Rede de Xeopolítica Europea: Declaración de San Simón

Distribuir

Distribuir contido
Por unha Soberanía e Xeopolítica Europea

Illa de San Simón (Redondela, Pontevedra, Galicia, España), 29 de abril de 2011

Os abaixo asinantes, reunidos en San Simón, Illa do Pensamento, do 26 ao 29 de abril de 2011, en nome das institucións que representan,

DECLARAN:

1. O mundo atravesa unha situación de complexidade e incerteza xeopolítica provocada pola globalización económica e a evolución do mundo multipolar xurdido trala caída do Muro de Berlín, así como consecuencia da xeopolítica do medo suscitada a partir do 11 de setembro de 2001.

2. A situación anterior orixinou unha profunda crise, particularmente económica, caracterizada por cambios nas relacións de poder das potencias mundiais, o que provocou un período de recomposición da xeopolítica global.

3. Esta crise tamén converteu a mundialización/globalización nunha competencia multipolar que outorga a Europa a oportunidade de converterse nun actor fundamental da xeopolítica e xeoeconomía global.

4. Con todo, Europa padece agudas debilidades económicas e políticas que condicionan a súa actuación no mundo xeopolítico global.

5. Para superar as súas limitacións, Europa debe alcanzar novos consensos (sobre os seus territorios, pobos e cultura), forxar unha visión xeopolítica, inventar unha nova forma de soberanía non hexemónica e potenciar os seus sistemas de seguridade, para os que a prevención e anticipación, e conseguintemente, a intelixencia, é clave.

6. As súas prioridades deben ser: 

i. Protexer o seu modelo de sociedade, os seus valores culturais e democráticos, a súa identidade, pobos e territorios.

ii. Superar a súa dependencia tecnolóxica, particularmente nos campos das TIC, das novas formas de xeración de enerxía e converxencia NBIC, así como nos campos do Espazo, a Seguridade e a Defensa, tanto nos seus aspectos interior como multinacional.

iii. Avaliar os orzamentos necesarios para o desenvolvemento das tecnoloxías de soberanía (nun prazo de 10 a 15 anos) e determinar cal é o investimento público a realizar.

iv. Anticipar os grandes desafíos demográficos, ambientais e xeopolíticos, para o que a intelixencia é un factor fundamental.

v. Fomentar a cooperación público-privada.

vi. Potenciar a formación como factor de cambio social.

vii. Xeralizar o uso corrente de 4 idiomas na poboación europea (lingua materna, latina, xermánica e eslava), e promover as tecnoloxías de tradución automática intelixente.

viii. Xerar, a través da formación, auténticos líderes que sexan referentes para a nosa sociedade.

ACORDAN:

1. Crear a Rede Europea de Reflexión Xeopolítica coa finalidade de contribuír ao posicionamento de Europa no novo contexto xeopolítico mundial.

2. Esta Rede Europea de Reflexión Xeopolítica traballará nun horizonte temporal de 10 anos e terá como cometido realizar propostas e redactar documentos de análise crítica cun espírito construtivo de colaboración con empresas e institucións. Estes documentos serán difundidos por Internet e/ou medios tradicionais a través das institucións implicadas e faranse chegar así mesmo a unha ampla lista de dirixentes políticos empresariais e parlamentarios, tanto nacionais como europeos.

3. Esta Rede estará aberta á participación doutras institucións e expertos, orixinarios doutros países europeos (incluída Rusia), do África mediterránea, de América Latina e de Asia-Pacífico, que queiran achegar ideas para a reflexión xeopolítica no contexto global.

4. Esta Rede, aínda que desenvolverá ininterrompidamente as súas actividades a través de Internet, principalmente establece a Illa do Pensamento como a súa sede permanente.

5. Esta Rede reunirase de novo na Illa do Pensamento o ano 2012, coa participación de expertos e institucións doutros países europeos, ademais de Francia e España.

Asinantes (por orde alfabética):

Jean Paul Baquiast, Presidente da Asociación Automates Intelligents

Fernando Davara Rodríguez, Reitor da Sociedade de Estudios Internacionales (SEI)

Jean-Claude Empereur, Vicepresidente delegado da Unión Paneuropa Francia

Eduardo Martínez, Editor de Tendencias21

Eduardo Olier, Presidente do Instituto Choiseul España

Xulio Ríos, Director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional 
(IGADI)

Fernando Velasco, Director da Cátedra Servizos de Intelixencia e Sistemas 
Democráticos

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais