Un número protagonizado por novos valores da análise internacional en galego protagoniza o Tempo Exterior nº39.

Distribuir

Distribuir contido
13 · 02 · 2020

O nº39 (xull-dec 2019) do Tempo Exterior, revista semestral do IGADI de análise e estudos internacionais, pensouse desde os “novos valores” galegos, é dicir, da man das especialistas emerxentes en Galicia que xa van dando conta dun capital humano relacionado co noso país, que pensa e reflexiona en clave internacional, asomando como intérpretes progresivamente recoñecidos de determinadas áreas de estudo.

Coas súas contribucións e a coordinación de Miriam González, o nº39 céntrase na análise de conflitos, achegando o foco aos escenarios concretos en Siria (Nour Al-Houssen), Kurdistán (Luis A. González), Nicaragua (Paula Lamoso), Arxentina (Diego M. Raus), Rusia-Belarus (Miriam González), Grecia (Micha-lis Spourdalakis e Costas Eleftheriou) ou México (Isaura Cecilia García López e Ivonne Virginia Campos Rico).

O TE 39 complétase con suxerentes achegas desde a socioloxía, a economía e a psicoloxía, na análise das transicións non violentas (Luis Martínez Lorenzo), nas relacións entre mocidade e relacións internacionais (Antía Francisco), ou na análise das relacións comerciais entre Galicia e a Comunidade de Países de Lingua Oficial Portuguesa (Diego Sande).

Finalmente cómpre engadir que o número 39 pecha unha época na revista Tempo Exterior, coa despedida do seu fundador, Xulio Ríos, coma Director da mesma. O equipo actual do IGADI traballa xa na nova época e na renovación da revista para o próximo número, asumindo a tarefa de manter o TE como publicación referencial en relación á construción do marco teórico da acción exterior galega, así coma punto de encontro dos estudos internacionais e de xeopolítica en galego. Só convencidas do seu apoio e  colaboración no proceso, atrevémonos ao desafío de manter o Tempo Exterior coma unha cabeceira en galego excepcional, para ser nós no mundo.

Podes ver o índice do número 39 do Tempo Exterior aquí. E o conxunto da colección Tempo Exterior aquí

Lembra que subscribíndote ao Tempo Exterior (2 números anuais 15€) apoias o traballo integral do IGADI desde 1991 para promover a nosa presenza internacional e a comprensión do mundo desde aquí, no marco do impulso do ideario de Nacións Unidas.

Se pensas en subscribirte ou saber máis do Igadi, escribe a info@igadi.org

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais