Dispoñible o nº34 do Tempo Exterior; monográfico especial sobre a Comunidade de Países de Lingua oficial Portuguesa (CPLP)

 

Palabras chave Lusofonía Galego CPLP

 

Tempo exterior Nº 34: Monográfico especial

A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP)

A revista Tempo exterior, dirixida por Xulio Ríos, ofrece no seu Nº 34, período Xaneiro-Xuño de 2017, un monográfico especial sobre a realidade da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), aproveitando a recente inclusión do Consello da Cultura Galega (novembro de 2016) e da Academia Galega da Lingua Portuguesa (xullo de 2017), ámbolos dous como observadores consultivos deste organismo creado en 1996.

Co obxectivo de contribuír a unha reflexión sobre o momento que vive a CPLP e as potencialidades que se abren para Galicia neste ámbito xeopolítico da lusofonía, este monográfico especial atende tamén á necesidade de comprender a utilidade do factor lingüístico e cultural como expresión chave da acción exterior galega. Inclúe así a expertos nesta materia provenientes de países vinculados coa lusofonía como Portugal, Brasil e Indonesia, os cales fan as súas achegas nos idiomas portugués e inglés.

Discorren así as reflexións sobre a CPLP dentro do concerto global (artigo de Cláudia Toriz Ramos), contextualizando a súa relevancia como espazo xeopolítico. Nese apartado, obsérvase a importancia estratéxica que mantén Portugal con este organismo (Isabel Costa Leite), e como a CPLP eríxese como unha expresión chave nas relacións entre África e a Unión Europea (Fernando Jorge Cardoso). Pero o seu radio de extensión abrangue tamén o mundo dos PALOP’s, con particular atención por parte da cooperación brasileira, especialmente na difusión da seguridade alimentaria e o desenvolvemento rural (Mariana Santarelli e Melissa Pomeroy)

Complementan este monográfico as análises sobre o significado económico da CPLP (Michelle Lins de Morais), a preocupación polo factor social dentro da súa axenda (Denyse Moreira Guedes), unha oportuna reflexión e caracterización sobre os dereitos humanos dentro deste organismo (João Casqueira Cardoso) e finalmente as oportunidades de cooperación na xestión e prevención dos riscos de desastres naturais e humanitarios dentro dos seus países membro (Muhibuddin Usamah).

Este monográfico especial cumpre co propósito de achegar contidos relevantes que permitan construír lazos de cooperación e de relación entre Galicia e a CPLP, hoxe fortalecidos coa presenza do Consello da Cultura Galega e da Academia Galega da Lingua Portuguesa como observadores consultivos.

Pódese consultar o número online

Para máis información e subscricións: Tlf: 986 84 34 36. E-mail: info@igadi.org.