Novos tempos na relación entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o IGADI

Distribuir

Distribuir contido
30 · 06 · 2020

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xurdiu durante os anos 90, como consecuencia dun proceso de reflexión e dinamización auspiciado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, que promoveu estudos, xornadas, entrevistas e outros procesos que acabaron por dar na creación dunha comisión xestora, que en 1997 constituíuse formalmente como asociación.

Dende entón, o IGADI, participou directamente na asociación como entidade fundacional e socia, exercendo a Secretaría do Fondo Galego, desenvolvendo un intenso labor de consolidación da asociación municipalista en todas as súas dimensións, actuando como sólida viga estrutural, capaz de orientar, programar e executar as premisas democraticamente establecidas polas entidades locais e provinciais do Fondo Galego.

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, identifica ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como un dos seus máis destacados logros conseguidos ao longo dos seus 28 anos de traballo, dentro do conxunto de iniciativas e plataformas de impulso das políticas públicas de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento en Galicia.

En boa medida grazas a este apoio, o Fondo Galego foise consolidando e, 23 anos despois da súa fundación, áchase nunha etapa de madurez que lle permite afrontar os retos actuais e de futuro do muncipalismo, actualizando a entidade aos novos tempos. Deste xeito, con data 1 de abril de 2020 as partes asinaron un acordo para extinguir formalmente o seu vínculo, asumindo o Fondo Galego persoal propio e pasando o Concello de Ames a ocupar durante este mandato a Secretaría da entidade.

No entanto, o feito de que ambas as dúas entidades tomen agora camiños separados non significa que non se poidan establecer novas vías de colaboración máis adiante, no marco de iniciativas que contribúan a reforzar a cooperación municipalista e a situala en liña coa acción exterior galega. Neste senso, tanto o Fondo Galego como o IGADI queren significar a traxectoria común desenvolvida ata hoxe, que consideran un exemplo de máis valía e sinerxía positiva.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais