O IGADI asiste en Valença do Minho ao I Forum do Río Miño Transfronteirizo

No marco do proxecto “SMART MINHO-Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo”, organizado pola Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho (Portugal), a Deputación de Pontevedra e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), o IGADI estivo presente no I Forum do Río Miño Transfronteirizo, celebrado este 21 de xuño na Escola Superior de Ciências Empresariais-IPVC de Valença do Minho (Portugal).

No marco do proxecto “SMART MINHO-Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo”, organizado pola Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho (Portugal), a Deputación de Pontevedra e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), o IGADI estivo presente no I Forum do Río Miño Transfronteirizo, celebrado este 21 de xuño na Escola Superior de Ciências Empresariais-IPVC de Valença do Minho (Portugal).

O IGADI asistiu a este forum a propósito da recente apertura do proxecto “A Raia no Medio”, que leva adiante grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, no marco da recen constituída Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño.

Este forum permitiu entablar os mecanismos de diálogo e reflexión en torno á realidade da cooperación transfronteiriza, en particular da AECT Río Miño. Esta entidade agrupa a 16 Concellos pertencentes á Deputación de Pontevedra e dez Cámaras Municipais do CIM Alto Minho do Norte de Portugal, a maior parte deles pertencentes ao enclave da Raia transfronteiriza.

O acto de inauguración contou coas intervencións de Jorge Mendes, presidente da Cámara Municipal de Valença do Minho; María del Carmen Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra; Salustiano Mato, presidente da FCEER; e José María Costa, presidente do CIM Alto Minho.

Como primeira sesión de panel, intitulada “As bases da estratexia de cooperación do río Miño”, realizouse unha disertación sobre a incidencia dos proxectos INTERREG 2007-2013 dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a presentación do documento de base da SMART MINHO-Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo. Esta sesión estivo a cargo de Valerià Paul, director do FCEER, e de Manuel Rodríguez, investigador dese organismo, que agrupa ao tecido universitario da eurorrexión.

Posteriormente, deuse paso ás catro mesas de traballo establecidas, divididas en sectores productivos; gobernanza no territorio transfronteirizo; mobilidade, servizos e turismo sustentable; e cultura e comercio tradicional. Esta sesión estivo a cargo de investigadores e profesores como Francisco Carballo Cruz (Universidade do Minho), Xavier Martínez Cobas (Universidade de Vigo), Sandrina Antunes (Uminho), Rubén C. Lois (USC) e José Rio Fernandes (Universidade de Porto).

No marco das conclusións deste I Foro do Río Miño Transfronteirizo, recolléronse as principais ideas e reflexións realizadas nas mesas de traballo anteriormente descritas. Destacaron así temas de axenda común transfronteiriza como a preservación do ecosistema, os incendios, a educación, a gobernanza e participación cidadá, a reactivación de infraestruturas de transportes, a integración de servizos básicos (saúde, seguros, rexistro), a configuración do Río Miño como “marca propia” de promoción e difusión de investimentos e de turismo, a importancia do sector do coñecemento e da innovación, a superación das trabas burocráticas e a importancia dunha axenda informativa propia.

O compromiso de avanzar na cooperación transfonteiriza a través da AECT Río Miño permitirá a celebración dun II Foro, previsto para finais de 2018, no que se presentarán as liñas principais de actuación da Estratexia “SMART MINHO”. Este proxecto conta co cofinanciamento nun 75% dos Fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) a través do POCTEP (Programa de Cooperación INTERREG España-Portugal) 2014-2020.