante, nos derradeiros cinco anos o país ven ascendendo posicións na escala do IDH, incluso con perspectivas de alcanzar o ranking de países de renda media na próxima década.

Outro factor a ter en conta son os plans de desenvolvemento e as infraestruturas, aínda escasas nos dez anos de independencia e de reconstrución nacional. O goberno timorense adiantou un ambicioso plan de investimentos en infraestruturas para o período 2011-2030 que, inexplicablemente, non ten un impacto político relevante na campaña electoral de 2012, a pesar de que constitúe un baluarte esencial para apuntalar o desenvolvemento socioeconómico do país.

Precisamente, a actual campaña electoral timorense dilúese nunha infrutuosa “guerra” de rivalidades e confrontacións políticas entre os diversos liderados, incluso algúns deles manipulados a través dun discurso incendiario, que non só pode espallar socialmente estas rivalidades políticas (e incluso étnicas) senón que opaca un necesario debate público sobre a importancia dos programas sociais, principalmente en saúde, educación e desenvolvemento local. Incluso, a discusión sobre os programas de asistencia social vese obstaculizada pola pretensión de asegurar e primar os fondos de pensións para militares retirados involucrados na loita independentista, un propósito  con obvia intencionalidade electoral.

Dentro dos programas de desenvolvemento, é igualmente relevante o papel do Fondo Petroleiro e a importancia para a economía timorense da explotación de petróleo e gas natural no mar de Timor, un escenario onde Australia mantén o predominio dos contratos e das áreas de exploración e explotacións. A pesar da corrupción administrativa emanada dos contratos, denunciada por diversas ONGs e a propia ONU, diversos organismos internacionais celebraron a transparencia na xerencia dos recursos financeiros dun Fondo Petroleiro que mobilizou, a finais de 2011, un monto de US$ 8 mil millóns.

Finalmente, resulta necesaria un alargamento do plan de reconciliación nacional trala independencia que permita reverter a impunidade xudicial persistente ante os crimes cometidos durante a guerra entre 1975 e 1999 contra a dominación indonesia, e que causaron aproximadamente 200.000 civís mortos e desaparecidos.

Así e todo, Timor Leste pode exhibir relevantes logros, con principal énfase na seguridade e estabilidade nacional. Segundo datos da ONU, un 50% dos votantes rexistrados na Comisión electoral para estes comicios son mulleres, un aspecto que reforza os programas de participación feminina. Paralelamente, o país lexitima a súa presenza internacional como membro do Banco Mundial, do Fondo Monetario Internacional, do Movemento dos Non Aliñados, da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, do Foro Rexional da ASEAN e como observador do Foro do Pacífico. 

IGADI, 15 de marzo de 2012

AnexoTamaño
IgadiPaper nº81300.66 KB

IgadiPaper nº82

Islandia: outra saída da crise

a) Introdución

Silenciada e escasamente atendida polos mass media, a peculiar revolución popular que vive Islandia a resultas da crise financeira de 2008 desenvolveuse a través dunha masiva e pacífica rebelión cidadá destinada a reconducir os poderes públicos nacionais e sanear a súa economía mediante a nacionalización do seu sistema financeiro, a negativa a pagar a débeda externa e a vontade de reescribir a Constitución nacional.

Aínda que non é un país membro da Unión Europea, o exemplo islandés serve como referencia de participación democrática cidadá no actual contexto de tensións económicas e financeiras na zona Euro, con especial atención cara países como Grecia, Portugal, Irlanda, Italia e España. O impulso democrático islandés contrasta notoriamente coa preponderancia dos designios políticos e económicos emanados das elites comunitarias á hora de acometer os cada vez maiores problemas socioeconómicos europeos, intensificando o descrédito e a desconfianza cidadá ante a clase política europea.

Con pouco máis de 320.000 habitantes, Islandia figuraba entre os países con maior renda per cápita a nivel mundial e, segundo un estudo da ONU de 2007, como “o mellor país do mundo para vivir”. Pero o colapso financeiro desatado a partir de outubro de 2008, coa masiva retirada cidadá dos seus aforros reproducindo escenas similares á acontecidas durante o “corralito” na Arxentina de decembro de 2001, deu paso á abrupta caída da economía islandesa e a volatilización da súa pretendida estabilidade social e política.

Dende entón, a popularmente denominada “revolución das cazolas e tixolas”  deu paso a unha inédita rebelión cidadá que levou á caída do goberno islandés e á aprobación parlamentaria dunha Lei para a Asemblea Constituínte que impulsa a democracia participativa a través da redacción dunha nova Constitución. Non obstante, as incertezas sobre o futuro islandés seguen centradas na persistencia dun escenario de suxeición e práctica “hipoteca” económica do país perante os organismos internacionais.

b) Os alcances dunha rebelión cidadá

Outubro de 2008 marcou unha referencia clave na historia contemporánea de Islandia, unha illa atlántica de só 320.000 habitantes habitualmente considerado como un dos países con mellores condicións socioeconómicas e saudable e democrática estabilidade política. Tras unha intensa e expansiva privatización do seu sector económico público e, especialmente, bancario a partir de 2003, os efectos da crise económica global de 2008 sacudiron fortemente en Islandia, unha vez a bancarrota financeira deu paso á nacionalización do Landsbanki, Kaupthing e Glitnir, os principais bancos do país, que contaban cunha enorme preponderancia de capital exterior, principalmente británico e holandés.

A bancarrota financeira islandesa evidenciouse a través de diversos indicadores, como o seu elevado nivel de endebedamento (calculado nun 33% do seu PIB), déficit externo (30% do PIB) e presión fiscal (42% do seu PIB, entre as mais altas dos países membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, OCDE), que repercutiron na caída do valor monetario da coroa islandesa e a suspensión das actividades da Bolsa de Valores de Reikjavik, cunha dramática caída do 76% das súas accións.

Compre sinalar outros factores que canalizaron a crise islandesa: case un 70% da débeda dos bancos islandeses estaba concentrada en moeda estranxeira, principalmente euros, libras esterlinas, dólares e coroas norueguesas. Se ben unha parte desta débeda foi pagada a bancos estranxeiros, outra porción moi significativa foi canalizada a través dunha masiva expansión de créditos internos, principalmente cara os sectores da minería e da construción. Isto provocou un alarmante desequilibrio na balanza comercial e fiscal islandesa tendo en conta que a emisión de créditos era escandalosamente superior á produción económica real do país.

Moitos analistas consideraron que o colapso bancario islandés de 2008-2009 constituíu o mais grande sufrido por país algún na historia económica mundial, obviamente con repercusións noutras economías, como a británica. Por tanto, a reacción cidadá islandesa deu paso, dunha forma sucinta e inesperada, a unha mobilización popular inducida pola bancarrota e a indignación, levándose por diante o primeiro goberno a raíz da crise económica global.

Entre 2008 e 2009, milleiros de cidadáns islandeses tomaron as rúas en sucesivas protestas, con medios de expresión tan elementais como a utilización de cazolas e ovos contra os parlamentarios e as elites políticas, responsabilizados directamente pola crise financeira. Igualmente, organizáronse asembleas populares nas rúas de Reikjavik, como elemento inicial e referente das posteriores manifestacións dos “indignados” en varias capitais europeas ou do movemento “Occupyng Wall Street” en EUA durante o 2011.

Estas mobilizacións e protestas nas rúas deron paso á renuncia do entón primeiro ministroGeir Haarde en xaneiro de 2009 e á convocatoria dun referendo popular en abril seguinte, no que o 93% dos islandeses decidiron non pagar a débeda externa do país, en gran medida en mans de bancos ingleses e holandeses. Se ben Islandia forma parte do Espazo Económico Europeo (EEE) e do Espazo Schengen, noutro referendo celebrado en 2009, a maioría dos islandeses votaron en contra da súa adhesión á Unión Europea.

No transcurso de 2009 e 2010, as novas autoridades islandesas emanadas das asembleas cidadás e das eleccións parlamentarias apresaron a políticos, banqueiros e altos executivos responsabilizados pola crise, entre eles o ex primeiro ministro Haarde, mentres Interpol ditou orde de arresto contra eventuais fuxitivos. En abril de 2009 realizáronse eleccións parlamentarias que deron a vitoria ao actual goberno de Jóhanna Sigurðardóttirex ministra de Asuntos Sociais que formou un goberno de coalición na denominada Alianza Socialdemócrata, incluíndo ao Movemento Esquerda-Verdes e o Partido Progresista.

Como elemento simbólico que realza aínda mais os efectos da “revolución islandesa”, Sigurðardóttir converteuse no primeiro caso dunha xefe de goberno de orientación sexual homosexual, xa que posteriormente casou en 2010 coa escritora e xornalista Jónína LeósdóttirAs principais diverxencias políticas no entorno de Sigurðardóttir teñen como principal fundamento a súa posición proclive ao ingreso islandés na UE e á adopción do Euro como moeda nacional.

c) Poder constituínte e “non” ao pago da débeda

En 2010, e a pesar da oposición dos partidos políticos tradicionais moitos deles pertencentes ao goberno de Haarde, o Parlamento islandés aprobou unha Lei de Asemblea Constituínte na que os islandeses puideron elixir un parlamento composto por só 25 cidadáns sen filiación política. Este parlamento encargaríase de redactar unha nova Constitución baixo o aval e competencia dun poder cidadá determinado a evitar o auxe dunha clase política “profesional”  e oligárquica enquistada nos partidos políticos tradicionais.

Non obstante, en xaneiro de 2011, o Tribunal Supremo islandés invalidou estes resultados constituíntes por presuntas irregularidades do proceso electoral. Aínda así, a discusión pública sobre a nova Constitución segue o seu curso e será votada noutro referendo durante o ano 2012.

Está igualmente por ver qué sucederá finalmente co referendo de rexeite do pago da débeda externa, unha vez en febreiro de 2011, e probablemente baixo presión dos bancos británicos, o Parlamento islandés decidiu pagar os compromisos de débeda externa islandesa alén do 2019. Non obstante, o presidente islandés Ólafur Ragnar Grímssonnegouse a asinar esta decisión, chamando a un novo referendo finalmente celebrado en abril de 2011, onde o “non” volveu a gañar aínda que con menor votación.

Tras este resultado, os gobernos británico e holandés, con bancos que posúen unha notable carteira de clientes afectados pola bancarrota islandesa, anunciaron demandas contra Islandia ante os tribunais internacionais, á vista de que a negativa islandesa supón que non devolverá un monto aproximado de 4.000 millóns de euros pola creba dos seus principais bancos.

d) O silencio exterior da revolución islandesa

Aínda que a mobilización cidadá islandesa constitúe un saudable exemplo de democracia participativa nun contexto marcado pola crise económica global e a preponderancia de centros de poder que ditan os programas de rescate financeiro a economías en risco de bancarrota, as incertezas seguen ilustrando o panorama islandés e, probablemente, condicionando gran parte da súa evolución socioeconómica e política.

A gravidade da crise financeira en 2009 provocou un inmediato empréstito do Fondo Monetario Internacional (FMI), valorado en US$ 2.100 millóns, un monto insuficiente para paliar a crise xa que constitúe aproximadamente o 3% da débeda externa. Pero a pesar da negativa popular a satisfacer esa débeda, o país segue suxeito aos ditames dos organismos financeiros internacionais, cuns programas de axuste financeiros e compromisos de pago que poden afectar o desenvolvemento da economía islandesa nos próximos anos, unha situación similar á que acontece actualmente con Grecia con respecto á UE e o FMI.

Neste contexto, é salientable o silencio e a escasa relevancia outorgada polos principais medios de comunicación sobre os alcances da resposta islandesa á crise, moi probablemente motivados pola necesidade de non reproducir a manifestación dunha masa crítica cidadá e unha forte mobilización popular contra os modelos de austeridade e control financeiro ditaminados polos organismos financeiros internacionais ou, no contexto da UE, polo Banco Central Europeo e os eixes de poder en Bruxelas, Berlín ou París.

Paralelamente, e se ben se anuncian síntomas de recuperación, Islandia segue inmersa na crise económica, cun control de capitais, un inédito desemprego próximo ao 10% da poboación economicamente activa e unha caída do PIB do 15% desde 2010. As negativas ao pago da débeda externa e obviamente ao ingreso na UE seguramente afectarán ás relacións do goberno de Sigurðardóttir cos acredores financeiros internacionais, o FMI e as negociacións coa UE. Aínda así, apréciase un forte incremento do orgullo e dignidade nacionais no seo da sociedade islandesa, notablemente satisfeita polos avances democráticos logrados na súa particular e exteriormente silenciada “revolución das cazolas e tixolas”.

IGADI, 2 de abril de 2012

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº82291.29 KB

IgadiPaper nº83

Eleccións presidenciais en Francia:
O final da era Sarkozy?

a) Introdución

O próximo domingo 22 de abril, Francia celebrará a primeira volta das súas eleccións presidenciais nun contexto de atomización política e coa eventual perspectiva dun cambio de goberno. Paralelamente, estes comicios son relevantes para dirimir a actual xeopolítica europea, principalmente ante a posibilidade de que a non reelección do actual presidenteNicolás Sarkozy (Unión por un Movemento Popular, UMP) signifique o retorno ao poder do Partido Socialista (PS), desta vez da man do seu candidato François Hollande.

Con diversas variantes nas enquisas, practicamente amósase un empate técnico entre Sarkozy e Hollande, un escenario que abocaría a unha segunda volta prevista para o próximo 6 de maio, na que esas mesmas enquisas vaticinan a vitoria da candidatura de Hollande. En total, nestas eleccións rexistráronse dez (10) candidaturas presidenciais.

Cunha notable caída da súa popularidade, o contexto emerxe adverso e  complexo para Sarkozy, quen non só busca a súa reelección senón a consolidación política da UMP, imprimindo unha axenda política que polarizou ao electorado. Os temas centrais destes comicios, centrados principalmente na recesión económica, o peso da inmigración e un forte debate sobre os dilemas do actual proceso de integración europea, dificultan unha reelección segura para Sarkozy, acosado pola crise económica e a proposta de renovación representada pola candidatura de Hollande.

Paralelamente, compre salientar o peso da extrema dereita en mans da Fronte Nacional (FN), agora baixo o liderado de Marine Le Pen, e que tenta asentar nas clases medias e populares francesas cun discurso antiinmigración e antieuropeísta pero, igualmente, con matices liberais. Por outra banda, resalta o ascenso na intención de voto para a Fronte de Esquerda, cunha candidatura alternativa en mans de Jean-Luc Mélenchon, e que disputa con Le Pen unha franxa electoral estimada en torno ao 15-18%. En perspectiva electoral, de facto, Le Pen e Mélenchon buscan constituírse nos “candidatos bisagra” que eventualmente logren dirimir a polarizada balanza entre Sarkozy e Hollande nunha segunda volta electoral.

b) O atomizado voto galo

As eleccións presidenciais francesas previstas para o próximo 22 de abril constitúen un importante test político para un dos países centrais e con maior peso político da Unión Europea. O contexto de crise e recesión económica, o espectro do desemprego e unha crise social que pode intensificar a conflitividade gremial e laboral nos próximos meses, son algúns dos factores que inflúen considerablemente na evolución dos próximos comicios presidenciais.

O test electoral e político é, por tanto, moito mais importante para o actual presidente Nicolás Sarkozy, quen busca a reelección nun momento de marcada caída da súa popularidade. Velaí que “Sarko” (como é coloquialmente coñecido en Francia) afánase por todos os medios en reactivar a súa imaxe pública, incluso botando man do tirón mediático da súa esposa, a ex modelo Carla Bruni. Ao mesmo tempo, Sarkozy tenta “asustar” ao electorado francés ante a perspectiva de que un eventual retorno do Partido Socialista ao poder imprima unha deriva económica e social similar á acaecida na España de Zapatero, tendo en conta que actualmente o seu veciño do sur é o país europeo con maior taxa de desocupación laboral.

Pola súa banda, o Partido Socialista francés ofrece unha imaxe alternativa, aínda que de menor calado mediático, coa candidatura de François Hollande, ex parella sentimental da candidata socialista nos comicios de 2007, Segolène Royal. O Partido Socialista espera retornar ao poder desde 1995 ofrecendo un “lavado de imaxe” tralos recentes escándalos sexuais dunha das súas figuras máis emblemáticas, Dominique Strauss-Khan, ex director do FMI.

Así, Hollande preséntase como un candidato que encarna unha especie de transición dentro do Partido Socialista francés, coa perspectiva de liderar un hipotético revival da socialdemocracia europea nun contexto caracterizado polas crises económicas e o impulso político e electoral da dereita continental. O seu lema electoral, “O regreso da socialdemocracia a Europa”, baséase precisamente en defender unha perspectiva de carácter global a nivel europeo, nunha conxuntura marcada polas ameazas da austeridade fiscal e a crise económica cara un dos piares da integración europea: o estado social do benestar.

Con diversas variantes nas enquisas preelectorais, o escenario reflicte un polarizado TêteÀ Tête entre Sarkozy e Hollande, con estimacións de voto próximas ao 30% para cada un. Posteriormente, resalta o ascenso da Fronte de Esquerda (FdE) de Jean-Luc Mélenchon, seguido da ultradereita da Fronte Nacional (FN) de Marine Le Pen, ambos oscilando en torno ao 15-18% da intención de voto. Moito mais lonxe aparecen a candidatura centrista de François Bayrou (10%) así como outras con menores posibilidades, como Jacques Cheminad (Solidariedade e Progreso), Eva Joly (Os Verdes), Nathalie Arthaud (Loita Obreira), Philippe Poutou (Novo Partido Anticapitalista) e Nicolás Dupont-Aignan (partido nacionalista De Pie la República).

Non obstante, este panorama variaría sensiblemente de cara á segunda volta electoral prevista para o próximo 6 de maio. Neste caso, as enquisas semellan beneficiar a Hollande (aproximadamente cun 55% de intención de voto) por riba de Sarkozy (45%). En gran medida, e a pesar das notables diverxencias entre o Partido Socialista e a pluralidade de partidos e movementos da esquerda francesa, especúlase para esta eventual segunda volta cun posible aluvión de votos da esquerda a favor de Hollande, moi probablemente persuadidos non só a evitar a reelección de Sarkozy senón a frear o avance da Fronte Nacional. 

c) Marine Le Pen e a ultradereita “liberal”

No marco desa polarización Sarkozy-Hollande, compre observar qué efecto terá no proceso electoral francés o segmento da extrema dereita en mans de Marine Le Pen e a Fronte Nacional. Tradicional bastión da ultradereita xenófoba e antiinmigración, o FN, agora baixo o liderado de Marine Le Pen, filla do fundador do movemento Jean-Marie Le Pen, imprime unha marca electoral de renovación baseada no seu atractivo e xovialidade, orientado a seducir a un electorado cansado das elites políticas e radicalizado contra a inmigración e o avance das esquerdas.

Con todo, a mensaxe electoral de Marine Le Pen busca igualmente imprimir un matiz liberal destinado a ganarse o apoio dunhas clases medias atomizadas pola crise económica, afianzando ao “lepenismo” como abandeirado dun populismo de dereitas moi característico en diversos estratos das clases medias e populares non só francesas senón europeas. En perspectiva política e electoral, o avance do FN igualmente supón unha incomodidade política para Sarkozy, á vista do marcado distanciamento entre a UMP e o FN (principalmente en materia de inmigración) pero que, eventualmente, podería dar curso a negociacións postelectorais que se traducirían nun intento de encarreirar os votos da ultradereita a favor de Sarkozy nunha segunda volta electoral.

Tirando proveito da crise económica e dos receos dun importante núcleo social francés cara os inmigrantes, o FN ten a pretensión de reeditar o seu éxito electoral de 2002, cando o seu entón candidato e fundador Jean-Marie Le Pen sorprendeu ao desbancar do segundo lugar en preferencia de votos ao Partido Socialista e disputar así a segunda volta contra o conservador e mentor político de Sarkozy, Jacques Chirac. No contexto actual, Marine Le Pen e o FN están alcanzando un notable éxito atraendo cara si apoios destacados na franxa electoral dos nacionalistas de dereitas que, tradicionalmente, votaban pola UMP de Sarkozy.

d) A alternativa da Fronte de Esquerda

Dentro da pluralidade de movementos e partidos existentes na esquerda francesa, a Fronte de Esquerda de Mélenchon, conformada pola alianza do Partido Comunista Francés e do Partido da Esquerda, canaliza os apoios dunha clase obreira e inmigrante proveniente da periferia urbana, golpeada pola crise económica.

Neste sentido, nas derradeiras semanas, a candidatura de Mélenchon estase a converter nunha inesperada sorpresa electoral con claras perspectivas de definirse como unha bisagra que relativiza a polarización Sarkozy-Hollande. No Partido Socialista existe unha notable preocupación de que o avance da Fronte de Esquerda signifique unha erosión de votos tradicionalmente socialistas en estratos sociais populares e de inmigrantes. Non obstante, e cun discurso que defende a “revolución cidadá”, Mélenchon declarou publicamente o seu obxectivo de evitar a reelección de Sarkozy, o cal interpretaríase como un eventual apoio dos votantes da Fronte de Esquerda á candidatura de Hollande nunha segunda volta.

e) Unha elección vital para Europa

No ámbito europeo, o proceso electoral francés dirime unha serie de variables centradas no futuro da consolidación do eixe xeopolítico dentro da Unión Europea conformado por Alemaña e Francia, en particular no caso do tándem entre Sarkozy e a chanceler alemáÁngela Merkel, popularmente coñecido como o eixe “Merkozy”. Paralelamente, estas eleccións francesas suxiren un debate público sobre a eventual influencia da crise económica na erosión do edificio de convivencia social e do estado de benestar europeo.

No seo do electorado galo existe unha marcada sensación de declive do poder francés en Europa, en particular ante a certificación da hexemonía e do poderío de Alemaña dentro das institucións europeas, así como da decadente potencialidade económica e de influencia política de Francia a nivel mundial. Velaí que Merkel observe igualmente con atención o desenlace electoral francés, especialmente á hora de barallar unha eventual e posible nova alianza xa non con Sarkozy senón co socialista Hollande, crítico coa política fiscal e monetaria de Berlín na Zona Euro.

Esta eventual negativa de Hollande aos plans fiscais de Merkel pode potenciar a súa candidatura ante o malestar existente en diversas capas sociais identificadas co nacionalismo francés, os cales observan a un Sarkozy absolutamente submiso e obediente non só ante as pretensións de Merkel e de Berlín senón a través da súa aceptación do “atlantismo” estadounidense, en particular en crises exteriores como a de Libia, Siria e Irán.

Paralelamente, e no caso de ser reelixido, Sarkozy deberá xestionar un complexo escenario político interno así como unha situación de maior dependencia externa con respecto a Merkel, un aspecto que igualmente deberá dirimir o cruce de  tradicionais e ambivalentes correntes dentro da dereita “gaullista” francesa e da UMP con respecto á UE e ao ideal europeísta.

O cadro complétase coa previsión dunha anunciada e histórica abstención electoral o próximo 22 de abril: segundo o instituto de sondaxes IFOP, a abstención podería calcularse en torno ao 32% do electorado, identificado en menores de 35 anos provenientes dos sectores obreiros e rural.

IGADI, 19 de abril de 2012

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº83303.55 KB

IgadiPaper nº84

Eleccións en Grecia: un revés político para a “troika” europea
(08/2012)

Eleccións en Grecia: un revés político para a “troika” europea

a) Introdución

As eleccións lexislativas celebradas o pasado domingo 6 de maio en Grecia confirmaron o anunciado escenario de fragmentación política nun país sumido na súa máis grave crise socioeconómica desde que en 2010 fora obxecto do rescate financeiro propiciado pola “troika” conformada pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI). Os comicios gregos expresaron unha forte contestación social non só cara a súa clase política tradicional senón contra os programas de austeridade económica impulsados dende Bruxelas e Berlín.

O novo mapa político grego da conta dun escenario absolutamente atomizado, tendo en conta a participación electoral de 32 partidos políticos e a caída de votos por parte do conservador Nova Democracia, ND (18,88% dos votos, obtendo 108 escanos) e do socialista PASOK (13,19% dos votos, 41 deputados), incapaces de alcanzar a maioría lexislativa de 151 dos 300 escanos. A práctica imposibilidade dun goberno de coalición ND-PASOK quedou en evidencia ante o espectacular avance de opcións alternativas como a Coalición da Esquerda SYRIZA (16,76%, 52 deputados), unha formación que cuadriplicou os seus votos con respecto aos anteriores comicios de 2009 e que amosase radicalmente contraria aos programas de austeridade propiciados pola “troika”.

Outras formacións con peso parlamentario que afianzan a volatilidade política son o nacionalista e dereitista Gregos Independentes, (10,6%, 33 deputados), o Partido Comunista de Grecia, KKE (8,47%, 26 escanos), a Esquerda Democrática, DIMAS (6,1%, 19 deputados) e, dun xeito mais preocupante, a ultradereita xenófoba e antiinmigración de Amencer Dourado (6,97%, 21 deputados), movemento que sae repentinamente da súa marxinalidade política a raíz da crise socioeconómica -nas eleccións de 2009 só alcanzara o 0,29% dos sufraxios-. A abstención, cifrada no 38%, igualmente certificou a sensación de desencanto no electorado grego.

Estes comicios lexislativos confirmaron un retroceso para as opcións de dereita gobernante en varios países europeos e defensores da austeridade financeira, no marco dunha conxuntura electoral clave á vista da celebración paralela da segunda volta dos comicios presidenciais franceses, gañada polo socialista François Hollande; dos comicios presidenciais de Serbia, que dirimirán nunha segunda volta o próximo 20 de maio entre o mandatario europeísta Boris Tadic e o ultranacionalista Tomislav Nikolic; dos comicios no länder alemá de Schleswig-Holstein, que coa vitoria dos socialdemócratas do SPD asestaron un duro revés político para a chanceler demócrata-cristiá Ánxela Merkel; e, con menos atención informativa, dos comicios municipais británicos, onde os nacionalistas do SNP en Escocia obtiveron un relevante triunfo electoral.

b) O ascenso dunha nova esquerda grega

Sen dúbida, o factor que altera o novo mapa político grego é o avance dunha nova opción dende a esquerda, a Coalición da Esquerda Radical, SYRIZA, liderada por Alexis Tsipras (39 anos), un novo liderado político dentro dunha plataforma que engloba a diversos partidos e movementos na tradicionalmente militante esquerda grega, algúns deles de afiliación anarquista, trotskista, maoísta e de moitos desencantados co socialista PASOK. Tralas eleccións, o SYRIZA afiánzase como o segundo partido político en Grecia, tras a Nova Democracia e superando ao PASOK.

Como visible triunfador da contenda electoral, Tsipras fixo un inmediato chamamento para formar un goberno de esquerdas con clara vocación de suspender os draconianos programas de austeridade financeira impulsados dende a “troika” e aceptados tacitamente por Nova Democracia e o PASOK. Aínda que con certos claroscuros, o SYRIZA amosa unha actitude relativamente favorable á permanencia grega dentro do Euro e da Unión Europea, obviamente premendo por unha relación mais equitativa que remate co visible “protectorado económico grego” dende o exterior, particularmente polo peso de decisións tomado por Berlín desde a aplicación dos rescates en 2010.

No novo contexto parlamentario, todo apunto a que SYRIZA conformaría eventualmente unha coalición co Partido Comunista, KKE e a Esquerda Democrática (DIMAS). O líder desta formación, Fotis Kuvelis, está considerado como o político grego mais popular e mellor valorado pola cidadanía.

Tras coñecerse os resultados e verificarse o fracaso electoral de ND e PASOK, o actual primeiro ministro grego, o socialista Evangelos Venizelos, fixo un infrutuoso chamado a conformar un incerto goberno de coalición, pouco probable tendo en conta a actual atomización parlamentaria, onde SYRIZA terá un peso político clave. Este chamamento só tivo eco no líder de ND, Antonis Samaras, quen instou publicamente a “renegociar” con Bruxelas un novo programa de rescate financeiro.

Por tanto, as incertezas dominan o actual escenario político grego. O ascenso de SYRIZA, o fracaso do bipartidismo ND-PASOK dominante dende a década de 1980 e, máis preocupante aínda, o ingreso parlamentario de opcións neonazis e xenófobas como Amencer Dourado, verifican unha sensación de urxencia por parte da cidadanía grega á hora de atopar novas alternativas nun escenario social abertamente conflitivo e agravado pola austeridade impulsada pola “troika”. Dende os sectores de esquerda se vaticina que a “troika” e as elites políticas están tentando configurar en Grecia unha especie de laboratorio da “nova economía post-crise”, fraguada na austeridade, na imposición de salarios paupérrimos e no progresivo desmantelamento do estado social de benestar.   

Resulta palpable en Grecia a sensación cidadá de estar practicamente “hipotecados” aos designios económicos de Bruxelas e Berlín durante as próximas décadas. A grave crise ameaza constantemente con activar unha explosión social motivada pola alarmante situación socioeconómica derivada do aumento da pobreza, dun proceso de pauperización económica definido en torno á precariedade salarial e laboral e do aumento do desemprego (calculado nun 21% da poboación economicamente activa), factores que están potenciando a emigración e un aumento na taxa de suicidios.

Paralelamente, o escenario postelectoral aprecia o avance das opcións nacionalistas e ultranacionalistas, con especial énfase en Gregos Independentes, formación de tendencia dereitista e nacionalista conformada por deputados expulsados do ND opostos  aos acordos de rescate da UE. Obviamente, a entrada ao Parlamento grego de Amencer Dourado fortalecerá un discurso xenófobo e antiinmigración que aumenta nas capas populares, incrementando unha sensación de posible violencia social a tenor da afiliación neonazi deste movemento que pide a expulsión dos estranxeiros ilegais e a saída grega da UE.

Aínda que non entrou no Parlamento grego ao non poder superar o limiar do 3% dos votos, outra formación a ter en conta é a Alerta Popular Ortodoxa (LAOS), outro partido ultradereitista cun discurso antiinmigración. Curiosamente, LAOS non puido consolidar o seu peso tras caer na votación unha vez formara parte do goberno de coalición deGiorgios Papademos en 2011.

c) A opción da “troika”

Así, a volatilidade e atomización parlamentaria abre un escenario de sensación de ingobernabilidade en Grecia, que pode levar a unha posible repetición dos comicios lexislativos, moi seguramente ante a presión política por parte da “troika”. Esta implicación exterior preelectoral foi evidente trala inédita declaración do ministro alemá de Finanzas, Wolfgang Schaeuble, premendo ao electorado grego a favor das medidas de austeridade (en clave de votos favorables ao ND e PASOK), e advertindo de que, no caso contrario, Grecia sufriría dramáticas consecuencias económicas, como a súa saída do Euro.

En caso de repetición electoral, os próximos comicios celebraríanse en cinco semanas. Pero o actual escenario postelectoral abre unha paréntese no que a “troika” ten en perspectiva novas iniciativas para preservar a súa política. Cunha visita a Grecia nos próximos días, definirase o impulso dun novo plan económico de austeridade que contempla a redución no gasto público doutros 11.500 millóns de euros. Este plan erixiríase como a principal válvula de presión da “troika” cara Atenas dentro do actual mapa de atomización e incerteza postelectoral.

Tendo en conta este novo escenario, onde SYRIZA posúe un peso político clave á hora de rexeitar estes programas de axuste, é probable que se produza unha maior presión por parte da “troika” a favor dunha repetición electoral que, eventualmente, poida configurar un goberno de coalición ND-PASOK favorable aos programas de axuste económico. Pero todo apunta a que a atomización política augura un novo Parlamento de escasa duración así como a reactivación nas próximas semanas da conflitividade social, expresada en folgas e mobilizacións populares, moitas delas de cariz violento, e onde bandas afiliadas á ultradereita de Amencer Dourado poden erixirse como perniciosos protagonistas.

d) Un novo contexto político europeo

Se ben diversas enquisas amosan que unha maioría dos gregos é favorable á permanencia na UE e no Euro, aínda que instando a unha reconsideración dos programas de axuste, a suma dos votos das pasadas eleccións lexislativas ofrece unha lectura radicalmente distinta.

As formacións “proeuropeístas” defensoras dos programas de axuste e conformadas en torno a ND e PASOK, alcanzaron un 34% dos votos, equivalente a 149 deputados. Pola contra, as formacións contrarias aos plans de austeridade da “troika”, mobilizadas nun amplo espectro político e ideolóxico que abarca dende a esquerda ata a ultradereita, sumaron o 51% dos votos, cun total de 152 deputados. Sumando o factor que supón un 38% de abstención electoral, a mensaxe política do electorado grego certifica o descontento cara as súas elites e un notorio aviso a Europa sobre as perniciosas consecuencias socioeconómicas dos programas de austeridade.

Paralelamente, esta contestación electoral grega intensifica unha sensación de freo ao avance electoral da dereita europea. A vitoria do socialista François Hollande na segunda volta electoral francesa e a perspectiva de que o novo goberno en París alterará os cálculos políticos da chanceler alemá Ánxela Merkel á hora de configurar os novos eixes xeopolíticos na UE conforman novas variables. Precisamente, Merkel sufriu o pasado domingo un relevante revés político coa vitoria socialdemócrata nas eleccións no länderalemá de Schleswig-Holstein.

A perspectiva dunha maior conflitividade política e social en Grecia así como a eventual presión de Hollande para revisar os programas de austeridade económica impulsados por Merkel no seno da UE, condiciona subitamente un novo mapa político para Europa. Un escenario igualmente explicado ante outros contextos electorais celebrados de forma paralela o pasado domingo en países “periféricos” da UE, tales como os comicios presidenciais en Serbia, que celebrarán unha segunda volta tralo avance do ultranacionalista Tomislav Nikolic; e as eleccións municipais británicas, que evidenciaron o avance dos nacionalistas do SNP en Escocia.

Este novo contexto político en Europa identifica igualmente unha necesaria revisión do proxecto europeísta con vistas a impulsar unha visión mais plural por parte das elites da UE á hora de encarar o ascenso doutras alternativas políticas de saída á crise, algunhas delas de carácter contestatario e rupturista, e a satisfacción de novos equilibrios que satisfagan as arelas das maiorías sociais en detrimento das desmedidas ambicións das novas e vellas oligarquías.

IGADI. 8 de maio de 2012

AnexoTamaño
IgadiPaper nº84299.39 KB

IgadiPaper nº85

China-Filipinas ¿ás portas da guerra?

a) Introdución

A comezos de abril, un barco de guerra filipino intentou arrestar a un grupo de pescadores chineses que fanaban preto dun territorio, as illas Huangyan, que ambos países reclaman como seu. A rexión ten o potencial para desatar un conflito. A controversia por esta diminuta illa situada no Mar de China meridional foise agravando co paso das semanas dando orixe ao enfrontamento máis serio entre China e Filipinas no mar en anos recentes. 


As illas Huangyan é un grupo de arrecifes e illotes localizado a unhas 550 millas náuticas da illa de Hainan, no sur de China. Coñécense tamén como os arrecifes Scarborough, no espazo do arquipélago das Spratleys. Recentemente, Filipinas pasou a denominalas  Banco Panatag, co obxecto de facer valer o seu reclamo de soberanía, eliminando os sinais de presenza chinesa.

O conflito remóntase aos anos noventa, con incidentes de certa gravidade como os rexistrados en 1998 cando 51 pescadores chineses foron detidos durante preto de seis meses. En maio de 1999, un barco pesqueiro chinés foi cotado e fundido por un barco de guerra filipino. Segundo China, entre 2000 e 2011, máis de trinta barcos pesqueiros víronse involucrados en incidentes coa Armada filipina.

O 9 de maio a maioría das axencias turísticas de China suspendían as viaxes a Filipinas. O día seguinte, o Diario oficial do Exército Popular de Liberación (EPL) aseguraba que “non permitirán que ninguén arrebate a China a soberanía da illa”. O 11 de maio protestas cívicas desenvolvíanse nas rúas de Beijing e Manila. O 12 de maio, o EPL desmentía que unidades militares da provincia de Guangdong e da Flota do Mar de China Meridional entraran en alerta de segundo nivel. O luns 14 Beijing anunciou a imposición dunha veda á pesca na parte setentrional do Mar Meridional de China, incluídas as augas adxacentes a Huangyan, durante dous meses e medio a partir do 16 de maio.

Segundo os especialistas, as augas do Mar de China meridional contan con entre 23.000 e 30.000 toneladas de reservas de cru e 16 billóns de metros cúbicos de gas natural, os cales representan unha terceira parte de todos os recursos petroleiros e de gas do xigante asiático. Velaí a razón última do litixio e a maior dificultade para atopar unha solución diplomática que satisfaga a ambas partes.

En 2002, China e os países da ASEAN (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, siglas en inglés) asinaron unha Declaración sobre a Conduta das Partes no Mar de China meridional prometendo manter a moderación e non realizar actividades que puideran dar lugar a escaladas de tensión. Pero a realidade desmente a boa vontade recollida na literalidade do citado documento.

b) China , ¿un dragón de papel?

China di estar preparada para defender a súa soberanía sobre as illas Huangyan. A vice ministra chinesa de Relacións Exteriores, Fu Ying, declaraba o pasado día 8 de maio que non era optimista sobre o conflito e que China estaba preparada para responder ás provocacións. Nun mes, en tres ocasións reuniuse co encargado de negocios da Embaixada filipinas en Beijing, Alex Chua, sen que os encontros serviran para calmar a situación.

China di que as illas son parte integral do seu territorio dende tempos antigos, pide a Filipinas que retire os seus barcos da zona marítima arredor da illa Huangyan e que non volva a impedir as operacións dos pesqueiros chineses ou a navegación dos barcos do goberno chinés. China enviou misións científicas á zona en 1977 e 1978, completándoas en 1985. En 1994 instalou alí un monumento de cemento. 

En paralelo, Beijing anunciaba que a primeira plataforma de perforación de augas profundas desenvolvida por China entraría en funcionamento o día 9 de maio nas augas do citado Mar, a instancias da CNOCC (Corporación Nacional de Petróleo Submarino de China). Preto do 70 por cento de reservas de petróleo e gas do Mar de China meridional atópase en 1,54 millóns de km2 de rexións de augas con máis de 300 metros de profundidade.

c) Filipinas quer facer valer a súa proximidade xeográfica

Algúns acusan ao presidente Benigno Aquino III de utilizar esta confrontación con China para distraer á sociedade das dificultades internas e reactivar unha popularidade en decadencia. Ata 1997, Filipinas nunca disputara a xurisdición da illa, utilizada en tempos como campo de tiro polas tropas estadounidenses (cando tiñan en Subic Bay a súa maior base naval no estranxeiro). O seu reclamo baséase principalmente na proximidade xeográfica ás súas costas. Manila afirma que as illas atópanse na Zona Económica Exclusiva de 200 millas náuticas do país e reitera que a súa demanda concorda coa Convención de Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. Manila anunciou a China a súa disposición a someter o tema da soberanía sobre esta illa á arbitraxe internacional.

Pola súa banda, China nega que a distancia xeográfica sexa un criterio determinante para definir a soberanía territorial e que como tal non aparece recollido na legalidade internacional vixente. As illas británicas do Canal da Mancha están a menos de 12 millas náuticas da liña costeira francesa, o lugar máis próximo. Algunhas illas territoriais francesas esténdense por todo o Atlántico, ata a liña costeira canadense en América do Norte e incluso no Pacífico. E que dicir das illas Canarias…. Por outra banda, asegura que nos mapas oficiais filipinos de 1981, 1984 e 2006 exclúese a illa Huangyan. O límite occidental do territorio filipino está situado a 118 graos lonxitude este e a illa está a 117 graos 48 minutos lonxitude este …. unha moi fina fronteira.

Polo momento, a ASEAN asegura manterse neutral no contencioso e Hillary Clinton asevera que tampouco tomará partido por unha ou outra parte.

d) China insta a mediación de Estados Unidos

Durante a visita que realizou a EEUU a partir do 7 de maio o ministro de Defensa chinés, Liang Guanglie, a primeira nos últimos nove anos do mais alto cargo deste departamento, solicitou de Washington a súa intervención para relaxar a tensa situación no Mar de China meridional. Á vista do punto morto no que se atopa a disputa entre China e Filipinas, pediu a Washington que xogue un papel máis construtivo. A visita desenvolveuse en paralelo á cuarta tolda do Diálogo Estratéxico e Económico China-EEUU, que reuniu en Beijing a representantes de ambos países.

A Liang acompañárono nesta viaxe os comandantes das importantes rexións militares de Shenyang e Xinjiang, áreas próximas ao noroeste e centro de Asia onde EEUU ten presenza militar. Para os próximos meses están previstas novas visitas de alto nivel: en xullo, Mike Mulen, antigo xefe do Estado Maior Conxunto de EEUU, visitará Beijing e mais tarde farao o secretario de Defensa Leon Panetta.

A relación militar entre EEUU e China é moi inmatura aínda. A confianza mutua é o reto esencial para construír o novo modelo de relacións entre ambos países evitando o fatalismo da confrontación e a traxedia. Non obstante, a fenda de confianza é evidente. Na mentalidade de ambos exércitos están enraizados factores e visións que fan complexas as relacións mutuas. Ambas partes coinciden en que deben pasar do diálogo e visitas recíprocas a compartir actividades militares con outros países da rexión, pero de chegar precisará tempo. 

China asegura que a afirmación de que Washington non toma partido respecto ás disputas no Mar de China meridional é insostible á vista da crecente cooperación militar con Filipinas. A sucesión de manobras militares conxuntas de EEUU con Hanoi ou Manila, ás que respondeu China con exercicios navais con Rusia en augas do Mar Amarelo, revelan a diferenza entre o dito e o feito.

Os principais diferendos que enfrontan a chineses e estadounidenses neste plano están relacionados coas vendas de armas a Taiwán, as actividades de recoñecemento de avións e barcos estadounidenses en China e a vixencia dunha lexislación cautelar que identifica a China como un claro rival estratéxico do que compre protexerse. O anuncio da estratexia de EEUU de regreso a Asia descansa en boa medida na implicación da súa Armada na preservación da liberdade de navegación polas rutas do Pacífico, un argumento que alenta as reivindicacións dos países limítrofes con China que tamén aspiran a beneficiarse dos recursos enerxéticos presentes en territorios disputados.

e) Hipóteses de futuro

¿Arriscarase China a recorrer á forza armada? Polo momento, a actitude de China consiste en instar esforzos diplomáticos, ao tempo que envía buques de vixilancia á zona. China non quere nin admite a internacionalización do problema e nunca  recoñecerá a intervención de terceiros. 

Por outra banda, subestimar a determinación de China nun momento tan delicado da súa transición interna, en vésperas do XVIII congreso do Partido Comunista previsto para outono, pode saír caro. Non acostuma haber titubeos respecto a cuestións relacionadas coa soberanía e o territorio. Este é un tema moi sensible no liderado chinés. As máis graves humillacións sufridas polo país están relacionadas cos gravames territoriais. O recurso á forza será a derradeira opción, pero cabe tomala en serio.

Filipinas seguirá buscando o apoio internacional presentándose como vítima da confrontación. Manila entende que a estratexia de EEUU de volver a Asia pode reportarlle beneficios inmediatos e pula por activar as reclamacións de soberanía fronte a China doutros países do área.

Por razóns internas, a ambos países pode interesarlle manter o pulso en niveis controlables. É pouco probable que dean marcha atrás a corto prazo.

O comercio entre ambos estados ascendeu a 27 mil millóns de dólares en 2010. China é o terceiro socio comercial de Manila. Ambos países fixaran como obxectivo chegar a 60.000 millóns en cinco anos. Preto de 2 millóns de filipinos son de ascendencia chinesa e viven nese pais desempeñando importantes tarefas na economía e na sociedade. 

O 8 de maio, a compañía filipina Philex Petroleum Corporation anunciaba o inicio de negociacións coa CNOOC para a explotación conxunta dun xacemento de gas natural no Mar de China meridional, na concesión de Sampaguita. Esta cooperación, de confirmarse, podería calmar as tensións e marcar o rumbo para unha solución de compromiso. Formalmente, China sempre afirmou a súa disposición para explotar conxuntamente os recursos.

Pero Beijing acusa a Vietnam, Filipinas, Indonesia e Malaisia de explotación ilegal das reservas de petróleo do Mar de China meridional, o que lle priva cada día de 1,4 millóns de barrís que equivalen ao 30 por cento das súas importacións diarias. Razón suficiente para non baixar a garda.

 Igadi, 14 de maio de 2012

AnexoTamaño
IgadiPaper nº85312.16 KB

IgadiPaper nº86

Cumio de 'Río +20': a hora do Desenvolvemento Sostible?

a) Introdución

Dúas décadas despois do primeiro Gran Cumio da Terra celebrado en Río de Janeiro en 1992, a cidade brasileira acollerá do 20 ao 22 de xuño a Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible, mais coñecida como Cumio de “Río+20”. Coa anunciada presenza de máis de 170 xefes de Estado, de Goberno e representantes diplomáticos, este cumio terá dous eixes principais de discusión: o primeiro, enmarcado na iniciativa da “economía verde” que implica o desenvolvemento sostible e a erradicación da pobreza; e o segundo, a potenciación dun marco institucional adecuado para alcanzar o desenvolvemento sostible.

En paralelo a este cumio celebrarase entre o 15 e 23 de xuño o Cumio dos Pobos que reunirá a diversos movementos sociais e ecoloxistas a través dunha axenda política alternativa, sumamente crítica coa axenda oficial do cumio Río+20 debido á preponderancia dos intereses dos países desenvolvidos. Estas críticas oriéntanse cara a consolidación do modelo de “economía verde”, a través do cuestionado “Documento Zero” aprobado pola ONU e que ratifica os compromisos asumidos durante o cumio de 1992. En contraposición, o Cumio dos Pobos centrará a súa atención na potenciación dun modelo de desenvolvemento “biocéntrico” que implique o recoñecemento oficial dos dereitos da Natureza, da erradicación da pobreza e da seguridade alimentaria.

Con notables ausencias de líderes mundiais como Barack Obama e Ánxela Merkel, o cumio de Río+20 vese constantemente condicionado polo impacto da crise económica mundial e os escasos avances rexistrados nas últimas dúas décadas en materia de desenvolvemento sostible, un factor que evidencia certa sensación global de pesimismo sobre os avances que poida ofrecer esta xuntanza mundial. Esta perspectiva deriva igualmente nunha marcada polarización de posicións Norte-Sur: os países ricos e desenvolvidos defenderán un modelo de “economía verde” cuestionado polo peso de intereses mercantís e empresariais en materia sanitaria e ambiental, mentres os países “do Sur” aspiran a asentar un modelo de desenvolvemento sostible que implique unha maior conciencia ecolóxica e de amplitude democrática.

Ao mesmo tempo, o cumio de Río+20 servirá para que Brasil, o país anfitrión, pulse a súa capacidade de influencia como actor emerxente nos foros internacionais e como defensor dun modelo alternativo de crecemento e de desenvolvemento. Esta perspectiva veríase traducida nunha maior conciencia a propósito dos factores sociais e ambientais na última década de gobernos progresistas, dende o ex presidente Lula da Silva ata a actual mandataria Dilma Roussef.

b) De 1992 a 2012: Avances ou retrocesos?

Vinte anos despois do célebre Cumio da Terra celebrado en Río de Janeiro en 1992, a discusión sobre a vixencia e o alcance do modelo de desenvolvemento sostible renovará a súa atención coa próxima celebración do Cumio de Río+20, esta vez marcado polos efectos dunha crise global de enormes proporcións socioeconómicas.

A entón imperante visión da globalización neoliberal que rodeou o cumio de 1992  vese actualmente contrastada polo ascenso a nivel global dunha maior conciencia de carácter ambiental, determinada pola escaseza de recursos e a persistencia de graves fracturas e desigualdades socioeconómicas. Neste sentido, saliéntase o peso dos movementos sociais e dunha sociedade civil con cada vez maior amplitude global, como axentes de vertebración das alternativas e postulados emanados dun modelo de desenvolvemento sostible mais equitativo no reparto dos recursos económicos e na defensa dos dereitos ambientais.

Por tanto, a contraposición de modelos será o eixe de definición do próximo cumio de Río+20, identificado no encontro “oficial” emanado da Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible e, paralelamente, da celebración do Cumio dos Pobosprecisamente nun país como Brasil, referente a nivel mundial dos movementos ecoloxistas, altermundialistas e antiglobalización definidos nos últimos anos en torno ao Foro de Porto Alegre. Ambos eventos expresarán un pulso substantivo á hora de discutir e eventualmente adoptar un novo modelo de desenvolvemento sostible, mais crible e alternativo.

Segundo un recente estudo da Organización Mundial de Alimentos (FAO, polas súas siglas en inglés) titulado “Cara o futuro que queremos: erradicación da fame e transición cara sistemas agrícolas e alimentarios sostibles”1,nas derradeiras décadas houbo avances na produción de alimentos pero “aínda existen centos de millóns de persoas que pasan fame porque carecen dos medios para producir ou comprar comida”.

Tal e como argumenta nese informe o propio director xeral da FAO, o brasileiro José Graziano da Silva, a agricultura e a produción de alimentos consumen unha gran cantidade de recursos naturais, así como máis do 30% da enerxía mundial, mentres que os cultivos e o gando utilizan o 70% da auga que se extrae. Estímase que tres de cada catro persoas pobres viven en áreas rurais e subsisten grazas á agricultura, mentres que o 40% das áreas degradadas están nas rexións mais pobres. Seguindo coa FAO, considérase que aproximadamente 18 millóns de persoas na África subsahariana corren risco de sufrir inseguridade alimentaria e desnutrición. 

c) A polarización Norte-Sur

Esta contraposición de visións sobre modelos de desenvolvemento definirá a evolución do cumio Río+20. Dunha banda teremos a visión preponderante das potencias económicas por asentar o modelo da “economía verde” erixido baixo postulados básicos como a xeración de enerxía limpa, a agricultura sostible ou o ecoturismo, que permita a concreción de “empregos verdes”, un aspecto sumamente cuestionado polos países do Sur, argumentando que agocha intereses de carácter mercantilista.

Neste sentido, a ONG Greenpeace denunciou recentemente que países como EUA, Rusia, Canadá, Xapón, Noruega e Islandia bloquean a iniciativa de protección da vida mariña nas augas internacionais, en aras de preservar os seus intereses de explotación petroleira ou de patentes farmacolóxicas. En contraposición, países como Brasil, Arxentina, Sudáfrica e a India apoian o inicio de negociacións sobre esta iniciativa2.

Pola súa banda, o Cumio dos Pobos defende a concreción dunha axenda efectiva destinada á erradicación da fame e da desnutrición como elementos inexorablemente ligados ao modelo de desenvolvemento sostible e en consonancia co compromiso asumido mundialmente de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio en 2015.

A FAO secunda esta visión considerando que a seguridade alimentaria contribúe a construír un modelo de desenvolvemento sostible3, unha posición igualmente compartida por movementos como o brasileiro Vía Campesiña e o Comité de Seguridade Alimentaria Mundial, que inclúe a gobernos, axencias da ONU, sociedade civil, entidades internacionais e do sector privado que terán un papel fundamental neste Cumio dos Pobos.

De cara á declaración final do cumio Río+20, a FAO instou a considerar determinados aspectos compartidos cos movementos sociais, tales como a adopción dunha mellor gobernanza nos sistemas de produción agrícola e alimentario así como un estudo exhaustivo sobre quen asumirá a carga financeira do desenvolvemento sostible4, un aspecto relevante no contexto actual de crise económica. A propia FAO xa declarou oficialmente que Río+20 será a derradeira oportunidade para comezar a solucionar o problema do cambio climático no sistema alimentario.

A pesar da polarización de posicións entre o “Norte” e o “Sur”, non semella observarse unha homoxenización absoluta de postulados dentro dos países ricos. Por citar un exemplo, Canadá rompeu recentemente co consenso establecido entre os países ricos ao aceptar o recoñecemento do acceso á auga e do saneamento como un dereito humano básico5, cando a maioría dos países desenvolvidos non aspiraban a recoller ese dereito no documento final de Río+20.

d) O estratéxico papel de Brasil

Alén da contraposición de opinións e modelos que determina a polarización Norte-Sur, a maioría dos observadores internacionais estarán pendentes da actuación e do peso que imprima o país anfitrión, Brasil, neste cumio de Río+20.

Simultaneamente a este encontro, a mandataria brasileira Dilma Roussef quixo incorporar unha perspectiva política de xénero ao convocar un cumio paralelo de mulleres xefes de Estado, no que participarán a arxentina Cristina Fernández de Kirchner; a costarricense Laura Chinchilla; a lituana Dalia Grybauskaite; a liberiana Ellen Johnson-Sirleaf, a primeira muller en converterse en presidenta dun país africano a través de eleccións democráticas; Kamla Persad-Bissessar de Trinidad e Tobago e a danesa Helle Thorning-Schmidt, listaxe que se amplía coa presenza da ex presidenta chilena Michelle Bachelet, actual directora executiva da ONU Mulleres6

Por tanto, un caudal importante das expectativas de éxito de Río+20 estarán centrados na capacidade de Brasil para moderar e equilibrar os contrapesos, a polarización e a contraposición de iniciativas e alternativas emanadas dos países, organizacións e movementos involucrados en ambos cumios. Particularmente relevante será a capacidade de Brasilia para alcanzar acordos e negociacións, en especial con respecto ao Cumio dos Pobos como foro alternativo que preme pola consecución dun novo modelo de desenvolvemento sostible, visiblemente diferente do modelo de “economía verde”.
                
Non obstante, este hipotético papel estelar de Brasil verase levemente opacado polas ausencias chave deste cumio Río+20, entre as que destacan a do presidente estadounidense Barack Obama, da chanceler alemá Ánxela Merkel ou do primeiro ministro británico David Cameron. A diferenza, si asistirán a Río de Janeiro os mandatarios dos países BRIC e IBSA, sendo estes ademais da anfitriona Roussef o presidente ruso Vladimir Putin, o primeiro ministro chinés Wen Jiabao, o surafricanoJacob Zuma e o indio Manmohan Singh, sen esquecer a sempre polémica presenza do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad. Por tanto, os países “ricos” desenvolvidos perden peso político nun cumio no que só contarán coa presenza significativa do recen electo presidente francés François Hollande7.

Aínda que non supón un tema central do cumio Río+20, o aspecto climático terá un peso político considerable. Brasil alberga a maior parte da reserva ambiental amazónica aínda que tamén é o país emisor de aproximadamente o 4% dos gases invernadoiros a nivel mundial. Velaí que os gobernos de Lula e Roussef imprimiran unha notable sensibilidade cara o tema climático, dando pasos importantes en medidas para a diminución dos gases invernadoiros.

En maio pasado, Roussef vetou parcialmente un Código Forestal que está provocando unha forte controversia política e social debido a que os movementos ecoloxistas lle esixían que o vetara por completo. A presidenta brasileira vetou a normativa que amparaba con amnistía a terratenentes que non cumpriran coas medidas ambientais pero, ao mesmo tempo, frustrou as peticións dos grupos ecoloxistas ao non vetar a norma que permitirá maiores explotacións agropecuarias na Amazonía8.

Por tanto, un eventual éxito do cumio Río+20 servirá para que Brasil consolide a súa ascendente posición global. Caso contrario, este cumio reproducirá a sensación de pesimismo e parálise política á hora de adoptar os compromisos ambientais, tal e como ocorrera anteriormente co Cumio da Terra de 1992 e coa Conferencia de Cambio Climático de Copenhague de 2009.

IGADI. 6 de xuño de 2012


 

2 MARCOS, Pilar, “Rio +20: EEUU está cortando el bacalao”, Greenpeace, Periodismo Humano, 28 de maio de 2012. Ver en:http://greenpeace.periodismohumano.com/2012/05/28/rio-20-eeuu-esta-cortando-el-bacalao/

3 ZACCARO, Sabina, “Sin desarrollo sostenible no hay futuro”, Inter Press Service en español, 31 de maio de 2012. Ver en: http://ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=100867

4 Ibid

5 “Canadá cambia postura sobre al agua de cara a Rio+20”, Inter Press Service en español, 1 de xuño de 2012. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=100877

6 “Rio+20 terá cúpula de mulheres líderes de governo”, revista Veja (Brasil), 31 de maio de 2012. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/internacional/rio-20-tera-cupula-de-mulheres-lideres-de-governo

7 “Lista de chamada da Rio+20: países em desenvolvimento ganham força na conferência”, revista Veja (Brasil), 18 de maio de 2012. Ver en:http://veja.abril.com.br/noticia/internacional/lista-de-chamada-da-rio-20-paises-em-desenvolvimento-ganham-forca-na-conferencia

8 “Roussef veta parcialmente polémica ley forestal en Brasil”, El Universo (Ecuador), 25 de maio de 2012. Ver en: http://www.eluniverso.com/2012/05/25/1/1361/rousseff-veta-parcialmente-polemica-ley-forestal-brasil.html

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº86320.17 KB

IgadiPaper nº87

As Malvinas: soberanía e petróleo

a) Introdución

A polémica en torno á soberanía das Illas Malvinas volve a copar a escena trinta anos despois da guerra que enfrontou á Arxentina con Gran Bretaña. Na actualidade apréciase un retorno das tensións políticas e diplomáticas entre Bos Aires e Londres, ante a perspectiva de celebración dun plebiscito soberanista en 2013, da intransixencia británica a propiciar unha solución diplomática e, principalmente, ante os intereses de explotación das reservas petroleiras presentes na plataforma marítima e territorial das illas.

O retorno do pulso pola soberanía das Malvinas coincide coas reaccións e reclamos internacionais tras a recente decisión da presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner de nacionalizar a empresa enerxética YPF, filial da multinacional española Repsol. No caso das Malvinas, a presidenta arxentina elevou a mediados de xuño ante o Comité de Descolonización das Nacións Unidas a petición do seu país para retomar as negociacións co Reino Unido sobre a soberanía nas illas Malvinas. A negativa de Londres propiciou a reiterada violación dunhas 40 resolucións da ONU neste sentido.

No que atinxe á explotación petroleira, nos últimos meses varias firmas británicas anunciaron plans de busca de petróleo nas Illas Malvinas, á vista das expectativas de que na súa plataforma marítima existan reservas de hidrocarburos que triplicarían as propias reservas británicas(1). Durante o recente cumio do G-20 en México incrementouse a tensión entre Bos Aires e Londres, unha vez que o primeiro ministro británico David Cameron esixiu ao goberno arxentino o respecto ante a celebración do plebiscito soberanista nas Malvinas(2). Así e todo, diversos sectores críticos coa xestión da presidenta Cristina Fernández sinalan que a retórica nacionalista do actual goberno arxentino agocha presuntos intereses políticos a medio e longo prazo.

b) O peso xeopolítico e económico das Malvinas

Á par da soberanía e dos intereses enerxéticos, é incuestionable o relevante papel estratéxico das illas Malvinas tanto para Arxentina como para Gran Bretaña, país que exerce desde 1833 a soberanía sobre as mesmas.

As illas Malvinas están localizadas na parte sudoccidental do Océano Atlántico, próximas aos continentes americano e antártico e aos pasos estratéxicos de Drake, Magallanes e Beagle, que conectan o Océano Atlántico co Pacífico. Este paso estratéxico que conecta coas rutas marítimas ao sur do Cabo de Boa Esperanza e o Cabo das Agullas en África do Sur, comunicando ao Atlántico co Océano Índico, ofrecen vías alternativas ante os posibles peches da Canle de Panamá e da Canle de Suez(3).

Londres exerce a soberanía sobre as illas de Ascensión, Malvinas, Santa Elena e Tristán da Cunha, que garante un control sobre o Atlántico Sur, hoxe revalorizado pola explotación petroleira e pesqueira no Golfo de Guinea e Angola(4). Incluso, Gran Bretaña argumentou a posibilidade de que forzas da OTAN realizaran exercicios militares nas Malvinas, nun hipotético escenario de confrontación en zona fría(5). Precisamente, o temor a que Londres utilice as Malvinas como escenario de exercicios militares foi aducido recentemente pola presidenta arxentina Cristina Fernández, quen anunciou publicamente que presentará unha demanda ante o Consello de Seguridade da ONU pola eventual “militarización” que Gran Bretaña estaría levando a cabo nas augas que rodean ás Malvinas(6).

En canto aos recursos económicos, nas Malvinas atópanse como piares básicos da súa economía a produción agropecuaria, o turismo, a pesca, o petróleo e os minerais sólidos no territorio insular. No aspecto da produción pesqueira, esta comprende un amplo espazo da Zona Económica Exclusiva da Arxentina e as augas que se atopan baixo control británico nas illas Malvinas, Xeorxias e Sandwich do Sur, onde na actualidade opera unha ampla flota pesqueira de 116 buques factoría británicos, españois, coreanos e taiwaneses, entre outros, con pescas de 200.000 toneladas de lura, con facturacións de aproximadamente 2.000 millóns de euros(7).

c) Un “maná” petroleiro?

No asunto das reservas de hidrocarburos, as presuncións sobre as mesmas anteceden incluso á breve guerra de 1982. O “Informe Shackleton” entregado ao goberno británico en 1976 estimaba como altamente probable a existencia de hidrocarburos no Atlántico Sudoccidental(8). Londres e Bos Aires acordaron en setembro de 1990 incluír o tema da explotación petroleira nas negociacións bilaterais. Non obstante, o goberno británico autorizou dende entón ao goberno das Malvinas a conceder licencias de explotación petroleira(9).

Desde 1996, o goberno das Malvinas outorgou licencias de explotación offshore a consorcios internacionais como Amerada Hess, Shell, Desire Petroleum Ltd (de cuxa directiva formaba parte o ex gobernador das illas Sir Rex Hunt), Sodra Petroleum e LASMO(10). No aspecto da explotación mineira, estímase que nas profundidades do Atlántico Sur, en torno ás illas Malvinas e a provincia arxentina de Santa Cruz, existen grandes depósitos de magnesio e manganeso, a unha profundidade que esixe investimentos de alta tecnoloxía. Desde os anos 1970, empresas de Gran Bretaña, Alemaña, Xapón, Canadá e EUA veñen realizando millonarios investimentos en investigación e desenvolvemento(11), ratificando así o valor estratéxico do seu espazo marítimo.

O interese británico pola explotación petroleira nas Malvinas ven clarificándose paralelamente ás tensións con Bos Aires no tema da soberanía. En febreiro pasado, o ministro de Universidades británico David Millets, viaxou ás illas para supervisar as actividades científicas de exploración, toda vez Londres emitira un revelador informe sobre o potencial petroleiro alí existente(12). En marzo pasado, representantes do Comité de Defensa da Cámara dos Comúns visitaron as illas nun momento en que Londres declarou Área Mariña Protexida as augas que rodean as illas Xeorxias do Sur e Sandwich do Sur(13).

A fin de contrarrestar as demandas arxentinas, o goberno das Malvinas ven desenvolvendo unha ampla campaña internacional e de eventual atracción de investimentos estranxeiros, criticando a posición arxentina como unha presunta tentativa de “dominación e colonización”, tal e como se evidenciou coa recente visita a países caribeños anglófonos a comezos de xuño por parte de Roger Edwards, presidente da Asemblea Lexislativa das Falkland Islands(14).

Cun barril de petróleo superando os US$ 100 e a recente polémica pola nacionalización de Repsol YPF, o tema da explotación petroleira nas Malvinas cobra unha importancia cada vez máis estratéxica para Bos Aires e Londres. Desde 2010 operan cinco empresas nas illas en labores de exploración e prospección de petróleo, especialmente ao Norte do arquipélago. Precisamente nesa zona, a empresa británica Rockhopper Exploration anunciou a eventual existencia duns 400 millóns de barrís no campo de Sea Lion(15), equiparando este campo coas reservas existentes no Mar do Norte, segundo un estudo da consultora Edison Investment Research.

En total estímase que as Malvinas albergan reservas de 8.300 millóns de barrís, o triplo das reservas petroleiras británicas, especialmente do Mar do Norte(16). Esa mesma consultora especula con que o goberno das Malvinas ingresaría fiscalmente uns US$ 180.000 millóns en concepto de impostos polo período de concesión da explotación petroleira.

En marzo pasado, o goberno arxentino anunciou que iniciará accións administrativas, penais e civís contra empresas petroleiras, accionistas, bancos, consultoras, aseguradoras e inversores de calquera tipo que se involucren na exploración e explotación de hidrocarburos nas Malvinas(17). Ao mesmo tempo, anunciou que as cinco empresas petroleiras involucradas son as británicas Falkland Oil Gas, Rockhopper, Desire Borders e Southern, así como a holandesa Argos.

d) Contexto político ante o plebiscito 2013 

Desde xaneiro pasado, e coincidindo co simbolismo de datas históricas como o 179º aniversario da ocupación británica do arquipélago e os 30 anos da guerra das Malvinas, o ministerio de Exteriores e a Presidencia arxentina veñen emitindo diversos comunicados e declaracións públicas sobre a reclamación da súa soberanía, contrarrestada cunha inmediata posición reaccionaria por parte do goberno británico, ao declarar que “a negociación está fora de cuestión, igual que a soberanía(18).

Nos derradeiros meses, Bos Aires alcanzou un notable consenso a nivel latinoamericano no relativo á súa petición de apertura de negociacións sobre as Malvinas. Diversos países caribeños, Venezuela, Cuba, Ecuador, Bolivia e Nicaragua apoiaron as demandas arxentinas no VI Cumio das Américas celebrado en maio en Cartaxena de Indias (Colombia) e no cumio da Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA) celebrado en febreiro en Caracas. A tensión con Londres incrementouse ante a decisión adoptada polo MERCOSUR en decembro de 2011 de apoiar a decisión arxentina de ampliar a prohibición de ingreso nos portos da rexión dos buques con bandeiras das Falkland Islands(19), denominación outorgada por Londres ás Illas Malvinas.

Mentres na actualidade política arxentina comezan a agromar unha serie de reclamacións por torturas presuntamente infrinxidas polas tropas británicas durante a guerra de 1982, moitos sectores políticos e mediáticos críticos coa xestión da presidenta Cristina Fernández consideran que a súa recente retórica nacionalista sobre as Malvinas e a nacionalización de Repsol YPF son decisións que aparentemente tentan ocultar outros problemas crónicos, tales como a inflación e a degradación dos servizos públicos, aspectos que están intensificando as protestas e folgas a nivel nacional.

Estas críticas atacan a viraxe proteccionista no económico do goberno de Cristina Fernández, en especial ante un recente decreto que limita a autonomía do Banco Central(20) promulgado en plena efervescencia do “caso Malvinas”. Paralelamente, critican un presunto reacomodo do poder dentro do “kirchnerismo” ante a preponderancia do grupo La Cámpora(21), dirixido polo fillo da presidenta Máximo Kirchner e que afirma o peso do viceministro de Economía, Alex Kicillof (42 anos) como o principal cerebro detrás da nacionalización de Repsol YPF. A actual conxuntura política agocha igualmente diversas loitas de poder ante eventuais candidaturas presidenciais de cara aos comicios de 2015.

O pasado 12 de xuño, o goberno das Malvinas anunciou a celebración en 2013 dun plebiscito sobre a súa soberanía. Durante o recente cumio do G-20 en México, Cameron e Cristina Fernández tensaron o ambiente unha vez as lexítimas reclamacións arxentinas de apertura de negociacións foron obstaculizadas pola reiterada oposición de Londres, violando as resolucións da ONU que apelan ás partes á busca dunha solución diplomática.

A intransixencia de Londres ante as reclamacións arxentinas, a celebración do plebiscito soberanista e o caudal de intereses petroleiros en xogo suxiren que as Malvinas seguirán incrementando as tensións entre Bos Aires e Londres a medio e longo prazo.

IGADI. 25 de xuño de 2012



(1) RICHARDS, Peter, “Caribe dividido en torno a las islas Malvinas”, Inter Press Service en español, 9 de febreiro de 2012. Ver en: http://ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=100121

(2) “Argentina: Cameron rechaza una carta de Cristina Fernández sobre Malvinas”, Infolatam, Información y Análisis de América Latina, 19 de xuño de 2012. Ver en: http://www.infolatam.com/2012/06/19/argentina-cameron-rechaza-una-carta-de-cristina-fernandez-sobre-las-malvinas/

(3) DE LOS REYES, Marcelo Javier, “Las islas Malvinas y el Atlántico Sur. Configuraciones estratégicas y económicas”, Centro de Estudios Internacionales para el Desarrollo (Arxentina), Documentos de Traballo Nº 97, Bos Aires, marzo de 2012. Ver en: http://www.ceid.edu.ar/serie/2012/ceid_dt_97_marcelo_javier_de_los_reyes_las_islas_malvinas_y_el_atlantico_sur.pdf

(4) Ibid, páxina 4.

(5) Ibid, páxina 6.

(6) RICHARDS, Peter, “Caribe dividido en torno a las islas Malvinas”, op.cit

(7) DE LOS REYES, Marcelo Javier, “Las islas Malvinas y el Atlántico Sur. Configuraciones estratégicas y económicas”, op.cit, pp. 8-9.

(8) Ibid, páxina 10.

(9) FRAGA, Jorge A., “Petróleo en Malvinas ¿Cuestión de negocios o de soberanía?, Colección, Nº 2, 1995, Universidade Católica Arxentina, pp. 115-124. Citado en DE LOS REYES, Marcelo Javier, “Las islas Malvinas y el Atlántico Sur…”, op.cit, páxina 10.

(10) DE LOS REYES, Marcelo Javier, “Las islas Malvinas y el Atlántico Sur…”, op.cit, páxina 10

(11) Ibid, pp. 11-12

(12) Ibid, páxina 14.

(13) Ibid, páxina 15.

(14) RICHARDS, Peter, “Caribe dividido en torno a las islas Malvinas”, op.cit

(15) KOVACIC, Fabián, “Petróleo e independencia. El sueño del Qatar del Sur”, “Mundo: A 30 años de la Guerra de las Malvinas”, Brecha (Uruguai), Ano 27, Nº 1.376, 4 de abril de 2012, páxina 32.

(16) Ibid, páxina 31

(17) OBARRIO, Mariano, “Harán juicio a empresas que operan en las Malvinas”, La Nación (Arxentina), 16 de marzo de 2012. Ver en: http://www.lanacion.com.ar/1457092-haran-juicio-a-empresas-que-operen-en-malvinas

(18) KOVACIC, Fabián, “La latinoamericanización del conflicto”, “Mundo: A 30 años de la Guerra de las Malvinas”, Brecha (Uruguai), Ano 27, Nº 1.376, 4 de abril de 2012, páxina 31.

(19) RICHARDS, Peter, “Caribe dividido en torno a las islas Malvinas”, op.cit

(20) “Cortinas de humo en Argentina”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 789, 16 de abril de 2012.

(21) “El implacable ascenso de La Cámpora”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 791, 30 de abril de 2012.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº87361.32 KB

IgadiPaper nº100

A Cooperación Transfronteiriza en Europa
Bases para un modelo

a) Introdución

A creación en 1958 da primeira Eurorrexión (EUREGIO na fronteira neerlandesa e alemá) constituíu o impulso necesario que deu paso á concreción de diversas iniciativas de Cooperación Transfronteiriza (CTF) en Europa. Este é un proceso vixente e de crecente actualidade no marco da Europa comunitaria que, paralelamente, conta cunha relevante influencia como modelo e experiencia de actuación noutros ámbitos xeográficos, especialmente América Latina e África.

Na actualidade pódense identificar máis de 160 experiencias de Eurorrexións con diversas denominacións (Consellos, Consorcios, Comunidades de Traballo, Euregios, Asociacións, Conferencias, Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, AECT, etc), radiografía que permite afirmar que este proceso é unha realidade tanxible e consolidada na Europa comunitaria. Non obstante, e a pesar da contar cunha prolífica produción bibliográfica así como dun notorio interese por parte de diversos centros de investigación e entidades públicas e privadas, a Cooperación Transfronteiriza constitúe unha realidade poucas veces abordada a través dun tratamento informativo, político e institucional acorde coa súa importancia e potencialidade, principalmente como vectores de integración social, económica e cultural por parte dos territorios transfronteirizos involucrados.

Un caso concreto constitúeno a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, creada en 1991 e que a partir de 2008 impulsou unha AECT coa finalidade de outorgarlle un marco xurídico acorde que lle permitira, ó mesmo tempo, acentuar o seu peso político e institucional. Non obstante, é igualmente visible a manifestación de diversos déficit para Cooperación Transfronteiriza en Europa, especialmente no eido da arquitectura institucional, peso político, influencia social e económica ou incluso difusión informativa das súas actividades, e que determinarán os retos e iniciativas a ter en conta de cara á apertura dun novo período de fondos europeos 2014-2020.

b) A experiencia europea de Cooperación Transfronteiriza

Unha análise global do proceso de Cooperación Transfronteiriza (CTF) en Europa tras mais de medio século de andaina permite identificar unha serie de variables que confórmana como unha realidade tanxible e consolidada no espazo da Europa comunitaria.

Aínda que antecesora do proceso de integración europea, impulsada esta trala creación da Comunidade Económica Europea (CEE) en 1957, a Cooperación Transfronteiriza recibiu un impulso inicial por parte do Consello de Europa, entidade creada en 1949, continuando a súa traxectoria a través doutras entidades orixinadas con posterioridade, especialmente a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), a Conferencia de Poderes Locais e Rexionais de Europa (CPLRE), a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), a Conferencia de Redes Europeas de Cidades Transfronteirizas e Interrexionais (CECICN) ou a Asemblea das Rexións de Europa (ARE), entre outras.

Por tanto, a CTF supuxo un esforzo de superación do concepto de “Fronteira”, asumindo a creación de novas entidades emerxentes, tanto a nivel local como rexional, no cometido de fraguar a “débeda histórica”([1]) dos Estados centralizados europeos de cara as súas rexións periféricas. Comunmente denominadas “Eurorrexións” e adoitadas con diversas intensidades de cooperación, os actores involucrados na CTF son, a grandes trazos, os Estados centralizados, as entidades supranacionais (UE), outros organismos (ARFE, Consello de Europa, CPLRE), as diversas experiencias europeas de goberno local e rexional (concellos, condados, provincias, autonomías, rexións, gobernos intermedios, etc), diversas institucións transfronteirizas, empresas privadas, pemes, universidades, etc. Abarca, por tanto, un amplo abano da vida pública e social dos territorios involucrados.  

Paralelamente, a arquitectura institucional da conta dunha certa homoxeneidade, plasmada na configuración dunha Asemblea/Consello da Eurorrexión como principal órgano executivo, así como de diversos Comités, Secretariado, Grupos e Comisións de Traballo, como órganos de apoio, administración e concreción dos proxectos. No apartado das áreas de traballo, pódese igualmente identificar certa homoxeneidade entre as diversas Eurorrexións: Turismo, Desenvolvemento Sostible, PEMES, I+D, Comercio Exterior, Ciencia e Tecnoloxía, Participación Cidadá, Política Urbana, Cooperación Marítima, Axuda Humanitaria, Asistencia Social, Prevención de Desastres, Cooperación ao Desenvolvemento, Combate contra o Crime, Gobernanza, Promoción do Ideal Europeísta, Dereitos Humanos, etc.

No que atinxe aos fondos financeiros utilizados, practicamente todas as Eurorrexións dependen da operatividade de diversos fondos europeos de desenvolvemento (FEDER, INTERREG, POCTEP, Política Europea de Veciñanza (PEV), Instrument for Pre-Accesion Assistance (IPA), European Neighbourhood and Partnership Instrument (ENPI, etc), así como das achegas dos seus actores involucrados, tanto públicos como privados. En ocasións, esta dependencia asúmese como case absoluta, un factor que evidentemente obstaculiza a autonomía de desenvolvemento do modelo, especialmente en caso de rematarse o período de recepción de fondos europeos.

Tanto a Comisión Europea como os diversos Estados nacionais europeos contribúen coa Cooperación Transfronteiriza a través de fondos de desenvolvemento que, para o período 2007-2010, ascendeu á cantidade de 583,28 millóns de euros, sendo esta cantidade de 535,15 millóns de euros para o período 2011-2013([2]). É de salientar que a Política de Cohesión e Desenvolvemento da UE ocupa aproximadamente un 36% do orzamento total comunitario. Por tanto, debe tomarse en consideración que, a tenor da crise económica na zona Euro e das políticas de austeridade actualmente vixentes na UE, estes fondos poden verse sensiblemente afectados de cara á apertura dunha nova fase de fondos europeos 2014-2020, aínda que a Comisión Europea garante que un 73,4% dos fondos europeos 2014-2020 irán integramente a Cooperación Transfronteiriza([3])

É igualmente apreciable a existencia dunha especie de “eixes xeopolíticos” no modelo europeo de CTF, un proceso que globalmente podería identificarse da seguinte forma: Europa Nórdica e Occidental (con elevado nivel de cooperación, peso institucional e desenvolvemento); Arco Atlántico, Eixe Lotarinxio, Europa Alpina e Pirenaica (nivel de cooperación medio, notable peso institucional); Europa Central e Oriental, Mediterráneo e Europa balcánica e do Sur, sendo estas entidades de creación mais recente (a carón do proceso de ampliación da UE), con menor intensidade de cooperación e peso institucional e maior dependencia dos fondos europeos.

Completando esta perspectiva, unha visión mais afondada sobre a actualidade das entidades de CTF da conta dunha notoria división entre Eurorrexións activas, manifestadas pola periódica actualización das súas actividades, especialmente visibles a través das súas respectivas páxinas web; e de Eurorrexións irregulares, aquelas que se atopan desactualizadas nas súas actividades, con escasa ou inexistente información que dificultan a súa análise aínda que, ó mesmo tempo, non exista constancia oficial da súa eventual desaparición ou integración cara outras entidades.

c) A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

A constitución en 1991 da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, entidade que a partir de 2008 creou unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), supuxo unha aposta estratéxica orientada a capitalizar novas iniciativas para o seu desenvolvemento socioeconómico, de infraestruturas e de cooperación cultural e política cara outras rexións europeas, así como para inserirse como un actor de relevancia de cara ao proceso de integración europeo.

Tras mais de dúas décadas de andaina, podemos identificar unha matriz de fortalezas e debilidades que definen a esta Eurorrexión. Entre as súas fortalezas atopamos a persistencia dunha realidade consolidada e tanxible, con notable impacto na vida cotiá da cidadanía galega e portuguesa; dunha visión política compartida de cooperación, mais que de competitividade; acervo cultural e histórico común; localización atlántica estratéxica; personalidade xurídica definida (AECT), que lle outorga notable autonomía de acción; uniformidade xeográfica, ausencia de conflitos históricos e políticos salientables; capacidade para adaptarse aos cambios e transformacións do seu entorno institucional e político; e finalmente a existencia dunha entidade propia (Eixo Atlántico) como impulsor de iniciativas de cooperación transfronteiriza e de difusión das actividades da Eurorrexión.

Entre as súas debilidades, salientamos un notorio nivel de parálise e ralentización do seu impulso político inicial, aspecto que determina a implicación política dos seus actores involucrados; certo déficit de capacidade para abrirse cara a cidadanía galega e portuguesa (grupos empresariais e centros de investigación) así como da perspectiva da boa gobernanza, só limitada á participación dos poderes locais; incapacidade para reforzar o seu liderado político e institucional; escasa construción, a nivel institucional e social, dunha identidade propia; falta de definición política e débil lexitimidade institucional, incapaz de ampliarse alén dos seus socios fundadores (a Xunta de Galicia e a Comissăo de Coordenaçăo e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal, CCDR-RN); e finalmente a súa localización na periferia atlántica europea, lonxe dos centros de decisión (Bruxelas, Berlín)

Un apartado certamente notorio desta Eurorrexión, e que dalgún modo define a súa ralentización política e institucional, resulta da visible escaseza informativa ofrecida polos medios de comunicación locais sobre o que está a suceder e a realizarse no marco da Cooperación Transfronteiriza neste espazo territorial. Este déficit de transferencia de información é igualmente salientable na maioría das Eurorrexións actualmente existentes, reflectindo unha carencia de perspectiva política e institucional á hora de viabilizar diversas iniciativas de desenvolvemento.

d) Conformando as bases do modelo

Resulta innegable que a Cooperación Transfronteiriza corresponde a un proceso natural, consolidado e estreitamente relacionado co proceso de integración europeo, se cabe moito mais importante por partir dun proceso “bottom-up” que identifica a vixencia do rexionalismo como concepto clave e relevante da integración europea, sen que isto menoscabe o fomento do ideal europeísta.

Con todo, resulta igualmente apreciable que as mais de 160 experiencias de CTF en Europa manifestan notorias e inevitables asimetrías e disparidades. As Eurorrexións avanzaron no proceso de integración e cohesión socioeconómica e territorial pero adoitan dunha mais eficaz arquitectura institucional e dunha activa axenda de comunicación e difusión.

Así mesmo, e tras mais de medio século de andaina, o proceso de Cooperación Transfronteiriza albisca a eventual apertura dunha nova fase, mais centrada na concreción dunha cooperación “de segunda xeración” e na aparición dun novo concepto, o da “cidadanía compartida”.

IGADI. 7 de marzo de 2013.


([1]) Argumento constantemente defendido polo catedrático da Universidade de Vigo, Argimiro Rojo.

([2]) “Cooperación Transfronteriza 2007-2013”, Páxina Oficial da Unión Europea. Ver en: europa.eu/legislation_summaries/external_relations/relations_with_third_countries/eastern_europe_and_central_asia/r17104_es.htm (en castelán)

([3]) “Política de Cohesión 2014-2020. Inversión en el crecimiento y el empleo”, Unión Europea. Política de Cohesión. Ver en: ec.europa.eu/regional_policy/sources/docoffic/official/regulation/pdf/2014/proposals/regulation2014_leaflet_es.pdf

 

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº100341.79 KB

IgadiPaper nº101

A Venezuela post-Chávez e o futuro da Revolución Bolivariana

a) Introdución

A desaparición física do presidente Hugo Chávez Frías, acaecida o pasado 5 de marzo, abre inevitablemente unha nova etapa política en Venezuela e, de forma tanxencial, en América Latina. Este escenario non significa, cando menos a curto e medio prazo, a eventual desaparición do seu legado político precisamente porque o  “chavismo” seguirá a constituír, con toda probabilidade, a forza motriz do proceso revolucionario e a tendencia política hexemónica en Venezuela.

Non obstante, esta nova etapa afronta inevitables incertezas e interrogantes que, a longo prazo, se cernen en materia de liderado, de estilo de gobernabilidade e de cohesión social e política do “chavismo”. Na actualidade, a atención está centrada en Nicolás Maduro, entronizado polo propio Chávez como o seu sucesor e recentemente nomeado como presidente en funcións ata a celebración de novos comicios presidenciais, previstos para o próximo 14 de abril.

Ante esta nova conxuntura electoral, Maduro deberá poñer a proba o seu liderado contra o principal líder da oposición, Henrique Capriles Radonski, quen xa perdera contra Chávez nos comicios presidenciais de outubro pasado. Considerado como o principal representante dunha especie de “chavismo civil”, Maduro deberá acometer diversos retos, en particular a consolidación do seu liderado, principalmente de cara ao “chavismo de base”, así como a continuidade do proceso revolucionario, minorando ao  mesmo tempo as tensións e a polarización aínda existentes na vida pública venezolana.

Neste escenario, cómpre observar unha eventual transitoriedade baseada no pragmatismo e na busca de consensos entre os principais actores políticos venezolanos, co cometido de garantir a gobernabilidade e estabilidade deste novo escenario post-Chávez. Con Maduro á fronte do proceso, cun estilo visiblemente menos carismático e probablemente máis tecnocrático, o “chavismo” afronta o seu principal reto político, a consolidación dunha sucesión lexitimada polos altos poderes públicos e institucionais, e a necesidade de manter a cohesión e a dinámica da Revolución Bolivariana e do seu soporte ideolóxico, o Socialismo do Século XXI.

b) Un sucesor designado: Nicolás Maduro

A principal interrogante que se cerne na Venezuela post-Chávez centra directamente a súa atención na concreción dun novo liderado e na súa capacidade de cohesión, en especial de cara a un electorado e unhas bases sociais do movemento intimamente identificadas coa figura do desaparecido ex presidente venezolano.

Neste sentido, o contexto actual do “chavismo” gravita esencialmente en torno a un actor principal, cun  liderado, cohesión política e institucional que albíscase aparentemente inalterable. Esa atención diríxese así á figura do actual presidente en funcións Nicolás Maduro (50 anos, identificado dende diversos sectores como o eventual abandeirado dunha especie de “chavismo civil”.

Maduro potencia as súas opcións a través de dúas variables: a primeira, a súa lealdade absoluta a Chávez, factor que lle conferiu a confianza necesaria para a sucesión; e a segunda, as súas notorias habilidades como negociador, visiblemente efectivas durante a súa xestión como ministro de Asuntos Exteriores (2006-2012) Este aspecto confirma a Maduro como unha personalidade coñecida dentro e fóra de Venezuela.

Sen menoscabar a súa capacidade para revitalizar certa retórica de radicalización, o pragmatismo semella definir a concepción política substancial de Maduro, probablemente en aras de facilitar unha eventual orientación tecnocrática para o seu goberno. Neste sentido, o nomeamento como novo vicepresidente en funcións de Jorge Arreaza (39 anos), xenro de Chávez e ministro encargado de Ciencia e Tecnoloxía, define unha eventual variable pragmática, tecnocrática e incluso con certo  matiz de carácter xeracional para este novo escenario dentro do “chavismo”.

c) Diosdado, a FAN e o “chavismo de base”

Tras Maduro, outro actor que esperta a atención é Diosdado Cabello (49 anos), actual presidente da Asemblea Nacional e quen, segundo o artigo 233 da Constitución Bolivariana de Venezuela, debía ter ocupado a presidencia en funcións como representante do poder lexislativo, ante a incapacidade física ou mental do presidente para asumir o seu cargo. Diosdado, como popularmente se lle coñece, controla diversos factores de peso dentro do “chavismo”, aínda que estes factores xeran encontradas e polarizadas posicións, principalmente no “chavismo de base”.

De formación militar e detentor de diversos cargos públicos durante o goberno de Chávez (deputado, ministro, vicepresidente, presidente interino e gobernador) Diosdado constitúe un “peso pesado” con importantes ramificacións de poder dentro da Forza Armada Nacional (FAN), do poder lexislativo e da cúpula gobernante do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), así como das súas estruturas políticas e burocráticas a nivel nacional.

Ao mesmo tempo, como ministro da Secretaría da Presidencia, de Interior, de Infraestruturas e de Obras Públicas, Diosdado impulsou a creación de novos medios de comunicación comunitarios así como amparou a creación dunha elite empresarial e económica (despectivamente denominada a “boliburguesía”), cunhas ramificacións que xeran suspicacias e mesmo desconfianza entre a base militante do “chavismo”. O “chavismo de base” e os sectores opositores identifican a Diosdado como presunto líder dunha “dereita endóxena” con notorias ambicións de poder. Paralelamente, un eventual liderado de Diosdado non semella ben visto polo goberno cubano, aliado estratéxico de Caracas, apostando dende un principio por Maduro.

Outro actor clave é a Forza Armada Nacional (FAN), cunha preponderancia de carácter político que no contexto actual semella conferirlle un peso clave na gobernabilidade e estabilidade da Venezuela post-Chávez. A posición oficial da FAN de declararse “chavista” e de manifestar o seu apoio total a Maduro, confirma ao mesmo tempo a súa estratexia de converterse no polo de poder con maior capacidade de decisión no momento político actual.

A preponderancia política da FAN é evidente. Diversos ex militares ocupan altos cargos dentro do PSUV e algúns deles forman parte das elites empresariais e burocráticas impulsadas nos últimos anos. Ao mesmo tempo, un total de 10 das 20 gobernacións obtidas polo “chavismo” nas eleccións de gobernadores celebradas o pasado 16 de decembro, foron gañadas por ex militares candidatos do PSUV. Por tanto, a FAN personifica claramente esa noción e esencia dun proceso revolucionario cívico-militar impulsado por Chávez.

O cuarto actor de preponderancia, cunha visibilidade moito mais confusa en materia de liderados, o constitúe a base social do chavismo. Heteroxénea pero fortemente militante, está conformada por movementos e colectivos sociais impulsores dos cambios revolucionarios nos sectores populares; coa formación dunha Milicia Nacional de aproximadamente 120.000 efectivos, así como diversos “colectivos” e grupos armados, ideoloxicamente máis radicalizados, esperan unha transición rápida e definitiva cara un Estado socialista. Estes últimos son vistos con absoluto receo pola FAN, determinadas elites do PSUV e incluso por outros sectores civís dentro do “chavismo”. Moito máis popular e heteroxéneo, este sector aparentemente adoece de actores e líderes visibles e con capacidade de mobilización.

d) O futuro do “chavismo”   

O contexto actual define unha prioridade esencial para o “chavismo”: a necesidade de consolidar a unidade inalterable do movemento, así como garantir a estabilidade e a gobernabilidade dun “chavismo” politicamente hexemónico e con maioritario arraigo popular pero conmocionado pola desaparición física do seu líder.

A pesar da énfase oficial na unidade, percíbese certa sensación de transitoriedade a medio prazo. A razón principal debese á certificación de que ningún liderado actualmente existente en Venezuela conserva o carisma, a enerxía política e a capacidade de mobilización que tiña o desaparecido Chávez. Por tanto, outéase unha etapa de menor acento nun liderado excesivamente carismático e ideolóxico, potenciando así os niveis de consensos e pragmatismo e ata unha posible tendencia cara a burocratización do proceso revolucionario.

Deste modo, a eventual conformación dunha especie de “dirección colexiada” institucional entre Maduro, Diosdado, a FAN e o PSUV definirá momentaneamente este novo contexto político. Por tanto, e de cara aos próximos comicios presidenciais, o liderado de Maduro veríase electoral e politicamente lexitimado á vista da popularidade do “chavismo”.

No caso da oposición, principalmente agrupada en torno á Mesa pola Unidade Democrática (MUD), acudirá á cita electoral baixo a mesma candidatura de Henrique Capriles Radonski, actual gobernador do estado Miranda. Non obstante, a oposición venezolana segue a amosar a súa heteroxénea composición, traducida en diversos actores e liderados, que lle restan capacidade electoral ante a popularidade do “chavismo”. Así e todo, o seu principal reto supón manter a cota de máis de seis millóns de votantes alcanzado nos comicios de outubro pasado, correspondente ao 45% do electorado, sendo este o maior índice electoral alcanzado por liderado algún da oposición ante o “chavismo”.

O goberno de Maduro deberá acometer paralelamente outros problemas de gran impacto na vida nacional: os elevados índices de inseguridade cidadá e criminalidade; as presións de carácter económico (elevada inflación, especialmente no sector alimenticio e a recente depreciación da moeda nacional) así como o mantemento dun expansivo gasto público en materia social, cun aumento estimado no 27% do PIB en 2013, en particular para manter as populares misións sociais.      

No relativo á política internacional, o goberno de Maduro seguirá a potenciar a Alianza Bolivariana dos Pobos da Nosa América (ALBA) e a Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC) como proxectos estratéxicos de integración, sopesando unha eventual remodelación nas relacións exteriores con  actores clave como Cuba, EUA, China, Brasil, Rusia e Irán, entre outros. Tanto aquí como na política interna, o pragmatismo e os consensos moi probablemente despracen o estilo emocional, carismático, enérxico e ideolóxico impulsado por Chávez.

A inminencia do proceso electoral presidencial persuadirá ao goberno de Maduro para potenciar un proceso de mitificación de Chávez como factor de maior cohesión e mobilización dun electorado “chavista”, obviamente conmocionado pola desaparición do seu líder histórico. Así, e asumindo as evidentes diferenzas de contexto político e histórico, é factible considerar que o “chavismo post-Chávez” transite por un proceso similar ao acaecido co peronismo na Arxentina, tendo en conta a identificación (incluso con matices relixiosos) das bases populares do movemento co seu carismático líder.

Cómpre por tanto observar se a pluralidade e incluso atomización de actores e tendencias polas que tivo que transitar o peronismo na Arxentina contemporánea poda ter, a longo prazo, algún tipo de similitude e repercusión no futuro do “chavismo”. 

 

IGADI. 15 de marzo de 2013. 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº101333.51 KB

IgadiPaper nº102

China ultima o Gran Salto: Adiante?

 

Os resultados das sesións parlamentarias anuais celebradas en China entre o 3 e o 17 de Marzo, incluíndo tanto a Conferencia Consultiva Política como a Asemblea Popular Nacional (APN), evocan a clara sensación dun novo impulso á política de reforma e apertura iniciada en 1978. Trala defenestración de Bo Xilai e o descarte absoluto de calquera posibilidade de marcha atrás durante a celebración do XVIII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh) en novembro de 2012, tocaba agora lexitimar universalmente (tanto no plano subxectivo como no discurso) as decisións tomadas.  

a) Liderados estatais

Xi Jinping, secretario xeral do PCCh, foi confirmado como Presidente de China e da Comisión Militar Central do Estado (con idéntica composición á comisión militar central do PCCh). Li Keqiang, primeiro ministro. Zhang Dejiang, presidente da APN. Yu Zhengsheng, presidente da Conferencia Consultiva Política. A única novidade foi a elección como vicepresidente de Li Yuanchao, membro do Buró Político, quen se barallara no congreso de novembro como posible integrante do Comité Permanente, máximo órgano de poder en China. Habitualmente, o vicepresidente, un cargo esencialmente honorífico, é o quinto na xerarquía que coincide co reitor da Escola Central do PCCh (neste caso, Liu Yunshan). Así veu acontecendo nos últimos anos co propio Xi Jinping, Hu Jintao, Zeng Qinghong e ata Hu Yaobang. Li Yuanchao é un afín a Hu Jintao e recoñecido reformista dentro do sistema. A súa elección ratifica o esforzo da nova dirixencia chinesa por redobrar o consenso no cume para afrontar unha etapa clave do seu proceso de modernización.  

b) A despedida de Wen Jiabao

No seu informe da acción de goberno, o primeiro ministro saínte, Wen Jiabao (2003-2013), fixo fincapé nos importantes logros da última década, en especial no último lustro, realizados en condicións especialmente difíciles por mor do estoupido da crise financeira internacional que fixo abalar os piares do crecemento chinés afectando de forma significativa ás súas exportacións ao mundo desenvolvido. O balance dos últimos cinco anos recoñece a persistencia de moitas contradicións na economía chinesa: desequilibrio e insostibilidade, baixa produtividade e escasa innovación, déficits orzamentarios avultados especialmente no eido local, baixas taxas de benestar social, ambiente en estado pésimo, agravamento das diferenzas dos mundos rural e -urbano, ingresos á alza pero aínda insuficientes para imaxinar unha sociedade de consumo… Nada, en fin, que non estea no vocabulario habitual pero que constitúen poderosas sombras sobre a economía chinesa confrontada ao reto de duplicar en 2020 o PIB e o ingreso per cápita correspondentes a 2010.

Entre os anuncios para 2013 cabe sinalar o obxectivo de crecemento do 7,5%, cunha inflación por baixo do 3,5% e unha taxa de desemprego do 4,6%. O gasto en defensa medrará un 10,7%. Wen Jiabao anunciou unha reforma gradual do hukou ou permiso de residencia e o mantemento da política de planificación familiar, temas obxecto de discusión nos últimos tempos. Tamén haberá continuidade na política en materia de nacionalidades minoritarias, a propósito de Taiwán ou na política exterior. A sensibilidade en relación aos problemas ambientais debera aumentar. Por último, cabe salientar o anuncio dun aumento do déficit público por importe de 400.000 millóns de renminbi, fondos que serán destinados en boa parte á mellora do benestar social (vivenda, pensións, sistema sanitario, educación…). A segunda potencia económica do mundo sitúase en termos de Índice de Desenvolvemento Humano na posición 101 (IDH 2012).

Fronte ás críticas de “década perdida” en alusión á parálise do proceso reformista, Wen Jiabao salientou un balance globalmente positivo, defendendo as políticas adoptadas dun maior investimento público e un maior intervencionismo para corrixir os efectos da crise global. Certamente, na pasada década fóronse sentando as bases dun maior equilibrio na axenda dunha reforma exitosa no eido económico pero claramente fracasada no eido social, ambiental, tecnolóxico ou político, factores todos que agora, unha vez clarexado o rumbo a seguir, formarán parte indispensable da axenda.

c) Decisións para un novo xiro

A reestruturación do Consello de Estado ou gabinete constitúe unha das referencias esenciais destas sesións parlamentarias e símbolo dun novo xiro na política chinesa. Formalmente, trátase de avanzar na diferenciación das funcións estritamente gobernamentais e económicas, eludindo a implicación directa nestas últimas do aparato administrativo. O goberno apartaríase así progresivamente da xestión empresarial directa. Na práctica, suporá unha redución moi considerable do aparato burocrático, a reorientación do labor gobernamental a tarefas de coordinación e estratexia, menor intervencionismo público e maior respecto ás leis do mercado e a apertura dun horizonte de desmonopolización e de maior presenza do sector privado en sectores onde antes tiña unha presenza testemuñal e ata inexistente. Estímase que o proceso de transformación, a sétima en trinta anos, que obedece a unha folla de ruta trazada nos últimos anos, levará un lustro. De entrada, o número de ministerios pasou dos 27 actuais a 25.

A elección do Ministerio de Ferrocarrís como botón de mostra do cambio de orientación non é inocente. Este Ministerio, agora suprimido, constitúe todo un mini-estado, con dous millóns de empregados, policía e ata tribunais propios. Os asuntos administrativos dos ferrocarrís dependerán dun Buró mentres que a xestión económica pasará a ser exercida por unha Corporación. Este modelo podería estenderse a outros sectores.

Outros ámbitos afectados polas decisións refírense a ámbitos como a enerxía (a enerxía eléctrica, que funcionaba de xeito autónomo, queda agrupada nunha mesma axencia). Tamén a seguridade alimentaria, sacudida por numerosos escándalos nos últimos tempos. Ou a unificación da temática da planificación familiar con saúde.

A Comisión Nacional de Desenvolvemento e Reforma, referencia esencial da transición económica chinesa, perde peso nesta remodelación, de xeito que as súas competencias en materia de aprobación de proxectos e concesión de licencias vanse reducindo en tanto que a función estratéxica e de coordinación gaña substancia.

Outro aspecto ten que ver coa participación das organizacións populares na prestación de servizos sociais, médicos, sanitarios, etcétera. Na xestión social aquelas gañarán recoñecemento e dinamismo deixando en mans da colectividade boa parte da xestión das políticas activas nesta materia.

d) Os novos rumbos

Haberá continuísmo nos próximos anos na política chinesa pero, sobre todo, asistiremos a unha aceleración das reformas, especialmente no eido económico con vistas a configurar o novo modelo de desenvolvemento baseado no fomento da demanda interna, a innovación científica e os impulsos social e ambiental. Este proceso coexistirá cos experimentos no eido político dun reformismo inter-sistémico que exclúe calquera evolución cara unha democracia de estilo occidental. Dende a tribuna foron varias as voces que apostaron por alargar o espazo da democracia consultiva para reforzar as bases e a credibilidade do sistema, non para desmontalo. Oficialmente, todo canto se mude debe preservar a inmutabilidade da hexemonía do PCCh.

En materia de dereitos humanos, pese á anunciada reforma dos laojiao, os campos de traballo, ningún cambio substancial asoma no horizonte. Ningún eco nas sesións parlamentarias do chamamento efectuado o pasado 26 de febreiro por numerosos intelectuais para que China ratifique o Pacto internacional de dereitos civís e políticos, asinado en 1998, hai quince anos.

Na política exterior, agora con Wang Yi á súa fronte mantendo o rumbo do desenvolvemento pacífico, cabe agardar a afirmación dun ton máis reivindicativo. China asumirá unha diplomacia máis rica e complexa e menos acomplexada, amosando os seus intereses tanto en relación ao diálogo con EUA como á súa dimensión participativa nas principais instancias do sistema internacional onde os cambios fanse demorar (os acordos adoptados en 2010 para unha reforma do FMI que lle procuraría máis peso seguen á espera de aplicación). A coordinación coas economías emerxentes, especialmente no grupo dos BRICS, gozará de atención. Non cabe esperar de China que desempeñe un papel global que contribúa a corrixir os excesos do capital financeiro internacional.

e) O estilo de Xi Jinping

Acumulando desde o inicio do seu mandato os tres cargos de maior significación (secretaría xeral do PCCh, presidencia do Estado e da Comisión Militar Central), Xi Jinping estará en condicións de acelerar os cambios precisos. A sociedade chinesa agarda con impaciencia que os froitos do desenvolvemento se traduzan en expectativas concretas que melloren o seu nivel de vida, mentres datos oficiais revelan que o 1% da poboación controla ata o 41% da riqueza do país.

Nos seus primeiros pasos, Xi Jinping amosou a súa disposición a intensificar a loita contra corrupción e o abuso de poder, manifestando igualmente preocupación polo incremento da independencia da xustiza. Estas tomas de postura, xunto ao seu falar directo e franco, bríndanlle certa simpatía inicial, pero terá que demostrar nos feitos que non se trata de simples declaracións. 

As evocacións dun maior respecto á lei e á Constitución contrastan cunha realidade que choca co muro dun sistema vocacionado para facer letra morta dos seus preceptos.

f) Conclusión

China encara unha etapa crucial do seu proceso de modernización. Os apremos centraranse na innovación, no ambiente, na cuestión social, na reestruturación económica. O obxectivo é deixar de ser o taller do mundo para converterse nunha potencia moderna e desenvolvida no horizonte de dez anos. Pasar do Made in China ao Created by China. Nese proceso seguirá pensando a incógnita do modelo futuro, especialmente no que atinxe á capacidade do PCCh para manter a excepcionalidade dun sistema que pese ás transformacións da sociedade chinesa mantense no substancial coas coordenadas de 1949. O desmantelamento dos monopolios públicos e o ritmo e características dunha nova onda de privatizacións que podería enfraquecer o poder económico do Partido-Estado pode indicarnos a natureza esencial desa China que en poucos anos confirmarase como a primeira potencia económica do mundo.

Noutro plano, a necesidade de equilibrar o obxectivo dunha maior eficiencia económica con iguais doses de xustiza ven gañando peso no discurso oficial dende que Hu Jintao promoveu a creación dunha sociedade harmoniosa. Pero a realidade desmente a harmonía. China segue a ser un dos países máis desiguais e inxustos do mundo.

A democratización seguirá no debate, sen mais atrevemento que a aposta por osixenar o sistema político mediante o aumento das consultas e outras fórmulas sucedáneas que permitan alargar a base das decisións pero sen cuestionar en ningún caso o actual sistema de co-participación sen alternancia.

Pode derrapar? A magnitude das contradicións que habitan no proceso chinés e a acumulación de expectativas de difícil satisfacción ofrecen un caldo de cultivo nada desprezable para fundamentar a hipótese dun derrape. O apelo ao nacionalismo, á realización dese soño colectivo do pobo chinés de recuperación da grandeza do pasado, constitúe un bálsamo moderador que as autoridades modelarán en función das expectativas, pero non é un remedio eterno e infalible. Sen máis xustiza, a China poderosa segue a ser un xigante con pes de barro.

18 de Marzo de 2013

AnexoTamaño
IgadiPaper nº102348.21 KB

IgadiPaper nº103

¿Un Nobel da Paz en guerra?
A deriva belicista da Unión Europea

a) Introdución

A pesar de imperar unha política de austeridade financeira, o apoio da Unión Europea (UE) ás intervencións militares en Libia (2011) e Malí (2013), o seu cada vez maior respaldo oficial ao Consello Opositor Sirio, entidade sumida nunha guerra interna contra o réxime de Bashar al Asad con propostas como a efectuada recentemente por Francia e Gran Bretaña de subministrar armamento aos opositores, así como as sancións e presións contra o programa nuclear iraniano, son aspectos que evidencian unha relativamente inesperada deriva de carácter belicista por parte do principal organismo europeo de integración, unha realidade que contrasta e cuestiona severamente a atribución do Premio Nobel da Paz en 2012 e, sobre todo, unha traxectoria ata agora modestamente compensada cunha política que igualmente apostaba pola cultura de paz, a prevención de conflitos, o diálogo e a reconstrución.

Concibido nas súas orixes como un organismo de integración baseado nos principios da convivencia pacífica e de respecto polos dereitos humanos, a recente orientación da UE á hora de apoiar estas intervencións militares na súa periferia mediterránea e africana semella certificar unha notoria supeditación aos intereses estratéxicos de algúns países membro (Francia) así como aos intereses “atlantistas” asociados á OTAN. Este aspecto revela, ao mesmo tempo, a escasa autonomía dunha Política Europea e de Seguridade Común (PESC), incapaz de artellar unha posición independente e alternativa para a resolución destas crises e conflitos.

Así e todo, compre salientar que a UE, considerada en termos absolutos a segunda potencia militar a nivel mundial, aglutinando a case dous millóns de efectivos militares e cun orzamento de defensa anual calculado en US$ 250.000 millóns, experimenta na actualidade un notorio proceso de diminución do seu gasto militar, estimado nun 20% durante a última década([1]). En 2012, a única excepción europea desta diminución do gasto militar global (aínda que centrado oficialmente en gastos burocráticos) foi precisamente Francia, país que liderou a recente intervención militar en Malí e que conta con intereses enerxéticos en Libia e xeopolíticos no conflito sirio.

b) Libia e Malí: cara unha UE “militarista”?

Desde 2011, a Unión Europea (UE) ven manifestando un inédito proceso de intervencionismo político e militar en crises e conflitos suscitados na súa periferia mediterránea oriental, magrebí e do Sahel africano, aspectos que cuestionan notoriamente a tradicional esencia “pacifista” deste organismo, a súa recente designación como Premio Nobel da Paz (2012) e, incluso, a imaxe de polarización interna derivada da intervención militar de Washington en Iraq (2003).

A pesar do contexto de crise económica e austeridade financeira, o momento actual semella evidenciar unha (re) concreción de intereses de carácter atlantista entre a UE e EUA. Baixo o amparo da resolución 1973 da ONU, que estipulaba exclusivamente un embargo de armamentos e a apertura dun espazo aéreo de apoio ás milicias do Consello Nacional Libio, a UE manifestou un decidido apoio á intervención militar en Libia a partir de marzo de 2011, neste caso baixo o liderado militar de Gran Bretaña e Francia, os cales actuaron cunha absoluta converxencia de intereses con Washington e a OTAN. Outros países membros da UE que apoiaron esta intervención en Libia foron España, Italia, Bélxica, Grecia, Países Baixos, Suecia e Dinamarca.

Se ben a misión da OTAN e da ONU en Libia finalizou oficialmente en outubro de 2011, a mesma deu curso a unha incipiente tutela de carácter político e militar no marco da Libia post-Gadafi, sen que isto certifique unha completa transición política cara a democracia nin moito menos unha estabilidade global nese país e nunha rexión convulsionada polos cambios políticos emanados da Primavera árabe. A pesar da celebración de eleccións lexislativas e presidenciais durante o primeiro semestre de 2012, a Libia post-Gadafi resulta se cabe un escenario sumamente inestable e volátil, sumida nas rivalidades entre clans territoriais e milicias armadas, atenazadas e inducidas polos intereses das multinacionais enerxéticas por controlar os codiciados recursos petroleiros e gasíferos do país.

A inestabilidade libia exerce unha repercusión rexional indubidable, principalmente entre os seus veciños magrebís e do Sahel, particularmente no caso de Malí, a través da proliferación dun mercado de armamentos fora de control e da constante mobilización de combatentes islamitas, algúns deles incluso remanentes de grupos armados que loitaron a favor do réxime de Gadafi durante a guerra de 2011([2]).

Deste modo, a inestable posguerra libia expándese dalgunha forma ao conflito interno que vive Malí, escenario que revela igualmente a incapacidade da UE, da ONU e da OTAN por conformar un marco de estabilidade rexional. Impulsada pola intervención militar francesa de xaneiro de 2013, a UE inseriuse decididamente na crise interna de Malí, país azoutado pola proliferación de grupos armados irregulares e principalmente polo control de milicias yihadistas no norte dese país.

Proseguindo coa política do seu antecesor Nicolás Sarkozy durante a guerra en Libia, o actual presidente francés François Hollande centra a súa atención en “estabilizar” un Sahel sumido nos riscos derivados dun eventual “Estado fracasado” como Malí. Baixo o impulso de París e co apoio de 5.000 efectivos militares da Comunidade Económica de Estados de África Occidental (CEDAO), a UE despregou a EU Training Mission en Malí (EUTM), con 250 instrutores militares e 300 soldados de apoio([3]), coa velada intención de evitar que o Sahel se converta nun eventual territorio   de proliferación de milicias “yihadistas” de carácter salafista, con capacidade para actuar dentro da periferia magrebí europea, como foi o caso de Alxeria en xaneiro pasado.

Por tanto, a EUTM supón unha peza sumamente estratéxica para a Política Europea de Seguridade Común (PESC). Amparada pola resolución 2085 do Consello de Seguridade da ONU, a Comisión Europea destinou 50 millóns de euros para a misión de Malí, ampliando o radio de actuación da PESC a nivel global, contando 29 misións civís e militares desde 2002, 14 delas en países africanos (especialmente do Corno de África), nove en Europa (principalmente os Balcáns), catro no mundo árabe (Iraq, Palestina, Libia) e dous en Asia (Afganistán e Indonesia).([4])

Este radio de actuación da PESC ven igualmente determinado pola creación en 2010 do Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE), dirixido pola británica Catherine Ashton, e que concibiu actualmente á crise de Malí como unha especie de “punta de lanza” orientada a consolidar a noción da “Europa da Defensa”([5]).

c) Siria e Irán na recámara

Alén das intervencións en Libia e Malí, resulta palpable unha cada vez maior intervención política e de apoio loxístico da UE aos rebeldes enrolados no Consello de Oposición Sirio, coa velada intención de acabar co réxime de Bashar al Asad en Damasco. Desde que comezou o conflito sirio en febreiro de 2011, a UE apoiou a aplicación de sancións contra o réxime de Bashar, pero evitando ao mesmo tempo comprometerse directamente nunha intervención militar similar á de Libia.

Non obstante, nas derradeiras semanas, Bruxelas comeza a intensificar as presións contra Siria. A mediados de febreiro, o Consello de Ministros de Exteriores da UE renovou por tres meses as sancións contra Damasco, aínda que recentemente non aprobou o levantamento do embargo de armas a favor dos rebeldes. Paralelamente, a UE concedeu un orzamento de 420 millóns de euros para axudar aos aproximadamente 800.000 refuxiados sirios nos países veciños así como aos case dous millóns de desprazados internos.([6])

A mediados de marzo, a reunión en Istambul do Consello Opositor Sirio orientada a propiciar unha Siria post-Bashar contou co total aval da UE, facendo así causa común cos intereses doutros países implicados no apoio aos rebeldes, como Qatar, Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Turquía e EUA. Neste sentido, países membros da UE que contan con intereses xeopolíticos en Siria, tales como Francia (ex metrópole colonial siria) e Gran Bretaña, propiciaron con anterioridade o seu apoio loxístico aos rebeldes sirios.

O epicentro sirio responde a un cálculo de carácter xeopolítico para a UE en Oriente Próximo, que corre paralelo aos intereses de Washington. Por tanto, implicarse cada vez máis no cometido de acabar co réxime de Bashar apoiando unha transición política en Siria, supón abrir unha serie de escenarios múltiples para os intereses europeos. Estes poderían resumirse en propiciar un goberno “tutelado” en Damasco, similar ao goberno iraquí post-Saddam, e que evite a cooperación siria con movementos islamitas como o libanés Hizbulá e o palestino Hamas, os cales observan ao réxime de Bashar como un importante interlocutor.

Paralelamente, unha posición mais decidida da UE en Siria pretendería evitar unha maior implicación de Irán e Rusia como sostén do réxime de Bashar e que Teherán e Moscova gañen posicións xeopolíticas dentro do novo escenario que se abre en Oriente Próximo coa post-Primavera árabe. Como se sabe, Teherán, Moscova, China e, con menor incidencia, Venezuela, son os actores exteriores que con maior forza seguen a apoiar ao réxime de Bashar.

A conxunción destes intereses europeos cos de EUA e, tanxencial e indirectamente con Israel, implican outro escenario de actuación, Irán, en particular por afianzar as sancións que Teherán recibe da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e da ONU, debido ao avance do seu programa nuclear. Neste sentido, a UE non semella ter a capacidade (ou vontade) para propiciar unha vía alternativa de negociación con Teherán que permita intensificar unha medida de presión contra os xa coñecidos e eventuais preparativos militares “preventivos” de Israel e EUA contra Irán.

d) Sen rastro da PESC

Creada en 2002 con Javier Solana como Alto Representante, co cometido de servir como baluarte da política exterior e de defensa da UE, a PESC manifesta actualmente un escaso impacto no escenario internacional, basicamente supeditada aos intereses da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Así, tanto a PESC como o SEAE actualmente a cargo da Alta Representante Catherine Ashton, a penas locen con capacidade autónoma de actuación en crises de carácter global, como foron as intervencións da OTAN e da ONU en Afganistán (2001) e do eixe atlantista liderado por Washington en Iraq (2003). A participación da PESC limitouse dende entón como apoio dos procesos de transición post-Talibán en Afganistán e post-Saddam en Iraq, moi supeditada ás decisións da OTAN e da ONU, así como dos intereses específicos de países membros da UE, como Gran Bretaña, Francia ou Alemaña.

Noutros ámbitos, a PESC tivo particular incidencia en escenarios de menor intensidade global (posguerras balcánicas, Myanmar, Gaza, Congo, etc.), pero a súa operatividade segue a reproducir a polarización de visións e intereses existentes dentro da UE. Unha diversidade que restrinxe a súa normal funcionalidade e capacidade de influencia, igualmente determinada polo contexto de crise económica e de austeridade financeira, que limita o orzamento comunitario en materia de defensa e política exterior.

IGADI. 25 de marzo de 2013

 


([1]) “Horas bajas del gasto militar europeo”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 831, 25 de febreiro de 2013, pp. 4-5.

([2]) “La poudrière libyenne”, Jeune Afrique, Nº 2.721, do 3 ao 9 de marzo de 2013. pp. 44-47.

([3]) “Hollande se envuelve la bandera”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 827, 28 de xaneiro de 2013, páxina 4.

([4]) “Malí, prueba de fuego para la UE”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 828, 4 de febreiro de 2013, pp. 2-3.

([5]) Ibid, páxina 3.

([6]) “La UE pierde la paciencia en Siria”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 831, 25 de febreiro de 2013, páxina 5.

 

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº103357.59 KB

IgadiPaper nº104

A hora da paz no Curdistan?

a) Introdución

A petición de Abdullah Oçalan, histórico líder do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) que cumpre cadea perpetua desde 1999, de instar o cese da loita armada no Curdistán turco, abre a perspectiva dun eventual proceso de pacificación do conflito curdo iniciado a partir de 1984 cun balance no conflito co Estado turco de arredor de 40.000 mortos.

Este anuncio, realizado o pasado 22 de marzo, foi posteriormente corroborado por Murat Karayilán, líder da cúpula militar do PKK, coa instancia do Partido da Paz e da Democracia (BPD), a única formación política curda legalizada e con representación na Asemblea Nacional turca. Chega igualmente nun momento simbólico para o pobo curdo, coincidindo co comezo da festividade de Newroz ou Ano Novo.

Este histórico anuncio impulsado por Oçalan e o PKK suxire un inédito contexto para a causa curda en Oriente Próximo. Con máis de 40 millóns de habitantes repartidos entre Turquía (onde habitan entre 12 e 15 millóns de curdos), Iraq, Irán, Siria e unha diáspora asentada por Oriente Próximo, o Cáucaso, Europa e EUA, os curdos son considerados o maior pobo do mundo sen un Estado independente.

A falta de coñecer con exactitude cal será a política do primeiro ministro turco Recep Tayyip Erdogan ante este cese das hostilidades, o contexto rexional gravita con forza para a causa curda. Un foco esencial é o Curdistán iraquí, cuxa potencialidade de converterse no actor preponderante deste novo contexto ven determinado pola constatación dunha autonomía de feito desde 1991 con respecto a Bagdad e dunha boiante economía, traducida na súa potencialidade enerxética (petróleo e gas natural) e incluso hidráulica. Precisamente, no seu anuncio Oçalan pediu aos militantes do PKK que se trasladaran ao veciño Curdistán iraquí.

En paralelo a este escenario está a situación dos curdos de Siria, país inmerso nun conflito interno que desde 2011 enfronta ao réxime de Bashar al Asad cunha plataforma opositora na que os movementos pro-curdos forman parte activa. A eventualidade da caída do réxime abre a posibilidade dunha maior autonomía para os curdos sirios, perspectiva que preocupa a Turquía en caso de darse unha pacificación do Curdistán turco e ante as potencialidade do Curdistán iraquí de converterse en foco de irradiación das demandas soberanistas curdas.

Non obstante, as incertezas se intensifican ao non coñecerse unha axenda de desarme e apertura de negociacións e, principalmente, ao ignorarse como manexarán este contexto tanto o goberno de Erdogan como o estamento militar turco. No actual escenario, o poderoso estamento militar turco podería deducir unha vitoria de carácter militar contra o PKK que pode obstaculizar calquera iniciativa real de pacificación e recoñecemento da autonomía curda, a pesar de que Erdogan e o BDP veñen traballando cunha axenda política nese sentido.

Dende a perspectiva xeopolítica, Ankara teme que o actual contexto rexional intensifique as presións dos curdos por constituír un Estado propio a través dunha especie de “corredor estratéxico” curdo entre Turquía, Siria e Iraq que, a todas luces, transformaría o mapa rexional e alteraría os intereses estratéxicos turcos.

 b) O arriscado pulso de Erdogan e Oçalan

O histórico contexto de eventual pacificación no Curdistán turco abre un compás de espera traducido na posibilidade dunha negociación aberta que acabe con este conflito secular entre turcos e curdos. Non obstante, esta perspectiva pode, ao mesmo tempo, abrir unha hipotética crise política en Ankara entre o primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan e o poderoso estamento militar, así como os seus aliados políticos, principalmente o nacionalista MHP, sen esquecer a presión por parte de grupos de extrema dereita, tales como os tristemente célebres “Lobos grises”, abertamente contrarios á autodeterminación curda.

Tralo anuncio do cese das hostilidades contra o Estado turco por parte de Oçalan e do PKK, o foco de atención diríxese cara o goberno de Erdogan e a súa eventual capacidade para negociar unha pacificación que, eventualmente, implicaría unha apertura política ás demandas curdas de autodeterminación.

Unha perspectiva que non semella gozar de boa aceptación por parte do estamento militar turco e dos seus aliados que consideran ao PKK como unha “organización terrorista”, cualificativo igualmente aceptado pola Unión Europea e EUA. Deste modo, os militares turcos poden interpretar que este anuncio de fin das hostilidades por parte do PKK evidenciaría a súa “derrota militar” ante o Estado turco que, por tanto, debería dar paso á súa definitiva derrota política. Pero este razoamento pode ser trabucado e non calibrar exactamente a dimensión do contexto actual.

Desde a súa chegada ao poder en 2002, Erdogan tentou solucionar o conflito curdo a través dunhas concesións de carácter táctico marcadas polo recoñecemento oficial e a aceptación pública da lingua curda e dos seus costumes. O impulso de Erdogan á Alianza de Civilizacións a partir de 2004 deu esperanzas aos curdos de alcanzar, de forma oficial, unha solución ao seu conflito.

Non obstante, desde 2007 Erdogan ven afrontando unha serie de crises políticas internas, co evidente peso do estamento militar turco, sempre temeroso este dunha autonomía no Curdistán turco. Os sucesivos triunfos electorais de Erdogan nos comicios presidenciais de 2007 e 2012 e no referendo de reforma constitucional de 2010, que tenta substituír a draconiana Constitución de 1982 confeccionada polo entón réxime militar de Kenan Evren e que suprime as aspiracións autonomistas curdas, lle outorgaron a Erdogan un apoio popular, legal e institucional que lle permitiu amortecer momentaneamente esta presión dos militares turcos.

c) Un “corredor curdo” entre Siria, Turquía e Iraq

O temor do estamento militar turco e dos seus aliados políticos, con fortes conexións na centralizada estrutura burocrática e importantes sectores empresariais e comerciais, céntrase no veciño Curdistán iraquí, cuxa autonomía política e, principalmente, enormes riquezas petroleiras e hidráulicas lle confiren un peso xeopolítico estratéxico, con relevante capacidade de influencia no contexto curdo rexional.

Nos anos anteriores á chegada ao poder de Erdogan, Turquía impulsaba unha serie de proxectos enerxéticos e hidráulicos que transitaban precisamente polos territorios do Curdistán turco e iraquí.

O espallamento da crise siria en febreiro de 2011, en especial co apoio dos curdos sirios á rebelión contra o réxime de Bashar al Asad, activou os temores turcos sobre unha “rexionalización” do conflito curdo. As preocupacións en Ankara se intensificaron coa crise dos refuxiados sirios na fronteira con Turquía e coa posibilidade de que os movementos políticos e, especialmente, os grupos armados curdos de Siria, co presunto apoio do PKK e eventualmente dalgúns líderes guerrilleiros e políticos do Curdistán iraquí, aproveitaran a situación para crear unha especie de “corredor estratéxico” curdo que asfixiara a Ankara.

A finais de 2011, unhas 15 formacións políticas curdas en Siria enroláronse no Consello Nacional Curdo (CNC) como entidade membro do Consello Nacional Sirio (CNS), premendo por un Estado federal en Siria que respectara a autonomía curda. En abril de 2012, a CNS veuse na obriga de aprobar unha Carta Nacional sobre a Cuestión Curda na que recolle gran parte destas demandas de recoñecemento da identidade curda e de autodeterminación. Posteriormente, en xullo de 2012, o Partido da Unión Democrática (PYD), próximo ao PKK turco, e o CNC, acordaron crear en Irbil, capital do Curdistán iraquí, un Consello Supremo Curdo como nova entidade política mobilizada por milicias armadas que se despregaron na fronteira siria con Turquía unha vez se retiraran as tropas leais ao réxime de Bashar([1]).

Esta perspectiva, así como o definitivo deterioro das relacións entre o goberno de Erdogan e o de Bashar en función do público apoio de Ankara á CNS, deu paso a que o goberno turco activara desde mediados de 2012, unha serie de iniciativas de carácter político e diplomático, destinadas frear ou ben adiantarse ante eventuais escenarios de irredentismo curdo fronte as súas fronteiras.

Deste modo, Erdogan adiantou negociacións con Oçalan e o BDP para tentar abrir un escenario de cese das hostilidades no Curdistán turco nun momento no que o PKK especulaba coa volta á loita armada. Así mesmo, Erdogan propiciou un achegamento entre Ankara e o goberno do Curdistán iraquí de Masud Barzani, a través dunha visita a Irbil en xullo de 2012 por parte do ministro turco de Exteriores Ahmet Davitoglu. O obxectivo turco era garantir unha eventual “neutralidade” por parte de Barzani e do seu goberno ante calquera escenario que se abrira con respecto aos curdos en Turquía e Siria.

Outro escenario, con menor impacto rexional de momento, ten que ver coa situación dos curdos en Irán, principalmente asentados na provincia do noroeste do país persa. Se ben Teherán leva a cabo unha prolongada loita contra o Partido por unha Vía Libre para o Curdistán (PJAK), principal movemento curdo en Irán moi próximo ao PKK, aínda non se observa un grao de influencia no Curdistán iraniano dos recentes acontecementos acaecidos cos curdos nos demais países da rexión.  

d) A incerta “paz curda”

Con todo, o contexto actual pode igualmente obedecer a un estratéxico pulso político e xeopolítico enviado por Oçalan e o PKK coa evidente anuencia do BDP, cara un Erdogan que deberá agora encarar toda unha serie de negociacións cos militares e outras forzas políticas para alcanzar unha solución política satisfactoria no Curdistán turco.

Unha solución que, a ollos dos curdos, oriéntase a deseñar un proceso de descentralización, de maior autonomía política e de recoñecemento dos seus dereitos históricos que non se sabe con certeza cómo será recibido e xestionado por Ankara. Resulta importante sinalar que o anuncio de Oçalan non estipulaba a concreción dun Curdistán independente senón o recoñecemento dos dereitos dos curdos.

O contexto actual revitalizaría a lexitimidade e incluso popularidade do BDP dentro da comunidade curda como movemento pacifista pro-curdo, un escenario que colocaría igualmente ao PKK nunha conxuntura particularmente delicada, especialmente se a reacción do goberno de Erdogan e do estamento militar non atende as demandas curdas.

Paralelamente, a oferta de “paz curda” evidencia outro escenario estratéxico: o de considerar o Curdistán iraquí como expresión da viabilidade dun eventual Estado curdo que modificaría substancialmente o mapa xeopolítico en Oriente Próximo. A petición de Oçalan de que os militantes guerrilleiros do PKK se trasladen ao Curdistán iraquí coloca nunha posición igualmente complicada o goberno de Barzani.

En todo caso, Erdogan terá agora as cartas políticas clave para tentar impulsar unha solución negociada para o Curdistán turco que, eventualmente, satisfaga a todos os actores involucrados. Un proceso paralelo cara outras iniciativas de carácter rexional, en especial ante o desenlace da guerra civil siria e da posibilidade de recondución das deterioradas relacións con Israel, tradicional aliado xeopolítico e militar turco.

Neste sentido, mentres Oçalan lanzaba a súa oferta de paz a Erdogan, o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu ofreceu publicamente desculpas a Turquía polo ataque militar israelí á flotilla turca de apoio a Gaza en 2010, suceso que provocou unha eventual ruptura das relacións entre Ankara e Tel Aviv. O factor israelí dentro do contexto curdo pode resultar esencial, tendo en conta as revelacións do xornalista estadounidense Seymour M. Hersh([2])de que os seus servizos secretos apoiaron ás guerrillas do Curdistán iraquí durante a ilegal guerra de marzo de 2003 contra o extinto réxime iraquí de Saddam Hussein.

Estas revelacións certificaron que Israel apoiou tacitamente a autonomía de feito do Curdistán iraquí, coa eventual perspectiva de pilotar a creación dun Estado curdo que servira de “colchón estratéxico” contra “inimigos” israelís, como Irán e Iraq, ao tempo que actuaba como medida de persuasión cara o goberno de Erdogan, en especial polo seu apoio á causa palestina e á potencialidade dunha Turquía xeopoliticamente ascendente e que puidera afectar os intereses de Tel Aviv.

IGADI. 27 de marzo de 2013


([1]) ALVAREZ OSSORIO, Ignacio, “La vecindad conflictiva de Turquía y Siria”, Política Exterior, Vol. XXVII, Nº 151, xaneiro-febreiro de 2013, pp. 91-92.

([2]) HERSH, Seymour M. “Plan B”, Annals of National Security, The New Yorker, 28 de xuño de 2004. Ver en: http://www.newyorker.com/archive/2004/06/28/040628fa_fact

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº104357.69 KB

IgadiPaper nº105

Disuasión e equilibrio nuclear na Península coreana

a) Introdución

A recente escalada de tensión política, diplomática e militar na península coreana evidencia unha estratexia de disuasión por parte do réxime de Corea do Norte, da man do seu máximo líder Kim Jong-Un, coa intención de premer á ONU e á comunidade internacional a fin de retomar as negociacións sobre o seu programa nuclear ante a renovación de sancións internacionais contra Pyongyang acordadas no Consello de Seguridade da ONU o pasado 7 de marzo.

Esta estratexia norcoreana está igualmente dirixida a conter a realización de exercicios militares conxuntos entre Corea do Sur e EUA, interpretados dende Pyongyang como unha provocación. En clara reacción a estas accións militares conxuntas entre Washington e Seúl, Corea do Norte realizou o pasado 12 de febreiro o seu terceiro ensaio nuclear desde 2006. Paralelamente, a ampliación de sancións  por parte da ONU deveu nun inédito cambio de posición por parte de dous aliados tradicionais norcoreanos, a nova China de Xi Jinping e Rusia.

No entanto, a tensión igualmente podería alentar unha especie de reacomodo político interno en Corea do Norte, en especial ante a recente remoción de altos cargos do seu goberno, unha dimensión que pode traducirse nunha maior presenza de figuras políticas afíns ao clan político de Kim Jong-Un. Neste sentido, e coincidindo con esta crise na península coreana, o máximo líder do réxime xa estableceu como prioridades do seu goberno a eventual potenciación dunha serie de reformas na autárquica economía norcoreana así como o avance e alargamento do seu programa nuclear.

b) O pulso de Kim Jong-Un

A tensión xerada nos últimos días na península coreana, principalmente a raíz do anuncio do líder norcoreano Kim Jong-Un de declarar o “estado de guerra” contra Corea do Sur, amosa un escenario aparentemente prebélico entre as dúas Coreas, un conflito que irremediablemente implica a potencias con intereses estratéxicos e potencialidade nuclear como son os casos de EUA, China e Rusia, así como doutros actores implicados como Xapón (país que ansía retomar a súa carreira militar) e a propia ONU.

Nos últimos días, os movementos de tropas na liña fronteiriza coreana que transita polo Paralelo 38, así como o establecemento dunha especie de “cordón sanitario” de carácter naval nas disputadas zonas marítimas, colocaron en estado de máxima alerta tanto ás dúas Coreas como a EUA (con bases militares e navais en Corea do Sur e no sueste asiático), China, Rusia e Xapón.

A crise coreana sinálase así como un escenario de alta prioridade para a seguridade internacional principalmente por dúas razóns. A primeira, pola existencia dun estado técnico de guerra entre ambas Coreas, tendo en conta que tralo final da guerra de Corea en 1953, ambos países asinaron un armisticio militar en vez dun tratado formal de paz, auspiciado pola ONU, EUA e a URSS.

Este status tecnicamente bélico corre o risco de reactivarse ante calquera crise de carácter diplomático, político ou militar, tal e como se observou con anterioridade en situacións similares en 1994, 2006 e 2009, principalmente a raíz do pasamento do fundador da República Popular Democrática de Corea, Kim Il-Sung, así como dos respectivos ensaios nucleares realizados por Pyongyang. Non obstante, o factor de risco mais visible ten que ver co avance da presenza militar estadounidense na zona, con especial empeño no reforzamento das súas prioridades xeopolíticas estratéxicas (principalmente apoio militar a Corea do Sur e Xapón) a fin de conter o ascenso de potencias emerxentes (China).

A segunda razón céntrase no eido nuclear. Corea do Norte asinou o Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP) de 1968 para, posteriormente, converterse no único país en retirarse do mesmo en 2003, avanzando no seu programa. Dende entón, Pyongyang vese abertamente desautorizado pola ONU e, principalmente, por EUA nun pulso polo equilibrio nuclear na península coreana, considerada a rexión do planeta con maior concentración militar e de capacidade nuclear. Rusia e China apostan pola desnuclearización total da península.

Principais bases militares de EUA en Corea do Sur e Xapón e principais instalacións militares de Corea do Norte. 
Fonte: http://www.ikimap.com/map/crisis-nuclear-peninsula-coreana.

Neste sentido, o poderío nuclear norcoreano céntrase nos seus mísiles de longo alcance Musudang (3.000 quilómetros), Taepodong 1 e 2 (case 7.000 quilómetros), Rodong (1.000 quilómetros) e Hwuasong 5 e 6 (máximo 500 quilómetros). Ademais, Corea do Norte ten 1,6 millóns de soldados en activo e case 7,7 millóns en reserva. Pola súa banda, Washington mantén 15 bases militares en Corea do Sur, así como importantes continxentes en Xapón, Singapur, Filipinas e Malaisia.

Un terceiro factor de peso na crise cabería referilo á asunción en decembro de 2011 de Kim Jong-Un (dise que de 29 anos de idade), neto do fundador do réxime, como novo líder máximo de Corea do Norte. En clave política interna, a actual crise na península coreana pode igualmente reflectir un pulso do propio Kim Jong-Un coa finalidade de fortalecer o seu liderado e demostrar a súa capacidade para dirixir un Estado clave para a seguridade internacional como Corea do Norte.

Por riba de decisións arriscadas e de carácter temerario, Kim Jong-Un e o réxime norcoreano trazan un cálculo estratéxico orientado a disuadir á veciña Corea do Sur, a EUA e á ONU, coa finalidade non só de retomar as negociacións para obter plena seguridade senón advertindo da transcendencia internacional que ten Pyongyang e o seu programa nuclear, en especial ante a reactivación das tensións xeradas por outras crises de carácter similar, como é o caso do programa nuclear iraniano.

A declaración oficial por parte de Kim Jong-Un de descoñecer a vixencia do armisticio de 1953, preparando á súa poboación para un conflito aparentemente “inminente” con Corea do Sur e EUA e as reaccións de Seúl ameazando cunha intervención directa en caso de perigo para os seus cidadáns, sinalan os perigos claros de paso da retórica á acción. Washington porfía no reforzo dos dispositivos militares presentes na zona.

c) O papel de China

Neste contexto aparentemente prebélico, o factor de equilibrio que podería evitar unha maior escalada da crise apunta claramente cara China. Pequín, cun goberno recen estreado que situou á fronte do ministerio de asuntos exteriores a Wang Yi, experto en Xapón e participante nas conversas pasadas con Corea do Norte a propósito do programa nuclear, apoiou xunto a Rusia a ampliación das sancións internacionais no Consello de Seguridade da ONU o pasado 7 de marzo, unha decisión inédita e sorprendente que eventualmente reforzaría o illamento de Pyongyang.

O peso de China na crise é evidente tendo en conta que Pequín é o seu principal aliado e socio económico ao proverlle de alimentos e petróleo necesarios para aliviar unha economía autárquica e de subsistencia. A presión política que supón para Pyongyang este inédito e aparente aliñamento chinés coas teses occidentais e as demandas da ONU deixa a Kim Jong-Un e ao réxime norcoreano nunha complexa situación, polo que a disuasión nuclear e as advertencias prebélicas contra Corea do Sur e EUA cobran maior importancia como factores de peso para reforzar a súa posición.

A decisión chinesa de apoiar as sancións pode interpretarse como unha estratexia política orientada a propiciar un maior entendemento con Occidente, e particularmente con Washington, á vista dos efectos da crise económica mundial e do cada vez maior ascenso global de Pequín, en especial en diversos foros multilaterais (BRICS, IBSA, Organización de Cooperación de Xangái, etcétera). Precisamente, mentres a crise coreana subía o ton das declaracións, o presidente chinés Xi Jinping visitaba Moscova coa finalidade de concretar posicións conxuntas no marco dos BRICS, especialmente á hora de crear un novo Banco de Desenvolvemento e alternativas de carácter monetario que sirvan para aplacar a hexemonía económica e financeira do dólar a través do FMI e doutras institucións internacionais.

Non obstante, tras apoiar as novas sancións na ONU, China apurábase a sinalar que estas non ían ser o camiño para resolver o problema. O compromiso práctico coa súa implementación está por ver. Pequín trata de evitar unha polarización que relexitime a aposta por unha cada vez maior presenza militar estadounidense no sueste asiático e Asia Oriental, no marco do plan “Pivot to Asia” impulsado pola administración de Barack Obama e a proposta de integración establecida arredor do TPP (Trans-Pacific Partnership).

Segundo palabras do Secretario estadounidense de Defensa, Leon Panetta, Washington trasladará cara o Pacífico ata o 60% das súas forzas navais antes de 2020. Esta estratexia constitúe un factor que claramente inflúe na intensificación das tensións militares na península coreana. Pyongyang (e indirectamente China) interpreta a mesma como unha provocación que reafirma a necesidade de reforzar o seu programa nuclear e as súas prioridades militares.

Paralelamente, este reforzamento nuclear norcoreano beneficia e incluso xustifica ante Washington a idoneidade da posta en marca destes plans estratéxicos e militares na rexión. Neste sentido, EUA podería estimar que, a medio prazo, resulta mais factible para os seus plans o mantemento dun equilibrio nuclear co réxime norcoreano que a disolución do mesmo, escenario que modificaría substancialmente as prioridades xeopolíticas estadounidenses na rexión, incluso sen descartar os efectos dunha crise económica e humanitaria en Corea do Norte.

d) Purga en Pyongyang?

As tensións con EUA e Corea do Sur están a favorecer internamente un proceso de galvanización pública e de concentración de poder arredor do liderado de Kim Jong-Un.

O pasado martes 2 de abril, a Asemblea Popular Suprema aprobou o nomeamento de Pak Pong-Ju (74 anos) como novo primeiro ministro, cargo que xa ocupara con anterioridade no período 2003-2007. Economista de formación, fora desautorizado polas súas ambicións reformistas que incluían medidas en liña coas suxestións feitas dende China. Este sorprendente regreso ao goberno norcoreano aparentemente confirma as prioridades de reforma que Kim Jong-Un precisaría incorporar para aliviar as dificultades económicas norcoreanas.

Este retorno de Pong-ju levou á destitución do anterior primeiro ministro Choe Yong-rim, así como de varios ministros que ocupaban carteiras en postos clave da economía, do sector enerxético e da seguridade. A Asemblea Popular Suprema anunciou tamén o nomeamento de Choi Bu-il como novo ministro de Seguridade, igualmente considerado afín a Kim Jong-Un.

IGADI. 3 de abril de 2013

AnexoTamaño
IgadiPaper nº105666.63 KB

IgadiPaper nº106

Impunidade en Guantánamo:
EUA pode violar os dereitos humanos

a) Introdución

Visiblemente fóra da atención informativa e política internacional, a persistencia dunha rebelión de presos no penal de Guantánamo (Cuba), en curso dende febreiro pasado, resultado tanto das penosas condicións humanas establecidas dentro deste cárcere como pola frustración suscitada polo incumprimento do seu peche, promesa electoral realizada en 2008 polo presidente estadounidense Barack Obama, certifica a vixencia da tristemente célebre “doutrina Bush” enmarcada na ilegal loita antiterrorista impulsada por Washington, un legado que evidencia toda unha longa serie de violacións dos dereitos humanos e das convencións internacionais.

Aínda que desde 2008, ano da vitoria electoral de Obama, non se enviaron máis presos a Guantánamo, actualmente permanecen alí uns 160 reclusos. Desde que en 2001 se aplicara a doutrina da seguridade nacional antiterrorista instaurada polo ex presidente George W. Bush, colocando a esta base militar estadounidense como o principal centro de detención, tortura e illamento de presuntos “terroristas”, aproximadamente uns 800 detidos foron trasladados a este penal, con idades comprendidas entre 13 e 80 anos, rexistrando 9 mortes entre 2003 e 2012, a maioría por suicidio. Dende entón, foron liberados 176 reclusos.

Deste modo, Guantánamo converteuse nese tristemente célebre símbolo da loita antiterrorista levada a cabo por Washington, ampliada cara outros centros de detención e tortura como Abu Graib (Iraq) e Bagram (Afganistán). A súa preservación como símbolo da impunidade igualmente certifica que Washington persiste en violar as leis e tratados internacionais, principalmente a Convención de Xenebra de 1949, mantendo unha base militar en territorio estranxeiro (Cuba) onde se comenten torturas e violacións dos dereitos humanos.

Ademais da rebelión de reclusos, a actualidade de Guantánamo ven precedida pola conmemoración dos dez anos da ilegal e ilexítima invasión militar de Iraq de marzo de 2003. Paralelamente, Guantánamo cumpre o seu centenario como base militar e de reclusión de presos: Washington abriuna en 1903. A pesar da promesa electoral, a chegada de Obama á Casa Branca en 2009 non significou o peche de Guantánamo. A súa problemática en materia de dereitos humanos non constitúe motivo algún de preocupación seria en EUA, na ONU, a Unión Europea ou para as principais axencias multinacionais informativas.

b) A rebelión penal

O pasado 6 de febreiro, un total de 130 dos 160 reclusos actualmente existentes en Guantánamo (Cuba) iniciaron unha folga de fame en protesta polas draconianas condicións de confinamento e de reclusión neste penal, así como polo incumprimento por parte do goberno de Barack Obama do peche do mesmo, diríase que distante e esquecido para Washington. O pasado 4 de xaneiro, Obama asinou a Lei de Autorización da Defensa Nacional concibida como partida orzamentaria do ano fiscal 2013. Na mesma, prohíbese o traslado de presos de Guantánamo, unha medida coa que Obama foi enfático ao opoñerse e considerando que ten dereito de veto. Esta decisión, previamente votada na Cámara de Representantes, con maioría do Partido Republicano, e no Senado dominado polo Partido Demócrata, determina que a base militar estadounidense non será pechada nun futuro inmediato.

O “esquecemento” de Guantánamo por parte de Obama pode explicarse basicamente como unha especie de pacto tácito en forma de concesión realizada cara a oposición republicana en aras de consolidar un pacto de gobernabilidade e de estabilidade ante a crise económica estadounidense nun contexto de bicefalia fáctica en Washington, cunha presidencia demócrata e un Congreso de maioría republicana. Na pasada campaña electoral estadounidense, nin Obama nin o seu rival Mitt Romney realizaron mención algunha a Guantánamo.

 

Fonte: http://www.ikimap.com/map/guantanamo-cuba-eeuu-0.

Durante o seu primeiro período presidencial (2009-2013), Obama desviou a atención sobre a súa promesa electoral de pechar Guantánamo, cuestión visiblemente esquecida coa vitoria republicana nas eleccións lexislativas de 2010 e a perspectiva de que o ascenso do Partido Republicano (e presumiblemente da ultradereita do Tea Party) significara unha tendencia irreversible de cara ás eleccións presidenciais de 2012, igualmente por mor da crise económica. Pero a reelección presidencial de Obama en novembro pasado igualmente certificou a defunción do “tema Guantánamo” dentro da axenda política estadounidense ante a urxente necesidade de chegar a pactos políticos de gobernabilidade cos republicanos.

Todas estas variables puideron claramente influír na decisión dos reclusos de Guantánamo de iniciar unha folga de fame escasamente tratada nos medios internacionais, e ante a indiferenza dos gobernos e institucións internacionais. A protesta dos reclusos de Guantánamo ante a decisión de Obama de asinar a mencionada Lei de Autorización da Defensa Nacional agrava unha crise interna na base estadounidense á vista de que 86 dos 160 presos existentes en Guantánamo foron exculpados de todo cargo. Cómpre sinalar que 90 deses presos son de nacionalidade iemenita, razón pola que recentemente realizáronse fortes manifestacións de protesta ante a embaixada estadounidense en Saná, capital de Iemen.

 

Fonte: Principais países de procedencia dos presos de Guantánamo desde 2003, con especial preponderancia de cidadáns de Afganistán, Paquistán, Sudán, Arabia Saudita, Libia, Marrocos, Iraq e Irán. Na actualidade, practicamente a metade dos 166 reclusos proveñen de Iemen. http://www.ikimap.com/map/guantanamo-cuba-eeuu-1.

Igualmente, un total de 46 presos aínda non foron xulgados por non existir imputacións formais se ben as autoridades estadounidenses decidiron seguir manténdoos no penal de forma indefinida, por consideralos “elementos perigosos”. Finalmente, seis presos de Guantánamo que serán xulgados proximamente por unha comisión militar foron secuestrados pola CIA noutros países e sometidos a tortura. Pola súa condición de “perigosos”, no xuízo non se terán en conta as denuncias destes presos por detención ilegal e torturas.

c) Perpetuando a impunidade

Ante a imposibilidade de trasladalos a EUA, Obama atópase nun dilema que se acrecenta á vista de que países aliados de Washington e partícipes da súa estratexia antiterrorista, tanto en Europa, Oriente Próximo e Asia, néganse a acoller a estes presos.

Paralelamente, a comezos de febreiro, xusto durante o comezo da folga de fame en Guantánamo, a organización Reprieve, encargada de representar os dereitos de medio cento de presos na base militar estadounidense, informou que o Departamento de Estado clausurou a oficina de Daniel Fried, funcionario encargado do peche de Guantánamo. Este despacho estaba en funcionamento desde 2009, unha vez Obama asinara a orde de clausurar a prisión. Do mesmo xeito, o Centro de Dereitos Constitucionais de EUA denunciou a comezos de febreiro que os militares estadounidenses “tomaban arbitrariamente medidas enérxicas contra os reclusos en Guantánamo”.

O descrédito de Washington acrecéntase ante as súas intencións de “minimizar” e ata ocultar o alcance da folga de fame e a rebelión dos reclusos. Segundo revelou ao seu avogado o recluso Shaker Aamer, un dos prisioneiros de orixe saudita, a rebelión foi secundada por aproximadamente 130 dos 166 presos actualmente existentes, e non “por só 31 presos”, tal como anunciaron o Pentágono e outras autoridades estadounidenses([1]). O impacto da folga de fame provocou unha inmediata visita do Comité Internacional da Cruz Vermella, a fin de verificar o drama humanitario que está alcanzando esta rebelión ante a indiferenza das autoridades estadounidenses e dos seus aliados.

En xaneiro pasado, Amnistía Internacional advertiu da perpetuación temporal de Guantánamo como centro de tortura da estratexia antiterrorista de EUA, pese ás promesas de peche realizadas por Obama en 2009. Amnistía Internacional denunciou que desde que Washington reabrira este penal en xaneiro de 2002 como centro de reclusión para a loita antiterrorista, un total de 779 persoas foron detidas e recluídas en Guantánamo, a gran maioría sen xuízo nin cargos penais formais, mentres uns 600 foron transferidos dende Guantánamo a outros países([2]).

Paralelamente, Amnistía Internacional sinalou que 9 detidos morreron baixo custodia estadounidense, sendo o mais recente en setembro de 2012. Sete destas mortes foron por suicidio e dúas por causas aparentemente naturais. Así mesmo, un total de 12 dos detidos tiñan menos de 18 anos cando foron recluídos.([3])

Este clima de impunidade xudicial agrávase ante o estancamento e paralización das investigacións relativas á implicación de diversos gobernos e a violación da legalidade internacional tralos controvertidos voos ilegais da CIA, especialmente en países inseridos na estratexia antiterrorista impulsada por Bush, como son os casos de España, Italia, Paquistán, Exipto ou Turquía, entre outros. 

 

IGADI. 10 de abril de 2013.

 


 

[1] “Washington miente. El drama de Guantánamo es mucho mayor”, Cubadebate, 2 de abril de 2013. Ver en: http://www.cubadebate.cu/noticias/2013/04/02/washington-miente-el-drama-de-guantanamo-es-mucho-mayor/

[2] “Guantánamo. 11 años en cifras”, Amnistía Internacional, Sección Española, 11 de xaneiro de 2013. Ver en: http://www.es.amnesty.org/paises/estados-unidos/seguridad-con-derechos-humanos/guantanamo/

[3] Ibid.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº106816.91 KB

IgadiPaper nº107

Eleccións en Venezuela e Paraguai
Novos sinais en América Latina

a) Introdución

As eleccións presidenciais celebradas en Venezuela o pasado 14 de abril e os comicios presidenciais en Paraguai a celebrarse o próximo 21 de abril sinalan unha nova conxuntura política para América do Sur, nun contexto dobremente decisivo en ambos países ante a desaparición física do ex presidente venezolano Hugo Chávez (marzo de 2013) e trala deposición en xuño de 2012 do ex mandatario paraguaio Fernando Lugo.

A estreita marxe da vitoria electoral de Nicolás Maduro en Venezuela (50,75% da votación) e o avance da oposición (48,98%) dan conta dun mapa político sumamente polarizado nese país, cunha tensión política que se intensifica ante o non recoñecemento dos resultados electorais por parte do candidato opositor Henrique Capriles Radonski. O desenlace do proceso electoral venezolano non só abrirá un compás de espera na Venezuela post-Chávez senón que influirá na capacidade de Caracas para conservar a súa influencia política rexional traducida durante a “era Chávez” na dinamización da ALBA.

Pola súa banda, o Paraguai post-Lugo apunta a un panorama de retorno do establishment político previo á chegada ao poder do ex presidente paraguaio destituído en xuño de 2012, vía poder lexislativo. Cabe aquí considerar a posibilidade de retorno ao poder do conservador e outrora hexemónico Partido Colorado, desta vez da man do seu candidato Horacio Cartes, e da fragmentación da esquerda paraguaia anteriormente unida en torno a Lugo.

Ao mesmo tempo, a evolución deste novo contexto electoral a nivel rexional, tendo en conta a celebración de comicios lexislativos na Arxentina (27 de outubro) e das presidenciais de Chile (13 de decembro), debuxa un escenario xeopolítico orientado a un eventual reequilibrio das forzas políticas da rexión, con especial incidencia no marco da integración hemisférica e da eventual moderación do ciclo expansivo de vitorias electorais da esquerda acaecido na pasada década.

b) Tensión na Venezuela post-Chávez

A axustada vitoria electoral de Nicolás Maduro (50,75% dos votos) nos comicios presidenciais venezolanos do pasado 14 de abril, os primeiros celebrados sen a presenza do falecido ex presidente Hugo Chávez, devén nun contexto sumamente incerto e inestable para a gobernabilidade dun país con estratéxicos soportes xeopolíticos a nivel hemisférico.

Tras alcanzar unha contestada vitoria electoral inmediatamente non recoñecida polo candidato opositor Henrique Capriles Radonski (48,98% dos votos), Maduro obtivo a peor votación do “chavismo” desde a súa chegada ao poder en 1999. Con todo, a constatación electoral da persistente fragmentación e polarización política en Venezuela definirá retos ineludibles para o “chavismo post-Chávez”, agora na man dun Maduro que deberá igualmente lexitimar a súa autoridade á hora de resolver problemas crónicos que tiveron un importante peso electoral, como son a crise económica (elevada inflación e síntomas de escaseza de produtos básicos) e a preocupante inseguridade cidadá.

Neste sentido, Venezuela pode verse sumida nun ciclo de protestas con notorio carácter violento, tal e como aconteceu horas despois do anuncio dos resultados electorais. Igualmente, e tras perder case 700.000 votos con respecto á vitoria de Chávez nos anteriores comicios presidenciais de outubro pasado, Maduro deberá agora asumir un liderado cunha contestada marxe de lexitimidade e fortes suspicacias sobre a súa capacidade real para gobernar e liderar o “chavismo post-Chávez”. Neste sentido, cómpre salientar as declaracións do presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, un importante “peso pesado” dentro do “chavismo”, quen reaccionou criticamente ante estes resultados aducindo a necesidade de iniciar un proceso de “profunda autocrítica” que, notoriamente, semellaban ir dirixidas contra Maduro.

Por tanto, a estabilidade do goberno de Maduro estará fortemente determinada pola eventualidade dunha “tutela” política e institucional por parte da Forza Armada Nacional (FAN), así como pola posibilidade de abrir canais de negociación cunha oposición electoralmente en ascenso e con cada vez maior capacidade para plantar cara ao “chavismo”. Neste sentido, as eleccións municipais previstas para o próximo 14 de xullo suporán un novo pulso e un ineludible test político que calibrará o liderado de Maduro, así como as renovadas alternativas dunha oposición que tenta restar hexemonía ao “chavismo”.

c) Retorno “colorado” en Paraguai?

Aínda que con menor impacto político que no caso venezolano, Paraguai apréstase a realizar eleccións presidenciais o próximo 21 de abril nun contexto marcadamente orientado a preservar o establishment político tradicional, particularmente trala destitución vía lexislativa do ex presidente Fernando Lugo en xuño de 2012, así como o actual interregno presidencial de Federico Franco.

De cara a estes comicios, o favor electoral concéntrase nas mans do empresario Horacio Cartes, candidato da Asociación Nacional Republicana (ANR)-Partido Colorado, formación política de tendencia conservadora que gobernou o país durante máis de seis décadas ata a súa derrota electoral ante a coalición de esquerda de Fernando Lugo nos comicios presidenciais de 2008.

Deste modo, unha eventual vitoria dos “colorados” confirmaría o retorno ao poder de partidos outrora hexemónicos na política latinoamericana baixo liderados de perfil mais tecnócrata, tal e como foi o caso do PRI en México trala súa vitoria electoral en 2012 co actual presidente Enrique Peña Nieto. O principal rival electoral de Cartes é o candidato Efraín Alegre, do oficialista Partido Liberal Radical Auténtico (PLRA), precisamente a formación política da que forma parte o actual presidente interino Franco.

Pola súa banda, a esquerda paraguaia que apoiou a Lugo en 2008 acode dividida a estes comicios, coa candidatura de Aníbal Carrillo (Fronte Guasú) e da formación independente de esquerdas “Avanza País”, escindida desta formación para promover a candidatura de Mario Ferreiro. Completa este panorama a proposta do partido Kuñá Pyrendá, unha plataforma indixenista liderada pola ex ministra Lilian Soto e a dirixente rural Magui Balbuena.

A morte en accidente aéreo en febreiro pasado do ex xeneral Lino Oviedo, candidato da dereitista Unión Nacional de Cidadáns Éticos (UNACE), completa este escenario electoral e supuxo o peche simbólico dunha tensa etapa da política contemporánea paraguaia. De tendencia nacionalista e conservadora, Oviedo foi  comandante do Exército (1993-1999) nun período axitado na política deste país, debendo exiliarse na Arxentina tras ser acusado de presuntamente tramar un golpe de Estado.

d) Reequilibrio ante un novo ciclo electoral

As incertezas postelectorais en Venezuela e o desenlace dos comicios presidenciais paraguaios insírense no marco dunha nova conxuntura electoral para América Latina que pode alterar a correlación de forzas entre os partidos e movementos de esquerda que alcanzaron o poder no ciclo electoral 1999-2012 e as elites conservadoras e reaccionarias, agora amparadas en liderados alternativos.

Se ben a esquerda continental confirmou o seu peso en febreiro pasado coa maioritaria reelección presidencial de Rafael Correa en Ecuador, tendencia que pode completarse ante a posibilidade de retorno ao poder da ex presidenta socialdemócrata Michelle Bachelet nos comicios presidenciais chilenos de decembro próximo, outros escenarios electorais suxiren unha fase de tensión política que pode alterar o actual establishment político continental.

Un caso particular son as eleccións lexislativas da Arxentina en outubro próximo, onde a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o “kirchnerismo” pelexan por alcanzar unha maioría parlamentaria que, eventualmente, impulse a eventualidade dunha reforma constitucional que permita a Cristina K volver a presentarse nos comicios presidenciais de 2015. Estas eleccións lexislativas serán indubidablemente un test político estratéxico de cara á próxima cita presidencial.

Con menor peso político, os comicios presidenciais de Honduras de novembro próximo alertan dunha polarizada elección que confronta ao tradicional bipartidismo do Partido Liberal e do Partido Nacional co retorno dunha opción independente de esquerdas impulsada polo destituído ex presidente Manuel Zelaya, esta vez da man da súa esposa Xiomara Castro de Zelaya, candidata do Partido Libre.

Cómpre salientar que nos casos venezolano, hondureño e paraguaio, existe certa conxunción de similitudes e intereses, en gran medida determinados pola implicación da diplomacia “bolivariana e socialista” de Chávez, en particular a través da ALBA e do recente ingreso venezolano en MERCOSUR. A presión dos militares hondureños na destitución de Zelaya en 2009 dirimiu a saída do país centroamericano da ALBA e a destitución lexislativa de Lugo en Paraguai tivo como marcada referencia o achegamento do ex presidente paraguaio a Chávez, así como os temores das elites paraguaias ante o ingreso venezolano no MERCOSUR.

Precisamente, esta xeopolítica rexional medida a través de conxunturas electorais pode derivar nunha certa moderación do impulso da expansión da ALBA e da diplomacia “revolucionaria” venezolana, agora que o “chavismo post-Chávez” está liderado por unha figura aparentemente mais pragmática como Maduro.

Paralelamente, este reequilibrio rexional alenta a preponderancia de Brasil e da esquerda socialdemócrata liderada polo Partido dos Traballadores (PT), gobernante no país desde 2002, en particular como referencia alternativa ante o modelo “chavista” impulsado no eixe da ALBA, con epicentro en Venezuela e os seus aliados Cuba, Bolivia, Ecuador, Nicaragua e, de forma tanxencial, Arxentina. Obsérvase por tanto o peso de irradiación desta esquerda “petista” brasileira en escenarios mais periféricos (Uruguai, Perú e incluso Ecuador), asentado no cada vez maior peso económico e político de Brasilia e da súa capacidade de converterse en actor chave na resolución de conflitos (Colombia, Haití) e de transicións reformistas (Cuba).

Deste modo, o novo marco xeopolítico hemisférico estará condicionado pola incerta transición “post-Chávez” en Venezuela, o foco de irradiación da esquerda “petista” brasileira, o dinamismo dos novos marcos de integración (UNASUR, CELAC) e a revitalización e/ou retardamento doutros mecanismos (MERCOSUR, ALBA). Paralelamente, este escenario virá directamente determinado polo novo ciclo electoral latinoamericano, con especial incidencia nun posible retorno das opcións conservadoras e liberais, como reacción ao avance das esquerdas e nivel hemisférico. Un ciclo electoral que se vai desenvolver nun intenso período a curto e medio prazo: eleccións presidenciais en Brasil, Colombia, O Salvador e Uruguai (2014); comicios presidenciais na Arxentina e Bolivia e lexislativas en Venezuela (2015); e presidenciais en Perú e Nicaragua (2016). En todos eles, o pulso polo signo final da correlación de tendencias políticas a nivel rexional cobrará un significado estratéxico.

 

IGADI. 16 de abril de 2013.

AnexoTamaño
IgadiPaper nº107364.16 KB

IgadiPaper nº108

Novas realidades para Obama en América Latina

a) Introdución

Oficialmente centrada en temas de interese comercial e económico, o presidente estadounidense Barack Obama realizará os próximos 2 a 4 de maio a súa segunda xira latinoamericana desde que chegou á Casa Branca en 2009. Nesta ocasión visitará México e Costa Rica, onde participará no cumio do Sistema de Integración Centroamericano (SICA).

Lixeiramente diferente das anteriores xiras hemisféricas realizadas por anteriores mandatarios, nesta ocasión Obama, cunha economía estancada, unha recuperación feble e con urxente necesidade de incrementar o comercio exterior, prima unha perspectiva orientada a salientar con maior optimismo as oportunidades de negocio que se presentan nunha rexión con notables índices de crecemento económico. A axenda común plenamente centroamericana estará determinada por temas de interese como a integración rexional e os acordos de libre comercio, sen menoscabar as problemáticas de seguridade como a inmigración ilegal e o actuar das bandas criminais e do narcotráfico.

Así e todo, cabe destacar desta “mini-xira” a ausencia de países estratexicamente importantes para Washington como Brasil, Colombia ou Arxentina e, con menor intensidade, a eventual toma de contacto ante crises políticas rexionais como a que actualmente vive Venezuela, cuns resultados electorais do pasado 14 de abril que deron a vitoria ao oficialista Nicolás Maduro, e que non foron ata agora recoñecidos polo goberno de Obama, feito que causa irritación na rexión.

O comercio de EUA coa rexión centroamericana vense mantendo e ata experimenta un lixeiro medre. A aposta centroamericana explicita a intención de Washington de tomar iniciativas ante a crecente presenza comercial e económica de China como actor fundamental de investimentos e de políticas de desenvolvemento nesta rexión. Países como Perú, Bolivia, Ecuador ou Venezuela están mirando cara outros mercados como destino para as súas importacións e exportacións. Neste sentido, Obama impulsará o debate no cumio do SICA sobre a eventual construción dunha Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP polas súas siglas en inglés), actualmente en negociación entre EUA e a Unión Europea e da que países como México desexan formar parte.

Paralelamente, Obama observará con atención o alcance da Alianza do Pacífico, iniciativa creada como bloque comercial en xuño de 2012 por Colombia, Perú, Chile e México, e o seu eventual impacto na concreción de tratados de libre comercio e de integración hemisférica. En perspectiva, o interese estratéxico de Washington remítese a seguir de perto a capacidade de actuación e o incremento da influencia de China a través desta alianza.

b) Pulsando un novo contexto

A próxima xira de Obama por América Latina traslada unha sensación de notoria modestia. Só dous países formarán parte desta viaxe, México e Costa Rica, e neste último o motivo derívase basicamente da participación nun foro rexional, o cumio do Sistema de Integración Centroamericano (SICA). Aquí, Obama reunirase con diversos presidentes centroamericanos, en especial daqueles países relevantes para Washington en materia de libre comercio, inmigración e seguridade como son os casos de El Salvador, Guatemala e Honduras.

Obama aspira a que desta viaxe resulten algo mais que xestos e declaracións, pero non será doado. A visita a México servirá para departir co seu presidente Enrique Peña Nieto sobre aspectos relevantes de cara aos tratados de libre comercio, á recente reforma migratoria en EUA (país onde habitan aproximadamente sete millóns de mexicanos indocumentados) e o peso do narcotráfico na fronteira entre ambos países e no Golfo de México. Con esta visita, Washington consolida a México como o seu principal aliado hemisférico, tratamento igualmente extensible a Colombia, ao tempo que pulsa o proceso de transición democrática nese país tralo retorno ao poder do outrora hexemónico Partido Revolucionario Institucional (PRI).

Paralelamente, Obama observa o país azteca como unha economía emerxente con cada vez maior iniciativa nos foros internacionais, en especial de cara a inserirse nos novos marcos de integración. Un referente esencial neste aspecto é a Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP, polas súas siglas en inglés) que Washington negocia na actualidade coa Unión Europea. Durante unha visita a Washington realizada en decembro pasado con carácter previo á súa asunción presidencial, Peña Nieto xa amosou a intención mexicana de ingresar no TTIP, coa finalidade de integrarse no que Washington e Bruxelas aspiran a converter no maior bloque mundial de libre comercio e de investimentos.

En calquera caso, o goberno mexicano adiantou que solicitará a EUA un trato igualitario como socio tanto na loita contra o tráfico de drogas, contra a inseguridade, na batalla contra o tráfico de armas e contra a inmigración ilegal cara o país do Norte.

No marco do cumio do SICA en Costa Rica, as perspectivas de Obama poden  centrarse en dous escenarios. O primeiro, consolidar este proceso de integración centroamericano con especial énfase no libre comercio e nos investimentos, oportunidades de negocio para empresas estadounidenses e a potenciación de políticas comúns para o combate do crime organizado (con especial atención á actividade transnacional de bandas como a Mara Salvatrucha), do narcotráfico e da inmigración ilegal. Este asunto resulta prioritario para Washington tendo en conta os elevados índices de inseguridade da rexión centroamericana (44 asasinatos por cada 10.000 habitantes segundo a ONU) e da súa repercusión en EUA a través da inmigración ilegal.

A reforma migratoria en EUA é de grande interese en Centroamérica. O proceso de regularización dos 11 millóns de inmigrantes ilegais podería descarrilar pese aos esforzos demócratas.

Na recámara da xira estará o acompañamento do avance de China como actor económico de importancia a nivel hemisférico, en especial en América Central, o Caribe e América do Sur. Se ben non existe unha política de confrontación comercial ou de carácter xeopolítico entre Washington e Pequín na rexión, si é cada vez maior o avance económico chinés en países como Costa Rica, Panamá, El Salvador ou Nicaragua, nestes tres últimos casos a pesares de seguir mantendo o recoñecemento diplomático de Taiwán.

c) Os “esquecidos” da xira

Outra dimensión de relevancia da xira de Obama ten que ver, igualmente, con aspectos de carácter político que semellan obviados neste contexto. A limitación cara o ámbito centroamericano pode levar a Washington a manter certo distanciamento cos cambios políticos en América do Sur, en particular ante a complexidade do ascenso de Brasil como actor global, a polarización e as crises políticas na Venezuela post-Chávez, a tendencia rexional cara unha integración plenamente autóctona (UNASUR, ALBA, CELAC) fóra da participación e esfera de influencia de EUA, e as vicisitudes do novo contexto político e electoral na rexión andina e no Cono Sur.

Na súa primeira xira latinoamericana en marzo de 2011, Obama incluíu a Brasil, El Salvador e Chile. Pero nesta ocasión, o radio de acción plenamente centroamericano evidencia unha perspectiva diferente na dinámica das relacións entre EUA e América Latina. Moi probablemente, Washington toma nota de que América do Sur transita por un vieiro político e económico propiamente autóctono, onde o peso e influencia estadounidense é cada vez menor. Ante esta visita, en México, deputados dos partidos de esquerda impulsaron un principio de acordo para condenar as declaracións formuladas o 17 de abril polo Secretario de Estado John Kerry, quen dixo que América Latina seguía sendo o “patio traseiro” de EUA, concepto moi afastado daquel “socios para o desenvolvemento” ao que ven aludindo Obama dende o cumio de Cartaxena de Indias de hai un ano.

Paralelamente, e no caso da relación de Washington con países tradicionalmente aliados como Colombia, Perú e Chile, así como aqueles que son politicamente estratéxicos pero non necesariamente aliados incondicionais (Brasil, Uruguai ou Arxentina), Obama semella interpretar que as súas relacións bilaterais con estes países atravesan momentos de maior estabilidade e entendemento, basicamente dinamizadas polos canais diplomáticos e oficiais.

Así e todo, existen outros escenarios onde a presenza de Washington podería resultar mais irritante. O caso venezolano é sintomático precisamente pola polarización e tensión emanada durante a etapa de goberno (1999-2013) do recentemente falecido presidente Hugo Chávez, agora contextualizado coa tensión e polarización postelectoral tralos comicios celebrados o pasado 14 de abril, e que lle deron unha axustada vitoria ao candidato “chavista” Nicolás Maduro.

Ata o momento, e a diferenza da maioría dos países latinoamericanos, nin Washington nin a oposición venezolana recoñeceron a elección de Maduro, aspecto que intensifica aínda máis a tensión e convulsión así como unha sostida política encamiñada a cuestionar a lexitimidade presidencial de Maduro nun contexto traducido pola asunción do “chavismo sen Chávez”.

Obama mantén un marcado distanciamento co denominado “eixe da ALBA”, basicamente en torno a Venezuela, Cuba, Bolivia, Ecuador e incluso Nicaragua, países cos que Washington ten vivido tensos momentos políticos e diplomáticos nos últimos anos, en particular pola oposición deses gobernos ao ALCA e ás políticas de integración emanadas do anteriormente coñecido como “Consenso de Washington” de comezos da década de 1990.

Noutros contextos, a recente vitoria conservadora en Paraguai, co retorno do Partido Colorado da man de Horacio Cartes, pode ser interpretado dende Washington como un proceso político e electoral encamiñado ao retorno de partidos e movementos de carácter conservador e liberal, menos reticentes á influencia hemisférica estadounidense.

d) Unha Alianza cara o Pacífico

Un elemento adicional desta breve xira hemisférica de Obama céntrase  indirectamente en calibrar o avance da iniciativa da Alianza do Pacífico, concibida a partir de 2011 durante o cumio de Lima e que veu finalmente a luz en xuño de 2012. Esta alianza conta cun activo bloque comercial conformado por Colombia, Chile, México e Perú, e eventualmente podería ampliarse cara Panamá e outros países centroamericanos a curto ou medio prazo.

Este bloque agrupa actualmente un 35% do PIB global hemisférico. Inclúe como países observadores a Costa Rica e Panamá (que buscan ser membros plenos) así como a Portugal, Uruguai, Canadá, Xapón, Australia, Guatemala, España, Nova Zelandia e Paraguai, ampliando así un radio de actuación plenamente global. Paralelamente, esta alianza propicia iniciativas e mecanismos de integración inéditos, evidenciados coa creación do Mercado Integrado Latinoamericano (MILA), que agrupa aos Mercados de Valores de Bogotá, Lima e Santiago de Chile.

A Alianza do Pacífico igualmente concreta a perspectiva de Washington de afianzar os mecanismos bilaterais de libre comercio en América Latina así como en concentrar a súa atención no polo de crecemento que significa Asia-Pacífico. Esta estratexia é igualmente promovida por Obama a través da Alianza Transpacífica (TPP polas súas siglas en inglés), concibida a finais de 2011 como o escenario de maior interese estratéxico e prioritario para EUA nos próximos anos.

A TPP ubica o seu radio de actuación cara o Foro de Cooperación Económica de Asia Pacífico (APEC), que inclúe a Australia, Brunei, Chile, Malaisia, Nova Zelandia, Perú, Singapur, EUA e Vietnam e cunha esfera de influencia que ben podería achegarse cara a Alianza do Pacífico creada a mediados de 2012.

De novo, o interese fundamental de Washington circunscríbese en amortecer a influencia e capacidade competitiva que poda ter China nestes escenarios estratexicamente prioritarios. En abril de 2013, o presidente chileno Sebastián Piñera visitou China para auscultar a posibilidade de concretar acordos de cooperación entre Beijing e a Alianza do Pacífico. China xa solicitara a finais de 2012 a súa inclusión como membro observador desta alianza.

IGADI. 2 de maio de 2013

AnexoTamaño
IgadiPaper nº108356.1 KB

IgadiPaper nº109

Italia: novo goberno ¿nova política?

a) Introdución

Tras case tres meses de tensas negociacións postelectorais, Italia finalmente logrou conformar un goberno de coalición liderado polo primeiro ministro Enrico Letta, do centroesquerda Partido Demócrata (PD). Ábrese así unha nova lexislatura con especial acento en posibilitar unha especie de “modelo híbrido”, confeccionado en torno ao peso da tendencia “tecnocrática” imperante na Unión Europea (UE) contemporizada cunha alternativa de cariz máis “político” orientada a diminuír os efectos do modelo de austeridade.

A conformación deste novo goberno italiano pode transparentar as tensións actualmente existentes en Europa entre esta tendencia “tecnócrata” (en gran medida auspiciada pola persistencia das políticas de austeridade e da presión das elites políticas e financeiras a través dos seus lobbies en Bruxelas), e outras alternativas con maior peso político, tendente a cuestionar a persistencia deste modelo de austeridade “tecnocrática”.  Deste xeito, o termómetro xeopolítico dentro da UE ben pode afirmar a eventual apertura dunha especie de “fronte Sur”, con especial incidencia en Italia, Francia e incluso Grecia, que matice o predominio político e económico alemán.  

Esta eventual concreción de eixes levemente diverxentes entre o Norte e o Sur foise concretando trala breve xira europea realizada por Letta pouco despois de xurar o seu cargo, e que levouno a Berlín, París e Bruxelas. Probablemente o mais salientable desta xira foi a reunión de Letta co presidente francés François Hollande, con quen aparentemente acordou medidas orientadas a cuestionar a preponderancia do modelo tecnócrata de austeridade e a defender as bases fundamentais do proxecto comunitario, con políticas de crecemento económico que permitan garantir o gasto público social.

Así, mentres as políticas de austeridade derruban paulatinamente as bases do Estado social do benestar fortalecendo a precariedade socioeconómica, o novo contexto político implica igualmente un reto ineludible para a esquerda e a socialdemocracia europea, atomizada politicamente e aparentemente incapaz de reaccionar con alternativas viables. Este escenario pode igualmente alentar o avance electoral das tendencias populistas, “euroescépticas” e reaccionarias, tal e como se observa co ascenso  da ultradereita Amencer Dourado en Grecia ou do partido euroescéptico británico UKIP nas recentes eleccións municipais celebradas en Inglaterra e Gales.

b) Un modelo “híbrido” en Roma

A conformación dun novo goberno de coalición en Italia, liderado polo primeiro ministro Enrico Letta (46 anos), pon eventualmente fin a unha crise política postelectoral que, durante case tres meses trala celebración das eleccións lexislativas en febreiro pasado, evidenciou fortes impedimentos para garantir a gobernabilidade en Roma.

Se ben os retos de Letta son numerosos en materia económica, probablemente o seu principal test pasa por estabilizar un escenario político tensado por todo tipo de presións e demandas. Tres elementos connotan este modelo “híbrido”: por unha banda, o peso político decisivo que terá o polémico ex primeiro ministro Silvio Berlusconi, a través do seu delfín Angelino Alfano, quen ostentará a vicepresidencia e a carteira de Interior. Por outra, a presenza da ex eurodeputada Emma Bonino como ministra de Exteriores, que lle outorgará unha dimensión de alcance en especial no relativo ás relacións coa UE. E finalmente a preponderancia de figuras de carácter tecnócrata, moi en sintonía coas preferencias de Berlín e Bruxelas.

Paralelamente, non se debe esquecer a presión política e social derivada da aparición de novos actores “antisistema”, contestatarios e críticos coa clase política italiana, entre os que imponse o “Movemento Cinco Estrelas” do comediante Beppe Grillo, que obtivo un importante resultado electoral en febreiro pasado.

O novo gabinete italiano suxire unha especie de “matrimonio de conveniencia” con Letta e o presidente Giorgio Napolitano (88 anos) como referentes que, invariablemente, non descarta as maiores incertezas sobre a súa consistencia e duración. En todo caso, a significación política de Bonino (Partido Radical) como ministra de Exteriores, lle permitirá promover determinadas orientacións na relación entre Roma e Bruxelas, equilibradas pola presenza de figuras de carácter “tecnocrático” en postos chave, como son os casos de Fabrizio Saccomani, ex director do Banco Central e agora ministro de Economía; Anna María Cancellieri, do ministerio de Interior a Xustiza; e de Enrico Ginovannini, ex director do Instituto de Estatísticas e novo ministro de Traballo. Este gabinete “híbrido” complétase cunha simbólica viraxe progresista ante os nomeamentos, entre outros, de Cecile Kyenge, inmigrante de orixe congolesa nomeada ministra de Integración; e Josefa Idem, inmigrante de orixe alemá que pasará a ministra de Igualdade.

O goberno de Letta, por outra banda, podería interpretarse igualmente como un tenue “toque de atención” cara Berlín e Bruxelas ante a perpetuación do modelo económico de austeridade e de impulso de elites tecnócratas. Sen desprezar as complexidades que seguramente aparecerán ante as presións exteriores, as tendencias “populistas” e dereitistas (especialmente por parte do partido Pobo da Liberdade de Berlusconi) e a marcada deriva existente na esquerda italiana, Letta tentará afirmar a autonomía do seu goberno, en especial á hora de negociar con Alemaña e a UE.

Non obstante, as medidas para encarar a recesión económica tras ano e medio de  impopulares medidas de austeridade por parte do goberno de Mario Monti e o aumento do desemprego (11,3% en marzo pasado) incrementarán a conflitividade e as complexidades políticas internas. Neste aspecto, os retos céntranse en acordar solucións para a elevada presión fiscal (calculada nun 53% do PIB) e da eventualidade dun desequilibrio orzamentario. Calcúlase que Italia precisa duns 11.000 millóns de euros para equilibrar as súas contas públicas([1]).

c) Unha “fronte Sur” contra a austeridade?

O novo goberno de Italia manifesta dúas vertentes principais. A primeira, constata o notorio peso das elites políticas “tecnócratas” instaladas nos gobernos e institucións da UE, así como a constante presión de Berlín á hora de conformar estes novos gabinetes. E, segundo, aposta por unha moderada contestación da excesiva persistencia dese modelo de austeridade imperante actualmente na UE.

Tras reunirse con Merkel en Berlín, Letta visitou París para tentar albiscar co presidente Hollande a posibilidade de alentar unha especie de “entente” franco-italiana orientada a premer politicamente para equilibrar as apostas estratéxicas de Berlín. Deste xeito, aparentemente podería certificarse a ruptura do consenso entre Berlín e París dende tempos do polémico eixe “Merkozy” conformado por Merkel e o ex presidente francés Nicolás Sarkozy.

Cunha capacidade de presión e influencia aínda incerta, este eventual eixe Letta-Hollande buscaría potenciar políticas de crecemento a través do gasto público coa atención dirixida a ofrecer solucións ao desemprego na UE, índice que afecta aproximadamente a 26,5 millóns de persoas, especialmente sensible dentro da mocidade europea. Con todo, Letta non escapa á “tutela” exterior, principalmente emanada do poder da “troika” conformada polo Banco Central Europeo, o FMI e a Comisión Europea, e auspiciada por Berlín e Bruxelas coa mirada posta nos países do Sur mediterráneo, principalmente Portugal, Grecia, Chipre e España.

Está por ver, pois, se Europa finalmente se dilúe neste pulso de alternativas, unha virada no fomento dun modelo da “tecnocracia” amparado por draconianas medidas de austeridade fiscal que, progresivamente, desmontan as bases e os logros do Estado social do benestar existente na Europa da posguerra. E outra de carácter mais contemporizador, convencido da necesidade de preservar o Estado social do benestar, o que significa “retroalimentar” o proxecto de integración da UE. No fondo afírmase un preocupante panorama social agravado pola crise económica que pode determinar o avance de novos actores políticos, algúns deles incluso de carácter “antieuropeo” ou euroescéptico.

Paralelamente, debe significarse o actual proceso de parálise e de división política dentro da socialdemocracia e da esquerda europea. Mentres o modelo “tecnócrata” fortalece as opcións conservadoras, centristas e liberais en diversos gobernos europeos, a esquerda non recupera ata o momento espazos políticos e electorais, amosándose parentemente incapaz de reverter estas políticas de austeridade e de posibilitar alternativas de carácter progresista á crise.  

No horizonte aparecen dous momentos electorais decisivos para a esquerda europea. O primeiro, as eleccións lexislativas en Alemaña previstas para setembro próximo, que eventualmente poderían animar ao centroesquerda europeo no caso de que o líder do socialdemócrata SPD, Peer Steinbrück, logre acabar coa hexemonía da coalición demócrata cristiá e liberal (CDU-FDP) imperante desde 2005 e encarnada en Merkel([2]). Pero as perspectivas son incertas e pouco probables neste sentido, segundo aseguran as enquisas, aínda que o SPD podería eventualmente beneficiarse das coalicións políticas postelectorais([3]). Incluso, especúlase con que Merkel podería pactar co SPD a conformación dunha “gran coalición” en Berlín similar á acaecida entre o anterior chanceler Gerhard Schröeder coa CDU.

O outro momento electoral chave para Europa serán as eleccións ao Parlamento europeo de 2014. Aquí, os partidos “euroescépticos”, populistas e incluso a extrema dereita poden aproveitarse da atomización política e da actual parálise do proceso de integración.

d) O avance das alternativas “antisistema”

Así e todo, a potenciación do modelo tecnócrata de austeridade e a división da esquerda europea, factores que igualmente explican unha notable crise de lexitimidade dentro dos partidos políticos tradicionalmente hexemónicos en Europa, igualmente está alimentando a aparición de movementos “antisistema” neste heteroxéneo mapa político continental, moitos deles críticos co modelo de integración da UE, afirmando o ascenso dun perfil de marcado cariz “antieuropeísta” e “euroescéptico”.

Ao xa mencionado “Movemento Cinco Estrelas” de Beppe Grillo en Italia debe sumarse a aparición doutras formacións como Alternative für Deustschland,  de carácter euroescéptico e incluso próximo ao populismo de dereitas, que ten notables posibilidades de acceder ao Parlamento alemán nos próximos comicios lexislativos. Paralelamente, as eleccións municipais en Inglaterra e Gales celebradas o pasado 1º de maio consolidaron o ascenso do euroescéptico Partido da Independencia do Reino Unido (UKIP), liderado por Nigel Farage.

Pola súa banda, a atribulada Grecia sometida á tutela da “troika” desde 2010 estase a converter paulatinamente nunha especie de laboratorio de novas tendencias e formacións políticas con notable éxito electoral, algunha delas con marcada orientación extremista. Os dous casos mais notorios foron o avance nas eleccións parlamentarias de 2012 da fronte de esquerdas SYRIZA liderada por Alexis Tsipras e da extrema dereita de Amencer Dourado. A raíz do seu éxito electoral, ambas formacións iniciaron un inmediato proceso de “internacionalización” a fin de conformar novas plataformas exteriores, principalmente dentro da área mediterránea (Chipre, España, Italia).

A crise e o modelo imperante na UE está favorecendo o impulso da extrema dereita europea e dos partidos populistas de dereita, gañando diversos espazos públicos e políticos, amparados igualmente pola indignación cidadá e a crise da socialdemocracia. Casos notorios poden destacarse: o avance do xenófobo partido Jobbik en Hungría e da Fronte Nacional francesa, agora liderada por Marine Le Pen, os cales poden ter incidencia noutros contextos europeos como Italia, Eslovaquia, Romanía, España, Holanda, etc. Paralelamente, o actual contexto inclúe a potenciación das demandas soberanistas por parte dos denominados “nacionalismos periféricos”, en especial Escocia (que celebrará referendo independentista en 2014), Catalunya, Euskadi e Flandres, entre outros.  

IGADI. 6 de maio de 2013.


([1]) “Italia tiene nuevo gobierno y Berlusconi será determinante”, Clarín (Arxentina), 28 de abril de 2013. Ver en: http://www.clarin.com/mundo/Italia-nuevo-gobierno-Berlusconi-determinante_0_909509147.html

([2]) “Unión Europea: ¿La imaginación al poder?”, Informe Semanal de Política Exterior, Estudios de Política Exterior, S.A (España), Nº 838, 22 de abril de 2013.

([3]) “Allemagne: Peer le gaffeur”, Jeune Afrique (Francia), Nº 2.279-2.230, do 28 de abril ao 11 de maio de 2013.

 

 

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº109367.8 KB

IgadiPaper nº110

“Guerra de disuasión” en Siria

a) Introdución

Os ataques aéreos “selectivos” realizados por Israel a comezos de maio contra posicións militares do réxime de Bashar al Asad en Damasco, deixa entrever diversos sinais en clave xeopolítica enmarcadas na atmosfera actual de Oriente Próximo, escenarios que involucran tanto a actores rexionais (Siria, Israel, Turquía, Irán, o movemento islamita libanés Hizbulá, entre outros) como globais (EUA, China, Rusia), con estratéxicos intereses na rexión.

 

Non obstante, mais que o preludio dunha nova espiral bélica, os movementos en torno a esta crise semellan amosar unha variable persuasiva e de disuasión de carácter militar, político e estratéxico relacionada co futuro de Siria e o seu impacto rexional. Tras mais de dous anos de guerra civil en Siria cun incerto escenario de “guerra de posicións” sumamente estacionario entre as forzas leais ao réxime e os rebeldes sirios agrupados no heteroxéneo e relativamente unido Consello Opositor Sirio, en Damasco non se presentou un abrupto cambio de poder similar ao acaecido no Iraq de Saddam Hussein ou na Libia de Muammar al Gadafi, casos verificados a través de intervencións militares internacionais lideradas por EUA.

Neste sentido, resulta notorio destacar a converxencia de intereses entre Washington e Tel Aviv, tanto no aspecto da presión diplomática como na realización destes ataques aéreos, toda vez que o goberno de Barack Obama segue a recear dunha maior implicación ou intervención militar en Siria similar á acaecida anteriormente, no marco da OTAN, en Libia en 2011. Antes de producírense os citados ataques, EUA apoiou tacitamente as declaracións dun alto mando israelí sobre a presunta utilización de armamento químico por parte do réxime de Bashar al Asad contra a poboación civil.

Paralelamente, é evidente a existencia dun “pacto tácito” entre Moscova e Washington, moi probablemente orientado a evitar friccións bilaterais en torno a Siria. Do mesmo xeito, estes ataques israelís con tácito apoio estadounidense poden supoñer mensaxes de presión e disuasión cara outros dous actores con intereses en Siria: Irán e China.

b) Un laboratorio de intereses en Siria

Os recentes ataques aéreos israelís contra instalacións militares do réxime de Bashar al Asad en Siria supoñen unha manifestación tanxencial que evidencia a posibilidade de expansión rexional dun conflito interno abruptamente atomizado e que, dende febreiro de 2011,  leva provocado a morte duns 70.000 civís.

Oficialmente, Tel Aviv xustificou estes ataques aéreos na destrución dos mísiles Fateh-110 de fabricación iraniana e os Scud-DS de fabricación siria, así como da batería antiaérea SA-17 de fabricación rusa([1]), e que eventualmente poderían ser utilizados contra posicións israelís dende o Sur do Líbano por parte do movemento islamita  Hizbulá, tradicional aliado do réxime de Bashar al Asad así como de Irán.

Esta sensación “prebélica” ven intensificándose dende abril pasado, cando Tel Aviv activou unha acción táctica de ataque contra Damasco tralas acusacións realizadas por Itai Baron, xefe da unidade de investigación da Intelixencia Militar israelí, sobre a presunta utilización de armamento químico (gas sarín) por parte das forzas leais ao réxime contra a poboación civil, en especial en combates contra milicias rebeldes na localidade de Aleppo. Cabe sinalar que o pasado 6 de Maio, Carla del Ponte, responsable dun dos equipos da ONU encargados de investigar estes incidentes, anunciaba que existían “indicios poderosos” de que os rebeldes, non o goberno, fixeran uso do gas sarín.

Dende Washington, a posición do goberno de Barack Obama foi a de secundar tacitamente estas acusacións israelís así como os posteriores ataques aéreos, probablemente convencido da necesidade de activar medidas punitivas contra o réxime de Bashar al Asad e persuasivas cara os seus aliados, principalmente Rusia, Irán e China. Non obstante, Washington evita implicarse directamente na crise siria, sexa a través dunha intervención militar ou ben apoiando aos rebeldes, a diferenza do que ocorreu coa intervención da OTAN en Libia entre marzo e novembro de 2011 e que levou á caída do réxime de Muammar al Gadafi.  

Así e todo, o actual contexto confirmaría un cambio abrupto de posición por parte do goberno de Obama contra o goberno sirio (e indirectamente contra Irán), adoptando unha posición mais directa ao mesmo tempo que activa diversos canais diplomáticos de persuasión a fin de asegurar a neutralidade de Rusia e China ante calquera resolución contra Siria que se votase no Consello de Seguridade da ONU. Precisamente, este tácito apoio estadounidense a Israel na crise siria implicou con anterioridade unha especie de acomodo de posicións entre Washington e Moscova, tendente a asegurar o respecto a determinadas “liñas vermellas” dentro do conflito sirio.

Estas “liñas vermellas” identificaríanse en, primeiro lugar, en atender as demandas do presidente ruso Vladimir Putin de asegurar a cando menos aparente negativa de Obama á hora de apoiar aos rebeldes sirios, tendo en conta que Moscova posúe relevantes intereses en Siria, xeopolíticos, económicos e militares, en especial a presenza na base mediterránea de Tartus e contratos militares valorados en US$ 1.500 millóns. Cunha relación militar e xeopolítica que procede dos tempos da ex URSS([2]), Siria recibe anualmente un 10% das exportacións de armamento rusas.

Asegurando esta eventual non implicación directa de Obama en Siria, Moscova e Washington negociarían unha saída política, a través dunha Conferencia Internacional prevista para finais de maio e acordada na recente visita de John Kerry a Rusia, coa perspectiva dun aparente distanciamento ruso con respecto ao seu aliado, incluso no caso da súa eventual caída.

c) EUA e Israel temen ao islamismo radical

Se ben Washington non agocha o seu interese en propiciar a caída de Bashar al Asad([3]), preocúpalle máis a posibilidade dun fortalecemento das células islamitas radicais incrustadas entre os rebeldes sirios. Un caso particular de preocupación corresponde á Fronte Jabat al Nusra, que en abril pasado anunciou formalmente a súa alianza con Al Qaeda en Iraq. Entre os rebeldes sirios existen outras células “yihadistas” radicais de carácter aparentemente mais independente, tales como Ahar al-Sham, as brigadas de Al-Haqq, Liwa al-Tawhid ou Fajr al-Islam, con incertos intereses e posicións.

Neste sentido, a preocupación principal para EUA centraríase na posible captación do arsenal químico e militar por parte destas células islamitas, cun eventual radio de actuación que implicaría incertas alianzas coas células de Al Qaeda en Iraq, así como de cara aos movementos Hizbulá (Líbano), Hamas e Yihad Islámica (Palestina) e outras células radicais en Oriente Próximo.

A fin de evitar a reprodución en Siria do caótico Iraq post-Saddam, Washington igualmente espera que unha eventual caída de Bashar al Asad conleve un escenario de transición moderado por actores externos estratexicamente aliados como Turquía, Arabia Saudita e Catar, cuxos intereses en Siria son mais notorios e directos, á vista dos seus respectivos apoios político, diplomático, militar e loxístico aos rebeldes sirios.

Pola súa banda, Israel baralla perspectivas probablemente máis incómodas, debido á certificación de que ningún dos escenarios presentados en Siria lle convén de forma absoluta a Tel Aviv. A alianza do réxime sirio con Irán e o seu tácito apoio a Hizbulá e Hamas son factores de constante irritación para Tel Aviv, en especial ante o peso estratéxico que cobra Teherán. Pero un eventual caótico final de Bashar al Asad que potencie ás células “yihadistas salafistas” sería un escenario aínda máis pernicioso  para os intereses israelís.

Confluíndo cos intereses de Washington, Tel Aviv semella mais ben apostar por unha transición post-al Asad tutelada por elementos “moderados” dentro do Consello Opositor Sirio, contando co apoio de Turquía, Arabia Saudita e Catar. Auspiciado por Obama e previo ás acusacións contra Bashar al Asad polo armamento químico e os ataques aéreos en Damasco, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu activou xestos conciliadores cara un aliado estratéxico como Turquía, que lle levou a pedirlle perdón ao goberno de Recep Tayyip Erdogan polo ataque á flotilla turca cara Gaza en 2010.

Este (re) achegamento turco-israelí([4]), que ten igualmente implicacións xeopolíticas e militares cara Irán, ocorreu de forma paralela á presión diplomática de Washington orientada a asegurar a neutralidade rusa e chinesa no conflito sirio.

d) Obxectivos colaterais: China e Irán

Pero existen outros dos actores aos que, de forma indirecta e persuasiva, puideron estar “dirixidos” estes ataques aéreos israelís: Irán e China. No caso iraniano, que celebrará eleccións presidenciais o próximo 14 de xuño, esta “disuasión prebélica” en Siria implicaría igualmente abrir un apéndice da presión internacional liderada por EUA e a AIEA contra o programa nuclear de Teherán.

Preocupada polas expectativas en materia de equilibrio nuclear en Oriente Próximo ante a perspectiva dun Irán con capacidade atómica, Israel intensifica as súas acusacións contra Teherán de presunta implicación directa na defensa do réxime sirio, así como a través da xa tradicional asistencia loxística iraniana a Hizbulá e Hamas.

Pola súa banda, China, que conta con importantes intereses estratéxicos e enerxéticos en Oriente Próximo, ven implicándose nos últimos tempos como actor diplomático de relevancia na rexión. Entre o 25 e 30 de abril, o seu enviado especial para Oriente Próximo, Wu Sike, realizou unha xira rexional orientada a promover marcos de negociación para a paz entre palestinos e israelís. A posición oficial de Pequín no conflito palestino-israelí aposta polo recoñecemento dun Estado palestino coas fronteiras de 1967 e con capital en Xerusalén Leste([5]).

Precisamente, os ataques aéreos israelís en Siria coincidiron coas respectivas visitas a Pequín por parte do presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, e do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, realizadas a principios de maio. Ambas visitas confirmaron o ascendente papel de China en Oriente Próximo, a cada paso menos discreto, unha perspectiva que podería deparar importantes repercusións no contexto xeopolítico rexional.

IGADI. 08 de maio de 2013

 


([1]) Consultar os artigos de FISK, Robert, “The Truth is that after Israel´s air strikes, we are involved”, The Independent, 5 de maio de 2013. Ver en: http://www.independent.co.uk/voices/comment/robert-fisk-the-truth-is-that-after-israels-air-strikes-we-are-involved-8604593.html; e KOTSEV, Viktor; “Multiple signs behind Israel´s Syria strikes”, Asia Times, 6 de maio de 2013. Ver en: http://www.atimes.com/atimes/Middle_East/MID-01-060513.html. Ambos publicados en Rebelión (España)

([2]) A URSS e Siria asinaron un Tratado de Amizade e de Cooperación en 1970, ano no que o pai do actual presidente sirio, Hafez al Asad, tomou o poder en Damasco. Rusia respectou este pacto trala disolución da ex URSS, o cal intensificou a relación militar entre Moscova e Damasco. Se cre que durante este tempo, Siria albergou entre 3.000 e 4.000 conselleiros militares rusos. Para maior información sobre os intereses de Rusia e China en Siria, consultar o artigo de DEEN, Thalif; “Rusia y China blindan a Siria de posibles sanciones”, Inter Press Service en español, 10 de xuño de 2011. Ver en_ http://www.ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=98385

([3]) Fontes oficiais en EUA aseguran que dende febreiro pasado, o presidente Obama recibe fortes presións da CIA e do Departamento de Estado a través da elaboración dunha estratexia de implicación de Washington en Siria que promove o apoio loxístico e militar aos rebeldes sirios. Para maior información, consultar o artigo de ARAABI, Samer; “Gobierno de EEUU dividido sobre Siria”, Inter Press Service en Español, febreiro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=102363

([4]) “Israel y Turquía cruzan sus órbitas”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 840, 6 de maio de 2013. Páxina 5.

([5]) “China dispuesta a ofrecer ayuda para reunión de líderes Palestina-Israel”, Diario del Pueblo en español (China), 4 de maio de 2013. Ver en: http://spanish.peopledaily.com.cn/31621/8232196.html

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº110359.77 KB

IgadiPaper nº111

A reivindicación de Galicia como actor estratéxico da Lusofonía

Unha reflexión trala aprobación da Iniciativa “Valentín Paz-Andrade” e o XXVI Cumio España-Portugal
a) Introdución

A aprobación o pasado 14 de maio e por unanimidade parlamentaria da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol de incorporar o estudo do idioma portugués nos centros educativos galegos así como para promover unha estratexia plenamente galega de cara á Lusofonía, implica un exercicio de reflexión sobre o papel histórico, político e cultural que debe xogar Galicia como vértice de unión e achegamento cara o mundo lusófono, así como a elaboración de propostas de actuación efectivas, con especial incidencia en escenarios emerxentes no plano internacional como é o caso de Brasil.

Esta proposta precisa abordarse coa maior celeridade. Trala celebración, un día antes en Madrid, do XXVI Cumio España-Portugal, que reuniu ao xefe do Executivo español, Mariano Rajoy e o primeiro ministro portugués, Pedro Passos-Coelho, constatouse o esquecemento de Galicia na aproximación entre os dous Estados. O marcado acento económico outorgado a este cumio, con especial atención nas políticas conxuntas para acometer a recesión económica e impulsar o emprego, engadido á persistencia por outorgarlle prioridade aos investimentos en materia de infraestruturas viarias, diluíu seriamente a necesidade de discernir sobre outras perspectivas de carácter mais estratéxico, en especial no sentido de fomentar unha aproximación máis decidida de cara á Lusofonía que coloque a Galicia como un actor fundamental.

Neste sentido, compre salientar o negativo balance institucional para Galicia da aproximación entre os gobernos de España e Portugal, fortalecido nos últimos anos ncoa afirmación e potenciación dun eixe Madrid-Lisboa que claramente supedita e incluso despraza da atención as prioridades estratéxicas establecidas con anterioridade dentro do eixe conformado por Galicia-Norte de Portugal. En paralelo, cabe subliñar a perda de influencia de ambas as dúas comunidades nos respectivos gobernos. Isto tradúcese, ó mesmo tempo, nunha sensible diminución do peso político a nivel ibérico por parte de entidades como a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal ou o Eixo Atlántico, as cales contan cunha notable traxectoria no impulso de proxectos de Cooperación Transfronteiriza se ben feble á hora de definir estratexias de inserción e actuación de cara o mundo lusófono.

b) A ILP “Valentín Paz-Andrade”: unha reivindicación histórica

Impulsada polo empresario de orixe viguesa Xosé Carlos Morell, a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) “Valentín Paz-Andrade([1]) que con máis de 17.000 firmas recollidas empraza á Xunta de Galicia a recuperar os vínculos de Galicia con Portugal e a Lusofonía, entre outras demandas a través do ensino do idioma portugués nos centros educativos galegos, foi finalmente aprobada por unanimidade o pasado 14 de maio por parte das catro formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia: Partido Popular de Galicia (PPdG); Partido Socialista de Galicia (PSdG); a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE); e  Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Esta iniciativa inclúe como referencia os esforzos que desde 1992 realiza a Comunidade Autónoma de Estremadura para o ensino oficial do portugués como segunda lingua estranxeira nos seus centros educativos, así como a creación a partir de 2004 dunha Asociación de Profesores de Portugués en Estremadura (APPEX). No seu discurso ante o Parlamento, Morell informou que en Galicia “só 600 persoas” teñen acceso ao ensino do portugués([2]). Así e todo, a aprobación en sede parlamentaria considera unicamente o carácter opcional do ensino do portugués, posición particularmente defendida polo PPdG. O resto das formacións políticas amosaron unha posición máis ampla, decididos  a “restituír a normalidade lingüística” e “reivindicar” os lazos históricos e culturais entre Galicia, Portugal e o mundo lusófono.

Durante a súa alocución parlamentaria, Morell destacou a “vantaxe competitiva” que supón para Galicia a súa inserción na Lusofonía, tendo en conta que o mundo lusófono agrupa a máis de 250 millóns de persoas de fala oficial portuguesa, constituíndo un 3,6% da poboación mundial, e sendo o portugués a lingua oficial en varios países e lingua de traballo en 20 organizacións internacionais. O seu peso global intensifícase ao constituír aproximadamente o 4,6% do PIB mundial, cun 2% do comercio internacional e unha diáspora de cinco millóns de persoas([3]).

O radio de acción do mundo lusófono agrupa a países como Portugal, Brasil, Angola, Guiné Bissau, Mozambique, Cabo Verde, Timor Leste e Saõ Tomé e Príncipe, así como territorios como Macau (China), ex colonias portuguesas radicadas na India (Goa, Damán e Diu, Dadra e Nagar Haveli), e outros territorios onde existe a fala portuguesa pero cunha incidencia menor, como son os casos das zonas fronteirizas entre Brasil, Bolivia, Paraguai e Uruguai([4]).

Neste sentido, a iniciativa Paz-Andrade sinala unha alternativa de actuación para Galicia ante a actual conxuntura de crise económica, con especial incidencia cara o “auxe de novas potencias como Brasil, Angola…”, especialmente no caso brasileiro, considerada “a quinta maior economía do mundo e a primeira de América Latina”([5])

c) Repensar unha estratexia lusófona para Galicia

Para Galicia, apostar pola Lusofonía implicaría vertebrar as ferramentas de soft power de carácter cultural, empresarial, de diáspora e incluso político cara países emerxentes con cada vez maior liderado global onde existe unha dinámica diáspora galega (Brasil). Paralelamente, esta estratexia incide na perspectiva de abrir canais de relación con outros mercados que poden igualmente considerarse como relevantes e eventualmente estratéxicos, como Angola (terceiro produtor africano de petróleo) e Cabo Verde (turismo), e que igualmente impliquen eventuais polos de atracción de investimentos e de proxección de mercado laboral.

Se ben a aprobación parlamentaria da Iniciativa “Paz-Andrade” supón un paso oficial e reivindicativo de histórica importancia, a conxuntura actual obriga a repensar unha estratexia galega de cara á Lusofonía que conteña, principalmente, a recuperación do peso político e institucional galego de cara a este escenario xeopolítico con cada vez maior capacidade emerxente.

Esta recuperación de peso político esixiría a adopción de alternativas que poden ter estratéxica incidencia principalmente no marco de fomentar unha maior presenza política de Galicia como membro permanente dentro da Comunidade de Países da Lingua Portuguesa (CPLP)([6]), da que actualmente Galicia é observador asociado. Inserido dentro da CPLP, o radio de actuación para Galicia pode centrarse cara a África lusófona (Angola, Cabo Verde, Mozambique, Guiné Bissau), onde Galicia xa ten experiencia a través de diferentes entidades e variables, incluída a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento; e  cara o “espazo MERCOSUR”, colocando a Brasil como epicentro de actuación.

Paralelamente, débese axilizar un maior apoio institucional no fomento das actividades de entidades existentes dentro do espazo xeográfico e territorial da Eurorrexión Galicia e o Norte de Portugal que posúen unha importante traxectoria e percorrido. Neste sentido identificamos como actores fundamentais á Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que en 2008 conformou unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT); as súas entidades política e administrativas, sendo estas a Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte)([7]) de Portugal; ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular; ás iniciativas de cooperación universitaria e de investigación como o Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER)([8]); ao fomento na creación de Eurocidades (Chaves-Verín, intercambios entre Tui e Valença do Minho); e ao labor de difusión da lingua e cultura portuguesas a través de institucións como a Academia Galega de Lingua Portuguesa (AGLP), entre outras.

Finalmente, outra ferramenta de estratéxica difusión e inserción o constitúen os medios de comunicación, en especial a transmisión de TV portuguesa en Galicia, así como unha maior atención informativa por parte dos medios de comunicación galegos cara o acontecer en Portugal e o mundo lusófono, tendo en conta o notable déficit informativo e de comunicación existente entre Galicia e a Lusofonía.

d) Recuperar peso político a nivel ibérico

A nivel ibérico, Galicia e o Norte de Portugal deben conxuntar esforzos para recuperar o seu histórico papel de vertebración política e institucional en relación aos respectivos Estados e proxectalo de cara ao mundo lusófono. Unha posición sensiblemente alterada trala perda de impulso constatada nos últimos anos e agravada trala irrupción activa doutros territorios fronteirizos.  

Así e todo, cómpre destacar a potencialidade do Eixo Atlántico como entidade impulsora e xestora da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), cunha incidencia que pode permitirlle afirmarse como un importante lobby de carácter público e privado a nivel ibérico e europeo.

A recuperación do peso político por parte de Galicia e o Norte de Portugal representa unha necesidade estratéxica, á vista da conxuntura de crise económica que condiciona as relacións ibéricas, tal e como se observou no recentemente celebrado XXVI Cumio España-Portugal de Madrid. Este cumio afianzou aínda con maior forza a tendencia a diluír estes foros cara aspectos sumamente concretos e de menor calado estratéxico que, inevitablemente, provocan constantes friccións nas relacións bilaterais.

A axenda céntrase, principalmente, na finalización dos prazos temporais establecidos para as infraestruturas viarias (AVE, ferroviaria, autovías, portos e aeroportos); no cobro das peaxes nas autovías SCUT portuguesas; na recesión económica e o seu impacto directo no desemprego, especialmente na mocidade; e a situación da balanza comercial([9]), entre outras.  Por tanto, a preponderancia económica deste cumio imprime unha practicamente nula atención á concreción de políticas conxuntas a nivel ibérico cara escenarios estratéxicos de actuación, especialmente a Lusofonía, onde Galicia pode constituírse nunha voz de referencia.  

Con todo, a aprobación parlamentaria da “Iniciativa Paz-Andrade” supera notablemente o baleiro de carácter oficial e institucional, sobre a reivindicación histórica e cultural de Galicia como actor de importancia para o mundo lusófono, implicando ao mesmo tempo a necesidade de tecer unha estratexia coherente de inserción neste espazo de interese xeopolítico, cultural e empresarial.

IGADI. 16 de maio de 2013

 


 

([2]) “Pacto político para introducir el idioma portugués en Galicia”, La Voz de Galicia, 15 de maio de 2013. Ver en: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/05/14/pacto-politico-introducir-idioma-portugues-galicia/0003_20130520130514134256770.htm

([3]) Ibid.

([4]) “El Portugués, lengua estratégica para Extremadura”. Ver en: http://cosoberaniaolivenza.blogia.com/temas/lengua-portuguesa-en-olivenza.php

([5]) “Unanimidad en el Parlamento para que Galicia ‘aproveche’ la Lusofonía”. Ver en: http://www.eldiario.es/galicia/Unanimidad-Parlamento-Galicia-aproveche-lusofonia_0_132287506.html

([7]) A Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte) está por elixir unha nova presidencia, actualmente en mans do presidente interino Carlos Neves, un dos candidatos a ocupar este cargo tralo cese de Carlos Lage en febreiro de 2012 e o posterior pasamento do seu sucesor Duarte Vieira en febreiro de 2013. Xunto a Carlos Neves, as outras candidaturas para a presidencia da CCDR-N son Juvenal da Silva Peneda, Ricardo Magalhăes, Alvaro Santos, Carlos Duarte e Paulo Gomes. Para maior información, consultar: “Arranca a corrida à liderança da CCDR-N e à gestăo de milhões”, Jornal de Notícias (Portugal), Segunda Feira, 13 de maio de 2013.

([8]) Constituída polas universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Porto, Minho, Trás-os-Montes e Alto Douro, así como pola Xunta de Galicia e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Máis información en: http://fceer.org/index.php?pid=home

([9]) Segundo informou Pedro Reis, presidente da Agência para o Investimento e Comercio Externo de Portugal (AICEP), no primeiro trimestre de 2013, as exportacións portuguesas cara España subiron nun 2%, con valor de 2.713 millóns de euros, mentres as importacións dende España caeron un 11,1%, cun saldo negativo para Portugal por valor de 1.458 millóns de euros. Para maior información, consultar en: “Recuperaçao da economia năo demorará a chegar”, Jornal de Notícias (Portugal), Segunda Feira, 13 de maio de 2013.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº111379.22 KB

IgadiPaper nº112

XXI Cumio da Unión Africana

Un balance tras 50 anos de integración

a) Introdución

 

Baixo o lema “Panafricanismo e Resistencia Africana”, entre o 22 e 27 de maio celebrouse o XXI Cumio Ordinario da Unión Africana (UA) en Adís Abeba (Etiopía), coincidindo co 50º aniversario da creación da súa predecesora, a Organización da Unión Africana (OUA). Co énfase na concreción dun Plan Estratéxico 2014-2017, os xefes de Estado e de Goberno dos 54 países pertencentes á UA debateron a necesidade de primar o desenvolvemento económico e a solución de controversias como factores motrices da cohesión.

O “panafricanismo”, soño de unidade continental impulsado medio século atrás por líderes independentistas como Kwane Nkrumah, Julius Nyerere, Patricio Lumumba e Jomo Kenyatta, afronta na actualidade un panorama que inclúe diversos retos e desafíos, contextualizados por notables avances políticos e económicos así como a consolidación da UA como foro de diálogo e solución de controversias. Entre as decisións mais relevantes deste XXI Cumio da UA destaca a histórica creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR) orientada á resolución inmediata das crises e conflitos rexionais.

A pesar da persistencia de problemas crónicos como a pobreza, conflitos secesionistas e guerras de carácter sectario e tribal (República Democrática do Congo, Sudán do Sur, Nixeria), rebelións, golpes militares e intervencións exteriores (Libia, Malí), crises humanitarias (Sudán), dependencia da axuda económica exterior e do efecto socioeconómico de diversas pandemias (VIH), África avanza na concreción de modelos de desenvolvemento cada vez mais autóctonos, na consolidación de sistemas democráticos e de notables avances da sociedade civil, observando de cerca a dinámica rexional de rebelións e cambios políticos inesperados, como a Primavera árabe no Magreb.

Ao mesmo tempo, o fomento dunha nova concepción Sur-Sur permite desprazar a tradicional percepción “eurocentrista” de considerar a África como “actor periférico” do sistema mundial, para observar a súa evolución como un continente en ascenso e con mediana incidencia no panorama internacional. Esta realidade ponse de manifesto na presenza africana en foros globais como os BRICS, IBSA e ASA, así como na cada vez maior implicación en África de actores externos como China, Brasil, India, Rusia, Xapón e Turquía, entre outros.

b) Un momento marcado polo optimismo

Unha sensación de moderado optimismo imperou nos encontros e debates realizados durante o XXI Cumio da Unión Africana (UA), celebrado na súa sede central na capital etíope Adís Abeba entre o 22 e 27 de maio, coincidindo co 50º aniversario da integración e unidade africana establecida trala creación da Organización da Unión Africana (OUA), predecesora da actual UA. Paralelamente, durante este cumio celebrouse o Día de África, o pasado 25 de maio.

Este cumio foi o primeiro organizado polo novo presidente da UA, o anfitrión e primeiro ministro etíope Hailemariam Desalegn, quen substituíu en xaneiro pasado á outrora presidenta, a ex ministra surafricana de Exteriores Nkosazana Dlamini-Zuma, elixida en 2012 como a primeira muller en ocupar este cargo. A presidencia da UA acorda unha elección anual rotativa entre as cinco rexións que dividen o continente africano: Norte de África (Magreb), África Occidental, África Central, África Oriental e África do Sur.

A razón deste moderado optimismo estriba principalmente no notable desempeño económico africano. Segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), actualmente un total de 11 das 20 economías con máis rápido crecemento a nivel mundial están localizadas en África, destacando entre elas África do Sur, Angola (produtor petroleiro), Níxer e Serra Leoa (minería), Gana, Nixeria, Quenia e Etiopía.

Nas súas previsións económicas para 2013 e 2014, o FMI sinala que África pode constituírse como a próxima “locomotora” do crecemento económico mundial, destacando o seu dinamismo por riba incluso de Asia, con índices de crecemento estimados en 5,6% para 2013 e 6,1% para o próximo ano([1]), destacando o desempeño da economía surafricana con índices de crecemento estimados en 2,8% (2013) e 3,3% (2014).

Este boom do crecemento económico africano débese principalmente ao aumento sostido dos prezos das materias primas, que permitiron igualmente un  incremento dos investimentos exteriores no continente. Xunto á sensación de optimismo polos resultados económicos, a necesidade de afianzar os mecanismos autóctonos de integración imprimiu o seu selo neste cumio. Segundo expresou días antes da xuntanza a presidenta saínte da UA, Dlamini-Zuma, o continente debe transitar por camiños propios de integración en materia económica e de seguridade, superando así a tradicional dependencia da axuda exterior.

c) “Panafricanismo” para a resolución de conflitos

Creada en 2002, a UA consolídase non só como a sucesora da extinta OUA senón como o principal foro de diálogo e de solución de controversias actualmente existente nun continente tradicionalmente estigmatizado por guerras de carácter étnico e tribal, pola explotación indiscriminada dos seus recursos por parte de intereses foráneos, polas secuelas da pobreza, das desigualdades e de pandemias sanitarias (en especial a expansión do VIH), así como de constantes crises e inestabilidade política e social, expresada en golpes militares e rupturas de incipientes procesos democráticos.

Neste sentido, o Cumio de Adís Abeba implicou unha reflexión sobre a vixencia do “panafricanismo” propio do proceso de descolonización das décadas de 1950 y 1960, impulsado entón por líderes independentistas como Nkrumah, Nyerere, Lumumba, Kenyatta, Ben Bella e Gamel Abdel Nasser. Esta renovación do “panafricanismo” ven agora contextualizado polos consecuentes avances políticos, económicos e sociais que ven presentando África nos últimos anos, que igualmente determinan a súa inserción nun sistema internacional cambiante, virado para a concreción dun mundo multipolar e de mecanismos de integración Sur-Sur.

O peso cada vez maior da UA como foro de integración e de resolución de conflitos concrétase igualmente en razón dunha ampla variedade de iniciativas impulsadas nesta a súa primeira década de existencia como sucesora da OUA. Estas iniciativas de recente creación e outras en proceso de desenvolvemento céntranse en mecanismos autóctonos de integración e na adopción de estratexias transversais, tales como a Convención Africana para a Conservación dos Recursos Naturais e a Política da Terra en África e a Corte Africana de Dereitos Humanos e das Persoas, entre outras.

Así e todo, a axenda do XXI Cumio da UA incluíu a discusión de temas moitos mais polémicos e controvertidos como son os conflitos acaecidos en Malí trala intervención militar francesa en febreiro pasado, a guerra civil na República Democrática do Congo (con cinco millóns de mortos desde 1998), a violencia intrarrelixiosa en Nixeria, os conflitos secesionistas entre Sudán e Sudán do Sur (independente desde 2011), os problemas de disolución estatal, da piratería e do integrismo yihadista en Somalia e noutras partes do Sahel e do Corno de África, a crise política en Madagascar; e outros aspectos relativos á situación da muller e temáticas de xénero.  

 

Principais focos conflitivos en África (2013)
Fonte: http://www.ikimap.com/ikimap/conflictos-en-africa-2013

Neste sentido, a decisión estratéxica mais importante adoptada neste XXI Cumio da UA é o anuncio da creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR), inicialmente concibida pola UA en 2002 pero que neste cumio de Adís Abeba, recibiu o impulso para facela operativa a partir de 2015.

Esta FAR estaría eventualmente conformada por 32.000 efectivos militares ou civís, e alcanzaría a súa operatividade a través das achegas e financiamento ofertadas por países como África do Sur, Etiopía e Uganda, en especial en réxime de voluntariado([2]). Por tanto, a potenciación da FAR implica basicamente un reto estratéxico para a UA, tendo en conta a forte dependencia exterior como se evidenciou na recente intervención francesa na crise de Malí, entre xaneiro e febreiro pasado. No contexto desta crise, a UA ensaiou igualmente unha operación de intervención rápida a través do despregue dun milleiro de efectivos.

O Cumio de Adís Abeba emitiu igualmente unha dura crítica da UA á Corte Penal Internacional (CPI), realizada da man do anfitrión e presidente rotativo Desalegn. Este acusou ao CPI dunha presunta “caza racial” ao declarar que “o 99% dos casos da CPI son contra africanos”([3]), aspecto que afasta a estes procesos xudiciais do seu obxectivo principal, relativo a “evitar a impunidade”. Estas declaracións realizáronse trala aprobación por parte da UA dunha resolución no sentido de que a CPI transferira á xustiza de Quenia o caso do presidente dese país, Uhur Kenyatta e do seu vicepresidente William Ruto, imputados por crimes de lesa humanidade por presuntamente instigar á violencia postelectoral en Quenia entre 2007 e 2008, nuns sucesos que causaron 1.300 mortos e centos de miles de desprazados([4]).

d) Brasil e África: unha relación estratéxica

Mentres o Cumio de Adís Abeba concluía cunha histórica declaración de reafirmación do “panafricanismo”, a través a construción dunha “África máis unida integrada e pacífica”([5]), outro aspecto de notorio interese foi a presenza de líderes e convidados provenientes de países en desenvolvemento con históricas e cada vez maiores relacións co continente africano, con especial incidencia no caso de Brasil.

Neste sentido, e como exemplo de potenciación das relacións Sur-Sur e da activa diplomacia africana levada a cabo por Brasilia na última década, a presidenta Dilma Roussef anunciou no evento a condonación e reestruturación da débeda externa por parte de doce países africanos, valorada en US$ 840 millóns. Desde 2003, Brasil abriu un total de 19 embaixadas en África, aumentando a 37 as súas representacións diplomáticas neste continente([6]), ademais de fortalecer a súa dinámica presenza a través dos foros BRICS, IBSA e América do Sur-África (ASA).

A consolidación desta relación afro-brasileira consolídase tendo en conta que, en 2012, os fluxos de intercambio comercial entre Brasil e África ascenderon aos US$ 26.500 millóns. Igualmente, desde 2011 funciona na localidade brasileira de Fortaleza a Universidade Federal da Integración Afro-Luso-Brasileira (UNILAB), financiada polo goberno brasileiro e que alberga a máis de 200 estudantes africanos([7]).

Paralelamente, a presenza en Adís Abeba do viceprimeiro ministro chinés, Wang Yang, confirma o papel preponderante e estratéxico por parte de China no continente africano. Precisamente, a nova sede da UA na capital etíope, inaugurada en xaneiro de 2012, foi totalmente financiada por China, valorada en US$ 200 millóns. Cómpre igualmente destacar a asistencia a este cumio doutros convidados internacionais como o  secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durăo Barroso, o presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba, Esteban Lazo Hernández, o presidente francés François Hollande, o secretario de Estado estadounidense, John Kerry, e o ministro arxentino de Exteriores, Héctor Timerman, os cales reflectiron coa súa presenza a importancia cada vez maior de África nos seus respectivos contextos diplomáticos e comerciais.

IGADI. 28 de maio de 2013.


([1]) HELBLING, Thomas, “Perspectivas de la Economía Mundial. Gracias a las políticas adoptadas, mejorarán las perspectivas de la Economía Mundial”, Fondo Monetario Internacional, Boletín del FMI, 16 de abril de 2013. Ver en: http://www.imf.org/external/Spanish/pubs/ft/survey/so/2013/RES041613AS.htm

([2]) “L´Union Africaine annonce la création d´un force d´intervention rapide », Jeune Afrique, 27 de maio de 2013. Ver en : http://www.jeuneafrique.com/Article/ARTJAWEB20130527191757/union-africaine-ramtane-lamamra-faa-sommet-de-l-ual-union-africaine-annonce-la-creation-d-une-force-d-intervention-rapide.html

([3]) “La Unión Africana acusa a La Haya de una ‘caza racial’”, El Comercio (España), 27 de maio de 2013. Ver en: http://www.elcomercio.es/rc/20130527/mas-actualidad/internacional/union-africana-acusa-haya-201305272147.html

([4]) Ibid.

([5]) “Cumbre de la UA concluye en Etiopía con declaración sobre siglo africano”, Radio Internacional de China e Axencia Xinhua (China), 28 de maio de 2013. Ver en: http://espanol.cri.cn/741/2013/05/28/1s279925.htm

([6]) “Roussef viaja a Etiopía para el cincuentenario de la Unión Africana”, lainformación.com (España), 24 de maio de 2013. Ver en: http://noticias.lainformacion.com/politica/cumbre/rousseff-viaja-hacia-etiopia-para-el-cincuentenario-de-la-union-africana_Ic5SewcEt7Rq2sABHTL662/

([7]) Ibid.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº112472.06 KB

IgadiPaper nº113

Eleccións presidenciais en Irán: Punto e final á “era Ahmadíneyad”

a) Introdución

Irán apréstase a celebrar eleccións parlamentarias o próximo 7 de xuño e presidenciais, municipais e rurais o día 14, pechando así o ciclo político iniciado polo actual presidente Mahmud Ahmadíneyad desde a súa chegada ao poder en 2005. Nesta ocasión, o baixo perfil político das oito candidaturas aprobadas polo Consello dos Gardiáns, todas elas practicamente asociadas ao sector conservador, é a variable política mais clarificadora destes comicios, en gran medida determinada polo poder de decisión do Supremo Líder, o aiatolá Alí Jamenei

A preservación do status quo é un feito unha vez o Consello dos Gardiáns, órgano supremo electoral, purgara un total de 686 candidaturas, moi probablemente como medida de presión contra aqueles sectores reformistas e para evitar calquera repetición da ameaza de inestabilidade suscitada tralos comicios de 2009, onde Ahmadíneyad foi reelixido pero os reformistas denunciaron un presunto fraude electoral.

Afianzando estes mecanismos electorais claramente excluíntes, o status quo máis conservador da república teocrática pecha igualmente unha prolongada etapa política no país persa iniciada en 1989, trala morte do aiatolá Ruhollah Jomeini. Esta etapa deu paso a dúas presidencias moderadamente pragmáticas e aperturistas, da man de Akbar Hashemí Rafsanjani (1989-1997) e do reformista Mohammed Jatamí (1997-2005). Tras esta etapa veu un período máis “populista” presidido por Ahmadíneyad. Unha proba da intención por parte do status quo de rematar esta prolongada etapa foi a exclusión nestes comicios das candidaturas de Rafsanjani e de Esfandiar Rahim Mashaei, conselleiro e considerado a “man dereita” de Ahmadíneyad.

Aínda que con menos incidencia electoral con respecto a eleccións anteriores, a política exterior terá unha leve influencia nestes comicios, determinada pola presión de EUA, Israel e a AIEA cara o programa nuclear iraniano, así como polo escenario xeopolítico que se presenta en Oriente Próximo, especialmente coa guerra en Siria. Con todo, os comicios presidenciais sinalan unha loita de poder entre diversos sectores conservadores, especialmente revelada pola preponderancia política do aiatolá Jamenei e do Corpo de Gardiáns da Revolución Islámica, detentora da forza militar, empresarial e do programa nuclear iraniano.

b) Reafirmando o “status quo”

As eleccións presidenciais iranianas a celebrar o próximo 14 de xuño preséntanse como de baixa intensidade política e incluso emotiva, especialmente en comparación con comicios anteriores, á vista do perfil notoriamente mais modesto das candidaturas aprobadas.

Neste sentido, as eleccións deste 2013 non semellan un reto político contestatario para a estrutura de poder teocrática imperante na República islámica desde 1979. Nesta ocasión non existe unha candidatura principalmente forte e desafiante por parte dos sectores reformistas, tal e como ocorrera co ex presidente Mohammed Jatamí en 1997 e 2001. Paralelamente, tampouco se presenta unha opción mais “populista” e cun estilo político mais directo, como fora a do actual presidente Mahmud Ahmadíneyad nos comicios de 2005 e, con menor incidencia, nos de 2009.

Na contenda de 2009, os reformistas liderados por Mir-Hossein Mousavi e Mehdi Karroubi (ambos actualmente en prisión domiciliaria), denunciaron un presunto fraude electoral na reelección de Ahmadíneyad, situación que provocou violentos enfrontamentos postelectorais que puxeron en xogo o equilibrio de poder en Teherán. No contexto actual, os reformistas vense claramente desprazados do escenario político á vista da purga de 686 candidaturas realizada polo Consello dos Gardiáns, principal órgano de carácter clerical responsable da selección das candidaturas, moitas delas ligadas aos sectores reformistas.

Todas con baixo perfil, as oito candidaturas presidenciais de 2013 son as do ex vicepresidente Mohammad Reza Aref;  o ex xefe de Seguridade Nacional, Hassan Rouhani; o ex ministro de Telecomunicacións Mohammad Gharazi; o actual secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional, Saeed Jalili; o alcalde de Teherán, Mohammad Bagher Qalibaf; o conselleiro de política exterior de Jamenei, Ali Akbar Velayati; o secretario do Consello de Discernimento da Conveniencia e ex xefe do Corpo dos Gardiáns da Revolución Islámica, Mohsen Rezaei; e o presidente do Parlamento (Majlis), Gholam-Ali Haddad-Adel.

Así e todo, os pulsos promovidos por estas candidaturas dan a entender a existencia dun xogo de intereses arredor das perspectivas de poder do Supremo Líder, o aiatolá Jamenei, como tamén do poderoso Corpo de Gardiáns da Revolución Islámica. Segundo aducen algunhas  fontes([1]), Jamenei apostaría pola candidatura de Saeed Jalili, un político sumamente leal ao Supremo Líder, coa velada intención de frear un eventual ascenso da candidatura de Hassan Rouhani, o único clérigo entre todos os candidatos, e que ven erixíndose como unha eventual opción reformista e liberal. Neste sentido, nas derradeiras semanas, Rouhani ven adiantando esforzos para atraer o voto dos sectores controlados polos ex presidentes Rafsanjani y Jatamí.

Pola súa banda, Jalili ven concentrando o apoio público do aiatolá Jamenei, da prensa oficial, dos clérigos e incluso das forzas paramilitares (basiji), dependentes estas do Corpo de Gardiáns da Revolución Islámica([2]). Nun contexto marcado pola presión occidental e israelí cara o programa nuclear iraniano, a opción Jalili debe ser observada con atención dende o exterior debido á súa experiencia como secretario do Consello Supremo de Seguridade Nacional (CSSN), órgano encargado da negociación do programa nuclear ante a comunidade internacional.

Outra candidatura con notables opcións electorais é a de Mohamed Bagher Qalibaf, actual alcalde de Teherán, un conservador cunha popularidade que radica no seu estilo mais pragmático e próximo aos cidadáns, diametralmente oposto á notoria intransixencia dun Jalili mellor visto pola cúpula do poder. As opcións de Bagher Qalibaf aumentan igualmente por ser xefe da Forza Aérea da Garda Revolucionaria, cargo que lle permite manter un considerable apoio entre as forzas pasdarán, a poderosa elite militar e empresarial da república teocrática.

c) Adeus ao “Irán post-Jomeini”

A potenciación das candidaturas de Jalili e Qalibaf confirman os esforzos de Jamenei e da Garda Revolucionaria, co aval da cúpula do poder teocrática, para practicamente “asfixiar” calquera representación política identificada coas principais figuras da etapa “post-Jomeini” referentes das últimas décadas, entre 1989 e 2013.

Neste sentido, a exclusión da candidatura de Rafsanjani (78 anos) pode ser interpretada como a intención de Jamenei de coartar o voto reformista. Varios estamentos deste sector xa comezaran a amosarlle o seu eventual apoio. Probablemente para desviar calquera tentativa de Rafsanjani no sentido de provocar unha maior tensión política pola exclusión da súa candidatura, a cúpula do poder en Teherán decidiu finalmente reelixilo como presidente do Consello de Discernimento da Conveniencia, órgano encargado da supervisión do goberno iraniano.

Pola súa banda, a exclusión da candidatura de Esfandiar Rahim Mashaei, identificado como un político leal ao presidente Ahmadíneyad, interprétase como a necesidade de evitar o continuísmo político do actual mandatario, tendo en conta que a súa candidatura incluiría como equipo de goberno a unha boa parte dos ministros e da maquinaria política do actual presidente.

A eventualidade dunha candidatura de Mashaei suporía igualmente contar co apoio dunha porción importante dos sectores rurais e pobres urbanos, seducidos polo estilo “populista” instaurado por Ahmadíneyad, sendo observado con receo nas altas cúpulas do poder teocrático. A pesar do apoio de Jamenei a Ahmadíneyad nos comicios de 2005, nos últimos anos, e principalmente trala crise postelectoral de 2009, as relacións entre ambos foron deteriorándose visiblemente. Polo tanto, as exclusións das candidaturas de Rafsanjani e Mashaei supoñen a evidencia contundente dunha estratexia definida por parte de Jamenei e da Garda Revolucionaria para rematar cunha etapa e cun determinado estilo político (sexa pragmático ou populista) instaurado no Irán post-Jomeini desde 1989.

Así e todo, este deterioro nas relacións entre Ahmadíneyad e Jamenei provocou recentemente que o propio presidente iraniano ameazara con revelar presuntos casos de corrupción nos que aparentemente estaría involucrado o entorno do Supremo Líder. Neste caso, Jamenei estaría eventualmente abocado a unha eventual crise política preelectoral que pode indirectamente favorecer as opcións do actual alcalde de Teherán, Bagher Qalibaf, contando co apoio de varios estamentos da Garda Revolucionaria. Así, o pulso electoral Jalili-Qalibaf traduciría visiblemente unha confrontación de poder entre Jamenei e a Garda Revolucionaria.

d) A política exterior: entre EUA e Siria

A crise económica, as denuncias de corrupción, as sancións internacionais e o persistente freo ás reformas veñen provocando un descontento popular cada vez maior en Irán, un aspecto que afectaría ás bases de lexitimidade do sistema que o propio Jamenei tenta manter por todos os medios, incluída a represión. Neste sentido, unha pequena concesión para frear a posibilidade de activación de protestas populares afirmouse ao decidir, por vez primeira, que as eleccións presidenciais se realizaran en paralelo aos comicios municipais e rurais.

En todo caso, e mentres as cartas electorais vanse polarizando en torno a Jalili e Qalibaf, a próxima presidencia iraniana herdará un panorama sumamente fragmentado e atomizado, cunha crise económica en ascenso (en especial a inflación), a crecente presión exterior polo programa nuclear iraniano, e un crecente malestar social ante os obstáculos por reformar un sistema cada vez mais identificado como monolítico, condicionado por visibles problemas de lexitimidade.   

En política exterior, e á vista do contexto rexional, poucos cambios se esperan para o próximo goberno iraniano. O avance do seu programa nuclear segue a constituír a prioridade en materia de seguridade e defensa dado que EUA, Israel e o denominado “eixe sunnita”, basicamente en torno a Arabia Saudita, Catar e Turquía, seguirán acosando con forza dentro da periferia xeopolítica de Teherán, establecida dende Iraq ata o Golfo Pérsico.

O equilibrio de forzas da guerra que se vive en Siria desde 2011 e, particularmente, o futuro do réxime de Bashar al Asad, aliado político e militar de Irán, definirá en qué medida variará a xeopolítica rexional para Teherán. A implicación de EUA, Israel e o “eixe sunnita” a favor dos rebeldes sirios constitúe, obviamente, unha medida de presión orientada a asfixiar os canais de cooperación rexional de Irán, particularmente nos casos dos movementos islamitas Hizbulá e Hamás. Este escenario pode igualmente ampliarse ante a eventualidade de concreción dun Curdistán independente de feito, tacitamente apoiado por Washington, Tel Aviv e o “eixe sunnita”. No Norte de Irán desenvólvese unha rebelión independentista curda que observa con atención os escenarios que se abren para a súa causa no corredor comprendido entre Turquía, Iraq, Siria e Irán.

IGADI, 6 de xuño de 2013.


([1]) “Los ayatolás purgan a los reformistas”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 844, 3 de xuño de 2013.

([2]) Ibid.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº113375.48 KB

IgadiPaper nº114

Xapón: as reformas de Shinzō Abe

a) Introdución

Xapón está experimentando un programa de reformas de carácter estrutural, impulsado polo seu primeiro ministro Shinzō Abe, do Partido Liberal Democrático  (PLD, de tendencia conservadora). Inicialmente, estas reformas oriéntanse a reactivar o parque industrial nipón a través de incentivos centrados na liberalización de sectores estratéxicos (principalmente a enerxía, as infraestruturas e a industria farmacéutica) pero eventualmente implicarían reestruturar o sistema público estatal e ofrecer unha visión mais “normalizada” en materia de política exterior.

Considerada a terceira economía mundial tras EUA e China, con estas reformas Abe tenta deixar atrás un prolongado período de ralentización económica, en boa medida derivado do longo período de deflación iniciado en 1997, do imparable ascenso de China e das secuelas causadas polo terremoto de comezos de 2011. A pesar do seu acento marcadamente económico, Abe non descarta amplialas cara a reestruturación do sistema político xaponés, acentuando paralelamente unha política exterior máis “nacionalista” cunha apertura a escenarios anteriormente “menores” para a diplomacia nipona, como África e América Latina, deixando de circunscribirse ao contexto de Asia-Pacífico e o Sueste asiático onde tamén libra unha pugna non disimulada con China.

Amparado no respaldo do presidente do Banco Central de Xapón (BCX), Haruhiko Kuroda, os piares destas reformas baséanse en tres iniciativas específicas: maiores estímulos fiscais, unha política monetaria expansiva e reformas estruturais([1]). Neste sentido, os obxectivos se concentran en manexar un índice de inflación do 2% para finais de 2015, así como elevar a base monetaria cara aproximadamente 575 millóns de euros([2]). Recibidas con optimismo no exterior, as reformas de Abe terán un test importante a medio prazo no relativo á aprobación parlamentaria. Así e todo, o gobernante PLD posúe a maioría dos escanos na Cámara de Representantes, alcanzada tralos comicios lexislativos de decembro de 2012, o cal implicaría superar o escollo  parlamentario.

Así mesmo, a ofensiva en materia de política exterior está igualmente condicionada polo contexto rexional, con especial atención ás tradicionalmente tensas relacións con China (contencioso de soberanía polas illas Diayou/Senkaku, nova política nuclear de Abe, eventual remilitarización xaponesa, etc.), así como de cara a socios comerciais como Taiwán e Corea do Sur, en especial ante a eventualidade dunha depreciación do ien xaponés que permita abaratar as exportacións niponas.

b) As incertezas dunha reforma “estrutural”

Tras obter unha cómoda vitoria electoral nos comicios lexislativos de mediados de decembro de 2012, o actual primeiro ministro Shinzō Abe centra as bases da súa xestión gobernamental a través dun programa de reformas cunhas arestas principais: reestruturación do aparato produtivo, dotación de incentivos para o crecemento económico, ampliación destas perspectivas cara a potenciación de Xapón como un actor relevante no contexto internacional.

Neste sentido, Abe, quen xa anteriormente ocupara o cargo de primeiro ministro durante o período 2006-2007, busca con estas reformas (coloquialmente denominadas Abenomics) reconducir unha economía afectada por dúas décadas de procesos de deflación e perda de competitividade, en particular tendo en conta os efectos dos “20 anos perdidos” dende 1991, o ascenso global de China como competidor comercial e económico (confirmado co desprazamento chinés de Xapón en 2011 como a segunda economía mundial), e de desastres naturais como o terremoto de comezos de 2011, que tivo unha forte repercusión internacional principalmente pola crise da central nuclear de Fukushima.

Principalmente, as reformas de Abe presentadas o pasado 14 de xuño ante a Cámara de Representantes céntrase no apartado económico que, a medio prazo, vaticina notorias e incertas perspectivas con respecto á eventual reestruturación do forte aparato burocrático estatal, a necesidade dunha reforma das políticas agrarias así como a apertura de canles de mobilización e participación social e política que permitan reformar o tradicionalmente xerárquico sistema político e empresarial xaponés.

Neste apartado, o do sistema político e a necesidade de afrontar reformas que permitan unha maior mobilidade e horizontalidade na participación política e electoral, Abe semella considerar as recentes evolucións na dinámica política xaponesa, motivada polo proceso de descentralización iniciado a comezos da década de 1990 e que, eventualmente, permitiu reducir a transcendencia de problemas crónicos como o clientelismo político. Neste sentido, as eleccións locais de 2011 definiron un novo mapa político para Xapón, significándose a aparición de novos partidos políticos  de carácter local ou rexional, aínda que algúns deles ligados a liderados políticos persoais([3]).

Paulatinamente, esta dinámica está minando e incluso contestando o tradicional “uni-bipartidismo” xaponés de posguerra, caracterizado pola hexemonía do Partido Liberal Democrático (PLD), formación conservadora que gobernou entre 1955 e 2009 ata regresar ao poder con Abe o pasado mes de decembro; e o breve “interregno” do opositor Partido Democrático de Xapón (PDX), entre 2009 e 2012, con escasa capacidade para afondar aínda mais o proceso de descentralización política e propiciar unha reforma dos distritos electorais, principalmente no sector rural, tradicionalmente a base de apoio electoral do PDX([4]).

c) A “terceira frecha” de Abe

Durante a súa alocución parlamentaria, Abe denominou esta fase como a “terceira frecha” marcada pola concreción de maiores incentivos fiscais para potenciar o aparato produtivo, un maior investimento público en materia de innovación industrial (considerado un dos trazos distintivos do denominado “milagre xaponés” da posguerra) e, incluso, medidas como unha maior inclusión feminina no sector laboral. Dentro desta estratexia de reformas, as dúas primeiras “frechas” establecían unha maior flexibilidade da política monetaria e o impulso do gasto público.

Outro apartado de importancia ten que ver coa política enerxética, á vista do importante efecto da crise da central nuclear de Fukushima durante o terremoto de 2011. Dende entón, Xapón perdeu un terzo da súa capacidade de produción enerxética debido á suspensión da maioría das plantas de xeración nucleoeléctricas. Neste sentido, as reformas de Abe definen unha aposta polas enerxías renovables con capacidade de xeración de electricidade. O primeiro ministro xaponés considerou impulsar investimentos valorados en 230.000 millóns de euros ata 2015 na industria enerxética, coa intención de liberalizar o sector e acabar co monopolio establecido polas dez principais empresas eléctricas rexionais.

Paralelamente, Abe explicou un plan de investimentos públicos e privados en materia de infraestruturas severamente danadas polo terremoto de 2011 (estradas, aeroportos, obras hidráulicas, etc.) para os próximos dez anos e por valor de 91.000 millóns de euros, así como a intención de duplicar os investimentos estranxeiros en Xapón por valor de 260.000 millóns de euros ata o 2020.

Para potenciar as súas reformas, Abe confía na maioría parlamentaria alcanzada polo PLD nas pasadas eleccións lexislativas de decembro. O PLD obtivo entón 294 dos 480 escanos da Dieta ou Cámara de Representantes do Parlamento xaponés, así como 83 dos 242 escanos da Cámara de Conselleiros ou Senado. A súa alianza parlamentaria co partido de centrodereita Novo Kōmeitō asegúralle ao PLD os 320 escanos necesarios para evitar o veto parlamentario a calquera das súas iniciativas, razón pola que as reformas de Abe, en principio, salvarían o tradicionalmente difícil obstáculo de aprobación parlamentaria.

c) A política exterior

Un obxectivo importante das reformas ten que ver cunha nova visión da política exterior xaponesa, coa perspectiva de recolocar a Xapón como un actor relevante no concerto internacional, acorde coa súa condición de terceira economía mundial. Abe e os integrantes do seu gabinete realizaron visitas a perto de trinta países dos arredores de China. Por outra banda, Tokio invitou a líderes de máis de dez países, incluíndo a India e Myanmar, a visitar Xapón. No fondo, o chamado “Arco de Liberdade e Prosperidade” ou tamén “Diamante de Seguridade” co que trata de enganchar a algúns países para conter a China aspira a restablecer a posición dominante en Asia.

A preocupación inmediata de Xapón radica en que as relacións económicas e comerciais de China cos seus veciños desenvolvéronse moi rapidamente, deixándoo atrás. Un exemplo é a ASEAN (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, siglas en inglés). Xapón é o seu segundo socio comercial e China o primeiro. Dende o establecemento dunha zona de libre comercio entre China e a ASEAN (2010), o comercio bilateral e os investimentos de ambas partes aumentaron enormemente. O comercio bilateral acadou un nivel histórico de 400.000 millóns de dólares en 2012, o investimento foi de 100.000 millóns de dólares e o intercambio de persoas sumou 15 millóns.

Se ben China esperta suspicacias nalgúns países da rexión, os intentos de Xapón de desafiar a orde da posguerra suxire igualmente temores ante o seu militarismo á vista de que moitos países da zona foron vítimas da súa agresión durante a Segunda Guerra Mundial. Pequín, Seúl e Pyongyang acusan a Abe de promover unha “política agresiva” sumamente nacionalista que afecta ao equilibrio militar e xeopolítico rexional. Estas acusacións veñen directamente fundamentadas pola aposta de Abe por manter inalterable a alianza militar de Xapón con EUA e, especialmente, polos seus esforzos de reforma do artigo 9º da Constitución xaponesa, o cal desautoriza operacións militares no exterior. Os países asiáticos recean da eventualidade de que Abe promova unha remilitarización de Xapón, a partir da conformación dunha Forzas Armadas efectivas, co conseguinte relanzamento dunha carreira militar no Sueste asiático.

Tamén, a fin de contrarrestar o denominado “neocolonialismo chinés” en África, Xapón comeza a observar a este continente como unha prioridade enerxética e comercial. Tokio mantén 32 embaixadas en África e mais de 600 empresas instaladas nese continente, mentres o seu comercio bilateral alcanzou os US$ 30.000 millóns en 2012, visiblemente inferior aos mais de US$ 200.000 millóns de intercambios comerciais de China en África e das 2.000 empresas chinesas asentadas alí. En 2009, China foi considerado o principal socio comercial africano([5]).

No contexto latinoamericano, a xira en abril pasado do ministro xaponés de Exteriores Fumio Kishida por México, Perú e Panamá, concretou a aspiración do goberno de Abe de impulsar neste continente unha “diplomacia económica” que permita afianzar os investimentos xaponeses na rexión e achegarse a países que forman parte da iniciativa da TPP (Acordo de Asociación Transpacífico, siglas en inglés). O epicentro desta estratexia en América Latina é México, país co que Xapón ten unha Asociación de Libre Comercio desde 2005 e onde están asentadas 540 empresas xaponesas([6]).

IGADI. 17 de xuño de 2013.


([1]) “El gran experimento de Shinzō Abe”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 845, 10 de xuño de 2013.

([2]) “Nouvelle politique monétaire au Japan”, Eurasianfinance, 5 de abril de 2013. Ver en: http://eurasianfinance.com/2013/04/nouvelle-politique-monetaire-au-japon/

([3]) LEONARD HIJINO, Ken Victor; “Delinking National and Local Party System: New Parties in Japanese Local Elections”, Journal of East Asian Studies, Nº 13, Number 1, Xaneiro-Abril de 2013, pp. 107-135.

([4]) SCHNEIER, Ethan; “Japan Under the PDJ: The Paradox of Political Change Without Political Change”, Journal of East Asian Studies, Volume 12, Nº 3, Setembro-Decembro de 2012, pp. 311-322.

([5]) GINÉ DAVÍ, Jaume, “Japón también apuesta por África”, IGADI, 9 de xuño de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/japon-tambien-apuesta-por-africa

([6]) “Japón lanza estrategia de ‘diplomacia económica´ en América Latina”, Dinero (Colombia) 26 de abril de 2013. Ver en: http://www.dinero.com/actualidad/noticias/articulo/japon-lanza-estrategia-diplomacia-economica-america-latina/174403

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº114386.75 KB

IgadiPaper nº115

Albania: xiro coa vista na UE

a) Introdución

 A contundente vitoria de Edi Rama, candidato da coalición Alianza para unha Albania Europea liderada polo Partido Socialista (PS), nas eleccións lexislativas albanesas celebradas o pasado 23 de xuño, non só pon fin ao mandato do  actual primeiro ministro conservador Sali Berisha (candidato da Alianza para o Traballo, o Benestar e a Integración, liderada polo Partido Democrático, PD) senón que traza unha “folla de ruta” basicamente encamiñada a propiciar para Albania o seu estatus de país candidato ao ingreso na Unión Europea (UE).

Rama, un ex inmigrante de 49 anos que anteriormente fora ministro de Cultura e alcalde da capital Tirana durante o período 2000-2011, obtivo o 57% dos votos, polo que o PS obtén un total de 84 dos 140 escanos no Parlamento albanés. Pola súa banda, Berisha (64 anos) e o PD alcanzaron o 39% dos sufraxios, con 56 escanos, constituíndo así a maior derrota para os conservadores desde 1997.

Está por ver se a vitoria de Rama constitúe un necesario bálsamo para que Albania recupere a estabilidade tras anos de tensa polarización e estancamento político, en especial trala polémica reelección de Berisha nas anteriores eleccións parlamentarias de 2009, cuns resultados que non foron aceptados por un Rama que dende entón veuse constituíndo como o seu principal rival político. Do mesmo xeito, estas eleccións de 2013 determinaron un cambio político indubidable: é a primeira vez que Berisha (quen gobernou Albania durante trece anos desde que en 1991 iniciarase a transición post-comunista) acepta a súa derrota electoral, deixando así o poder a resultas dunha votación popular. Anteriormente, en 1997, Berisha fora derrocado por unha revolta tras un notorio escándalo financeiro.

Ademais da recuperación da estabilidade política, os outros temas que gravitaron con forza nestas eleccións e que ben puideron influír na vitoria de Rama centráronse na necesidade de solucionar unha persistente crise económica nun dos países máis pobres de Europa, así como propiciar o combate á corrupción e á criminalidade, factores que igualmente certifican o fracaso da estratexia occidental nos Balcáns impulsada pola OTAN e a UE. A necesidade de concretar un pacto político para alcanzar o estatus de candidato para ingresar na UE, cobrou relevancia no contexto preelectoral albanés tendo en conta que, tras un ano de desacordos políticos, o Parlamento aprobou por unanimidade a finais de maio un paquete de leis trazado dende Bruxelas que permite acelerar as negociacións dunha eventual admisión.

b) A urxencia da estabilidade

Cunha contundente vitoria electoral que lle permitirá gobernar cunha notable  maioría parlamentaria, o próximo primeiro ministro albanés, o socialista Edi Rama, encara un período de goberno 2013-2017 onde a estabilidade política e socioeconómica e as negociacións de eventual admisión na UE, constituirán os seus principais retos e desafíos.

Trala transición post-comunista iniciada en 1991, Albania atravesou tensos períodos de violencia e inestabilidade política, en gran medida fraguados pola herdanza dunha cultura autoritaria e autárquica, con escasa transparencia política e respecto dos procedementos democráticos. Ao mesmo tempo, este panorama de inestabilidade e polarización intensificouse ante a persistencia dunha corrupción establecida en todos os niveis da administración pública e dunha crónica crise económica que lastra a un dos países máis pobres de Europa, cunha renda per cápita quea penas alcanza os US$ 4.000. A emigración constitúe igualmente un factor social constante e latente na Albania post-comunista, con especial incidencia cara países membros da UE como Italia e Grecia.

Trala transición iniciada en 1991, Albania estivo gobernada durante trece anos e en diversos períodos, por Sali Berisha, acusado por numerosos sectores de propiciar este sistema de corrupción e autoritarismo político. Con diversa intensidade, a maioría dos procesos electorais da Albania post-comunista determinaron unha dinámica de violencia postelectoral, acusacións de fraude e de falta de transparencia que motivaron o rexeite na aceptación dos resultados por parte de diversos liderados políticos.

Este nivel de inestabilidade e polarización tivo un momento chave trala polémica reelección de Berisha nos anteriores comicios lexislativos de 2009. Aqueles resultados non foron recoñecidos por Rama e o PS. Posteriormente, os comicios municipais de 2011 intensificaron aínda máis unha polarización política entre o PS e o PD que, en determinados contextos, incluso adquiriu matices de eventual retorno da violencia. Dende entón, o país balcánico vive unha tensa confrontación política que dificultou a aprobación parlamentaria de diversas leis, en especial aquelas relativas aos termos de negociación con Bruxelas sobre a candidatura para un eventual ingreso na UE.

Non obstante, Rama igualmente arrastra diversas acusacións de favoritismo político e de corrupción durante a súa xestión como alcalde da capital Tirana entre 2000 e 2011. Se ben logrou transformar a paisaxe urbanística da capital albanesa, en aras de deixar atrás o legado comunista, diversos sectores acusárono de propiciar subornos de ata o 20% na adxudicación de obras a determinados construtores, demandas que terminaron sendo efectivas de cara a obstaculizar a posibilidade dun cuarto mandato de Rama como alcalde nas eleccións municipais de 2011.

c) Obxectivo estrela: o ingreso na UE

Así e todo, o panorama político 2013 é levemente diferente. Como observador electoral, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) garantiu a transparencia dos comicios lexislativos do pasado 23 de xuño toda vez que a aceptación da súa derrota por parte de Berisha, aínda que dous días despois da votación, fortaleceron un ambiente de normalidade.

Rama e o PS deberán agora afrontar importantes desafíos aínda que baixo un clima político menos tenso, reforzado por unha maioría parlamentaria que pode afianzarse no caso de pactar con Ilir Meta, líder do Movemento Socialista pola Integración (LSI), facción xurdida do PS no 2004 e que ata hai pouco formou parte da coalición gobernante co PD de Berisha desde 2009.

Pero o tema estratéxico para o próximo goberno de Rama será consolidar o estatus de candidato á  admisión na UE. A finais de maio, o Parlamento albanés aprobou tres leis impulsadas dende Bruxelas relativas ao funcionamento da administración pública, o Tribunal Supremo e o regulamento do Parlamento, que son vistas por Albania e a UE como necesarias para alcanzar o estatus de candidato á admisión. Durante a súa campaña electoral, o ata agora primeiro ministro Berisha tentou “vender” esta aprobación como un logro do seu goberno cara a UE, aspecto que finalmente terminou mais ben favorecendo as aspiracións do seu rival Rama.

d) O fracaso da estratexia occidental

Pero diversos claroscuros se cernen sobre a transición post-comunista no país balcánico e, especialmente, pola escasa eficacia da estratexia fomentada durante anos por Europa e EUA, ata o punto de que Albania tense identificado como unha especie de “Estado fracasado” e, incluso, de “narco-Estado”, a tenor da proliferación de redes de narcotráfico, un caso similar á da veciña Cosova.

Membro da OTAN desde 2009, ano no que igualmente solicitou o seu ingreso na UE, Albania ven estando na órbita de atención occidental desde o inicio da transición post-comunista. Non obstante, o país balcánico adoece de problemas crónicos que evidencian as deficiencias desta marcada orientación pro-occidental, fomentada principalmente polo propio Berisha durante os seus períodos de goberno. Precisamente, no recente contexto electoral, Berisha afianzou a súa campaña en potenciar os “logros” obtidos polo seu goberno, traducidos no ingreso albanés na OTAN e na súa solicitude de negociacións de admisión na UE.

Á inestabilidade política se lle engade unha precariedade económica e un agudo drama social. Cunha débeda pública calculada en US$ 8,4 millóns, correspondendo a un 61% do PIB, oficialmente, a taxa de desocupación laboral en Albania alcanza o 13% da poboación economicamente activa, pero diversas fontes afirman que existe unha economía ilegal que alcanza o 30-40% da poboación.

Un deficiente aparato industrial e de infraestruturas, a persistencia da economía rural e a excesiva dependencia das remesas da diáspora albanesa, calculada  aproximadamente nun millón de persoas (un terzo da poboación albanesa), amosan un cadro de profundas contrariedades.  Paralelamente, a proliferación da criminalidade en mans de mafias de narcotráfico, prostitución e tráfico de persoas fan de Albania un país de tránsito destas redes criminais dende Asia Central e Turquía ata Europa Occidental.

Estes problemas evidencian as carencias e o fracaso da estratexia occidental nesta rexión balcánica, con notable presenza de misións de paz e de transición de posguerra tanto da OTAN como da UE e da ONU en territorios veciños de Albania como Bosnia-Hercegovina e Cosova (misións da UNMIK e KFOR). Non se debe esquecer que nesta rexión balcánica e euroasiática pola que transita Albania, o peso da OTAN certifícase ao estar presente en países como Turquía e Grecia (ingresaron en 1952), Romanía, Bulgaria e Eslovenia (2004) e Croacia e a propia Albania (2009), toda vez está en negociación o eventual ingreso de Macedonia.

d.1) O mito da “Gran Albania”

Outro aspecto que evidencia o fracaso occidental ten que ver coa pasividade da OTAN, da UE e da ONU á hora de acometer e, incluso, de frear a recreación dunha especie de “pan-albanismo” fomentado dende diversos colectivos nacionalistas albaneses de cara as comunidades étnicas albanesas en Cosova, Macedonia, Montenegro, Bosnia-Hercegovina, Grecia e Serbia.

Mapa en idioma albanés que recrea as comunidades étnicas albanesas nos Balcáns, comunmente utilizado polos movementos nacionalistas albaneses para fomentar a idea da “Gran Albania”. Fonte:  wikimedia.org > Ethnic_albania.jpg

Este “pan-albanismo” constitúe claramente un grave factor de inestabilidade balcánica, implicando así unha responsabilidade directa para as misións militares da OTAN, da ONU e da UE na rexión. Así, este eventual “pan-albanismo” tivo a súa repercusión no conflito de Cosova (1999), especificamente a través do Exército de Liberación de Cosova (UÇK en albano-cosovar), considerado por EUA e a UE como “grupo terrorista” e cun liderado político e militar que estivo durante anos en mans do actualmente primeiro ministro de Cosova, Hashim Thaci.

Igualmente, a recreación dunha especie de “Gran Albania” pesou na formación do Exército Nacional de Liberación en Macedonia así como do Exército Nacional de Albania, unha facción armada xurdida durante a crise financeira e política albanesa de 1997, que provocou a caída do entón goberno de Berisha, dando paso a un estado de “semi-caos” e guerra civil que posibilitou unha intervención militar aprobada pola ONU e liderada principalmente por Italia.

Se ben a incidencia deste “pan-albanismo” vese actualmente minorada e supeditada aos imperativos de estabilidade política e económica e na consolidación democrática en Albania, a súa influencia segue a constituír un elemento potencialmente conflitivo dentro do volátil mosaico étnico e relixioso balcánico. Pola contra, e a fin de afastar esta imaxe de inestabilidade, o goberno e a diáspora albanesa veñen impulsando nos últimos anos unha serie de investimentos en materia turística, a fin de aproveitar a xeografía costeira adriática e mediterránea albanesa como destino de baixo custe.

IGADI. 28 de xuño de 2013

AnexoTamaño
IgadiPaper nº115408.91 KB

IgadiPaper nº116

Brasil: un difícil plebiscito para Dilma

a) Introdución

Brasil vive un inédito clima de mobilización cidadá, derivada dunha inesperada perspectiva de crise socioeconómica e demandas de reforma política que contrastan coas expectativas emanadas dende o exterior cara un país constantemente sinalado como unha “potencia emerxente”.

A proliferación de diversas protestas con forte represión policial durante as dúas semanas de celebración da Copa FIFA de Confederacións, orixinalmente relacionadas coa alza no prezo dos transportes e as deficiencias dos servizos públicos, condicionan a xestión da presidenta brasileira Dilma Rousseff, cunha abrupta caída de popularidade que complica as súas expectativas de eventual reelección presidencial nos comicios de outubro de 2014, e a estratexia para potenciar unha imaxe benevolente dun país que deberá organizar o Mundial de Fútbol FIFA 2014 e os Xogos Olímpicos (XX.OO) de Río de Janeiro de 2016.

O catalizador destas protestas comezou coas mobilizacións impulsadas polo Movemento Passe Livre (MPL) e da Plataforma pola Reforma do Sistema Político, demandando a gratuidade dos deficientes servizos de transporte, un aspecto sumamente sensible de cara á organización destes eventos deportivos. Paralelamente, as protestas intensificáronse ante o oneroso custe de organización da Copa FIFA Confederacións, do Mundial 2014 e dos XX.OO 2016.

O medre das mobilizacións e protestas implicou a participación dun variado conglomerado de clases sociais cunhas demandas que se orientaron a esixir unha profunda reforma do sistema político brasileiro (con escándalos de corrupción como o mensalăo), da excesiva burocracia e paternalismo político, da preponderancia de lobbies políticos e empresariais nas principais institucións públicas e puxar por minorar as desigualdades socioeconómicas.

A fin de tomar a iniciativa política para aplacar a intensidade destas protestas, Rousseff anunciou a finais de xuño a posibilidade de adiantar unha reforma política de carácter constituínte que permita a eventual celebración dun plebiscito en outubro próximo. Pero as perspectivas de levar adiante esta reforma son sumamente incertas e ata pouco esclarecedoras, tendo en conta a inicial indiferenza cidadá e a preponderancia no Congreso e no Senado dos lobbies políticos, empresariais e rexionais que inflúen poderosamente na política estatal. Por tanto, e no caso dun rexeitamento lexislativo da súa proposta de plebiscito, Dilma recibiría unha dura derrota política que complica as súas aspiracións de reelección en 2014.

b) A “rebelión das clases medias”

A sorpresa e certo nivel de estupor e incredulidade que dentro e fóra de Brasil causaron a proliferación de protestas e mobilizacións populares nun país en ascenso como Brasil, obrigan a sinalar unha serie de contrastes e complexidades dentro dunha sociedade que vive inesperados niveis de transformación e cambio social.

Con diversos matices, este proceso de cambio vense manifestando nas últimas dúas décadas, particularmente coa xestión presidencial de Fernando Henrique Cardoso (1995-2002), con forte énfase macroeconómico, e principalmente pola posterior instauración de políticas progresistas de calado social trala chegada ao poder do Partido dos Traballadores (PT) a partir de 2002, coa xestión do ex presidente Lula da Silva e da súa sucesora e actual mandataria Dilma Rousseff.

O Brasil actual observado dende o exterior cun notable nivel de admiración polos seus sucesivos índices de crecemento económico, atracción de investimentos estranxeiros e notables avances sociais (40 millóns de brasileiros saíron oficialmente da pobreza na última década, conformando unha “nova clase media”)([1]), encara agora un período de complexidades e incertezas políticas e sociais. Todo isto dentro dun marco macroeconómico controlable e de notables expectativas: un desemprego do 4,5%, unha inflación próxima ao 6% e perspectivas de crecemento económico de 2,5% para finais de 2013, os cales permitirían dalgunha forma superar o período de recesión e de baixos índices de crecemento (0,9%) presentados desde 2011.

A vaga de mobilizacións e protestas populares acaecidas entre o 15 e 30 de xuño, simultaneamente coa celebración da Copa FIFA das Confederacións, foi popularizada nos medios como “a rebelión das clases medias”, logrando reunir en diversas cidades brasileiras a aproximadamente 300.000 persoas en cada mobilización.

Orixinalmente mobilizadas pola alza do transporte e o incomodo cidadá ante as deficiencias dos servizos públicos, o catalizador das protestas foi o oneroso custe de organización da Copa FIFA Confederacións 2013, do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016, con investimentos públicos valorados en US$ 31.300 millóns, correspondendo aproximadamente a un 1,26% do PIB brasileiro([2]). Un factor que explica o estupor cidadá ten que ver co estilo “clientelar” e “paternalista” na concesión dos contratos de construción dos estadios e infraestruturas([3]).

Só para a organización desta Copa das Confederacións, o goberno programou unha forte mobilización militar de 23.000 efectivos, con incidencia na represión das protestas cun peso relevante. Paralelamente, e de cara ao Mundial 2014, os onerosos investimentos públicos en materia de infraestruturas de transporte e construción de novos estadios alcanzou os US$ 15.000 millóns([4]), notoriamente superior ao custe de organización de anteriores Mundiais de fútbol.  

Este malestar cidadá explica igualmente unha serie de variables de carácter  xeracional, coa súa consecuente variación de prioridades. Segundo o brasileiro Instituto Datafolha, un 53% dos manifestantes destas mobilizacións teñen menos de 25 anos mentres 7 de cada 10 aseguraron que era a primeira vez que participaban nunha manifestación pública e 8 de cada 10 declararon non militar en partido político algún([5]).

Por tanto, esta radiografía evidencia a dinámica de inserción de cambios sociais e xeracionais operados durante a década de goberno do PT, contrastando claramente co imaxinario público que dende o exterior se ten de Brasil. Segundo Datafolha, na cidade de Săo Paulo, principal centro económico, financeiro e político e lugar onde comezaron as mobilizacións, máis dun 70% dos seus cidadáns seguiron con interese as protestas mentres só un 18% mostrouse interesado pola Copa FIFA de Confederacións.

A nivel estatal, a enquisa de Datafolha asegurou que un 77% dos brasileiros apoiaron as protestas mentres que, a nivel institucional, o Congreso Nacional ostenta un récord de 82% de desaprobación cidadá. Precisamente foi en Săo Paulo onde se suspendeu a medida de alza do transporte público, tal e como anunciou o seu gobernador Geraldo Alckim, do opositor de centrodereita Partido Social e Democrático Brasileiro (PSDB). Outros temas como a inseguridade cidadá xeran igualmente polarización e descontento. A taxa de homicidios en Brasil é dun 27,5% por cada 100.000 habitantes([6]).

Velaí a razón da popularidade e aceptación social do Movemento do Passe Livre (MPL), o actor fundamental das recentes mobilizacións en Brasil. Ante o descrédito da clase política e de boa parte das institucións públicas, o MPL preséntase como unha organización claramente horizontal e plural, afastada do estilo xerárquico e burocrático dos grandes partidos políticos, cun carácter independente, autónomo e de busca de consensos sen ataduras e “partidistas” aínda que non apolítico([7]). Tras crearse en Salvador de Baía en 2003, o MPL alcanzou a súa plenitude grazas ao Foro Social Mundial de Porto Alegre de 2005, factor que lle confire unha clara lexitimidade dentro dos movementos sociais e progresistas.

c) O PT ante as incertezas da reforma

Sorprendido pola intensidade das protestas, moitas delas acaecidas nas aforas dos estadios onde se xogaba a Copa FIFA de Confederacións, o goberno de Dilma tentou tomar a iniciativa reuníndose cos principais dirixentes do MPL e da recentemente creada Plataforma pola Reforma do Sistema Político, así como con alcaldes, gobernadores e líderes de partidos políticos, entre os que destacou a presenza do socialista Eduardo Campos, eventual rival electoral de Dilma para os comicios presidenciais de 2014.

A partir destas reunións, Dilma anunciou, dun xeito igualmente sorprendente, a posibilidade de iniciar un proceso de reforma constitucional do sistema político brasileiro, a través dunha consulta de carácter constituínte en outubro de 2013.

O anuncio de reformas constitucionais por parte de Dilma ben pode ser explicado por dúas variables: a súa caída de popularidade desde que comezaron as protestas (ata 27 puntos porcentuais dende que comezou a crise, o seu índice mais baixo desde 2011); e as súas pretensións de reelección presidencial de cara aos comicios de outubro de 2014, onde a incidencia destas mobilizacións e o pulso político dentro do Congreso para aprobar estas reformas, poden pasar factura electoral a Dilma.

Sen especificar claramente o seu contido, a proposta pode igualmente ilustrar un carácter simplemente “cosmético” orientado a calmar as protestas sociais. Pero existen diversos desafíos para levala adiante, tendo en conta, entre outros, que o gobernante PT debe recoller un mínimo de 1,5 millóns de asinamentos para solicitar ante o Congreso esta convocatoria de referendo.

A caída de popularidade de Dilma así como as cada vez mais intensas protestas no sector médico ante a contratación de profesionais estranxeiros (entre eles facultativos cubanos) son igualmente aspectos que o PT debe ter en conta. De feito, a oposición de centrodereita do PSDB liderada por Aecio Neves, outro eventual rival electoral de Dilma, anunciou que esta contratación de médicos cubanos supón unha medida que atenta “contra a soberanía nacional”, cualificándoa como medida de aparente “intromisión política e ideolóxica” similar á existente en países veciños como Venezuela e Bolivia.

A intensidade das protestas levou ao goberno a adoptar determinadas medidas de carácter excepcional, cualificadas dende a oposición como “populistas”. Estas refírense ao eventual abaratamento e incluso a gratuidade dalgunhas entradas para o Mundial 2014 para os sectores mais desfavorecidos. Paralelamente, a petición de Dilma de convocar a un plebiscito non goza dun apoio político considerable por parte doutros partidos políticos, que toman boa nota dunha marcada indiferenza cidadá. O ex presidente Cardoso considerou este plebiscito como “unha modalidade de réximes autoritarios” mentres que José Serra, candidato electoral do PSDB en 2002 e 2006, cualificouno de “absurda”.

Esta perspectiva ben podería obrigar a Dilma a utilizar con carácter de urxencia unha carta política e electoral estratéxica, que ten que ver co presumible protagonismo que poda adquirir o ex presidente Lula da Silva en apoio do plebiscito. Lula, quen segue a conservar impresionantes niveis de popularidade que chegaron a alcanzar o 80%, xa se pronunciou publicamente a favor desta consulta.

d) O escollo parlamentario

Pero está por ver se catalizar a popularidade de Lula a favor do plebiscito pode acabar sendo prexudicial e contraproducente para as aspiracións de reelección presidencial de Dilma.

O pasado 2 de xullo, Dilma enviou esta proposta de plebiscito ao Congreso, enmarcada nunha inédita crise política, a peor desde que chegou á presidencia en xaneiro de 2011, que ameaza seriamente con provocarlle unha notable derrota política con claras implicacións electorais no 2014. Desde a opinión pública brasileira se considera que o goberno de Dilma aborda todo tipo de contradicións nas súas declaracións sobre a necesidade do plebiscito, sensación que afirma un clima de debilidade e de certo pesimismo para levar adiante esta proposta([8]).

Pero existen outros obstáculos de carácter institucional que Dilma deberá afrontar para poder levar a cabo a súa proposta. O principal ten que ver co apoio do Congreso Nacional, o único facultado para convocar o plebiscito, onde o PT conserva a maioría pero verase na obriga de negociar pactos políticos con outras formacións, especialmente o centrista Partido do Movemento Democrático de Brasil (PMDB), con quen mantén actualmente unha coalición parlamentaria.

Non obstante, especúlase cunha división interna no PMDB a propósito de apoiar ou non a proposta de Dilma e do PT, especialmente en materia de financiamento público dos partidos políticos, prerrogativa apoiada polo PT pero non polo PMDB([9]). Noutro senso, algúns puntos estratéxicos de discusión que poden provocar friccións e tensións políticas parlamentarias teñen que ver coa elección popular das listas de candidatos dos partidos políticos, as medidas que limiten as coalicións parlamentarias e a posibilidade de impulsar as Iniciativas Lexislativas Populares como mecanismo de participación política da sociedade civil.

Outro punto clave e que potencialmente podería obstaculizar as reformas está relacionado co financiamento público dos partidos políticos e o castigo á corrupción política (o PT está inmerso no escándalo do mensalăo). Sendo estas demandas chave nas recentes mobilizacións populares, as reformas de Dilma igualmente inclúen outros apartados cara sectores sensibles como a sanidade, educación e o transporte.

Pero o principal test político para Dilma dentro do Congreso terá que ver co fortemente instalado lobby “ruralista”, defensor dos principais terratenentes e dos seus  aliados políticos, algúns de carácter rexional dentro dun Congreso federal con notable incidencia da descentralización política e administrativa. Estes lobbies premerán no Congreso para dinamitar estas reformas, en especial no aspecto relativo ao polémico “voto secreto”, sinalado polos cidadáns como un foco de corrupción e clientelismo político.

Mentres o Congreso comeza a sopesar a discusión destas reformas, outras incógnitas pesan sobre a posición institucional doutros poderes como o Poder Xudicial, o cal xa anunciou que observaba con receo esta convocatoria de reforma constituínte de carácter plebiscitario da Constitución federal vixente desde 1988. Co horizonte do referendo en outubro de 2013, o Poder Xudicial considerou que non existe tempo abondo para poder levar a cabo esta convocatoria.

8 de Xullo de 2013

 


([1]) Raúl Zibechi, “La revuelta de los 20 centavos”, Brecha (Uruguai), Nº 1.439, 21 de xuño de 2013, páxina 32.

([2]) “Brasil muestra su hastío”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 848, 1º de xullo de 2013.

([3]) Ibid.

([4]) Raúl Zibechi, op.cit.

([5]) Ibid.

([6]) Brasil muestra su hastío”, op.cit.

([7]) Ibid.

([8]) “Perdido, governo busca saída para plebiscito e tenta evitar crise no Congresso”, Veja (Brasil), 4 de xullo de 2013. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/brasil/perdido-governo-busca-saida-para-plebiscito-e-tenta-evitar-crise-no-congresso

([9]) Gabriel Castro, Cecilia Ritto e Marcela Mattos. “Os interesses do PT e o lado oculto do plebiscito de Dilma”, Veja (Brasil), 28 de xuño de 2013. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/brasil/os-interesses-do-pt-por-tras-do-plebiscito-de-dilma

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº116398.28 KB

IgadiPaper nº117

Primarias electorais na Arxentina:
un test chave para Cristina K

a) Introdución

O próximo 11 de agosto, mais de 30 millóns de arxentinos están convocados para as eleccións Primarias, Abertas, Simultáneas e Obrigatorias (PASO), establecidas desde 2011 como mecanismo de participación electoral dentro da reforma política iniciada nos últimos anos na Arxentina. Por tanto, o PASO ten como finalidade diminuír ou ben impedir a tradicional atomización do escenario electoral arxentino, definido pola dispersión e multiplicación de candidaturas de diverso signo político e ideolóxico.

A importancia destas primarias estriba na elección de 127 candidaturas que deberán competir nas eleccións lexislativas do próximo 27 de outubro, onde se elixirá a metade da Cámara Baixa arxentina (composta dun total de 257 membros), así como 24 candidaturas para o Senado (72 membros en total), que será renovado nun terzo nas eleccións de outubro. Tendo en conta o seu acrónimo PASO, a reforma política estipula que deben realizarse eleccións primarias, abertas para todo o censo electoral, de forma simultánea por parte de todos os partidos e forzas políticas e de carácter obrigatorio, debido a que na Arxentina o voto non é facultativo.

Estas primarias implican un test electoral preliminar sumamente estratéxico para a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o seu movemento, a Fronte para a Vitoria (FpV), plataforma de forzas políticas afiliadas ao “kirchnerismo”. Se ben a FpV xa ten a maioría dos seus candidatos designados, estas primarias servirán para calibrar o peso destas candidaturas de cara aos comicios lexislativos de outubro próximo. É de salientar que desde 2011, o “kirchnerismo” lidera tanto o Congreso como o Senado pero que no contexto 2013 manifesta división de candidaturas. Por parte da oposición, identifícase como principal variable a fragmentación das súas candidaturas e alianzas políticas, aínda que imponse as candidaturas da Proposta Republicana (PRO) de Mauricio Macri e a coalición UNEN liderada por Elisa Carrió.

No relativo ás perspectivas electorais, o “kirchnerismo” deberá competir en desvantaxe na intención de voto nas estratéxicas provincias de Bos Aires (que ocupa o 37% do censo electoral), Santa Fe, Tucumán ou Córdoba, imprescindibles para asegurarse un resultado óptimo tanto nas lexislativas de outubro como eventualmente nas presidenciais previstas para 2015. Precisamente, a carreira electoral presidencial 2015 ten dalgún xeito o seu punto de partida nestas primarias, xa que a presidenta Cristina K observará con atención a evolución electoral para eventualmente tentar abrir un proceso de reforma constitucional que lle permita concorrer a unha nova candidatura presidencial en 2015.

b) Polarización en Bos Aires

Arxentina iniciará o próximo 11 de agosto unha carreira electoral co horizonte fixado nos comicios presidenciais de 2015. Neste sentido, este test electoral das Primarias, Abertas, Simultáneas e Obrigatorias (PASO) implicará calibrar as diversas candidaturas políticas para os comicios lexislativos do próximo 27 de outubro, os cales definirán un novo mapa político na Arxentina con directa influencia nas expectativas e pretensións presidenciais para os comicios de 2015.

Establecido a partir de 2011 a razón dunha reforma política, a PASO supón un deseño electoral centrado na posibilidade de que cada forza política defina a súa fronte interna. Esta ten un carácter de obrigatoriedade á hora de presentar candidaturas en razón da normativa electoral, teñan ou non primarias os respectivos partidos e forzas políticas, e supón un proceso aberto de selección tanto para militantes como para independentes que desexen elixir candidaturas. Neste sentido, a gobernante Fronte para a Vitoria (FpV) da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner, non presentará candidaturas primarias por ter xa designadas as súas candidaturas. Pola súa banda, a plataforma opositora UNEN, conformada por sete partidos e movementos de centroesquerda, si presentará candidaturas primarias o próximo 11 de agosto.

Por tanto, estes comicios elixirán as candidaturas para deputados da Cámara Baixa de cara aos comicios lexislativos do próximo 27 de outubro. En total serán 127 candidaturas no Congreso, que deberá renovar a súa metade en outubro próximo. Paralelamente, oito distritos electorais, sendo estes Tierra del Fuego, Entre Ríos, Salta, Neuquén, Chaco, Santiago del Estero, Río Negro e a Cidade Autónoma de Bos Aires, elixirán 24 senadores, correspondendo a un terzo dos senadores que deberán ser renovados en outubro próximo.

Con todo, o test electoral mais decisivo será a provincia de Bos Aires, que corresponde aproximadamente ao 37% do censo electoral a nivel nacional, e que elixirá tanto deputados como senadores. Aquí, o “kirchnerismo” da FpV ten unha contenda complicada, debido a que marcha por detrás doutras opcións, sexan opositoras ou incluso disidentes do “kirchnerismo” coloquialmente denominados “post-kirchneristas”.

Na provincia de Bos Aires, as enquisas están lideradas por Sergio Massa, ex xefe de Gabinete de Cristina K entre 2008 e 2009, quen se postula pola Fronte Renovador. Massa é observado dende a FpV como un disidente “de dereitas”. Pola súa banda, a FpV postula a Martín Insaurralde, con menos expectativas ao estar cinco puntos por debaixo de Massa. Outras candidaturas na provincia de Bos Aires son as do empresario peronista “antikirchnerista” Francisco de Narváez e o sindicalista Hugo Moyano, apoiado pola centrodereita Unión Cívica Radical (UCR) e movementos progresistas.

Pola súa banda, no distrito de Bos Aires a puxa electoral é máis atomizada. O favoritismo apunta á centrodereita Proposta Republicana (PRO) do actual alcalde Mauricio Macri, quen espera potenciar nestas primarias e nas próximas lexislativas (a través de hipotéticas maiorías tanto no Congreso como no Senado) as súas eventuais opcións presidenciais para 2015. En segundo lugar marcha a coalición UNEN, liderada pola ex candidata presidencial Elisa Carrió e conformada por partidarios da UCR, progresistas, a Coalición Cívica e o Proxecto Sur. Así e todo, UNEN, que ven manifestando fortes discrepancias nas últimas semanas entre Carrió e outros líderes políticos, deberá definir candidaturas nestas primarias de cara aos comicios lexislativos, debaténdose en torno ao cineasta de esquerdas Pino Solanas, o radical Rodolfo Terragno e o ex executivo da consultora JP Morgan, Alfonso Prat-Garay.

Paralelo a Bos Aires, outras prazas estratexicamente electorais son as provincias de Córdoba, Santa Fe, Mendoza e Tucumán. En Córdoba lidera as enquisas o peronismo antikirchnerista nas mans do actual gobernador José Manuel de la Sota, seguido dos candidatos da UCR, da FpV e da PRO. En Santa Fe, o gobernador socialista Hermes Binner, en alianza coa UCR, ten as expectativas ao seu favor por riba do “kirchnerismo” e da PRO. Pola súa banda, en Mendoza si lidera o “kirchnerismo” da man do ex vicepresidente Julio Cobos mentres en Tucumán, tanto a FpV como a PRO irán a primarias, cunha lixeira vantaxe para os segundos.

c) Un PASO cara 2015

Sen menoscabar a importancia destas primarias e tendo en conta o panorama electoral e político actualmente existente na Arxentina, este proceso non diminúe o elevado grao de atomización e polarización política. Por tanto, é igualmente notable o tradicional traspase de votos e incluso de alianzas políticas entre as primarias e as próximas lexislativas. Así, o efecto destas primarias se centra claramente no terreo das expectativas electorais de cara a futuros comicios.

Baixo este prisma, as cartas electorais que batallarán con maior forza serán as da presidenta Cristina K, en especial á hora de consolidarse como abandeirada do “kirchnerismo”. Non obstante, algúns detractores acúsana de imprimir un estilo personalista “cristinista”, con claras expectativas en renovar a maioría da FpV no Congreso e no Senado para eventualmente poder iniciar un debate lexislativo sobre unha reforma constitucional que lle permita postularse como candidata presidencial en 2015.

Para estas primarias, as expectativas do “kirchnerismo” se resumen en alcanzar un mínimo do 30% dos votos. Non obstante, as disidencias dentro do “kirchnerismo”, en especial no caso de Sergio Massa e da súa Fronte Renovadora, advirten sobre a preponderancia do grupo “La Cámpora” á hora de elixir candidaturas e políticos de confianza para a FpV. “La Cámpora” foi creado en 2003 e identificado como a escola de militantes do “kirchnerismo” actualmente dirixido polo fillo de Cristina K, Máximo Kirchner. Especúlase que ante as dificultades de Cristina K para consolidar a hexemonía da FpV de cara aos próximos comicios lexislativos e, principalmente, a imposibilidade constitucional para postularse nas presidenciais de 2015, estaría eventualmente abrindo unha etapa “post-kirchnerista”, onde Massa semella ter un papel relevante.

Se ben o panorama hexemónico para o “kirchnerismo” semella complexo e polarizado, non menos expectativas ten outro líder político con varias cartas en xogo nestas primarias: é o caso de Maurico Macri e o seu partido PRO. Afianzando as súas posibilidades en Bos Aires, Macri tentará facer do PRO un partido con maior proxección nacional con fortes expectativas de cara ás lexislativas de outubro próximo e ante a eventualidade de constituírse no principal candidato da oposición ao “kirchnerismo”, con ou sen Cristina K, nos comicios presidenciais de 2015.

Con menos posibilidades electorais pero non menos expectativas políticas cabe facer mención de Elisa Carrió e da incógnita unitaria de UNEN, así como dos candidatos “post-kirchneristas” e “antikirchneristas” identificados en torno a Sergio Massa e Francisco de Narváez, cuns resultados nestas primarias que lles permitirán analizar se eventualmente teñen opcións presidenciais para 2015.

d) Corrupción, inseguridade e economía

Se a polarización política e electoral arxentina xa supón un escollo sumamente complicado para albiscar as expectativas electorais, outros temas mais importantes para a cidadanía, como a economía, o aumento da inseguridade cidadá e as acusacións de corrupción no entorno de Cristina K, poden incorporar efectos electorais e políticos de gran consideración.

Tendo en conta a escasa profundidade dos debates políticos, o evidente esgotamento da popularidade do goberno de Cristina K e a complexidade de candidaturas das primarias, o electorado arxentino amosa unha posición distante e ata confusa sobre este proceso electoral. Un aspecto chave ten que ver coa persistencia nas denuncias de presunta corrupción e de enriquecemento ilícito no entorno “dos Kirchner”, realizadas nos últimos meses polo xornalista Jorge Lanata.

Paralelamente, a finais de xullo, o xefe do Exército, César Milani, foi imputado xudicialmente por presunto enriquecemento ilícito e incluso por desaparición de persoas durante a denominada Operación Independencia contra o Exército Revolucionario do Pobo (ERP). Milani foi ascendido a xefe do Exército en xuño pasado pola presidenta Cristina K, aínda que falta a súa confirmación por parte do Senado.

No apartado económico existen claroscuros. A mediados de xullo, a presidenta Cristina K decretou unha alza do salario mínimo do 25% (US$ 658) mentres a taxa de desemprego está nun índice controlable (7,9%). Para mediados de 2013, o Instituto Nacional de Estatística e de Censos (INDEC) anunciou un superávit da balanza comercial arxentina dun 26% superior ao 2012, ascendendo a US$ 1.155 millóns. Non obstante,  algúns analistas estiman a posibilidade dunha moderación do crecemento económico para 2013 así como un índice de inflación do 34,6% para finais de ano, segundo un informe do Centro de Investigación de Finanzas da Universidade Torcuato di Tella(1).

IGADI. 1 de agosto de 2013.


(1) “Argentinos esperan inflación del 34,6%”, Infolatam (España), 18 de xullo de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/07/19/argentinos-esperan-inflacion-del-346-por-ciento/

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº117382.11 KB

IgadiPaper nº118

Rusia e EUA agrandan distancias

a) Introdución

A cancelación por parte do presidente estadounidense Barack Obama dunha visita a Moscova prevista para comezos de setembro co fin de reunirse co seu homólogo ruso Vladímir Putin, exemplifica o nivel de contrariedade e tensión actualmente existente entre EUA e Rusia, especialmente trala decisión rusa de outorgarlle asilo temporal a Edward Snowden, o informático fuxitivo da National Security Agency (NSA), a quen Washington acusa de “traizón” e de presunta revelación de segredos de seguridade nacional.

Nunha perspectiva mais ampla, os factores que inflúen nas actuais tensións entre Washington e Moscova dirímense probablemente en aspectos de carácter xeopolítico e estratéxico, non unicamente limitados ao “caso Snowden”. Estes poden resumirse no interminable asunto do escudo antimísiles estadounidense dentro da periferia ex soviética fronteiriza con Rusia; a guerra en Siria; as pretensións de Moscova de fortalecer as súas Forzas Armadas e adoptar unha nova Doutrina de Seguridade Nacional, con especial incidencia en Asia Central e Asia-Pacífico; e a situación da democracia e os dereitos humanos en Rusia, que implica críticas desde Washington e fortes suspicacias de Moscova.

Tras conceder asilo a Snowden, Obama non dubidou en cualificar esta decisión como unha mostra en Moscova “da mentalidade de guerra fría”. Pola súa banda, altos funcionarios rusos como o conselleiro presidencial Yuri Ushakov, declararon publicamente a “decepción” do goberno de Putin pola cancelación da visita de Obama.

Paralelamente, estas tensións entre Washington e Moscova coinciden co quinto aniversario da guerra de Xeorxia que enfrontou militarmente en agosto de 2008 ao goberno ruso de Dmitri Medvéded con Putin como primeiro ministro, co goberno xeorxiano de Mikhail Saakashvili, un estreito aliado xeopolítico de Washington, en especial do entón presidente George W. Bush, con pretensións de ingresar ese país á OTAN. Esta guerra caucásica, acaecida meses antes da primeira vitoria electoral de Obama, repercutiu na posterior independencia de feito das repúblicas secesionistas de Abxasia e Osetia do Sur, provocando unha das peores crises bilaterais ruso-estadounidense da “posguerra fría”.

b) “Caso Snowden”, Siria e Irán

A comezos de agosto, o goberno de Vladímir Putin decidiu outorgarlle asilo político por un ano ao analista informático Edward Snowden, refuxiado desde o pasado mes de xuño no aeroporto moscovita de Sherémetievo. Durante os últimos meses, as tensións diplomáticas entre Washington e Moscova polo “caso Snowden” foron intensificándose, en especial ante a perspectiva de que Rusia outorgara o asilo ou ben permitira a saída de Snowden cara países aliados de Moscova que amosaron unha disposición favorable ao seu asilo, especialmente Venezuela, Ecuador, Bolivia e Nicaragua.

Validado o asilo ruso, o presidente Barack Obama amosou a súa irritación, cancelando unha visita a Moscova prevista para o próximo 3 e 4 de setembro. Previamente a esta reunión, Obama esperaba solucionar “satisfactoriamente” a polémica suscitada por Snowden. Non obstante, Obama e Putin veranse as caras proximamente no Cumio do G-20 a celebrarse a mediados de setembro en San Petersburgo (Rusia). Aínda que Obama anulou a súa reunión con Putin, moitos especialistas estadounidenses creen que ambas partes no desexan que o caso Snowden afecte en demasía ás relacións entre os dous países. O Departamento de Estado declarou o martes 6 que se mantería o encontro chamado "2+2" (conversas entre os ministros de Defensa e de Relacións Exteriores de ambos os dous países) do 9 de agosto. Isto viría a demostrar que Rusia e EUA teñen unha importante axenda común e que Washington necesita cooperar con Rusia en moitos aspectos. Por exemplo, Estados Unidos segue colaborando con Rusia en asuntos como a guerra en Afganistán. Ademais, aínda que discrepan sobre a guerra de Siria, Estados Unidos busca a cooperación de Rusia para facer posible a negociación entre o presidente sirio Bashar al Asad e a oposición. Pero aínda que o goberno de Obama non desexa que o caso Snowden deteriore gravemente as relacións bilaterais, é imposible que EUA non reaccione de algunha forma ante a enorme presión do Congreso. Como o encontro "2+2" e a participación de Obama no cumio do G-20 seguen adiante, Obama non tiña mellor opción que cancelar a súa reunión bilateral con Putin.

Por tanto, o “caso Snowden” só ven a certificar, dentro dunha perspectiva moito mais global, a conxuntura de diferenzas que separan a Washington e Moscova nos últimos anos. Con altibaixos e diverxencias estratéxicas, a última década certificou dúas presidencias paralelas tanto na Casa Branca como no Kremlin, con crises bilaterais incluídas. Por unha banda, o período “neoconservador” de George W. Bush (2001-2009), coas guerras de Afganistán e Iraq na recámara; a polémica doutrina da “guerra internacional contra o terrorismo” e as súas pegadas en materia de seguridade e dereitos humanos; o programa nuclear iraniano; as tensións xeopolíticas na periferia ex soviética (Xeorxia, Ucraína e Kirguizistán); e a sempiterna pretensión de Washington por ampliar tanto a OTAN como o seu escudo antimísiles cara as fronteiras rusas.

Pola contra, o Kremlin acreditou nese mesmo período a consolidación da alianza entre Putin e Dimtri Medvéded, permutando os seus roles na pretensión de asentar unha hexemonía política para o partido gobernante Rusia Unida, así como a configuración dunha nova nomenklatura no poder. Foron así os períodos de Putin como presidente (2000-2008) con Medvéded no cargo de primeiro ministro; o ascenso presidencial de Medvéded (2008-2012) con Putin de primeiro ministro; e o retorno presidencial de Putin en maio de 2012, colocando de novo a Medvéded como primeiro ministro. Salvo unha leve distensión nalgúns momentos da presidencia de Medvéded, a tónica das relacións ruso-estadounidenses foi de marcada contrariedade, especialmente durante a breve guerra de Xeorxia en agosto de 2008.

Pero a conxuntura actual suscita mutuas inquietudes de carácter máis ben estratéxico. Washington podería temer as presuntas revelacións de Snowden en materia de seguridade nacional que poden ser aproveitadas por unha potencia emerxente herdeira da ex URSS como Rusia. Paralelamente, a guerra interna que se vive en Siria desde comezos de 2011, así como a intervención de EUA e dos seus aliados da OTAN en Libia en abril dese ano dentro do contexto da Primavera árabe, e que deron paso á deposición do réxime de Muammar al Gadafi, son factores que igualmente intensifican esa sensación de distanciamento entre Washington e Moscova.

Preservando a súa base militar en Tartus no mediterráneo sirio, Rusia recea da recente aceptación de Obama de apoiar de forma loxística aos rebeldes sirios que loitan contra o réxime de Bashar al Asad, aliado militar e económico estratéxico para Moscova. Paralelamente, Putin está convencido dun apoio tácito aínda que non exactamente oficial por parte de Obama cara países aliados como Arabia Saudita, Catar e Turquía, oficialmente os que maior apoio outorgan á plataforma rebelde do Exército de Liberación de Siria.

 

Syria map

Fonte: “Mapa del conflicto en Siria: quién controla qué”, BBC Mundo, 8 de agosto de 2013. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2013/08/130731_mapa_siria_rg.shtml

Obama amosou en varias declaracións públicas a súa irritación polo decidido apoio ruso ao réxime de Bashar al Asad, en especial ante as denuncias de presuntos crimes de guerra e violacións masivas de dereitos humanos por parte das forzas fieis ao réxime sirio. Así e todo, o apoio ruso ao réxime de Bashar al Asad supón unha medida de persuasión e disuasión por parte de Moscova a fin de evitar calquera intervención exterior guiada por Washington que reproduza o contexto acaecido en Libia entre abril e outubro de 2011.

Este aspecto moi probablemente persuade a Obama a evitar unha implicación moito mais directa no conflito sirio así como a incerteza respecto ao seu resultado final. Mais ben, a súa táctica tentou favorecer de forma improdutiva unha especie de achegamento saudita cara Rusia a fin de eventualmente concederlle a Moscova unha serie de vantaxes económicas e enerxéticas en caso de apoiar aos rebeldes sirios.

Neste contexto, en Rusia semellan convencidos de que Washington tenta aproveitar as crises en Libia (2011), Siria e especificamente o recente golpe militar en Exipto, para alterar ao seu favor os cambios políticos que se producen en Oriente Próximo e no Magreb, salvagardando ao mesmo tempo ao seu aliado israelí. Nese sentido, en Moscova interpretan que a posibilidade dunha “balcanización” de Siria así como a eventual creación dun Curdistán independente e un Exipto “domesticado”, serían baluartes de interese xeopolítico para Washington e Tel Aviv, condicionando así unha especie de “cordón sanitario” en torno a Irán e o seu programa nuclear, escenario que igualmente alteraría o mapa xeopolítico rexional e, por tanto, os intereses rusos.

Esta perspectiva se amplía no contexto do pulso occidental co programa nuclear iraniano, e do apoio ruso ó mesmo, moito mais frontal neste segundo período presidencial de Putin. Moscova sempre apoiou a ampliación das negociacións entre a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) e Irán, co aval do G5+1, conformado por EUA, Rusia, Gran Bretaña, Francia, China mais Alemaña. Por tanto, Rusia tenta equilibrar os seus intereses en Oriente Próximo a través de Siria e Irán, ante calquera arremetida de Washington e dos seus aliados á hora de configurar unha nova xeopolítica rexional.

c) A “puxa” pola democracia en Rusia

Por último, un factor adicional que intensifica este distanciamento entre EUA e Rusia ten que ver coas crecentes acusacións por parte de ONGs rusas e internacionais, sobre o deterioro da democracia en Rusia, en especial ante o presunto autoritarismo de Putin.

O retorno presidencial de Putin en maio de 2012 veu precedido pola inédita proliferación de manifestacións contestatarias por parte de movementos cívicos en toda Rusia (as maiores do período post-soviético) sobre o deterioro das liberdades políticas e civís e a falta de transparencia institucional e electoral. Se ben a intensidade das mesmas foise esvaecendo co tempo, Washington non dubidou en sinalar a posibilidade de que Putin estea instaurando un réxime autocrático con pretensións hexemónicas para as próximas décadas. Paralelamente, o Kremlin acusa a EUA de financiar a movementos cívicos en Rusia e, incluso, de promover a inestabilidade interna.

A mediados de 2012, Putin asinou unha lei que endurece as infraccións pola participación en actos públicos, unha decisión que foi inmediatamente interpretada en Washington como unha medida punitiva contra os dereitos e liberdades políticas. Neste sentido, e aínda que tacitamente, Washington apoiou unha campaña internacional a favor das activistas do grupo feminino punk Pussy Riot, no cárcere desde marzo de 2012 por cantar de forma provocativa nunha igrexa rusa unha alegoría crítica contra Putin. Tras ser xudicialmente acusadas de “gamberrismo”, Putin cualificou de  “delirantes” as acusacións de Washington sobre o seu presunto autoritarismo e o deterioro da democracia rusa.

Esta puxa pola democracia en Rusia non fai mais que intensificar a irritación diplomática nas relacións bilaterais ruso-estadounidenses. En decembro pasado, o Congreso estadounidense aprobou unha lei que permite reter as visas e conxelar os activos financeiros de funcionarios rusos aparentemente involucrados en violacións de dereitos humanos.

En resposta, Rusia prohibiu a cidadáns estadounidenses a adopción de nenos rusos e vetou aqueles estadounidenses que Moscova considere involucrados en violacións de dereitos humanos. O goberno ruso tamén suspendeu as actividades de ONGs estranxeiras que reciben financiamento de EUA e adoptou unha lei que prohibe a publicidade dos dereitos homosexuais en actos públicos, aspecto que provocou unha inédita declaración en contra por parte de Obama.

d) O punto esencial: a seguridade estratéxica

Non obstante, alén do “caso Snowden”, da guerra civil en Siria, do programa nuclear iraniano ou do estado da democracia en Rusia, o factor que con maior intensidade determina este distanciamento entre EUA e Rusia dirímese mais ben en contextos de carácter estratéxico e xeopolítico de seguridade.

O caso inicialmente mais relevante ten que ver co escudo antimísiles estadounidense e o alargamento da OTAN cara a periferia ex soviética, así como a negociación dun novo acordo START de control de armamentos e a redución de arsenal nuclear, estipulado en 2011.  

Por obvias razóns estratéxicas, Rusia oponse claramente á xa lonxeva pretensión de Washington de instalar un escudo antimísiles nos países da periferia rusa,  especialmente Ucraína, Xeorxia ou Kirguizistán, curiosamente todos eles sacudidos por crises políticas entre 2003 e 2011 evidenciando o pulso polo control xeopolítico entre EUA e Rusia no espazo euroasiático. O escudo antimísiles foi concibido durante a presidencia de Bush en 2001, aparentemente xustificado para repeler calquera eventual ataque de Irán e Corea do Norte contra obxectivos occidentais. Moscova interpreta este escudo como a estratexia central de Washington para conter os intereses rusos na súa periferia euroasiática e, ao mesmo tempo, para promover a expansión da OTAN nestes   territorios.

No caso do “novo START”, en abril pasado Obama instou desde Berlín a unha nova redución de oxivas nucleares. Pero no centro da disputa segue a estar o escudo antimísiles e a nova arquitectura de defensa transatlántica impulsada por Obama dentro da OTAN para Europa. Se ben Obama finalmente cedeu na ampliación deste escudo cara Polonia e República Checa (proxecto concibido polo seu antecesor Bush), adiantou unha nova estratexia de seguridade en Europa coa finalidade de potenciar unha “nova OTAN” inmediatamente vista con receo por Moscova.

En resposta, Rusia informou da instalación dun novo sistema de radares no seu enclave europeo de Kaliningrado, capacitado para facer o seguimento do lanzamento de mísiles([1]). Pero o pulso estratéxico de defensa entre EUA e Rusia non se limita, como moito, ao escenario europeo. Mais ben, a Doutrina de Seguridade Nacional que Putin impulsa de cara ao seu terceiro período presidencial 2012-2016 centra mais ben a súa atención en Asia Central e Asia-Pacífico, o cal implica obviamente un pulso de rivalidades estratéxicas con China, EUA e incluso Xapón.

Mapa que ilustra as zonas de interese dentro da Doutrina de Seguridade Nacional do presidente ruso Vladímir Putin. Nos círculos concéntricos enfócase nas rexións de Asia Central (Uzbekistán, Kazajstán e Turkmenistán) coas que Moscova espera afianzar unha Unión Euroasiática cara 2015. No círculo principal ao centro, a rexión de Siberia e a súa propagación cara Mongolia. Á esquerda obsérvase un cadro de atención no Mar de Xapón e na Península coreana, paso estratéxico cara Asia-Pacífico. Fonte: http://www.ikimap.com/map/rusia-exercicios-militares-siberia

A mediados de xullo pasado, Rusia realizou en Siberia oriental as maiores manobras militares dende o fin da URSS, mobilizando 160.000 tropas e 5.000 tanques([2]). Rusia e China manteñen unha especie de entente estratéxica de cooperación en Asia Central, e forman parte dos BRICS e da OCX, desenvolvendo manobras militares conxuntas de cada vez mais envergadura e con maior frecuencia, a pesar da subsistencia dalgunhas desconfianzas mutuas.

O enfoque cara Asia-Pacífico nesta estratexia defensiva de Putin preocupa a Washington, en especial trala adopción da súa política de “Pivot to Asia” que trasladará en poucos anos gran parte dos efectivos militares estadounidenses cara esta rexión onde se decide o rumbo do mundo no século XXI.

IGADI, 12 de agosto de 2013.


([1]) “Los cuatro obstáculos que enfrían la relación entre EEUU y Rusia”, BBC Mundo, 7 de agosto de 2013. Ver en: http://www.bbc.co.uk/mundo/noticias/2013/08/130807_internacional_eeuu_rusia_relaciones_cancelacion_reunion_tsb.shtml

([2]) “Geopolítica asiática. Grandes maniobras rusas”, Informe Semanal de Política Exterior (España), N1 851, 22 de xullo de 2013.

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº118979.43 KB

IgadiPaper nº119

A crise exipcia como válvula estratéxica dun “novo Oriente Medio”

a) Introdución

Os violentos enfrontamentos que vive Exipto desde xullo pasado, tralo golpe militar que depuxo ao presidente islamita Mohammed Morsi; a estratexia de “acoso e derrube” por parte do estamento militar exipcio contra o movemento islamita da Irmandade Musulmá (IM), e a súa implicación a nivel rexional, contando co aval occidental; e a eventualidade dun hipotético conflito de carácter sectario, político e social en Exipto, especialmente trala brutal represión militar contra os islamitas, son factores que reflicten un contexto basicamente ilustrado pola incerteza de escenarios abertos tralos cambios políticos propiciados pola Primavera árabe desde 2011.

Se ben estes cambios corresponderon a unha lexítima rebelión popular contra o poder represivo de diversas autocracias árabes, o contexto actual sinalaría a profusión e preponderancia dos intereses de EUA (e por conseguinte do seu aliado israelí) na intención de trazar un novo mapa estratéxico dende o Magreb ata o Golfo Pérsico, alterando así o equilibrio de forzas existente e deseñado hipoteticamente unha nova xeopolítica rexional. Estratexia xeopolítica cunha esencia que aparentemente identificaría como obxectivos básicos o reforzamento de Israel; a atomización, “balcanización” e debilitamento do mundo árabe; a deslexitimación dos movementos islamitas como axentes de cambio; e un evidente “cordón sanitario” en torno a Irán, por mor do avance do seu programa nuclear.

O silencio e a impasible actitude estadounidense, europea e incluso rusa tralo golpe militar do xeneral exipcio Abdel Fatah al Sissi e do poderoso Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA), así como a brutal represión contra os islamitas, evidenciarían as bases desta estratexia. A eventual “atomización” deste novo mapa xeopolítico rexional implicaría, igualmente, unha orientación deseñada para afastar a penetración de potencias exteriores (China, Rusia) e a consolidación de novas potencias emerxentes rexionais (Turquía, Irán), como posibles alternativas que alteren o equilibrio rexional e de intereses occidentais e israelís.

Non obstante, a hipotética reprodución en Exipto dunha versión homologada das guerras civís de Líbano e Alxeria ou do caos iraquí implicaría igualmente un risco estratéxico de carácter rexional que, a todas luces, non se afastaría dos intereses desta “nova xeopolítica”. Entre estes riscos poderíanse identificar a indefinición da guerra civil siria e as súas implicacións periféricas (Líbano, Turquía, Curdistán, Iraq); a complexa transición libia; a presenza do “yihadismo salafista” (Al Qaeda no Magreb, Al Nour, etc.); e a persistente activación dos intereses occidentais e israelís por reconfigurar un novo espazo de intereses.

b) A xeopolítica do golpe exipcio

Trala brutal represión contra posicións islamitas a mediados de agosto, cun saldo inicial que supera os mil mortos, o xeneral exipcio Abdel Fatah al Sissi declarou ante unha audiencia militar a súa vontade de derrubar a potencialidade dos islamitas e simpatizantes do deposto presidente Mohammed Morsi, actualmente en paradoiro descoñecido. Tras esta declaración, a televisión estatal exipcia anunciou a detención por parte de forzas de seguridade do líder espiritual da Irmandade Musulmá (IM), Mohammed Badie (70 anos), por presunta “incitación ao odio”.

A reacción inmediata ás advertencias de Fatah al Sissi contra os islamitas foi un ataque aparentemente propiciado por forzas radicais islamitas presuntamente ligados á IM e outros movementos presentes na península do Sinaí, fronteiriza co territorio palestino de Gaza, realizado o 19 de agosto contra posicións militares exipcias, cun saldo preliminar de 24 mortos.

A península do Sinaí e o territorio de Gaza constitúen un foco de constante tensión entre movementos islamitas rexionais e as autoridades e o estamento militar exipcio. Trátase dun corredor estratéxico de actuación e intercambio entre a IM e o movemento islamita palestino Hamás, así como de grupos ilegais dedicados ao contrabando, cunha intensidade que pode revelar diversas chaves que descifren o actual conflito exipcio([1]). Con todo, a convulsión actual que vive Exipto parece mais ben revelar os intrínsecos camiños dunha nova xeopolítica rexional, aparentemente impulsada por Washington co aval israelí.

Neste sentido, o final da tensa e débil cohabitación existente desde mediados de 2012 entre Morsi e os militares supón igualmente a consolidación de tres variables de interese para Occidente e, indirectamente, para Israel. A primeira, o reforzamento do estamento militar exipcio, tradicionalmente un aliado dependente da axuda occidental, como actor chave da transición post-Mubarak. Segunda, a deslexitimación do islamismo político (neste caso da IM) como actor dos cambios políticos da Primavera árabe. Este aspecto cobra especial importancia nun país como Exipto, historicamente un líder fundamental do mundo árabe cun peso estratéxico sumamente importante. A terceira variable ten que ver coa necesidade de evitar que un Exipto autónomo e independente cobrara forza neste contexto, o cal derivaría nunha alteración do equilibrio rexional. Esta perspectiva cobrou significación ante os achegamentos de Morsi cara Irán, China e eventualmente Rusia([2]).

Trala defenestración de Morsi e a política de “acoso e derrube” contra os islamitas, Washington e Tel Aviv esperaban consolidar a Fatah al Sissi como a figura chave da inquietante transición exipcia, incluso á espera de fomentar un “retorno á democracia” que outorgara peso a figuras de carácter laico e republicano como Mohammed el Baradei, ex Premio Nóbel da Paz e ex director da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA). Para isto faríase imperativo a “domesticación” e incluso debilitamento das forzas opositoras (en especial da IM) e da lexitimación dun novo proxecto político, neste caso en mans de Fatah al Sissi, con Mohammed el Baradei reproducindo o papel dunha especie de “novo Ahmed Karzai”, como acontecera no Afganistán post-Talibán.

Este novo proxecto político de transición post-Morsi en mans de Fatah al Sissi implicaría, basicamente, constituír unha especie de híbrido entre preceptos republicanos con peso militar e un islamismo moderado, concepción aparentemente ideada polo xeneral exipcio durante a súa estancia en 2006 no Colexio de Guerra do Exército de EUA en Pennsylvania([3]). Neste sentido, Fatah al-Sissi parecera persuadido a reproducir en Exipto un réxime con características similares ao do xeneral Muhammad Zia ul-Haq en Paquistán tralo golpe militar de 1977, significado pola súa pretensión de “islamizar” ao país a través dun sistema de pretorianismo militar.

Debe tomarse en conta que, no proceso de descolonización occidental no mundo árabe trala II Guerra Mundial, o modelo “kemalista” da Turquía republicana, con forte incidencia do pretorianismo militar, constituíu unha referencia chave nas transicións post-coloniais no mundo árabe e musulmán, especialmente en Paquistán (1947) e incluso Exipto, trala caída da monarquía (1952) e a asunción do réxime de Gamal Abdel Nasser. Precisamente, o “kemalismo” constituíu unha referencia básica para reforzar en Exipto o poder do Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA)([4]).

Non obstante, a crise actual entre militares e islamitas en Exipto certifica que Fatah al Sissi e a CSFA non posúen o control absoluto da situación, evidenciándose a forte polarización e a escaseza de canles de diálogo e reconciliación no Exipto actual. Paralelamente, a potencialidade dun conflito de carácter sectario e relixioso implicaría un contexto de “balcanización” en Exipto, con referencias mais ben próximas ás guerras civís de Líbano (1975-1990), Alxeria (1992-2000) e o caos no Iraq post-Saddam desde 2003.

O aparente distanciamento do presidente estadounidense Barack Obama cos militares exipcios trala brutal represión contra os islamitas, así como do propio Mohammed el Baradei, do movemento Tamaroud e da Fronte de Salvación Nacional (FSN), actores políticos rivais da IM pero que igualmente contribuíron á caída de Mubarak, son aspectos que igualmente lle restarían lexitimidade ao golpe contra Morsi a escala nacional e internacional. En todo caso, dificilmente Washington alteraría a súa estratexia afastándose de apoiar ao seu aliado militar exipcio. A súa visión consistiría mais ben en propiciar un Exipto politicamente debilitado, sometido a unha autocracia militar e máis dependente aínda da axuda económica exterior.

c) Cociñando un eixe “sunnita” e “wahabbita”

Avaliando o golpe militar exipcio, EUA e Israel deseñan os trazos dunha estratexia xeopolítica concibida para afianzar un novo equilibrio de poder rexional, contando co tácito apoio das monarquías e das elites do mundo árabe, especialmente das “petromonarquías” do Golfo Pérsico (Arabia Saudita, Catar, Emiratos Árabes Unidos, Bahrein) así como as de Marrocos e Xordania, as cales lograron “resistir” os cambios políticos da Primavera árabe.

De carácter sectario, comunitario e relixioso, confeccionada a partir de factores históricos intrínsecos do mundo árabe e musulmán, esta estratexia reforzaría o peso das elites wahabbitas e sunnitas por riba do tradicionalmente irredentista e reaccionario xiísmo (moi presente en Irán, Iraq, Siria e Exipto), así como das eventuais conexións existentes entre diversos movementos herdeiros do islamismo político (IM, Hamas, Hizbulá, etc) e doutros grupos islamitas reaccionarios contra as elites árabes, Occidente e Israel.

 

Fonte: http://www.ikimap.com/node/318260/fullmap?BBOX=-15.336917,3.644992,68.159177,36.844455&BASE=gmap

As zonas de identificación e de influencia desta “nova xeopolítica” dende o Magreb ata o Golfo Pérsico presuntamente deseñada por EUA e Israel a tenor da crise exipcia. Remarcado en azul estarían identificados os países aliados do eixe “sunnita” e “wahabbita” (Marrocos, Arabia Saudita, Catar, Omán, Bahrein, Emiratos Árabes Unidos); remarcados en morado aparecerían os países proclives de ser “domesticados”, “atomizados” e “debilitados” (Exipto, Tunisia, Alxeria, Libia, Iraq, Siria, Líbano); no fondo verde atópase o país proclive a ser illado e contido (Irán); mentres que na cor gris estaría un actor emerxente a ser “vixiado” (Turquía). Na contorna marrón atoparíanse os presumibles focos de inestabilidade e inseguridade periféricos a Oriente Próximo, principalmente localizados no Sahel, África Subsahariana, Golfo de Adén e Océano Índico (Mauritania, Malí, Níxer, Chad, Sudán, Sudán do Sur, Kenia, Somalia), con forte impacto para a seguridade occidental pola activa presenza de células “yihadistas”, da piratería, contrabando, secesións territoriais e anarquía política e estatal. 

Así e todo, e sen perder de vista que parte esencial desta estratexia consiste en fomentar o completo illamento do radio de actuación e eventual influencia de Irán, esta perspectiva implicaría un proceso de “domesticación” e fragmentación” rexional, propiciando un peso estratéxico para países aliados (Arabia Saudita, Marrocos, etc) que  permita debilitar a outros actores sumidos en conflitos internos (Exipto, Siria) e a outros polos en ascenso como Turquía, visiblemente afectados pola actual crise exipcia e pola guerra civil siria([5])

Este hipotético escenario de “domesticación”, “atomización” e eventual “balcanización” rexional serviría igualmente para afianzar postulados xeopolíticos anteriormente establecidos en torno á concepción dun “Gran Oriente Medio” (Bush, 2004) e do histórico plan do “Gran Israel”, concibido coa perspectiva de consolidar as “fronteiras históricas” de Israel con respecto ao mundo árabe([6]), e que tivera especial repercusión durante o goberno israelí de Ehud Olmert (2006-2009) A eventual consolidación destes plans implicarían, igualmente, asestar un freo cara Irán e Turquía e, principalmente, China e Rusia como actores externos con intereses xeopolíticos en Oriente Próximo.

d) Un péndulo movido por radicais

A eventual “alxerización” de Exipto, traducida nun contexto de debilitamento do peso estratéxico do Cairo, lle restaría capacidade de actuación e de autonomía como actor fundamental da xeopolítica rexional, intensificando así un nivel de dependencia e incluso de prostración cara os intereses occidentais e israelís que, incluso, pode minorar a tradicional capacidade de influencia exipcia en procesos de paz como o palestino-israelí.

Con todo, o espectro da violencia en Exipto igualmente afectaría a países veciños, en especial no territorio de Gaza, afectando a operatividade de Hamas (un aspecto que favorecería aínda mais os intereses israelís); a incerta transición en Libia, país onde pululan células islámicas radicais; e Tunisia, epicentro orixinal da Primavera árabe cunha notable transición democrática que pode verse alterada se o equilibrio de forzas comeza a moverse a favor dos movementos radicais. Non lonxe desta perspectiva están Alxeria e incluso Marrocos, ata agora prudentemente distanciados destas convulsións políticas.

En diversos círculos e redes sociais creou profunda animadversión a decisión adoptada a comezos de agosto (antes da brutal represión militar) por parte do secretario de Estado estadounidense John Kerry, de propoñer a Robert S. Ford, ex embaixador en Siria pero asentado en Turquía, como novo embaixador estadounidense no Cairo([7]). A Ford, con experiencia na loita contra a Nicaragua sandinista da década de 1980, se lle implica na creación dos Escuadróns da Morte iraquís, baixo o amparo das empresas privadas de seguridade impulsadas polos entón membros da administración Bush, Dick Cheney e Donald Rumsfeld.  

A brutal represión militar contra os islamitas exipcios pode activar a propensión de grupos islámicos radicais como Al Nour, o cal ata agora viña curiosamente contando con apoio loxístico e financeiro catarí precisamente para debilitar á IM. Non se debe esquecer a presenza de Al Qaeda no Magreb e as advertencias realizadas polo líder de Al Qaeda, o exipcio Zaywan al Zawahiri, chamando á “yihad global” tralo golpe contra Morsi. Precisamente, al Zawahiri contribuíu indirectamente ao proceso de descrédito contra os movementos islamitas, ao considerar que Morsi e a IM non foron capaces de levar a cabo a “yihad” en Exipto. 

Desde comezos da década de 1990, o “yihadismo salafista” posúe unha incidencia cada vez maior dentro do Magreb e comeza a adquirir presenza no estratéxico paso entre o Sinaí e Gaza, intensificando así os elevados riscos para a estabilidade rexional([8]). Calquera que sexa a perspectiva en xogo,  a partir da crise exipcia, unha nova xeopolítica e equilibrio de poderes asoma dende o Magreb ata o Golfo Pérsico, con visible peso e radio de influencia dos intereses de Washington e Tel Aviv.

IGADI, 21 de agosto de 2013.


([1]) A tensión en torno á península de Sinaí e Gaza e os seus efectos xeopolíticos poden consultarse nos seguintes artigos: “La península de Sinaí, tierra de nadie”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 854, 12 de agosto de 2013; e o artigo de Roberto Mansilla Blanco, “La ‘argelización’ de Egipto”, IGADI, 14 de agosto de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/la-argelizacion-de-egipto

([2]) Cabe considerar que, desde a súa chegada ao goberno en xuño de 2012, Morsi adiantou unha política exterior autónoma que provocou tensións constantes co estamento militar, EUA e Israel. En agosto dese ano, Morsi visitou Beijing mentres a IM aumentaba os seus vínculos con Teherán e incluso co gobernante partido islamita turco AKP. Para maior información, consultar o artigo de Nazanín Armanian, “Egipto, geopolítica de una crisis”, Público (España), 19 de agosto de 2013. Ver en: http://blogs.publico.es/puntoyseguido/860/egipto-geopolitica-de-una-crisis/. Igualmente dispoñible no enderezo web: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=172694

([3]) Sobre este híbrido proxecto político de Fatah al Sissi, consultar os artigos de Osama Al Sharif, “El-Sisi´s project for the future of Egypt”, Arab News, 14 de agosto de 2013. Ver en: http://arabnews.com/news/461188; e tamén de Robert Springborg, “Sissi´s Islamist Agenda for Egypt”, Foreign Affairs (EUA), 28 de xullo de 2013.

([4]) “La ‘argelización’ de Egipto”, op.cit.

([5]) Resulta relevante e estratéxico considerar o caso de Turquía, un dos visibles “perdedores” do golpe militar exipcio. A partir da caída de Mubarak a comezos de 2011, o goberno de Recep Tayyip Erdogan iniciou un notable achegamento cara Exipto, con acordos comerciais e militares que, vistos dende a perspectiva xeopolítica, rivalizaban incluso coas implicacións iraniana, saudita e catarí no Exipto post-Mubarak. Esta rivalidade na correlación de forzas ben pode igualmente influír como factor chave que explique o actual conflito exipcio. Neste sentido, os investimentos turcos en Exipto chegaron a alcanzar US$ 2.000 millóns, con 250 empresas turcas con investimentos neste país (“Egipto, geopolítica de una crisis, op.cit), os cales poden verse agora afectados coa convulsión actual. Isto retrotrae unha situación levemente similar cos investimentos de China (principalmente no sector enerxético) na Libia de Gadafi, e que se viron subitamente afectados trala caída do réxime gadafista a partir de 2011. De igual xeito, e a pesar da súa directa implicación a través do apoio loxístico e político aos rebeldes sirios, Turquía vese afectada pola guerra civil siria debido á crise humanitaria de refuxiados sirios nas súas fronteiras e as implicacións xeopolíticas que tería un eventual Curdistán independente traducido na hipotética transformación do contexto rexional na eventual fragmentación de Siria e da veciña Iraq. Un contexto indirectamente propiciado por EUA e Israel dentro desta estratexia xeopolítica post-Primavera árabe.

([6]) É relevante considerar o denominado Plan Oded Yinon, nome dun xornalista e analista israelí que, en 1982, en paralelo á invasión militar israelí do Sur do Líbano, concibiu un plan de seguridade para Israel baseado na disolución e fragmentación territorial de diversos países árabes, entre eles Iraq, Xordania, Líbano, Siria, Líbano e incluso Exipto, a fin de garantir espazos territoriais orientados para salvagardar a integridade estatal e os intereses de seguridade israelís. A esencia do seu plan pode consultarse no enderezo web. http://cosmos.ucc.ie/cs1064/jabowen/IPSC/articles/article0005345.html. Igualmente consultar “Egipto, geopolítica de una crisis”, op.cit.

([7]) Consultar “Robert S. Ford nombrado embajador estadounidense en El Cairo”, Red Voltaire, 6 de agosto de 2013. Ver en: http://www.voltairenet.org/article179743.html. Tendo en conta o caos da transición iraquí, a guerra civil siria e a actual convulsión exipcia, especúlase que a designación de Ford como embaixador no Cairo suporía a estratexia definitiva impulsada por EUA e Israel, iniciada na guerra de Iraq de 2003, e orientada a debilitar e prostrar aos países árabes con maior capacidade militar, sendo estes precisamente Exipto, Iraq e Siria.

([8]) “La ‘algerización’ de Egipto”, op.cit.

 

IgadiPaper nº120

O caso Bo Xilai

a) Introdución

Quedou visto para sentencia o caso Bo Xilai, o dirixente chinés acusado de aceptar subornos, malversación de fondos públicos e abuso de poder. O seu caso está relacionado principalmente con dúas causas adicionais, a da súa esposa, Gu Kailai, e a do seu ex xefe de policía, Wang Lijun. A primeira foi condenada a pena capital con dous anos de suspensión por homicidio e o segundo a quince anos de prisión por abuso de poder e traizón. Wang Lijun, man dereita de Bo Xilai en Chongqing, fixo saltar o affaire ao pedir asilo no consulado de EUA en Chengdu (Sichuan).

A acusación de aceptación de subornos relaciónase con dádivas de varios empresarios de Dalian, onde foi alcalde, por valor duns 21,8 millóns de yuans (3,5 millóns US$), incluíndo unha mansión en Cannes. A acusación de malversación garda relación cun desvío de fondos por valor de 5 millóns de yuans (817.000 US$). A acusación de abuso de poder fundaméntase, sobre todo, na actitude encubridora amosada cando foi informado de que a súa esposa, Gu Kailai, era sospeitosa do asasinato a finais de 2011 do británico Neil Heywood por disputas económicas. Heywood, tamén ligado a unha consultora fundada en 1995 por un antigo membro do servizo de intelixencia británica MI6, era amigo e socio da familia Bo dende os tempos en que exercera como gobernador da provincia de Liaoning.

O xuízo durou máis do esperado. Cunha previsión inicial de dous días de duración, dilatouse ata cinco. Bo rexeitou o recoñecemento previo de culpabilidade aducindo que o fixera forzado pola presión dos instrutores do caso. Non obstante, admitiu a comisión de “erros” por “neglixencia” pero insistiu no xuízo en que non estivo involucrado en ningunha conduta tipificable facendo recaer toda a responsabilidade na súa esposa e noutros. A estratexia de Bo no xuízo consistiu en desmentir calquera hipotético pacto previo, desbaratar os argumentos das acusacións sementando de dúbidas os testemuños e as probas presentadas, dando a entender que o seu procesamento obedecía a razóns de natureza política.

O xuízo contou coa asistencia das partes e diferentes letrados e tamén de 84 cidadáns “representativos da sociedade chinesa”. A prensa estranxeira non tivo posibilidade de acceso á sala de audiencias. A través dun microblog, a propia Sala filtraba a información, complementada co labor dun portavoz do tribunal.

Agárdase que a sentencia se faga pública nos próximos días ou semanas. En calquera caso, antes do inicio do pleno de outono do Comité Central do PCCh. A apertura do xuízo oral o pasado 22 de agosto coincidiu co anuncio do Consello de Estado da creación dunha zona de libre comercio piloto en Xangai, que pretende simbolizar a nova etapa da reforma chinesa.

b) Quen é Bo Xilai?

De 64 anos, Bo Xilai pertence á liñaxe revolucionaria mais excelsa de China. Fillo de Bo Yibo, considerado un dos Inmortais da Revolución chinesa (faleceu en 2007 aos 99 anos de idade), e por iso “príncipe vermello”, recibiu unha formación de corte humanista pouco habitual nun entorno no que primaban as preferencias enxeñeiras. Despois de cursar Historia Mundial na prestixiosa Universidade de Beijing desenvolveu un posgrao en xornalismo internacional na Academia de Ciencias Sociais. Rara avis no corpo dirixente, ata marzo de 2012 cando lle foi suspendida a súa militancia no PCCh, exerceu diversos cargos.

A súa carreira política desenvolveuse en grande medida en Liaoning (1984-2004), primeiro como alcalde de Dalian (a antiga Port Arthur) e despois como gobernador da provincia. Mais recentemente fora nomeado ministro de comercio (2004-2007). Era membro do Buró Político do PCCh e serio candidato a formar parte do seu Comité Permanente, o máximo órgano de poder no país, trala celebración do XVIII Congreso do PCCh en 2012.

Sorprende na súa carreira política o feito de se ter desenvolvido practicamente de maneira exclusiva na zona nordeste do país, cun forte peso do sector público tradicional. En 2007 foi enviado a Chongqing tralo rexeite dun hipotético ascenso a viceministro ideando dende a afastada metrópole, segundo algúns, unha estratexia a modo de trampolín para mellorar posicións no Buró Político, órgano clave do que pasou a formar parte en 2007. Hu Jintao encomendoulle a transformación de Chongqing no pulmón do centro-oeste de China, as provincias e rexións de maior crecemento do país na actualidade. Esta cidade, directamente subordinada ao goberno central, de case 40 millóns de habitantes, debe ser o polo económico de todo ese amplo interior do país e modelo na integración do mundo urbano e rural.

No rexeitamento do seu ascenso a viceministro terían influído as desconfianzas políticas e ideolóxicas como tamén a súa controvertida imaxe no exterior xa que en numerosos países o seu nome figura en causas penais abertas por crimes contra a humanidade instruídas contra dirixentes chineses a instancias do movemento Falun Gong (1).

Os seus longos e infrecuentes vinte anos de periplo burocrático no norte de China, protagonista dun longo proceso de reestruturación das empresas estatais, estiveron marcados pola obsesión de saír do ostracismo e emular a traxectoria do seu pai.. No lado escuro de Bo Xilai converxen as acusacións de populismo, autoritarismo, personalismo, superficialidade e exceso de ambición que atoparían na súa xestión á fronte de Chongqing unha opaca radiografía. Non deixaba de sorprender a moitos o seu pretendido entusiasmo maoísta despois de experimentar dramaticamente  en carne propia os excesos da Revolución Cultural.

c) O modelo Chongqing

Á fronte do PCCh en Chongqing, contando con asesores como o profesor Cui Zhiyuan, Bo Xilai alentou un modelo de desenvolvemento caracterizado por propor unha variante do socialismo de mercado.

Especialmente activo contra as desigualdades, favorecedor da autoxestión e do empoderamento dos colectivos laborais e sociais, da cultura vermella con recuperación dos cánticos e consignas da etapa maoísta, a exploración de medidas de democratización política que excluían de plano a evolución cara un pluralismo de corte occidental, cun estilo directo e gran carisma, Bo Xilai gañouse unha gran popularidade.

As súas accións eran particularmente decididas na solución dos problemas de maior interese para os cidadáns: vivenda, pensións, servizos médicos … experimentando con alternativas capaces de atallar os abusos e as precariedades axustando o modelo de desenvolvemento en función das aspiracións máis sentidas pola cidadanía.

A vía orixinal desenvolvida por Bo Xilai comprendía un reparto máis equitativo da riqueza e dos beneficios do desenvolvemento, propoñendo alternativas singulares á xestión das empresas, o desenvolvemento social ou o reparto das rendas da terra. Isto se traducía en audaces iniciativas nos servizos elementais pero tamén en solucións innovadoras en cuestións sensibles como a creación de bolsas de arrendamentos rurais de terras para beneficiar á poboación campesiña. Todo iso compatibilizado coas estratexias xerais seguidas no país, por exemplo, na captación de investimento estranxeiro, fundamentalmente de orixe taiwanesa, moi asentada no seu municipio.

Por outra banda, na estratexia seguida na loita contra a corrupción, un tema que preocupa enormemente á sociedade chinesa, baixou ata os infernos plantando cara ás poderosas  triadas (non falta quen interprete a súa caída en desgraza como unha vinganza das mafias criminais).

No plano ideolóxico descartou a deriva neoconfuciana (que con arduo empeño ven promovendo nos últimos anos, entre outros, Kang Xiaoguang) e apostou pola recuperación da cultura vermella acordando coas compañías de telefonía móbil da cidade o envío de sms aos cidadáns con citas do Libro Vermello de Mao e promovendo lecturas positivas do pasado maoísta que a outros facían tremer.

Bo, en fin,  demostraba que os mesmos problemas que enfrontaba a dirección central podían ter outras respostas, a veces incluso máis eficaces e contundentes e non necesariamente máis opacas.

A súa habilidade nas relacións cos medios de comunicación quedou de manifesto ante folgas como as protagonizadas por taxistas e mestres que resolveu a pe de mesa negociando cos seus líderes ante as cámaras, o que lle granxeou unha considerable popularidade. A súa imaxe medrou á par que o seu estilo ante a reprobación de quen o acusaban de populismo, hipocrisía, oportunismo, autoritarismo e ambición desmedida nunha cultura política onde o progreso persoal está baseado na discreción e o cultivo atento do clientelismo. A atención prestada polos medios occidentais, en boa medida abraiados por unha superficial aureola que non deixaba afondar no seu discurso, acabou por sinalalo. 

Fronte ao modelo Chongqing, o modelo Guangdong, co referente persoal de Wang Yang, membro do Buró Político saído do XVIII Congreso do PCCh (novembro de 2012), suxire un signo de maior liberalismo no económico e no político, situando como referencia a solución da crise de Wukan (decembro de 2011) (2). Wang Yang foi predecesor de Bo Xilai en Chongqing.

O discurso de Bo parecía calar nunha sociedade moi crítica coas desigualdades e que sentía comprensible morriña do igualitarismo dos tempos previos  á reforma. Por outra banda, o seu azote contra a corrupción quitoulle as cores a todos e o  responsable directo, Wang Lijun, foi sinalado como heroe. Este, non obstante, acabou véndose involucrado na mesma rede que pretendía desenredar. Deste modo, serviu en bandexa a cabeza do seu mentor, a quen acompañaba nas súas responsabilidades desde os tempos en que exercera como xefe do partido en Dalian.

O aval prestado por Bo Xilai ás propostas aplicadas en Chongqing e a grandes trazos moi próximas ao ideario subscrito pola corrente político-académica chamada Nova Esquerda, suxire dúas interpretacións. Para uns, trátase dun apego sincero. Para outros, dunha estratexia para dotarse dun amplo movemento de apoio que lle permita catapultarse ao centro da política chinesa de onde conseguiran expulsalo os seus rivais, comezando polo ex primeiro ministro Wen Jiabao. O seu principal valedor na máxima instancia do PCCh foi o responsable dos aparellos de seguridade, Zhou Yongkang.

O seu discurso reabría un debate que fora pechado a cal e canto en 1981, cando o  PCCh canonizou a súa matizada condena do maoísmo. Ese consenso debía ser preservado a toda costa para garantir a estabilidade do proceso de modernización. Pode haber matices, diferenzas, sensibilidades, pero non cuestionamentos de fondo. Aquel que ouse mirar atrás non poderá seguir adiante. Bo Xilai mirou.

d) O neomaoísmo

En Reformar o noso concepto histórico-cultural, Zhang Musheng especula co pensamento maoísta para dar vida a unha hipotética terceira vía á chinesa que debería explorar o espazo entre o inmobilismo autoritario e o mal remedio dos sistemas políticos occidentais. Con prólogo do xeneral e comisario político do Exército Popular de Liberación Liu Yuan, fillo de Liu Shaoqi, presidente de China de 1959 a 1968 e confinado a morte polo propio Mao, a obra sintetiza gran parte da corrente de pensamento que promove unha Nova Democracia para China, en alusión a un ensaio do Gran Temoneiro que data de 1940. Según Zhang, os erros habidos de 1949 en diante se explican por terse desviado daquel rumbo. 

As experiencias de Bo Xilai en Chongqing abundaban nestes parámetros prestando especial atención á conformación dun modelo integral de socialismo de mercado afastado do denguismo, a proposta que nas tres últimas décadas catapultou a China aos altos niveis de desenvolvemento coñecidos, e crítica tamén coa política moderadora dos desequilibrios auspiciada por Hu Jintao e Wen Jiabao. Limitada localmente, moitos non a tomaron en serio considerándoa un artificio trasnoitado, pero os seus resultados suxerían o atractivo de aportar unha marxe inestimable de manobra en condicións  de crecente dificultade. Ese mesmo extremo levaría a outros a buscar o modo e maneira de poñerlle fin facendo caer ao seu principal símbolo, Bo Xilai.

En Falando da verdade por riba da esquerda ou a dereita, Zhang Musheng desgrana a súa proposta de recuperación do “xusto camiño” sobre a base de superar as diferenzas ideolóxicas entre esquerda e dereita para poñer fin aos abusos de poder, a bipolarización social e completar a modernización do país preservando a súa  soberanía.

Esta corrente reúne o apoio dun significativo grupo de altos funcionarios, na súa maioría fillos de importantes líderes da vella garda. A súa forza (unido ao feito de que o PCCh fai repousar parte da súa lexitimidade na epopea maoísta) pareceu tal que incluso a xerarquía actual vese na obriga de multiplicar as súas mensaxes de corte maoísta (como a campaña da liña de masas que promove Xi Jinping) para non deixar en mans dos seus críticos un recurso de tal magnitude. E quizais a idear intrigas á vella usanza para simplemente librarse de incómodos competidores.

e) O contexto

O caso Bo Xilai ten por tanto unha dobre dimensión. Penal, a substanciar pola vía procesual ordinaria que en China complementa e lexitima as sancións partidarias internas en virtude dun foro especial que marca distancias entre os militantes do PCCh e o resto dos cidadáns. E política, na medida en que tamén está en causa a súa traxectoria e as súas accións a este nivel.

O escándalo estourou no decurso das sesións parlamentarias anuais, en marzo de 2012, cando o entón primeiro ministro Wen Jiabao, a modo de testamento político, alertou sobre os perigos dunha involución e, unha vez mais, coa súa ambigüidade característica, sinalou o carácter inaprazable da reforma política. As invocacións de Wen Jiabao á  Revolución Cultural  viñan a conto do período avance do retromaoísmo e do perigo que supuña para a ruptura do consenso e a temida división do partido. As accións de Bo Xilai asociaranse non soamente a unha nova lectura dalgúns aspectos do maoísmo que producían preocupación na maioría dirixente senón a un proceder que volvía ás vellas tácticas de envolver as masas nas pugnas de poder no cumio.

O consenso que comparte a dirección chinesa basease nunha tripla negativa: non ao inmobilismo, non ao retromaoísmo, non á viraxe democrática. Os dous maiores temores da dirección política son tanto o inmobilismo como o reformismo político porque ambos poden poñer en perigo a pervivencia do liderado do PCCh.

O contexto dos feitos nos remite a unha ardua loita polo poder no cumio do PCCh con vistas ao seu XVIII Congreso (3), previsto para o outono daquel ano. Daquela, pese á defenestración previa do “esquerdista” Bo Xilai, moitos interpretaron que gañaron os conservadores. O que estamos a ver agora é simple continuísmo: reformismo económico e conservadorismo político nun equilibrio que deberá obrigar ao PCCh a elixir entre a continuidade dun camiño propio que lle provea dos resortes imprescindibles para preservar a súa soberanía a todos os niveis  en condicións dunha intensificación extrema das contradicións internas e as presións exteriores, ou dosificar unha progresiva homologación sistémica tal como lle reclama o mundo occidental e como virían a suxerir recentes documentos do Banco Mundial, o FMI e centros de investigación do propio Consello de Estado quen propuxeron unha diagnose e unha folla de ruta ideal para operar unha acomodación que acentuaría as complicidades e amortecería os impactos globais dunha China inevitablemente convertida na superpotencia económica do planeta.

f) Conclusión

¿Salvouse China dun potencial tirano ou malogrouse un valioso líder vítima das rivalidades entre faccións? Se ben non poucos pensan que a defenestración de Bo Xilai significa un triunfo no PCCh do punto de vista máis liberal, a obsesión por construír un modelo propio goza aínda de gran crédito entre a maioría dos dirixentes políticos chineses confrontados á tarefa histórica de lograr esa supremacía non hexemónica que predican co seu “desenvolvemento pacífico”.

Por outra banda, a súa desaparición da escena política non equivale á desaparición das correntes críticas que fundamentan o seu labor non soamente nas conviccións antireformistas senón igualmente nas frustracións sociais derivadas da reforma. Se estas non se resolven, outros líderes poderían verse tentados de percorrer outra vez o mesmo camiño. Para evitalo, agárdase unha sentencia disuasoria.

IGADI, 26 de agosto de 2013


(1) Para unha aproximación a Falun Gong, pódese consultar : http://www.igadi.org/china/falun_gong_inquieta_a_china.htm

(2) Wukan, na provincia de Guangdong. foi protagonista de varias protestas pola expropiación de terras e contra a  corrupción.A morte do líder da rebelión, Xue Jinbo,  dous días despois de ser detido pola policía, desencadeou a expulsión dos líderes do PCCh e o bloqueo da cidade. O conflito finalmente resolveuse a través dunha negociación que permitiu, entre outros, a substitución de boa parte das autoridades locais polos líderes da revolta a través dun proceso electoral.

(3) Sobre o XVIII Congreso do PCCh, http://www.asiared.com/es/notices/2012/09/especial-xviii-congreso-partido-comunista-chino-3209.php

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº120741.63 KB

IgadiPaper nº121

Foros para un novo mapamundi global

a) Introdución

Á marxe do Cumio do G-20 a celebrarse entre o 5 e 6 de setembro en San Petersburgo (Rusia), que abordará diferentes cuestións de orde económica pero coa sombra da crise siria e as inquietudes ante os recentes roces na relación EUA-Rusia (caso Snowden), son salientables os impulsos e movementos paralelos que, dentro do péndulo xeopolítico global, estanse realizando a través doutras experiencias de integración, cunha incidencia limitada a día de hoxe pero que moi probablemente definirá novos sendeiros para a política internacional do século XXI.

Neste sentido, cabe sinalar o encontro de carácter informal entre os países do BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica), a celebrarse paralelamente ao G-20 de San Petersburgo. Outro foco de atención é a xira por Asia Central que realiza o presidente chinés Xi Jinping entre o 3 e 13 de setembro, co telón de fondo do próximo cumio da Organización da Cooperación de Xangai (OCX) a celebrarse en Bishkek (Kirguizistán). Con anterioridade, China celebrou en Nanning, no sur do país, un encontro con líderes dos países da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN, siglas en inglés), coa perspectiva de alentar un novo impulso á súa cooperación estratéxica, pasando por riba das controversias territoriais.

Tanto no encontro informal dos BRICS como no cumio do G-20 (no que tamén haberá unha xuntanza con empresarios e líderes sindicais dentro deste grupo), o anfitrión presidente Vladimir Putin tratará de asentar un maior peso estratéxico para Rusia á hora de definir novas pautas de relación, en particular con respecto a Occidente. Paralelamente, o encontro dos BRICS definirá a necesidade de reforzar o peso deste grupo, ante os recentes informes sobre a ralentización do seu crecemento económico.

Paralelamente, a xira centroasiática de Xi Jinping (quen tamén acudirá a San Petersburgo para participar no cumio do G-20 e no encontro dos BRICS) debe servir para pechar a diplomacia global da nova dirección chinesa con novas e xenerosas ofertas económicas completadas con unha intensificación da cooperación política e estratéxica, especialmente para garantir a estabilidade do seu Oeste. Noutra perspectiva, Pequín tenta afirmar o seu liderado rexional a través da potenciación da OCX e da atracción da ASEAN, vital para contrariar a “volta a Asia-Pacífico” de Washington.

b) Os BRICS “abren” o G-20

Coincidindo coa presidencia rusa iniciada en decembro de 2012, a cidade de San Petersburgo acollerá entre o 5 e 6 de setembro o cumio do G-20, organismo que agrupa aos países máis desenvolvidos integrados no G-8 (Alemaña, Canadá, EUA, Francia, Italia, Xapón, Reino Unido e Rusia) xunto á Unión Europea e outras economías emerxentes e en desenvolvemento, como Arabia Saudita, Arxentina, Australia, Brasil, China, Corea do Sur, India, Indonesia, México, Sudáfrica e Turquía, todos eles igualmente integrantes doutros organismos como o G-5, os BRICS e a OCDE.

Igualmente, ao cumio de San Petersburgo asistirán como convidados países que presiden actualmente diversos organismos rexionais como son os casos de Brunei (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, ASEAN); Etiopía (Unión Africana); Kazajstán (Comunidade de Estados Independentes, CEI); Senegal (Nova Alianza para o Desenvolvemento en África); Singapur (Comité de Finanzas do FMI), así como España. De igual xeito asistirán representantes do Banco Mundial (BM), do Fondo Monetario Internacional (FMI), da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico, (OCDE); da Organización Internacional do Traballo (OIT); da Organización Mundial do Comercio (OMC); así como da ONU.

Como temas principais deste cumio están as reformas no FMI, os paradisos fiscais, a crise e o crecemento da economía global, etc. Indudablemente, a crise siria, o “caso Snowden” e as súas repercusións transatlánticas (en especial nas relacións entre Moscova e Washington), que non forman parte da axenda, serán obxecto de análise nos encontros paralelos.

Dende outra perspectiva, mais de carácter xeopolítico, cabe situar este encontro no marco da progresiva remodelación dos organismos de integración a nivel global, e que moi probablemente definirá aspectos e alternativas de maior incidencia e influencia.

Un primeiro aspecto ten que ver co encontro informal dos BRICS que se celebrará en San Petersburgo paralelo ao cumio do G-20. Este cumio reunirá ao anfitrión, o presidente ruso Vladimir Putin, cos seus homólogos Dilma Roussef (Brasil), Manmohan Singh (India), Jacob Zuma (Sudáfrica) e Xi Jinping (China), os cales igualmente asistirán ao cumio do G-20. O peso deste grupo ven definido polo feito de que un 50% do crecemento económico mundial das últimas dúas décadas procedeu dos países membros dos BRICS.

Alén das temáticas que poden cobrar forza (Siria, crise económica internacional, etc), este encontro servirá para temperar o impulso dos BRICS, sintonizar as axendas e reaccionar de modo coordinado ante a ralentización do seu crecemento económico (con notable incidencia no caso brasileiro), validando a solidez política dos seus mecanismos de integración e capacidade de influencia a nivel internacional.

Así e todo, un informe do Banco Mundial de xuño pasado([1]) aseguraba que os BRICS seguen constituíndose como a “locomotora económica mundial” a pesar da crise. Non obstante, o BM albisca riscos para os BRICS ante os avances de economías emerxentes (principalmente dende o Sueste asiático), como son os casos de Indonesia e Vietnam, sen descartar a Tailandia, Malaisia e Singapur e incluso Turquía.

Outro aspecto de notable importancia será observar en qué medida poderán arbitrar unha posición común dos BRICS para fortalecer o peso das economías emerxentes no seo do G-20. Tras unha década estelar desde a súa formación en 2001, os BRICS encaran a apertura dun período de maior definición dos seus obxectivos e do seu peso global, así como o seu posible alrgamento cara outras economías emerxentes.

c) China impón o seu peso

O presidente chinés Xi Jinping iniciou o pasado 3 de setembro a súa primeira xira por Asia Central, que o levará por Turkmenistán, Kazajistán, Uzbekistán e Kirguizistán, como marco de preparación do XIII Cumio da Organización da Cooperación de Xangai (OCX) a realizarse o próximo 13 de setembro en Bishkek (Kirguizistán). Creada en 2001, a OCX é un organismo conformado por China, Rusia, Kazajstán, Kirguizistán, Tadxikistán e Uzbekistán e ten como membros observadores a Afganistán, India, Irán, Paquistán e Mongolia.

 

Os círculos concéntricos da xeopolítica de China. No círculo en cor vermella atópase o contexto da Organización de Cooperación de Xangai (OCX), con particular incidencia no interese chinés por Asia Central. No círculo de cor azul turquesa ilústrase o interese de Pequín por concretar unha cooperación estratéxica cos países da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), en claro contrapeso co Acordo de Asociación Trans-Pacífico impulsado por Washington. Fonte: http://www.ikimap.com/ikimap/china-1

O peso de China en Asia Central é cada vez maior, desprazando estratexicamente a Rusia e Europa como principal socio comercial e investidor. En 2010, China superou á Unión Europea como principal socio comercial en Asia Central, cun intercambio que en 2011 alcanzaba os US$ 40.000 millóns. Neste sentido, Turkmenistán é un dos principais subministradores de gas natural de China.

Na rexión, a diplomacia chinesa non só apunta a Asia Central. Ademais de India, Paquistán ou Asia oriental, o Sueste asiático é un polo de atracción para Pequín, conformando un área de libre comercio de grande importancia para contrarrestar a influencia de Washington na zona. Neste sentido, e durante a recente inauguración da X Exposición China-ASEAN, o primeiro ministro chinés Li Keqiang instou a unha “actualización” da área de libre comercio entre China e a ASEAN, prometendo unha maior envergadura na colaboración económica, financeira, comercial e de telecomunicacións. Li Keqiang non dubidou en suxerir unha nova etapa nas relacións China-ASEAN, a cal denominou a “era de diamante”, que prolongue a década de excelentes resultados traducidos nos espectaculares incrementos do comercio bilateral e do volume de investimentos mutuos([2]).

O obxectivo para Pequín é que o intercambio comercial entre China e a ASEAN alcance o billón de dólares en 2020. Tamén que esta alianza poda impulsar un maior marco de negociación coa Asociación Económica Integral Rexional (RCEP, siglas en inglés) e o Acordo de Asociación Trans-Pacífico (TPP) de Obama, que ameaza cunha definición de bloques liderados por China e EUA, respectivamente.

d) É posible un eixe sino-ruso?

Resulta esclarecedor que o impulso de China (sen menoscabar os seus socios no BRICS e OCX) por asentar unha reforma estrutural do FMI e do BM, así como a convicción para deseñar unha nova arquitectura financeira (polo momento sen a pretensión de diminuír o peso do dólar estadounidense) e propiciar mecanismos de gobernanza e cooperación internacional de carácter multipolar e multilateral, son aspectos que anuncian a eventual certificación dun novo mapamundi para a xeopolítica e as relacións internacionais do século XXI.

Neste sentido, e á vista das súas prolíficas xiras internacionais, o primeiro semestre de Xi Jinping á fronte do poder en Pequín da a entender a importancia que o Partido Comunista (PCCh) concede á diplomacia e á vertebración dunha nova arquitectura internacional, onde China teña un peso decisivo e específico([3]). Esta perspectiva pode igualmente traducirse nas tentativas da Rusia de Putin por retomar con maior forza os seus postulados xeopolíticos de carácter global, incluso se esta perspectiva implica acentuar unha tensa polarización con Occidente, tal e como actualmente ocorre con EUA (Siria, caso Snowden, escudo antimísiles estadounidense, nova doutrina militar rusa).

A eventual vertebración dun hipotético eixe sino-ruso dentro dos BRICS e da OCX tería certa potencialidade para influir na remodelación da arquitectura internacional e diminuír a corto prazo os espazos de actuación do eixe atlantista liderado por Washington. Coas súas particularidades e incluso diverxencias e admitindo o desigual peso dunha diversidade de factores (históricos, económicos, xeográficos, demográficos, xeopolíticos e militares), ambos países (China e Rusia) semellan constituírse nos polos con maior capacidade de contrapeso cara a hexemonía occidental coa pretensión de afirmar un proceso de reformas do sistema internacional.

No caso de Brasil, a súa incidencia exterior está mais ben centrada na súa potencialidade como actor estratéxico no hemisferio occidental (en particular como contrapeso a EUA en América Latina) e na súa aposta por ampliar a Cooperación Sur-Sur (principalmente cara a África lusófona). Pola súa banda, a India e Sudáfrica deben definir, con maior grao de incerteza, cal será o seu papel específico dentro desta inevitable reconfiguración do poder mundial.

Se as “forzas tectónicas” do poder global e a concreción dun novo mapamundi está paulatinamente desprazando o seu péndulo dende o Occidente “atlantista” cara Asia Oriental, China ocupará o epicentro desta estela de cambios e transformacións, o que obrigará a definir novos paradigmas e formas de actuar para encarar os retos da sociedade internacional, eclipsando os tics dos vellos liderados e hexemonías, substituidos polos  novos equilibrios resultantes do exercicio da multipolaridade e do multilateralismo.

IGADI. 5 de setembro de 2013


([1]) “Global Economic Prospects”, The World Bank, Volume 7, June 2013. Ver en: http://siteresources.worldbank.org/INTPROSPECTS/Resources/334934-1322593305595/8287139-1371060762480/GEP2013b_full_report.pdf

([2]) “China y ASEAN pueden vivir `década de diamante’, dice Li Keqiang”, Agencia de Noticias Xinhua en español (China), 3 de setembro de 2013. Ver en: http://spanish.xinhuanet.com/china/2013-09/03/c_132687835.htm

([3]) RÍOS, Xulio, “El nuevo mapamundi de la diplomacia china”, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), 28 de agosto de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/el-nuevo-mapamundi-de-la-diplomacia-china

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº121794.65 KB

IgadiPaper nº122

Europa trala reelección de Merkel

a) Introdución

A contundente vitoria da chanceler Merkel nas eleccións lexislativas alemás celebradas o 22 de setembro, rozando unha histórica maioría absoluta, confirmou a hexemonía política do partido demócrata cristiá CDU e as elevadas expectativas das súas políticas cara unha Europa sumida na crise e na recesión. A falta de definir os seus socios gobernamentais, os próximos catro anos de Merkel na chancelería alemá definirán con case total probabilidade, o curso político e económico dunha Europa politicamente desconcertada e notoriamente dependente do centro de decisión de Berlín.

Cunha vitoria practicamente anticipada, Merkel veu lexitimada a súa política cunha maioría CDU/CSU  do 41,5% dos votos escrutados, superando incluso en oito puntos porcentuais os resultados alcanzados nas anteriores eleccións de 2009. Por tanto, quedou a só cinco escanos dos 311 que lle darían a maioría absoluta nun Bundestag (Parlamento) de 630 escanos. Pola súa banda, o seu principal rival, o socialdemócrata SPD, alcanzou o 25,7% dos votos, subindo a penas tres puntos porcentuais con respecto aos comicios de 2009.

O éxito electoral de Merkel contrasta coa abrupta caída dos liberais do FPD, ata agora o seu socio de goberno que quedou fóra do Bundestag ao non superar o limiar do 5% que require toda formación política para acceder ao Parlamento federal. Caso similar ao de Alternativa para Alemaña (AFD), un partido euroescéptico que se presentaba por vez primeira e que estivo a punto estivo de entrar no Parlamento, incluso superando en votos ao FPD. O Bundestag resta conformado cos partido A Esquerda (Die Linke) e Os Verdes, ambos superando o 8% dos votos, confirmando a primeira a ambicionada terceira posición do escenario político alemán. Outras formacións políticas minoritarias sumaron o restante 11% dos votos.

Non cabe esperar un cambio de modelo económico para Europa impulsado por Merkel dende Berlín. As políticas de austeridade seguirán definindo un modelo cuns riscos que se centran na intensificación dunha crise social cada vez mais latente. Mentres Merkel condiciona os equilibrios políticos na UE, non sería descartable a conformación dunha “fronte alternativa” fortemente contrarias ás súas políticas, e que prema pola preservación do estado social do benestar, se ben cunha influencia limitada.

b) Cambios no mapa político alemá

Sen socio de goberno claro tras estas eleccións, Merkel debe barallar diversas opcións para ofrecer un gabinete de consensos ata o 2017, cando remate o actual período gobernamental. O primeiro contacto dirixiuse ao SPD, a segunda forza parlamentaria, coa eventualidade de reproducir a “Gran Coalición” que xa gobernara con Merkel no período 2005-2009. Non obstante, as xestións non serán fáciles para Merkel debido a que o candidato do SPD, Peer Steinbrück, declarou tralos resultados que non aceptaría gobernar en coalición coa actual chanceler.

É de salientar que o panorama político 2013 é diametralmente distinto ao de 2005, cando Merkel debeu formalizar unha coalición cos socialdemócratas para gobernar con garantías. A sensación de inestabilidade gobernamental acaecida no 2005 non se reproduce neste escenario de 2013 onde Merkel exhibe unha hexemonía indiscutible e aparentemente non necesita con urxencia da conformación dunha Gran Coalición. Paralelamente, tampouco o SPD semella estritamente convencido de aliarse a Merkel nun Bundestag visiblemente menos polarizado. 

Tampouco está clara a situación con respecto ás outras forzas parlamentarias, A Esquerda (Die Linke) e Os Verdes, ambas formacións con liderados visiblemente renovados pero con perspectivas distintas a propósito das políticas de Merkel. Neste sentido, a decisión de Merkel de pechar as centrais nucleares alemás parece constituír unha concesión política aos Verdes con miras a achegar posicións. De feito, o partido ecoloxista, que con anterioridade incluso chegou ata a aprobar no Bundestag as políticas europeas de Merkel, anunciou tras estas eleccións que estaría disposto a negociar coa chanceler alemá a súa eventual entrada na coalición gobernamental. Naturalmente, cabe agardar de Die Linke, que superou aos Verdes, unha oposición frontal.

O baile de contactos para eventualmente conformar alianzas afronta un mapa político inédito en Alemaña. En principio, Merkel ansía unha Gran Coalición para garantir un maior consenso e amosar cara o exterior unha fortaleza gobernamental decisiva para impulsar a súa visión cara Europa. Pola súa banda, reproducir alianzas con partidos minoritarios como Os Verdes podería non ser doado ante o risco asumido polo FPD durante o período 2009-2013 e as funestas consecuencias do seu compromiso.

Merkel ansía garantir unha maioría case absoluta a través de consensos e alianzas que non lle obstaculice notoriamente levar a cabo as súas políticas, sen depender de socios fortes nin excesivamente débiles.

c) O espello europeo

Impulsando un estilo pragmático e firme, Merkel trazou un programa electoral finalmente lexitimado pola maioría dos alemáns nas urnas. Así, e desde que comezou a crise económica en 2008, Merkel constituíuse na única líder europea que logrou a reelección, por riba de 20 xefes de goberno que deixaron de selo neste período, entre eles Berlusconi, Zapatero ou Sarkozy, electoral e politicamente superados.

Non obstante, Merkel deberá medir agora o peso da fortaleza económica alemá en comparación co resto de Europa e a súa firmeza á hora de impoñer aos demais membros da UE unhas políticas de austeridade que, indirectamente, poden conlevar un perigoso custe político e social nos próximos anos.

A economía alemá depende excesivamente das súas exportacións, sendo Europa o seu mercado principal. En 2012, o 52% do PIB alemán correspondíase co valor das exportacións, razón pola que calquera goberno en Berlín terá a súa estabilidade comprometida coa estabilidade económica dos seus socios europeos, especialmente dos membros da zona Euro. Este peso alemán é aínda maior no marco global da economía da UE: no 2012, o 30% das exportacións europeas a EUA (segundo socio comercial alemán) foron exportacións alemás([1]).

Pero esta fortaleza económica alemá ten os seus riscos. O FMI estima unha contracción do 0,3% no crecemento económico alemá para finais de 2013([2]). Caso contrario, se a economía alemá retoma un período de crecemento que leve, como prometeu Merkel, a unha alza salarial, o aumento do custe das súas exportacións pode desequilibrar a súa balanza comercial con respecto a Europa, favorecendo así as exportacións máis baratas e competitivas, en particular ante o crecemento exportador de Asia ou incluso no caso dunha eventual recuperación económica estadounidense.

Observando os equilibrios económicos, Merkel busca consolidar a súa indubidable hexemonía política no concerto europeo, asegurando ao mesmo tempo o papel preponderante de Berlín como principal poder dentro de Europa. No que atinxe ás políticas de austeridade, Merkel tenta moderar os impactos sociais da crise no seu país impulsando promesas electorais como os fondos de 30.000 millóns de euros para programas sociais e a conxelación do aumento do aluguer nas grandes cidades.

¿Estenderanse estas medidas de Merkel en Alemaña  ao resto de Europa?. A crise do Euro e unha recesión prolongada están provocando unha forte crise social dentro da Unión Europa, con fortes presións á hora de manter o estado social do benestar. Europa pode verse politicamente aínda máis dividida entre partidarios e detractores das políticas de Merkel. A división pode intensificarse en canto á ampliación das axudas a países financeiramente insolventes ou en rescate, como é o caso de Grecia, e das reticencias doutros países (principalmente Holanda, Finlandia ou Austria) a aumentar estas axudas.

Para a chanceler alemá, a estabilidade da zona Euro é unha prioridade indiscutible xa que constitúe o marco de preservación do modelo de proxecto europeo actualmente hexemónico e garante a preponderancia económica alemá en Europa. Por iso, o reto principal para Merkel en canto ás políticas europeas será o de asentar esa estabilidade monetaria e fiscal que evite maiores turbulencias.

O mantemento da zona Euro constitúe un asunto estratéxico para Berlín. Segundo publicou o think tank alemá CESifo, unha creba da Eurozona así como a insolvencia financeira dos países sometidos a rescate (Grecia, Portugal, Irlanda, Chipre), significaría para Alemaña a perda de 530 mil millóns de euros([3]).

d) Unha fronte “anti-Merkel”?

No plano político, pouco pode mudar na relación de Merkel con países con gobernos socialdemócratas como son os casos da Francia de François Hollande ou a Italia da coalición gobernamental liderada por Enrico Letta. Se ben Merkel preservará a vixencia do eixe franco-alemán como garante da integración europea, Berlín non teme a formación dunha especie de “Fronte Sur” crítico coas súas políticas, eventualmente liderada por Francia e Italia. Si pode medrar a coordinación des formacións políticas claramente contrarias ás políticas auspiciadas por Berlín. 

O aumento da extrema dereita, no caso grego identificada no partido Amencer Dourado, que implique unha reprodución desta tendencia noutras latitudes como Italia, España ou Europa Central, pode derivar nunha crise política de lexitimidade do proxecto europeísta. Un momento chave que definirá os contornos do mapa político europeo e o eco das estratexias de Merkel serán as eleccións ao Parlamento europeo previstas para maio de 2014.

Merkel deberá calibrar a significación desa eventual tendencia “anti-alemá” aparentemente presente en varios países europeos, principalmente nos localizados na ribeira mediterránea, sometidos a políticas de rescate e de tutela económica, como é o caso grego. E non só. Deste modo, de prolongarse a sensación de impopularidade das políticas de Merkel, Berlín asumiría un eventual custe político no caso dunha viraxe electoral a favor de partidos progresistas, de esquerda e incluso dos “euroescépticos” (especialmente en Gran Bretaña pero igualmente presentes en Alemaña), fortemente críticos co actual rumbo do proxecto europeísta.

Este aspecto infire igualmente un efecto transversal no relativo ás políticas migratorias alemás, país que está recibindo un cada vez maior fluxo de emigrantes provenientes de países europeos en recesión, cun custe social  que pode determinar a adopción de políticas mais restritivas e selectivas cara a inmigración.

De igual modo, Merkel veríase persuadida a asentar unha estratexia enerxética chave para Alemaña que lle permita, dalgún modo, diminuír a súa dependencia en petróleo e gas, principalmente de Rusia, un socio bilateral tradicionalmente inquietante nas relacións bilaterais con Europa. O anuncio de Merkel do peche das centrais nucleares alemás podería definir unha nova política enerxética onde Alemaña intente apostar por “enerxías limpas” con maior entusiasmo, de maior custe tecnolóxico e momentaneamente menos competitivas con respecto ao petróleo.

 

IGADI. 25 de setembro de 2013.


([1]) “Europe: What to Expect After Germany´s Elections”, Stratfor, 18 de setembro de 2013.

([2]) “World Economic Outlook April 2013. Hope, Realities, Risks”, International Monetary Fund, World Economic and Financial Surveys, Abril de 2013. Ver en: http://www.imf.org/external/pubs/ft/weo/2013/01/pdf/text.pdf

([3]) “German Economy Recovery- Long Term Approach Needed to Economic Policy”, CESifo Group Munich (Alemaña), Joint Economy Forecast Spring 2013. Ver en: http://www.cesifo-group.de/ifoHome/presse/Pressemitteilungen/Pressemitteilungen-Archiv/2013/Q2/pm-20130418-Gemeinschaftsdiagnose.html

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº122382.88 KB

IgadiPaper nº123

Eleccións autárquicas en Portugal: algunhas tendencias notables

a) Son comicios locais. Prudencia na análise

A pesar da fame que no vello continente existe por ver se o predominio absoluto e descarnado das políticas liberais (neoliberais, se se prefire) produce algún tipo de mudanza electoral, convén lembrar aquí que os comicios do pasado 29 de setembro en Portugal foron locais. E as eleccións locais non son o mellor indicador para tirar conclusións a nivel estatal.

É, de feito, máis probable que os resultados electorais locais poidan ter un impacto en posteriores comicios estatais do que que as políticas estatais teñan un claro reflexo no plano local. Moitas veces no local ensáianse solucións electorais para ver, en pequeno, cal pode ser o desempeño de tal ou cal opción política que, de primeiras, non vemos, por unhas ou outras razóns, en ámbitos de maior calado institucional.

Desde esta perspectiva pódense apuntar xa dous factores relevantes deixados polos pasados comicios lusos. O interese por experimentar ou reexperimentar gobernos comunistas, que pasan de 28 a 34 gobernos municipais, ou de diversos signos independentes. E o desinterese notable pola opción representada polo Bloco de Esquerda, que perde a única Cámara Municipal que xestionaba.

Independentes e, sobre todo, comunistas teñen unha magnífica oportunidade para faceren ver o carácter diferencial das súas propostas.

A partir daquí, a fin de podermos extrapolar algunhas conclusións xerais a partir dos resultados electorais locais, con certa solvencia, recorreremos ao estudo dos resultados nas 10 maiores cidades portuguesas. Nelas, o peso dos vínculos persoais coas persoas que integran as candidaturas dilúense, podendo ser determinantes, por contra, nos municipios de menor tamaño. E, por outro lado, polo seu relevo estratéxico para os partidos políticos, acostuman contar cun maior envolvemento por parte das súas elites organizativas e institucionais estatais, establecéndose así unha ligazón máis forte coa política gobernamental ou de oposición a nivel estatal.

Existen tendencias claras nos resultados desas grandes cidades? Si e, neste caso, en xeral, coinciden coas que se observan nos resultados xerais, ficando así, se cabe, mellor asentadas. Vexámolas.

b) Os partidos gobernantes sofren un castigo sen paliativos

Exceptúase da análise ao Porto, cun partido independente claramente vencedor que contou co apoio dun dos partidos gobernantes, o CDS-PP, e que á vez se proclama anti-partidos, de modo que resulta difícil calibrar o grao de identificación coas políticas gobernamentais que a persoa electora lle pode atribuír.

En 8 das outras 9 cidades a coalición gobernante foi castigada de modo claro, coa excepción de Braga, onde conseguiu un lixeiro ascenso. En media, PSD e CDS perderon a metade dos votos nesas 9 urbes, cando esta tendencia, levando en conta os votos tanto para os gobernos municipais como para as súas respectivas asembleas, é moito máis matizada no plano nacional.

Se a metodoloxía aquí escollida para analizar os resultados locais do pasado 29 é acertada, isto é un aviso claro e contundente para a coalición gobernante.

c) As esquerdas conseguen máis postos, non máis votos

Atendendo ao número de votos atinxidos polo PS nas 10 grandes cidades do país, o electorado portugués tamén manifestou o seu desgusto con esta opción partidaria. O PS consegue menos votos en 9 das 10, perdendo case o 20% do seu electorado nas grandes cidades. Porto, Loures ou Matosinhos son os casos máis chamativos, con perdas de entre o 40 e o 50%. A nivel nacional esta tendencia suavízase, ficando a perda de votantes no 10% en relación a 2009.

Os resultados do PCP son ambiguos e modestamente favorables para esta formación. Sobe en votantes en 6 das 10 cidades, mais o aumento de votantes en relación a 2009 non chega ao 3% nas 10 urbes. Cabe, máis falar, de que a efectos de apoio electoral, o PCP mantense. Neste caso, a tendencia mantense de modo moi semellante no plano nacional, onde o PCP sobe case un 2,4%.

Noutras análises fálase de resultados magníficos para ambas as formacións, en clave nacional, atendendo á tradución institucional dos votos de ambas que, nun contexto de grande abstencionismo e de baixada de votantes nos partidos de dereita, foi claramente positiva. Non se desmentirá aquí o éxito local das dúas formacións: o PS pasou de 132 a 149 presidentas e presidentes de Cámara e o PCP de 28 a 34. Son avances importantes no plano local, mais de escasa importancia no ámbito nacional, no inmediato. Son, si, unha oportunidade para exhibir opcións políticas diferenciadas das do goberno estatal e para dotarse de máis medios públicos de cara a uns comicios nacionais. Mais esta influencia será mediata e dependerá de moitos outros factores.

d) Institucións pobres... tamén en lexitimidade

O pasado 29 rexistrouse unha abstención histórica do 47,4%, a máis elevada desde as primeiras eleccións autárquicas celebradas en 1976. Se a isto sumamos os votos en branco e nulos, que máis que duplicaron os de 2009, chegando a superar os 340.000 sufraxios, encontrámonos con que o electorado que vota a algún partido e o que non o fai, están practicamente empatados.

Que significa isto? Tradicionalmente, nunca mellor dito, houbo quen interpretou a abstención como un voto de satisfacción co sistema. Segundo estas opinións, a persoa votante razoaría máis ou menos así: “todo vai funcionar máis ou menos ben independentemente do partido que gañar, de modo que non me tomarei o esforzo de ir votar”. Indo un pouco máis alá, mesmo hai quen afirme, desde as aulas da Facultade de Ciencias Políticas da USC, que un certo nivel de abstención resulta saudable en calquera democracia, porque unha participación total podería provocar algún tipo de colapso técnico (???).

Mais a quen tales teses defende cabería colocarlle a seguinte cuestión: de que maneira, non violenta, pode alguén mostrar o seu descontentamento nun sistema democrático neoliberal, á hora de votar, se non é absténdose, con voto nulo ou voto en branco?

Aplicando isto ao caso que nos ocupa, o electorado portugués móstrase perigosamente cansado do seu sistema de partidos políticos e do seu desempeño nas institucións públicas. Se esta tendencia se producise nunhas eleccións xerais cabería mesmo preguntarse so o democrática e moralmente correcto non sería a adopción de medidas extraordinarias, que poderían pasar por un período constituínte após un longo e serio debate social.

IGADI. 7 de outubro de 2013. 

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº123354.26 KB

IgadiPaper nº124

Inquietantes tendencias na política francesa

a) Introdución

Coa atención actualmente centrada nas friccións franco-estadounidenses tralas revelacións de espionaxe electrónica e intervención telefónica masiva por parte da National Security Agency (NSA) así como nas medidas de “man dura” contra a inmigración ilegal (deportación dunha nena cigana cosovar), o acontecer francés ofrece unha perspectiva sumamente inquietante en canto á súa deriva política (ascenso da extrema dereita, submisión ao “atlantismo”, indefinición do proxecto político do presidente socialista François Hollande…), aspectos que escurecen seriamente a capacidade de París para exercer algún tipo de liderado alternativo e de influencia tanto en Europa como no contexto  internacional.

A baixa popularidade de Hollande (a penas un 23% de aprobación), a súa falta de concreción dun proxecto autónomo (politicamente dependente en varios aspectos da tácita alianza coa centrodereita UMP) e a “simbólica” vitoria da extrema dereita da Fronte Nacional (FN) de Marine Le Pen nas recentes eleccións cantonais de Brignoles (Marsella), definen un panorama político inquietante para Francia e Europa, en particular de cara aos comicios municipais previstos para marzo de 2014 e as eleccións ao Parlamento europeo de maio próximo. Neste sentido, o avance da FN pode configurar un polo euroescéptico e ata xenófobo de cara aos próximos comicios galos e europeos, cunha notable capacidade de mobilización e influencia cidadá.

A prolongación da recesión económica (caída do 0,2% do PIB no primeiro semestre de 2013); a alza do desemprego (11% en agosto último, sendo do 25% para menores de 25 anos); e a elevación da taxa impositiva, son aspectos socioeconómicos que amagan coa posibilidade dunha explosión social, principalmente nos arrabaldes onde habitan grandes segmentos de poboación inmigrante. No seu conxunto, configura un severo panorama de crise para Francia, cunha capacidade de liderado a nivel europeo notoriamente minguada pola preponderancia e o peso alemá.

Paralelamente, a nivel internacional, a Francia de Hollande amósase incapaz de conformar un polo autónomo e alternativo que permita reverter a hexemonía estadounidense, subsumindo con cada vez maior énfase a súa política exterior baixo os canons do “atlantismo”, tal e como se observou coas crise de Malí e Siria (2013).

b) Hollande, unha errática presidencia

Na presidencia francesa dende maio de 2012, François Hollande (Partido Socialista, PS) encarnou dalgún xeito a esperanza de diversos sectores políticos e sociais europeos para reverter as políticas de austeridade e de recortes predominantes na Unión Europea, particularmente ante o peso e capacidade de decisión de Berlín. No plano interno, o retorno dos socialistas ao Palacio do Eliseo foi identificado como unha oportunidade chave para rebaixar a persistente tensión e polarización política emanada do período presidencial do seu antecesor, Nicolás Sarkozy (2007-2012).

Non obstante, a crise económica induce paralelamente unha notoria crise do sistema político francés, cada vez mais atomizado ante o ascenso de tendencias “antisistema” cunha incidencia igualmente crecente no plano europeo. Tras ano e medio na presidencia, a abraiante caída de popularidade de Hollande (só un 23% dos franceses aproban a súa xestión) indica un severo xuízo da súa errática presidencia, especialmente ante a falta de concreción dun proxecto político con énfase social, autónomo e alternativo, coa capacidade suficiente para exercer un decisivo peso político e de influencia no contexto europeo. 

Un caso particular que revela esta caída de popularidade de Hollande e a sensación de escasa credibilidade da súa presidencia, ten que ver coa recente polémica pola deportación dunha moza de orixe cigana, o denominado “affaire Leonarda”, e que  posteriormente foi agredida en Mitrovica (Cosova) tras saír de Francia. Ante este feito, diversos sectores políticos e sociais franceses criticaron severamente a decisión de Hollande, cuestionando a súa autoridade política.

Esta polémica medida de deportación denota  unha vertente aínda mais contraditoria e preocupante, atendendo ao ascenso da aceptación cidadá das  medidas de “man dura” contra a inmigración, como as impulsadas polo ministro do Interior, Manuel Valls. En clara contrariedade coa caída libre da popularidade de Hollande, os índices de aceptación cidadá coas medidas de Valls lle outorgan un nivel de popularidade do 68%([1]). Especúlase coa posibilidade de que Valls catapulte politicamente estes niveis de popularidade para fortalecer o seu liderado tanto dentro do Executivo francés como do PS, evidenciando ao mesmo tempo unha clara fractura na esquerda francesa, tendo en conta a evidente submisión de Hollande ás medidas punitivas de Valls en materia de inmigración.

Así, Valls tenta pasar páxina dos tradicionais valores políticos e ideolóxicos da esquerda francesa para aparentemente “maquillalos” na perspectiva de ofrecer medidas de forte repercusión contra a inmigración ilegal, a fin de evitar un ascenso do FN. Precisamente, trala vitoria do candidato do FN, Laurent López, nas eleccións cantonais de Brignoles, Valls apresurouse a iniciar unha xira nacional para xustificar as súas medidas antiinmigración, moi probablemente co horizonte electoral das municipais francesas de marzo de 2014.

Precisamente, o “affaire Leonarda” e a submisión de Hollande cara as políticas punitivas de Valls implicaría situar o tema da inmigración como o de maior transcendencia e capacidade de gravitación política de cara aos próximos comicios municipais. Este factor recolocaría no centro do debate a polémica suscitada durante a presidencia de Sarkozy sobre a “identidade nacional francesa”, un tema de gran calado dentro da dereita gala e, particularmente, de enorme potencialidade conflitiva a nivel social ante o avance do FN.

c) Epicentro do “euroescepticismo”?

A incapacidade de Hollande para comandar un proxecto alternativo dende unha hipotética esquerda moderada e a preponderancia de medidas e políticas antiinmigración que, a todas luces, sinala un proceso de “dereitización” da política francesa, factor engadido ao ascenso do FN no espazo público, condiciona un panorama onde as tendencias euroescépticas e incluso as de carácter xenófobo, eventualmente poden gañar terreo en Francia, con claras implicacións no contexto político europeo.

Así e todo, compre observar con prudencia o ascenso do FN, cunha tendencia en intención de voto que incluso comeza a superar aos partidos tradicionais. Aínda que a súa vitoria nas eleccións cantonais de Brignoles cabe referilas a un microcosmos político de relativa capacidade para a súa extrapolación a nivel estatal, as últimas sondaxes apuntan un 24% de intención de voto para o partido de Marine Le Pen de cara aos próximos comicios municipais, por riba da centrodereita UMP (22%) e do PS (19%)([2]). Se ben non deixa de ser sintomático das tendencias políticas que proliferan actualmente en Francia, esta vitoria electoral do FN non sinala unha tendencia política homoxénea para este partido a nivel do conxunto do país. Cabe sinalar que o FN a penas ten dous deputados dos 577 da Asemblea Nacional e non goberna en ningunha alcaldía de importancia. Non obstante, este escenario pode mudar de manterse a súa tendencia de claro ascenso de cara aos próximos comicios municipais.

En todo caso, a Francia de Hollande confirma unha deriva de “dereitización” que contrasta coa atomización e sensación de parálise dende a esquerda, incluso dentro das opcións mais ideoloxizadas. Xa no contexto europeo, compre observar se o ascenso do FN suporá que Francia convértase nun berce dos movementos euroescépticos e incluso xenófobos no marco da Unión Europea. A crise económica, a polémica sobre a inmigración e a debilidade do proxecto político europeísta apuntan ao aumento das tendencias “antisistema” de carácter mais radical.

O FN mantén fluídos contactos políticos con outras formacións afíns, como o holandés Partido da Liberdade liderado por Geert Wilders (quen se erixe como o auténtico árbitro da política holandesa actual); o Partido Liberal austríaco, o Vlaams Belang belga e o Partido Popular danés. Neste sentido, Le Pen está deseñando unha rede de carácter euroescéptico, denominada Alianza Europea pola Liberdade (AEL), e na que espera aumentar os seus membros cara outras formacións ultradereitistas e xenófobas en ascenso, como a grega Amencer Dourado, o Jobbink húngaro ou incluso o Partido pola Independencia do Reino Unido (UKIP) do polémico Nigel Farage. Aínda que non todos eles forman parte da AEL, o preocupante ascenso destas tendencias medirá a súa potencialidade nos comicios ao Parlamento europeo de maio de 2014.

d) Un peón chave do “atlantismo”

Finalmente, e se ben o goberno de Hollande actualmente amosa unha forte virulencia conxuntural contra Washington trala revelación da espionaxe electrónica e telefónica da NSA, a súa política exterior ven facendo causa común cos postulados “atlantistas”, sen capacidade autónoma de configuración dun polo alternativo que equilibre a preponderancia estadounidense. Así, Hollande reproduciu exactamente a mesma perspectiva de submisión a Washington practicada polo seu antecesor Sarkozy, neste caso na guerra de Libia (2011).

Na recente crise en Siria, Hollande fixo causa común coas medidas punitivas do seu homólogo estadounidense Barack Obama de atacar unilateralmente as posicións militares do réxime de Bashar al Asad en Damasco, a tal punto que converteuse no presidente europeo máis entusiasta a favor deste hipotético ataque militar. Nese sentido, París perdeu a posibilidade de erixirse como un actor diplomático chave para a resolución do conflito que desangra ao seu ex protectorado sirio.

Esta visión “atlantista” de Hollande xa se anunciara durante a intervención militar francesa en Malí en xaneiro pasado, enmarcada basicamente nunha operación militar e política derivada da estratexia de loita contra o terrorismo internacional impulsada por Washington desde 2001, e que Obama contribúe a fortalecer. Perspectiva completamente ampliada a nivel europeo, onde Francia perdeu a súa capacidade de equilibrio e de contrapeso nas balanzas de poder dentro da UE, en particular ante calquera pretensión de Alemaña por liderar o proxecto de integración europeo.

           

IGADI. 23 de outubro de 2013.


 

([1]) “Unión Europea. Del euroescepticismo a la eurofobia”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 862, 21 de outubro de 2013, páxina 4.

([2]) Ibid. 

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº124383.64 KB

IgadiPaper nº125

Tendencias e cambios ante un novo ciclo electoral en América Latina

a) Introdución

América Latina encara un novo ciclo electoral para o período 2013-2016 cuns escenarios que hipoteticamente poden definir novas tendencias e eventuais cambios no actual mapa político hemisférico. Neste novo ciclo electoral, un total de 17 dos 18 países latinoamericanos, coa única excepción de México, realizarán diversos tipos de eleccións, principalmente presidenciais, pulsando a consolidación do xiro á esquerda en curso desde 1999 contextualizado coa aparición doutras alternativas políticas, cunha diversidade de carácter cidadán, transversal e progresista.

Centrando a atención na recente celebración dos comicios lexislativos arxentinos (27 de outubro), das próximas eleccións presidenciais de Chile (17 de  novembro) e Honduras (24 de novembro) e das municipais de Venezuela (8 de decembro), está por ver se este novo ciclo electoral consolidará ou eventualmente alterará os cambios políticos acaecidos nos últimos lustros na rexión, así como os contrastes e dilemas derivados dun prolongado período de crecemento económico que, paradoxalmente, proxecta ao mesmo tempo un incremento das desigualdades de das demandas cidadás.

Neste sentido, a “personificación” de tendencias e movementos políticos (“chavismo” en Venezuela, “kirchnerismo” na Arxentina e incluso o “zelayismo” en Honduras), os cales serviron para transformar o mapa político dos seus respectivos países, principalmente como alternativas de cambio ante o anquilosado establishment político existente, vese agora contextualizado e incluso contrarrestado coa emerxencia de novos movementos cidadáns de carácter contestatario, tal e como se constatou nas protestas en Brasil (xuño de 2013), da “educación gratuíta e de calidade” en Chile (desde 2011) e igualmente coas recentes folgas campesiñas en Colombia, entre outros.

Estes movementos cidadáns de diversa connotación social e aínda incipiente impacto político orientan a súa mensaxe cara a necesidade de ampliar a calidade da participación política, a revitalización das políticas sociais (educación sanidade, servizos públicos e programas de diminución da pobreza) e na recuperación do “público” como axente estratéxico de desenvolvemento.

b) Réquiem dos “personalismos”?

O ciclo electoral iniciado a comezos de 2013 en América Latina, coa reelección presidencial de Rafael Correa en Ecuador, o retorno ao poder en Paraguai do Partido Colorado da man de Horacio Cartes (abril de 2013) e as recentes eleccións lexislativas na Arxentina (27 de outubro), proseguirá a súa andaina a curto prazo coas próximas eleccións presidencias en Chile (17 de novembro) e Honduras (27 de novembro), así como cunhas eleccións municipais relevantes en Venezuela (8 de decembro). Con todo, o ano 2014 será de gran calado estratéxico no sentido electoral, con comicios presidenciais en países chave como Brasil, Colombia, Bolivia e Uruguai.

Este novo ciclo electoral 2013-2016 implicará un dinámico e non menos volátil contexto definido pola pulsación, consolidación e incluso polarización da pléiade de liderados e movementos que suscitaron os importantes cambios políticos acaecidos durante o período 1999-2013, particularmente na pluralidade de tendencias dende a esquerda. Pero o contexto actual anuncia a aparición de alternativas mais de carácter cidadá e transversal, non exactamente identificada con liderados concretos, que implica unha insatisfacción social que, eventualmente, pode exercer unha notable influencia de cara a este novo ciclo electoral.

Unha primeira aproximación suxire matizar a preservación ou eventual alteración de liderados carismáticos amparados en plataformas políticas concretas, cun impacto que resultou decisivo na última década para a transformación política en determinados países latinoamericanos.

Aínda que visiblemente consolidado como o principal movemento político en Arxentina desde a súa chegada ao poder en 2003, o “kirchnerismo” actualmente en mans da presidenta Cristina Fernández de Kirchner e da plataforma Fronte para a Vitoria (FpV), ven de sufrir un notorio retroceso electoral nas eleccións primarias de agosto e nas lexislativas de outubro pasado, particularmente ante a aparición de novos referentes opositores como Sergio Massa e Mauricio Macri. Liderados mobilizados dende unha diversidade de sectores (“kirchneristas”, peronistas, reaccionarios) con latentes características personalistas (“massistas”, “macristas”), de tradicional preservación na cultura política arxentina.

Este novo mapa político na Arxentina, que exercerá unha estratéxica influencia de cara aos comicios presidenciais previstos para decembro de 2015, reflicte un nivel de insatisfacción cidadá ante a preponderancia de problemas crónicos e específicos (inflación, crise económica, inseguridade cidadá) sumados a outros derivados dun estilo político de constante polarización e confrontación actualmente imperante no debate público nacional. Está por ver se estas lexislativas arxentinas permitirán a eventual aparición dun liderado “post-kirchnerista”.

Outro caso específico ten que ver co “chavismo” en Venezuela, politicamente hexemónico desde 1999. O falecemento do ex presidente Hugo Chávez en marzo pasado impuxo as incertezas derivadas da apertura dun período “post-chavista”, agora en mans do presidente Nicolás Maduro, reelixido nos comicios de abril pasado por unha escasa marxe de votos. Estas incógnitas increméntanse ante o ascenso electoral dunha oposición aparentemente unificada en torno ao liderado de Henrique Capriles Radonski e da Mesa pola Unidade Democrática (MUD).

Así as cousas, as eleccións municipais do próximo 8 de decembro levarán implícitas un visible plebiscito para o “chavismo post-Chávez” actualmente liderado por Maduro, poñendo a proba a consistencia do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), reestruturado desde 2012 na recuperación do Polo Patriótico. Aínda que as expectativas electorais son favorables ao “chavismo”, é evidente un proceso de erosión electoral que transmite un panorama volátil e imprevisible, manifestado pola incesante polarización, a crise económica e financeira (escaseza de produtos básicos, elevada inflación, dependencia petroleira e de préstamos do exterior, principalmente de China), e as denuncias de corrupción, cuns efectos que poden alterar o curso político especialmente de cara aos comicios lexislativos de 2015. Incluso se cuestiona a capacidade de Maduro para liderar o “post-chavismo”, mal disimulando as hipotéticas rivalidades intestinas.

Con todo, o retroceso electoral do “kirchnerismo” e os dilemas do “post-chavismo” non implican un definitivo desprazamento do protagonismo político dos liderados “personalistas” a nivel rexional. Os comicios presidenciais de Honduras previstos para o próximo 24 de novembro definen un panorama onde o “zelayismo” identificado co ex presidente Manuel Zelaya (deposto tralo polémico golpe de Estado de 2009), pode volver ao poder á vista da perspectiva da candidatura da súa muller Xiomara Castro de Zelaya, candidata do Partido Liberdade e Renovación.

Se ben as enquisas reflicten unha estreita marxe de preferencia electoral para Xiomara Castro, o retorno do “zelayismo” ao poder confirmaría a ruptura do tradicional bipartidismo Nacional-Liberal ao tempo que pode intensificar un clima de polarización política nun país con inestable gobernabilidade, igualmente azoutado pola crise económica e a elevada taxa de homicidios.

c) Os dilemas dun novo “establishment”

En Chile, que celebrará eleccións presidenciais o próximo 17 de novembro, as enquisas practicamente anuncian o retorno ao poder da Concertación de centroesquerda que gobernou o país trala transición post-Pinochet entre 1990 e 2010. A ex presidenta socialista Michelle Bachelet lidera comodamente as preferencias electorais con máis de 30 puntos porcentuais sobre Evelyn Matthei, candidata da centrodereita Alianza. O peso da historia incluso gravita sobre estes comicios chilenos, 40 anos despois do golpe militar que depuxo ao presidente Salvador Allende: Bachelet é filla dun xeneral torturado pola ditadura mentres Matthei é filla dun xeneral que formou parte do golpe e da xunta militar de Pinochet([1]).

A bonanza económica e a estabilidade política da transición chilena liderada pola Concertación, confirma un sistema político institucionalizado e democratizado que, non obstante, afronta diversos retos e realidades. A masiva mobilización estudantil iniciada en 2011 por unha “educación pública, gratuíta e de calidade” reflicte unha marea de movementos cidadáns que cobran forza([2]) no seu reclamo pola ampliación dos marcos de participación política e de igualdade nunha sociedade fortemente clasista. Ao mesmo tempo, estas mobilizacións defenden a revitalización do sector público tras décadas de incesante privatización, coas súas consecuentes desigualdades socioeconómicas.

Neste marco de novo establishment político está Uruguai, que celebrará eleccións presidenciais en outubro de 2014. A elección presidencial en 2004 da plataforma de esquerdas Fronte Ampla (FA) con Tabaré Vázquez, continuada coa súa reelección en 2009 a través do actual mandatario José Mújica, consolidou unha transición política dun sistema tradicionalmente dominado polo bipartidismo Nacional-Colorado, confluíndo na concreción dun movemento heteroxéneo e progresista. A expectativa dunha nova reelección para a FA en 2014 está aparentemente asociada ao eventual retorno de Tabaré como candidato. Uruguai acelerou durante esta década “fronteamplista” no poder unha necesaria discusión de temas transversais (legalización da marihuana, matrimonio homosexual, etc.) que colocan a este país na vangarda pioneira do progresismo a nivel hemisférico.

Nunha perspectiva levemente comparable, o Brasil gobernado desde 2003 polo Partido dos Traballadores (PT) deberá enfrontar en outubro de 2014 uns comicios presidenciais onde as expectativas de reelección da actual mandataria Dilma Rousseff vense contextualizadas polo posible retorno do ex presidente Lula da Silva como candidato presidencial asociado ou, en todo caso, reforzando o peso político do “lulismo”.

A caída dos índices de popularidade de Dilma desde as protestas cidadás de xuño pasado e os escándalos de corrupción de altos cargos públicos amosan severos dilemas políticos para o PT de cara aos comicios de 2014. Dilemas que se intensifican ante o ascenso da candidatura da ecoloxista Marina Silva como referencia dunha esquerda pluralizada e menos “burocratizada”, escenario que paralelamente fortalece as expectativas de retorno de Lula ao centro da política brasileira.

d) A era da protesta cidadá

Alén dos procesos electorais e dos dilemas dos liderados “personalistas” e do establishment político, un factor distintivo que está reflectindo unha nova política e cultura cidadá en América Latina ten que ver coa aparición de novos movementos sociais, cun impacto que pode remodelar o mapa político rexional.

Un caso particular é México, coa aparición en 2011 do Movemento pola Paz con Xustiza e Dignidade, que protesta contra a impunidade do crime organizado e a “militarización” da guerra dos carteis do narcotráfico, especialmente visible durante o goberno de Felipe Calderón (2006-2012). Con 60.000 vítimas mortais, a enorme maioría civís, a guerra contra o narcotráfico polariza á sociedade mexicana.

As protestas cidadás iniciadas en xuño pasado en Brasil, comandadas polo Movemento Passe Livre contra a alza do transporte público e os onerosos investimentos en infraestruturas (Copa FIFA Confederacións, Mundial de Fútbol 2014, Xogos Olímpicos 2016), intensificou as masivas protestas sociais contra a corrupción presentes desde 2011 así como a carencia de calidade nos servizos públicos, en especial na educación e a sanidade. Estas protestas provocaron un inédito debate público en Brasil a propósito dunha eventual reforma política, con consecuencias aínda imprevistas.

As masivas e prolongadas folgas dos campesiños colombianos realizadas entre agosto e setembro pasado contra as políticas económicas dun presidente Juan Manuel Santos excesivamente concentrado na evolución dos diálogos de paz coa guerrilla das FARC que se realizan actualmente en Cuba, evidencia outra realidade condicionada polas desigualdades entre o mundo rural e o urbano e o aumento dos índices de pobreza, calculada en máis do 60%. Estas protestas contrarrestaron esa imaxe exterior de modernización e estabilidade do país nos últimos tempos.

Esta vaga de protestas sociais pode gravitar considerablemente de cara aos comicios presidenciais colombianos a celebrarse en maio de 2014, onde Santos xoga as súas cartas para a reelección contando cun hipotético acordo de paz coas FARC. Non se debe pasar por alto que o escenario político volve a polarizarse ante o retorno do “uribismo” no caso dunha eventual candidatura do ex presidente Álvaro Uribe Vélez.

Os movementos indixenistas na rexión andina, particularmente Bolivia, Ecuador e Perú, tamén amosan a súa preponderancia política. A pesar das contundentes vitorias electorais, o presidente ecuatoriano Correa e o gobernante Alianza País vense constantemente afectados polas protestas da Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (CONAIE) así como doutras organizacións indixenistas e sindicais. Pola súa banda, en Bolivia, que realizará eleccións presidenciais en outubro de 2014 coa atención posta en saber se finalmente Evo Morales concorrerá de novo á reelección presidencial, comezan a fracturarse determinados apoios indixenistas a favor do gobernante Movemento ao Socialismo (MAS).

En Perú, país que experimenta un notable boom económico e que constitúe un membro máis da recen creada Alianza do Pacífico (2012), o presidente Ollanta Humala afronta fortes protestas de grupos indixenistas e ecoloxistas ante os proxectos de extracción de minerais na conca amazónica peruana.

Perú celebrará eleccións presidenciais en 2016 e as expectativas apuntan a unha posible preservación do “humalismo” a través dunha hipotética sucesión a mans da súa esposa Nadine Heredia como candidata do gobernante Partido Nacionalista Peruano (PNP). Pero actualmente, diversas protestas cidadáns erosionan fortemente a  popularidade de Humala, acusándoo de non atender problemas relevantes como o combate contra a delincuencia, a corrupción e a escaseza de programas de asistencia social([3]).

IGADI. 8 de novembro de 2013.


([1]) ZOVATTO, Daniel; “América Latina: un nuevo ciclo electoral”, Infolatam (España), 29 de setembro de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/09/29/america-latina-un-nuevo-ciclo-electoral/

([2]) En outubro de 2013 naceu un novo movemento político chileno, Forza Pública, de carácter plural e centrista, que pretende influír no debate público para “mellorar a calidade política”. Para maior información, ver o artigo de Carlos Franz, “Parto político”, Brecha (Uruguai), Nº 1.457, 25 de outubro de 2013, páxina 39.

([3]) “Un 71% de los peruanos desaprueba gestión de Humala, según sondeos”, Infolatam (España), 27 de outubro de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/10/27/un-71-de-los-peruanos-desaprueba-gestion-de-humala-segun-sondeo/

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº125163.29 KB

IgadiPaper nº126

Chile: Ás portas dunha nova transición?

a) Introdución

O panorama postelectoral en Chile tralos comicios presidenciais realizados o pasado 17 de novembro implica considerar diversos aspectos relativos aos cambios e as transicións que están ocorrendo neste país, particularmente trala consolidación democrática desde 1990, do seu prolongado crecemento e dos consecuentes desaxustes socioeconómicos. Neste sentido, o panorama postelectoral invita a reflexionar sobre o auxe de movementos sociais, principalmente no sector educativo, que están impulsando novos perfís e liderados e un cambio na cultura política chilena.

No electoral, as expectativas previas practicamente quedaron cadradas. A única incógnita estribaba na eventualidade de que a candidatura da socialista e ex presidenta Michelle Bachelet (coalición Nova Maioría, NM) alcanzara o triunfo na primeira volta. Bachelet obtivo o 46,68% dos votos, rozando o 50% requirido pola lei electoral para evitar unha segunda volta que, finalmente, se realizará o próximo 15 de decembro. Con todo, a contundencia do seu triunfo sobre a súa rival Evelyn Matthei (25,01% dos votos), candidata da plataforma de centrodereita Renovación Nacional (RN), veuse obstaculizada pola elevada abstención (50,7%), moi probablemente determinada pola non obrigatoriedade do voto, e que afectou ás expectativas de Bachelet de gañar en primeira volta.

En clave política, as respectivas candidaturas de Bachelet e Matthei reflectían a polarización existente dentro do bipartidismo establecido trala transición post-Pinochet iniciada en 1990, e identificada no preponderancia política en mans da Concertación (centroesquerda) e da Alianza (centrodereita). Neste sentido, a correlación de forzas políticas tanto no Congreso como no Senado explica esta tendencia: a NM de Bachelet, na que se inclúe unha heteroxénea coalición liderada polo Partido Socialista, a PPD, o Partido Comunista, demócrata cristiáns, radicais e ecoloxistas, ampliou a súa vantaxe no Senado (21 escanos dun total de 38) e Congreso (68 escanos dun total de 120), por riba da RN de Matthei (16 escanos no Senado e 48 no Congreso). Non obstante, e a falta de posibles pactos parlamentarios, este novo mapa político dificulta a grandes trazos as expectativas de Bachelet e da NM de impulsar a reforma integral dunha Carta Magna elaborada en 1980, en plena ditadura de Augusto Pinochet.

Non menos salientable deste proceso electoral en Chile é o ascenso dunha serie de movementos sociais, así como de formacións como o Partido Comunista, á hora de erixirse como referencias no cometido de acentuar novas pautas da cultura política. O caso máis significativo foi o triunfo de Camilla Vallejo (25 anos), ao alzarse como deputada  polo Partido Comunista dentro da coalición de Bachelet. Vallejo é a líder do movemento “Por unha educación pública, gratuíta e de calidade” que desde 2011 sacudiu o escenario público, exercendo unha forte presión contra o goberno de centrodereita do actual presidente Sebastián Piñera.

Ademais do ascenso dunha nova xeración política, o escenario chileno da conta do impulso de diversos movementos sociais e civís de carácter contestatario, cunha ampla diversidade (estudantil, rexionalista, ecoloxista, etc), cun impacto ata agora inédito pero que está transformando a cultura política chilena e contrastando coa visión excesivamente compracente do seu “milagre económico”.

b)  O ascenso da contestación social

Alén das expectativas de cara á segunda volta electoral a mediados de decembro entre Bachelet e Matthei, así como da correlación de forzas parlamentarias acaecidas trala primeira volta do pasado 17 de novembro, o mais significativo do escenario postelectoral en Chile é a perspectiva da asunción dunha nova xeración de liderados políticos, principalmente provenientes da esquerda e dos movementos sociais, cun impacto que eventualmente determinará importantes cambios na cultura e no escenario político nacional.

Desde que en 2011 se impulsara a presión estudantil por unha “educación pública, gratuíta e de calidade”, os seus principais líderes enrolados na Federación de Estudantes da Universidade de Chile (FECH), Camilla Vallejo, Gabriel Boric, Giorgio Jackson e Karol Cariola, foron electos como deputados ao Congreso Nacional nas eleccións do pasado 17 de novembro, inseridos dentro da coalición Nova Maioría de Bachelet a través de candidaturas do Partido Comunista, das Xuventudes Comunistas e nas listas independentes. De todos eles, Vallejo, con 25 anos, constituíuse na deputada mais nova na historia parlamentaria, alcanzando un contundente 43,7% dos votos no seu distrito([1]).

Este feito pode resultar sintomático das perspectivas de cambio tanxencialmente existentes na política chilena. O avance dos movementos sociais nos últimos anos suxire a identificación dunha posición contestataria contra o establishment político e a necesidade de premer por unha maior amplitude da participación e representación cidadá nos asuntos públicos, o que moi probablemente acabe revertindo no signo da reforma constitucional.

Esta perspectiva de ascenso dos movementos sociais e das súas potencialidades á hora de alcanzar logros políticos, revela igualmente cambios na cultura política dun país tradicionalmente “clasista” e con dificultades de mobilidade social. Ao mesmo tempo, esta realidade, que se ben consolida a consistencia da transición democrática iniciada a partir de 1990, determinando a institucionalización dun establishment político de carácter bipartidista entre a Concertación (centroesquerda) e a Alianza (centrodereita), contrasta e cuestiona fortemente a imaxe tradicionalmente ofrecida dende o exterior, sobre a aparentemente incontestable estabilidade chilena.

Este ascenso da contestación cidadá a través da potenciación de movementos sociais cobra forza nos últimos tempos e tivo igualmente a súa repercusión en determinadas candidaturas electorais o pasado 17/N. Cómpre aquí sinalar a candidatura de Roxana Miranda, candidata presidencial do Partido Igualdade (obtivo o 1,27% dos votos), movemento creado en 2009 coa intención de servir como instrumento político ao servizo de diversas organizacións sociais (entre elas, Andha Chile a Loitar Democrático, Movemento de Poboadores en Loita, Movemento pola Dignidade, Movemento do Pobo sen Teito), na perspectiva de ofrecer un espazo para novos dirixentes sociais que loitan por alcanzar cotas de representación popular([2]).

Aínda que sen representación electoral, outro caso significativo é a recente creación do movemento político Forza Pública, orientado a exercer unha forte posición cidadá nos asuntos públicos chilenos([3]). Nesta perspectiva, os últimos anos foron prolíficos no espertar do asociacionismo cidadá e dos movementos sociais en Chile, cunha diversidade tal que implica a movementos de carácter rexionalista (provincias de Magallanes, Aysén, Chiloé, entre outros), estudantís, indixenista (etnia mapuche), ecoloxistas, etc([4]).

Estas expectativas de cambio, aínda probablemente embrionarias, gravitan e exercen notable influencia no programa electoral de Bachelet, en particular na súa perspectiva de reforma constitucional, notoriamente obstaculizada tras non obter a maioría absoluta parlamentaria. De cara á segunda volta, a celebrarse a mediados de decembro, onde as expectativas sinalan unha eventual vitoria definitiva de Bachelet, o seu reto así como da coalición NM consiste en activar e vertebrar unha serie de consensos entre os diversos partidos e movementos sociais que demandan cambios e reformas estruturais, particularmente no cometido de evitar a dispersión destas demandas así como eventuais loitas intestinas.

c) Os contrastes do “milagre chileno”

Segundo estatísticas do Banco Central de Chile de mediados de novembro, o PIB chileno medrou un 4,7% no terceiro trimestre de 2013, cifra superior ás expectativas ante a previsión de desaceleración do crecemento económico([5]). Desde finais da década de 1980, Chile ven presentando unha notable tendencia de crecemento económico e de diminución da pobreza([6]), factores que ilustran a evolución deste país, presentado no exterior como unha “estrela” e referencia de desenvolvemento a nivel latinoamericano.

Esta tendencia, que coincide coa transición democrática e os seus procesos de masiva privatización económica, desprazamento do papel público estatal e decidida diversificación do sector produtivo (especialmente orientado cara o sector comercial exportador nunha economía aínda fortemente dependente do sector mineiro), implicou a consideración de Chile como unha “economía emerxente” nos mercados internacionais. Un caso particularmente significativo ten que ver co énfase de Chile por ingresar nos marcos de cooperación co Sueste Asiático e Asia-Pacífico, á vista da súa presenza en organismos como o Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico, APEC (desde 1994) e da Alianza do Pacífico (2012), xunto a Perú, Colombia e México.

Non obstante, pódense inferir determinadas matizacións a esta perspectiva “positivista”, en particular ante as tendencias políticas postelectorais tralos comicios do 17/N. O énfase de Bachelet e dos movementos sociais nunha inevitable reforma constitucional e nunha mellor distribución dos ingresos sinala problemas de cobertura social por parte do Estado, que deixa ás claras un aumento no nivel de desigualdade socioeconómica, paralelamente derivado do prolongado crecemento económico e da forte concentración da riqueza en determinadas elites.

Estas deficiencias determinan unha demanda de políticas sociais, principalmente por parte da coalición NM e dos movementos sociais e de esquerda, que implican igualmente unha forte polarización política ante o proxecto electoral de Matthei e da Alianza, centrado na preservación da liberdade individual e na diminución da visión “paternalista” do Estado([7]). Esta polarización non está exenta de riscos de presumible inestabilidade social e política na medida en que estas demandas mobilicen a sectores cidadáns, tal e como se ven rexistrando nos últimos anos. Unha realidade que, en perspectiva, ditaminará os alcances do asumido “milagre chileno” e as potencialidades do seu proxecto de desenvolvemento.

IGADI. 21 de novembro de 2013


([1]) “Ex dirigentes del movimiento estudiantil chileno llevan su voz al Congreso”, Infolatam (España), 18 de novembro de 2013. Ver en: http://www.infolatam.com/2013/11/18/exdirigentes-del-movimiento-estudiantil-chileno-llevan-su-voz-al-congreso/

([2]) ANGELCOS, Nicolás e PÉREZ, Miguel; “Elecciones en Chile”, Brecha (Uruguai), 14 de novembro de 2013. Ver en: http://brecha.com.uy/index.php/mundo/2777-elecciones-en-chile

([3]) FRANZ, Carlos; “Parto Político”, Brecha (Uruguai), Ano 29, Nº 1.457, 25 de outubro de 2013.

([4]) “Elecciones en Chile”, op.cit.

([5]) “PIB de Chile crecerá 4,7% en tercer trimestre, más de lo esperado”, Reuters, 18 de novembro de 2013.

([6]) Segundo a enquisa CASEN 2011 do Ministerio de Desenvolvemento Social (MIDEPLAN), o índice de pobreza en Chile situouse nun 14,4% da poboación. Pola súa banda, a Comisión Económica para América Latina cifrouna nun 15%. Para maior información sobre o contraste destas cifras e os manexos políticos arredor delas, consultar o artigo de GUZMÁN, Juan Andrés e GONZÁLEZ, Mónica; “Las desconocidas gestiones del gobierno ante la CEPAL que lograron bajar los índices de pobreza”, Centro de Investigación Periodística, CIPER (Chile), Reportajes de Investigación, 31 de agosto de 2012. Ver en: http://ciperchile.cl/2012/08/31/las-desconocidas-gestiones-del-gobierno-ante-la-cepal-que-lograron-bajar-los-indices-de-pobreza/. Cómpre considerar que o ministro do MIDEPLAN durante o goberno de Sebastián Piñera foi Joaquín Lavín, ex candidato presidencial e actualmente designado como novo xefe do comando de campaña de Evelyn Matthei para a segunda volta electoral do 15 de decembro. Se ben é amplamente asumido o feito de que Chile é o único país hemisférico que logrou diminuír notablemente os seus índices de pobreza nas últimas dúas décadas, existen fortes contrastes que cuestionan esta percepción, especialmente en materia de desigualdade socioeconómica, na distribución do ingreso e na forte concentración da riqueza nunha capa minoritaria. Segundo o estudo de LÓPEZ, Ramón; FIGUEROA B. Eugenio; e GUTIÉRREZ C. Pablo; “La ‘Parte del León’: Nuevas Estimaciones de la Participación de los Súper Ricos en el ingreso de Chile”, Universidad de Chile, Serie de Documentos de Trabajo 379, Facultad de Economía y Negocios, Departamento de Economía, Marzo de 2013, a participación do 1% mais rico no capital financeiro de Chile foi do 76% en 2010. Ver en: http://www.econ.uchile.cl/uploads/publicacion/306018fadb3ac79952bf1395a555a90a86633790.pdf

([7]) CASTRO, Rodrigo; “Dos Visiones de Sociedad”, La Tercera (Chile), 19 de novembro de 2013. Ver en: http://www.latercera.com/noticia/opinion/ideas-y-debates/2013/11/895-552335-9-dos-visiones-de-sociedad.shtml

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº126164.9 KB

IgadiPaper nº127

Eleccións municipais en Venezuela: 
Maduro consolida o “post-chavismo”

a) Introdución

Concibidas practicamente como un plebiscito sobre a xestión gobernamental do presidente Nicolás Maduro, perspectiva principalmente impulsada dende a oposición, os comicios municipais celebrados en Venezuela o pasado 8 de decembro consolidaron dúas variables políticas estratéxicas que definirán, basicamente, o escenario venezolano de cara a futuros procesos electorais.

A primeira variable evidencia a lexitimación da presidencia de Maduro, á vista da contundente maioría de municipios gañados polo gobernante Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), consolidando ao mesmo tempo o proceso de transición “post-chavista” iniciado entre marzo e abril pasado, tralo pasamento do ex presidente Hugo Chávez e da estreita vitoria electoral presidencial de Maduro (50,54%). Por tanto, Maduro alcanzou unha notoria vitoria política certificando paralelamente a incontestable hexemonía do “chavismo” no escenario político venezolano.

En consecuencia, a segunda variable suxire diversos contrastes que, dalgún xeito, perpetúan o clima de polarización social e política que vive Venezuela nos últimos anos, explicada en termos de clase social e dunha dicotomía electoral “rural” e “urbana”. Cunha participación electoral do 58,92%, o Gran Polo Patriótico (GPP) liderado polo PSUV alcanzou a vitoria en 255 das 335 alcaldías municipais en xogo (76,1%), por 75 vitorias (22,3%) alcanzadas pola oposición agrupada na Mesa da Unidade (MUD). A correlación de forzas electorais indicou que o PSUV-GPP obtivo 5.111.336 votos (49,24%), mentres a MUD alcanzou 4.435.097 votos (42,72%)

Esta polarización acentúase tendo en conta que a MUD alcanzou a vitoria en municipios politicamente estratéxicos como a Alcaldía Metropolitana de Caracas, Maracaibo, Valencia, Mérida, Barquisimeto e Barinas. Das 21 capitais estatais en xogo, o PSUV gañou en 13 por 8 vitorias da MUD. Contextualizado de acordo aos últimos procesos electorais en Venezuela (presidenciais de outubro de 2012, novas presidenciais en abril de 2013 e municipais de decembro de 2013), a correlación de forzas políticas confirmaría un 55% de apoio popular para o “chavismo” sobre un 45% de apoio ás forzas opositoras e independentes.

Con todo, este proceso electoral consolidou o liderado “colexiado post-Chávez”, con Maduro como principal baluarte de transición. Esta lexitimación da súa presidencia implicaría para Maduro e o PSUV o impulso dos grandes proxectos de desenvolvemento establecidos para o período 2013-2019 (Plan Patria, Gran Misión Vivenda, Poder Comunal), como pedras angulares dunha nova fase da revolución “bolivariana e socialista”, todo isto contextualizado nunha conxuntura de crise económica con directas implicacións sociais, así como na incesante presión das forzas contrarias dentro e fóra do país.

b) A fase revolucionaria 2013-2019

Tras estes comicios municipais, Venezuela non volverá a celebrar eleccións ata os próximos comicios lexislativos previstos para decembro de 2015, onde o PSUV porá a proba a súa maioría parlamentaria. Esta conxuntura dun horizonte sen procesos electorais a curto prazo implica para Maduro e o PSUV a articulación dunha serie de programas sociais e de desenvolvemento institucionalizados no actual período presidencial 2013-2019, que se poden resumirse en tres grandes eixes: o Plan da Patria; a Gran Misión Vivenda; e o Poder Comunal.

O Plan da Patria foi presentado en xuño de 2012 polo falecido ex presidente Chávez nun específico contexto electoral (presidenciais de outubro 2012), como proxecto angular de desenvolvemento para o período presidencial 2013-2019. Preservado integramente polo actual presidente Maduro, este Plan foi aprobado como Lei da República pola Asemblea Nacional venezolana o pasado 4 de decembro, afirmando bases programáticas como a preservación da independencia nacional, a construción do Socialismo do Século XXI, a potenciación internacional venezolana, a defensa dun mundo “multicéntrico e pluripolar”, e unha forte conciencia humana e ambiental, orientada á supervivencia do planeta e da humanidade. 

Pola súa banda, a Gran Misión Vivenda Venezuela, igualmente impulsada por Chávez desde finais de 2011, ampliará as súas perspectivas a nivel nacional co actual goberno de Maduro, coa meta fixada na construción de máis de 2 millóns de vivendas populares dignas.

Finalmente, o Poder Comunal corresponde a un eixe estratéxico concibido no Plan de Desenvolvemento “Simón Bolívar” 2007-2013, coa perspectiva de fortalecer o poder popular a través da consolidación da participación cidadá. Cobra aquí importancia a creación das “comunas” e dos “consellos comunais” como entidades de organización política, social, cultural e administrativa dentro da óptica establecida pola “nova xeometría de poder”. Deste xeito, a contundente vitoria municipal do PSUV-GPP pode significar un contexto decisivo para o impulso do Poder Comunal como eixe da transformación política do “Socialismo do Século XXI” neste período presidencial 2013-2019.

Estes plans de desenvolvemento sinalan a perspectiva de Maduro de consolidar a súa aposta polo “Goberno a pé de Rúa” iniciado en abril pasado, fortalecendo así as misións e programas sociais de diversa índole (“Misión Barrio Adentro, Barrio Tricolor”), a concreción de políticas de convivencia orientadas a combater a inseguridade cidadá e, principalmente, a denominada “ofensiva económica” contra a especulación e a usura, tal e como se evidenciou coas recentes medidas económicas orientadas a controlar os prezos e diminuír as ganancias dos sectores comerciais e empresariais, vistas oficialmente como “desaforadas” e produto do que Maduro denunciou como a especulación propia do “capitalismo parasitario”.

c) China como bálsamo económico

O contexto económico en Venezuela nestes nove meses de presidencia de Maduro afronta retos e riscos inevitables, particularmente relevantes tendo en conta o preocupante proceso de hiperinflación (54%), as crises de desabastecemento de produtos básicos e o fortalecemento das medidas de control estatal sobre diversos sectores económicos (electrodomésticos, téxtil, telefonía, ferroviaria, automotriz, etc.) e do sistema monetario (taxas oficiais de cambio), establecidas dentro da “ofensiva económica” contra a especulación.

Neste sentido, a constatación dunha crise económica, financeira e social a medio prazo implicaría notables complicacións políticas para Maduro, cunhas consecuencias que poderían incluso observarse no plano exterior, especialmente a través do eixe de PETROCARIBE e da ALBA, co acento no subministro enerxético a países centroamericanos e do Caribe, particularmente aliados estratéxicos como Cuba.

Cun elevado déficit fiscal (11,5% do PIB) e unha caída das reservas internacionais de US$ 42.000 millóns en 2008 a US$ 20.000 millóns na actualidade([1]), o goberno de Maduro pode verse obrigado a aplicar unha política de austeridade financeira, con recortes que incluso abarcarían as operacións exteriores de PETROCARIBE, especialmente cara Cuba, país que desde 2000 vese beneficiado polo subministro de 10.000 barrís diarios a prezos preferentes. Estímase que durante a presidencia de Maduro, os créditos venezolanos ao exterior experimentaron unha caída de US$ 17.000 millóns, a maioría deles dedicados a créditos e subsidios de PETROCARIBE([2]).

Paralelamente, estes desaxustes económicos planean sobre o compromiso gobernamental cun forte gasto público en materia social (aproximadamente un 27% do PIB), aspecto que obriga a Maduro a fortalecer lazos de cooperación con socios estratéxicos como China. Desde 2007, Pequín concedeu créditos brandos a Caracas por valor de US$ 40.000 millóns a cambio de subministro de barrís petroleiros (640.000 diariamente), que poden alcanzar o millón de barrís para 2015.

Precisamente, China ocupa áreas imprescindibles para a economía venezolana como a enerxía, o sector financeiro e de investimentos (Fondo Público Chinés) e a construción de vivendas (programa Gran Vivenda Venezuela). Todo isto derivou na necesidade de ampliar vínculos a través de diversas xiras a China realizadas entre xullo e setembro por parte do vicepresidente Jorge Arreaza, do presidente da Asemblea Nacional Diosdado Cabello e do propio Maduro. Esta alianza estratéxica incluso amplía perspectivas de carácter político, con especial incidencia na posibilidade de cooperación intrapartidaria entre o Partido Comunista Chinés e o PSUV([3]).

d) De cara ás lexislativas 2015

Así e todo, e tendo en conta a perspectiva “plebiscitaria” impulsada pola oposición contra as políticas económicas de Maduro nos pasados comicios municipais, as mesmas non causaron un efecto electoral prexudicial para o PSUV, perspectiva que permite inferir a lexitimación e consolidación dun liderado “post-Chávez” en mans de Maduro.

Paralelamente, o actual presidente incrementa o seu poder tras ser investido en novembro pasado con poderes especiais, a través dunha Lei Habilitante aprobada polo poder lexislativo, que lle permite gobernar practicamente por decreto durante un ano.  

Este liderado “post-Chávez” consolida unha dirección “colexiada” cunha unidade e operatividade que amosou unha inesperada firmeza á hora de afrontar os comicios municipais, superando incluso as expectativas gobernamentais precisamente cando diversos sectores opositores especulaban con hipotéticas loitas intestinas no “chavismo”. Esta dirección afirma unha especie de “triunvirato” no poder establecido arredor de Maduro, Diosdado Cabello e Rafael Ramírez, ministro de Enerxía e recentemente nomeado na carteira de Economía e na presidencia do Banco Central de Venezuela, sen esquecer o papel político da Forza Armada Nacional (FAN), cunha posición preponderante como garante da estabilidade institucional na transición “post-Chávez” que lle permite afianzar os seus baluartes de poder a nivel estatal, militar, burocrático (especialmente dentro do PSUV) e incluso económico.

A medio e longo prazo, o “postchavismo” deberá observar con atención o ascenso dunhas bases sociais constitucionalmente amparadas polo empoderamento da participación popular (Poder Comunal), onde os movementos sociais das bases populares do “chavismo” xogan un papel decisivo. A través deste poder comunitario, estas bases sociais poden fortalecer un espírito crítico “endóxeno” dentro do proceso revolucionario, principalmente ante a posibilidade de burocratización das estruturas de poder e da preponderancia de novas elites políticas e económicas (“boliburguesía”).

Pola súa banda, para a oposición, principalmente identificada no MUD, o contexto postelectoral determina un momento crítico que pode implicar unha nova transición. Resulta evidente que o liderado de Henrique Capriles Radonski e do partido Primeiro Xustiza resultaron prexudicados polos resultados municipais, aspecto que pode implicar eventuais loitas intestinas dentro da MUD([4]), incluso cuestionando a propia unidade política opositora.

Neste sentido, a reelección de Antonio Ledezma na Alcaldía Metropolitana de Caracas, así como o ascenso de Henri Falcón, un disidente do PSUV actualmente gobernador do estado de Lara, poden constituírse como novas referencias no liderado opositor, en particular de cara aos comicios lexislativos de decembro de 2015, onde a oposición ansía arrebatar ao PSUV a maioría parlamentaria.

Non obstante, este obxectivo vese seriamente afectado pola imposibilidade da MUD de vencer nos comicios municipais, perspectiva que igualmente obstaculiza a eventual presión política por propiciar un referendo revogatorio contra Maduro, constitucionalmente viable a mediados do seu mandato entre 2016 e 2017. En chave política, a oposición semella cifrar as súas esperanzas na eventual prolongación da crise económicas e dos seus consecuentes efectos sociais, especialmente se os mesmos implican unha forte erosión do voto “chavista”.

 

IGADI. 13 de decembro de 2013

 


([1]) “¿Nuevo período especial en Cuba?”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 869, 9 de decembro de 2013. Páxina 7.

([2]) Ibid.

([3]) RÍOS, Xulio; “China y Venezuela, de la ‘alianza perfecta’ a la ‘alianza madura”, IGADI, 24 de setembro de 2013. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/china-y-venezuela-de-la-alianza-perfecta-a-la-alianza-madura

([4]) GUERRERO, Modesto Emilio; “Claves sociales del triunfo chavista”, Rebelión (España), 12 de decembro de 2013. Ver en: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=178081

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº127162.4 KB

IgadiPaper nº128

Os Obxectivos do Milenio 2015:
un compromiso con claroscuros 

a) Introdución

A un ano de cumprirse o prazo establecido polas Nacións Unidas para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio 2015, o panorama ofrece contrastes notables e notorias desigualdades entre os avances alcanzados, os obxectivos por cumprir e o compromiso adquirido por gobernos, organismos públicos e privados e a sociedade civil.

Como se sabe, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) foron adoptados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas de setembro de 2000 por parte dos entón 189 países membros. Co horizonte do período 1990-2015, adoptáronse oito (8) obxectivos principais: Erradicación da Pobreza Extrema e da Fame; Educación Primaria Universal; Igualdade de Xénero e Empoderamento da Muller; Redución da Mortalidade Infantil; Mellora da Saúde Materna; Combate da SIDA, a malaria e outras enfermidades; Desenvolvemento Ambiental Sostible; e a adopción dunha Asociación Global para o Desenvolvemento. 

Sen menoscabar os consabidos efectos sociais e económicos lastrados polo actual contexto de crise económica e financeira, así como pola proliferación de conflitos armados (Siria, Malí, Congo) e o aínda elevado gasto mundial en armamentos, os gobernos tentan avanzar na conformación dunha alianza e plataforma mundial de desenvolvemento para o 2015, en especial no relativo ao compromiso por erradicar a pobreza, fortalecer a educación universal, a igualdade de xénero e o acceso á saúde. Pero a fenda desigual entre obxectivos alcanzados e aqueles por cumprir augura un panorama de dificultades á hora de medir o éxito global na consecución dos Obxectivos do Milenio.

b) O Informe 2013

En decembro de 2013, o Grupo Interinstitucional e de Expertos sobre os indicadores dos Obxectivos do Milenio, baixo a coordinación do Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da Secretaría Xeral de Nacións Unidas, elaborou o Informe 2013 sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio([1]) que, a petición da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, realiza avaliacións periódicas sobre os avances e progresos alcanzados na consecución dos Obxectivos do Milenio.

Este informe constitúe, por tanto, a referencia esencial a nivel global á hora de  dirimir o estado actual dos ODM. Neste sentido, e segundo afirma no seu prólogo Ban Ki Moon, Secretario Xeral de Nacións Unidas, concéntrase nas áreas onde se precisa “redobrar esforzos” para alcanzar os Obxectivos do Milenio cando “estamos a menos de 1.000 días de 2015”.

Deste xeito, o Informe 2013 aborda avances significativos e substanciais([2]), entre os que destacan:

  • Redución á metade da pobreza extrema. A proporción de persoas a nivel mundial que vive con menos dun dólar diario caeu do 47% en 1990 ao 22% en 2010, aproximadamente 700 millóns de persoas menos;
  • Acceso á auga potable. Nos últimos 21 anos, máis de 2.100 millóns de persoas lograron acceder a fontes melloradas de auga potable, achegándose en 2000 ao 89% do acceso global a estas fontes, contra un 76% en 1990. A pesar do crecemento significativo da poboación mundial, este obxectivo  alcanzouse cinco anos antes da meta fixada;
  • Loita contra o paludismo e a tuberculose. Entre 2000 e 2010, a taxa de mortalidade por paludismo reduciuse nun 25%, evitándose no mesmo período aproximadamente 1,1 millóns de mortes. Estímase que en 2015 a taxa de mortalidade diminuirá ata a metade dos valores de 1990;
  • Habitabilidade. Entre 2000 e 2010, máis de 200 millóns de habitantes en tugurios e zonas marxinais beneficiáronse do acceso a fontes melloradas de auga, instalación de saneamento, vivendas duradeiras e suficiente espazo habitable, superando así en 100 millóns de persoas as metas establecidas neste obxectivo;
  • Menor peso da débeda e entorno comercial máis equitativo. A relación entre o servizo da débeda e as ganancias por exportacións nos países en desenvolvemento achegouse ao 3,1% en 2011, un índice moito menor do 12% de 2000. Tamén aumentou o seu acceso aos mercados sen aranceis, sendo este índice do 80% en 2011;
  • Redución da fame. A nivel mundial, a porcentaxe de persoas con nutrición insuficiente baixou do 23,2% en 1990-1992 ao 14,9% en 2010-2012. Estímase que esta redución pode incluso diminuír á metade en 2015. Non obstante, existen obstáculos: unha de cada oito persoas no mundo padecen infraalimentación crónica.

No relativo ás áreas onde non se rexistraron suficientes avances e cabe concentrar maiores esforzos coa meta fixada para 2015, destacan([3]):

  • Ambiente sostible. Actualmente existe un 46% máis de emisións de dióxido de carbono (CO2) ca en 1990, o cal sinala un panorama sumamente preocupante, en especial ante a perda de bosques, a sobreexplotación mariña e o perigo latente de extinción de especies, a pesar dos avances en áreas marítimas e terrestres protexidas;
  • Mortalidade infantil. O Informe 2013 sinala unha redución do 41% nos índices de mortalidade en menores de cinco anos, pasando das 87 mortes por 1.000 de 1990 ás 51 mortes de 2011. Con todo, debe acelerarse o obxectivo de redución en dous terzos da mortalidade infantil en 2015, debido a que este problema concéntrase cada vez máis nas rexións máis pobres, e no primeiro mes de vida dos recen nacidos;
  • Mortalidade materna. Nos últimos 20 anos, a taxa de mortalidade materna no mundo diminuíu un 47%, pasando das 400 mortes por cada 100.000 nacidos vivos en 1990 aos 210 de 2010. Pero a meta 2015 require reducir esta taxa ao 75%;
  • Prevención da SIDA. A pesar da diminución mundial dos infectados polo virus da SIDA, estimábase en 2010 en 34 millóns de persoas infectadas a nivel mundial, con especial preponderancia en África Subsahariana. En 2010 non se alcanzou a meta mundial de acceso á terapia antirretroviral aínda que existen expectativas de alcanzarse en 2015;
  • Ensino primario. Entre 2000 e 2011, a cantidade de menores  fóra do sistema escolar reduciuse case á metade, de 102 millóns a 57 millóns. Así e todo, é visible a lentitude da redución, o cal reafirma as expectativas de non alcanzarse en 2015 o obxectivo de educación primaria universal;
  • Saneamento. De 1990 a 2011 houbo 1.900 millóns de persoas que tiveron acceso a inodoros e outras instalacións de saneamento. Non obstante, na actualidade, aproximadamente 1.000 millóns de persoas seguen a defecar ao aire libre, e precísase unha institucionalización das políticas de saneamento apropiadas. Máis de 2.500 millóns de persoas carecen aínda de instalacións sanitarias adecuadas;
  • Diminución da Axuda ao Desenvolvemento. En 2012, a Axuda ao Desenvolvemento (AOD) foi de US$ 126.000 millóns, cunha redución do 4% con respecto ao 2011, cun índice que á súa vez experimentara unha redución do 2% con respecto a 2010. Os países menos desenvolvidos son os que mais sofren esta redución: en 2012, a AOD para estes países caeu un 13%, ao redor de US$ 26.000 millóns;
  • Fenda rural-urbana. En 2011, só un 53% dos partos rurais foron atendidos por 84% nas zonas urbanas. Un 83% da poboación sen acceso a fontes melloradas de auga potable seguen a vivir en zonas rurais;
  • Pobreza e acceso á educación. Na actualidade, os nenos e adolescentes nos fogares máis pobres teñen tres veces maiores probabilidades de non asistir á escola que os que viven en fogares con maior riqueza. En canto a xénero, as nenas teñen maiores probabilidades que os nenos de non asistir á escola primaria e secundaria, incluso en fogares máis ricos:
  • Desigualdade de xénero. Un problema persistente, debido a que no sector público e privado, así como nas máis elevadas esferas gobernamentais e incluso dentro da vida familiar, ás mulleres se lles segue a negar o mesmo dereito que aos homes na participación da toma de decisións.
c) Os ODM: son unha prioridade?

O Anuario 2013 do Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI)([4]) calculou o gasto militar a nivel mundial en 2012 en US$ 1.756 billóns, unha cifra que representa o 2,5% do PIB a nivel mundial, estimado en US$ 249 por persoa no mundo([5]).

Se ben o SIPRI considera que este monto corresponde a unha redución do 0,4% con respecto a 2011, sendo esta a primeira caída no gasto mundial en armamentos desde 1998, o mesmo revela o peso do sector da defensa e armamentos dentro da política global, en detrimento das políticas e programas de desenvolvemento socioeconómico, tal e como se observou anteriormente coa sensible redución da AOD entre 2010 e 2012. De feito, o SIPRI considera que o gasto militar de 2012 supera a despensa neste sector a nivel mundial de calquera ano entre 1945 e 2010.

Seguindo co informe do SIPRI, considérase que a distribución do gasto mundial de 2012 denota un desprazamento de Occidente cara outras partes do mundo, especialmente os países en vías de desenvolvemento. A crise económica e financeira acaecida principalmente a partir de 2008, coa consecuente  adopción de políticas de austeridade monetaria, pode levemente explicar porqué Occidente reduciu o seu gasto militar a diferenza, por exemplo, de Asia e Oceanía, onde o mesmo intensificouse en 2012, aínda que a un ritmo menor en comparación con anos anteriores.

No período 2009-2012 observáronse igualmente notables reducións no gasto militar en América Latina, Asia Central, Oriente Próximo, África Subsahariana, principalmente en comparación co ritmo expansivo do gasto militar no período 2003-2011([6]). Así mesmo, en abril de 2013 aprobouse na ONU o Tratado Internacional sobre o Comercio de Armas. Non obstante, este énfase no  gasto militar revela a preponderancia de factores de carácter xeopolítico por riba dos programas de Axuda ao Desenvolvemento, intensificados por un contexto de crise económica que dilúe calquera tipo de compromiso político en materia de cooperación e solidariedade, un aspecto visiblemente desprazado e silenciado dentro da axenda política e o discurso público dos principais líderes mundiais.

Por tanto, a persistencia de conflitos, agravados pola herdanza da nefasta “guerra internacional contra o terrorismo” centrada nas guerras de Afganistán (2001) e Iraq (2003), suxire un contexto de impunidade, violación da legalidade internacional e dos dereitos humanos (tal e como revelaron Wikileaks e o caso Snowden) que se manifestan na atención política prestada ás tensións en Oriente Próximo a carón da Primavera árabe desde 2011, con conflitos armados sen resolver (Siria) e tensas transicións (Libia, Exipto), onde a intervención militar internacional marcou igualmente a pauta.  Paralelamente, e a pesar dos notables avances económicos dos últimos anos, África Subsahariana segue a ser escenario de importantes conflitos armados (Congo, Malí, Sudán do Sur, Somalia), en contextos de pobreza, exclusión, desigualdades, rapacidade polo control das súas materias primas e utilización de “nenos da guerra”, aspectos que dificultan igualmente a concentración de políticas e programas para a consecución dos ODM.

Así e todo, existe unha percepción, principalmente dende os países do Sur, mais proclive á hora de propiciar un desenvolvemento inclusivo orientado cara a consecución dos Obxectivos do Milenio. Tomamos así como exemplo a creación en 2004 do Centro Internacional de Políticas para o Crecemento Inclusivo([7]), con sé en Brasilia e impulsado polo economista indio Nanak Kakwani, contando coa participación do estatal Instituto de Investigación Económica Aplicada (IPEA) e do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).

Este centro esfórzase por formular unha nova metodoloxía de medición da pobreza([8]) que permita exercer influencia dentro do grupo dos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica), con especial atención á medición de políticas inclusivas consecuentes cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Con todo, entre os avances, os claroscuros e os contrastes existentes, son escasas as expectativas que se cifran no cometido da consecución universal dos ODM en 2015.

IGADI. 10 de xaneiro de 2014


([1]) The Millennium Development Goals Report 2013. Ver en: http://www.undp.org/content/undp/en/home/librarypage/mdg/the-millennium-development-goals-report-2013/ (versións en inglés, francés e castelán)

 

([2]) Objetivos de Desarrollo del Milenio. Informe 2013. Panorama General. Páxina 4. Ver en: http://www.undp.org/content/dam/undp/library/MDG/spanish/mdg-report-2013-spanish.pdf (versión en castelán)

([3]) Ibid, pp. 4-5.

([4]) SIPRI Yearbook 2013: Armaments, Disarmaments and International Security. Ver o seu resumo en versión castelán a través do enlace:

http://www.sipri.org/yearbook/2013/files/sipri-yearbook-2013-resumen-en-espanol

([5]) Ibid.

([6]) Ibid.

([7]) Páxina web: http://pressroom.ipc-undp.org/?lang=es (en castelán)

([8]) ORTIZ, Fabiola; “Desarrollo inteligente se busca en los BRICS”, Inter Press Service en español, 24 de decembro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/12/desarrollo-inteligente-se-busca-en-los-brics/

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº128151.32 KB

IgadiPaper nº129

A xeopolítica da crise ucraína: 
pulsos estratéxicos no espazo euroasiático

a) Introdución

Nun país historicamente marcado pola bipolaridade entre Occidente e Rusia, a crise ucraína desvela un sostido pulso orientado á eventual reconfiguración de esferas xeopolíticas de influencia dentro do espazo euroasiático, na que están involucrados a distintos niveis diversos actores, entre os que destacan Rusia, Europa, EUA e indirectamente China.

Todo isto sen descartar a influencia dun ascendente nacionalismo ucraíno e, incluso, a posibilidade dunha fragmentación territorial de feito en Ucraína, cunhas repercusións que ameazan con causar turbulencias xeopolíticas en Europa Oriental. Por tanto, e á espera de observar os movementos de péndulo trala caída do primeiro ministro Mikola Azarov o pasado 28 de xaneiro e o pulso político entre o presidente Viktor Yanúkovich e unha heteroxénea oposición onde prevalece o peso dos sectores nacionalistas e extremistas máis radicais, as variables identifican a Ucraína como o epicentro de intereses e tensións dentro do xadrez xeopolítico euroasiático.

Por unha banda, resultan evidentes os intereses occidentais, os cales intensifican os seus parámetros de actuación. Tanto EUA como a Unión Europea observan de forma calculada en qué medida a crise ucraína alteraría os seus imperativos estratéxicos dende Europa Oriental ata Asia Central, sen descartar incluso Oriente Medio. No foco, considerar a eventualidade dunha Ucraína máis proclive a aproximarse á Unión Aduaneira Euroasiática que o presidente ruso Vladímir Putin espera consolidar a partir de 2015, e que abertamente afectaría os intereses euroasiáticos de Washington, a UE e a OTAN.

Por outra banda, China, a certa distancia, ingresa cun inédito e calculado peso dentro da crise ucraína. A visita de Yanúkovich a Pequín a comezos de decembro pasado, centrada na subscrición de acordos económicos e financeiros para paliar a débeda pública ucraína, revela a estratexia do presidente ucraíno de abrir outros canais de cooperación diferentes da bipolaridade establecida en torno a Rusia e Europa. A mediados de 2012, Yanúkovich solicitou a China o ingreso ucraíno na Organización de Cooperación de Xangai (OCX). Neste apartado, debe terse igualmente en conta os achegamentos entre Turquía e China (especialmente no sector militar nun país membro da OTAN) e a petición turca de ingreso na OCX, cunhas repercusións a medio e longo prazo que alterarán o equilibrio estratéxico no espazo euroasiático.

Para EUA, a UE e a OTAN, a perda de influencia en Ucraína e a eventual orientación turca cara China suporían sensibles retrocesos estratéxicos para os seus intereses euroasiáticos, toda vez este pulso estratéxico ten outros escenarios como Oriente Medio, en particular tralo recente pacto nuclear entre Irán e Occidente. Estas e outras variables definen por qué a crise ucraína está evidenciando un duro pulso de intereses xeopolíticos entre diversas potencias, centrado en modificar o status estratéxico euroasiático.

b) A “opción China”

A comezos de decembro, o presidente ucraíno Viktor Yanúkovich visitou Pequín nun momento político sumamente delicado en Ucraína, á vista da radicalización e intensificación das protestas, comezando coa concentración de opositores na praza Maiden de Kiev.

Esta visita de Yanúkovich tivo unha grande importancia, directamente relacionada  coa posibilidade de situar a China como un socio de cooperación alternativo que diminúa a tradicional bipolaridade ucraína entre Rusia e Occidente. Desde 2011, Ucraína e China incrementaron o seu intercambio comercial, cun aumento do 46% nas exportacións ucraínas ao país asiático e un incremento do 9% das importacións chinesas. Esta visita permitiu perfilar un acordo inédito: o aluguer durante 50 anos dun territorio de tres millóns de hectáreas en Ucraína (un 5% do seu territorio nacional) a empresas chinesas para a cooperación agraria. Este acordo causou forte polémica dentro e fóra de Ucraína.

Yanúkovich tenta configurar a China como un socio estratéxico económico e financeiro, diluíndo ao mesmo tempo a dependencia ucraína de Rusia e Europa. En 2014, o goberno ucraíno debe pagar un total de 12.500 millóns de euros en débeda, razón pola que Kiev barallou a posibilidade dunha especie de rescate financeiro chinés, ata agora non asegurado por Pequín, que evita pronunciarse ao respecto. Tras visitar China, Yanúkovich igualmente intensificou os acordos de cooperación, principalmente enerxéticos, con Rusia. 

A “opción China” de Yanúkovich non é nova. En 2012, Kiev solicitou formalmente a Pequín o ingreso ucraíno na Organización de Cooperación de Xangai (OCX), un anuncio inédito nun país da Europa Oriental post-soviética. Rusia, que forma igualmente parte da OCX, observou con moderada aceptación esta petición ucraína, tras unha reunión entre Putin e Yanúkovich celebrada en Sochi (Rusia) en agosto de 2012.

Pero non é só Ucraína quen observa a China como unha alternativa de cooperación. Nos últimos meses, Turquía ven intensificando as súas relacións tanto con Pequín como con Moscova, especialmente en materia militar. En setembro de 2013, o ministerio de Defensa turco anunciou a compra dun sistema de defensa antiaérea á China Precision Machinery Export-Import Cooperation, unha súbita elección que creou forte conmoción e controversia en EUA e a UE, precisamente por ser Turquía un membro activo da OTAN desde o seu ingreso na organización atlántica en 1952.

Deste modo, Ankara outorgou prioridade ao sistema chinés HQ-9 por riba do estadounidense Patriot e do SAMP/T europeo, e agora resta observar, se a operación chega a consumarse, cómo será a integración deste sistema de defensa chinés dentro dos parámetros establecidos pola OTAN en Turquía. Ao pouco de transcender esta decisión, xurdiron en Turquía os movementos e denuncias a propósito da corrupción, abaneando o goberno de Erdogan…

Os contactos entre Turquía e China (tamén no eido da comunicación e outros) veñen da man do interese turco polo seu eventual ingreso na OCX. A mediados de 2012, durante un cumio da OCX en China, o goberno turco de Recep Tayyip Erdogan recibiu a aceptación da OCX para ingresar baixo o status de socio de diálogo, condición que foi oficialmente formalizada polo ministro turco de Exteriores, Ahmed Davutoğlu, en abril de 2013, durante unha reunión co secretario xeral da OCX, o ruso Dmitri Mezentsev, en Almaty (Kazajstán). Este interese turco por ingresar na OCX foi formalmente aceptado por Putin durante un cumio con Erdogan en novembro pasado en Moscova.

Aínda que Pequín non se ten oficialmente pronunciado sobre este escenario, o achegamento e eventual ingreso ucraíno e turco na OCX alteraría significativamente o mapa estratéxico de intereses de EUA, a UE e a OTAN no espazo euroasiático conformado entre Europa Oriental e Asia Central.

Este aspecto igualmente confirma o ascendente peso chinés en materia de cooperación militar a nivel global, en especial cara países tradicionalmente aliados ou baixo a esfera de influencia occidental, tales como Paquistán e Arabia Saudita, entre outros. Neste sentido, o Instituto Internacional de Investigación para a Paz de Estocolmo (SIPRI polas súas siglas en inglés) situou en 2013 a China na quinta posición como maior exportador de armas a nivel mundial([1]).

c) Un actor incómodo: o extremismo

Outro factor de relevante importancia xeopolítica ten que ver coa forte implicación de grupos extremistas nas manifestacións anti-Yanúkovich en Kiev e outras cidades ucraínas, con violentos enfrontamentos contra forzas de seguridade e ocupación de edificios públicos. Este factor pode modificar sensiblemente o mapa político ucraíno a curto prazo, especialmente ante as tensións trala caída do goberno de Azarov e as fortes presións (alimentadas dende Occidente) por derrubar a presidencia de Yanúkovich e dar paso a eleccións presidenciais anticipadas.

Neste sentido, a heteroxénea composición das forzas políticas que están detrás das manifestacións anti-Yanúkovich dan a entender unha polarización de forzas onde os extremistas cobran peso e preponderancia. Se ben a coalición “Patria” da represaliada Iulia Timoshenko segue a ser visible entre os manifestantes opositores, particularmente no ex presidente do Banco Central e economista Arseny Yatsenyuk (39 anos) e en menor medida do ex ministro independente Yuriy Lutsenko (Movemento Terceira República de Ucraína), os “pesos pesados” desta “nova” oposición ucraína están liderados por personaxes vinculados a movementos, moitos deles incluso de extrema dereita, en oposición frontal a Yanúkovich tras non aceptaren ningún pacto político de solución ao conflito.

Entre estes liderados destacan o do ex campión mundial de boxeo Vitali Klitschko (42 anos), líder da Alianza Ucraína Democrática para as Reformas (UDAR ou “Golpe” en ucraíno), abertamente proeuropeísta; e Oleg Tyahnibok, líder do partido  Svoboda([2]) (“Liberdade”), no que están integrados movementos de ultradereita e incluso “protofascistas” como o Partido Social Nacional, marcadamente anti-europeístas, anti-rusos e anti-inmigración.

Dentro de Svoboda resulta igualmente relevante a actuación dunha formación moi presente nas protestas e confrontacións, o “Pravy Sektor” (“Sector de Dereita”), con ramificacións noutras formacións extremistas como “Patriotas de Ucraína”, “Asemblea Nacional de Ucraína - Autodefensa Nacional de Ucraína” e “Trizub”, que ten por  referencia histórica ao líder fascista Stepan Bandera, creador da “Organización de Nacionalistas Ucraínos”, colaborador coa invasión nazi de 1941 e marcadamente antirruso e antixudeu, acusado de cometer diversos crimes contra a humanidade. Diversas fontes argumentan que presuntamente Berlín e a UE apoian o fortalecemento dos liderados de Klitschko, Yatsenyuk e Tyahnibok para conformar unha especie de “fronte común” anti-Yanúkovich e antirrusa en Ucraína([3]).

A creación de “grupos de choque” claramente de carácter golpista e paramilitar, amparados incluso coa inclusión de simpatizantes provenientes de organismos policiais camuflados de civil, cobran protagonismo nas protestas, influíndo claramente na radicalización da crise ucraína, manifestada igualmente pola toma de edificios gobernamentais en varias cidades do país, como Lvov, Dnepropetrovsk, Odessa, Donetsk e Kirovograd.

d) É posible a “balcanización” de Ucraína?

Este escenario de visible radicalización da crise ucraína pode derivar en riscos de carácter xeopolítico, en particular ante unha hipotética desintegración territorial entre un Oeste onde prima o seu acervo occidental, e as rexións do Leste e do Sur, fronteirizas con Rusia, cunha obvia orientación prorrusa. Segundo o Censo Nacional de 2001, unha franxa de poboación ucraína, calculada entre un 30-50% da poboación total, é oficialmente rusofalante.

En azul, este mapa amosa a porcentaxe da poboación ucraína identificada co ruso como lingua nativa. Esta proporción oscila entre o 30-50% da poboación, principalmente asentada nas rexións orientais de Ucraína. Fonte: Censo Nacional de 2001 (Tomado de The Washington Post)

Se ben as protestas igualmente convocan a cidadáns de diversas tendencias políticas e ideolóxicas, mobilizados pola frustración que provoca a corrupción das elites, o fracaso das reformas democráticas e a crise económica, a súbita aparición de liderados como os de Klitschko e Tyahnibok, así como o peso da extrema dereita, da a entender un cambio na correlación de forzas na oposición e eventualmente na política ucraína, contextualizado nese pulso de intereses xeopolíticos externos e a polarización social, étnica, lingüística e territorial do país.

Así e todo, o risco de posible guerra civil e, incluso, de fragmentación territorial xera certa preocupación en países veciños como Hungría e Eslovaquia, os cales comparten fronteira con Ucraína a través da rexión Transcarpática e que posúen respectivas comunidades lingüísticas nese país.

Neste sentido, algúns representantes políticos en Hungría, Eslovaquia e Romanía amosaron a súa preocupación porque unha desestabilización comandada pola extrema dereita derive na recreación de reclamacións territoriais ou incluso de secesións territoriais de feito, como sucedera no caso de Transnistria con respecto a Moldova, así como nunha especie de “balcanización” en Ucraína.

De feito, os países membros do Grupo de Visegrad, conformado por Polonia, Eslovaquia, Hungría e República Checa, emitiron un comunicado conxunto([4]) o pasado 30 de xaneiro, instando a deter a “vaga de violencia” en Ucraína. Con todo, aparentemente, intensifícanse os movementos “revisionistas” históricos entre diversos sectores das elites políticas e intelectuais en países como Romanía e Bulgaria, a fin de premer polas súas reclamacións históricas cara Ucraína, aproveitando a conxuntura de inestabilidade nese país([5]).

e) O pulso entre Rusia e Occidente

Este mosaico de imprevisibles escenarios vese igualmente mediatizado polos intentos de EUA, a UE e Rusia por controlar as súas zoas de influencia e dar cobertura aos seus intereses xeopolíticos no espazo euroasiático, con Ucraína como epicentro das tensións. A este puzzle debe engadirse a preponderancia de China, mais indirecta pero non menos determinante, e que pode eventualmente condicionar un novo equilibrio estratéxico entre Europa Oriental e Eurasia. Lembremos tamén a súa recente irrupción nos PECO (Países de Europa Central e Oriental) onde constituíu un Foro de cooperación, que abeira a propia UE, no pasado novembro.([6])

Afectados polo rexeitamento de Yanúkovich ao acordo de asociación coa UE (novembro de 2013), EUA, a UE e complementariamente a OTAN están preocupados pola eventualidade dun reforzamento da posición rusa en Ucraína, en particular ante o proxecto de Putin de concretar en 2015 unha Unión Aduaneira Euroasiática, con claras pretensións de fortalecer a influencia de Moscova dentro do espazo euroasiático.

Convencidos da necesidade de afastar a Ucraína da órbita de influencia rusa, Occidente, e particularmente unha UE dominada por Alemaña e a “troika” (FMI, Banco Central Europeo e Comisión Europea), espera concretar en Ucraína outra especie de laboratorio da austeridade e sometemento aos “paquetes” económicos, similar á que actualmente impón en Grecia. Paralelamente, o notorio silencio do eixe EUA-UE-OTAN ante a hipotética “balcanización” ou fragmentación territorial de feito de Ucraína, evidencia que este escenario puidera favorecer igualmente os seus intereses por controlar esferas de influencia.

A implicación occidental a favor dos manifestantes ucraínos permitiu a sorprendente presenza na praza Maidán de Kiev de altos representantes como a secretaria de Estado asistente de EUA, Victoria Nuland, o senador republicano John McCain, o ministro alemá de Exteriores, Guido Westerwelle, o chanceler canadense John Baird, ou o ex primeiro ministro polaco Jaroslaw Kaczynski e diversos políticos europeos e estadounidenses, incluíndo países que gravitan na periferia ucraína como Lituania e Xeorxia, en particular o seu ex presidente Mikhail Saakashvili, declarado “persoa non grata” polas autoridades ucraínas. Todos eles apareceron publicamente en Kiev cos principais líderes da revolta, facendo publicamente causa común coas súas demandas.

Ante esta perspectiva de aberta implicación occidental, o deputado ucraíno Oleg Zarev chegou a acusar a Occidente de propiciar en Ucraína a reprodución das “revolucións de cor” que, entre 2000 e 2005 levou a diversos cambios de goberno en países de Europa Oriental e do espazo euroasiático ex soviético (Serbia, Xeorxia, Ucraína, Kirguizistán).

Se ben Rusia pretende atraer a Ucraína como peza estratéxica desta Unión Euroasiática, coa evidente intención de cortar a intromisión occidental (vía OTAN e UE principalmente), o presidente Putin equilibra todo tipo de alternativas con Bruxelas e Washington para evitar unha desestabilización en Ucraína, tal e como se evidenciou durante o recente cumio UE-Rusia do 30 de xaneiro, e as visitas a Kiev da comisionada de política exterior da UE, Catherine Ashton, e do comisionado da UE para a Ampliación, Stefan Fule. En medio da crise, Rusia e Ucraína intensificaron a súa cooperación a comezos de xaneiro, a través da concreción dunha serie de proxectos conxuntos valorados en US$ 56.400 millóns.

IGADI. 31 de xaneiro de 2014.



 

([1]) “China´s Exports of Large Arms and Light Weapons”, SIPRI Policy Paper Nº 38, Outubro de 2013. Ver en: http://books.sipri.org/files/PP/SIPRIPP38.pdf

([2]) Diversas fontes estranxeiras aseguran que “Svoboda” está estreitamente ligado á Fronte Nacional francesa liderada por Marine Le Pen. Outras igualmente argumentan unha clara implicación de Alemaña na crise ucraína, co presunto apoio da chanceler alemá Ánxela Merkel e da Fundación Konrad Adenauer ao fortalecemento dos liderados de Klitschko, Yatsenyuk e Tyahnibok. Para maior información, consultar o artigo de PELÁEZ, Vicky: “Mano negra tras las manifestaciones en Ucrania”, RIA Novosti (Rusia), 14 de decembro de 2013. Ver en: http://sp.ria.ru/opinion_analysis/20131214/158782818.html. Igualmente relevante é o artigo de POCH DE FELIU, Rafael; “Horizonte Ucraniano”, La Vanguardia (España), 30 de xaneiro de 2014. Ver en: http://blogs.lavanguardia.com/berlin/?p=540. Igualmente reproducido en Rebelión (España). Ver en: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=180193

([3]) Unha radiografía sobre a conformación desta “nova oposición” contra Yanúkovich, o peso da ultradereita e as implicacións dos intereses occidentais nos mesmos pode consultarse nos artigos: DRAITSER, Eric: “Ukraine and the Rebirth of Fascism in Europe”. Global Research (Canadá), 31 de xaneiro de 2014. Ver en:  http://www.globalresearch.ca/ukraine-and-the-rebirth-of-fascism-in-europe/5366852; e tamén de POCH DE FELIU, Rafael; “Horizonte Ucraniano”, op.cit.

([4]) “Los países del Grupo de Visegrad llaman a detener la ola de violencia en Ucrania”, Rádio Slovakia International, 30 de xaneiro de 2014. Ver en: http://es.rsi.rtvs.sk/clanok/rubriky/actualidad/los-paises-del-grupo-de-visegrado-llaman-a-detener-la-ola-de-violencia-en-ucrania

([5]) MÂNDRÃŞESCU, Valentin: “Los vecinos de Ucrania buscan repartir sus territorios”, La Voz de Rusia en español, 31 de xaneiro de 2014. Ver en: http://spanish.ruvr.ru/2014_01_31/vecinos-Ucrania-politica-territorios/

([6])  Ríos, Xulio: “China y las Europas”, 25 de Novembro de 2013. Ver en: http://www.politica-china.org/nova.php?id=4303&clase=17&lg=gal

AnexoTamaño
IgadiPaper nº129231.2 KB

IgadiPaper nº130

O “modelo FMLN” na nova esquerda latinoamericana

a) Introdución

Trala realización dos comicios presidenciais o pasado 2 de febreiro, cunha vitoria co 49% dos votos para o candidato Salvador Sánchez Cerén, da gobernante Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), O Salvador deberá realizar unha segunda volta electoral o próximo 9 de marzo entre o FLMN e a dereitista Alianza Republicana Nacionalista (ARENA), certificando así a bipolaridade existente entre ambos partidos tralos Acordos de Paz de 1992, que puxeron fin a doce anos de guerra civil.

Alén da bipolaridade FMLN-ARENA e da definición electoral entre Sánchez Cerén e o seu contrincante Norman Quijano, levemente alterada pola súbita alza da candidatura do centrista e ex presidente Elías Antonio Saca González (UNIDAD), quen co 11,4% dos votos pode converterse no árbitro desta próxima segunda rolda electoral, o aspecto máis salientable do proceso político e electoral salvadoreño ten que ver coa consolidación do FMLN como unha realidade política e unha notable alternativa para os partidos de esquerda en América Latina.

Tras obter por vez primeira a presidencia en 2009 a través da candidatura dun independente, o actual mandatario Mauricio Funes, o FMLN confirmou un ascenso político e electoral fraguado tras dúas décadas de participación no sistema político salvadoreño, amparado pola transición da posguerra. Así, a antiga formación guerrilleira que na década de 1980 impulsou unha vía mixta, revolucionaria e democrática, para achegarse ao poder, estableceu un novo marco de actuación sumamente relevante para a esquerda centroamericana e latinoamericana en xeral.

A pluralidade de formacións políticas que dende a esquerda impulsaron a creación do FMLN a partir de 1980 permite inferir a concentración dunha heteroxénea conxunción de ideas e alternativas que definen a andaina deste movemento, así como a súa proposta de transformación política e social nun país periférico como O Salvador. No contexto actual de cambios políticos en América Latina, o FMLN transita cunha orientación máis ben asociada á variable socialdemócrata, similar á do “lulismo” e do Partido dos Traballadores (PT) brasileiro e a Fronte Ampla (FA) uruguaia.

Paralelamente, o papel do FMLN na transición salvadoreña, logrando vertebrar con éxito o seu tránsito de movemento guerrilleiro a partido político, permítelle incluso erixirse como unha referencia chave de cara a outros contextos de conflito na rexión, especificamente no caso colombiano, e en particular de cara ás Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), tendo en conta o actual contexto de diálogo e negociación que leva a cabo a guerrilla co goberno colombiano.

b) Revolución na pluralidade

Se un factor pode definir a esencia do FMLN desde a súa creación en 1980, este debe identificarse coa súa capacidade para afrontar procesos de cambio e transformación([1]), sempre dende a inclusión e a pluralidade como variables estratéxicas para alcanzar o poder e propiciar as transformacións revolucionarias necesarias nun país, O Salvador, provisto dunha estrutura oligárquica, claramente subdesenvolvido e periférico dentro do sistema internacional.

Amparado pola referencia que para a esquerda latinoamericana constituíu a revolución cubana e, particularmente, animada polo triunfo da revolución sandinista en Nicaragua (1979), a creación do FMLN foi posible grazas á conxunción de cinco estruturas políticas: o Partido Comunista do Salvador (PCS); as Forzas Populares de Liberación “Farabundo Martí” (FPL); o Exército Revolucionario do Pobo (ERP); a Resistencia Nacional (RN); e o Partido Revolucionario dos Traballadores Centroamericanos (PRTC)([2]).

Neste sentido, compre destacar o papel histórico de Salvador Cayetano Carpio, un líder comunista que rompeu coa estrutura do PCS en 1968, como catalizador da creación do FLMN como unha nova vía para a esquerda salvadoreña, centrada en concretar un movemento capa de vertebrar “a loita de masas coa loita armada([3]).

Precisamente, e durante os anos da guerra civil salvadoreña (1980-1992), esta dobre estratexia de combinar “a loita de masas” e “pacífica” coa “loita armada” permitiulle ao FMLN avanzar na configuración dun movemento político de maior amplitude social. Ademais de avanzar ou conservar posicións “militares” principalmente nas zoas rurais, a guerrilla logrou paralelamente crear un clima de lexitimidade e mobilización popular, a través de folgas, concentracións e manifestacións nas grandes cidades salvadoreñas.

Neste sentido, no FLMN foron incluíndose sectores de clases medias, intelectuais, líderes sindicais, campesiños e movementos de base católica, especialmente xesuítas, cunha capacidade de mobilización popular e guerrilleira que desafiou abertamente aos gobernos dereitistas de ARENA, ás elites e a unhas Forzas Armadas salvadoreñas financiadas e apoiadas dende Washington([4]). Un factor estratéxico de lexitimidade foron os prolíficos vínculos do FLMN coa Igrexa salvadoreña, principalmente a través da Compañía de Xesús (xesuítas), sinalando unha nova variable de actuación para o movemento político e guerrilleiro, particularmente decisivo nun pobo tan profundamente relixioso como o salvadoreño([5]).

Con todo, esta incesante estratexia do FMLN por construír unha unidade inclusiva e un forte traballo de masas (ideolóxico, educativo, cultural) non estivo exento de divisións internas, principalmente ante o pulso interno entre o FPL por conservar a formación dunha política con base social de masas, e do ERP por afianzar a ala militarista, aderezado pola axuda exterior cubana e da Nicaragua sandinista([6]). Así e todo, o FMLN foi o primeiro movemento político e guerrilleiro latinoamericano en afrontar estes e outros dilemas internos nun contexto fraguado polos inicios da “posguerra fría” e do fracaso da insurxencia armada como método para alcanzar o poder.

c) Renovación nun novo ciclo

Estes dilemas internos foron superándose unha vez o cálculo político realizado polo FMLN permitiulle sumarse aos Acordos de Paz de 1992, que deron paso á súa legalización como partido, as reformas institucionais necesarias e a desmobilización das súas milicias guerrilleiras, adaptándoas a un movemento preparado para participar electoral e politicamente, como unha alternativa viable dende a esquerda, a través dun sistema de democracia representativa.

Desde a participación do FMLN nas eleccións presidenciais de 1994, o sistema político salvadoreño experimentou unha bipolaridade ARENA-FMLN basicamente inalterable, a excepción de 2009, cando a antiga guerrilla alcanzou democraticamente o poder ao gañar as eleccións presidenciais a través da candidatura do independente Maurico Funes, acabando así con dúas décadas de poder de ARENA desde 1989.

Deste modo, o FMLN experimentou un claro ascenso político e electoral desde 1994, incrementando o seu número de deputados nos sucesivos comicios lexislativos([7]) e alcanzando a vitoria en municipios politicamente estratéxicos como a capital San Salvador (2003), así como na maioría das zonas urbanas([8]), erosionando ao mesmo tempo o caudal de votos de ARENA. Con todo, a bipolaridade entre ambos partidos igualmente afondou as súas diferenzas políticas e ideolóxicas, en particular para alcanzar os consensos necesarios a nivel gobernamental e institucional([9]).

A vertebración dun novo modelo para o FMLN que conciliara os principios básicos do movemento cobrou forza a partir da celebración da súa XIII Convención Nacional Ordinaria (decembro de 2000), na que o FMLN adoptou como principios políticos fundamentais unha ampla base de conceptos e ideas que consolidaron a súa pluralidade e capacidade de inclusión de diversos sectores([10]).

Nesta concreción dun novo programa político para un novo momento político, o FMLN adoptou principios propios da socialdemocracia([11]), incluso con fortes raíces cristiás, entre os que destacan o “humanismo revolucionario”, a “democracia pluralista de esquerdas”, a desmilitarización e o pacifismo, a reivindicación do valor fundamental da familia, a primacía da sociedade civil, a equidade de xénero, o patriotismo e o rescate dos valores da identidade nacional, o ecoloxismo e defensa do medio ambiente e unha vocación solidaria e internacionalista baseada no “centroamericanismo” e na “visión do Sur”, entre outros.

Deste modo, a elección presidencial do xornalista Mauricio Funes e do seu compañeiro de fórmula Sánchez Cerén como vicepresidente, confirmou esa tradición pluralista e inclusiva do FMLN, un factor que lle permitiu erixirse como unha alternativa política á hexemonía conservadora que mantiña o partido ARENA desde 1989. De cara á segunda rolda electoral prevista para marzo próximo, e ante a intensificación das negociacións políticas e dos pactos electorais con partidos minoritarios, como UNIDAD, PCN, PSP, GANA e PDC([12]), resulta previsible que o FMLN ampliará o seu espectro de apoios políticos a fin de garantir unha nova presidencia para o período 2014-2019.

Neste sentido, a visión pragmática do programa electoral do FMLN([13]) outorga prioridade a aspectos moi concretos da realidade salvadoreña: emprego, vivenda, saúde e educación, combate ao crime e prevención do delito, equidade de xénero, investimentos públicos e estranxeiros, descentralización estatal, sustentabilidade ambiental e políticas cara a diáspora, principalmente no relativo á participación política da emigración salvadoreña en EUA.

d) A perspectiva hemisférica

O xiro político e electoral manifestado desde 1998 en América Latina cara diversas variantes da esquerda implicou un notable impulso político para o FMLN, tanto no seu propósito de alcanzar o poder no seu país como na concreción de alianzas e eixes de cooperación coas novas referencias da esquerda latinoamericana.

Neste sentido, compre sinalar a influencia que exerceron no FMLN as variantes da esquerda hemisférica a través dos modelos máis socialdemócratas e progresistas do ex presidente Lula da Silva([14]) e do PT en Brasil (a partir de 2003) e da Fronte Ampla uruguaia (a partir de 2004). Non obstante, o FMLN igualmente seguiu con atención a evolución da Revolución Bolivariana e o modelo do Socialismo do Século XXI na Venezuela de Hugo Chávez.

Neste último caso, e principalmente a través de convenios de cooperación da ALBA, o FMLN impulsa desde 2006 diversos proxectos de cooperación en municipios onde goberna, a través da Asociación Intermunicipal Enerxías para O Salvador (ENEPASA) como mecanismo de actuación da ALBA no país centroamericano. Se ben O Salvador non pertence a este organismo, o achegamento da ALBA ao FMLN igualmente é posible grazas á cooperación do presidente nicaraguano Daniel Ortega, cuns contactos co FMLN que datan da década de 1980, durante o goberno sandinista en Managua.

Con todo, o FMLN manifesta unha maior confluencia no eido político cos modelos “lulista” do PT e da FA uruguaia, os cales conservan no seu interior diversos liderados e  militantes de movementos armados guerrilleiros neses países, provenientes das décadas de 1960-1970. Nese sentido, a tradicional pluralidade que aglutina o FMLN desde os seus comezos ten unha repercusión similar nas evolucións políticas do PT e da FA cara posicións máis progresistas e socialdemócratas, particularmente visibles trala disolución do campo do socialismo real (1989-1991) e o predominio da globalización neoliberal.

Paralelamente, a pacificación salvadoreña (1992) e a reconversión do FMLN de guerrilla armada nun movemento político no marco dun sistema pluralista, suporía unha referencia chave de cara ao único conflito armado que aínda segue activo en América Latina: Colombia.

Con dinámicas distintas e non menores enfoques críticos([15]), este factor cobra especial incidencia nas negociacións de paz que desde 2012 lévanse a cabo en Cuba entre o goberno colombiano e a guerrilla das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC). Por tanto, as leccións salvadoreñas e particularmente o papel do FMLN na transición da posguerra civil eríxense como unha referencia histórica na eventual reconversión das FARC, un movemento armado, en formación política legal.

IGADI, 7 de febreiro de 2014.


([1]) GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, Revista Nueva Sociedad, Nº 234, xullo-agosto de 2011, p. 144. Ver en: http://www.nuso.org/upload/articulos/3791_1.pdf

([3]) Entrevista de Salvador Cayetano Carpio a Marta Harnecker no libro Pueblos en armas, Universidade Autónoma de Guerrero (México), 1983, p. 144. Tomado de CASTAÑEDA, Jorge: La Utopía Desarmada. Intrigas, dilemas y promesas de la izquierda en América Latina, Editorial Ariel (Barcelona), 1995, pp. 113-114. Compre destacar que este libro de Castañeda erixiuse como un baluarte intelectual no cometido de asestar unha frontal crítica á esquerda latinoamericana en tempos de predominio da visión neoliberal, propiciando así un intenso (e por veces tenso) debate intelectual e político na rexión. Xunto a Carpio, falecido en 1983, outros destacados líderes históricos do FMLN foron os desaparecidos Mélida Anaya Montes (asasinada en 1983) e Schafik Handal (falecido en 2006), así como Joaquín Villalobos (fundador do ERP e quen posteriormente adoptou unha posición moi crítica coa esquerda salvadoreña) e o actual candidato presidencial Salvador Sánchez Cerén, ex dirixente do FPL.

([4]) Estímase que o monto total da axuda estadounidense ás Forzas Armadas salvadoreñas para loitar contra a insurxencia armada foi de aproximadamente US$ 6.000 millóns, máis de mil millóns deles de axuda militar. Para maior información, consultar o informe de SCHWARZ, Benjamin C. American Counterinsurgency Doctrine and El Salvador. The Frustrations of Reform and the Illusions of Nation Building, RAND Corporation-National Defense Research Institute, Santa Mónica (EUA), 1992, pp. 2-3. http://www.rand.org/content/dam/rand/pubs/reports/2006/R4042.pdf Este informe asegura que o conflito salvadoreño foi o máis caro para Washington desde a guerra de Vietnam, definido como foco estratéxico dentro do xadrez xeopolítico centroamericano da confrontación bipolar da “guerra fría”. Este informe asegura que, a pesar do enorme investimento estadounidense, o FMLN finalmente “non puido ser derrotado”.

([5]) CASTAÑEDA, op.cit, pp. 117-119. Consultar tamén o artigo de GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, op.cit, pp. 144-146.

([6]) Ibid, p. 120.

([7]) Unha evolución estatística das diversas eleccións salvadoreñas desde 1994 ata 2009 pode consultarse en “Estadísticas Electorales desde 1994 hasta 2009), Tribunal Supremo Electoral de El Salvador: http://www.tse.gob.sv/index.php/2012-01-05-21-47-58/estadisticas-electorales. En canto a gobernos locais, o ascenso do FMLN foi evidente: en 1994 contaba con 15 municipios e pasou a 74 nos comicios de 2003. En canto a deputados, entre 1994 e 2003 mantivo unha constante: de 21 lexisladores a 31. Consultar en SADER, Emir e JINKINS, Ivana (Coord): Latinoamericana. Enciclopedia Contemporánea de América Latina y el Caribe, Colección Diccionario, Editorial Akal (España), 2006, p. 513

([8]) AA.VV: Latinoamericana. Enciclopedia Contemporánea de América Latina y el Caribe, op.cit. pp. 512-513.

([9]) Ibid, p.515.

([10]) Carta de Principios e Obxectivos do FMLN. Consultar en: http://www.fmln.org.sv/oficial/index.php/nuestropartido-37/documentos/principios

([11]) GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, op.cit, pp. 153-154.

([12]) “FMLN y ARENA intensifican negociaciones políticas”, La Prensa Gráfica (O Salvador), 5 de febreiro de 2014. Ver en: http://www.prensaescrita.com/adiario.php?codigo=AME&pagina=h...

([13]) Os eixes prioritarios do Programa de Goberno 2014-2019 “El Salvador Adelante” do FMLN poden consultarse a través da web:  http://www.fmln.org.sv/oficial/index.php/nuestropartido-37/documentos/el-salvador-adelante

([14]) Moi patente foi a estreita relación de Lula co presidente Funes, en especial á hora de conciliar diversas posicións políticas, ideolóxicas e intelectuais dentro do FMLN unha vez se alcanzara o goberno. Consultar GONZÁLEZ, Luis Armando: “El FMLN: de la guerrilla al gobierno”, op.cit, pp. 158.

([15]) Intelectuais de esquerda como James Petras advirten ás FARC dos riscos que suporía transitar por un camiño similar ao do FMLN tralo fin da guerra civil salvadoreña, especialmente no que atinxe á abandonar o ideario revolucionario en aras de inserirse dentro do sistema “capitalista electoralista”. Para maior información, consultar o seu artigo “Lecciones de El Salvador para las FARC”, publicado en diversos medios, entre eles Telesur (29/07/2013): http://www.telesurtv.net/articulos/2013/07/29/lecciones-de-el-salvador-para-las-farc-1229.html

 

AnexoTamaño
IgadiPaper nº130160.43 KB

IgadiPaper nº131

III Plan Director da Cooperación Galega
Unha análise crítica: nin recursos nin un espazo propio

a) Introdución

Nos primeiros días do ano, o Consello da Xunta de Galicia deu o visto e prace ao documento que constitúe o III Plan Director da Cooperación Galega.  A Lei 2003, de 19 de xuño, de cooperación ao desenvolvemento, aprobada no seu momento por unanimidade no Parlamento Galego, confire aos plans directores o papel de elemento articulador da estratexia da cooperación ao desenvolvemento da Xunta de Galicia. Así se define no seu capítulo II, en concreto no artigo 9, “A cooperación galega para o desenvolvemento articulárase a través de plans directores cuadrienais e de plans anuais”. O mesmo artigo fixa a forma na que estes plans deben ser aprobados: “Os plans directores serán aprobados polo Parlamento de Galicia a proposta do Consello da Xunta de Galicia, co informe previo do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento”. Ademais, a lei define o marco e o contido mínimo: “Os devanditos plans elaboraranse de acordo coas liñas xerais e as directrices establecidas no Plan director da cooperación ao desenvolvemento do Estado español previsto no artigo 8.2 da Lei 23/1998, do 7 de xullo, e conterán os obxectivos e as prioridades, xeográficas e sectoriais, así como os recursos orzamentarios que orientarán a actuación da cooperación galega para o desenvolvemento durante o seu período de vixencia”.

O I Plan Director, que cubriu o espazo temporal entre 2006 e 2009, foi elaborado inicialmente durante o último goberno presidido por Manuel Fraga e aprobado xa, logo dun certo retraso, polo goberno PSOE-BNG, con algunhas reformulacións sobre a versión inicial. Foi este un primeiro plan de vertebración do sistema galego de cooperación contando a cooperación ao desenvolvemento cun respaldo político importante, que se pode exemplarizar na creación da dirección xeral de Cooperación Exterior. Un feito destacable é a importante expansión dos fondos e a posta en marcha dos programas de desenvolvemento integral, que buscaban accións de maior impacto levadas a cabo por ONGD con contrastada capacidade ou por consorcios de organizacións.

O II Plan Director que abarcou o período 2010 a 2013 podemos caracterizalo como o plan da contracción no financiamento. A expansión que caracterizou os anos anteriores, limitada e lonxe das previsión iniciais, pero importante, veuse truncada de raíz, con recortes anuais que non parecían ter fin.

Cabe destacar, no positivo, que os plans foron unha ferramenta importante para mellorar a xestión da cooperación, incorporando as tarefas de avaliación tanto dos plans mesmos (con avaliacións intermedia e final, que permiten coñecer o nivel de execución da acción da Xunta na materia cun grado de detalle que noutras áreas do facer político institucional poderían tomar exemplo) como de distintas accións: proxectos de desenvolvemento principalmente pero tamén as accións de fortalecemento dirixidas aos actores do sistema de cooperación ou as accións de sensibilización e educación.

O III Plan Director abarca o período 2014 a 2017. Logo dunha fase de recortes a nivel financeiro podemos dicir que nos atopamos ante un plan de supervivencia. O obxectivo é non empeorar. En consecuencia, os compromisos financeiros contemplados son escasos. Este III é un plan modesto, sen ambicións de ningunha caste, aínda que á vez, no positivo, inspírase nos máis avanzados contidos xerados nas diferentes conferencias, reunións de alto nivel e memorandos sobre a materia froito da experiencia de multitude de organizacións internacionais, que levan desenvolvendo un traballo tanto teórico como práctico que merece todo o respecto e consideración.

A análise do plan director de cooperación, neste caso do plan galego pero igualmente aplicable a calquera plan, debe facerse desde tres ópticas diferentes: a política, a económica e a técnico-institucional. Os diferentes aspectos, lonxe de ser independentes un dos outros, están notoriamente interrelacionados.

b) A dimensión política

A política incide no Plan Director por dúas vías diferentes. Dunha banda, revela o nivel de compromiso coa cooperación das organización con capacidade para tomar decisións nas institucións. Doutra, sobre todo cando a análise se centra nun elemento constitutivo da denominada cooperación descentralizada, cataliza ese compromiso no marco do desenvolvemento da acción exterior por parte de entidades subestatais.

En Galicia, o compromiso das organizacións políticas coa cooperación ao desenvolvemento é tradicionalmente débil. Nas últimas eleccións autonómicas, a análise dos programas electorais efectuada pola Coordinadora Galega de ONGDs e polo Fondo Galego mostra unha fotografía na que ou ben nin se menciona ou ben a mención faise acumulando mensaxes baleiros de contido ou promesas que polo repetidas xa se saben que son meros enunciados carentes de substancia real. Iso explica, a fin de contas, o escaso compromiso financeiro, en termos comparativos, con outras comunidades autónomas, e tamén en termos absolutos, que tradicionalmente se evidencia en estudos como o informe anual de Intermón Oxfam “La realidad de la ayuda”.

A falta de compromiso do partido gobernante coa cooperación ao desenvolvemento vese ademais amparada pola estratexia profundamente recentralizadora de que fai gala o Partido Popular na súa acción de goberno no Estado:  as políticas de acción exterior levadas a cabo por diferentes comunidades autónomas son inimigos a someter, e cualificadas de inconcibibles en todo canto non sexa actividades intranscendentes que deben secundar, sen ningún tipo de matiz, as disposicións emanadas do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación.

A cooperación descentralizada, un trazo singular da cooperación española, non parece atopar bo acomodo nas formulacións recentralizadoras: a reforma da administración local ten sido vista por distintos axentes como unha ameaza á cooperación municipal que conta cunha longa traxectoria no Estado Español, tan longa como o propia historia dos concellos democráticos, e mesmo a pesares de servir de exemplo para terceiros estados, nos que por certo comparte a Galicia, con financiamento europeo, unha posición singular a través do Fondo Galego. E aínda está por ver que vaga de restricións e controis incorpora a nova Lei de Acción e Servizo Exterior do Estado para disciplinar a cooperación levaba a cabo por comunidades autónomas e administración locais. Por outra banda, nos feitos concretos, hoxe en día apenas podemos atopar rastro algún dunha política de acción exterior propiamente galega, mais alá do entorno da Unión Europea. A deriva do Consello de Acción Exterior, creado en 2009, é unha mostra sintomática do escaso apego a unha visión de Galicia como axente activo dunha paradiplomacia tan proactiva respecto aos nosos intereses como leal ao marco institucional vixente.

Neste contexto, o III Plan Director asume anticipadamente, dun xeito acrítico as orientacións estratéxicas da cooperación española fixadas polo Plan Director Estatal, que é utilizado como táboa da lei para xustificar toda renuncia, con pouca argumentación, a un punto de vista minimamente propio. A cooperación galega faise mais española ca nunca ao tirar pola borda todo o capital experimental acreditado en mais dunha década a propósito dos países lusófonos, nos que a semellanza lingüística debería ter sido un factor a poñer en valor mesmo para complementar a cooperación española e tender pontes con Portugal e Brasil para triangular uns vínculos que nos especializaran no ámbito europeo e mundial. Esa achega que Galicia está en condicións de facer é aberta e intencionadamente descabezada neste III Plan.

O exemplo máis nítido desta conclusión recae no trato que a Xunta de Galicia lle dispensou ao Fondo Galego, un actor clave nese ámbito, no último trienio. A execución do II Plan Director 2010-2013 supuxo que a Xunta de Galicia suprimiu a súa participación histórica na estratexia do Fondo Galego, deixando igualmente en evidencia o propio discurso a prol da cooperación municipal e interinstitucional que defende permanentemente o actual Goberno da Xunta (fusións de Concellos e Premios Coopera incluídos).

O corolario desta deriva visualizouse sen pudor durante o proceso de consulta do novo Plan Director, aprobado polo CONGACODE o 13 de decembro de 2013, excluíndo  a Cabo Verde das prioridades da Cooperación Galega na mesma semana que os Concellos do Fondo Galego celebraban a Irmandade co país africano para conmemorar 11 anos de especialización e traballo acumulado con resultados en clave galega e municipalista. E desenvolvidos en gran medida co apoio da Xunta de Galicia.

c) A dimensión orzamentaria

O III Plan Director suscítase nun contexto de crise económica que por coñecido non se fai preciso comentar. Esta situación de estancamento económico, cando non de pura e dura recesión,  ten suposto a quebra do incremento dos fondos que no conxunto do Estado se estaba a producir dende mediados da década dos noventa. Os efectos son de gran calado ao sumarse á crise a falta de compromiso político do partido no goberno coa acción exterior que non vaia producir réditos económicos e comerciais no curto prazo.  Os orzamentos xerais do Estado para o ano 2014 sitúan a Axuda Oficial ao Desenvolvemento nun 0,17% da RNB, os mesmos niveis que nos primeiros anos da década dos 90. A viraxe das prioridades é relevante cando recordamos que no ano 2009 a AOD supuxo o 0,46% da RNB. En euros, se no ano 2009 nos Orzamentos Xerais do Estado, o programa 143ª Cooperación ao Desenvolvemento aparecía cunha dotación de 2.808 millóns de euros, no ano 2014 o mesmo programa conta cunha dotación de 494 millóns, apenas o 17,6%. A Axencia Española de Cooperación Internacional e Desenvolvemento (AECID) ten sido, xunto coas ONGDs, a grande damnificada dos recortes cun orzamento que apenas chega no ano en curso a ser un pálido reflexo do que foi. Isto explica que o Ministerio de Facenda se converta en xestor de case a metade dos fondos de cooperación, como responsable das achegas obrigatorias á Unión Europea e outros organismos internacionais. 

A diminución dos compromisos institucionais, na forma de financiamento, ten afectado notablemente á cooperación descentralizada.  As previsións de fondos destinados a estes fins por comunidades autónomas e administracións locais estímase que non chegará, en 2013, aos 135 millóns de euros, moi lonxe do máximo acadado en 2008, que se situou en mais de 460 millóns de euros. Unha diminución de case un 70%. Esta situación ten levado a diferentes comunidades autónomas a suprimir convocatorias de axudas a ONGDs ou de fondos destinados a sensibilización ou axuda humanitaria.

Galicia non se salvou da vaga de recortes e axustes, aínda que sen chegar a situacións tan dramáticas como as experimentadas por comunidades como a Valenciana, Castilla-La Mancha, Madrid ou Murcia. Se nos orzamentos do ano 2009 chegábase ao pico de 11,66 millóns de euros no programa 331 A Cooperación Exterior ao Desenvolvemento, a progresión foi a seguinte: de 7,86 millóns de euros no ano 2011 a 4,14 millóns no ano 2013. Este recorte significou a imposibilidade de publicar unha convocatoria de axudas a proxectos de cooperación, ao estar todos os fondos dispoñibles no ano comprometidos por proxectos aprobados no ano anterior. Os orzamentos do ano 2014 consignan a mesma cantidade que en 2013, que se axustamos ao incremento do IPC dende xaneiro de 2003 (mais dun 31% ata decembro de 2013) resúltanos que é moi inferior ao orzamento que se dedicaba no ano 2003, o ano de aprobación da Lei de Cooperación. O III Plan Director instálase na realidade dos recortes e da falta de impulso e compromiso político. O horizonte financeiro durante a súa vixencia só chega a garantir que a cifra de 4,14 millóns de euros consignada nos orzamentos de 2014 tentarase manter durante a vixencia do plan.

O raquitismo dos fondos dispoñibles, sen previsión de aumento no horizonte inmediato, leva a que o mesmo Plan evite garantir a publicación anual de convocatorias como as de proxectos no exterior ou a de consolidación e fortalecemento dos axentes sociais. A letra do plan só chega a garantir a publicación estable da convocatoria de educación para o desenvolvemento, á que no ano 2014 destinaranse, segundo o Plan Anual, 315.000 euros. A escaseza financeira materialízase así mesmo na renuncia á convocatoria de axudas a programas de cooperación que financiaba accións de maior envergadura e polo tanto de maior complexidade e, tamén, de maior impacto.

Aínda que moitas veces utilizada como escusa para o recorte dos fondos dedicados aos países en vías de desenvolvemento, a sociedade galega non semella compartir, nin moito menos premer a prol dunha actuación como a que acabamos de significar. Mais ben é todo o contrario. Durante o ano 2011, un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, departamentos de Socioloxía e Ciencia Política e da Administración, desenvolveu o estudo “Coñecemento e actitudes dos cidadáns galegos cara á Política de Cooperación e Axuda ao Desenvolvemento”. Deste estudo tiramos uns parágrafos a xeito de exemplo:

“A actitude favorable á cooperación reflíctese tamén na tremenda maioría de cidadáns que consideran que os países ricos deben cumprir o seu compromiso de dedicar o 0,7% do seu PIB a axuda para o desenvolvemento: están a favor o 96%, fronte a case un 3% que aseguran estar en contra”

A sociedade galega móstrase moito máis solidaria cos desfavorecidos do que podería argumentar en sentido contrario a Xunta de Galicia para xustificar as reducións orzamentarias, mesmo na complexa situación que se vivía en 2011, ben entrados na crise económica:

“… ao redor de tres cuartas partes das persoas entrevistadas (un 76%) sosteñen que se debe dedicar recursos á axuda para o desenvolvemento sen esperar a solucionar os problemas dos cidadáns dos países ricos...”

d) A dimensión técnica

O III Plan Director supón unha actualización do anterior, incorporando no seu contido o discurso emanado das diferentes reunións de alto nivel e os acordos arredor da cooperación ao desenvolvemento: Principios de Istambul para a Eficacia da Axuda ao Desenvolvemento das Organizacións da Sociedade Civil, Conferencia das Nacións Unidas sobre o Desenvolvemento Sostible de 2012, IV Foro de Alto Nivel sobre a Eficacia da Axuda do 2011… Tamén, e como xa se dixo anteriormente, toma como un referente preferente o IV Plan Director da Cooperación Española 2013-2016, plan que foi rexeitado de forma contundente polos actores da cooperación, incluíndo a  Coordinadora Española de ONGDs.

Partindo da experiencia da execución dos dous plans anteriores, o documento de estratexia da cooperación autonómica para os próximos anos, que foi precedido na súa redacción por unha exhaustiva análise do plan precedente, ve moi limitada a súa mellora polo corsé económico e político que lle impón o goberno.

No Plan existen elementos de reflexión de interese. Por exemplo, o referente á redución dos países prioritarios, que quedan limitados a 9. A cooperación galega, como a española, ten padecido de forma crónica dunha importante dispersión. Segundo se recolle no “Informe de Avaliación Final do II Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento”, nos catro anos de vixencia téñense financiado accións de cooperación en 32 países, en case a metade deles unha ou dúas accións, e só en 8 a suma de fondos destinados superaba o millón de euros, indo mais alá dos 2,5 millóns en dous países: Guatemala e Perú.

A redución de países non é en si mesma unha decisión criticable, sen que exista un número óptimo.  Si  o é a falta de visión estratéxica ao deixar fóra a todos os PALOP, a excepción de Mozambique, ou os países, salvo novamente Mozambique, menos desenvolvidos. A este respecto, cabe recordar que nas discusións sobre o I Plan Director foi o goberno galego quen se empeñou en incluír unha serie de países, nomeadamente Mauritania, Namibia ou Senegal, nos que non existía nin tradición de cooperación, nin lazos que se puideran salientar, salvo puntuais intereses comerciais…

É de significar igualmente a aposta pola rendición de contas a través das avaliacións das actuacións ou a blindaxe das convocatorias de axudas a proxectos de educación e sensibilización. En todo caso, trátase de apostas moi eivadas pola insuficiencia dos fondos a disposición deste III Plan.

Por último, cabe chamar a atención sobre un elemento que pode dar lugar a controversias. No apartado dedicado a modalidades e instrumentos de axudas incorpórase unha liña de acción que textualmente di: “Analizarase caso por caso a pertinencia de liberalizar as convocatorias para favorecer a participación e posta en valor das potencialidades do conxunto de axentes de cooperación nas mesmas…”. O que se quere dicir exactamente aínda está por ver, pero todo parece indicar que se pretende que as entidades de carácter social compitan polos minguantes fondos, de xeito directo, con outros axentes da cooperación, empresas ou os centros galegos no exterior. Sería esta unha forma de mostrar quen ten a tixola polo mango para reducir e anular os posicionamentos críticos coa acción da Xunta de Galicia neste aspecto.

e) Dúas previsións salientables

No eido normativo e institucional, o III Plan anuncia dúas novedades salientables.

En primeiro lugar, a renuncia á creación da Axencia Galega de Cooperación. Ponse fin deste xeito á disposición adicional cuarta prevista na Lei Galega de Cooperación que sinalaba: “No primeiro Plan Director de cooperación que se remita ao Parlamento log da da entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia inserirá unha proposta motivada na que se pondere a viabilidade da creación da Axencia Galega de Cooperación ao Desenvolvemento”. Non foi no primeiro nin no segundo, pero dez anos despois dáse cumprimento a un mandato legal. O resultado era mais que previsible toda vez que o exiguo monto dos fondos que este ente tería para xestionar así como a imposibilidade de mellorar a dotación de recursos humanos da unidade responsable da cooperación exterior facía tanto innecesaria como inasumible a creación da citada axencia.

En segundo termo, o III Plan anuncia o estudo da redacción dunha nova lei de cooperación. Esta sorprendente proposta mais parece un brinde ao sol que a resposta ante unha necesidade real, dada a escasa envergadura e o escaso interese que a materia esperta na institución autonómica. Non sería mais que intentar aparentar que se fai algo para que non nos decatemos de que en realidade nada se está a facer. A lei actualmente vixente, mentres non muden nin o marco económico nin o nivel do interese político, pode ter aínda moitos anos por diante como marco lexislativo de referencia.

f) Conclusión

O actual III Plan Director supón a perpetuación da cooperación ao desenvolvemento da Xunta de Galicia como unha política meramente testemuñal, que reforza a idea dunha acción exterior que discorre por un camiño paralelo de desmantelamento progresivo.  As boas intencións formais do documento que se apuntan nas orientacións estratéxicas, nas prioridades transversais e sectoriais ou no marco de resultados de xestión vanse enfrontar coa dura realidade do marco económico no que deben desenvolverse. Existe prédica, pero non haberá trigo. Estamos ante un plan de mínimos en ambicións salvo no que atinxe a segar calquera expresión de orixinalidade da cooperación galega.

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº131154.38 KB

IgadiPaper nº132

Os Obxectivos do Milenio (II): A axenda post-2015

a) Introdución

En xaneiro de 2012, o Grupo de Alto Nivel da ONU para o Desenvolvemento trazou as liñas estratéxicas de actuación na axenda de consecución dos Obxectivos do Milenio (ODM) para o período 2015-2030, presentando en xuño dese mesmo ano o seu primeiro informe([1]). Integrado por máis de 60 entidades pertencentes á ONU e a diversos organismos internacionais, este grupo de traballo está presidido polo Departamento de Asuntos Económicos e Sociais (DAES) e o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), con especial énfase no consenso cara políticas integrais relativas a garantir o desenvolvemento económico e social inclusivo e a sostibilidade ambiental.

Neste sentido, o Grupo de Alto Nivel acordou once (11) consultas temáticas([2]), divididas en: Conflitos e Fraxilidade; Educación; Sostibilidade Ambiental; Gobernanza; Crecemento e Emprego; Saúde; Fame, Nutrición e Seguridade Alimentaria; Desigualdades; Dinámicas de Poboación; Enerxías; e Auga. As mesmas foron aprobadas polo Secretario Xeral da ONU, Ban Ki Moon, durante unha reunión do Grupo de Alto Nivel en setembro de 2013, como medidas para catalizar e acelerar a Axenda post-2015 dos ODM.

Co horizonte 2030 e alén destas consultas temáticas, a Axenda post-2015 identifica cinco (5) eixes prioritarios: “Non esquecer a ninguén”, relativa á redución da pobreza extrema e a inclusión social (xénero, sexualidade, etc); “Desenvolvemento Sostible no corazón”, con especial énfase no cambio climático e a degradación ambiental; “Transformar as economías e empregos e o crecemento global inclusivo”; “Construír a Paz e institucións pacíficas, efectivas, abertas e responsables para todos”, con principal incidencia nos dereitos humanos e a boa gobernanza; e “Forxar unha nova asociación global”, expresión dun novo espírito de cooperación e solidariedade global.

O espírito deste Grupo de Alto Nivel suxire ampliar as perspectivas de consecución dos ODM deseñados durante o período 2000-2015, para finalmente alcanzar as metas de redución da pobreza, protección medioambiental, creación de empregos dignos e dun modelo de desenvolvemento inclusivo, fortalecemento da boa gobernanza e minimización dos conflitos armados. Con todo, a Axenda post-2015 implica igualmente ter en conta os cambios na ecuación política global, particularmente ante o ascenso das denominadas “potencias emerxentes” (China, Brasil, India, Sudáfrica, etc), e particularmente a repercusión que as visións dende o Sur poden supoñer para fortalecer os cambios e transformacións dos organismos internacionais, particularmente da ONU e das súas respectivas axencias.

b)  O compromiso 2015-2030

A un ano da data límite establecida pola ONU (2015) para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), o Grupo de Alto Nivel da ONU estableceu a partir de 2012 un novo marco de actuación, coloquialmente denominada a Axenda post-2015([3]), con especial incidencia en ampliar os compromisos acadados na Declaración do Milenio (2000).

Este compromiso de ampliación acontece nun marco global basicamente condicionado polos claroscuros, asimetrías e desigualdades([4]) centrados no labor dos gobernos, organismos internacionais, sectores privados e sociedade civil, de cara a  alcanzar os oito (8) obxectivos principais dos ODM establecidos na Declaración do Milenio. Resulta oportuno destacar que estes obxectivos divídense na erradicación da Pobreza Extrema e da Fame; a educación Primaria Universal; a igualdade de Xénero e Empoderamento da Muller; a redución da Mortalidade Infantil; a mellora da Saúde Materna; o combate da SIDA, a malaria e outras enfermidades; o desenvolvemento Ambiental Sostible; e a adopción dunha Asociación Global para o Desenvolvemento. 

No seu informe([5]), o Grupo de Alto Nivel da Axenda post-2015 establece unha serie de prioridades dentro dos cinco eixes anteriormente mencionados, que servirán como “folla de ruta” co horizonte no 2030. Con énfase na concreción dunha Axenda de Desenvolvemento Sostible, entre estas prioridades destacamos:

- a identificación das causas que provocan a pobreza, a exclusión e as desigualdades, abordando políticas públicas orientadas cara as poboacións pobres excluídas, na concreción de espazos de interacción entre o mundo rural e urbano, con especial incidencia na modernización das infraestruturas, na utilización dos avances tecnolóxicos e a promoción das igualdades de dereitos en materia de xénero;

- a certificación no 2030 de que as principais compañías globais informen aos seus accionistas sobre a adopción de políticas de desenvolvemento sostible e de protección ambiental. Na actualidade, só un 25% destas compañías abordan esta perspectiva;

- Os retos establecidos polo desemprego e o acceso ao mercado laboral, especialmente de cara á mocidade. Estímase que en 2030 existirá unha forza laboral a nivel mundial calculada en aproximadamente 470 millóns de persoas, e que o progreso socioeconómico permitirá que miles de millóns de persoas a nivel mundial sexan consideradas “clase media”;

- Capacitación en políticas de “boa gobernanza” e construción de institucións sólidas orientadas a propiciar unha cultura de paz, así como fomentar políticas de transparencia e de responsabilidade en casos de conflito e de loita contra a criminalidade e a ilegalidade;

- Propiciar ferramentas de sensibilidade que permitan construír unha nova cultura de solidariedade, democracia e igualdade, centrada na consolidación dunha plataforma ou asociación global entre gobernos, autoridades locais, institucións internacionais, sectores de negocios e empresariais, sociedade civil, fundacións filantrópicas, o mundo académico e científico e as persoas.

Paralelamente, e co horizonte 2030, a Axenda post-2015 se centrará en temáticas específicas como:

Transparencia e responsabilidade: estímase un gasto gobernamental de aproximadamente US$ 30 trillóns en políticas de transparencia para 2030.

Pobreza e desigualdades: índices de extrema pobreza e de fame estimados en 2030 en 1.200 millóns de persoas.

Ambiente e cambio climático: estímase en 2030 un maior quecemento global, incluso achegándose a índices pre-industriais.

Urbanización: estimacións de maior poboación urbana en 2030, así como dun aumento das persoas maiores e xubiladas, o cal esixirá un maior gasto social en materia de pensións e servizos.

Saúde, Mocidade e Xénero: en 2030, estímase que 100 millóns de nenos morrerán por enfermidades antes de cumpriren cinco anos. Paralelamente, 4,4 millóns de mulleres morrerían durante o embarazo ou o parto.

Consumo sostible e patróns de produción

Migración internacional: estímase en 30 millóns os novos inmigrantes en 2030, que achegarán remesas aos seus fogares de orixe valorados en US$ 600 billóns e a través de canais cada vez máis dinámicos e de baixo custe.

Cambio demográfico: estimacións dunha poboación  mundial de 8 mil millóns de persoas en 2030, 9 mil millóns en 2050.

Finanzas e crecemento económico: en 2030 estímase a preponderancia de novos actores, potencias emerxentes, foros rexionais e mundiais (G7, G20, BRICS), con elevados crecementos económicos e unha notable redución da pobreza extrema.

Tecnoloxía: transformación do sistema económico, do emprego e do aparato produtivo a través dunha masificación dos avances tecnolóxicos. Estímase igualmente que 1.200 millóns de persoas estarán conectadas á electricidade en 2030.

c) Os ODM ante os cambios xeopolíticos

Para a ONU, o horizonte 2030 establecido na ampliación da Axenda Global dos Obxectivos do Milenio implica ter en conta unha serie de cambios e previsións no sistema internacional que, inevitablemente, exercerán un considerable impacto e influencia na consecución dos mesmos.

No período 2011-2050, a ONU estima un aumento da poboación mundial en 2,3 mil millóns de persoas, alcanzando un total de 9,5 mil millóns para a metade de século([6]). Este aspecto repercutirá decisivamente nos cambios na dinámica demográfica, no crecemento económico, principalmente na creación de emprego, na seguridade global e nos fluxos de migración e de capital. Neste sentido, o Alto Panel da ONU para a Axenda post-2015 prestará maior atención aos impactos destes factores no previsible aumento da migración así como dos refuxiados([7]), principalmente condicionados polos avances nos procesos de urbanización, crecemento económico e pola persistencia de conflitos políticos e bélicos.

Paralelamente, a Axenda post-2015 sinala un cambio na dinámica xeopolítica e das relacións internacionais con notable relevancia á hora de configurar un novo sistema internacional, especialmente no relativo ao ascenso de novas potencias emerxentes dende o Sur, con particular atención cara China, Brasil e India. Coas súas respectivas percepcións, prioridades e demandas, esta variación do cálculo de poder pode constituírse nun factor estratéxico á hora de impulsar a Axenda post-2015.

Outro aspecto relevante ten que ver co impacto da loita polos dereitos humanos, as liberdades e a xustiza social, con particular incidencia en movementos recentes como as rebelións que vive o mundo árabe desde 2011, así como as consecuencias para o tecido socioeconómico e político derivado das constantes protestas sociais, particularmente en países “emerxentes” (Brasil, Turquía) así como do ascenso de novas elites e clases medias (China, India).

Con todo, a Axenda post-2015 suxire diversas perspectivas e expectativas a nivel rexional, dividindo a súa atención en catro grandes bloques: África; Asia Oriental e Pacífico; Europa e Asia Central; e América Latina e o Caribe([8]). No caso africano, considérase o máis vulnerable, tendo en conta as persistentes secas e a desertificación (2/3 do territorio) así como a escaseza de fontes de auga para a agricultura e para a seguridade alimentaria, unha perspectiva que se amplía no concerto de Oriente Medio, particularmente para Palestina, igualmente identificado como fonte de conflito xeopolítico.

No caso de Asia Oriental e Pacífico, o foco de atención céntrase na excesiva  poboación vivindo en zonas costeiras, con particular preocupación ante os problemas humanitarios causados polas persistentes choivas e furacáns. No caso de Europa e Asia Central, o énfase está fixado nos efectos da crise económica, en particular na promoción de políticas equitativas na distribución do ingreso, no acceso a fontes de emprego e no mantemento da condición de donantes en cooperación ao desenvolvemento.

Finalmente, no relativo a América Latina e o Caribe, o foco de atención da Axenda post-2015 está centrado na conca amazónica, así como nas desigualdades socioeconómicas e demográficas derivadas da excesiva urbanización, cun índice que ascende ao 83%, moi por riba de África (47%).

IGADI. 12 de marzo de 2014.


([1]) Realizing the Future We Want for All. Report to the Secretary-General, UN System Task Team on the Post-2015 UN Development Agenda, Nova York, Xuño de 2012. Ver en: http://www.un.org/en/development/desa/policy/untaskteam_undf/untt_report.pdf

([2]) Millenium Development Goals And Beyond 2015. Ver en: http://www.un.org/millenniumgoals/beyond2015.shtml#Resources

([3]) High Level Panel. The Post-2015 Development Agenda. Ver en: http://www.post2015hlp.org/

([4]) “Os Obxectivos do Milenio 2015: un compromiso con claroscuros”, IGADI Paper Nº 128, 10 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.igadi.org/web/publicacions/igadipaper/igadipaper-...

([5]) A New Global Partnership: Erradicate Poverty and Transform Economies Through Sustainable Development. The Report of the High-Level Panel of Eminent Persons on the Post-2015 Development Agenda. Nacións Unidas, 30 de maio de 2013. Ver en: http://www.post2015hlp.org/wp-content/uploads/2013/05/UN-Report.pdf

([6]) “A Regional Perspective of the Post-2015 United Nations Development Agenda”, United Nations, Economic Commission for Europe, Economic and Social Commission for Asia and the Pacific, Economic Commission for Latin America and the Caribbean, Economic Commission for Africa and Economic and Social Commission for Western Africa, 2013, páxina 60. Ver en: http://www.regionalcommissions.org/post2015regionalreport.pdf

([7]) Ibid, páxina 60.

([8]) Ibid, páxina 64. 

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº132152 KB

IgadiPaper nº133

O futuro da Unión Euroasiática trala crise de Crimea

a) Introdución

A crise en Ucraína e a posterior anexión rusa de Crimea, lexitimada a través dun referendo, confirman as credenciais de Moscova á hora de trazar as súas esferas de influencia dentro do espazo euroasiático, particularmente ante a pretensión xeopolítica de EUA, Europa e a OTAN de restarlle capacidade de manobra neste espazo estratéxico.

Ao mesmo tempo, este contexto consolida a percepción dunha Rusia consciente da súa potencialidade internacional, dedididamente disposta a participar no deseño dunha xeopolítica global visiblemente de carácter “tripolar”. Esta perspectiva cobra particular incidencia ante a diminución da presenza militar e xeopolítica de Washington (principalmente en Asia Central e Oriente Medio) e ante o inevitable ascenso global de China, con particular intensidade na contorna centroasiática e de Asia-Pacífico. 

No entanto, este “retorno” ruso, posibilitado pola audaz reacción do seu presidente Vladimir Putin á hora de actuar con decisión e capacidade de influencia en focos importantes para a seguridade internacional (guerra en Siria, programa nuclear iraniano, crise de Crimea), supón ao mesmo tempo unha delimitación das prioridades de actuación dentro da súa periferia euroasiática a cal, inevitablemente, influirá no seu proxecto de Unión Económica Euroasiática previsto para 2015. 

É de esperar que a resolución rusa da situación en Crimea persuada a Moscova a acelerar un proxecto de ampla significación estratéxica, principalmente nos campos económico, enerxético e xeopolítico. Pero o desafío para  Putin e Rusia non se remite unicamente á definición de prioridades estratéxicas ou o labor de “sedución” doutros países euroasiáticos para ingresar neste proxecto, senón na inevitable reacción occidental (vía OTAN, EUA e UE) así como a xestión dos intereses manifestados por outros actores emerxentes nese espazo, principalmente China e, en menor medida, Turquía.

b) A xeopolítica de Putin e da UEE

A crise de Ucraína e a anexión rusa de Crimea parecen convencer ao presidente ruso Vladimir Putin da necesidade de apostar por medidas efectivas e de urxencia xeopolítica,  orientadas a frear unha evidente estratexia de intromisión occidental, vía EUA, OTAN e Europa, no seu estratéxico espazo periférico en Eurasia. No centro de atención está o futuro da Unión Económica Euroasiática (UEE), o proxecto que en clave estratéxica impulsa o Kremlin  para asegurar as súas esferas de influencia nesta contorna estratéxica.

Os acontecementos parecer apoiar  esta perspectiva. A anexión de Crimea, lexitimada por un referendo popular avalado por Moscova e os cidadáns e as autoridades de Crimea pero sen recoñecemento internacional, evidenciou a reacción do Kremlin ante a radicalización dos acontecementos en Ucraína, alentados coa plausible intromisión de EUA e da UE, da orientación pro-occidental de feito das novas autoridades en Kiev e do ascenso do nacionalismo radical ucraíno, cos previsibles riscos para a poboación étnica e lingüisticamente de orixe rusa en Ucraína, estimada aproximadamente nun 40% da poboación, e principalmente asentada nas rexións do Leste e Sueste ucraíno. 

Esta dobre perspectiva, a de observar un avance occidental no espazo euroasiático trala deposición do ex presidente Viktor Yanúkovich en Kiev e, particularmente, a necesidade de protexer os seus intereses estratéxicos así como a integridade das comunidades de orixe rusa, foron as variables que levaron a Putin a postular unha especie de “cordón sanitario” en Eurasia. Con todo, o contexto actual pon de manifesto a máis aguda crise nas relacións entre  Rusia, Europa e EUA desde a caída da ex URSS.

Todo iso gravita con intensidade na nova xeopolítica de Putin en Eurasia e, en particular, no futuro da UEE trala caída de Ucraína como peza chave deste dominó  estratéxico. A intensidade do pulso entre Moscova e Occidente cobra así maior calibre ante o feito de que, trala anexión rusa de Crimea, EUA e Europa reaccionaron de inmediato instando ás novas autoridades de Kiev a adoptar o Acordo de Asociación que o ex presidente Yanúkovich se negara a asinar en novembro pasado, e que actuou como detonante da crise actual.

Para Putin, a perda de influencia en Kiev aliviouse coa súa inmediata reacción en Crimea, unha reacción subestimada por Occidente. Por iso, resulta altamente probable que, tralas eleccións lexislativas en Ucraína previstas para maio próximo, a Unión Europea e incluso a OTAN (organismo claramente revitalizado trala crise de Crimea) aceleren os mecanismos de aproximación de Kiev en ambas as dúas organizacións. 

A eventual materialización dunha orientación “atlantista” de Ucraína en plenas fronteiras rusas, proceso anteriormente iniciado coa admisión das repúblicas bálticas á OTAN e a UE entre 1997 e 2004, moi probablemente acelerará os plans euroasiáticos de Putin. Neste sentido, Rusia espera fortalecerse como unha especie de “alma mater” das diversas repúblicas ex soviéticas, as cales igualmente atópanse divididas e atomizadas pola recente crise de Ucraína e a inmediata anexión rusa de Crimea.

A intensidade dos pulsos xeopolíticos entre Rusia e Occidente calibrarase, igualmente, no contexto dos organismos internacionais. Mentres se delimitan as esferas de influencia no espazo euroasiático, EUA, Europa e a OTAN alentarán sancións e o illamento internacional de Moscova, incluso suspendendo a participación de Rusia do G-8 (recobrando así a orixe do G-7), tal e como se observou recentemente coa petición británica de cancelar o cumio previsto para xuño próximo na localidade rusa de Sochi.

Paralelamente, a presión occidental podería igualmente concretarse na conceptualización de Rusia como unha “ameaza” para a seguridade internacional, perspectiva que se intensifica ante as advertencias realizadas pola OTAN (con escaso fundamento) dunha eventual intervención rusa en repúblicas de feito como Transnistria, Osetia do Sur e Abxasia, incluso intuíndo a presunta anexión das mesmas seguindo o exemplo de Crimea. Neste sentido, a anexión de Crimea pode igualmente afectar á resolución de crises como a de Nagorno Karabaj([1])  entre Armenia e Acerbaixán, na que Moscova é un actor imprescindible como mediador.

c) Crimea define a “nova” Eurasia

Por iso, a pretendida Unión Económica Euroasiática que Putin esperaba lanzar a partir de 2015 pode sufrir modificacións considerables trala crise ucraína e a anexión de Crimea. Neste sentido, Putin abordará unha nova estratexia de integración rexional dentro da periferia rusa ex soviética que, igualmente, implique reconsiderar a preeminencia de organismos escasamente operativos, como é o caso da Comunidade de Estados Independentes (CEI), creada por Rusia, Ucraína e Bielorrusia en decembro de 1991 no momento da desintegración da ex URSS.

Tras obter o “visto e prace” de Bielorrusia, Kazajstán, Armenia e Kirguizistán, o Kremlin acelerará toda serie de mecanismos  para tentar atraer ao resto de países euroasiáticos a unirse a este proxecto de integración, tendo igualmente en conta que algúns deles tradicionalmente mostraron unha maior inclinación pro-occidental, como son os casos de Xeorxia, Acerbaixán, Turkmenistán e Uzbekistán, complicando así os intereses rexionais rusos.

Un aspecto relevante nese sentido é o factor enerxético, á vista dos numerosos oleodutos e gasodutos que dende  o Mar Caspio transitan cara Europa, pasando polo conflitivo Cáucaso, o territorio ruso e o Mar Negro, con epicentro en Crimea e o Leste ucraíno. Neste sentido, Putin quere converter a Rusia no eixe integrador clave dunha diversidade de redes de abastecemento enerxético que se pode converter, a curto e medio prazo, no verdadeiro factor xeopolítico de poder no espazo euroasiático. 

Non obstante, este escenario presenta diversos claroscuros. Algúns réximes autocráticos centroasiáticos, como Uzbekistán, Kazajstán e Turkmenistán, poden sentirse persuadidos a unirse ao proxecto euroasiático de Putin, temerosos de ver reproducidos nos seus países unha contestación cidadá “á ucraína” (coloquialmente denominada o “efecto Euromaidán”) que ao mesmo tempo conleve unha evidente intromisión occidental nestes países. Este escenario xa ocorreu en 2005, coa caída do presidente kirguizo Askar Akayev

Este mapa ofrece unha perspectiva do espazo euroasiático trala anexión rusa de Crimea, en función do proxecto da Unión Económica Euroasiática (UEE). En  liña vermella atopamos aos países que xa aceptaron formar parte da UEE (Rusia, Bielorrusia, Armenia, Kazajstán), ao que se une a península de Crimea. En cor azul está Ucraína como peza chave da estratexia de EUA, Europa e a OTAN de contención a Rusia. En liña verde están os países proclives a formar parte da UEE ou ben que gravitarán en torno á estratexia rusa (Xeorxia, Acerbaixán, Turkmenistán, Uzbekistán, Kirguizistán, Tadxikistán). Finalmente, en cor morado, atópase a área de influencia rusa no Leste de Ucraína (rexións de Donetsk, Dnepropetrovsk)

Outros países centroasiáticos, como Taxikistán, amósanse igualmente preocupados de “irritar” a Moscova, á vista da presenza de 7.000 soldados rusos no seu territorio, desprazados alí con motivo das operacións de seguridade na veciña Afganistán e para evitar o fortalecemento do islamismo político en Asia Central. Moscova está convencido de posuír resortes estratéxicos para intervir nestes países cada vez que os seus intereses vense afectados, como sucedeu en 2010 coa caída do entón presidente kirguizo Kurmanbek Bakiyev, tras autorizar este a Washington a apertura dunha base militar no seu territorio([2]).

Non se debe esquecer que,  dende o Báltico ata Asia Central, conviven numerosas poboacións de orixe rusa, así como tamén existe unha notable inmigración caucásica e centroasiática en Rusia, estimada en máis de once millóns de persoas. Por tanto,  ambas variables apréstanse como factores estratéxicos para Moscova á hora de persuadir e, eventualmente premer e intervir nalgúns países centroasiáticos, argumentando o interese lexítimo en protexer aos seus compatriotas rusos.

d) O mundo tripolar

O que resulta perceptible é que a crise en Ucraína convenceu a Putin de actuar con decisión e rapidez en escenarios onde se vexan afectados os seus intereses. Coñece con exactitude que a administración de Barack Obama está en retirada, non só militar (Afganistán e Iraq) senón pola crise económica, a contorna política interna (eleccións ao Congreso e Senado de novembro próximo; presidenciais de 2016) e as prioridades xeopolíticas, as cales céntranse basicamente na contención de China e a remodelación de alianzas en Asia-Pacífico, considerado este como o futuro centro de poder que desprace o ata agora hexemónico foco “atlantista”. 

Neste sentido, Putin observa igualmente con atención a estratexia da Asociación Transpacífica impulsada por Obama a finais de 2011 e que, no concerto hemisférico occidental, alcanza á Alianza do Pacífico acordada en 2012 entre  México, Perú, Colombia e Chile, e ampliada cara diversos países europeos e asiáticos, tales como Xapón, Australia ou España, entre outros.

Persuadido desta realidade, Putin tenta remodelar os intereses globais do Kremlin. A pax rusa en Siria de setembro pasado serviulle a Moscova para conter unha eventual intervención unilateral de Obama no país árabe, fortalecer a un aliado como o réxime sirio de Bashar al Asad e definir áreas de influencia en Oriente Medio.

Precisamente, en Oriente Medio así como no espazo euroasiático e de Asia Central, Putin parece estar explorando unha alianza estratéxica con Turquía, país membro da OTAN, nunha ecuación na que recentemente ingresou de xeito tanxencial China, a través de acordos de cooperación militar con Turquía, (defensa antimísiles) que provocaron friccións  entre a OTAN e Ankara. Todo isto sen menoscabar o reforzamento das relacións de Rusia con China, así como as súas estratéxicas alianzas económicas e militares con  Irán e India, que lle permite a Moscova trazar unha xeopolítica de alcance global.

No plano hemisférico occidental, mentres a crise de Ucraína se decantaba pola anexión rusa de Crimea, o Kremlin fortaleceu os lazos de cooperación militar con Venezuela, Nicaragua e Cuba, convencido da necesidade de “xogar” as súas cartas xeopolíticas na propia periferia estadounidense, revertendo así a estratexia que Washington igualmente aplicou na periferia euroasiática rusa desde a desintegración da URSS.

Ao mesmo tempo, a fortaleza enerxética rusa, sumada á dependencia europea e dalgúns países euroasiáticos cara o subministro ruso, son variables que lle permiten a Putin xogar con forza no taboleiro internacional, fortalecendo ao mesmo tempo a nova nomenklatura no poder no Kremlin. Precisamente, este factor supón un efecto colateral sumamente importante nas actualmente tensas relacións entre Rusia e a UE e, particularmente, entre Moscova e Berlín, con unha dependencia enerxética de Rusia que corre paralela aos proxectos conxuntos de distribución de gasodutos e oleodutos dende o Mar Caspio, en particular no caso do gasoduto Nord Stream.

A desintegración da URSS e o posterior período de submisión de Rusia aos intereses occidentais, implicou unha dura lección para Putin e unha sociedade desencantada coas infrutuosas promesas occidentais. Por tanto, a recuperación do orgullo ruso e da súa condición de potencia global persuade a Putin a competir en igualdade de condicións con EUA, cunha hexemonía en retirada, e unha China emerxente pero igualmente sumida en dilemas e contradicións. 

IGADI. 30 de marzo de 2014.


([1]) Sobre a influencia colateral que a anexión de Crimea pode ter en crises non resoltas como o estatuto de Nagorno Karabaj, consultar os artigos: “Azerbaijan Divided over Crimea´s Implications for Karabakh Peace”, Eurasianet, 20 de marzo de 2014. Ver en: http://www.eurasianet.org/node/68172;  e “Armenia:  Karabakh Peace Seen as More Elusive after Crimea Annexation”, Eurasianet, 20 de marzo de 2014. Ver en: http://www.eurasianet.org/node/68171. No caso de Abxasia e Osetia do Sur, consultar o artigo de Valeriy Dzutsev, “The Crimean Crisis and Georgia´s Breakway Territories”, Central Asia-Caucasus Analyst, 19 de marzo de 2014, pp. 6-8. Ver en: http://www.cacianalyst.org/resources/pdf/issues/20140319analyst.pdf

([2]) “¿Sobrevivirá la Unión Euroasiática?”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 883, 24 de marzo de 2014, pp. 5-6. Unha oportuna análise sobre as reaccións que tomaron os gobernos de Asia Central trala crise ucraína e a anexión de Crimea pode consultarse no artigo de Slavomír Horák, “Russia´s Intervention in Ukraine Reverberates in Central Asia”, Central Asia-Caucasus Analyst, 19 de marzo de 2014, pp. 9-12. Ver en: http://www.cacianalyst.org/resources/pdf/issues/20140319analyst.pdf

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº133317.13 KB

IgadiPaper nº134

Eleccións en Quebec: freo ao soberanismo e impacto en Europa

a) Introdución
A derrota do Partido Quebequés (PQ) nas eleccións celebradas o pasado 6 de marzo, perdendo o goberno tras dezaoito meses de lexislatura, supón un histórico punto de inflexión para as aspiracións soberanistas do territorio francófono. Neste sentido, o PQ obtén o seu peor resultado electoral en 40 anos, deixando nunha encrucillada as súas expectativas de propiciar un novo referendo soberanista tralos realizados en 1980 e 1995.

Dos 125 deputados que forman parte da Asemblea Nacional quebequesa, o federalista Partido Liberal de Quebec (PLQ) convértese agora na principal forza política, cunha maioría absoluta de 70 deputados, superando en 20 escanos en comparación cos comicios de 2012. Deste modo, o PLQ coloca ao seu líder Phillipe Couillard como novo primeiro ministro. Pola súa banda, o PQ retrocede a 30 deputados, 24 menos que na anterior elección, un resultado que obrigou á renuncia da ata agora primeira ministra Pauline Marois. Outro “gañador” destes comicios foi a Coalición Futuro Quebec (“Coalition Avenir Quebec”, CAQ), unha formación nacionalista conservadora que obtivo 22 escanos, tres máis que nos anteriores comicios. Finalmente, os independentistas de esquerda Quebec Solidario (QS) quedaron cos restantes tres deputados.

Neste sentido, e sumando os votos do PQ, CAQ e QS, os partidos soberanistas en Quebec alcanzarían 55 escanos, insuficientes fronte a maioría absoluta do PLQ. Este escenario ralentiza, cando menos a medio prazo, calquera tentativa política a nivel parlamentario para premer pola celebración dun novo referendo de autodeterminación. En diversos círculos políticos do PQ e doutras formacións independentistas comeza a sopesarse a posibilidade dunha “refundación política” que reformule as aspiracións soberanistas e incluso o debate sobre a identidade nacional.

Os resultados das eleccións en Quebec e, particularmente, o retroceso electoral do PQ, suxire lecturas para os procesos soberanistas en Europa. Sen constituír casos estritamente paralelos, cobra aquí importancia a próxima celebración do referendo independentista en Escocia (18 de setembro); as aspiracións de Catalunya por realizar unha consulta popular para novembro próximo, recentemente desestimada a nivel estatal; e igualmente a vía pragmática “confederal” adoptada pola formación flamenca Nieuw-Vlaamse Alliantie (N-VA), en particular de cara ás próximas eleccións rexionais e federais belgas do próximo 25 de maio, que coinciden coas eleccións parlamentarias europeas.

b) A “refundación” do PQ

Tras este histórico fracaso electoral, o PQ, formación nacionalista fundada en 1968 por René Lévesque, afronta unha nova etapa política na que, moi probablemente, verase inmerso nun proceso de relevo xeracional, de cambio de liderado e incluso de refundación dos seus postulados e prioridades políticas.

Os escasos 18 meses de goberno do PQ en Quebec e o seu fracaso electoral dan a entender un cambio de prioridades na sociedade quebequesa. Nos comicios de 2012, o PQ derrotou ao agora gañador PLQ co alento das protestas estudantís contra unha serie de medidas de austeridade económica, así como ante as denuncias de diversos escándalos de corrupción no entorno do entón primeiro ministro, o liberal Jean Charest, e que afectaron directamente á imaxe política do PLQ.

Non obstante, a recente maioría absoluta electoral do PLQ e a histórica derrota do PQ nos pasados comicios dan a entender un cambio significativo na sociedade quebequesa, onde as demandas soberanistas e independentistas poden verse supeditadas, cando menos de forma conxuntural, ás prioridades socioeconómicas. Neste sentido, a opinión pública en Quebec ven cuestionando e especulando coa escasa capacidade do actual liderado do PQ para impulsar a nivel cidadá estas demandas soberanistas.

O electorado e boa parte da opinión pública quebequesa criticaron o excesivo énfase do PQ en centrar a súa atención na consulta soberanista como peza básica do seu programa electoral de goberno, dando a entender que o PQ interpretaba estas eleccións como unha especie de “referendo sobre o referendo”([1]). Tras esta derrota electoral e ante a perspectiva dun eventual cambio xeracional na dirección central do PQ, volve ao centro de discusión pública a cuestión da identidade nacional quebequesa, así como as expectativas e aspiracións soberanistas e as fórmulas de autonomía e descentralización con respecto a Canadá.

Neste sentido, e sen pretender afirmarse baixo parámetros étnicos, a discusión en Quebec sobre a cuestión nacional e as aspiracións de soberanía tradicionalmente xiraron en torno ás potencialidades dun nacionalismo lingüístico e cívico, un aspecto que pode variar ante a realidade fraguada por unha sociedade cada vez máis multicultural e cosmopolita, particularmente debido ao aumento da inmigración, así como ante a necesidade de formular un proxecto atractivo para a mocidade([2]). Esta perspectiva ben puido influír nesta histórica derrota electoral do PQ, en particular ante a súa aparente incapacidade para integrar no seu programa outras fórmulas alternativas e outros enfoques prioritarios.

Pero tamén existen outras variables. Unha proposta do PQ de aprobar unha Declaración de Laicidade do Estado, que prohibía o uso de símbolos relixiosos de forma ostentosa por parte de empregados públicos, foi interpretada de forma negativa por diversas comunidades e minorías culturais e inmigrantes (principalmente as provenientes do Magreb e América Latina), razón que puido influír na caída de popularidade do PQ e a súa posterior derrota electoral. Do mesmo xeito, a elección do multimillonario Pierre Karl Péladeu (52 anos) como deputado polo PQ na Asemblea Nacional, foi visto en diversos círculos como unha especie de “xiro á dereita” por parte do PQ([3]), un aspecto que eventualmente pode influír na elección dunha nova directiva do partido que entronice ao propio Péladeu, especialmente trala renuncia da ata agora primeira ministra Marois, presidenta do PQ desde 2007.

Un escenario diametralmente distinto obsérvase na formación gañadora. O retorno do PLQ ao poder en Quebec constitúe unha notoria vitoria política para o primeiro ministro canadense, o conservador Stephen Harper, en particular á hora de concretar un novo marco de relacións entre a capital Ottawa e Quebec. Non foi, por tanto, casualidade que o propio Harper afirmara de forma exultante que, tras estes resultados, os quebequeses “rexeitaron a idea do referendo e apostaron por un goberno que se centre na economía e na creación de emprego”.

c) O caso europeo: soberanismo pleno ou solución “confederal”?

A derrota electoral do PQ exerce, dalgún xeito, un moderado nivel de influencia no contexto europeo no entorno dos denominados “nacionalismos periféricos”, os procesos soberanistas e as demandas de autodeterminación das “nacións sen Estado”. Baixo esta perspectiva, o PQ tradicionalmente constitúe unha referencia política viable para casos particulares como Escocia, Gales, Euskadi, Catalunya ou Flandres, entre outros, en particular pola preservación quebequesa dun “nacionalismo cívico”, de carácter lingüístico.

O contexto actual europeo determina un momento importante para a discusión da cuestión nacional e das demandas soberanistas. O caso particularmente mais tenso ten que ver coa crise suscitada polo referendo de autodeterminación de Crimea a favor da secesión de Ucraína e a súa “reinserción” na Federación Rusa, o cal corre paralelo coas tensións soberanistas das comunidades rusas actualmente existentes no Leste ucraíno, especialmente na rexión de Donetsk.

En Europa Occidental, este proceso está avanzando de forma mais decisiva. O referendo soberanista en Escocia previsto para o próximo 18 de setembro cumpre coas demandas históricas do gobernante Partido Nacionalista Escocés (Scottish National Party, SNP) de propiciar unha consulta de autodeterminación con respecto a Gran Bretaña. Tentando establecer unha comparación co caso quebequés (onde xa se realizaron dous referendos con anterioridade en 1980 e 1995), por vez primeira na súa historia, Escocia terá a oportunidade de someter estas demandas a unha consulta popular, con expectativas polo momento incertas. 

O referendo escocés é observado igualmente como referencia por outros  nacionalismos periféricos como Gales pero, especialmente, cobra maior relevancia para Catalunya. Impulsado neste caso polo gobernante Convergencia i Unió (CiU), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Iniciativa per Catalunya/Verts (ICV), a autonomía catalana tiña previsto celebrar o próximo 9 de novembro unha consulta cidadá sobre a súa soberanía, a cal foi radicalmente desestimada en Madrid polo Congreso dos Deputados e o Tribunal Constitucional. Non obstante, e a pesar das presións políticas  de Madrid aducindo a súa inconstitucionalidade, as demandas soberanistas cataláns cobran cada vez maior intensidade.

No marco das próximas eleccións parlamentarias da Unión Europea previstas para finais de maio, a Alianza Libre Europea (ALE), plataforma formada por 40 formacións políticas soberanistas e independentistas([4]), preme por unha refundación das bases constitucionais da UE para atender as demandas dos nacionalismos periféricos. O presidente da ALE é Eric Defoort, histórico líder de Nieuw-Vlaamse Alliantie (“Nova Alianza Flamenca”, N-VA), o principal partido político nacionalista no territorio belga de Flandres, e actualmente socio de goberno maioritario en Bruxelas.

Coa mente posta nas eleccións federais belgas e nas parlamentarias europeas previstas simultaneamente para o próximo 25 de maio, o cumio da N-VA celebrado en febreiro pasado permitiu reconducir o proxecto político desta formación nacionalista flamenca. Neste sentido, o seu liderado apostou por impulsar novas formas de autonomía sen que isto supoña unha ruptura federal total con Bélxica e a UE.

Optando por unha vía pragmática, moi probablemente debido á escasa maioría favorable á independencia de Flandres, as incertezas e a eventual confusión que este escenario achegaría sobre o encaixe legal da UE e, igualmente, polos efectos da crise económica, a N-VA semella aparcar momentaneamente a súa pretensión independentista a favor dunha ampliación de competencias autonomistas([5]), principalmente en materia de relacións exteriores, seguridade social, política interior, financiamento e infraestruturas. Isto reforzaría a proposta de “confederación” co Estado belga, preservando igualmente as expectativas autonomistas de Flandres.

Neste panorama, e sendo conscientes de que se están abordando contextos diversos e complexos, resta calibrar cal será o impacto real das eleccións de Quebec no concerto europeo, en particular ante vía independentista fraguada a través da consulta popular, como pretende o referendo escocés e as demandas catalanas, ou ben a potenciación do pragmatismo “confederal” proposto pola N-VA.

 

IGADI. 14 de abril de 2014.


([1]) “Analyse de la défaite du Parti Québécoise : c´était un référendum sur le référendum”, Radio Canadá International, 8 de abril de 2014. Ver en : http://www.rcinet.ca/fr/2014/04/08/la-defaite-du-parti-quebecois-serait-un-referendum-sur-le-referendum/

([2]) “Requiem pour le projet de pays”, Le Devoir (Quebec), 9 de abril de 2014. Ver en : http://www.ledevoir.com/politique/quebec/405038/requiem-pour-le-projet-de-pays

([3]) “Las consecuencias de la derrota del Partido Quebequense”, Radio Canadá Internacional, 8 de abril de 2014. Ver en: http://www.rcinet.ca/es/2014/04/08/las-consecuencias-de-la-derrota-del-partido-quebequense/. O ex primeiro ministro de Quebec, Bernard Landry (PQ, 2001-2005) declarou tralas eleccións que Péladeu avanza como favorito para dirixir o futuro PQ. Consultar: “Péladue ‘favori’ pour diriger le PQ”, La Presse (Montreal, Canadá), 8 de abril de 2014 : http://www.lapresse.ca/actualites/elections-quebec-2014/201404/08/01-4755554-peladeau-favori-pour-diriger-le-pq-selon-landry.php?utm_categorieinterne=trafficdrivers&utm_contenuinterne=cyberpresse_B13b_partis_1956692_section_POS3

([4]) European Free Alliance. Member Parties. http://www.e-f-a.org/whos-who/member-parties/

([5]) “Flandes renuncia a la independencia”, El País (España), 6 de febreiro de 2014. Ver en: http://internacional.elpais.com/internacional/2014/02/05/actualidad/1391630481_279158.html

 

AnexoTamaño
Obtén o PDF do IgadiPaper nº134149.66 KB

IgadiPaper nº135

Eleccións en Guiné-Bissau: na procura da estabilidade

a) Introdución
As eleccións presidenciais e lexislativas celebradas o pasado 13 de abril en Guiné-Bissau marcan a apertura dunha nova etapa política tralo golpe militar suscitado en abril de 2012 e as tensións da posterior transición. Neste sentido, Guiné-Bissau apréstase para celebrar unha segunda rolda electoral presidencial o próximo 18 de maio entre José Mario Vaz, candidato do gobernante Partido Africano da Independencia da Guiné e Cabo Verde, PAIGC (40,9% dos votos), e o independente Nuno Gomes Na Biyan (25,14%).

 

A inédita e elevada participación electoral, cifrada nun 80% e certificada por diversos organismos internacionais (ONU, Unión Africana, CEDEAO, CPLP) presentes nos comicios, confirma a vontade da sociedade guineana por acadar a estabilidade política a través dunhas eleccións democráticas. Nas eleccións lexislativas, o PAIGC alcanzou a maioría parlamentaria con 55 escanos dos 102 existentes na Asemblea Nacional Popular, por riba do Partido da Renovación Social (PRS), que alcanzou 41 escanos. Deste modo, estes comicios consolidaron unha notoria hexemonía bipartidista PAIGC-PRS.

A necesidade de “pasar páxina” do golpe militar de 2012 gravitou con notable incidencia nas recentes eleccións guineanas, en particular á hora de recuperar a credibilidade e lexitimidade política para poder retomar as axudas internacionais das que depende a economía do país. José Mario Vaz foi ministro de Finanzas do goberno do primeiro ministro Carlos Gomes Junior (PAIGC, actualmente exiliado en Cabo Verde), deposto polo golpe militar liderado polo António Indjai, entón xefe das Forzas Armadas. Pola súa banda, o seu rival Nuno Gomes Na Biyan é apoiado pola cúpula militar, así como polos sectores políticos afíns ao recentemente falecido Kumba Yala([1]), principalmente dentro do PRS.

Neste contexto electoral, Guiné-Bissau pretende asentar unha estabilidade política e social sumamente precaria nos últimos anos, polarizada ante as loitas intestinas polo poder, o pulso cívico-militar, a crise socieconómica e as presións exteriores ante a percepción de que Guiné-Bissau poida converterse nun epicentro estratéxico para o narcotráfico e outras actividades ilícitas, cunha irradiación que repercute en África, América Latina e Europa.

b) Transición democrática e axuda internacional

A necesidade de afrontar a transición democrática tralo golpe militar de 2012 constitúe o principal reto político para Guiné-Bissau. Neste sentido, a elevada participación electoral e a normalidade na realización do escrutinio foron amplamente celebradas polos organismos internacionais, en particular á hora de reconducir os fondos e axudas internacionais das que depende a economía guineana.

Desde a súa independencia en 1974, acadada ao mesmo tempo que a veciña Cabo Verde, Guiné-Bissau transitou por constantes turbulencias políticas, manifestadas nas loitas intestinas, principalmente entre o principal partido político do país, o PAIGC, as elites burocráticas e económicas e un poderoso estamento militar con frecuente  intervención na política guineana. Dende entón, Guiné-Bissau experimentou tres golpes de Estado (1980, 2003 e 2012) así como unha breve guerra civil (1998-1999), factores que influíron na inestabilidade política, nas desigualdades socioeconómicas e no ascenso dos índices de pobreza nun país de a penas 1,6 millóns de habitantes.

Desde o golpe militar de 2012, Guiné-Bissau vén afrontando diversas protestas sociais motivadas pola constante caída dos prezos internacionais da súa principal materia prima, os anacardos e os manises. Paralelamente, os principais doantes de axuda monetaria para o país, principalmente o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial e o Banco Africano de Desenvolvemento (BAD), así como outros doantes bilaterais, suspenderon inmediatamente os fondos de axuda a Guiné-Bissau tralo golpe militar.

Neste sentido, un informe elaborado en setembro de 2013 pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO polas súas siglas en inglés) e o Instituto Nacional de Estatísticas de Guiné-Bissau, determinou que un 80% da poboación guineana vive da agricultura, só o 7% das familias posúe seguridade alimentaria e un 64% dos fogares enfróntanse á carestía alimentaria, unha realidade moito máis perceptible ante a caída dos prezos internacionais das súas materias primas([2]). Neste sentido, en febreiro pasado, a Unión Europea (UE) e o Programa Mundial de Alimentos da FAO subscribiron un acordo para establecer un fondo valorado en 5 millóns de euros para alimentación e nutrición en Guiné-Bissau([3]).

As elites políticas e militares de Guiné-Bissau víronse fortemente premidas e alentadas a iniciar, canto antes, unha transición democrática tralo golpe militar de 2012, a fin de evitar o illamento internacional, a suspensión indefinida das axudas externas e a eventualidade dunha desintegración socioeconómica e política que intensificara a perspectiva de diluírse nunha especie de “Estado-fallado”([4]). Isto repercutiu na inevitable e irreversible celebración de eleccións presidenciais e lexislativas que permitiran un retorno do poder civil ás máximas instancias dos poderes públicos, así como tentar establecer unha relación política equilibrada coas Forzas Armadas de Guiné-Bissau (FAGB).

A directa implicación da ONU, da Comunidade Económica de Desenvolvemento dos Estados de África Occidental (CEDEAO), da Unión Africana (UA), da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e da Unión Europea (UE) na transición guineana, intensificou esa sensación de “momento crucial” para o desenvolvemento de Guiné-Bissau a través da elección dun poder civil na presidencia, o fortalecemento dun tecido institucional tradicionalmente sumido nas loitas políticas e o equilibrio de forzas entre a presidencia e a FAGB([5]).

c) O difícil equilibrio cívico e militar

Precisamente, e máis que as eleccións en si, a atención estará centrada na evolución postelectoral, en particular ante a necesidade de consolidar o equilibrio de poderes entre a clase política e o estamento militar. Esta perspectiva reflicte o seu impacto nestes comicios: se ben a FAGB anunciou publicamente que respectaría os resultados, moitos sectores especulan con que o estamento militar tente fortalecer os resultados de Nuno Gomes Na Biyan. Este candidato pertence á etnia Balanta, o principal grupo étnico do país, que igualmente domina as cúpulas militares e unha boa parte da dirección do PRS([6]).

Neste contexto, o ministro de Estado e portavoz do goberno de transición, Fernando Vaz, acusou a José Manuel Ramos-Horta, ex presidente de Timor Leste (2007-2012) e actualmente representante da ONU en Guiné-Bissau, e á eurodeputada portuguesa Ana Gomes, representante da UE, de presunta “inxerencia” nos asuntos internos do país([7]), especulando cun presunto apoio exterior cara o candidato do PAIGC. Cómpre destacar que a UA, a UE, a CPLP, a ONU e incluso EUA non recoñeceron o goberno transitorio que emerxeu tralo golpe militar, premendo constantemente pola celebración de eleccións presidenciais e lexislativas e incluso culpando á CEDEAO de manter unha actitude “tibia” co goberno transitorio post-golpista.

A preocupación por garantir a estabilidade política motivou á CEDEAO e á Unión Africana a impulsar, antes destes comicios, unha especie de compromiso denominado “pacto político de réxime postelectoral”, dirixido principalmente ao PAIGC, o PRS e a FAGB pero ampliado cara outras forzas políticas minoritarias e a sociedade civil([8]). Aceptado polo PRS e con certas reservas polo estamento militar, este pacto foi visto con certo receo nos cuarteis dirixentes do PAIGC, principalmente preocupados pola posibilidade de fortalecer o poder da etnia Balanta.

A grandes trazos, o pulso entre civís e militares define unha loita polo poder entre o PAIGC e diversos sectores castrenses, un factor que semella ser unha constante na política de Guiné-Bissau. Ao mesmo tempo, este pulso revelaría diversas tensións étnicas e socioeconómicas. Neste sentido, unha visión sucinta da realidade guineana visualiza que as elites políticas, principalmente no seo do historicamente hexemónico PAIGC, normalmente estiveron constituídas por clases sociais urbanas, de elevada formación intelectual e profesional, en clara contraposición co maioritario compoñente rural das Forzas Armadas, nas que destaca a hexemonía da etnia Balanta.

Precisamente, o factor étnico permite explicar, con diversos matices, algunhas variables que definen o conflito político guineano. A principal é o caso da etnia Balanta, debido a que esta se considera historicamente excluída das estruturas de poder, unha perspectiva que incluso antecede ao período da independencia de Guiné-Bissau. Isto explica que constantemente reclame a súa preponderancia no escenario político, burocrático, económico e militar.

Neste sentido, e a fin de diminuír as tensións cívico-militares, desde 2013, a CEDEAO e Brasil impulsan proxectos de cooperación no sector da defensa en Guiné-Bissau, coa intención de recrear medidas de mellora profesional dentro das FAGB([9]) e de ampliación da participación política dos diversos sectores étnicos e sociais.

d) O poder “ilícito”: o peso do narcotráfico

Un factor adicional que gravita con intensidade na política de Guiné-Bissau  ten que ver co peso do narcotráfico, a presenza dun fluído tráfico de drogas dende América do Sur (principalmente Colombia e Brasil), e as loitas intestinas entre diversos carteis da droga. Esta dimensión inflúe notablemente no contexto político, nas relacións cívico-militares e nas presións políticas exteriores, principalmente por parte dos doantes internacionais.

Esta circunstancia obriga constantemente a ponderar a perspectiva de que, eventualmente, Guiné-Bissau poida se converter nunha especie de “narco-Estado” e, paulatinamente, nun “Estado-fallado”([10]). Se ben deben considerarse diversos matices que desaconsellan esta presunción, ninguén dubida que o peso do narcotráfico, principalmente no seo da casta militar e burocrática guineana, así como as loitas entre os carteis da droga por controlar espazos de poder, intensifica o caudal de conflito político en Guiné-Bissau.

Diversas denuncias de organismos internacionais consideran que altos cargos militares lúcranse do negocio da droga, en particular o seu tráfico cara África Occidental e Central, así como Europa e América. Neste sentido, baseándose en informes da Drug Enforcement Agency (DEA), a xustiza estadounidense emitiu unha orde de captura contra o xeneral golpista António Indjai por presuntas actividades ligadas ao narcotráfico e, incluso, de tráfico de armas, sinalando mesmo presuntas conexións coas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC)([11]).

Segundo un informe da ONU([12]) publicado pouco despois do golpe militar de abril de 2012, en Guiné-Bissau operan aproximadamente 50 “capos” colombianos da droga, con proxeccións en África, Europa e América Latina. Ao mesmo tempo, este informe considera que aproximadamente un 60% da cocaína que se consume en Europa provén de Guiné-Bissau.

Paralelamente, un informe do Centro Africano de Estudos Estratéxicos([13]), un think-tank estadounidense, corroboraba as conexións entre mafias de América Latina e África, principalmente en Malí, Mauritania, Senegal, Guinea, Liberia e Nixeria con epicentro en Guiné-Bissau, destacando a forma en que o narcotráfico penetrou nas instancias de poder guineanas, principalmente no sector militar.

 

IGADI. 24 de abril de 2014

 


([1]) “PAIGC ganha legislativas na Guiné-Bissau, presidenciais vão ter segunda volta”, Público (Portugal), 16 de abril de 2014. Ver en: http://www.publico.pt/mundo/noticia/paigc-ganha-legislativas-na-guinebissau-presidenciais-vao-ter-segunda-volta-1632577

([2]) “Back to the Ballot Box- Guinea-Bissau seeks stability”, IRIN News, 11 de abril de 2014. Ver en: http://www.irinnews.org/report/99929/back-to-the-ballot-box-guinea-bissau-seeks-stability. Consultar tamén: “Guinea-Bissau”, World Food Programme: http://www.wfp.org/countries/guinea-bissau/overview

([3]) “European Union and World Food Programme Sign Agreement to Enhance Food and Nutrition in Guinea-Bissau”, Agrifeeds (FAO), 28 de febreiro de 2014. Ver en: http://www.agrifeeds.org/en/news/european-union-and-world-food-programme-sign-agreement-enhance-food-and-nutrition-guinea-bissau

([4]) “Guinée-Bissau: les élections, et après?”, International Crisis Group, 8 de abril de 2014, pp.1-2. Ver en : http://www.crisisgroup.org/~/media/Files/africa/west-africa/...

([5]) Ibid, p.4.

([6]) “Back to the Ballot Box- Guinea-Bissau seeks stability”, op.cit.

([7]) “PAIGC ganha legislativas na Guiné-Bissau, presidenciais vão ter segunda volta”, op.cit.

([8]) “Guinée-Bissau: les élections, et après?”, op.cit, p. 13.

([9]) Ibid, p. 15.

([10]) Se ben non dubida dos riscos que corre o país de diluírse nunha loita entre carteis da droga por asegurarse cotas de poder, o representante da ONU en Guiné-Bissau, José Manuel Ramos-Horta, exhortou á comunidade internacional a desestimar como un fait accompli a especulación de que Guiné-Bissau sexa un “narco-Estado” ou un “Estado-fallado”. Con todo, Ramos-Horta considera que a violencia do narcotráfico atiza constantemente as rivalidades políticas e étnicas, así como as loitas entre civís e militares, nun país que historicamente non tivo síntomas de violencia étnica ou relixiosa. Para maior información, consultar a entrevista realizada por Mario Queiroz a Ramos-Horta, “Guinea-Bissau está peligrosamente cerca de ser un ‘Estado fracasado?”, Inter Press Service en español, 1 de outubro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/10/guinea-bissau-esta-peligrosamente-cerca-de-ser-un-estado-fracasado/. Nesta mesma entrevista, Ramos-Horta cuestiona que exista un problema étnico que gravite con forza no conflito político en Guiné-Bissau, en particular ante a preponderancia da etnia Balanta, considerando que historicamente este é un país multiétnico e multicultural.

([11]) Para maior información sobre as acusacións contra Indjai e o peso do narcotráfico en Guiné-Bissau, consultar o artigo “Trafic de cocaïne et commerces illicites, bienvenue dans le Bissau Connection” , Jeune Afrique, 8 de abril de 2014. Ver en : http://www.jeuneafrique.com/Article/JA2777p024.xml0/drogue-corruption-cocaine-guinee-bissau-guinee-bissau-trafic-de-cocaine-et-commerces-illicites-bienvenue-dans-la-bissau-connection.html. Consultar igualmente “Guinée-Bissau: les élections, et après?”, op.cit, p. 13-14.

([12]) “Coup in Guinea-Bissau shines a light on powerful West African drug trade”, The Globe and Mail (Canadá), 13 de abril de 2012. Ver en: http://www.theglobeandmail.com/news/world/worldview/coup-in-guinea-bissau-shines-a-light-on-powerful-west-african-drug-trade/article4100045/

([13]) O´REGAN, David e THOMPSON, Peter: “Advancing Stability and Reconciliation in Guinea-Bissau: Lessons from African´s First Narco-State”, Africa Center for Strategic Studies, ACSS, Special Report Nº 2, xuño de 2013. Ver en: http://africacenter.org/wp-content/uploads/2013/06/SpecialReport-Guinea-Bissau-JUN2013-EN.pdf

 

AnexoTamaño
Obtén aquí o PDF do IgadiPaper nº135164.65 KB

IgadiPaper nº136

Brasil: un test Mundial para Dilma

a) Introdución

A celebración do XX Mundial de Fútbol que entre o 12 de xuño e o 13 de xullo centrará a atención en Brasil, está derivando nun complicado panorama social, político e de imaxe internacional([1]) para o goberno de Dilma Rousseff, cunha xestión que se veráe sometida ao escrutinio cidadán nos comicios presidenciais previstos para o próximo 5 de outubro.

No centro da atención está o elevado gasto na organización do torneo, estimado en 10.000 millóns de euros, e cun custe final valorado en máis dun 300% do estimado inicialmente para a construción de estadios e de infraestruturas que, a piques de comezar o Mundial, nalgúns casos aínda non están rematados. Estas obras son financiadas con diñeiro público a través do Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social (BNDES), feito que provocou nas últimas semanas a reactivación das protestas e manifestacións por parte de movementos sociais organizados contra o oneroso custe do Mundial e as deficiencias dos servizos públicos (transporte, sanidade, infraestruturas, seguridade pública, vivenda e educación), xa anteriormente levadas a cabo durante a celebración da Copa FIFA de Confederacións a mediados de 2013.

O descontento social contra a organización do Mundial está erosionando a popularidade de Rousseff, complicando ao mesmo tempo a eventual reelección do gobernante Partido dos Traballadores (PT). Diversas enquisas estiman que un 72% dos cidadáns están insatisfeitos pola xestión pública relacionada coa celebración do torneo futbolístico([2]). Paralelamente, os recentes datos económicos amosan contrariedades: segundo datos oficiais, o crecemento económico brasileiro no primeiro trimestre foi menor do esperado (0,2%) e nese mesmo período aumentou o desemprego (7,1%) e a inflación (6,5%).

De cara ás presidenciais, Rousseff e o PT aínda se manteñen como favoritos. Pero o pulso electoral sinala o ascenso dunha oposición política basicamente agrupada en dous polos: un de carácter centrista, liderado polo Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), con Aécio Neves como candidato; e outro configurado dende a esquerda, liderado polo socialdemócrata Partido Socialista Brasileiro (PSB), a través da alianza establecida por dous ex ministros da “era Lula”: Eduardo Campos, ex ministro de Ciencia e Tecnoloxía; e a activista ecoloxista Marina Silva, ex ministra de Medio Ambiente. Esta fractura pola esquerda pode complicar e alterar o espectro electoral do PT e o liderado de Rousseff,  abrindo unha etapa política que algúns catalogan como o “pós-lulismo”.

b) A “nova clase media” e o mito do “milagre brasileiro”

A masificación das protestas cidadáns desde mediados de 2013 coincide coa celebración de dous eventos futbolísticos, a Copa FIFA de Confederacións e o Mundial de Fútbol 2014 que se inaugurará o próximo 12 de xuño. Un factor explica o paulatino cambio que ven experimentando Brasil nos últimos anos, en particular durante a xestión gobernamental do PT desde 2003: o ascenso dunha “nova clase media”([3]) politicamente contestataria contra a estrutura de poder predominante.

Este aspecto resulta chave para explicar a inesperada e masiva protesta social que predomina actualmente en Brasil. Nun país constantemente estigmatizado dende o exterior por unha especie de simbiose “samba, fútbol e carnaval”, o ascenso social de determinados sectores, en gran medida beneficiados polos programas sociais imperantes dende a “era Lula” (2003-2011), explica os cambios experimentados e o fortalecemento dunha nova cultura política nunha ascendente sociedade civil sumamente contestataria contra os poderes establecidos, o enriquecemento de determinadas elites políticas e económicas, o modelo de desenvolvemento, a corrupción imperante (que erosiona internamente o PT á vista do escándalo do “mensãlao”) e a deficiencia dos servizos públicos, principalmente transportes, infraestruturas, vivenda, educación e sanidade.

Deste modo, a celebración da Copa Mundial FIFA 2014 e, igualmente, a próxima organización dos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro 2016, coloca no centro de atención os contrastes do internacionalmente celebrado “milagre económico brasileiro” e as deficiencias de desenvolvemento socioeconómico nun país que ascende no plano global como potencia emerxente dende o Sur.

Un caso especial merece a conformación de diversos movementos sociais, como o Movemento dos Trabalhadores Sem-Teto (MSTT), un dos mais activos durante as recentes protestas contra o elevado custe do Mundial 2014, e que denuncia constantemente a escaseza de vivendas, a precariedade das infraestruturas e un súbito encarecemento da vida a resultas da organización deste torneo([4]). Outros movementos sociais sumamente activos son o Movemento Passe Livre (MPL) e o Comité de Atingidos pela Copa, este último con incidencia no estado brasileiro de Belo Horizonte.

Por tanto, a celebración do Mundial 2014 semella constituír unha válvula ou instrummento de presión por parte destes colectivos cidadáns para intensificar as súas demandas e obter unha repercusión internacional que modifique esa percepción “conformista” sobre o que sucede en Brasil. Desde 2008, Brasil ven presenciando un paulatino aumento das folgas e protestas sociais([5]), mentres o goberno tenta por diversos medios garantir a estabilidade necesaria para organizar un torneo futbolístico que, cando menos a nivel oficial, contribuiría a fortalecer favorablemente a imaxe internacional de Brasil como polo de desenvolvemento e “país de clase media”, tal e como defende constantemente a propia Rousseff([6]).

c) A era do “pós-lulismo”?

Tendo en conta a masificación das protestas e a conformación de novos movementos sociais nun país con notable tradición neste apartado, o contexto actual inevitablemente desemboca no proceso electoral presidencial do próximo 5 de outubro, onde a mandataria Rousseff e o PT xóganse unha nova reelección.

Este contexto electoral obriga a ponderar un balance sobre a xestión de Rousseff e, principalmente, considerar a eventual configuración dun PT “post-Lula” que, segundo semellan observar diversos sectores dentro do partido, podería estar decantándose cara a burocratización e o clientelismo político derivado da penetración de novas elites políticas e económicas, alterando as bases programáticas dunha formación xurdida nos anos 1970 dentro dos movementos sindicais e sociais contestatarios contra a entón ditadura militar.

A eventual configuración dun PT “póst-Lula”, burocratizado, clientelar e afastado dos movementos sociais, supón un escenario que necesariamente afecta á imaxe pública da presidenta Rousseff así como ás posibilidades de reelección do PT. Neste sentido, o ascenso dunha nova alternativa electoral dende a esquerda, identificada na alianza entre dous ex ministros da “era Lula”, Eduardo Campos (PSB) e a ecoloxista Marina Silva,  pode erosionar a tradicional base electoral “petista”. Así e todo, non se descarta que, ante un eventual fortalecemento da candidatura centrista de Aécio Neves (PSDB), se configure unha aproximación de posicións entre o PT, o PSB, os ecoloxistas e movementos sociais, principalmente de cara a unha hipotética segunda volta electoral.

A caída de popularidade de Rousseff, a masificación das protestas, a ralentización do crecemento económico e o cada vez maior descrédito da clase política brasileira, explican as fortes presións internas dentro das diversas correntes políticas que conforman o PT. Ante a perspectiva dunha erosión electoral “petista”, neste primeiro semestre de 2014 intensificouse unha corrente de opinión a partir de diversos blogs de discusión política([7]) sobre un hipotético retorno de Lula no cometido de relanzar a candidatura de Rousseff e “refundar” o PT.

Non obstante, comeza a edificarse unha matriz de opinión claramente contraria ao persistente poder de Lula dentro do PT, da política brasileira e de amplos sectores da esquerda([8]). Así, unha porción influente da opinión pública brasileira considera este fenómeno como unha nova tendencia orientada a abrir un novo período político, cualificado como o “pós-lulismo([9]).

De cara ao contexto electoral, resulta moi posible que Rousseff e o PT utilicen o “lulismo” como unha ferramenta electoral orientada a potenciar unha nova reelección presidencial. Con todo, o ascenso dunha masa social contestataria contra o establishment e o modelo de desenvolvemento brasileiro ben podería explicar a hipotética asunción dunha era “pós-lulista”. Esta realidade permite inferir un contexto de complexidades e de polarización dentro da política brasileira, toda vez debe cómpre observar con atención en qué medida esta “nova clase media” ascendente pode configurar un movemento de representación política e electoral alternativo dentro do sistema político brasileiro.

 

IGADI. 6 de xuño de 2014


([1]) Nos últimos meses proliferaron diversos artigos en medios internacionais nos que se cuestionaba fortemente esa visión positiva de Brasil e do seu “milagre” económico. Unha escolma interesante deste tratamento nos medios pode observarse no artigo: “Dez reportagens mostran negativismo em cobertura sobre Brasil”, Folha de São Paulo (Brasil), 20 de maio de 2014. Ver en:  http://www1.folha.uol.com.br/bbc/2014/05/1456493-dez-reportagens-mostram-negativismo-em-cobertura-sobre-brasil.shtml

([2]) “Brazilian Discontent Ahead the World Cup”, The Pew Global Attitudes Project, Pew Research Center (EUA), Marzo de 2014. Ver en: http://www.pewglobal.org/2014/06/03/brazilian-discontent-ahead-of-world-cup/

([3]) É importante deterse a considerar este ascenso dunha nova clase media emerxente en Brasil, particularmente dende sectores populares beneficiados polos programas sociais da “era Lula” e, principalmente, polo aumento do salario mínimo e das facilidades de acceso ao crédito financeiro, que permiten inserir a estas clases na dinámica consumista. A diferenza da tradicional clase media brasileira, este segmento socioeconómico, identificado como Clase C, amosa un nivel de cultura política máis pragmática, de carácter inmediatista e incluso provisorio, e con notable influencia das nocións de xustiza social. Un estudo sobre este ascenso social en Brasil pode atoparse en RICCI, Rudá, “O Maior Fenômeno Sociológico de Brasil: a Nova Classe Média”, 9 de outubro de 2009. Ver en: http://www.cps.fgv.br/ibrecps/clippings/lc2329.pdf. O autor é un sociólogo director do Centro Cultiva e membro do Fórum Brasil de Orçamento, así como un prolífico estudoso deste fenómeno sociolóxico a través do seu blog: http://rudaricci.blogspot.com.es/2013/05/os-filhos-da-classe-c.html. Sobre as protestas de 2013 e o ascenso desta nova cultura política, Ricci é coautor xunto a Patrick Arley do libro Nas Rúas. A outra política que emergeu en junho de 2013, Editorial Letramento, 2014. Igualmente, compre consultar o artigo de TIBLE, Jean, “¿Una nueva clase media en Brasil?. El lulismo como fenómeno político-social”, Revista Nueva Sociedad, Nº 243, xaneiro-febreiro de 2013, pp. 4-17. Ver en: http://www.nuso.org/upload/articulos/3913_1.pdf

([4]) “Copa agrava a falta de moradias em Brasília, diz sem-teto”, BBC Brasil, 29 de maio de 2014. Ver en: http://www1.folha.uol.com.br/bbc/2014/05/1461716-copa-agrava-falta-de-moradias-em-brasilia-dizem-sem-teto.shtml

([5]) “Greves debem continuar durante e após Copa, afirmam especialistas”, Deutsche Welle Brasil, 26 de maio de 2014. Ver en: http://www.dw.de/greves-devem-continuar-durante-e-ap%C3%B3s-...

([6]) Máis de 170.000 axentes de seguridade, entre eles 57.000 militares, así como o reforzo de 200 policías internacionais, foron distribuídos polo goberno brasileiro para garantir a seguridade nas 12 cidades sede do Mundial, utilizando a máis elevada tecnoloxía, incluíndo drones e lanzamísiles, cun custe que supera os 2 billóns de reais brasileiros (aproximadamente 600 millóns de euros). Para maior información, consultar: “Brasil inicia ‘operaçao de guerra’ para garantir segurança na Copa”, Deutsche Welle Brasil, 23 de maio de 2014. Ver en: http://www.dw.de/brasil-inicia-opera%C3%A7%C3%A3o-de-guerra-para-garantir-seguran%C3%A7a-na-copa/a-17634873

([7]) Consultar: “Lula deveria refundar o PT?”, en: http://bertonesousa.wordpress.com/2014/05/22/lula-deveria-refundar-o-pt/

([8]) Consultar o blog de Boaventura de Sousa: http://www.ces.uc.pt/opiniao/bss/136.php. Igualmente recomendable: http://www.ihu.unisinos.br/noticias/515666-vislumbre-do-pos-lulismo

([9]) O “lulismo” inseriuse como unha realidade sociolóxica da política brasileira a partir da súa chegada ao poder en 2003, impulsado dentro do PT e baseado na necesidade de estabilidade e na acción distributiva do Estado a través de políticas sociais. Esta tendencia asentouse alterando a tradicional masa social e electoral do PT, de clases traballadoras e clases medias progresistas cara as clases populares, ofrecendo unha variación sumamente permeable. Para unha comprensión sobre o fenómeno “lulista”, unha obra de referencia é a de SINGER, Andrés, Os sentidos do Lulismo. Reforma gradual e pacto conservador, Editorial Companhia das Letras, 2012. Recoméndase igualmente un artigo deste autor, Raízes sociais e ideológicas do lulismo, consultar en http://www.scielo.br/pdf/nec/n85/n85a04.pdf  e unha entrevista co autor no portal: http://www.brasildefato.com.br/node/11399. Pola súa banda, o sociólogo brasileiro Ricardo Antunes identifica ao “lulismo” como unha tendencia conservadora e pragmática dentro do progresismo de esquerdas, desprovisto de calquera axenda radical reformadora. Para maior información, consultar o seu artigo “Fenomenologia do lulismo”: http://www1.folha.uol.com.br/fsp/opiniao/fz0301200708.htm

 

AnexoTamaño