Informe Nós No Mundo 21-22

Publicamos o informe Nós No Mundo 21-22 o Día da Galicia exterior, “25 anos: Da SX de Acción Exterior á Lei de Acción Exterior”

  • informe anual da acción exterior de Galicia fai na edición deste ano un balance histórico ao desenvolvemento desta política pública na historia autonómica.
  • Para facer esta análise, contamos con entrevistas aos voceiros dos grupos políticos con presenza no Parlamento e a especialistas na materia, así como 12 artigos ligados á liña de investigación en paradiplomacia e acción exterior de Galcia do IGADI.
  • O Nós No Mundo 21-22 publícase coincidindo co Día da Galicia Exterior, que se convoca en Anos Xacobeo e que cumpre a súa 6ª edición, no obxectivo de conectalo coa Galicia global da diáspora e significala. O Nós No Mundo 21-22 publícase co apoio da Secretaría Xeral de Política Linguística.

No marco dos 40 anos do Estatuto e os 25 anos da creación da Secretaría Xeral de Acción Exterior na estrutura político-administrativa da Xunta, o informe aspira a un retrato panorámico da nosa paradiplomacia, atendendo ao desenvolvemento histórico normativo na Xunta e as institucións galegas, as relacións coa diáspora, as relación en Europa, na Eurorexión e na Macro-rexión, a lusofonía, o papel do IGAPE na acción exterior, a Axenda 2030, e até a cooperación internacional e a diplomacia pública e cidadá, representanda no voluntariado que emerxeu baixo a Guerra da Ucraína ou o marco histórico dos 30 anos do IGADI celebrados no 2021.

Xunto aos artigos pódense atopar unha colección de entrevistas aos voceiros dos partidos políticos presentes no Parlamento, así como a  especialistas na materia, que botando a ollada ao pasado e ao futuro, presentan os resultados e os horizontes da acción exterior de Galicia, no escenario de desenvolvemento da Lei 10/2021 de 9 de marzo, de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia. 

Ademais o informe conta con especial relevancia, ao saír ás portas da deficinición da próxima Estratexia Galega de Acción Exterior, da que se agardan novas despois deste verán de 2022.

O informe Nós No Mundo 21-22 pódese descarregar de balde aquí, ou accedendo desde o seu índice aquí.