A acción exterior no novo Estatuto de Autonomía de Galicia

Distribuir

Distribuir contido

Documento presentado polo Igadi no Parlamento de Galicia o 5 de xuño de 2006

No Estatuto de Autonomía de Galicia vixente, non existen referencias explícitas á acción exterior. Unicamente no artigo 35, punto 3, contémplase a posibilidade de solicitar do goberno a sinatura de tratados ou convenios que permitan o establecemento de relacións culturais cos Estados cos que se manteñan particulares vínculos culturais ou lingüísticos, requiríndose, de selo caso, a previa autorización das Cortes.

Igualmente, no artigo 7, punto 2, contémplase a posibilidade de “solicitar do Estado Español que (...) celebre os oportunos tratados ou convenios cos Estados onde existan tales comunidades”, referíndose ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Constitúe esta, sen dúbida, outra previsión de gran valor, non obstante sentara as bases dunha práctica política posterior, moi reforzada, que ignorou de forma absoluta outras dimensións do feito migratorio, entendido como ponte dinamizadora das relacións internacionais de Galicia, e reducindo a política coa diáspora a unha prolongación exterior da política asistencial da administración galega, coas limitacións propias do caso e sempre envolta en diatribas e contenciosos electorais.

Tampouco da lectura dos preceptos relativos ás competencias, xa sexan ou non exclusivas, a excepción quizais no capítulo económico, artigo 30, onde podería sobreentenderse, cunha interpretación xenerosa, algunha referencia, cabe salientar unha atención específica a este aspecto da acción política. Polo tanto, cabe concluír a manifesta ausencia global de referencias explícitas e estruturadas a este aspecto e, como moito, esa vinculación reducionista do feito migratorio, o cal, en por si, non deixa de presentar tamén un lado positivo, na medida en que os impulsores do texto eran plenamente conscientes da transcendencia exterior do feito migratorio e da necesidade de incorporar esa dimensión na praxe diplomática, non soamente na dimensión asistencial ou de conservación identitaria. A fin de contas, cando hoxe para o Estado o problema non é a emigración senón a inmigración, o noso Estatuto ven a dicir que si é un problema do Estado e todas as forzas políticas galegas deberían facer forza común para que sexa a nosa Comunidade quen lidere ese permanente recordatorio a Madrid.

A referencia do artigo 35, pola contra, ofrece unha base substantiva importante para impulsar iniciativas de gran calado no ámbito da proxección internacional da nosa cultura, base esencial para estender a cooperación a outros dominios.

Cómpre salientar, en todo caso, que o contexto do momento estatutario tampouco daba para moito máis. As comparanzas co tempo actual non proceden e sería inxusto achacar falta de visión aos pais do Estatuto, pois, naquel momento, en 1981, nin España entrara na UE, nin se iniciara a Perestroika, e o mundo bipolar e da guerra fría determinaba as relacións e as dinámicas internacionais. As preocupacións internas eran as dominantes e o autogoberno tiña unha comprensible vocación cara os ámbitos propios. O obxectivo era ser unha autonomía no estado, cando aínda unha base social importante do país militaba en contra da propia autonomía por considerala insuficiente e querer transcendela. Agora, ser unha autonomía no mundo (e non só no Estado ou na península) abre este segundo tempo da autonomía galega no que estamos inmersos actualmente. É obvio por tanto, que non se pode desaproveitar o momento para recoller, de forma explícita no texto estatutario, o recoñecemento do dereito que asiste a Galicia a desenvolver unha acción exterior de seu.

Que reflexión debe inspirar ese recoñecemento?

Naturalmente, que Galicia conte unha acción exterior propia non é unha cuestión de moda, un capricho. Está fora de cuestión no eido comunitario e venlle dada pola necesidade de desenvolver as súas propias competencias en determinadas materias. Pero vai máis alá do estritamente europeo, que xa diríamos mesmo que non é exterior, e. Polo demais, a asunción de competencias nesta materia é un feito incontestable e irreversible, e non implicarse nela cunha estratexia definida e clara deixaría a Galicia en inferioridade de condicións para afrontar os retos do futuro. O momento que se vive no Estado, non soamente a nivel internacional, é particularmente motivador neste sentido, reducindo, a pesar das resistencias, o dramatismo respecto dunha maior asunción de competencias por parte dos poderes autonómicos, cunha visión que participa da idea de que esa redistribución do poder non debilita ao Estado, senón que pode contribuír ao seu reforzamento. Non se trata, pois, de dividir ou fragmentar, senón de unir doutro xeito.

Se España non fose un estado plurinacional, probablemente, o debate sobre a presenza exterior tería outras connotacións. Por exemplo, que o estado mexicano de Chihuahua abriu hai pouco tempo unha representación en Beijing, como outros estados mexicanos xa fixeran tamén noutros países do mundo, e ninguén por iso se alporiza nin ergue a voz para defender a unidade do estado mexicano. Os medos a que unha proxección exterior das nacionalidades históricas ou das autonomías en xeral dilúan e debiliten a acción diplomática do Estado debe racionalizarse de xeito tal que poida definirse un marco de lealdade e xestión plenamente asumida por todas as partes. En consecuencia, debemos contemplar unha previsión no novo estatuto de autonomía de Galicia que nos permita fundamentar e desenvolver unha estratexia ambiciosa, capaz de establecer termos de referencia a este nivel, de xeito que se poida evidenciar un compromiso susceptible de ser respectado e asumido, interior e exteriormente.

O balance da experiencia destes anos indícanos que a sociedade galega ten sido lenta na interiorización da importancia do feito exterior, así como tamén na necesidade de asumila como un eixe da acción política, esencial no tempo que vivimos. Asentada na imaxe dunhas viaxes ao exterior ás veces insuficientemente ou mal explicadas; noutras ocasións, excesivamente asociada co feito migratorio e aos procesos electorais.

Igualmente, no conxunto dos partidos políticos o interese foi limitado ata tempos ben recentes e moi circunscrita a temas estritamente comunitarios e migratorios. No propio Parlamento galego aínda hoxe carecemos dunha Comisión de acción exterior, empeñados en segmentala e reducila (asuntos europeos e emigración), deixando de lado a capacidade de iniciativa e o control da acción política do goberno noutras materias relacionadas coa proxección exterior.

Tampouco deberiamos pensar que partimos de cero. Como en tantas outras cousas, a xeración galeguista de comezos do século pasado bríndanos, cunha nitidez asombrosa, os antecedentes e os vectores principais que se deben ter en conta á hora de facer posible hoxe, a proxección de Galicia no mundo, un aspecto sobre o que eles tamén reflexionaron nun marco histórico e político ben diferente do actual. Dende a “célula de universalidade” da Declaración de Principios do Partido Galeguista, ata a participación de Galicia, da man de Plácido Castro, no Congreso de Nacionalidades Europeas, ou a formulación da relación con Brasil, Portugal e o mundo Celta-Atlántico, cabe apreciar nas reflexións dos galeguistas da xeración Nós unha inquedanza verdadeiramente admirable, tanto polo tempo como pola clareza con que foi formulada.

Debemos de ser capaces de integrar no presente esa dimensión histórica da nosa acción exterior, entre outras cousas, porque é moi valiosa para defender e orientar a conveniencia dunha acción exterior en tempos de mundialización. A fin de contas, a célula de universalidade proclamada por aquel galeguismo é unha contundente expresión en positivo da reivindicación da diversidade fronte á uniformización asfixiante que ameaza a subsistencia das identidades diferenciadas e que toda acción exterior, no caso galego, debe asumir como un dos eixes vertebradores esenciais.

Agora as cousas mudaron. Nese contexto de mundialización como o que vivimos na actualidade, non se pode estar á defensiva, e por iso, resulta esencial fuxir do reactivismo e adoptar posicionamentos proactivos, de xeito que poidamos tirar vantaxes das mudanzas que se están a producir a nivel internacional e que nos achegan tanto dificultades como oportunidades. Estar á altura do tempo que vivimos esixe un compromiso coa idea de que Galicia debe estar presente no mundo e unha avaliación continuada e permanente dos desafíos a superar e, polo mesmo, das tácticas e estratexias a adoptar co propósito de evitar o agravamento da nosa condición periférica.

Mesmo o vixente e restritivo marco constitucional e estatutario, permite levar a cabo accións de natureza diversa que abren expectativas racionais para un maior aproveitamento das oportunidades suscitadas no plano internacional. Interiorizar a súa importancia, garantindo a máxima cohesión interna de todas as políticas ideadas neste eido e a asunción colectiva das mesmas, mais alá de sensibilidades e compromisos subxectivos de cada quen, esixe a habilitación de mecanismos internos que estruturen e aporten vigor a esta liña de acción, ata asentala como un ámbito irrenunciable da políticas públicas, dotándoa ademais dunha importancia crecente. O debate da reforma estatutaria e a reflexión iniciada a nivel estatal para establecer un novo marco de relacións co poder central, permite albiscar esperanzas sobre a superación das vellas teimas restritivas a prol da acción exterior, sen prexuízo de acomodar un esqueleto administrativo e competencial respectuoso e leal coa Administración do Estado.

Igualmente, no propio Estatuto procedería recoller a idea de que debe ser unha acción exterior socialmente integradora, de país, involucrando ao conxunto dos actores, públicos e privados, con vocación e intereses internacionais. Para iso debe ser unha acción que tenda ao consenso, aberta e compatible, abrindo espazos á sociedade civil e á iniciativa privada. A converxencia de vontades debe permitir que poida ser sostida e mantida por riba de calquera tipo de avatar. Para iso, debe levar á conciencia dos galegos a necesidade dunha reflexión xeral sobre a posición que Galicia debe ocupar no mundo, en especial, por parte dos sectores mais dinámicos e comprometidos, afianzando un código de boas prácticas e de orientacións básicas que faciliten a optimización dos nosos escasos recursos e permitan a creación de amplas redes que visualicen de forma clara e substanciosa a Galicia no exterior e a Galicia do exterior, en especial, naquelas áreas xeográficas consideradas de interese prioritario para a nosa Comunidade. Só se somos capaces de acumular e reasignar os escasos recursos con que contamos para esta finalidade, seremos quen de instalar unha reflexión sobre o espazo que a dimensión exterior debe ocupar na política galega. O esforzo de concentración, tanto xeográfica como sectorial, hanos permitir a debida optimización dos recursos.

Por outra banda, esa norma de actuación é indispensable para que poida establecerse unha actuación máis coordinada e articulada entre os distintos actores relevantes na proxección da imaxe-país: mundo da cultura, mundo académico, empresas, medios de comunicación (radio e televisión especialmente), deportistas, etc., e tirar proveito das sinerxías que se poidan establecer.

Nesa liña, cabe pensar na análise das posibilidades de desenvolver e en qué ámbitos unha imaxe específica de Galicia como marca e que resulta indisociable, claro está, da existencia e percepción dunha boa imaxe como país que cómpre crear a través do combate dos estereotipos que poden afectar negativamente á nosa imaxe e a disposición de instrumentos que revaloricen a nosa cultura, un valor diferencial básico.

A acción exterior que debe desenvolver Galicia debe responder ás súas singularidades, é dicir, debe partir da propia análise e convicción das súas necesidades e potencialidades e debe incorporar os mecanismos precisos para a súa dignificación e desenvolvemento. Non só debemos vender fóra o que temos ou o que producimos senón que debemos exteriorizar, sen complexos, o que somos. A proxección exterior de Galicia, tanto no político como no económico, coñeceu ata o momento dous escenarios principais: Europa e, en menor medida, América Latina. O noso “estranxeiro próximo” asenta nunha contextualización e proximidade xeográfica, nun caso, con especial relevancia para Portugal e Francia no económico, ou, dende outra perspectiva, na nosa condición marítima (Arco Atlántico) ou “rexional”; e no feito diaspórico, noutro. A diáspora é unha singularidade galega, mal aproveitada aínda e que adoece de serias taras de comprensión, mesmo entre a nosa clase política por razóns moi diversas, e de inhibicións profundas na súa dinamización consciente e articulada. Non obstante, o problema da diáspora está sobre a mesa, aínda que o debate aínda é limitado e non contempla a posibilidade de facer de Galicia un referente deste problema a nivel mundial nun tempo en que as migracións determinan unha das características esenciais da sociedade internacional contemporánea.

En coherencia co sinalado anteriormente, cabe propiciar unha reflexión sobre a importancia de conceder unha maior atención a dúas áreas moi ignoradas: África e Asia, deixando claro de antemán que non se trata de substituír unha cousa por outra, senón de complementar e atender con certa coherencia ámbitos que poden contribuír á materialización dunha alianza beneficiosa para Galicia e a súa visibilidade internacional. En relación á primeira, os países africanos de lingua oficial portuguesa (PALOP) constitúen un área xeográfica e económica que inclúe a países como Angola, Mozambique, Cabo Verde, Guinea Bissau, Sao Tomé e Príncipe, e que foi obxecto, ata o momento, de moi pouca, case nula, atención por parte de Galicia, a pesar de que nalgúns deles se substancian intereses económicos importantes, especialmente no eido pesqueiro. O noso comercio exterior é moi vulnerable pola súa dependencia de Europa, onde a economía a penas crece. Na busca de novos mercados, podería ser de interese explorar as posibilidades de negocio que brindan estes países, onde a alianza sectorial e empresarial con Portugal podería axudar de forma estimable. A experiencia en marcha no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, onde Cámaras portuguesas e Concellos galegos, por exemplo, executan proxectos en países como Cabo Verde, pode ser un referente a ter en conta, aínda que a súa filosofía sexa (e entendo que debe ser así) moi distinta. A participación de Galicia como observadora na CPLP, que se reunirá no próximo mes de Xullo ao mais alto nivel para celebrar a súa primeira década de funcionamento e onde deberá analizar idénticas peticións formuladas por Cabinda ou Guinea Ecuatorial, abriría expectativas de interese para afianzar esta hipótese e podería facer de Galicia (ou da eurorrexión) outra instancia complementaria a ter en conta para o seu achegamento a Europa.

O segundo referente é Asia e, sobre todo, China. Ninguén discute xa a importancia de estar presentes neste país, cunha das economías máis dinámicas do planeta. Pero non é doado acceder aos seus mercados. Hai que perseverar e acertar nas alianzas e nas vías de acceso. Unha porta de entrada de interese para Galicia, pouco explorada, podería ser Macau, en alianza con empresas e entidades portuguesas. Sería unha estratexia singular e con maiores posibilidades de éxito, probablemente, que as promovidas a través das vías de entrada tradicionais onde a competencia é moito máis intensa. China, por exemplo, comprendeu rapidamente a singularidade de Macau e definiu unha estratexia para aproveitar esa plataforma a fin de favorecer a cooperación económica e comercial. O peculiar contexto histórico e cultural do territorio, a cooficialidade do portugués e o chinés, alén doutras consideracións específicas da zona en razón da persistencia nela do sistema socioeconómico vixente antes da devolución do territorio, en 1999, por parte de Portugal, reforzaban esa idoneidade. Beijing decidiu impulsar desde alí a constitución dun Foro para a Cooperación entre China e os países de Lingua Portuguesa, coa única excepción de Guinea-Bissau, con quen non mantén aínda relacións diplomáticas; en total, un mercado de 220 millóns de persoas con grandes potencialidades de desenvolvemento. En 2002, o valor das relacións comerciais entre China e os países de lingua portuguesa era de 6.100 millóns de dólares. En 2004 pasou a 18.000 millóns, triplicando os datos de 2002. Naturalmente, falamos dun proceso de ida e volta: calquera que pense no mercado chinés, non pode deixar de contemplar o valor de Macau como vía de entrada no sur da China e nesa Grande China que incluiría a China de ultramar e mesmo Taiwán, onde Galicia conserva certa tradición comercial, lamentablemente en retroceso por falta de visión dalgún sector económico e da propia Administración.

Nestas dúas áreas, ademais, a Administración do Estado está a propiciar un impulso político importante ás relacións bilaterais e multilaterais, do que Galicia podería participar e beneficiarse. Non sería, pois, unha excentricidade, como moitos poderían pensar a priori, e mesmo podería contribuír par visualizar a importancia de Galicia para o Estado na facilitación dunha estratexia específica nestas zonas.

En todas as súas dimensións (político-institucional, económica e comercial, turística, cultural, cooperación ao desenvolvemento, social, etc.), debe establecerse un tratamento diferenciado das distintas áreas de interese, marcando obxectivos, instrumentos e accións para a súa consecución. A tal efecto, cómpre ter en conta a necesidade de fortalecer as capacidades administrativas internas e establecer un sistema homologado que permita dinamizar a nosa proxección internacional en xeral, e as relacións bilaterais en particular, cos distintos países, e como instrumento da nosa acción exterior. Será dese xeito que iremos adquirindo os elementos estruturais que nos han permitir desenvolver unha acción exterior con crédito social, influencia efectiva e capacidade de liderado.

Por outra banda, é importante contemplar tamén a reflexión sobre o seguimento e a participación en determinados foros multilaterais, onde a presenza de Galicia puidera revestir interese e ultrapasando a mera condición testemuñal. Non soamente nos foros do ámbito cultural (UNESCO, póñamos por caso), senón tamén nos políticos ou económicos, tipo CPLP que antes mencionaba, pero tamén en experiencias internacionais de cooperación onde a nosa experiencia poida resultar de mutua utilidade.

No ámbito económico, comercial e turístico, importa especialmente que a acción exterior contribúa ao aumento substancial do volume das nosas exportacións para mellorar a nosa cota de mercado en determinados países e propiciar un incremento do número de empresas galegas con presenza internacional, xa sexa a través da exportación ou do investimento directo. Para iso é fundamental dar unha visión moderna de Galicia, a que se corresponde cun país desenvolvido, beneficiándose do propio impulso da imaxe económica de España, moi mellorada nos últimos anos, pero sen desprezar a conveniencia de instar esforzos autónomos. Nesa liña é esencial imaxinar accións de promoción (dende portais inversos ata Comités de homes de negocios, plans estratéxicos en sectores específicos ou políticas de financiamento que faciliten a presenza de sectores estratéxicos con alta capacidade de arrastre das exportacións) e mellorar tanto a formación de expertos económicos e comerciais (intensificando a política de becarios, cursos sobre calidade), como a calidade da información existente sobre a realidade galega. No ámbito turístico cómpre prestar especial atención a Asia, que vai crecer exponencialmente nos próximos anos e Galicia debe aproveitar o mais que probable tirón de España na zona.

No ámbito cultural, a difusión da cultura galega debe servir para proxectar unha imaxe prestixiosa do país, fomentando o recoñecemento da calidade dos nosos creadores, e a singularidade e excelencia do noso patrimonio artístico e cultural. O cine, as artes plásticas, a música, a danza, a literatura, o patrimonio, etc., deben atopar canles propicios para a súa promoción mediante o establecemento de convenios, memorandos de entendemento, declaracións conxuntas ou simples acordos directos entre institucións públicas e privadas de Galicia e do exterior. Neste aspecto, cómpre valorar a experiencia sobre a aprendizaxe da lingua galega no exterior a través dos lectorados e imaxinar outras opcións, con independencia de reforzar as existentes (programa específico de formación de profesores de galego para o exterior, por exemplo). Igualmente, a través dun programa de becas ou a creación de Asociación de Amigos de Galicia, poderíase impulsar o coñecemento intercultural coas áreas definidas como prioritarias.

No eido universitario, sería importante impulsar un papel activo na captación de futuros bolseiros no marco de iniciativas da UE, como tamén a cooperación científica e a participación en redes.

No ámbito da cooperación ao desenvolvemento, Galicia ten retos importantes por superar, non só dende o punto de vista cuantitativo, tamén cualitativo. En calquera caso, no novo Estatuto debe recollerse explicitamente este compromiso, o que debe permitir reforzar a súa presenza na axenda dos nosos actores, políticos ou non.

A nosa acción exterior debe ser pragmática e orientada á defensa dos intereses de Galicia no mundo, pero tamén debe ter en conta o compromiso xeral coa defensa da paz e a estabilidade, co mellor respecto e protección dos dereitos humanos, o bo goberno, a mellora dos sistemas xudiciais, o fomento do desenvolvemento participativo, e o fortalecemento das sociedades civís.

Parte esencial da nosa estratexia exterior debe ser a relación coa Administración do Estado, ata agora de vocación conflitiva neste eido, probablemente por carecer dun marco estrutural claro, máis alá dos asuntos estritamente europeos, funcione ben ou non tan ben, e consecuencia tamén dunha inercia que vai a remolque da fluída evolución do contexto internacional. Pero non só se trataría de garantías de lealdade, de coordinación, etc, ou de implicación de Galicia na definición da política internacional de España, senón de implicar ao propio Estado na promoción exterior de Galicia como un eixe singular da política exterior (de igual xeito que o Cervantes está a asumir a promoción das linguas e culturas españolas). Máis claro e entendido ca nunca, a acción exterior dunha comunidade autónoma é tamén política de estado. Por propio interese do Estado, a mestura de crítica e/ou desentendemento doutras etapas debería desaparecer.

Un exemplo, España como Estado prestou sempre, e máis nos últimos anos, unha considerable importancia ao idioma común como referente da súa política exterior. Galicia non, como xa se dixo, e a pesar de atoparse nunha posición máis favorable que o País Vasco ou Cataluña neste sentido. Non puxemos en valor (nin habilitamos en consecuencia políticas internas de fomento do coñecemento do portugués que podiamos atopar mais desenvolvidas en Estremadura, poñamos por caso) nin interiorizamos suficientemente a nosa potencialidade lingüística no plano internacional. Esa dignificación non soamente debe salientarse cara fóra. É tamén fundamental convencer ao Estado de necesidade de tirar proveito da vantaxe comparativa que Galicia ten nesta orde para que sirva de plataforma especializada para desenvolver as relacións co mundo de expresión portuguesa que, naturalmente vai máis aló dos PALOP e inclúe a un xigante como Brasil –e a Timor-, onde, ademais, converxe coa outra singularidade, a diaspórica. A combinación de lealdade e complementariedade produciría bos resultados para todos.

Coido que se debe establecer un mecanismo regular para que Galicia poida participar mais activamente no deseño e na execución da política exterior española e tamén para nutrir e desenvolver as sinerxías. Igualmente cómpre establecer mecanismos institucionalizados de relación coa rede diplomática e consular e perfilar os instrumentos xurídicos que lle presten cobertura, tanto en termos xerais como, mais en concreto, no ámbito da xestión dos fluxos migratorios con determinados países.

Sería conveniente, por último, garantir un esforzo específico para a promoción da presenza de galegos nas organizacións e institucións internacionais e deseñar mecanismos institucionalizados que permitan a súa articulación en redes conectadas co país.

A casuística e os modelos, por así dicilo, para o desenvolvemento da acción exterior tenden a mirar, no caso de Galicia, á practica aplicada por outras nacións do Estado, ou doutras nacións sen Estado que no ámbito americano ou europeo se caracterizan por desenvolver unha acción exterior de certa intensidade, ou nos estados federados europeos. Pouca atención se ten prestado a casos como o citado ao comezo (de México ou de EEUU), que contan con representacións directas no exterior, e onde a nosa problemática nacionalista non existe, o que aumenta a naturalidade (e a neutralidade) da iniciativa, a priori desprovista de intencións “ocultas”, a modo de desafío do Estado. Nunca, sen embargo, reparamos nun caso inverso: o dun estado sen nación. É o modelo de Taiwán, hoxe con pouco mais dun par de ducias de países que recoñecen a súa existencia- e cos que polo tanto mantén relacións diplomáticas normais-, pero que conta, e iso é o que nos interesa, cunha rede de oficinas de representación económica, comercial e cultural, que garanten o pleno desenvolvemento dunha acción paradiplomática normalizada.

Non é o tempo nin o espazo agora de suscitar modelos, pero a acción exterior de Galicia, respondendo ás súas propias características, puidera ter aquí un modelo e unha experiencia de utilidade e próxima en máis aspectos (por exemplo, tamén a diáspora).

Deixando de lado a relación de Galicia coa UE, que merece un tratamento específico, non soamente pola súa importancia senón tamén porque incorpora moitos elementos de política verdadeiramente interna que afectan ao desenvolvemento normal da autonomía.
Para rematar, ímonos referir aquelas propostas que o novo Estatuto de Autonomía de Galicia debería recoller nunha sección ou capítulo especifico que levase por título: A acción exterior de Galicia. Serían os seguintes:

1. A Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo do respecto da competencia do Estado en materia de relacións exteriores, desenvolverá unha acción exterior concertada cos principais actores sociais, orientada á promoción da súa economía, comercio e cultura, e á defensa dos seus intereses no exercicio das competencias que lle son propias.

2. Galicia aspira a participar na definición, na coordinación e na execución da política exterior do Estado a través dun procedemento reglado e nos casos e actividades que procedan, desenvolvendo as respectivas sinerxías.

3. A Xunta de Galicia definirá a organización e réxime xurídico dos instrumentos que permitirán a súa representación directa, tanto noutros Estados como nos organismos multilaterais que sexan do caso. Igualmente, concertará co Estado a inclusión de representantes galegos nas delegacións españolas nos procesos relacionados con aquelas materias que afecten ás súas competencias exclusivas.

4. A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias, poderá ser signataria de acordos ou convenios, con todo tipo de entidades e suxeitos internacionais, sen necesidade de recabar a autorización previa do Estado e sen prexuízo da súa comunicación previa a quen corresponda. O Estado deberá comunicar á Xunta de Galicia a instrumentación de similares documentos cando afecten ás súas competencias.

5. A Comunidade Autónoma poderá solicitar do Estado a sinatura de tratados internacionais que faciliten o fomento dos vínculos económicos, sociais e culturais ca diáspora así como a extensión ás colectividades galegas dos dereitos que legalmente se establezan.

6. Corresponde á Xunta de Galicia impulsar e liderar a colaboración e a coordinación de todos os axentes, públicos e privados, involucrados no fomento e na xestión da acción exterior.

7. A Comunidade Autónoma galega promoverá o compromiso institucional e cívico coa cooperación internacional ao desenvolvemento.

8. A acción exterior de Galicia inspirase na defensa da paz e da legalidade internacional, no respecto e a protección xeral dos dereitos humanos, o bo goberno e o fortalecemento das sociedades civís.

Baiona, 5 de xuño de 2006.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais