Concurso de ideas: Mapa da cidade global da Coruña

Distribuir

Distribuir contido
03 · 10 · 2022

No marco do traballo histórico do IGADI (1991-2022) en relación á proxección internacional de Galicia e especificamente ao traballo desenvolvido desde o ano 2018 co Concello da Coruña para a ordenación da acción exterior da cidade, convocamos en liña co Convenio de actividades Concello da Coruña-IGADI 2022, “A Coruña global para o mundo do S.XXI (II)” o seguinte concurso de ideas.

Convoca: IGADI, Convenio 2022 Concello da Coruña. 

Orzamento: 3.500€ ive incluído

Campos profesionais: Deseño gráfico, Xornalismo de datos, Infografistas, CC. Sociais...

 

Xustificación: Galicia ten unha historia global, pola posición xeoestratéxica ligada á historia e ao mar, as rutas do Atlántico, as migracións e as diásporas, especialmente a americana. Desta maneira desde a economía, a cultura ou a lingua, levamos séculos trazando un perfil global na sociedade internacional. Nesta historia A Coruña ten un papel protagonista, desde a Casa das Especiarías do S.XVI e a historia do porto, ou moito antes, até por exemplo hoxe, o impacto de grandes empresas internacionais coma INDITEX ou Estrella Galicia.

Todas as cidades teñen un mapa turístico que sinala fitos turísticos e lugares destacados que identifican no espazo os atractivos turísticos da cidade. Nós aspiramos a ampliar a idea dese mapa cara outros atractivos do territorio, ligados a súa conectividade internacional, tanto de espazos como de actores, procurando outra maneira de pensar a cidade que identifique as autopistas internacionais da Coruña, históricas e presentes.

Descrición básica da idea: Información mínima do mapa

Formato: Físico e online. O mapa debéramos poder imprimilo, coma un mapa tradicional, mais teriamos que contar cunha versión en liña, posibilitando así introducir máis texto, links e outras características dixitais que teña o potencial de desenvolverse no futuro.

A información ofrecida a continuación é a básica para a participación no concurso, mais desenvolverase durante o traballo final, para o cal IGADI disporá os contidos mínimos de información e texto.  

O punto de partida sería a identificación da Coruña coma cidade global intermedia, partindo do Ranking 2020 do IESE e do Mapa de Turismo da Coruña. Suxírese coñecer o documento BAEX A Coruña e as Xornadas A Coruña global do S.XXI. O mapa impreso debera contar con información nos dous reversos. Para o deseño da Cara A o punto de partida é o Mapa de Turismo da Coruña que deberá ter en conta a imaxe corporativa.

Cara A, Identificación de cores e actores no mapa da Coruña global actual (con X fitos)

Mapa de Turismo da Coruña-Mapa de cidade global

-Concello (Redes de cidades internacionais, irmandamentos, proxectos europeus, eventos internacionais, internacionalización económica...).

- UDC e escolas de coñecemento.

- Porto, Aeroporto e conectividades loxísticas.

- Empresas e Polígonos (fitos senlleiros e creativos)

- Infraestruturas estratéxicas, culturais... Coliseum, Expo Coruña, Riazor...

- + Por exemplo, Cidade solidaria: concentración de ongd´s

Cara B, Relato histórico da cidade global ilustrado (con 10 fitos por medio de bocadillos de información) 

- Historia porto e conexións atlánticas

- Historia Camiño inglés

- Historias diásporas

- (...)

- Historia autonómica, transformación urbana, internacionalización económica, Dépor, ninguén é forasteiro, sempre aberta, Cidade das TICS, ...

Características técnicas da proposta, data e orzamento

As propostas base poderán enviarse a info@igadi.gal até o 11 de outubro incluídas, sendo resolto o concurso antes do día 15 de outubro, tendo que executar a idea antes do 23 de novembro. O equipo de execución do proxecto será coordinado polo persoal do IGADI, que achegará as chaves básicas dos contidos. O orzamento da proposta son 3.500€ ive incluído.

A proposta debera especificar;

- Equipo (experiencia e capacidades).

- Coñecemento da cidade da Coruña (experiencia e capacidades ligadas á cidade).

- Proposta de valor do proxecto de 500 palabras (pode ir acompañado de ilustracións, infografías outros soportes...).

A valoración do proxecto realizarase por medio dunha comisión de traballo da liña de investigación en Paradiplomacia do IGADI contando coa participación de Turismo da Coruña.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais