images fraga

Os 28 anos do IGADI e a futura Lei galega de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento

O IGADI naceu en Baiona un 10 de setembro de 1991, no contexto inmediato do final da Guerra Fría a nivel internacional e unha década despois da aprobación do Estatuto de Galicia. A súa misión fundacional naquela altura foi promover a presenza internacional de Galicia e achegarnos ao mundo desde aquí.

Vinte e oito anos despois o IGADI, como asociación sen ánimo de lucro e think tank de relacións internacionais, presenta unha lista de resultados singulares na historia do desenvolvemento da Autonomía e da súa cultura exterior e internacional. No ano 1997 é capaz de erguer xunto aos 10 Concellos fundacionais o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no 2001 impulsa a Fundación Plácido Castro para promover a figura do humanista galego e a relación co celtismo, no 2003 o IGADI define o primeiro Libro Branco da Acción Exterior da Xunta de Galicia, no 2005 crea o Observatorio da Política China e no 2009 o Observatorio Galego da Lusofonía, desde o 2010 fai parte do Consello de Acción Exterior que creou a Xunta, no 2015 impúlsase o Congreso de Estudos Internacionais de Galicia co Observatorio da Gobernanza da Universidade de Vigo, ou no 2019 promove a Declaración institucional por unanimidade de todos os grupos do Pleno do Concello “A Coruña global no mundo do S.XXI” no contexto da Estratexia Galega de Acción Exterior e o Xacobeo 2021...

Toda esta capacidade de traballo e resultados de incidencia institucional ten a súa base no entusiasmo dos equipos de traballo, mais pode só explicarse pola rede de centenares de persoas colaboradoras, amigas, cómplices do IGADI na tarefa de impulsar unha paradiplomacia que incorpore a Galicia ao Século XXI con toda a súa potencialidade global. A todas elas, moitas grazas, obrigados, thanks, xiexie!

Cos nosos erros e acertos o IGADI é no 2019 un espazo de reflexión e acción arredor da internacionalización de Galicia, plural e galeguista, que traballa a diario para incidir nas políticas públicas reais e posicionar a Galicia na sociedade internacional, explicitamente pensada desde o marco de Nacións Unidas e na actualidade desde a Axenda 2030. Sen embargo, o balance é irregular, xa que se ben existe en Galicia un amplo consenso institucional na potencialidade do noso perfil internacional a nivel económico, cultural e de cooperación, a inflación de accións simbólicas e puntuais non deixa moito espazo ás políticas coordinadas e estratéxicas.

Durante este vixésimo-oitavo aniversario e aproveitando a actual contexto xerado polo anteproxecto da primeira Lei galega de acción exterior e cooperación ao desenvolvemento, queremos abrir un diálogo especial con todas aquelas institucións, colectivos e persoas interesadas na política exterior de Galicia e o seu futuro.

Abrimos as nosas portas e o noso Libro de visitas e iremos a onde nos chamen para explicar o IGADI e as nosas liñas de traballo actuais, este recuncho da historia global da Galicia que foi e da que pode ser no futuro. Agradecidas e agradecidos desas visitas, agardámosvos!

 

images fraga

Na foto o Libro de Visitas do IGADI, inaugurado nunha visita a Baiona do Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga no ano 2001.