O Concello da Coruña e o IGADI asinan o convenio "Novos tempos para a acción exterior de Galicia, A Coruña global no mundo do S.XXI"

Distribuir

Distribuir contido
23 · 09 · 2020

O convenio entre o IGADI e o Concello da Coruña nace do obxectivo de desenvolver as Bases de Acción Exterior A Coruña, documento empregado para diagnosticar e ordenar a conectividade internacional da cidade. O documento das BAEX redactouse entre 2018 e 2019 no marco da nova arquitectura legal da acción exterior española e galega, o papel das cidades na mesma e a EGAEX (Estratexia Galega Acción Exterior). As BAEX A Coruña conseguiron a unanimidade no Pleno do Concello en marzo de 2019, baixo a Declaración institucional “A Coruña global no mundo do S.XXI”.

Coas actividades do convenio, a desenvolverse  entre setembro e decembro de 2020, o IGADI aspira a promover un relato de cidade internacional conectada á Axenda 2030 e a Axenda Urbana do Concello. O contexto de pandemia xerado pola Covid19, fai das actividades un espazo para posibilitar un punto de inflexión na relación do local co global na cidade, nun momento de cambios tectónicos na sociedade internacional. O proxecto traducirase entre setembro e decembro en tres resultados concretos.

En primeiro lugar o convenio entre o Concello e o IGADI neste 2020, pasa polo apoio e soporte financeiro do Concello da Coruña ao proxecto “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo oriente-Occidente”, no que tamén participa a Xunta de Galicia (o proxecto naceu de feito da convocatoria de proxectos O Teu Xacobeo) e os Concellos de Santiago de Compostela, Pontevedra e Lugo. A participación da Coruña no proxecto enmárcase na promoción do Camiño inglés, o propio desenvolvemento das BAEX A Coruña e a EGAEX (documento reitor da acción exterior da Xunta de Galicia), que destaca de maneira específica ao IGADI coma un actor específico da acción exterior galega en Asia. As Xornadas finais desenvolveranse de maneira online o 14, 15 e 16 de outubro.

En segundo lugar organizarase ao longo do mes de novembro o ciclo de coloquios online, “Paradiplomacia galega? A Coruña no mundo do S.XXI” para dar a coñecer e promover o perfil da Coruña coma cidade global, achegándose ao diálogo e coñecemento compartido entre o mundo institucional, económico, cultural ou social da cidade. O próximo 21 de outubro darase a coñecer o programa, que se desenvolverá durante cinco semana por medio de encontros online, todos os martes do mes de novembro e o primeiro de decembro. O proceso de inscrición abrirase nos próximos días.

En terceiro lugar o proxecto Novos tempos para a acción exterior de Galicia, A Coruña global no S.XXI. aspira a reforzar a coordinación interna en relación á vida internacional do Concello. Haberá así un obradoiro aberto a todas e todos os técnicos e representantes políticos do Concello, arredor do fenómeno das redes internacionais de cidades, especificamente arredor daquelas nas que participa o Concello da Coruña, coma por exemplo a Rede de Cidades Atlánticas. O obradoiro desenvolverase tralo remate do Ciclo online, o xoves 4 de decembro.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais