congresoestudosinternacionaisgaliciaaplicacionsemail

Convocatoria do “I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia”

O IGADI, que en 2016 celebra o seu XXV aniversario, e o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo, convocan este I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia co obxecto de ofrecer unha plataforma de debate e de diálogo para todos aqueles que teñan interese académico e científico nos estudos internacionais. Con vocación de continuidade, aspira a conformar unha axenda internacional para a nosa sociedade, cun futuro cada vez mais dependente da súa capacidade para posicionarse no mundo con identidade propia.

I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia


Presentación

O IGADI, que en 2016 celebra o seu XXV aniversario, e o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo, convocan este I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia co obxecto de ofrecer unha plataforma de debate e de diálogo para todos aqueles que teñan interese académico e científico nos estudos internacionais. Con vocación de continuidade, aspira a conformar unha axenda internacional para a nosa sociedade, cun futuro cada vez mais dependente da súa capacidade para posicionarse no mundo con identidade propia.

No 80 aniversario do referendo do Estatuto de Autonomía, cómpre que Galicia reflexione sobre a súa inserción internacional, achegando a masa crítica precisa e favorecendo a creación dos espazos de encontro necesarios para facer converxer as diferentes disciplinas e visións que comparten a preocupación común de universalizar a nosa identidade en todas as súas manifestacións.

Entre os obxectivos, cabe citar:

  • a) Alentar reflexións sobre a internacionalización de Galicia en todos os ámbitos.
  • b) Incrementar a sensibilidade dos actores públicos e privados da nosa comunidade a prol da universalización.
  • c) Formular liñas de acción para fomentar a universalización de Galicia.
  • d) Aventurar un diagnóstico sobre o estado dos estudos internacionais en Galicia e suxerir propostas de mellora.
  • e) Crear, promover e fomentar intercambios académicos y científicos en materia de estudo e investigación internacionais.

Organizarase en catro sesións temáticas:

  • a) Institucional
  • b) Económico-Empresarial
  • c) Social
  • d) Educativo-Cultural

Na sesión Institucional abordaranse cuestións como: a importancia do factor exterior na xestión pública, papel das administracións locais e da Xunta de Galicia, as relacións con Portugal e a lusofonía, áreas e países de interese estratéxico, marco xurídico, nacionalidades históricas e proxección exterior, cooperación internacional…

Na sesión Económico-Empresarial abordaranse cuestións como: internacionalización empresarial, papel da diáspora, captación de investimentos, accións, programas e iniciativas, estímulos públicos e privados, dimensión ambiental,…

Na sesión Social abordaranse cuestións como: o internacional e os medios de comunicación, think tanks, internacionalización da sociedade civil e organizacións sociais, coñecemento de linguas, as novas tecnoloxías e a internacionalización….

Na sesión Educativo-Cultural abordaranse cuestións como:  universidades e internacionalización, industria cultural e universalización de Galicia, patrimonio e internacionalización, turismo internacional, lingua e literaturas galegas no mundo….

Os principais tópicos deste Congreso son: a importancia do factor exterior na xestión pública, papel das administracións locais e da Xunta de Galicia, as relacións con Portugal e a lusofonía, cooperación internacional, internacionalización empresarial, papel da diáspora, captación de investimentos, as universidades e a internacionalización, o internacional e os medios de comunicación, think tanks, internacionalización da sociedade civil e organizacións sociais, coñecemento de linguas, as novas tecnoloxías e a internacionalización, industria cultural e universalización de Galicia, Estudos internacionais,  Axenda exterior de Galicia.

 

PROGRAMA

  • Día 28 de Xuño
    • 16.00. Sesión de apertura
    • 16.30. Conferencia inaugural
      Galicia, célula de universalidade, por Ramón Villares Paz
    • 17.30. Descanso
    • 18.00. Sesión institucional
      Galicia, unha Autonomía no Mundo, con Jesús Gamallo Aller, Pilar Pin, Xoán A. Pérez Lema.
      Modera: Celso Cancela Outeda
    • 20.00. Remate

 

  • Día 29 de Xuño
    • 10.00. Sesión económico-empresarial
      Avances e retos nunha economía internacionalizada, con Fernando González Laxe, Abel Veiga Copo, Manuel González López.
      Modera: María Xosé Porteiro
    • 12.00. Sesión social
      Activos nunha paradiplomacia en rede, con Emilio M. Martínez Rivas, Teresa Moure, Xavier Alcalá.
      Modera: Álvaro X. López Mira
    • 14.00. Descanso
    • 16.00, Sesión Educativo-cultural
      Ambicións e posibilidades globais da nosa industria cultural, con Margarita Ledo, Antón Reixa, Xosé Ballesteros.
      Modera: Xulio Ríos
    • 18.00. Descanso
    • 20.00. Na Casa das Campás.
      Acción exterior, dúas experiencias comparadas: País Vasco e Cataluña, con Marián ElorzaManel Manonelles.
      Presenta: Miguel Ángel Rodríguez Souto, director do Diario de Pontevedra.

 

Participantes e prazos

As inscricións para participar no Congreso poderanse formalizar ata o 20 de Xuño de 2016 mediante comunicación dirixida a info@igadi.org na que debe facerse constar nome e apelidos e e-mail de contacto.

O Congreso está especialmente dirixido a persoas relacionadas coa internacionalización en todas as súas dimensións. Tamén a licenciados e estudantes nos Graos de Ciencia Política, Dereito, Xornalismo, Historia, Economía e Empresa, Dirección e Xestión Pública, Socioloxía, Comunicación, entre outros.

O prazo para a presentación de relatorios finaliza o 30 de Maio de 2016. As expresións de interese poden formalizarse ata o 15 de Abril de 2016.

Ficha técnica

Promotores: IGADI e Observatorio da Gobernanza G3.

Lugar de realización: Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Datas: 28 e 29 de Xuño de 2016

Comité Científico: Eduardo Daniel Oviedo (Universidad Nacional de Rosario-Argentina), Carmen Mendes (Universidade de Coimbra), Zhu Lun (Academia de Ciencias Sociais de China), Mónica López Viso (Universidade de Vigo); Bichara Khader (Université Catholique de Louvain), Ricardo Antunes (UNICAMP-Brasil), Luciano Concheiro Bórquez (Universidad Autónoma Metropolitana-México), Robert Matthews (New York University), Julio A. Díaz Vázquez (Universidade da Habana); Carlos A. Pereira Menaut (Universidade de Santiago de Compostela); Argimiro Rojo Salgado (Universidade de Vigo); Antonio Martínez Puñal (Universidade de Santiago de Compostela); Fernando González Laxe (Universidade da Coruña); José Soeiro (Universidade do Minho); Ramón Bouzas (Universidade de Santiago de Compostela); Ana Paula Beja Horta (Universidade Aberta, Lisboa); Amelia Sáiz López (Universitat Autónoma de Barcelona).

Directores: Celso Cancela Outeda, Alvaro Xosé López Mira e Xulio Ríos.

Normas para a presentación de Relatorios

1. Todos os traballos serán avaliados por dous expertos independentes e anónimos, designados polo IGADI, que poderán aconsellar a aceptación sen cambios, formular suxestións ao autor ou autores, ou ben desaconsellar a súa publicación.

2. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, e non debe estar comprometida a súa publicación en ningún medio.

3. Os orixinais poden enviarse en galego, castelán, inglés, francés, ou portugués. Outras linguas, prégase consultar previamente coa organización.

4. A extensión do relatorio será dun máximo de dez mil palabras, e un mínimo de tres mil, incluíndo gráficos, cadros e bibliografía. 

5. Na primeira páxina indicarase: título do traballo, nome e apelidos do autor, dirección, teléfono, correo electrónico, así como a filiación institucional do autor e a forma en que desexa que apareza. Debe incluírse tamén un breve Curriculum Vitae, non superior a cinco liñas, que aparecerá publicado conxuntamente co traballo.

6. Todos os traballos deberán incluír un resumo do contido que non excederá de 15 liñas e cinco palabras clave.

8. As notas irán sempre ao final do traballo.

9. As notas e as referencias bibliográficas terán o seguinte formato:

- LIBROS: APELIDOS do autor (en maiúsculas) e Nome (en minúsculas): Título do libro (en cursiva), Editorial, cidade, ano e páxina/s.

- ARTIGOS: APELIDOS do autor (en maiúsculas) e Nome (en minúsculas): “Titulo do artigo” (entre aspas), Nome da revista (en cursiva), Número, data, páxina/s.

10. As siglas irán acompañadas do nome completo a primeira vez que se citen no texto, e entre parénteses.

11. O prazo de recepción de orixinais finaliza o 30 de Maio de 2016. A aceptación ou non do texto proposto comunicarase ao autor no prazo máximo de quince días contado a partir da recepción. O prazo para a expresión de interese remata o 15 de Abril de 2016.

 


CONCLUSIÓNS

  1. A mundialización é un dos signos incontestables dos tempos actuais. Nese contexto, a acción exterior é unha política pública irrenunciable para todo goberno, calquera que sexa o seu nivel, superando as limitacións clásicas. Para levala a cabo debe dotarse dunha estratexia específica, integral e consensuada e aplicala con perseveranza.

  2. En Galicia, a autonomía e o vixente marco xurídico de relacións co Estado brinda posibilidades aínda non de todo exploradas para desenvolver unha acción exterior leal que teña en conta as nosas especificidades. No mundo global, isto non é unha opción senón unha necesidade e Galicia, como suxeito político, pode exercer de protagonista como ponte con diversas áreas xeopolíticas e xeolingüísticas.

  3. Reviste certa urxencia superar a falta de comprensión institucional e cívica desta cuestión instando aos diversos actores a asumir un maior compromiso cunha acción exterior centrada nos intereses da nosa Terra. Temos capacidades abondo para garantir unha presenza no mundo conforme coa nosa identidade e os nosos intereses. Ou aproveitamos o presente ou a ocasión pode malograrse.

  4. A acción exterior nin é un problema nin un desbalde, é unha dimensión nova do facer público e privado que debe incorporarse ás previsións de subsistencia e progreso da nosa identidade material e colectiva. A sociedade galega no seu conxunto debe urxir dos poderes públicos un maior compromiso neste eido.

  5. Cun horizonte electoral á vista na nosa comunidade, cómpre reivindicar a acción exterior como un espazo de encontro entre as principais forzas políticas cun programa de mínimos que facilite a súa continuidade á marxe das alternancias. O debate político arredor desta cuestión debe evitar esa frivolización que afonda nunha desafección pública obxectivamente inxustificada.

  6. Se ollamos comparativamente a evolución da acción exterior de Galicia en relación á doutras nacionalidades históricas, é constatable unha perda de impulso nos últimos tempos que nos sitúa en condicións menos favorables para unha defensa acertada dos nosos intereses exteriores. Vistas estas experiencias comparadas, os retornos da acción exterior son inapelables.

  7. Alén de insistir nos eixes tradicionais da nosa acción exterior, cómpre construír unha marca Galicia que responda ás nosas ambicións; igualmente debe facilitarse a coordinación interna e asegurar a transversabilidade desta política, renovando ideas e conceptos que teñan en conta a Galicia na súa globalidade, mais aló do territorio (diáspora), a nosa dimensión europea (pero tamén atlántica), as posibilidades da nosa lingua e cultura (que requiren dunha dignificación interna profunda), das nosas universidades, das nosas empresas e sectores produtivos, das nosas entidades sociais en diversos campos.

  8. Os niveis de internacionalización da sociedade galega nos diferentes sectores son desiguais e asimétricos. Cómpre por iso alentar estratexias que os acompasen e igualmente o fomento dunha cultura de cooperación que facilite as sinerxías e as alianzas.

  9. Importa crear redes a todos os niveis –incluído o académico e investigador- que potencien os nosos recursos e aseguren unha permanente achega de propostas. Igualmente, son necesarios os espazos de reflexión, plurais en todos os sentidos, para converxer en liñas de acción que faciliten a posta en común dos diferentes actores e un modelo de xestión da acción exterior participativo e democrático.

  10. Galicia pode realizar aportes importantes á axenda global desde a súa especificidade. Non só se trata de establecer complicidades internas coa acción exterior senón de sumar a nosa voz á reivindicación dunha globalidade baseada na diversidade e no respecto á dignidade e os dereitos das persoas.