Xa na web a Memoria IGADI 2017

Palabras chave IGADI Galicia internacional

No ano 2017, no seu vixésimo sexto aniversario, o IGADI entrou nun proceso de transición organizativa; coa distinción de Xulio Ríos coma Presidente de Honra (fundador do IGADI, 1991) e o nomeamento de Daniel González Palau coma Director da entidade.

Enmarcado neste proceso de relevo xeracional o 2017 transcorreu con normalidade, pulando polos obxectivos fundacionais do IGADI, visibilizando as nosas análises e publicacións periódicas, reforzando a nosa comunicación externa ou innovando en relación ás políticas públicas que nos conectan dende o local co internacional.

Destacou así no traballo diario da entidade o seguimento á aprobación da Estratexia Galega de Acción Exterior impulsada pola Xunta de Galicia, o 2º Congreso de Estudos Internacionais de Galicia “Repensar Europa dende aquí”, o proxecto de participación cidadá en cooperación internacional –Cooperación Expandida no Concello da Coruña, o Foro da Ruta da Seda realizado en colaboración coa Academia de Ciencias Sociais de China e Casa Asia,  a visita a Galicia do Representante da Oficina de Taiwán en España, Simon Ko, ou o acompañamento á misión económica-institucional do Concello de Pontevedra á Cidade de México.

Coma plataforma para a acción exterior de Galicia, cómprenos tamén poñer en valor o traballo realizado no marco do 20 aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, as actividades impulsadas pola Fundación Plácido Castro no marco do 50 aniversario do seu pasamento e a moi dinámica vida do Observatorio da Política China.

Coma novidade a Memoria 2017 conta con distintas ligazóns arredor de todo o seu texto para poder achegarse con maior profundidade ao traballo da entidade no seu conxunto durante o 2017. Neste enlace podes ver as Memorias de actividades do IGADI dende o 2009, e neste directamente a Memoria 2017.