A Política Exterior Feminista centra a revista Tempo Exterior nos seus números de 2021

Distribuir

Distribuir contido
23 · 11 · 2021

- O número 42 do Tempo Exterior (xaneiro-xuño 2021), a revista semestral de estudos internacionais do IGADI, xa está dispoñible na web.

- O Tempo Exterior continua a súa terceira etapa histórica achegándose de maneira monográfica á Política Exterior Feminista nos números 42 e 43, pertencentes aos dous números semestrais de 2021.

Os números do Tempo Exterior deste ano, coordinados polas persoas do Consello de Redacción da revista, Paula Lamoso e Antonio Alejo, son un esforzo por achegarse a un campo novidoso, emerxente e necesario das relación internacionais actuais, no contexto máis amplo da Axenda 2030 e a introducción da cuarta onda feminista na política internacional. Desta maneira o monográfico procura sumar no debate académico e na aproximación teórica e empírica a este campo de estudo.

Neste primeiro volumen do monográfico achegámonos á emerxencia e desenvolvemento do fenómeno con recoñecidas especialistas internacionais, primeiramente por medio dunha aproximación global á política exterior feminista na súa traxectoria histórica desde os feminismos críticos (Lucrecia Rubio Grundell, Gabriela de Lima Grecco, Itziar Ruiz-Giménez Arrieta), así como por medio de catro estudos de caso dos Estados que declararon de maneira oficial o carácter feminista da súa política exterior: Suecia (Ramón Fernando Stevens Martínez), México (Verónica Yazmín García Morales), Canadá (Larissa Alejandra Rosales López, Andrea Guzmán Rodríguez, Vanessa Jael Muñoz Salgado, Henriette Carmen Mbawmbaw Duran, Fredel Granados Chávez, Marianne H. Marchand) e España (María Solanas). O TE complétase  cun texto de miscelánea arredor da actual situación do sistema político e social de Chile (José Ignacio Martínez Estay, Francisco Javier Medina Krause), pechando o número a sección de reseñas de libros.

Pódense consultar os artigos deste número 42 en galego e en castelán (ao pé da páxina), lingua orixinal dos artigos recibidos nesta edición de Tempo Exterior. A segunda parte do monográfico, o número 43 do Tempo Exterior, proxéctase para a súa presentación pública en febreiro de 2022.

Por último, o Consello de Redacción da revista anima ás investigadoras e investigadores galegos a participar no seu Call For Papers e enviar os seus traballos de estudos internacionais para a súa publicación no Tempo Exterior para os números de 2023.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais