Publicamos o anuario “Nós No Mundo 2020: A paradiplomacia galega na nova normalidade”

Distribuir

Distribuir contido
11 · 06 · 2020

De maneira anual desde o ano 2010 publicamos o Informe Nós No Mundo/We in the World, coma publicación periódica arredor do seguimento da acción exterior de Galicia. Nesta edición, a undécima, vivimos nun frenesí de cambios permanentes desde a primeira formulación do anuário a finais de decembro do 2019. Proxectabamos inicialmente un anuario pivotado arredor da elaboración da Lei galega de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento, aprobada polo Consello da Xunta o 30 de xaneiro de 2020...

Sen embargo, a convocatoria electoral do 10 de febreiro primeiro (deixando varada na Mesa do Parlamento o proxecto de Lei) e a rápida emerxencia nas nosas vidas da Covid19 durante a primeira quincena de marzo, acabou por facer da edicion 2019-2020 do Nós No Mundo, unha ocasión especial para tomarlle a temperatura ao conxunto dos temas emerxentes na acción exterior galega nos últimos anos.

Así as cousas o anuario de 2020 percorre temáticas fundamentais da nosa paradiplomacia para a próxima década: o marco político e legal que deixa o Goberno Feijoo en acción exterior 2009-2020, o rol da vella e nova diáspora, a radiografía da nosa economía internacional, a aterraxe no sistema institucional galego da Axenda 2030, as relacións de Galicia con China, a lusofonía e o Reino Unido (Post-Brexit), ou o papel da tradución na nosa acción exterior.

A pandemia amosou as fendas e os riscos da globalización mais demostrou a necesidade do tempo exterior e do coñecemento rigoroso e sistemático arredor da acción internacional coma política pública. Cómpre así subliñar a singularidade e o valor engadido do noso perfil internacional no actual contexto de crise territorial do Estado do 78, o que pasa tamén pola defensa do status de Galicia coma nacionalidade histórica e célula de universalidade.

Agardamos que máis cedo que tarde este asunto prenda na axenda política e Galicia adique forzas a integrarse de maneira eficaz na sociedade internacional que xa chega, poñendo e actualizando a nosa marca global en valor agora que a Covid19 suspendeu as partituras todas, emerxendo con toda a súa forza a globalización do mundo online e a transformación dixital, e toda a relevancia disto no marco da multiplicación de retornos e oportunidades para a nosa sociedade.

Por último agradecer con forza a todas as persoas do equipo do anuario a súa colaboración e paciencia para sacar adiante esta 11ª edición do Nós No Mundo. Aspiramos a manter vivo o debate construtivo e non por iso auto compracente sobre a necesidade da paradiplomacia galega, desenvolvida desde as institucións en complicidade coa sociedade.

Podes decarregar aquí o “Nós No Mundo 2020: A paradiplomacia galega na nova normalidade” e aquí o conxunto de anuarios Nós No Mundo 2010-2020.

 
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais