IgadiPaper nº107

Distribuir

Distribuir contido

Eleccións en Venezuela e Paraguai
Novos sinais en América Latina

a) Introdución

As eleccións presidenciais celebradas en Venezuela o pasado 14 de abril e os comicios presidenciais en Paraguai a celebrarse o próximo 21 de abril sinalan unha nova conxuntura política para América do Sur, nun contexto dobremente decisivo en ambos países ante a desaparición física do ex presidente venezolano Hugo Chávez (marzo de 2013) e trala deposición en xuño de 2012 do ex mandatario paraguaio Fernando Lugo.

A estreita marxe da vitoria electoral de Nicolás Maduro en Venezuela (50,75% da votación) e o avance da oposición (48,98%) dan conta dun mapa político sumamente polarizado nese país, cunha tensión política que se intensifica ante o non recoñecemento dos resultados electorais por parte do candidato opositor Henrique Capriles Radonski. O desenlace do proceso electoral venezolano non só abrirá un compás de espera na Venezuela post-Chávez senón que influirá na capacidade de Caracas para conservar a súa influencia política rexional traducida durante a “era Chávez” na dinamización da ALBA.

Pola súa banda, o Paraguai post-Lugo apunta a un panorama de retorno do establishment político previo á chegada ao poder do ex presidente paraguaio destituído en xuño de 2012, vía poder lexislativo. Cabe aquí considerar a posibilidade de retorno ao poder do conservador e outrora hexemónico Partido Colorado, desta vez da man do seu candidato Horacio Cartes, e da fragmentación da esquerda paraguaia anteriormente unida en torno a Lugo.

Ao mesmo tempo, a evolución deste novo contexto electoral a nivel rexional, tendo en conta a celebración de comicios lexislativos na Arxentina (27 de outubro) e das presidenciais de Chile (13 de decembro), debuxa un escenario xeopolítico orientado a un eventual reequilibrio das forzas políticas da rexión, con especial incidencia no marco da integración hemisférica e da eventual moderación do ciclo expansivo de vitorias electorais da esquerda acaecido na pasada década.

b) Tensión na Venezuela post-Chávez

A axustada vitoria electoral de Nicolás Maduro (50,75% dos votos) nos comicios presidenciais venezolanos do pasado 14 de abril, os primeiros celebrados sen a presenza do falecido ex presidente Hugo Chávez, devén nun contexto sumamente incerto e inestable para a gobernabilidade dun país con estratéxicos soportes xeopolíticos a nivel hemisférico.

Tras alcanzar unha contestada vitoria electoral inmediatamente non recoñecida polo candidato opositor Henrique Capriles Radonski (48,98% dos votos), Maduro obtivo a peor votación do “chavismo” desde a súa chegada ao poder en 1999. Con todo, a constatación electoral da persistente fragmentación e polarización política en Venezuela definirá retos ineludibles para o “chavismo post-Chávez”, agora na man dun Maduro que deberá igualmente lexitimar a súa autoridade á hora de resolver problemas crónicos que tiveron un importante peso electoral, como son a crise económica (elevada inflación e síntomas de escaseza de produtos básicos) e a preocupante inseguridade cidadá.

Neste sentido, Venezuela pode verse sumida nun ciclo de protestas con notorio carácter violento, tal e como aconteceu horas despois do anuncio dos resultados electorais. Igualmente, e tras perder case 700.000 votos con respecto á vitoria de Chávez nos anteriores comicios presidenciais de outubro pasado, Maduro deberá agora asumir un liderado cunha contestada marxe de lexitimidade e fortes suspicacias sobre a súa capacidade real para gobernar e liderar o “chavismo post-Chávez”. Neste sentido, cómpre salientar as declaracións do presidente da Asemblea Nacional, Diosdado Cabello, un importante “peso pesado” dentro do “chavismo”, quen reaccionou criticamente ante estes resultados aducindo a necesidade de iniciar un proceso de “profunda autocrítica” que, notoriamente, semellaban ir dirixidas contra Maduro.

Por tanto, a estabilidade do goberno de Maduro estará fortemente determinada pola eventualidade dunha “tutela” política e institucional por parte da Forza Armada Nacional (FAN), así como pola posibilidade de abrir canais de negociación cunha oposición electoralmente en ascenso e con cada vez maior capacidade para plantar cara ao “chavismo”. Neste sentido, as eleccións municipais previstas para o próximo 14 de xullo suporán un novo pulso e un ineludible test político que calibrará o liderado de Maduro, así como as renovadas alternativas dunha oposición que tenta restar hexemonía ao “chavismo”.

c) Retorno “colorado” en Paraguai?

Aínda que con menor impacto político que no caso venezolano, Paraguai apréstase a realizar eleccións presidenciais o próximo 21 de abril nun contexto marcadamente orientado a preservar o establishment político tradicional, particularmente trala destitución vía lexislativa do ex presidente Fernando Lugo en xuño de 2012, así como o actual interregno presidencial de Federico Franco.

De cara a estes comicios, o favor electoral concéntrase nas mans do empresario Horacio Cartes, candidato da Asociación Nacional Republicana (ANR)-Partido Colorado, formación política de tendencia conservadora que gobernou o país durante máis de seis décadas ata a súa derrota electoral ante a coalición de esquerda de Fernando Lugo nos comicios presidenciais de 2008.

Deste modo, unha eventual vitoria dos “colorados” confirmaría o retorno ao poder de partidos outrora hexemónicos na política latinoamericana baixo liderados de perfil mais tecnócrata, tal e como foi o caso do PRI en México trala súa vitoria electoral en 2012 co actual presidente Enrique Peña Nieto. O principal rival electoral de Cartes é o candidato Efraín Alegre, do oficialista Partido Liberal Radical Auténtico (PLRA), precisamente a formación política da que forma parte o actual presidente interino Franco.

Pola súa banda, a esquerda paraguaia que apoiou a Lugo en 2008 acode dividida a estes comicios, coa candidatura de Aníbal Carrillo (Fronte Guasú) e da formación independente de esquerdas “Avanza País”, escindida desta formación para promover a candidatura de Mario Ferreiro. Completa este panorama a proposta do partido Kuñá Pyrendá, unha plataforma indixenista liderada pola ex ministra Lilian Soto e a dirixente rural Magui Balbuena.

A morte en accidente aéreo en febreiro pasado do ex xeneral Lino Oviedo, candidato da dereitista Unión Nacional de Cidadáns Éticos (UNACE), completa este escenario electoral e supuxo o peche simbólico dunha tensa etapa da política contemporánea paraguaia. De tendencia nacionalista e conservadora, Oviedo foi  comandante do Exército (1993-1999) nun período axitado na política deste país, debendo exiliarse na Arxentina tras ser acusado de presuntamente tramar un golpe de Estado.

d) Reequilibrio ante un novo ciclo electoral

As incertezas postelectorais en Venezuela e o desenlace dos comicios presidenciais paraguaios insírense no marco dunha nova conxuntura electoral para América Latina que pode alterar a correlación de forzas entre os partidos e movementos de esquerda que alcanzaron o poder no ciclo electoral 1999-2012 e as elites conservadoras e reaccionarias, agora amparadas en liderados alternativos.

Se ben a esquerda continental confirmou o seu peso en febreiro pasado coa maioritaria reelección presidencial de Rafael Correa en Ecuador, tendencia que pode completarse ante a posibilidade de retorno ao poder da ex presidenta socialdemócrata Michelle Bachelet nos comicios presidenciais chilenos de decembro próximo, outros escenarios electorais suxiren unha fase de tensión política que pode alterar o actual establishment político continental.

Un caso particular son as eleccións lexislativas da Arxentina en outubro próximo, onde a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o “kirchnerismo” pelexan por alcanzar unha maioría parlamentaria que, eventualmente, impulse a eventualidade dunha reforma constitucional que permita a Cristina K volver a presentarse nos comicios presidenciais de 2015. Estas eleccións lexislativas serán indubidablemente un test político estratéxico de cara á próxima cita presidencial.

Con menor peso político, os comicios presidenciais de Honduras de novembro próximo alertan dunha polarizada elección que confronta ao tradicional bipartidismo do Partido Liberal e do Partido Nacional co retorno dunha opción independente de esquerdas impulsada polo destituído ex presidente Manuel Zelaya, esta vez da man da súa esposa Xiomara Castro de Zelaya, candidata do Partido Libre.

Cómpre salientar que nos casos venezolano, hondureño e paraguaio, existe certa conxunción de similitudes e intereses, en gran medida determinados pola implicación da diplomacia “bolivariana e socialista” de Chávez, en particular a través da ALBA e do recente ingreso venezolano en MERCOSUR. A presión dos militares hondureños na destitución de Zelaya en 2009 dirimiu a saída do país centroamericano da ALBA e a destitución lexislativa de Lugo en Paraguai tivo como marcada referencia o achegamento do ex presidente paraguaio a Chávez, así como os temores das elites paraguaias ante o ingreso venezolano no MERCOSUR.

Precisamente, esta xeopolítica rexional medida a través de conxunturas electorais pode derivar nunha certa moderación do impulso da expansión da ALBA e da diplomacia “revolucionaria” venezolana, agora que o “chavismo post-Chávez” está liderado por unha figura aparentemente mais pragmática como Maduro.

Paralelamente, este reequilibrio rexional alenta a preponderancia de Brasil e da esquerda socialdemócrata liderada polo Partido dos Traballadores (PT), gobernante no país desde 2002, en particular como referencia alternativa ante o modelo “chavista” impulsado no eixe da ALBA, con epicentro en Venezuela e os seus aliados Cuba, Bolivia, Ecuador, Nicaragua e, de forma tanxencial, Arxentina. Obsérvase por tanto o peso de irradiación desta esquerda “petista” brasileira en escenarios mais periféricos (Uruguai, Perú e incluso Ecuador), asentado no cada vez maior peso económico e político de Brasilia e da súa capacidade de converterse en actor chave na resolución de conflitos (Colombia, Haití) e de transicións reformistas (Cuba).

Deste modo, o novo marco xeopolítico hemisférico estará condicionado pola incerta transición “post-Chávez” en Venezuela, o foco de irradiación da esquerda “petista” brasileira, o dinamismo dos novos marcos de integración (UNASUR, CELAC) e a revitalización e/ou retardamento doutros mecanismos (MERCOSUR, ALBA). Paralelamente, este escenario virá directamente determinado polo novo ciclo electoral latinoamericano, con especial incidencia nun posible retorno das opcións conservadoras e liberais, como reacción ao avance das esquerdas e nivel hemisférico. Un ciclo electoral que se vai desenvolver nun intenso período a curto e medio prazo: eleccións presidenciais en Brasil, Colombia, O Salvador e Uruguai (2014); comicios presidenciais na Arxentina e Bolivia e lexislativas en Venezuela (2015); e presidenciais en Perú e Nicaragua (2016). En todos eles, o pulso polo signo final da correlación de tendencias políticas a nivel rexional cobrará un significado estratéxico.

 

IGADI. 16 de abril de 2013.

AnexoTamaño
IgadiPaper nº107364.16 KB
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais