Tempo exterior Nº 32 Número especial: IGADI, 25º aniversario

Con motivo do 25º aniversario do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) creado en 1991, a revista  Tempo exterior, dirixida por Xulio Ríos, ofrece no seu Nº 32, período Xaneiro-Xuño de 2016, unha escolma de temas e de autores que, dende os seus respectivos campos de análise e de investigación, reflexionan sobre diversas tendencias, conflitos e temáticas tanto da actualidade internacional como da acción exterior de Galicia.

Baixo esta perspectiva, o IGADI pretende facer un balance da súa andaina e do seu labor durante este cuarto de século de existencia, o cal coincidiu con cambios e transformacións históricas de gran calado para a política internacional e da acción exterior. Por tanto, este número especial expresa a vontade do IGADI de contar con análises de colaboradores que teñen acadado un determinado percorrido dentro da nosa institución.

Neste sentido, a proxección exterior de Galicia e as súas temáticas estratéxicas teñen unha presenza específica neste número. Aparecen así unha reflexión sobre a reivindicación do actor rexional dentro do contexto internacional (artigo de Argimiro Rojo) así como as repercusións que para Galicia teñen a pesca ilegal en augas extracomunitarias, un tema sensible para a economía galega (Carlos Teijo). Remata este apartado cunha análise do modelo de gobernanza transfronteiriza a través da Eurocidade Chaves-Verín (Pablo M. Rivera Búa).

Este número conta ademais coas reflexións de colaboradores, algúns deles frecuentes e outros que comezan a se incorporar ao IGADI. O proceso electoral en Marrocos (David Alvarado), a crise de Venezuela (Roberto Mansilla), a situación do emprego en China (Marola Padín), o Tratado sobre o Comercio de Armas (Alberto Estévez) e un balance das mudanzas políticas en Polonia (Briaxis Fernández) recóllense no índice. Péchase esta sección de artigos cun balance dos 25 anos do IGADI realizado polo seu director Xulio Ríos.

Esta edición especial de Tempo exterior finaliza cun inventario que sintetiza as 25 ideas, tarefas e iniciativas principais que sinalan a razón de ser do IGADI como institución ao servizo da sociedade e de Galicia. Neste apartado, publícanse igualmente os testemuños dalgúns estudantes de prácticas que pasaron nestes anos polo IGADI, provenientes de países como Irlanda, Xapón, Polonia, Brasil, Austria e España.