Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2019-2020 "Da guerra comercial á Coivd19"

AXENDA 2030: Dez anos para unha transformación total

O pasado 2019 foi un ano de revisión, no que tanto as Nacións Unidas -e as súas institucións dependentes- como moitos Estados (tales como o español) fixeron un exercicio de auto-avaliación a partir do que extraer o punto de situación no que se atopa a implantación da Axenda 2030 e así sentar as bases para acadar as metas marcadas en cada unha das 17 dimensións sobre as que se constrúe.

Apartados xeográficos Cooperación ao desenvolvemento
Idiomas Galego

O pasado 2019 foi un ano de revisión, no que tanto as Nacións Unidas -e as súas institucións dependentes- como moitos Estados (tales como o español) fixeron un exercicio de auto-avaliación a partir do que extraer o punto de situación no que se atopa a implantación da Axenda 2030 e así sentar as bases para acadar as metas marcadas en cada unha das 17 dimensións sobre as que se constrúe.

As conclusións destes informes de progreso son, á vez que heteroxéneos en cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS) e rexións analizadas, pouco esperanzadores no seu cumprimento a nivel global. Deles se desprende a necesidade de facer unha serie de cambios de carácter estrutural nos modelos de produción, de consumo e mesmo de hábitos de vida se existe unha vontade real de cumprir o pactado en Nova Iorque polos 193 representantes estatais na Asemblea Xeral das Nacións Unidas hai xa un lustro.

Descendendo á realidade dos diferentes obxectivos, os que amosan unha maior positividade en torno ao seu cumprimento na próxima década son;  o ODS 3 (Saúde e benestar) en virtude da forte redución da mortalidade infantil, a menor incidencia de enfermidades como o VIH ou a tuberculose e a extensión de vacinas como a do xarampón, evidentemente agora en serio polo compromiso pola emerxencia sanitaria mundial que estamos vivindo coa pandemia da COVID-19; o ODS 7 (Enerxía asumible e non contaminante) en tanto que xa 9 de cada 10 persoas en todo o mundo teñen acceso a enerxía eléctrica; e o ODS 8 (Traballo decente e crecemento económico) tendo en conta que tras a forte crise de 2008 experimentouse un crecemento económico xeralizado, cun descenso do desemprego global e aumentos da produtividade, aínda que o crecemento medio dos Países Menos Adiantados segue certamente por debaixo do 7% marcado para comezar a pechar as fendas existentes.

Do mesmo xeito, tamén podemos apreciar tendencias positivas noutras áreas concretas como a redución da pobreza extrema (ODS 1), o aumento das zonas mariñas protexidas e avances no referente á sustentabilidade das actividades pesqueiras e acuícolas (ODS 14) ou os avances na xeración de enerxía a partir de fontes renovables nos países máis avanzados, incluso o Acordo de París -agora en forte discusión coa retirada dos EUA- con respecto ao cambio climático (ODS 15), mais que non abondan para que cumpridos 5 anos do inicio deste percorrido poidamos falar de estar en disposición de obter resultados positivos de aquí a dez anos.

As grandes liñas de mellora están identificadas, esencialmente, en todos os apartados relacionados co entorno natural e os seres vivos que habitan neles. O quecemento global é un feito, as emisións de CO2 non se reducen nin teñen visos de desacelerarse aos niveis necesarios, os rexistros de temperaturas se superan cada ano e o reto de que esta aumente como máximo 1,5ºC para 2050 xa semella case unha quimera e, en consecuencia, os polos seguen perdendo xeo, segue subindo o nivel do mar, e ata un millón de especies de plantas e animais están en perigo de extinción en todo o planeta.

Tamén se falamos das variables socioeconómicas temos unha serie de retos enormes aos que facer fronte, como a loita contra as desigualdades económicas (tanto internas dentro dos países como a fenda entre os países ricos e pobres), especialmente na dimensión de xénero, onde a fenda salarial segue a ser unha realidade, cuantificada, como mínimo, no 12%. Sen esquecer que deberemos afrontar a inserción ao mercado laboral de ata un 20% de mozos e mozas en todo o mundo que nin estudan nin traballan ou reciben formación e, por suposto, a coñecida acumulación dunha parte cada vez maior tanto da renda como da riqueza total por parte do 1% máis poderoso.

Para o caso concreto do Estado español, e entendendo esta axenda como unha guía que introduce moitos retos para os países desenvolvidos, estamos certamente lonxe de acadar as metas fixadas, pois ata hai dous anos non se lle dotou do foco nin político nin mediático necesarios para o seu axeitado cumprimento.

A partir do 2018, a aparición dos ODS na actualidade política do Estado español foi in crescendo notablemente: primeiro co nomeamento dun Alto Comisionado (con rango de Subsecretaría de Estado) para a Axenda 2030 e, posteriormente, coa creación dunha vice-presidencia de “Asuntos sociais e Axenda 2030” e unha Secretaría de Estado propia para a “Axenda 2030”, dirixida actualmente por Ione Belarra.

A partir desta institucionalización ao máximo nivel de goberno, está por ver se se consegue pasar ao seguinte nivel, é dicir, levar á práctica políticas e medidas que camiñen na construción dun modelo mais sustentable nas tres dimensións da axenda, a económica, a social e a medioambiental, indubidablemente conectadas e que esixen unha resposta integrada. O momento clave para isto será, indubidabelmente, a elaboración dos próximos Orzamentos Xerais do Estado, no que se deberán asignar partidas concretas e, en definitiva, a aposta real por este proxecto para a próxima lexislatura.

No último documento oficial dispoñible con respecto ao seguimento da Axenda no Estado español, o “Informe de Progreso”, de mediados do ano pasado, destácanse as potencialidades que existen no Estado tales como unha gobernanza e unhas institucións fortes ou as grandes posibilidades de alianzas tanto no seo de Unión Europea como derivados de vínculos históricos, mais igualmente se detecta que “os 17 ODS e as 169 metas serán de difícil alcance se non se aceleran os ritmos de execución planificados”.

Será necesario un “impulso renovado das políticas públicas”, a redacción dunha estratexia Integral para o seu cumprimento para a próxima década e, ademais, traballar moito na “información, divulgación e sensibilización” co fin de involucrar a todos neste proceso, tanto o sector privado como as organizacións da sociedade civil e mesmo cada un dos cidadáns deben facer seu este compromiso e ser o brazo executor nesta transformación.

Ademais, semella evidente que o shock tanto social como económico que está provocando a pandemia do coronavirus (COVID-19) vai ter un impacto maiúsculo nas economías de todo o mundo, e especialmente nalgúns países como Italia ou España diminuirá a súa capacidade de actuación en tanto que máis recursos se destinen a paliar os efectos da crise. Mais, de xeito similar a gran recesión de 2008, tomarase unha decisión –política- sobre o modelo de país e de sociedade que se quererá construír cando se supere esta situación.

Coñeceuse recentemente o informe dun relator das Nacións Unidas que fixo unha viaxe por todo o territorio do Estado, quen foi tan duro como crúas soan as seguintes palabras: “Sendo un país rico, España vive na pobreza xeralizada”, algo que atribúe a unha “decisión política” e, por tanto, transformable coa vontade e enerxías necesarias. Parafraseando ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres: “Os próximos anos serán un período vital para salvar o planeta e acadar un desenvolvemento humano sostible e inclusivo”.

Esta peza é parte do IGADI Annual Report 2019-2020, podes descarregalo aquí.