O IGADI cumpre 30 anos e o 1 de outubro celebrámolo

Distribuir

Distribuir contido
09 · 09 · 2021

O 10 de setembro de 2021 cumprimos 30 anos. De Baiona á Illa de San Simón e agora en Pontevedra. Moito tempo e moitas cousas aconteceron nestas tres décadas en Galicia e no mundo.

A nosa historia retrata o final da Guerra Fría, a explosión da globalización, o 11S e as guerras contra o terrorismo, a consolidación dos novos movementos sociais, a emerxencia da China, o mundo dixital ou a pandemia da Covid 19.

Tamén é o tempo de Galicia en Europa e o reencontro con Portugal, da internacionalización económica, das vellas e as novas diásporas, da procura do mundo celta, da universalidade dos Camiños a Santiago ou das posibilidades renovadas do galego coma ferramenta de posicionamento internacional. 

O IGADI é a síntese da obra de Xulio Ríos, que coma intelectual e xestor condénsase na matrioska do IGADI, que vai da reivindicación dunha análise internacional propia desde Galicia (en galego e conectada aos intereses do país) á promoción da figura de Plácido Castro, ás políticas públicas de cooperación internacional e o traballo en rede do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ou a creación dun Observatorio arredor de China e Asia, que gañou impacto e recoñecemento mundial. 

Durante o próximo ano, con ilusión e realismo seguiremos a poñer os cimentos para que o IGADI siga a construír célula de universalidade desde a sociedade civil e a produción de coñecemento especializado. Poñeremos en valor a nosa historia mentres que seguimos a sumar para a Galicia do futuro. Permanecede atentas, que é o IGADI para vós? 

O 1 de outubro ás 18:30 xuntámonos en Santiago de Compostela, no Consello da Cultura, para conmemoralo, celebralo e tomar impulso.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais