orbalia 800

Rede Orbalia (2006)

IGADI e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia promoven a creación dunha Rede Galega de Xornalistas para a Información Internacional, entre outros obxectivos, para dar maior visibilidade nos medios de comunicación á información e análise internacional e a centrala nos intereses exteriores galegos.

Considerando o escaso peso e atención que o internacional recibe nas redaccións dos diferentes medios, o que contrasta coa naturaleza do tempo que vivimos, caracterizado por unha presenza cotiá do internacional que afecta directamente ás nosa vidas e unha esixencia de internacionalización crecente da propia sociedade a todos os niveis, o Igadi quere sumar a xornalistas e comunicadores que de forma individual ou como grupo e/ou asociación comparten o desexo de promover unha maior atención nos medios ás cuestións internacionais, especialmente aquelas relacionadas coas áreas e temáticas de maior interese estratéxico para Galicia.

A Rede pretende xerar e apoiar campañas en temas que nos unan e fortalezan como rede, fomentar a presenza de xornalistas especializados nas redaccións e nos cargos directivos dos medios, situar o tema internacional na axenda informativa de forma estable, e buscar fontes de financiamento para proxectos comúns.

Tamén procura fomentar a creación de suplementos, de programas radiais e televisivos sobre esta temática, potenciando a información e análise internacional para darlle unha maior visibilidade.

A Rede pode promover a organización e a coordinación de encontros.

Obxectivos

  • Formalizar e consolidar unha rede.
  • Visibilizar as carencias da información internacional nos medios de comunicación e axencias informativas de Galicia e potenciar a inclusión da información internacional na axenda informativa galega.
  • Facer um seguimento da información internacional nos medios galegos.
  • Fomentar a presenza de persoal especializado en información internacional nas redaccións e nos cargos directivos dos medios.
  • Concentrar o maior número de profesionais dos medios arredor dos obxectivos da Rede.
  • Intercambiar información sobre a situación desta problemática noutros países.
  • Xerar e apoiar campañas en temas que nos unan e fortalezan como rede.
  • Acrecentar a solidariedade e a cooperación entre periodistas.
  • Crear bolsas de traballo mediante a Rede.
  • Promover modelos de capacitación e actualización en materia de información internacional, aproveitando as especializacións dos integrantes da Rede.
  • Potenciar a organización e cooperación entre redes.
  • Buscar de maneira conxunta fontes de financiamento para proxectos comúns.
  • Facilitar e promover o uso da lingua galega na información e análise internacional.

Estrutura

  • Descentralizada.
  • Autónoma.
  • Respectuosa coas organizacións de xornalistas.
  • Horizontal.
  • Aberta.
  • Flexible.
  • Incluínte.

O IGADI asumirá a responsabilidade de ser un mecanismo/instancia de enlace e comunicación da Rede, e promoverá unha lista de correo electrónico.

A Rede disporá dun espazo na web do Igadi e do Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas.

A Rede conta coa colaboración do Observatorio Galego dos Medios (OM) e do grupo de investigación CIDACOM da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Contacto: info@igadi.gal