Tratado sobre os principios que deben rexer as actividades dos Estados na exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a lúa e outros corpos celestes

Distribuir

Distribuir contido

Os Estados Partes neste Tratado,

Inspirándose nas grandes perspectivas que se ofrecen á humanidade como consecuencia da entrada do home no espacio ultraterrestre,

Recoñecendo o interese xeral de toda a humanidade no progreso da exploración e utilización do espacio ultraterrestre con fins pacíficos,

Estimando que a exploración e a utilización do espacio ultraterrestre debe efectuarse en ben de tódolos pobos, sexa cal fora o seu grado de desenvolvemento económico e científico,

Desexando contribuir a unha ampla cooperación internacional no que se refire ós aspectos científicos e xurídicos da exploración e utilización do espacio ultraterrestre con fins pacíficos,

Estimando que tal cooperación contribuirá ó desenvolvemento da comprensión mutua e ó afianzamento das relacións amistosas entre os Estados e os pobos,

Lembrando a resolución 1962 (XVIII), titulada "Declaración dos principios xurídicos que deben rexer as actividades dos Estados na exploración e utilización do espacio ultraterrestre", que foi aprobada unánimemente pola Asamblea Xeral de Nacións Unidas o 13 de decembro de 1963,

Lembrando a resolución 1884 (XVIII), na que se insta ós Estados a non poñer en órbita ó redor da Terra ningún obxecto portador de armas nucleares ou outras clases de armas de destrucción en masa, nin a emprazar tales armas nos corpos celestes, que foi aprobada unánimemente pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas o 17 de outubro de 1963,

Tomando nota da resolución 110 (II), aprobada pola Asamblea Xeral o 3 de novembro de 1947, que condena a propaganda destinada a provocar ou alentar, ou susceptible de provocar ou alentar calquer ameaza á paz, quebrantamento da paz ou acto de agresión, e considerando que dita resolución é aplicable ó espacio ultraterrestre,

Convencidos de que un Tratado sobre os principios que deben rexer as actividades dos Estados na exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, promoverá os propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas,

Conviñeron no seguinte:

Artigo 1

A exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, deberán facerse en proveito e en interese de tódolos países, sexa cal fora o seu grado de desenvolvemento económico e científico e incumben a toda a humanidade.

O espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, estará aberto para a súa exploración e utilización a tódolos Estados, sen discriminación algunha, en condicións de igualdade e en conformidade co dereito internacional, e haberá liberdade de acceso a tódalas rexións dos corpos celestes.

O espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, estarán abertos á investigación científica, e os Estados facilitarán e fomentarán a cooperación internacional en ditas investigacións.

Artigo 2

O espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, non poderá ser obxecto de apropiación nacional por reivindicación de soberanía, uso ou ocupación, nin de ningunha outra maneira.

Artigo 3

Os Estados Partes no Tratado deberán realizar as súas actividades de exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, de conformidade co dereito internacional, incluida a Carta das Nacións Unidas, en interese do mantemento da paz e a seguridade internacionais e do fomento da cooperación e a comprensión internacionais.

Artigo 4

Os Estados Partes no Tratado comprometense a non colocar en órbita ó redor da Terra ningún obxecto portador de armas nucleares nin de ningún outro tipo de armas de destrucción en masa, a non emprazar tales armas nos corpos celestes e a non colocar tales armas no espacio ultraterrestre en ningunha outra forma.

A Lúa e os demais corpos celestes utilizaranse exclusivamente con fins pacíficos por tódolos estados Partes no Tratado. Queda prohibido establecer nos corpos celestes bases, instalacións e fortificacións militares, efectuar ensaios con calquer tipo de armas e realizar manobras militares. Non se prohibe a utilización de persoal militar para investigacións científicas nin para calquer outro obxectivo pacífico. Tampouco se prohíbe a utilización de calquer equipo ou medios necesarios para a exploración da Lúa e doutros corpos celestes con fins pacíficos.

Artigo 5

Os Estados Partes no Tratado considerarán a tódolos astronautas como enviados da humanidade no espacio ultraterrestre e prestaranlles toda a axuda posible en caso de accidente, perigo ou aterraxe forzosa no territorio doutro Estado Parte ou en alta mar. Cando os astronautas fagan tal aterraxe serán devoltos con seguridade e sen demora ó Estado de rexistro do seu vehículo espacial.

Ó realizar actividades no espacio ultraterrestre, asi como nos corpos celestes, os astronautas dun Estado Parte no Tratado deberán prestar toda a axuda posible ós astronautas dos demais Estados Partes no Tratado.

Os Estados Partes no Tratado terán que informar inmediatamente ós demais Estados Partes no Tratado ou ó Secretario xeral das Nacións Unidas sobre os fenómenos por eles observados no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, que poderían constituir un perigo para a vida ou a saúde dos astronautas.

Artigo 6

Os Estados Partes no Tratado serán responsables internacionalmente das actividades nacionais que realicen no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, os Organismos gobernamentais ou as Entidades non gobernamentais, e deberán asegurar que ditas actividades efectúense en conformidade coas disposicións do presente Tratado. As actividades das Entidades non gobernamentais no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, deberán ser autorizadas e fiscalizadas constantemente polo pertinente Estado Parte no Tratado. Cando se trate de actividades que realiza no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, unha organización internacional, a responsabilidade en canto ó presente Tratado corresponderá a esa organización internacional e ós Estados Partes no Tratado que pertenzen a ela.

Artigo 7

Todo Estado Parte no Tratado que lance ou promova o lanzamento dun obxecto ó espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, e todo Estado Parte no Tratado, desde cuio territorio ou cuias instalacións se lance un obxecto, será responsable internacionalmente dos danos causados a outro Estado Parte no Tratado ou ás súas persoas naturais ou xurídicas por dito obxecto ou as súas partes compoñentes na Terra, no espacio aéreo ou no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes.

Artigo 8

O Estado Parte no Tratado, en cuio rexistro figura o obxecto lanzado ó espacio ultraterrestre, reterá a súa xurisdicción e control sobre tal obxecto, asi como sobre todo o seu persoal que vaia nel, mentres se atope no espacio ultraterrestre ou nun corpo celeste. O dereito de propiedade dos obxectos lanzados ó espacio ultraterrestre, incluso dos obxectos que descenderan ou se construan nun corpo celeste, e das súas partes compoñentes, non sofrerá ningunha alteración mentres esten no espacio ultraterrestre, incluso nun corpo celeste, nin no seu retorno á Terra. Cando eses obxectos ou esas partes compoñentes se atopen fora dos límites do Estado parte no Tratado en cuio rexistro figuran, deberán ser devoltos a ese Estado Parte, o que deberá proporcionar os datos de identificación que se lle soliciten antes de efectuarse a restitución.

Artigo 9

Na exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, os Estados Partes no Tratado deberán guiarse polo principio da cooperación e a asistencia mutua, e en todas as súas actividades no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, deberán ter debidamente en conta os intereses correspondentes dos demais Estados Partes no Tratado. Os Estados Partes no Tratado farán os estudios e investigacións do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, e procederán á súa exploración de tal forma que non se produza unha contaminación nociva nin cambios desfavorables no medio ambienteda Terra como consecuencia da introducción nel de materias extraterrestres, e cando sexa necesario adoptarán as medidas pertinentes a tal efecto. Se un Estado Parte no Tratado ten motivos para creer que unha actividade ou un experimento no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, proxectado por él ou polos seus nacionais, crearía un obstáculo capaz de perxudicar as actividades doutros Estados Partes no Tratado na exploración e utilización do espacio ultraterrestre con fins pacíficos, incluso na Lúa e outros corpos celestes, deberá celebrar as consultas internacionais oportunas antes de iniciar esa actividade ou ese experimento. Se un Estado Parte no Tratado ten motivos para creer que unha actividade ou un experimento no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e outros corpos celestes, proxectado por outro Estado Parte no Tratado, crearía un obstáculo capaz de perxudicar as actividades de exploración e utilización do espacio ultraterrestre con fins pacíficos, incluso na Lúa e outros corpos celestes, poderá pedir que se celebren consultas sobre dita actividade ou experimento.

Artigo 10

A fin de contribuir á cooperación internacional na exploración e a utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e doutros corpos celestes, conforme ós obxectivos do presente Tratado, os Estados Partes nel examinarán, en condicións de igualdade, as solicitudes formuladas por outros Estados Partes no Tratado para que se lles brinde a oportunidade a fin de observar o voo dos obxectos espaciais lanzados por ditos Estados.

A natureza de tal oportunidade e as condicións en que podería ser concedida determinaranse por acordo entre os Estados interesados.

Artigo 11

A fin de fomentar a cooperación internacional na exploración e utilización do espacio ultraterrestre con fins pacíficos, os Estados Partes no Tratado que desenvolvan actividades no espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e doutros corpos celestes, conveñen en informar, na maior medida posible dentro do viable e factible, ó Secretario xeral das Nacións Unidas, así como ó público e á comunidade científica internacional acerca da naturaleza, marcha, localización e resultados de ditas actividades. O Secretario Xeral das Nacións Unidas debe estar en condicións de difundir eficazmente tal información, inmediatamente despois de recibila.

Artigo 12

Todas as estacións, instalacións, equipo e vehículos espaciais situados na Lúa e outros corpos celestes serán accesibles ós representantes doutros Estados Partes no presente Tratado, sobre a base da reciprocidade. Ditos representantes notificarán con antelación razonable a súa intención de facer unha visita a fin de permitir celebrar as consultas que procedan e adoptar un máximo de precaucións para velar pola seguridade e evitar toda perturbación do funcionamento normal da instalación visitada.

Artigo 13

As disposicións do presente Tratado aplicaranse ás actividades de exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e doutros corpos celestes, que realicen os Estados Partes no Tratado, tanto no caso de que esas actividades as leve a cabo un estado Parte no Tratado por sí só ou xunto con outros Estados, incluso cando se efectúen dentro do marco de organizacións intergobernamentais internacionais.

Os Estados Partes no Tratado resolverán os problemas prácticos que poidan xurdir en relación coas actividades que desenvolvan as organizacións intergobernamentais internacionais na exploración e utilización do espacio ultraterrestre, incluso a Lúa e doutros corpos celestes, coa organización internacional pertinente ou con un ou varios Estados membros de dita organización internacional que sexan partes no presente Tratado.

Artigo 14

1. Este Tratado estará aberto á firma de tódolos Estados. O Estado que non firmare este Tratado antes da súa entrada en vigor, de conformidade co párrafo 3 deste artículo, poderá adherirse a él en calquer momento.

2. Este Tratado estará suxeito a ratificación polos Estados signatarios. Os instrumentos de ratificación e os instrumentos de adhesión depositaranse nos arquivos dos Gobernos do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte, dos Estados Unidos de América e da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, ós que polo presente se designa como Gobernos depositarios.

3. Este Tratado entrará en vigor cando depositaran os instrumentos de ratificación cinco Gobernos, incluidos os designados como Gobernos depositarios en virtude do presente Tratado.

4. Para os Estados cuios instrumentos de ratificación ou de adhesión se depositaren despois da entrada en vigor deste Tratado, o Tratado entrará en vigor na data do depósito dos seus instrumentos de ratificación ou adhesión.

5. Os Gobernos depositarios informarán sen tardanza a tódolos Estados signatarios e a tódolos Estados que se adheriran a este Tratado, da data de cada firma, da data de depósito de cada instrumento de ratificación e de adhesión a este Tratado, da data da súa entrada en vigor e de calquer outra notificación.

6. Este Tratado será rexistrado polos Gobernos depositarios, de conformidade co artículo 102 da Carta das Nacións Unidas.

Artigo 15

Calquer Estado Parte no Tratado poderá propoñer enmendas ó mesmo. As enmendas entrarán en vigor para cada Estado Parte no Tratado que as aceptara cando éstas foran aceptadas pola maioría dos Estados Partes no Tratado, e no sucesivo para cada Estado restante que sexa parte no Tratado na data en que as acepte.

Artigo 16

Todo Estado Parte poderá comunicar a súa retirada deste Tratado ó cabo dun ano da súa entrada en vigor, mediante notificación por escrito dirixida ós Gobernos depositarios. Tal retirada surtirá efecto un ano despois da data en que se reciba a notificación.

Artigo 17

Este Tratado, cuios textos en inglés, ruso, español, francés e chinés son igualmente auténticos, depositarase nos arquivos dos Gobernos depositarios. Os Gobernos depositarios remitirán copias debidamente certificadas deste Tratado ós Gobernos dos Estados signatarios e dos Estados que se adhiran ó Tratado.

En testemuño do que, os infrascritos, debidamente autorizados, firman este Tratado.

Feito en tres exemplares, nas cidades de Londres, Moscova e Washington, o día vintesete de xaneiro de mil novecentos sesenta e sete.

 


Observación:

A lectura do Tratado que precede, pode complementarse co “Convenio sobre a responsabilidade internacional polos danos causados por obxectos espaciais”, adoptado en virtude da Resolución 2777 (XXVI) da Asamblea Xeral das Nacións Unidas, de 29 de novembro de 1971, entrando en vigor o 1 de setembro de 1972.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais