Tempo exterior Nº 37. Visións do indixenismo en América Latina

Sabías que, tras séculos de ostracismo, a etnia indíxena Montubio en Ecuador non foi legalmente recoñecida ata 2010? Que na Bolivia de Evo Morales existe unha etnia indíxena “capitalista”, os “kajchas”, enclavada no histórico Potosí? Coñecías da importancia do cultivo ancestral do millo e do seu valor comunitario para os indíxenas Zapotecos Xhidza no estado mexicano de Oaxaca? E de cómo a comunicación converteuse nun instrumento de loita e resistencia para os pobos indíxenas latinoamericanos? Estás ao tanto da situación dos pobos indíxenas en Venezuela, Brasil e na importante reserva amazónica de Yasuní, en Ecuador?

Tempo exterior, revista de análise e estudos internacionais dirixida por Xulio Ríos, ofrece como temática principal do seu Nº 37, período xullo-decembro de 2018, un monográfico sobre a situación do indixenismo en América Latina, contextualizando a loita polos seus dereitos, así como as súas demandas e desafíos, a carón dos recentes cambios políticos e constitucionais experimentados a nivel hemisférico.

Con reflexións e testemuñas de carácter plural, abórdanse a situación dos pobos indíxenas no Brasil (artigo de Fabiano Gontijo e Luciana Marinho de Melo), Bolivia (Franz Flores Castro), Venezuela (María de los Ángeles Peña), no estado mexicano de Oaxaca (Melquíades Cruz Miguel) e principalmente Ecuador, con tres reflexións pormenorizadas (Patricio Trujillo Monsalvo, Catalina Ribadeneira Suárez e Alexis Rivas Toledo).

En perspectiva xeral, compre mencionar tamén en qué medida a comunicación indíxena en América Latina María Cruz Tornay Márquez) permitiu instrumentalizar tanto as demandas como a enorme importancia política dos movementos indixenistas, en particular á hora de reconfigurar o sistema legal e constitucional latinoamericano.

Completan este número de Tempo exterior dúas reflexións, unha sobre o comercio exterior de alta tecnoloxía en Galicia (Diego Sande Veiga) e outro sobre as oportunidades, desafíos e intereses que se lle presentan á Arxentina dentro da iniciativa chinesa da Franxa e da Ruta (Eduardo Daniel Oviedo).

Para máis información e subscricións: Tlf: 986 84 34 36. E-mail: info@igadi.org      

 

 

Pontevedra. 16 de xaneiro de 2019.