Convención sobre a eliminación de todos os xeitos de discriminación da muller

Distribuir

Distribuir contido

 

Adoptada e aberta á sinatura, ou adhesión, pola Asemblea Xeral na súa resolución 34/1880, de 18 de decembro de 1979.

Entrada en vigor: 3 de setembro de 1981, de conformidade co artigo 27.

Os Estados Parte na presente Convención,

Consideran que a Carta das Nacións Unidas reafirma a fe nos dereitos humanos fundamentais, na dignidade e no valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres;

Consideran que a Declaración Universal de Dereitos Humanos reafirma o principio da non discriminación e proclama que todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e que toda persoa pode invocar todos os dereitos e liberdades proclamados nesa Declaración, sen distinción ningunha e, xa que logo, sen distinción de sexo;

Consideran que os Estados Parte nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos teñen a obriga de lles garantir a homes e mulleres a igualdade no goce de todos os dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos;

Teñen en conta as convencións internacionais concertadas baixo os auspicios das Nacións Unidas e dos organismos especializados para favorecer a igualdade de dereitos entre o home e a muller;

Teñen en conta, así mesmo, as resolucións, declaracións e recomendacións aprobadas polas Nacións Unidas e polos organismos especializados para favorecer a igualdade de dereitos entre o home e a muller, preocupados, ó comprobar que a pesar destes diversos instrumentos as mulleres seguen a ser obxecto de importantes discriminacións;

Lembran que a discriminación contra a muller viola os principios da igualdade de dereitos e do respecto da dignidade humana, que dificulta a participación da muller, nas mesmas condicións có home, na vida política, social, económica e cultural do seu país, que constitúe un obstáculo para o aumento do benestar da sociedade e da familia e que entorpece o pleno desenvolvemento das posibilidades da muller para lle prestar servicio ó seu país e á humanidade;

Están preocupados polo feito de que en situacións de pobreza a muller ten un acceso mínimo á alimentación, saúde, ensino, capacitación e oportunidades de emprego, así como á satisfacción doutras necesidades;

Están convencidos de que o establecemento da nova orde económica internacional baseada na equidade e na xustiza contribuirá significativamente á promoción da igualdade entre o home e a muller;

Subliñan que a eliminación do Apartheid, de todos os xeitos de racismo, de discriminación racial, colonialismo, neocolonialismo, agresión, ocupación e dominación estranxeiras e da inxerencia nos asuntos internos dos Estados é indispensable para o goce cabal dos dereitos do home e da muller;

Afirman que o fortalecemento da paz e da seguridade internacional, o alivio da tensión internacional, a cooperación mutua entre todos os Estados con independencia dos seus sistemas sociais e económicos, o desarme xeral e completo, en particular o desarme nuclear baixo un control internacional estricto e efectivo, a afirmación dos principios da xustiza, a igualdade e o proveito mutuo nas relacións entre países e a realización do dereito dos pobos sometidos a dominación colonial e estranxeira ou a ocupación estranxeira á libre determinación e á independencia, así como o respecto da soberanía nacional e da integridade territorial, promoverán o progreso social e o desenvolvemento e, en consecuencia, contribuirán ó logro da plena igualdade do home e da muller.

Están convencidos de que a máxima participación da muller en todos os eidos, en igualdade de condicións có home, é indispensable para o desenvolvemento pleno e completo dun país, o benestar do mundo e a causa da paz.

Teñen presente a grande achega da muller ó benestar da familia e ó desenvolvemento da sociedade, ata o de agora non plenamente recoñecida, a importancia social da maternidade e a función tanto do pai coma da nai na familia e na educación dos fillos, e son conscientes de que o papel da muller na procreación non debe de ser causa de discriminación, senón que a educación dos nenos esixe a responsabilidade compartida entre homes e mulleres e da sociedade no seu conxunto.

Recoñecen que para lograr a plena igualdade entre o home e a muller é necesario modificar o papel tradicional tanto do home coma da muller na sociedade e na familia.

Están decididos a aplicar os principios enunciados na Declaración sobre a eliminación da discriminación contra a muller e, para iso, a adoptar as medidas necesarias para suprimir esta discriminación en todas as súas formas e manifestacións.

Xa que logo, acordan o seguinte:

Parte I

Artigo 1

Ós efectos da presente Convención, a expresión "discriminación contra a muller" denotará toda distinción, exclusión ou restricción baseada no sexo que teña por obxecto ou resultado menoscabar ou anular o recoñecemento, goce ou exercicio por parte da muller, independentemente do seu estado civil, sobre a base da igualdade do home e da muller, dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais nos eidos político, económico, social, cultural e civil ou en calquera outro eido.

Artigo 2

Os Estados Parte condenan a discriminación contra a muller en todas as súas formas, conveñen en seguir, por todos os medios axeitados e sen dilacións, unha política encamiñada a eliminar a discriminación contra a muller, e con tal obxecto comprométense a:

a) Consagrar, se aínda non o fixeron, nas súas constitucións nacionais e en calquera outra lexislación apropiada o principio da igualdade do home e da muller e asegurar por lei ou outros medios apropiados a realización práctica dese principio;

b) Adoptar medidas axeitadas, lexislativas e doutro carácter, coas sancións correspondentes, que prohiban toda discriminación contra a muller;

c) Establecer a protección xurídica dos dereitos da muller sobre unha base de igualdade cos do home e garantir, por conducto dos tribunais competentes e doutras institucións públicas, a protección efectiva da muller contra todo acto de discriminación;

d) Absterse de incorrer en todo acto ou práctica de discriminación contra a muller, e velar porque as autoridades e institucións públicas actúen de conformidade con esta obriga;

e) Tomar todas as medidas axeitadas para eliminar a discriminación contra a muller practicada por calquera persoa, organización ou empresa;

f) Adoptar todas as medidas axeitadas, incluso de carácter lexislativo, para modificar ou derrogar leis, regulamentos, usos e prácticas que constitúan discriminación contra a muller;

g) Derrogar todas as disposicións penais nacionais que constitúan discriminación contra a muller.

Artigo 3

Os Estados Parte tomarán en todos os eidos, en particular nos eidos político, social, económico e cultural todas as medidas axeitadas, incluso de carácter lexislativo, para asegurar o pleno desenvolvemento da muller, co obxecto de lle garantir o exercicio e o goce dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais en igualdade de condicións có home.

Artigo 4

1. Se os Estados Parte adoptan medidas especiais de carácter temporal orientadas a acelerar a igualdade de feito entre o home e a muller non se considerarán discriminación no xeito definido na presente Convención, pero de ningún xeito entrañarán, como consecuencia, o mantemento de normas desiguais ou separadas; estas medidas cesarán cando se acadasen os obxectivos de igualdade de oportunidade e trato.

2. Se os Estados Parte adoptan medidas especiais, incluso as contidas na presente convención, orientadas a protexer a maternidade, non se considerarán discriminatorias.

Artigo 5

Os Estado Parte tomarán todas as medidas axeitadas para:

a) Modificar os patróns socioculturais de conducta de homes e mulleres, con miras a acadar a eliminación dos prexuízos e as prácticas consuetudinarias e de calquera outra índole que estean baseadas na idea da inferioridade ou superioridade de calquera dos sexos ou en funcións estereotipadas de homes e mulleres;

b) Garantir que a educación familiar inclúa unha comprensión axeitada da maternidade como función social e o recoñecemento da responsabilidade común de homes e mulleres en canto á educación e ó desenvolvemento dos seus fillos, na intelixencia de que o interese dos fillos constituirá a consideración primordial en todos os casos.

Artigo 6

Os Estados Parte tomarán todas as medidas axeitadas, incluso de carácter lexislativo, para suprimir todos os xeitos de trata de mulleres e explotación da prostitución da muller.

Parte II

Artigo 7

Os Estados Parte tomarán todas as medidas axeitadas para eliminar a discriminación contra a muller na vida política e pública do país, e, en particular garantiranlles ás mulleres, en igualdade de condicións cós homes, o dereito a:

a) Votar en todas as eleccións e referendos públicos e ser elixibles para todos os organismos dos que os seus membros sexan obxecto de eleccións públicas.

b) Participar na formulación das políticas gobernamentais e na execución destas, ocupar cargos públicos e exercer todas as funcións públicas en todos os planos gobernamentais;

c) Participar en organizacións e en asociacións non gobernamentais que se ocupen da vida pública e política do país.

Artigo 8

1. Os Estados Parte outorgaranlles ás mulleres iguais dereitos ca ós homes para adquirir, cambiar ou conservar a súa nacionalidade. Garantirán, en particular, que nin o matrimonio cun estranxeiro nin o cambio de nacionalidade do marido durante o matrimonio cambien automaticamente a nacionalidade da esposa, a convertan en apátrida ou a obriguen a adoptar a nacionalidade do cónxuxe.

2. Os Estados Parte outorgaranlle á muller os mesmos dereitos ca ó home con respecto á nacionalidade dos seus fillos.

Parte III

Artigo 10

Os Estados Parte adoptarán todas as medidas apropiadas para eliminar a discriminación contra a muller, a fin de lle asegurar a igualdade de dereitos co home na esfera do ensino e en particular para asegurar, en condicións de igualdade entre homes e mulleres:

a) As mesmas condicións de orientación en materia de carreiras e capacitación profesional, acceso ós estudios e obtención de diplomas nas institucións de ensino de todas as categorías, tanto nas zonas rurais coma nas urbanas; esta igualdade deberá asegurarse no ensino preescolar, xeral, técnico, profesional e técnico superior, así como en todos os tipos de capacitación profesional;

b) Acceso ós mesmos programas de estudios, ós mesmos exames, a persoal docente do mesmo nivel profesional e a locais e equipos escolares da mesma calidade;

c) A eliminación de todo concepto estereotipado dos papeis masculino e feminino en todos os niveis e en todas as formas de ensino, mediante o estímulo do ensino mixto e doutros tipos de ensino que contribúan a lograr este obxectivo e, en particular, mediante a modificación dos libros e programas escolares e a adaptación dos métodos de ensino;

d) As mesmas oportunidades para obter bolsas e outras subvencións para cursar estudios;

e) As mesmas oportunidades de acceso ós programas de ensino permanente, incluídos os programas de alfabetización funcional e de adultos, con miras, en particular, a reducir, o antes posible, toda diferencia de coñecementos que exista entre homes e mulleres;

f) A reducción da taxa de abandono feminino dos estudios e a organización de programas para aquelas mozas e mulleres que deixasen os estudios prematuramente;

g) As mesmas oportunidades para participar activamente no deporte e na educación física;

h) Acceso ó material informativo específico que contribúa a asegurar a saúde e o benestar da familia, incluída a información e o asesoramento sobre planificación da familia.

Artigo 11

1. Os estados Parte adoptarán todas as medidas apropiadas para eliminar a discriminación contra a muller na esfera do emprego a fin de lle asegurar á muller, en condicións de igualdade cos homes, os mesmos dereitos, en particular:

a) O dereito ó traballo como dereito inalienable de todo ser humano;

b) O dereito ás mesmas oportunidades de emprego, inclusive á aplicación dos mesmos criterios de selección nas cuestións de emprego;

c) O dereito a elixir libremente profesión e emprego, o dereito ó ascenso, á estabilidade no emprego e a todas as prestacións e outras condicións de servicio, e o dereito á formación profesional e ó readestramento, incluído a aprendizaxe, a formación profesional superior e o adestramento periódico;

d )O dereito a igual remuneración, inclusive prestacións, e a igualdade de trato con respecto a un traballo de igual valor, así como a igualdade de trato con respecto á avaliación da calidade do traballo;

e) O dereito á seguridade social, en particular en casos de xubilación, desemprego, enfermidade, invalidez, vellez ou outra incapacidade para traballar, así como o dereito a vacacións pagadas;

f) O dereito á protección da saúde e á seguridade nas condicións de traballo, incluso a salvagarda da función de reproducción.

2. A fin de impedir a discriminación contra a muller por razóns de matrimonio ou maternidade e asegurar a efectividade do seu dereito a traballar, os Estados Parte tomarán medidas adecuadas para:

a) Prohibir, baixo pena de sancións, o despido por motivo de embarazo ou licencia de maternidade e a discriminación nos despidos sobre a base do estado civil;

b) Implantar a licencia de maternidade con soldo pagado ou con prestacións sociais comparables sen perda do emprego previo, a antigüidade ou os beneficios sociais;

c) Alentar a subministración dos servicios sociais de apoio necesarios para permitir que os pais combinen as súas obrigas para coa súa familia coas responsabilidades do traballo e a participación na vida pública, especialmente mediante o fomento da creación e desenvolvemento dunha rede de servicios destinados ó coidado dos nenos;

d) Prestarlle protección especial á muller durante o embarazo nos tipos de traballos nos que se probase que puidesen ser prexudiciais para ela.

3. A lexislación protectora relacionada coas cuestións comprendidas neste artigo será examinada periodicamente á luz dos coñecementos científicos e tecnolóxicos e será revisada, derrogada ou ampliada segundo corresponda.

Artigo 12

1. Os Estados Parte adoptarán todas as medidas apropiadas para eliminar a discriminación contra a muller na esfera da atención médica a fin de asegurar, en condicións de igualdade entre homes e mulleres, o acceso ós servicios de atención médica, inclusive os que se refiren á planificación da familia.

2. Sen prexuízo do exposto no parágrafo 1 supra, os Estados Parte garantiranlle á muller servicios apropiados en relación co embarazo, o parto e o período posterior ó parto, proporcionando servicios gratuítos cando cumprise, e aseguraranlle unha nutrición adecuada durante o embarazo e a lactancia.

Artigo 13

Os Estados Parte adoptarán todas as medidas apropiadas para eliminar a discriminación contra a muller noutras esferas da vida económica e social a fin de asegurar, en condicións de igualdade entre homes e mulleres, os mesmos dereitos, en particular:

a) O dereito a prestacións familiares;

b) O dereito a obter empréstitos bancarios, hipotecas e outros xeitos de crédito financeiro;

c) O dereito a participar en actividades de lecer, deportes e en todos os aspectos da vida cultural.

Artigo 14

1. Os Estados Parte terán en conta os problemas especiais ós que lle fai fronte a muller rural e o importante papel que desempeña na supervivencia económica da súa familia, incluído o seu traballo nos sectores non monetarios da economía, e tomarán todas as medidas apropiadas para asegurar a aplicación das disposicións da presente Convención á muller nas zonas rurais.

2. Os Estados Parte adoptarán todas as medidas apropiadas para eliminar a discriminación contra a muller nas zonas rurais a fin de asegurar, en condicións de igualdade entre homes e mulleres, a súa participación no desenvolvemento rural e nos seus beneficios, e en particular aseguraranlle o dereito a:

a) Participar na elaboración e execución dos planos de desenvolvemento a todos os niveis;

b) Ter acceso ós servicios adecuados de atención médica, inclusive información, asesoramento e servicios en materia de planificación da familia;

c) Beneficiarse directamente dos programas de seguridade social;

d) Obter todos os tipos de educación e de formación académica e non académica, incluídos os relacionados coa alfabetización funcional, así como, entre outros, os beneficios de todos os servicios comunitarios e de divulgación a fin de aumentar a súa capacidade técnica;

e) Organizar grupos de autoaxuda e cooperativas a fin de obter igualdade de acceso ás oportunidades económicas mediante o emprego por conta propia ou por conta allea;

f) Participar en todas as actividades comunitarias;

g) Obter acceso ós créditos e préstamos agrícolas, ós servicios de comercialización e ás tecnoloxías apropiadas e recibir un trato igual nos planos de reforma agraria e de reasentamento;

h) Gozar de condicións de vida adecuadas, particularmente nas esferas da vivenda, os servicios sanitarios, a electricidade e o abastecemento de auga, o transporte e as comunicacións.

Parte IV

Artigo 15

1. Os Estados Parte recoñeceranlle á muller a igualdade co home ante a lei.

2. Os Estados Parte recoñeceránlle á muller, en materias civís, unha capacidade xurídica idéntica á do home e as mesmas oportunidades para o exercicio desa capacidade. En particular, recoñeceranlle á muller iguais dereitos para asinar contratos e administrar bens e dispensaranlle un trato igual en todas as etapas do procedemento nas cortes de xustiza e os tribunais.

3. Os Estados Parte conveñen en que todo contrato ou calquera outro instrumento privado con efecto xurídico que tenda a limitar a capacidade xurídica da muller será considerado nulo.

4. Os Estados Parte recoñeceranlles ó home e á muller os mesmos dereitos con respecto á lexislación relativa ó dereito das persoas a circular libremente e á liberdade para elixir a súa residencia e domicilio.

Artigo 16

1. Os Estados Parte adoptarán todas as medidas adecuadas para eliminar a discriminación contra a muller en todos os asuntos relacionados co matrimonio e as relacións familiares e, en particular, asegurarán en condicións de igualdade entre homes e mulleres:

a) O mesmo dereito para contraer matrimonio;

b) O mesmo dereito para elixir libremente cónxuxe e contraer matrimonio só polo seu libre albedrío e o seu pleno consentimento;

c) Os mesmos dereitos e responsabilidades durante o matrimonio e con ocasión da súa disolución;

d) Os mesmos dereitos e responsabilidades como proxenitores, calquera que sexa o seu estado civil, en materias relacionadas cos seus fillos; en todos os casos, os intereses dos fillos serán a consideración primordial;

e) Os mesmos dereitos a decidir libre e responsablemente o número dos seus fillos e o intervalo entre os nacementos e a ter acceso á información, á educación e ós medios que lles permitan exercer estes dereitos;

f) Os mesmos dereitos e responsabilidades respecto da tutela, curadoría, custodia e adopción dos fillos, ou institucións análogas cando queira que estes conceptos existan na lexislación nacional; en todos os casos, os intereses dos fillos serán a consideración primordial;

g) Os mesmos dereitos persoais como marido e muller, entre eles o dereito a elixir apelido, profesión e ocupación;

h) Os mesmos dereitos a cada un dos cónxuxes en materia de propiedade, compras, xestión, administración, goce e disposición de bens, tanto a título gratuíto coma oneroso.

2. Non terán ningún efecto xurídico os esponsais e o matrimonio de nenos e adoptaranse todas as medidas necesarias, incluso de carácter lexislativo, para fixar unha idade mínima para celebrar o matrimonio e facer obrigatoria a inscrición do matrimonio nun rexistro oficial.

Parte V

Artigo 17

1. Co fin de examinar os progresos realizados na aplicación da presente Convención, establecerase un Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (denominado de agora en diante o Comité) composto, no momento da entrada en vigor da Convención, de dezaoito e, despois da súa ratificación ou adhesión polo trixésimo quinto Estado Parte, de vintetrés expertos de gran prestixio moral e competencia na esfera abarcada pola Convención. Os expertos serán elixidos polos Estados Parte entre os seus nacionais e exercerán as súas funcións a título persoal; terase en conta unha distribución xeográfica equitativa e a representación das diferentes formas de civilización, así como os principais sistemas xurídicos.

2. Os membros do Comité serán elixidos en votación secreta dunha lista de persoas designadas polos Estados Parte. Cada un dos Estados Parte poderá designar unha persoa entre os seus propios nacionais.

3. A elección inicial celebrarase seis meses despois da data da entrada en vigor da presente Convención. Polo menos tres meses antes da data de cada elección, o Secretario Xeral das Nacións Unidas dirixirálles unha carta ós Estados Parte incitándoos a presentar as súas candidaturas nun prazo de dous meses. O secretario Xeral preparará unha lista por orde alfabética de todas as persoas designadas deste modo, indicando os Estados Parte que as designaron, e comunicaralla ós Estados Parte.

4. Os membros do Comité serán elixidos nunha reunión dos Estados Parte que será convocada polo Secretario e celebrarase na Sede das Nacións Unidas. Nesta reunión, para a cal formarán quórum dous tercios dos Estados Parte, consideraranse elixidos para o Comité os candidatos que obteñan o maior número de votos e a maioría absoluta dos votos dos representantes dos Estados Parte presentes e votantes.

5. Os membros do Comité serán elixidos por catro anos. Non obstante, o mandato de nove dos membros elixidos na primeira elección expirará ó cabo de dous anos; inmediatamente despois da primeira elección o Presidente do Comité designará por sorteo os nomes deses nove membros.

6. A elección dos cinco membros adicionais do Comité celebrarase de conformidade co disposto nos parágrafos 2, 3 e 4 do presente artigo, despois de que o trixésimo quinto Estado Parte ratificase a Convención ou se adherise a ela. O mandato de dous dos membros adicionais elixidos nesta ocasión, que designará por sorteo o Presidente do Comité, expirará ó cabo de dous anos.

7. Para cubrir as vacantes imprevistas, o Estado Parte do que o experto cesase nas súas funcións como membro do Comité designará entre os dous nacionais outro experto a reserva da aprobación do Comité.

8. Os membros do Comité, previa aprobación da Asemblea Xeral, percibirán emolumentos dos fondos das Nacións Unidas no xeito e condicións que a Asemblea determine, tendo en conta a importancia das funcións do Comité.

9. O Secretario Xeral das Nacións Unidas proporcionará o persoal e os servicios necesarios para o desempeño eficaz das funcións do Comité en virtude da presente Convención.

Artigo 18

1. Os Estados Parte comprométense a someter ó Secretario Xeral das Nacións Unidas, para que o examine o Comité, un informe sobre as medidas lexislativas, xudiciais, administrativas ou doutra índole que fosen adoptadas para facer efectivas as disposicións da presente Convención e sobre os progresos realizados neste senso:

a) No prazo dun ano a partir da entrada en vigor da Convención para o Estado do que se trate;

b) No sucesivo polo menos cada catro anos e, ademais, cando o Comité o solicite.

2. Poderanse indicar nos informes os factores e as dificultades que afecten ó grao de cumprimento das obrigas impostas pola presente Convención.

Artigo 19

1. O Comité aprobará o seu propio regulamento.

2. O Comité elixirá a súa Mesa por un período de dous anos.

Artigo 20

1. O Comité reunirase normalmente todos os anos por un período que non exceda de dúas semanas para examinar os informes que se lle presenten, de conformidade co artigo 18 da presente Convención.

2. As reunións do Comité celebraranse normalmente na Sede das Nacións Unidas ou en calquera outro sitio conveniente que determine o Comité.

Artigo 21

1. O Comité, por conducto do Consello Económico e Social, informará anualmente á Asemblea Xeral das Nacións Unidas sobre as súas actividades e poderá facer suxestións e recomendacións de carácter xeral baseadas no exame dos informes e dos datos transmitidos polos Estados Parte. Estas suxestións e recomendacións de carácter xeral incluiranse no informe do Comité xunto coas observacións, se as houbese, dos Estados Parte.

2. O Secretario Xeral das Nacións Unidas transmitirá os informes do Comité á Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller para a súa información.

Artigo 22

Os organismos especializados terán dereito a estar representados no exame da aplicación das disposicións da presente Convención que corresponden á esfera das actividades. O Comité poderá invitar ós organismos especializados a que presenten informes sobre a aplicación da Convención nas áreas que lle correspondan á esfera das súas actividades.

Parte VI

Artigo 23

Nada do disposto na presente Convención lle afectará a disposición ningunha que sexa máis conducente ó logro da igualdade entre homes e mulleres e que poida formar parte de:

a) A lexislación dun Estado Parte; ou

b) Calquera outra convención, tratado ou acordo Internacional vixente nese Estado.

Artigo 24

Os Estados Parte comprométense a adoptar todas as medidas necesarias no ámbito nacional para acadar a plena realización dos dereitos recoñecidos na presente Convención .

Artigo 25

1. A presente Convención estará aberta á sinatura de todos os Estados.

2. Desígnase o Secretario Xeral das Nacións Unidas como depositario da presente Convención.

3. A presente Convención está suxeita á ratificación. Os instrumentos de ratificación depositaranse en poder do Secretario Xeral de Nacións Unidas.

4. A presente Convención estará aberta á adhesión de todos os Estados. A adhesión efectuarase depositando un instrumento de adhesión en poder do Secretario Xeral de Nacións Unidas.

Artigo 26

1. En calquera momento, calquera dos Estados Parte poderá formular unha solicitude de revisión da presente Convención mediante comunicación escrita dirixida ó Secretario Xeral das Nacións Unidas.

2. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidirá as medidas que, en caso necesario, se teñan que adoptar no que respecta a esa solicitude.

Artigo 27

1. A presente Convención entrará en vigor o trixésimo día a partir da data en que fose depositado en poder do Secretario Xeral das Nacións Unidas o vixésimo instrumento de ratificación ou adhesión.

2. Para cada Estado que ratifique a Convención ou se adhira a ela despois de ser depositado o vixésimo instrumento de ratificación ou de adhesión, a Convención entrará en vigor o trixésimo día a partir da data na que tal Estado depositase o seu instrumento de ratificación ou de adhesión.

Artigo 28

1. O Secretario Xeral das Nacións Unidas recibirá e comunicaralles a todos os Estados o texto das reservas formuladas polos Estados no momento da ratificación ou da adhesión.

2. Non se aceptará ningunha reserva incompatible co obxecto e o propósito da presente Convención.

3. Toda reserva poderá ser retirada en calquera momento por medio dunha notificación a estes efectos dirixidá ó Secretario Xeral das Nacións Unidas e informarase a todos os Estados. Esta notificación terá efecto na data da súa recepción.

Artigo 29

1. Toda controversia que xurda entre dous ou máis Estados Parte con respecto á interpretación ou aplicación da presente Convención que non se solucione mediante negociacións someterase á arbitraxe a petición dun deles. Se no prazo de seis meses contados a partir da data de presentación de solicitude de arbitraxe as partes non conseguen poñerse de acordo sobre a forma do mesmo, calquera das partes poderá someter a controversia á Corte Internacional de Xustiza, mediante unha solicitude presentada de conformidade co estatuto da Corte.

2. Todo Estado Parte no momento de asinar ou ratificar a presente Convención ou de adherirse á mesma, poderá declarar que non se considera obrigado polo parágrafo 1 do presente artigo. Os demais Estados Parte non estarán obrigados por ese parágrafo ante ningún Estado Parte que formulase esa reserva.

3. Todo Estado Parte que formulase a reserva prevista no parágrafo 2 do presente artigo poderá retirala en calquera momento notificándollo ó Secretario Xeral das Nacións Unidas.

Artigo 30

A presente Convención, da que os textos en árabe, chinés, español, francés, inglés e ruso son igualmente auténticos, depositarase no poder do Secretario Xeral da ONU.

En testemuño do cal, os infraescritos, debidamente autorizados, asinan a presente Convención.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais