Celebramos o 29 aniversario do IGADI arrancando a terceira etapa da Revista Tempo Exterior

Distribuir

Distribuir contido
09 · 09 · 2020

 

- O número 40 céntrase no BREXIT e as incertezas do contexto institucional derivadas da pandemia da Covid19.

- A terceira etapa histórica do Tempo Exterior contextualízase no relevo xeracional no IGADI e na procura dunha maior conexión coa Universidade galega e internacional.

- O Consello Científico da revista conta con 25 investigadoras de Europa, América e China.

O IGADI que naceu o 10 de setembro de 1991 en Baiona, abre co número 40 da revista Tempo Exterior, a terceira época da revista fundada por Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI). A nova etapa comeza coa renovación do seu Consello de Redacción, coa participación de 7 investigadores de 7 grupos de investigación das tres Universidades galegas, e a designación do novo Director, Celso Cancela, profesor da Universidade de Vigo. A súa vez actualizouse o Consello Científico da revista, contando con 25 investigadoras, de Europa, América e China.

O número 40 da revista semestral do IGADI sae con retraso trala devastadora irrupción da pandemia da covid 19 en todo o mundo. O tema central deste número achégase ao Brexit desde distintos traballos de investigadoras galegas e internacionais, pensando o debate xeopolítico, institucional ou ideolóxico, alén das consecuencias do Brexit en Galicia. Todos os artigos publícanse revisados no contexto de incerteza radical na sociedade internacional froito da emerxencia do coronavírus e os meses de confinamento durante o primeiro semestre do ano 2020.

A nova etapa reflíctese mais alá da renovación do equipo. Así introdúcese na capa o tema central e unha foto a toda cor, ademais doutros detalles formais. No obxectivo a medio prazo expresado na carta ás lectoras polo Director da revista, Celso Cancela, de mellorar a posición nos índices académicos, a publicación será a partir de agora de libre acceso na rede.

Daniel González Palau, Director do IGADI, indicou que a nova etapa do Tempo Exterior débese entender no contexto de relevo xeracional dentro da entidade e a vontade de mellorar os lazos coa Universidade galega e o conxunto da Academia e a comunidade global de estudos internacionais e xeopolítica.

Lembrou que hai unha campaña aberta de subscricións, fundamentais para consolidar grao a grao os novos tempos no IGADI, coma unha entidade da sociedade civil en marcha por unha Galicia con todo o seu potencial no S.XXI.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais