O programa de dereitos humanos na Unión Europea no 2002

Distribuir

Distribuir contido
Memorando de Amnistía Internacional para a Presidencia española
1. A Unión Europea e os dereitos humanos no 2002

Cada seis meses, Amnistía Internacional fai un balance da evolución e das perspectivas da política de dereitos humanos da Unión Europea, plasmándoo nun Memorando que formula recomendacións á nova Presidencia. A finais do ano 2001, a nosa valoración cambiou de xeito drástico. Tralos feitos do 11 de setembro, a seguridade converteuse na preocupación número un, o que conleva unhas consecuencias graves para os dereitos humanos.

O firme propósito da seguridade entraña o risco de rebaixa-los principios básicos dos dereitos humanos e as consecuencias poderían ser particularmente graves de cara á protección dos refuxiados. Semella claro que os dereitos humanos corren un risco. E queda aínda máis patente ó considera-la situación de xeito máis amplo. Existen tendencias claras de restarlle importancia ós dereitos humanos para construír e mante-la “coalición global contra o terrorismo”. En varios paises coñecidos polos seus abusos sistemáticos contra os dereitos humanos, a loita contra o terrorismo estase convertendo nun novo pretexto para xustifica-la represión de sempre. Ademais estendéronse con grande celeridade as manifestacións de discriminación e racismo nos paises membros da Unión Europea. O insuficiente cumprimento do dereito humanitario nas accións militares no Afganistán provocou moitas baixas civís. A crise dos refuxiados afgáns cobrou proporcións catastróficas. E unha vez máis semella estar esquecida Africa.

A Unión Europea está nunha encrucillada no seu desenvolvemento como potencia económica e política. Como tal, ten un papel crítico que xogar ante a actual crise mundial dende a perspectiva clara dos principios e valores sobre os que está fundada a Unión. Mentres anima á Unión Europea nesta aspiración, Amnistía Internacional pide que ante a presión de ofrecer seguridade, a UE aplique estes principios internamente cun enfoque autocrítico. Se non se fai así coloca-los dereitos humanos no centro de tódalas poíticas seguiría sendo un xesto baleiro.

Amnistía Internacional recoñece o dereito lexítimo da UE e dos seus Estados membros de garanti-la seguridade dos seus cidadáns e de tódalas demais persoas que se encontran no seu territorio. Nembargantes, o respecto dos dereitos humanos debe rexer sempre o trato dos Estados ás persoas baixo a súa xurisdicción, xa se trate de protexelos de acto criminais ou de determina-la responsabilidade dunha persoa nun feito delictivo. Polo tanto, más ca nunca, a UE debe asegurar que o propósito de consegui-la seguridade non socave os mesmos dereitos que pretende protexer. Hai seis meses, no seu Memorando á Presidencia belga, AI rendeulle homenaxe á UE pola súa declarada ambición de protexer e promove-los dereitos humanos de xeito eficaz. En resposta á aspiración da UE de marcar unha diferencia neste sentido, AI sinalou como puntos febles a superar o desequilibrio entre cooperación por unha banda e a presión exercida por outra, a falta de coñecementos na materia, o non ter abordado os problemas de dereitos humanos dentro das súas fronteiras, e a crise no dereito de asilo. AI expresou a súa esperanza de que España estivera á altura destas ambicións, facendo que por vez primeira os dereitos humanos ocupen o seu merecido lugar como prioridade explícita baixo a Presidencia española.

Agora, en vésperas da Presidencia española, os dereitos humanos semellan terse retirado ata un segundo plano ante o predominio da seguridade. Isto queda reflectido na primeira presentación por parte do goberno español do seu programa. Lonxe de considera-los dereitos humanos unha prioridade da Presidencia, salienta a necesidade de seguir adiante cun amplo temario interno en materia de seguridade e coloca o rápido desenvolvementodo papel militar de Europa á cabeza do temario da PESC.

Nun momento no que se está facendo cada vez máis patente que existen tódalas razóns para adoptar un enfoque baseado en dereitos humanos para facer fronte a algúns dos problemas máis teimudos de desigualdade e inxustiza, a ausencia dunha perspectiva deste tipo do temario da Presidencia da UE é máis cunha oportunidade perdida. Constitúe un grave erro. Fai falla unha visión global verbo do xeito en que os valores fundamentais da UE deben guiar a súa política interior, así como o papel que desempeña a UE como protagonista no mundo.

Amnistía Internacional pídelle á Presidencia española que infunda o seu programa dunha perspectiva clara de dereitos humanos sen ambaxes.

2. O recentemente xurdido afán pola seguridade

O debate sobre a seguridade vai vento en popa. Non só conleva serios riscos de seguir minando o sistema de asilo como mecanismo esencial de protección, senón que supón aademais o risco de criminalizar, por asociación, ós refuxiados e a outras persoas que pertencen a outros grupos, contribuíndose así a un clima de xenofobia, discriminación e agresións racistas. Ata o momento o coidado por redobra-la seguridade non semella ir á par do coidado por actuar contra tales manifestacións.

É moi preocupante comprobar que o debate sobre seguridade dá sinais de ampliarse ata poñer en dúbida a validez e a aplicación do dereito internacional sobre dereitos humanos. Isto suscita preguntas fundamentais. Despois da Segunda Guerra Mundial, a decisión dos gobernos occidentais de crear un sistema de protección dos dereitos humanos baseouse na idea de que non só eran necesarios mecanismos fortes para protexe-las persoas, senón que tamén sería o modo axeitado de protexe-la integridade e responsabilidade do estado. A Historia demostrou o seu acerto cando examinamos en particular o sistema europeo de protección dos dereitos humanos.

Non fai falla sacrifica-los dereitos para mante-la seguridade. De feito, as normas como a Carta Europea dos Dereitos Fundamentais e a Convención Internacional de Dereitos Civís e Políticos poñen os alicerces que fan posible a protección, mentres que aseguran que os estados poden toma-las medidas correctas a favor da seguridade. Non se deben sacrificar estas salvagardas recoñecidas internacionalmente á hora de encontra-lo equilibrio entre seguridade e as liberdades individuais. Mesmo nas crises máis extremas os gobernos non teñen as mans libres.

Amnistía Internacional pidelle á Presidencia española que vixíe que a UE e os seus estados membros se aseguran de que calquera medida que se adopte para garanti-la seguridade respecte debidamente os principios e a lexislación internacional sobre dereitos humanos, entre eles os que recolle a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

3. A necesidade dun enfoque global

As dimensións internas e externas

Unha estratexia global da UE sobre dereitos humanos require congruencia entre os enfoques internos e externos. A dimensión interna faise aínda máis importante para unha UE que aspira a ampliarse.

A recentemente adoptada Carta Europea de Dereitos Fundamentais subliña a necesidade de que teñen tanto a Unión como os seus estados membros a título individual de aborda-los problemas de dereitos humanos de xeito máis sistemático e de proporcionar medios axeitados de rendición de contas. Na actualidade estes mecanismos non existen. O desenvolvemento dunha política global de dereitos humanos que integra as dimensións interna e externa, así como os mecanismos para un axeitado seguimento e evaluación, serán vitais para axudar a resolver este dilema e fortalece-la credibilidade da UE.

Esta preocupación non é sinxelamente teórica. A situación dos inmigrantes e solicitantes de asilo en Europa é aínda máis preocupante porque non se trata só dunha cuestión de marxinación e discriminación: durante o primeiro semestre do 2001, Amnistía Internacional informou sobre presuntas violacións de dereitos humanos a mans das forzas de seguridade contra tales persoas en España, Suecia e Grecia entre outros países. Dende o 11 de setembro hai aínda máis motivo de preocupación sobre o racismo e a xenofobia non só por parte do público en xeral, senón por parte das forzas de seguridade e outros cargos públicos.

Particularmente preocupante resulta o trato dispensado a aquelas persoas que solicitaron asilo e foron rexeitadas. No primeiro semestre do ano 2001, AI informou de casos de malos tratos baixo custodia e durante a expulsión de solicitantes de asilo en Bélxica, Austria, España, Francia e Alemaña. O Comité contra a Tortura da ONU expresou a súa preocupación pola inadecuada protección das persoas na devandita situación e pediu a total aplicación dos principios internacionais de protección de solicitantes de asilo.

A Presidencia española debe presionar para lograr medidas efectivas que aseguren o respecto absoluto dos criterios internacionais de protección de toda persoa en calquera tipo de detención ou reclusión, incluíndo mecanismos específicos para controla-lo trato por parte das forzas de seguridade a persoas privadas de liberdade ou que se encontren en proceso de expulsión. Ten que facerse un esforzo decidido e sostido para facer fronte de xeito eficaz a calquera tipo de violencia racista deixando claro que a Unión Europea e os seus estados membros non tolerarán delictos de xenreira nin de discriminación.

Os deritos humanos nunha Unión ampliada

O proceso de ampliación ofrece un contexto moi específico para consegui-los obxectivos en dereitos humanos e traslada-los da esfera das relacións exteriores á esfera interna. Hai doce paises que son candidatos para comeza-las negociacións de adhesión. Nembargantes, séguese considerando que a maioría deles aínda necesita de melloras sustantivas na protección dos dereito humanos.

As cuestións claves tanto para estes paises como para a UE serán, por unha banda, afrontar mellor os problemas pendentes de malos tratos e discriminación por parte das forzas de seguridade e,por outra banda, asegura-las axeitadas reformas administrativas e xudiciais. Tendo en conta as deficiencias anteriormente sinaladas, sublíñase a necesidade de poñer en práctica o tipo de seguimento e avaliación que se practica na actualidade no caso dos paises candidatos a través de infomes periódicos á Comisión.

A Presidencia Española debe tomar medidas para conseguir establecer un sistema de seguimento e avaliación para tódolos estados membros tanto os actuais como os futuros.

A cooperación e a presión nas relacións externas

Cada vez máis a noción de dereitos humanos amplíase e vencéllase a un contexto máis extenso de interdependencia con outras áreas fundamentais da actividade e as ambicións da UE: o desenvolvemento, a prevención de conflictos e a democratización, pero tamén o comercio, o medio ambiente e o desenvolvemento social. O maior alcance do empeño en dereitos humanos da UE, algo positivo en si mesmo, non debe nembargantes facer perder de vista a necesidade de abordar con decisión as graves violacións dos dereitos humanos. Trátase de incorpora-los temas centrais de dereitos humanos a outras areas de actividade sen perder contido.

Con moita probabilidade, a conxuntura actual vai reforza—la tendencia a poñe-lo acento no diálogo e a cooperación e servirá de pretexto para mante-lo silencio sobre as violacións dos dereitos humanos. Se hai un instrumento político que simboliza a incapacidade da UE de cumprir co seu compromiso en materia de dereitos humanos, ese instrumento é a cláusula de dereitos humanos. É un elemento formal e esencial en tódolos acordos con terceiros paises pero nunca chegou a converterse nun vehículo eficaz para fortalece-lo respecto dos dereitos humanos, o que de feito empeza a mina-la credibilidade da política europea nesta materia. Mentres que as Directrices sobre a Pena de Morte serviron para fortalece-lo programa da UE contra a pena de morte no mundo, as Directrices sobre a Tortura están aínda por desenvolverse para chegar a ser unha ferramenta práctica que aporte algo de contido á cláusula de dereitos humanos.

Hai cada vez maior iniciativa para aplica-los criterios e mecanismos sobre dereitos humanos da ONU nas relacións exteriores. No terreo concreto da Comisión de Dereitos Humanos da ONU, a UE é un actor importantes, pero ó longo do ano debe integrar aínda máis nas súas iniciativas de Política Exterior e Seguridade Común tanto os seus obxectivos na Comisión e a Asemblea Xeral como as decisións destes organismos.

A inclusión dos dereitos humanos nos programas de axuda exterior debe equilibrarse abordándose con decisión as violacións de dereitos humanos no contexto da Política Exterior e de Seguridade Común, no diálogo político no eido dos acordos con terceiros países e na aplicación de instrumentos específicos tales como as directrices sobre pena de morte e tortura. Ó facelo, a UE debe tentar darlle á cláusula de dereitos humanos un contido significativo, ademáis de desenvolver un sistema para o seu seguimento e avaliación. En tódalas súas relacións exteriores debe insistir no cumprimento dos criterios e mecanismos de dereitos humanos da ONU.

4. A asignatura contínua dos dereitos humanos

A Comisión dos Dereitos Humanos da ONU

A 58ª Sesión da Comisión dos Dereitos Humanos da ONU no ano 2002 vai supoñer un dos principais retos da Presidencia española en materia de dereitos humanos. Canto ás súas prioridades para esta sesión, Amnistía Internacional vai presentar un memorando que profundizará sobor dalgunhas das situacións máis enraizadas de violacións de dereitos humanos. Asi como o papel de vixiancia permanente da UE é de importancia vital, tamén é importante que asegure que as decisións da Comisión da ONU se leven á práctica de xeito máis efectivo, e para isto, deben integrar esas decisións dun modo máis congruente no seu PESC.

Amnistía Internacional pide á Presidencia española que asegure que a UE inicia e apoia unha acción decisiva por parte da Comisión dos Dereitos Humanos da ONU sobre a situación en Colombia, Indonesia, e Timor Oriental, en Israel e os Territorios Ocupados, na Federación Rusa, en Arabia Saudí e en Zimbabwe. Ademais, a UE debe asegurar que China non logre eludir unha vez máis o escrutinio do órgano principal de dereitos humanos da ONU.

Un novo enfoque sobre Iberoamérica

Para moitas persoas no continente americano, as violacións dos dereitos humanos tales como a tortura e os malos tratos, a brutalidade policial e o uso excesivo da forza, os asasinatos políticos, as condicións atroces dos centros de reclusión, as ameazas e a fustrigación segen sendo moeda común. Estas violacións persisten por estar apoiadas nunha cultura de impunidade que está encistada en toda a rexión, aínda que tamén se produciron avances históricos nalgúns casos claves. A miudo, son os grupos máis vulnerables da sociedade. As mulleres, os nenos, os pobos indíxenas e persoas doutras minorías étnicas, os que sofren estas violacións.

Outros grupos marxinados, como os que viven en bolsas de pobreza das áreas urbanas ou en comunidades rurais, sufriron os efectos da imposición de novos modelos económicos e unha crecente desigualdade social e económica. Tamén sufriron os efectos de medidas represivas. Os defensores dos dereitos humanos en varios paises da rexión estan sendo atacados polo seu apoio ás víctimas da violencia e por dar a coñece-los abusos cometidos por axentes estatais. Algúns mesmo chegaron a pagar coas súas vidas.

Racha-lo círculo da impunidade demostrou ser un factor clave para logra-lo que os líderes da UE, Iberoamérica e o Caribe definiron no Cumio de Río como obxectivo principal na súa relación estratéxica renovada: fortalece-lo respecto polos dereitos humanos e o estado de dereito así como as institucións democráticas en ámbalas dúas rexións.

O conflicto armado en Colombia intensificouse, cun aumento importante das violacións de dereitos humanos perpetradas contra a poboación civil acurralada entre as forzas armadas do estado, os seus aliados paramilitares e os grupos armados de oposición. Só no último ano houbo máis de 300 desaparicións, máis de 4000 asasinatos políticos e ademáis produciuse o desprazamento interno dunhas 300.000 persoas. A situación, que se deteriora día a día, é en boa parte o resultado da incapacidade do goberno colombiano na aplicación das recomendacións das Nacións Unidas, reiteradas unha e outra vez, e a negativa da guerrilla a respecta-lo dereito humanitario internacional.

Amnistía Internacional acolle con satisfacción a postura da UE canto ó apoio a un proceso de paz que ten que basearse no respecto do dereito humanitario internacional. Nembargantes, persiste a preocupación por que a axuda da UE sexa utilizada para a execución do Plan Colombia, que a xuízo de AI vai agrava-la crise en Colombia.

A Presidencia espñola debe poñer énfase en desterra-la impunidade en relación ás violacións dos dereitos humanos no Cumio UE-Latinoamérica de Madrid, actuando deste xeito estratéxicamente para protexer ós grupos vulnerables e apoiar ós defensores dos dereitos humanos. No que se refire a Colombia, debe insistirse na aplicación das recomendacións da ONU por parte do goberno dese país e débese integrar unha avaliación dos avances conseguidos semestralmente no proceso de paz, así como debe asegurar que a axuda da UE non se destina a proxectos que forman parte do plan Colombia.

Unha atención sostida a África

A achega da UE á realización dunha “Nova Africa” debe ser un compromiso que perdure ó longo prazo para complementa-la potenciación do respecto dos dereitos fundamentais e a dignidade humana en toda Africa e sobre todo na rexión dos Grandes Lagos. Neste momento tan crítico dos procesos de Lusaka e Arusha, a Presidencia da UE debe asegurar que a Unión sosteña a atención adicada a esta rexión. O compromiso da UE, reiterado en moitas ocasións, de apoiar unha paz duradeira e unha reconciliación nesa zona require unha acción máis intensa e global e un compromiso menos efémero cás prioridades da quenda.

A Presidencia debe asegurar un nivel sostido de atención e apoio á protección dos dereitos humanos en Africa. En particular, débese facer da protección e promoción dos dereitos humanos unha prioridade explícita, tanto no mandato como nas tarefas do Enviado Especial para a rexión dos Grandes Lagos de Africa.

Voltar de novo a vista cara ó Mediterráneo

España viu nace-la asociación Euro-Mediterráneo e ten as responsabilidade especial de resucita-lo espíritu da Declaración de Barcelona. A conferencia Euromed de Valencia debe dá-lo paso longamente agardado de forxar unha asociación tanxible e orientada ós resultados a favor dos dereitos humanos.

A UE e os seus socios do Mediterráneo deberían aprende-la lección do Oriente Próximo. Violacións que persisten dende hai ben tempo gracias a unha consentida impunidade levaron a unha crise dos dereitos humanos e a unha cultura de violencia e vinganza. Calquera posibilidade de poñer fin á violencia e conseguir unha estabilidade duradeira vai depender dunha política eficaz de protección dos dereitos humanos.

Amnistía Internacional acolle con satisfacción o feito de que as relacións bilaterais cun número cada vez máis nutrido de países do Mediterráneo se baseen no compromiso vencellante por parte da UE e os seus socios de Túnez, Israel, a Autoridade Palestina e Marrocos, e dentro de pouco tamén Exipto, Alxer, Líbano e Siria, de respecta-los dereitos humanos. Nembargantes, a organización segue gravemente preocupada porque as cláusulas de dereitos humanos continúan sendo papel mollado máis ca unha ferramenta constructiva para afronta-la situción precaria nesa zona.

A UE debe coloca-la protección dos dereitos humanos no centro de calquera futuro esforzo diplomático para reaviva-lo proceso de paz en Oriente Próximo. Débense transforma-las cláusulas de dereitos humanos dos acordos Euro-Mediterráneos en mecanismos de supervisión permanente da situación dos dereitos humanos nos países socios e nunha intervensión para previ-las violacións.

5. Asilo e Refuxio

Amnistía Internacional está moi preocupada porque o debate sobre o asilo poida chegar a estar aínda máis dominado polo afán imperioso de seguridade e control, e que logre mina-la protección ós refuxiados. O asilo é o punto negro da política da UE en materia de dereitos humanos, xa que se está prestando máis atención a cómo previ-la chegada de persoas que a protexer de xeito efectivo ás persoas que foxen da persecución e o conflicto violento. O solicitante de asilo que busca protección en Europa enfróntase cunha sucesión de obstáculos: te-la oportunidade de acceder ó territorio, conseguir acceso a un procedemento de solicitude xusto e satisfactorio e lograr unha protección efectiva e duradeira.

Isto non só afecta ás persoas que buscan protección en Europa, senón que ademáis socava a integridade do sistema internacional de protección. O goberno español non emitiu ata o momento ningún sinal que induza a pensar que se propón rachar con estas pautas. AI reitera que as propostas dun sistema común de asilo que foron presentadas están lonxe de cumprir co dereito internacional nesta materia. O levantar barreiras cada vez máis complicadas para os que buscan refuxio, a UE está enviando a peor mensaxe posible ó resto do mundo.

Mentres se complica a fuxida de persoas que buscan protección, o fluxo de armas dende Europa para alimentar conflictos violentos non cesa. Isto proba que Europa non está traducindo as súas intencións en materia de dereitos humanos nunhas políticas e nunha acción en consonancia. Unha e outra vez, e especialmente dende que se estableceu en 1998 o Grupo de Traballo de Alto Nivel sobre Asilo e Migración, AI fixo chamamentos para que se instaure un sistema que controle as transferencias militares e de seguridade dos estados membros da Unión a terceiros países cando poidan ser utilizadas para cometer violacións de dereitos humanos.

Amnistía Internacinal pide á Presidencia española que desenvolva un enfoque global a respecto dos dereitos humanos no tema do asilo. No desenvolvemento dun sistema europeo común de asilo, débese garanti-lo pleno cumprimento da lexislación internacional sobre dereitos humanos no dereito de asilo.

6. O Comercio ¿máis do mesmo?

Transferencias militares, de seguridade e policiais

Existe unha clara necesidade de regulamentar máis estrictamente as transferencias militares, de seguridade e policiais, pois este é o xeito máis directo de previ-los graves abusos dos dereitos humanos. O Código de Conducta sobre Transferencia de Armas é o instrumento rexional máis avanzado de regulamentación do comercio de armas, aínda que non chega establecer tódolos controis necesarios. Polo tanto o Código debería fortalecerse. E a UE tería que fomenta-la adopción dun Convenio Marco sobre as Transferencias Internacionais de Armas e debe procura-la posta en marcha e o desenvolvemento do Programa de Acción adoptado pola Conferencia da ONU sobre o tráfico ilícito de armas en tódolos seus aspectos que tivo lugar en xullo do 2001 en Nova York.

Como obxectivo concreto a longo prazo, AI considera esencial que a UE procure a pronta adopción dunha prohibición en toda a UE da fabricación, promoción e comercio de calquera tipo de material destinado a un uso cruel ou degradante, e suspende-las transferencias de material que poida ter efectos que non se coñezan de todo, como por exemplo as armas de aplicación de descargas eléctricas de alta voltaxe.

A adopción de lexislación tanto no ámbito nacional coma no da UE para controla-las actividades de intermediarios e transportistas é crítica. A revisión do Código debe ademáis centrarse no control da fabricación no estranxeiro e o establecemento de mecanismos de control do uso final, e en garantir que a definición de “represión interna” no Código faga unha clara mención ó dereito internacional humanitario. Un código reforzado ten que ser vencellante e a súa aplicación ten que estar suxeita á responsabilidade de render contas perante os parlamentos nacionais e perante o Parlamento Europeo.

A Presidencia española debe tomar medidas para reforza- lo Código de Conducta da UE sobre Transferencias de armas e debe busca-la pronta adopción dunha prohibición en toda a UE da fabricación, promoción e comercio de material de tortura, e terá tamén que consegui-lo compromiso activo da UE para mellora-lo regulamento internacional do comercio de armas coa adopción dun Convenio Marco sobre as Transferencias Internacionais de Armas.

A responsabilidade social das empresas

Co recoñecemento cada vez maior de que os axentes non estatais teñen unha achega fundamental que facer á protección e a promoción dos dereitos humanos, o asunto da responsabilidade social das empresas está cobrando un crecente protagonismo. As empresas multinacionais están sendo sometidas cada vez máis a unha presión para que recoñezan que a súa responsabilidade vai máis aló de conseguir beneficios, e que abrangue tamén a protección da saúde, a seguridade e o desenvolvemento dos seus traballadores, ademáis do coidado do medio social e físico no que operan. Ambalas duas dimensión, interna e externa, desta responsabilidade son indispensables e cobren áreas vitais do desenvolvemento sostible e dos dereitos humanos.

Coa publicación do seu Libro Verde, a UE deu un paso importante cara ó desenvolvemento da responsabilidade social das empresas ó impulsa-la participación de tódolos sectores relevantes da sociedade nun debate estructurado. Amnistía Internacional acolle con satisfacción este proceso e reitera que esta responsabilidade non debe considerarse como un engadido ás actividades da empresa, e como tal non pode depender do seu cumprimento voluntario. Os gobernos terían que utiliza-lo seu poder para fomenta-la responsabilidade social das empresas.

A Presidencia española debería asegurar que o debate que vén madurecendo sobre a responsabilidade social das empresas inclúa a dimensión do impacto sobre os dereitos humanos e que, no desenvolvemento do marco europeo, o compromiso das empresas de cumprir coa súa responsabilidade non sexa exclusivamente facultativo.

7. Os dereitos humanos e o futuro de Europa

Os feitos do 11 de setembro proporcionaron ó debate sobre o futuro de Europa un punto focal: os valores de dereitos humanos e democracia sobre os que foi fundada a Unión. A protección de ditos valores e a súa promoción adquiriron un novo significado. A próxima ampliación da UE vese máis que nunca baixo a óptica do fortalecemento da estabilidade. A Carta Europea de Dereitos Fundamentais vai estar no centro do debate sobre a súa natureza xurídica.

Para que este debate poida resultar vencellante nunha Carta Europea, esa Carta debería garanti-los dereitos fundamentais de tódalas persoas sen discriminación e debería ter un carácter plenamente xusticiable perante o Tribunal Europeo e os tribunais nacionais. Para asegura-la axeitada responsabilidade internacional, a UE terá que adherirse ó Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

Ó mesmo tempo que se realiza o traballo necesario de lembrar ós gobernos que o seu compromiso co dereito internacional é inalterable, por riba de calquera conveniencia política, tamén é importante traslada-la defensa dos dereitos humanos a unha óptica máis positiva. A noción dun enfoque baseado nos dereitos humanos non é nova, pero sí se fai patente que na actual coxuntura mundial existen tódalas razóns para insistir nun programa global de dereitos humanos de cara á igualdade, á xustiza e á paz. Este programa, baseado na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proporciona un marco que engloba tódolos elementos esenciais:

  • valores universais,
  • normas e principios mínimos a acadar,
  • dereitos de aplicacións cada vez máis posible,
  • estado de dereito e acceso á xustiza,
  • bo goberno con rendición de contas.

No seu papel destacado como actor mundial, a UE ten unha oportunidade clave de desenvolver este tipo de enfoque. O seu propio debate sobre o futuro de Europa recibiu un impulso inconfundible dos últimos acontementos mundiais. Se a UE se mantén fiel ó seu propio mandato marcado polos dereitos humanos, pode facer unha achega decisiva. Non se trata, nembargantes, de gran deseño e retórica. Para ser crible, ten que se basear na práctica e o cumprimento rigoroso das normas e principios de dereitos humanos que deben facerse realidade primeiro e ante todo na casa. E isto significa que a UE non pode faltar no seu compromiso á hora de cumprir con mecanismos clave de protección de dereitos humanos como o asilo. Tamén supón adquirir unha perspectiva inequívoca e explícita en tódolos empeños, dende as medidas de seguridade ata a acción militar.

Hai dous anos, en Tampere, a UE fixouse o obxectivo de establecer un “espacio de liberdade, seguridade e xustiza”. Débese facer xustamente iso. A consecución de dito espacio constituiría un programa de dereitos humanos que podería inspirar ó resto do mundo.

Resumo das recomendacións

Amnistía Internacional pídelle á Presidencia españoa que infunda o seu programa dunha perspectiva clara de promoción dos dereitos humanos sen ambigüidades.

Amnistía Internacional pídelle á Presidencia española que vixíe que a Unión e os Estados membros se aseguren de que calquera medida que se adote para garanti-la seguridade respecte debidamente a lexislación internacional sobre dereitos humanos, entre eles os que recolle a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

A Presidencia española debe presionar para lograr medidas efectivas que aseguren o respecto absoluto dos criterios internacionais de protección de toda persoa en calquera tipo de detención ou reclusión, incluíndo mecanismos espacíficos para controla-lo trato por parte das forzas de seguridade a persoas privadas de liberdade ou que se encontren en proceso de expulsión. Sería necesario facer un esforzo decidido para facer fronte de xeito eficaz a toda clase de violencia racista evidenciando que a UE e os seus estados membros non van tolerar delictos de odio nin de discriminación.

A Presidencia española ten que tomar medidas para crear un sistema de seguimento e avaliación para tódolos estados membros, tanto os actuais como os futuros.

A inclusión dos dereitos humanos nos programas de axuda exterior debe enmarcarse no contexto da Política Exterior e de Seguridade Común, no diálogo político dentro dos acordos con terceiros países e na aplicación de instrumentos específicos tales como as directrices sobre pena de morte e tortura. Ó facelo, a UE debe tentar conferir á cláusula de dereitos humanos un contido significativo e engadirlle un sistema para a súa avaliación. En tódalas súas relacións exteriores, debe insistir no cumprimento dos criterios e mecanismos de dereitos humanos da ONU.

Amnistía Internacional pídelle á Presidencia española que promova o apoio da UE a unha acción decisiva por parte da Comisión dos Dereitos Humanos da ONU sobre a situación en Colombia, Indonesia e Timor Oriental, en Israel e os Territorios Ocupados, na Federación Rusa, en Arabia Saudí e en Zimbabwe. A UE ademais debería presionar para que China non logre elidir unha vez máis o escrutinio do órgano principal de dereitos humanos da ONU.

A Presidencia española debería poñer especial énfase en desterra-la impunidade con relación ás violacións dos dereitos humanos no Cumio UE-Latinoamérica de Madrid. No que respecta a Colombia, hai que insistir na plena aplicación das recomendacións da ONU por parte do goberno dese país e débese promover unha avaliación semestral do proceso de paz. Así mesmo é necesario asegurarse de que a axuda da UE non se destina a proxectos que forman parte do Plan Colombia.

A Presidencia ten que prestar tamén atención e apoio á protección dos dereitos humanos en Africa, en particular na rexión dos Grandes Lagos.

A UE debe coloca-la protección dos dereitos humanos no centro de calquera futuro esforzo diplomático para reaviva-lo proceso de paz en Oriente Próximo. E as clásusula sobor dos dereitos humanos dos acordos Euro-Mediterráneos, na actualidade unha simple fórmula sobre o papel, deberían converterse en mecanismos de supervisión permanente.

Amnistía Internacional pídelle á Presidencia española que desenvolva un enfoque global para a defensa e promoción dos dereitos humanos con respecto ó asilo. Na creación dun sistema europeo común de asilo, teríase que garanti-lo pleno cumprimento da lexislación internacional nesta materia.

A Presidencia española debe tomar medidas para reforza-lo Código de Conducta da UE sobre Transferencias de Armas, buscándose a adopción da pronta prohibición en toda Europa da fabricación, promoción e comercio da material de tortura. Sería ademais necesaria a promoción dun Convenio Marco sobre as Transferencias Internacionais de Armas.

Habería que fomenta-lo debate que ven madurecendo sobre a responsabilidade social das empresas no ámbito dos dereitos humanos. O compromiso das empresas de cumprir coa súa responsabilidade, ademáis, non debería ser exclusivamente facultativo.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais