Distribuir contido

KMT

Distribuir

Distribuir contido

Boa parte do traballo do IGADI plásmase en numerosos artigos e colaboracións en prensa e revistas especializadas.

Para unha mellor clasificación e localización dos actuais 2290 artigos que integran a sección de Análise e Opinión, temos dividido estes nos seguintes apartados temático/xeográficos:

13/08/2016
14/08/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 8 ao 14 de Agosto de 2016

1. Informe

O KMT segue transitando polo seu peculiar via crucis. Dunha parte, non oculta a preocupación polas consecuencias da lei que auscultará todas e cada unha das súas propiedades e activos. Algúns rumores apuntan a que está considerando dar ao seu persoal cinco meses de salario por adiantado para evitar que o diñeiro caia en mans do Estado. A lei recentemente aprobada establece que os partidos só poderán ter ingresos procedentes das cotas dos seus membros e de doazóns. Todos os demais activos obtidos desde 1945 pasarán ao patrimonio do Estado. 

06/08/2016
07/08/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 1 ao 7 de Agosto de 2016

1. Informe

A celebración do Día Nacional dos Pobos Autóctonos estivo marcada polas escusas oficiais presentadas en nome do Estado pola presidenta Tsai Ing-wen aos pobos aborixes. A elección do 1 de Agosto para a conmemoración evoca a mesma data de 1994 cando foi promulgada unha reforma da Constitución cun novo artigo que contemplaba o compromiso de “protexer a condición social e garantir a participación política dos aborixes”. Esta reforma constitucional oficializaba o abandono do termo “compatriotas das montañas” ou shanbao habitualmente utilizado para referirse a estas comunidades e que incorporaba certa connotación racista. En 1997, outra reforma pasou a definilos como “pobos orixinarios”, “pobos autóctonos” ou yuan zhu min zu. A presidenta anunciou o establecemento dun comité de xustiza transicional para estas comunidades. Taiwan conta cuns 530.000 aborixess, é dicir, en torno ao 2 por cento da poboación total. Ata dezaseis grupos gozan de recoñecemento oficial. 

31/07/2016
31/07/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 25 ao 31 de Xullo de 2016

1. Informe

O Yuan Lexislativo levou a cabo as tres lecturas da emenda da lei sobre a xestión de activos por parte de partidos políticos e entidades afíns. A ministra sen carteira Lin Mei-chu proporá un comité de procedemento que investigará o uso impropio dos recursos partidarios. 
O KMT, principal formación afectada, reaccionou cualificando a lei de “ilegal e inconstitucional”. O seu vicepresidente Steve Chan anunciou medidas legais para salvagardar os dereitos do partido. Outras figuras do KMT, como o director da Comisión Disciplinaria, Liu Han-ting, prevén sancións administrativas. A presidenta do partido, Hung Hsiu-chu, dixo non importarlle a decisión lexislativa. O KMT asegurará o pago das pensións dos membros xubilados, as retribucións do persoal actual e o mantemento das súas oficinas; todo o demais será obxecto de doazón. E así se fará con independencia do resultado dos recursos legais que se interpoñerán, sinalaron fontes da formación.

10/07/2016
10/07/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 4 ao 10 de Xullo de 2016

1.      Informe

O lanzamento por erro dun mísil supersónico antibuque Hsiung Feng III foi cualificado pola presidenta Tsai Ing-wen como “imperdoable” e podería ter consecuencias, primeiro, no Ministerio de Defensa, a cuxos responsables a mandataria instou a facer “exame de conciencia”. Trátase da crise máis grave que a Presidenta ha ter que enfrontar desde a asunción do cargo. 

02/07/2016
03/07/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 27 de Xuño ao 3 de Xullo de 2016

1. Informe

A primeira viaxe ao estranxeiro da presidenta Tsai Ing-wen saldouse cun balance desigual. Dunha parte, rexistrou datos positivos como o feito de que un voo chárter presidencial puidese cruzar o espazo aéreo cubano (cando os ex presidentes Lee Teng-hui ou Ma Ying-jeou visitaron Panamá, os seus voos transitaron a través de Hawai e Los Angeles, respectivamente). Doutra parte, a presidenta Tsai puido manter contactos de diverso nivel con algunhas das autoridades desprazadas a Panamá (non só de aliados senón tamén de países como Chile, Arxentina, Ecuador ou España, por exemplo) e tamén cun importante número de expatriados chegados de países como Costa Rica, Colombia, Brasil ou República Dominicana. Tsai, que aproveitou a xira para reafirmar os lazos coa rexión, reivindicou igualmente unha diplomacia que permita a Taiwan contar a nivel global.

18/06/2016
19/06/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 13 ao 19 de Xuño de 2016

1.      Informe

Diversos encontros celebrados no continente nas últimas semanas ofrecen pistas sobre o que poderiamos cualificar de “axustes” na política continental cara Taiwan. Á coñecida e aberta condena do goberno de Tsai Ing-wen súmase agora a reactivación do Consello Chinés para a Promoción da Reunificación Nacional Pacífica, que multiplica as súas reunións con líderes e colectivos da illa para encarar a continxencia que supón o acceso ao poder en Taipei do PDP. Por outra banda, multiplica as iniciativas en relación ao KMT, a quen parece atribuír un papel de maior relevancia si cabe na xestión dos intercambios, retrotraéndonos a un escenario similar ao do período 2005-2008. Tanto en Yunnan como en Xiamen pareceu plasmarse a idea de que será o Departamento de Asuntos de China Continental do propio KMT quen protagonizará esta nova etapa, en detrimento da SEF e outras instancias de maior rango oficial de Taiwan. Esta nova formulación podería subscribirse no encontro que PCCh e KMT celebrarían pasado o verán. Entón, Hung Hsiu-chu podería reunirse con Xi Jinping. A plataforma PCCh-KMT afianzaríase como unha vía alternativa para xestionar os intercambios a través do Estreito.

11/06/2016
12/06/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 6 ao 12 de Xuño de 2016

1. Informe

Nos primeiros pasos do novo goberno non faltaron o desconcerto e a confusión. Nunha comparecencia lexislativa, o ministro de Economía Le Shih-guang advertiu do posible reinicio da planta nuclear Nº.1 en caso de condicións climáticas extremas. Mentres, desde a Oficina Presidencial salientábase o compromiso cunha illa libre da enerxía nuclear (obxectivo marcado para 2025). O primeiro ministro Lin Chuan, en diálogo cos grupos ecoloxistas, asegurou que para esa data non haberá enerxía nuclear en Taiwan e que o funcionamento das centrais 1 e 2 non se prorrogará. 

04/06/2016
05/06/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 30 de Maio ao 5 de Xuño de 2016

1. Informe

O primeiro ministro Lin Chuan compareceu no Parlamento para expoñer os seus plans de goberno. Puido facelo ao segundo intento xa que a bancada do KMT boicoteou a sesión e obrigou ao seu atraso esixindo ao primeiro ministro a firma previa de tres resolucións rexeitando a importación de carne de porco con ractopamina de EUA, a importación de alimentos xaponeses das zonas afectadas polo accidente nuclear de Fukushima e a protección dos mariñeiros que faenan en augas do arrecife Okinotori. Nos arredores do Parlamento, o KMT mobilizou a criadores de porcos e mariñeiros para premer en contra de calquera relaxación nas prohibicións que non conte coas debidas garantías. Hung Hisu-chu encomiou a actitude do KMT, vista a importancia de apoiar aos colectivos desprotexidos polo goberno. A coordinación das protestas puidese indicar a opción dunha oposición dura por parte do KMT nesta lexislatura que, ademais, pretendería imitar a exercida polo PDP ao longo de 2014. 

19/05/2016
19/05/2016
Diario El Correo (Bilbao)

Ma Ying-jeou, do nacionalista Kuomintang, exerceu a presidencia de Taiwan durante oito anos. O dobre mandato que agora chega ao seu fin conclúe cuns índices de aprobación moi baixos e esa antipatía reflectiuse na bancarrota do seu partido nos últimos comicios. Por primeira vez na historia da illa, unha muller e soberanista, Tsai Ing-wen, á fronte do Minjindang, contará cunha maioría folgada no Parlamento. O KMT, derrotado e dividido, atravesa unha das maiores crises da súa historia recente. 

19/05/2016
19/05/2016
Público

Taiwan inicia un novo tempo político que en China continental obsérvase con preocupación. A contundente vitoria do soberanismo, representado polo Minjindang ou Partido Democrático Progresista (PDP), nas eleccións lexislativas e presidenciais do pasado 16 de xaneiro se complementa cunha severa bancarrota do principal aliado do Partido Comunista (PCCh) na illa, paradoxalamente, o nacionalista Kuomintang (KMT), o seu vello inimigo.

15/05/2016
15/05/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 9 ao 15 de Maio de 2016

1. Informe

A conta atrás para a toma de posesión de Tsai Ing-wen como presidenta da República de China entrou na súa recta final. O goberno en funcións presidido por Simon Chang renunciou ao completo e todo indica que a transición levarase a cabo sen incidencias destacables. Chang reivindicou o seu equipo como “o mellor”, remitindo á axenda de incidentes ocorridos nestes meses de transición: desde o terremoto de Tainan aos incidentes pesqueiros con Indonesia ou Xapón, a deportación de taiwaneses por parte de Kenya e Malaisia a China continental ou as vicisitudes da participación na Asemblea Mundial da Saúde.

07/05/2016
08/05/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 2 ao 8 de Maio de 2016

1.      Informe

Por fin, a OMS (Organización Mundial da Saúde) decidiu cursar a invitación a Taiwan para asistir á Asemblea Mundial da Saúde, que se inicia o 23 de maio, en calidade de observador pero, por primeira vez, co condicionante de facelo baixo a premisa da asunción do principio de “Unha soa China” e a aceptación do Consenso de 1992. Na invitación menciónase a Resolución 2758 da ONU, o que suxire directamente a pertenza de Taiwan á República Popular China. Nos últimos sete anos, a OMS invitou a Taiwan baixo o nome de “Chinese Taipei”. Algún documento interno suxire á OMS que se refira a Taiwan como provincia de China. O luns, a administración entrante terá que decidir si acepta ou non a invitación nestas condicións.

15/04/2016
15/04/2016
Asiared

O Kuomintang (KMT) viviu recentemente dous auténticos tsunamis políticos (eleccións municipais de 2014 e lexislativas e presidenciais de 2016) que lle precipitaron nunha indisimulable crise. A nova presidenta do partido, Hung Hsiu-chu, elixida o pasado marzo cunha moi baixa participación (41,6 por cento) que lle resta lexitimidade, afronta unha tarefa moi complexa e delicada, co pesimismo e abatemento reinando a partes iguais en boa parte da súa militancia. O KMT conta con só 35 dos 113 deputados da actual lexislatura e baixo o seu control permanece Nova Taipei, a única das municipalidades importantes aínda que a máis poboada da illa. En inédita posición, traballa xa coa vista posta nas eleccións locais de 2018 pero a súa reactivación non será doada. 

10/04/2016
10/04/2016
OPCh

Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 4 ao 10 de abril de 2016

1.      Informe

Os problemas de identidade do KMT non só están relacionados co futuro político da illa senón tamén coa natureza da propia formación. O día 5 cumpríronse 41 anos da morte do Xeneralísimo Chiang Kai-shek e o presidente Ma Ying-jeou e outros dirixentes como Hung Hsiu-chu, a flamante novena presidenta do partido, lle granxearon a habitual homenaxe. Ma destacou que a figura de Chiang Kai-shek pode ser “criticable, pero a súa contribución á República de China non pode ser eludida e os problemas en torno á súa significación histórica deben ser tratados con xustiza e razoablemente”.

28/03/2016
29/03/2016
The Huffington Post

Cabe recoñecer a Hung Hsiu-chu a súa tenacidade e afouteza. A ex vicepresidenta do Yuan lexislativo no anterior mandato (2012-2016) logrou derrotar novamente ao todopoderoso aparello do Kuomintang (KMT) ao gañar as primarias internas á presidencia do partido fronte á actual vicepresidenta da formación, Huang Min-hui (56,16 contra 33,02 por cento). Os outros candidatos, Le Hsin e Apolo Chen obtiveron resultados menores. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais